DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 110 Luns, 09 de xuño de 2008 Páx. 10.855

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE CULTURA E DEPORTE

ORDE do 20 de maio de 2008 pola que se establecen os modelos a que deberán adaptarse as memorias que editen os distintos departamentos da Xunta de Galicia, organismos autónomos, axencias, fundacións, entidades e empresas en que ten participación maioritaria a Xunta de Galicia.

Polo Decreto 196/2001, do 26 de xullo (Diario oficial de Galicia nº 162, do 22 de agosto), modificado polo Decreto 116/2002, do 1 de febreiro (Diario Oficial de Galicia nº 68, do 9 de abril), regúlanse as publicacións da Xunta de Galicia.

Con esta orde preténdese completar a regulación das publicacións institucionais, abordando as características que deben presentar as memorias que editen os distintos departamentos da Xunta de Galicia, organismos autónomos, axencias públicas, fundacións do sector público, entidades e empresas en que ten participación maioritaria a Xunta de Galicia, polo que

DISPOÑO:

Artigo 1º

As memorias que editen os organismos que se expresan no artigo 2º adaptarán as súas características formais ao modelo que se establece no anexo desta orde.

Amais das características que expresamente se definen no anexo, cando as memorias se destinaren á venda ao público, deberán incluír o número de ISBN, co correspondente código de barras.

Artigo 2º

Deberán adaptarse ao devandito modelo todas as memorias que editen:

-A Administración autonómica e os organismos autónomos dependentes dela.

-As axencias públicas autonómicas.

-As entidades de dereito público vencelladas á Administración da comunidade autónoma.

-As fundacións do sector público de Galicia.

-As sociedades mercantís en cuxo capital exista participación maioritaria, directa ou indirecta, da Administración da comunidade autónoma, dos seus organismos autónomos e das demais entidades de dereito público.

Artigo 3º

As memorias que se vaian editar sometaranse ao mesmo procedemento de aprobación ca o resto das publicacións da Xunta de Galicia.

Calquera modificación que se pretenda introducir no modelo que se establece, por mor de adaptalo a unha determinada estrutura, deberá aprobala, en cada caso concreto, a Comisión Permanente de Publicacións.

Artigo 4º

Os respectivos órganos interventores velarán polo cumprimento do establecido nesta orde.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas as disposicións de igual ou inferior categoría que se opoñan ao disposto nesta orde e, en particular, a Orde do 20 de setembro de 1999, pola que se establecen os modelos a que deberán adaptarse as memorias que editen os distintos departamentos da Xunta de Galicia, organismos autónomos, entes e empresas en que ten participación maioritaria a Xunta de Galicia.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de maio de 2008.

Ánxela Bugallo Rodríguez

Conselleira de Cultura e Deporte

Ver referencia pdf "11000D001P007.PDF"