DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 90 Luns, 12 de maio de 2008 Páx. 8.455

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

PRESIDENCIA

LEI 2/2008, do 6 de maio, pola que se desenvolve a libre prestación de servizos de transporte marítimo de persoas en augas interiores de Galicia.

Preámbulo.

Pola Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencia de competencias á Comunidade Autónoma de Galicia, esta conta como competencia exclusiva a do transporte marítimo, sempre que se leve a cabo exclusivamente entre portos ou puntos da comunidade autónoma, sen conexión con outros portos ou puntos doutros ámbitos territoriais.

No exercicio desa atribución competencial exclusiva, o Parlamento de Galicia aprobou a Lei 4/1999, do 9 de abril, de declaración de servizo público de titularidade da Xunta de Galicia do transporte público marítimo de viaxeiros na ría de Vigo, que foi modificada parcialmente polo artigo 24 da Lei 9/2003, do 23 de decembro, de medidas tributarias e administrativas.

Este novo marco legal supón, ademais, unha aposta polo fomento do transporte marítimo de viaxeiros e viaxeiras, inserido nun modelo global de sistemas colectivos de transporte, mesmo á luz das áreas de transporte metropolitano. Daquela, a prestación dun servizo marítimo destas características de calidade para as persoas usuarias (en termos de frecuencia, regularidade, tarificación, rapidez, etcétera) contribúe, ademais, a vertebrar e conectar na maior medida o noso territorio, co que se alivia a conxestión do tránsito urbano con criterios de accesibilidade e sustentabilidade.

Porén, a sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea do 9 de marzo de 2006 declarou a incompatibilidade da devandita disposición co Regulamento (CEE) 3577/92, do 7 de decembro, o que determina a necesidade de establecer un marco de libre prestación de servizos de cabotaxe.

Non obstante, esa liberalización non pode supor unha desrregulación dese sector económico, pois ten que ser compatible cunha axeitada organización del, o que implica o cumprimento das funcións públicas en relación coa defensa dos dereitos das persoas consumidoras e usuarias e coa preservación do medio. En consecuencia, dítase esta lei, que servirá de marco xeral para desenvolver, en consonancia co referido regulamento comunitario, o réxime de libre prestación de servizos de transporte marítimo dentro das augas interiores da Comunidade Autónoma galega.

Para estes efectos, a lei, logo de definir o seu obxecto no capítulo I, recolle no seu capítulo II o instrumento fundamental que debe servir para coordinar a axeitada prestación dos indicados servizos de transporte co control do cumprimento da normativa vixente en materia de portos, de persoas consumidoras e usuarias e de seguridade marítima: o Rexistro de Empresas Operadoras do Transporte Marítimo. A información contida no devandito rexistro facilitaralles ás persoas e ás entidades lexitimadas pola lexislación vixente o exercicio das accións precisas para evitar prácticas de competencia desleal e garantir a defensa dos dereitos das persoas consumidoras e usuarias, así como o cumprimento da normativa vixente na materia de seguridade marítima.

Pola súa banda, no capítulo III regúlase o réxime sancionador, que debe funcionar como garantía do axeitado funcionamento do rexistro e do cumprimento dos seus obxectivos.

Esta lei dítase ao abeiro da competencia exclusiva da Comunidade Autónoma de Galicia sobre o transporte marítimo que se leve a cabo exclusivamente entre portos ou puntos da comunidade autónoma, sen conexión con outros portos ou puntos doutros ámbitos territoriais, consonte o artigo 2 da Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, e ao amparo do artigo 30.1.4.º da Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, pola que se aproba o Estatuto de autonomía de Galicia, en canto atinxe á defensa das persoas consumidoras e usuarias.

Na súa elaboración, recadouse o ditame do Consello Económico e Social de Galicia.

Por todo o exposto, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2º do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, promulgo en nome de El-Rei a Lei pola que se desenvolve a libre prestación de servizos de transporte marítimo de persoas en augas interiores de Galicia.

Capítulo I

Disposición xeral

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta lei ten por obxecto desenvolver a libre prestación de servizos de transporte marítimo de viaxeiros e viaxeiras en augas interiores de competencia exclusiva da Comunidade Autónoma de Galicia, por armadores comunitarios que utilicen buques matriculados nun estado membro da Unión Europea, naveguen baixo pavillón do devandito estado membro e cumpran os requisitos necesarios para poder efectuar servizos de cabotaxe no territorio nacional, todo isto de conformidade co disposto no Regulamento (CEE) 3577/92, do 7 de decembro.

Capítulo II

Rexistro de Empresas Operadoras do Transporte Marítimo

Artigo 2º.-Creación do rexistro e obrigatoriedade da inscrición.

1. Créase na Comunidade Autónoma de Galicia o Rexistro de Empresas Operadoras do Transporte Marítimo co fin de compatibilizar a liberdade de prestación de servizos de transporte marítimo de viaxeiros e viaxeiras coa utilización das infraestruturas portuarias, co respecto aos dereitos das persoas consumidoras e usuarias, co cumprimento da normativa vixente en materia de seguridade marítima e mais coa preservación do medio natural.

2. Con carácter previo á realización de servizos de transporte marítimo de viaxeiros e viaxeiras por augas interiores de Galicia será necesaria a inscrición da empresa operadora e das condicións da prestación do servizo no rexistro ao que se refire a alínea anterior. En todo caso inscribiranse os percorridos, os horarios e o período de prestación do servizo, os buques e as súas características, así como as tarifas e as demais condicións económicas e técnicas que regulamentariamente se establezan.

3. O rexistro regulado neste artigo quedará adscrito á consellaría competente en materia de transportes.

4. Pola vía regulamentaria establecerase a organización, o contido e o réxime de funcionamento do rexistro, así como os requisitos e os efectos da inscrición.

Capítulo III

Réxime sancionador

Artigo 3º.-Concepto e clasificación das infraccións.

1. Constitúen infraccións administrativas no ámbito regulado por esta lei as accións e as omisións que nela se tipifican como tales.

2. As infraccións clasificaranse en moi graves, graves e leves.

Artigo 4º.-Infraccións moi graves.

Constitúen infraccións moi graves:

a) A prestación de servizos de transporte marítimo de viaxeiros e viaxeiras en augas interiores de Galicia sen estar inscrito no Rexistro de Empresas Operadoras do Transporte Marítimo.

b) A obstrución do labor de inspección da prestación dos servizos aos que se refire esta lei.

c) A prestación dos servizos aos que se refire esta lei con incumprimento das limitacións ou dos condicionantes que regulamentariamente se impoñan en relación co transporte a espazos naturais protexidos.

d) A reincidencia na comisión de infraccións graves. Para estes efectos, considerarase reincidencia a comisión no prazo dun ano de dúas ou máis infraccións graves, de así ter sido declarado por resolución firme na vía administrativa.

Artigo 5º.-Infraccións graves.

Terán a consideración de infraccións graves:

a) A prestación de servizos de transporte marítimo de viaxeiros e viaxeiras en augas interiores de Galicia en condicións distintas ás inscritas no Rexistro de Empresas Operadoras do Transporte Marítimo.

b) A difusión pública de prezos ou doutras condicións do servizo de transporte distintas das que figuran inscritas no Rexistro de Empresas Operadoras do Transporte Marítimo.

c) O falseamento dos datos relativos ás condicións de prestación do servizo de transporte solicitados pola administración.

d) A reincidencia na comisión de infraccións leves. Para estes efectos, considerarase reincidencia a comisión no prazo dun ano de dúas ou máis infraccións leves, de así ter sido declarado por resolución firme na vía administrativa.

Artigo 6º.-Infraccións leves.

Terán a consideración de infraccións leves:

a) A alteración de horarios e o incumprimento do réxime de utilización de terminais portuarias que figure inscrito no rexistro.

b) O atraso na achega dos datos que se lle deban comunicar á administración.

Artigo 7º.-Sancións.

1. As infraccións tipificadas nesta lei serán sancionadas con:

a) Multa de ata 300 euros, no caso de infraccións leves.

b) Multa de 301 a 900 euros, no caso de infraccións graves.

c) Multa de 901 e 6.000 euros, no caso de infraccións moi graves.

2. Sen prexuízo da agravación de infraccións prevista nos artigos 4.d) e 5.d) para o caso de reincidencia, a graduación do importe das sancións dentro dos límites previstos na alínea anterior farase en función dos seguintes parámetros:

a) A incidencia da infracción en relación co volume de servizos prestados.

b) O efecto prexudicial para as persoas usuarias do servizo.

c) O dolo ou a culpa do infractor.

Artigo 8º.-Procedemento sancionador.

O procedemento sancionador e mais a prescrición e a caducidade das infraccións e sancións rexeranse polo disposto no título IX da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común; no Real decreto 1398/1993, do 4 de agosto, polo que se aproba o Regulamento do procedemento para o exercicio da potestade sancionadora, e na restante normativa de desenvolvemento.

Artigo 9º.-Órganos competentes para sancionar.

Os órganos competentes para sancionar serán:

a) O titular da dirección xeral con competencia en materia de transportes para a imposición das sancións correspondentes a infraccións moi graves e graves.

b) O titular da delegación provincial da consellaría competente en materia de transportes que corresponda ao lugar de comisión da infracción, para a imposición das sancións correspondentes a infraccións leves.

Disposicións adicionais

Primeira.-Competencia da Xunta Arbitral de Transporte de Galicia.

A Xunta Arbitral de Transporte de Galicia coñecerá das reclamacións de contido económico derivadas da prestación dos servizos de transporte por empresas inscritas no Rexistro de Empresas Operadoras do Transporte Marítimo, nos termos establecidos na Lei 16/1987, do 30 de xullo, de ordenación de transportes terrestres.

Segunda.-Outra lexislación aplicable.

Sen prexuízo do disposto nesta lei para o Rexistro de Empresas Operadoras do Transporte Marítimo, será aplicable a lexislación marítima e portuaria. Asemade, á navegación dentro dos límites do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia ou por calquera outro espazo protexido seranlle aplicables as normativas sectoriais do medio ambiente e do patrimonio cultural.

Disposición transitoria

Única.-Inscrición de servizos previos.

Os servizos de transporte marítimo de viaxeiros e viaxeiras en augas interiores de Galicia que se viñesen prestando con anterioridade á entrada en vigor desta lei inscribiranse no rexistro ao que se refire o artigo 2, nos termos que regulamentariamente se establezan.

Disposición derrogatoria

Única.

1. Queda derrogada a Lei 4/1999, do 9 de abril, pola que se declara como servizo público de titularidade da Xunta de Galicia o transporte público marítimo de viaxeiros na ría de Vigo.

2. Queda derrogado o artigo 24 da Lei 9/2003, do 23 de decembro, de medidas tributarias e administrativas.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Habilitación para o desenvolvemento regulamentario.

Habilítase o Consello da Xunta para ditar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento do disposto nesta lei.

Segunda.-Entrada en vigor.

1. Esta lei entrará en vigor aos tres meses da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

2. Non obstante, o previsto na disposición derrogatoria única e os preceptos que conteñan habilitacións ao Consello da Xunta para ditar regulamentos ou disposicións de desenvolvemento desta lei entrarán en vigor ao día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, seis de maio de dous mil oito.

Emilio Pérez Touriño

Presidente