DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 138 Xoves, 17 de xullo de 2008 Páx. 13.773

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

RESOLUCIÓN do 20 de xuño de 2008 pola que se lle dá publicidade ao acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 19 de xuño de 2008, polo que se actualizan os importes previstos no anexo IV do Decreto 144/2001, do 7 de xuño, de indemnizacións por razón de servizos ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia.

O Decreto 144/2001, do 7 de xuño, de indemnizacións por razón de servizos ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia regula, no seu artigo 26, as asistencias que se aboarán pola concorrencia as sesións dos tribunais de oposicións e concursos ou outros órganos encargados de selección de persoal ou de probas que sexa necesario superar para o exercicio de profesións ou para a realización de actividades, e remite ás contías sinaladas no seu anexo IV.

En relación coas devanditas contías, a disposición derradeira cuarta prevé a súa revisión periódica mediante acordo do Consello da Xunta de Galicia, que se publicará no Diario Oficial de Galicia.

O tempo transcorrido desde a aprobación do decreto mencionado, que entrou en vigor o 25 de xuño de 2001, e o número de órganos incluídos no seu ámbito de aplicación, aconsellan levar a cabo a actualización dos importes sinalados no referido anexo IV.

En consecuencia, por proposta da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, o Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día 19 de xuño de dous mil oito, adoptou o seguinte

ACORDO:

Primeiro.-Aprobar a actualizacion dos importes establecidos no anexo IV do Decreto 144/2001, do 7 de xuño, de indemnizacións por razón de servizos ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia pola asistencia por participación en tribunais de oposicións ou concursos ou doutros órganos encargados da selección de persoal, de acordo coa previsión recollida na disposición derradeira cuarta do mesmo texto normativo.

Esta actualización realizarase tendo en conta as porcentaxes do índice de prezos de consumo previstas nas leis xerais de orzamentos para a Comunidade Autónoma de Galicia correspondentes aos exercicios 2001 a 2008.

De acordo co exposto, os importes resultantes que se aboarán por cada asistencia derivada da participación en tribunais de oposicións ou concursos ou doutros órganos encargados da selección de persoal será a seguinte:

Categorías Importe (€)

-Categoría primeira:

Presidente e secretario 52,71

Vogais 49,20

-Categoría segunda:

Presidente e secretario 49,20

Vogais 45,70

-Categoría terceira:

Presidente e secretario 45,70

Vogais 42,17

-Categoría cuarta:

Presidente e secretario 42,17

Vogais 38,66

-Categoría quinta:

Presidente e secretario 38,66

Vogais 35,15

Segundo.-Ordenar a publicación deste acordo no Diario Oficial de Galicia, que entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación.

Santiago de Compostela, 20 de xuño de 2008.

Mª Mar Rodríguez Fernández

Directora xeral da Función Pública