DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 121 Martes, 24 de xuño de 2008 Páx. 12.375

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 23 de xuño de 2008 pola que se modifica a do 21 de decembro de 2007 pola que se regula a avaliación na educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia.

O Decreto 133/2007, do 5 de xullo, polo que se regulan as ensinanzas da educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia, na súa disposición derradeira primeira autoriza a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para ditar as disposicións que sexan necesarias para a execución e desenvolvemento do establecido nel.

O Decreto 126/2008, do 19 de xuño, polo que se establece a ordenación e o currículo de bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia, recolle na súa disposición derrogatoria que o artigo 12.5º do Decreto 133/2007, do 5 de xullo, polo que se regulan as ensinanzas da educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG do 13 de xullo), queda derrogado.

En consecuencia, a Orde do 21 de decembro de 2007, pola que regula a avaliación na educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia, ditada de conformidade coa derrogada norma, debe modificarse para recoller as disposicións que derivan de tal derrogación e, polo tanto, procede modificar en tal sentido os seus artigos 6 e 7.

En consecuencia, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

DISPÓN:

Artigo único.-Modificación da Orde do 21 de decembro de 2007 pola que se regula a avaliación na educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia.

Os artigos 6 e 7 da orde de referencia quedan modificados segundo se recolle a continuación:

Un.-O punto 4 de artigo 6 queda redactado como segue:

«No cómputo das materias para efectos de promoción, consideraranse tanto as materias non superadas do propio curso como as de cursos anteriores. O proxecto interdisciplinar, cuxas características quedan expresadas no artigo 4, punto 8, non computará á hora de considerar o número de materias para os efectos de promoción ao seguinte curso académico».

Dous.-O punto 6 do artigo 7 queda redactado como segue:

«Para os efectos de titulación, computaranse como materias con avaliación negativa tanto as suspensas do propio curso como as de cursos anteriores».

Santiago de Compostela, 23 de xuño de 2008.

Laura Sánchez Piñón

Conselleira de Educación e Ordenación Universitaria