DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 113 Xoves, 12 de xuño de 2008 Páx. 11.263

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

DECRETO 116/2008, do 8 de maio, polo que se establece a ordenación dos establecementos de restauración denominados furanchos en Galicia.

A Comunidade Autónoma de Galicia ten atribuída, a teor do artigo 27.21º do Estatuto de autonomía, a competencia exclusiva en materia de promoción e ordenación do turismo no seu ámbito territorial, e ao seu abeiro ditou a Lei 9/1997, do 21 de agosto, de ordenación e promoción do turismo de Galicia, modificada pola Lei 10/2004, que fixou un marco legal para o desenvolvemento do sector turístico.

Nesta lei recóllense os establecementos de restauración, que son aqueles en que a actividade principal é a de subministrar habitualmente e mediante prezo comidas e bebidas para a súa consumición no mesmo ou noutro lugar.

Aínda que a lei unicamente define os restaurantes, cafetarías e bares como establecementos de restauración, o artigo 56.4º dispón que se poderán establecer regulamentariamente novos grupos e categorías de establecementos de restauración.

Por iso, ao abeiro desta disposición legal, dítase este decreto co obxecto de regulamentar os furanchos como un novo grupo de establecemento de restauración. Estes establecementos tipicamente galegos responden a unha tipoloxía que, polas súas características especiais, non estaba recollida na actual normativa, polo que procede a súa regulación específica.

A tradición no rural galego de vender os excedentes do viño elaborado para consumo propio deu lugar a este tipo de establecementos coñecidos como furanchos. Non obstante, esta actividade, en tanto que actividade turística, ten que ordenarse coa fin de poder establecer con claridade as diferenzas dos restaurantes, as cafetarías e os bares cos furanchos.

Convén salientar que os requisitos exixidos a estes establecementos por esta norma non se limitan aos propiamente turísticos senón que, ao abeiro do establecido, por unha banda, pola Orde do 19 de xuño de 2001, pola que se regulan diferentes aspectos do potencial de produción vitivinícola e a asignación de dereitos para novas plantacións de viñedo en zonas de denominación de orixe e, por outra banda, polo Real decreto 1227/2001, do 8 de novembro, sobre declaracións de existencias, colleita de uva e produción do sector vitivinícola, requírese das persoas titulares de furanchos a documentación acreditativa de ter formalizados diversos requisitos fixados nestas normas.

Na súa virtude, por instancia do conselleiro de Innovación e Industria e do conselleiro do Medio Rural, e por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, de acordo co ditame do Consello Consultivo, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día oito de maio de dous mil oito,

Dispoño:

Artigo 1º.-Obxecto.

1. Este decreto ten por obxecto a regulación da actividade dos establecementos de restauración denominados furanchos situados na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Para este obxecto, considéranse furanchos aquelas adegas en que a súa actividade principal sexa a de subministrar mediante prezo o viño excedente do consumo propio que procede dos seus viñedos.

Artigo 2º.-Requisitos.

1. Os requisitos que deben cumprir estes establecementos son os seguintes:

a) Os establecementos deberán contar con iluminación e ventilación.

b) O viño subministrado non pode ser embotellado, senón que ten que proceder do barril directamente.

c) Os produtos alimenticios que se ofrecerán deberán proceder de establecementos autorizados, e non poderán en ningún caso requirir elaboración ou transformación no propio furancho. Estes produtos, ademais, deberán estar perfectamente etiquetados e documentados.

2. Ademais de cumprir a normativa turística vixente, os/as titulares dos furanchos deberán observar a normativa municipal e calquera outra normativa sectorial que lles sexa de aplicación.

Artigo 3º.-Requisitos previos ao funcionamento.

1. Todos os furanchos, antes de iniciar a súa tempada de funcionamento e, en todo caso, unha vez ao ano, acreditarán ter feito a preceptiva declaración de produción anual ao órgano correspondente da consellería competente en materia de agricultura, así como ter concedida a autorización do concello para o período de apertura pretendido. Sen estes requisitos previos o furancho non poderá iniciar a súa temporada de funcionamento.

2. Así mesmo, para realizar a actividade propia dos establecementos regulamentados nesta norma será requisito previo a obtención da autorización de apertura e clasificación turística.

Artigo 4º.-Autorización de apertura e clasificación.

1. Para obter a autorización de apertura e clasificación turística a que se refire o punto 2 do artigo anterior, as persoas que teñan a condición de interesadas deberán presentar solicitude dirixida á delegación provincial da consellería competente en materia de turismo, segundo o modelo oficial que consta no anexo I deste decreto, debéndose indicar o período de funcionamento do establecemento para o que se solicita a autorización. Coa solicitude achegarán a seguinte documentación:

a) Fotocopia compulsada do DNI ou CIF, segundo corresponda, do/a solicitante.

b) Se a titularidade do establecemento correspondese a unha persoa xurídica, fotocopia compulsada da escritura de constitución da sociedade e poderes do/a solicitante para o caso de que non se deduza da escritura social.

c) Fotocopia compulsada do título ou contrato que acredite a dispoñibilidade do establecemento por parte do/a solicitante para a súa utilización como furancho.

d) Documentación acreditativa de ter declaradas as viñas no rexistro vitivinícola da consellería competente en materia de agricultura.

e) Documentación acreditativa de ter feito a preceptiva declaración de produción anual á consellería competente en materia de agricultura.

f) Documentación acreditativa de ter autorización do concello para o exercicio da actividade.

g) Documento que acredite a subscrición dunha póliza de seguro de responsabilidade civil, segundo o disposto no artigo 5º.8 deste decreto, así como o correspondente recibo de pagamento da prima que acredite a súa vixencia.

h) Solicitude de inscrición no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas.

i) Documento acreditativo do pagamento das taxas correspondentes.

2. A delegación provincial correspondente da consellería competente en materia de turismo iniciará o oportuno expediente de apertura e clasificación. Instruído o procedemento e inmediatamente antes de que se dite a proposta de resolución, a referida delegación provincial elevará o expediente, xunto co seu informe, ao centro directivo competente en materia de turismo, que expedirá, se procede, a autorización de apertura e clasificación turística no prazo máximo de seis meses, contados a partir da entrada da solicitude de apertura e clasificación en calquera dos rexistros do órgano competente para a súa tramitación.

3. Transcorrido ese prazo sen que se teña expedida a autorización de apertura e clasificación, entenderase estimada, producíndose os efectos xurídicos que establece respecto aos actos presuntos o artigo 43 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se ingresase a taxa correspondente.

Artigo 5º.-Obrigas dos titulares dos establecementos.

Estes establecementos estarán obrigados a:

1. Velar polo bo estado xeral das dependencias e do mantemento das instalacións e servizos do establecemento e garantir un trato correcto aos clientes.

2. Informar previamente con obxectividade e veracidade os clientes sobre o réxime de servizos que se ofertan no establecemento, as condicións de prestación destes e o seu prezo e forma de pagamento.

3. Comunicarlle ao órgano competente para o seu selado, antes da súa aplicación, os prezos dos servizos ofertados e exhibilos nun lugar visible e de modo lexible.

4. Ter á disposición dos usuarios follas de reclamacións, e facer entrega dun exemplar cando lle sexa solicitado. Disporán tamén do libro de inspección turística.

5. Facturar detalladamente os servizos de conformidade cos prezos ofertados ou pactados.

6. Facilitar, nos termos previstos polo ordenamento xurídico, a accesibilidade aos establecementos por parte das persoas discapacitadas.

7. Os locais exhibirán, nun lugar visible, unha placa identificativa coa clasificación de furancho. A placa poderá ir acompañada por un ramallo de loureiro, co que tradicionalmente se identifican estes establecementos.

8. Os/as titulares dos furanchos deberán ter contratada unha póliza de seguro de responsabilidade civil co seguinte contido:

a) Deberá cubrir os danos corporais, materiais e os prexuízos económicos que deriven do desenvolvemento da súa actividade e que cubra a contía mínima de 90.000 euros.

b) No suposto de que a póliza inclúa franquías, o límite máximo destas non poderá superar a cantidade de 120 euros.

c) Os titulares dos establecementos están obrigados a manter en permanente vixencia a dita póliza. Para estes efectos, deberán presentar periodicamente os correspondentes xustificantes de pagamento que acrediten tal vixencia ante os servizos provinciais competentes en materia de turismo.

d) Para que a póliza de seguro cumpra coa súa finalidade, a súa contía así como a das franquías poderán ser modificadas mediante orde do conselleiro/a competente en materia de turismo.

Artigo 6º.-Cambios de titularidade.

1. A titularidade dos furanchos pode transmitirse por calquera dos medios válidos en dereito. O/A novo/a titular deberá solicitar do centro directivo correspondente da consellería competente en materia de turismo, a través das correspondentes delegacións provinciais, a autorización dos cambios de titularidade, achegando para iso a seguinte documentación:

a) Solicitude de autorización para cambio de titularidade segundo modelo oficial que consta no anexo II.

b) Fotocopia compulsada da documentación acreditativa da dita transmisión ou, de ser o caso, da acreditación da dispoñibilidade do inmoble polo/a novo/a titular.

c) Póliza de seguro de responsabilidade civil, nos termos establecidos no artigo 5º.8, a nome do/a novo/a titular.

d) Documento acreditativo do pagamento das taxas correspondentes.

2. A delegación provincial correspondente da consellería competente en materia de turismo iniciará o oportuno expediente de autorización e, unha vez instruído o procedemento e inmediatamente antes de que se dite a proposta de resolución, elevará o expediente, xunto co seu informe, ao centro directivo correspondente da citada consellería, que expedirá, se procede, a autorización turística no prazo máximo de seis meses, contados a partir da entrada no rexistro do órgano competente para a súa tramitación.

3. Transcorrido ese prazo sen que se teña expedida a dita autorización, entenderase estimada, producíndose os efectos xurídicos que establece respecto aos actos presuntos o artigo 43 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se ingresase a taxa correspondente.

Artigo 7º.-Notificación de cambios e comunicación do peche do establecemento.

1. As persoas titulares dos furanchos están obrigadas a comunicarlle á delegación provincial correspondente da consellería competente en materia de turismo calquera cambio que afecte o seu funcionamento, acompañando a documentación xustificativa do cambio pretendido, así como o cesamento da súa actividade turística no prazo de 10 días contados con anterioridade á data prevista para o peche, co fin de obter a preceptiva autorización do cambio ou baixa, que se reflectirá na correspondente anotación rexistral.

2. Establécese a baixa de oficio cando a Administración turística teña constancia do cesamento da actividade ao longo de 2 meses sen causa xustificada, ou cando o establecemento deixe de cumprir algún dos requisitos e condicións exixidos para o outorgamento da autorización turística.

Artigo 8º.-Infraccións e sancións.

O incumprimento deste decreto dará lugar á aplicación da normativa sancionadora vixente no ámbito das competencias sectoriais propias das consellerías afectadas.

Disposición transitoria

Aqueles establecementos que, de acordo coas súas características, se integren no ámbito de aplicación deste decreto e estean a funcionar no momento da entrada en vigor deste, contarán cun prazo de tres meses para a súa adaptación a esta norma.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Desenvolvemento deste decreto.

Facúltanse as persoas titulares das consellerías de Innovación e Industria e Medio Rural para que diten as ordes de desenvolvemento deste decreto.

Segunda.-Entrada en vigor.

Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no DOG.

Santiago de Compostela, oito de maio de dous mil oito.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

Ver referencia pdf "11300D001P007.PDF"