DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 90 Luns, 12 de maio de 2008 Páx. 8.457

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

ORDE do 15 de abril de 2008, de modificación da do 14 de abril de 2004, de regulación da formación do persoal que realiza operacións de mantemento hixiénico-sanitario das instalacións susceptibles de propagar a lexionelose e do procedemento para a autorización das entidades de formación.

O Real decreto 865/2003, do 4 de xullo, como norma básica ditada ao abeiro do artigo 149.1.16ª da Constitución española, determina os criterios hixiénico-sanitarios para a prevención e control da lexionelose, establece no seu artigo 13 que todo o persoal que traballe nas operacións de mantemento hixiénico-sanitario, sexa dunha entidade ou servizo externo contratado ou ben sexa persoal propio da instalación, deberá realizar os cursos que para tal efecto homologue o Ministerio de Sanidade e Consumo por proposta das comunidades autónomas correspondentes e das cidades de Ceuta e Melilla.

A Orde SCO/317/2003, do 7 de febreiro, pola que se regula o procedemento para a homologación dos cursos de formación do persoal que realiza as operacións de mantemento hixiénico-sanitario das instalacións obxecto do Real decreto 909/2001, do 27 de xullo, establece un curso cada cinco anos cunha duración mínima de 10 horas, co fin de renovar o certificado de formación e o seu artigo quinto refire que lles corresponde ás comunidades autónomas e ás cidades de Ceuta e Melilla, a través dos seus órganos competentes, o control das actividades das entidades que realicen estes cursos.

Por isto en Galicia foi publicada a Orde do 14 de abril de 2004, que regula a formación do persoal que realiza operacións de mantemento hixiénico-sanitario das instalacións susceptibles de propagar a lexionelose e o procedemento para a autorización das entidades de formación e a súa modificación do 9 de febreiro de 2005. No seu artigo 10º punto 3, expresa as condicións que deben reunir os cursos de renovación do certificado, ben que non se concreta o temario destes cursos, no relatorio de sanidade ambiental do 23 de outubro de 2007, consensuouse un temario para impartir nestes cursos de renovación.

Polo exposto, faise necesaria a modificación da Orde do 14 de abril de 2004, e por iso, no uso das competencias que a Consellería de Sanidade ten atribuídas en materia de saúde pública, e no uso das facultades que me foron conferidas polo artigo 34.6º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta de Galicia e da súa Presidencia, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Modifícase o artigo 10º, no seu punto 3, parágrafo 2, que queda redactado do seguinte xeito:

«Este curso terá unha duración mínima de 10 horas e incluirá a actualización dos seus coñecementos sobre a lexislación vixente en materia de saúde pública e saúde laboral, identificación de puntos críticos e elaboración de programas de control, de conformidade co previsto no anexo IV».

Artigo 2º

Engádese ao final da orde un anexo IV.

Disposición derradeira

Única.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de abril de 2008.

María José Rubio Vidal

Conselleira de Sanidade

ANEXO IV

Programa para a renovación dos cursos para o mantemento hixiénico-sanitario das instalacións de risco fronte á lexionelose

-Actualización normativa da lexislación nacional e autonómica en relación coa lexionelose, prevención de riscos laborais e ambientais, entre outras: normativas autonómicas, Código Técnico da Edificación, Norma UNE 100030:2005 Prevención da lexionela en instalacións de edificios, Regulamento de instalacións térmicas en edificios (RITE), desenvolvemento da Directiva de biocidas, auga de consumo humano (1 hora).

-Boas prácticas de limpeza e desinfección. Novidades no deseño e mantenemento das instalacións. Sistemas físicos e físico-químicos. Rexistro de actuacións (2 horas).

-Metodoloxía de control de puntos críticos en instalacións de risco de lexionelose. Avaliación do risco (2 horas).

-Actualización do mantemento hixiénico-sanitario de instalacións con maior probabilidade de proliferación e dispersión de lexionela. Estrutura, prevención e control. Guías técnicas (3 horas).

-Actualización do mantemento hixiénico-sanitario de instalacións con menor probabilidade de proliferación e dispersión de legionela. Estrutura, prevención e control. Guías técnicas (2 horas).