DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 139 Venres, 18 de xullo de 2008 Páx. 13.815

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

PRESIDENCIA

LEI 7/2008, do 7 de xullo, de protección da paisaxe de Galicia.

Exposición de motivos:

I Unha das principais características de Galicia é a súa riqueza paisaxística.

A súa situación xeográfica no planeta, a proximidade do océano e a existencia das altas serras orientais, unha contrastada morfoloxía, os milleiros de ríos que sucan este territorio, a presenza de rochas graníticas e louseñas, así como un variado mosaico climático e unha elevada diversidade biolóxica, configuran unha riqueza paisaxística única e irrepetible.

Todos estes elementos son causa e razón dos grandes areais, esteiros, rías, cantís e sistemas de dunas nas costas litorais; de amplos vales ou valiñas e valgadas a través da extensa rede fluvial; de penechairas altas ou de baixas chairas terciarias e cuaternarias; de cumios, lombas, serras, montes e esfragadoiros, que nunha secuencia aparentemente interminable van configurando cunha personalidade propia e inesquecible unhas paisaxes dunha indubidable beleza e valor.

A especial morfoloxía fixo que as persoas galegas tivesen que vivir estreitamente relacionados á terra dun xeito íntimo e sen parangón na xeografía peninsular. Asentados en milleiros de lugares que constitúen practicamente a metade dos existentes no Estado español, esta actividade secular incidiu de xeito diferenciado sobre o territorio, construíndo paisaxes singulares con diferente grao de desenvolvemento, xerando de vez paisaxes culturais de extraordinario valor e que son o reflexo fiel do noso ser e entender Galicia, da nosa identidade.

A situación actual, derivada dunha mudanza súpeta nos usos e nos costumes das xentes como consecuencia do tardío desenvolvemento socioeconómico no século XX, tivo como consecuencia unha forte degradación das paisaxes en áreas moi concretas do noso territorio. A dinámica demográfica, os cambios nos usos do solo, o abandono de moitas áreas rurais e a presenza de novas actividades económicas motivou a progresiva e diferencial transformación territorial, xerando profundos cambios nas paisaxes con perda de importantes valores naturais e culturais. Deste xeito, estamos a ver como xorden novas paisaxes que, en moitos casos, non conteñen ningunha das propiedades diferenciais das antigas extintas, e que eran na súa maioría o produto dunha sociedade que actuaba baixo criterios de sostibilidade.

A Comunidade Autónoma de Galicia é hoxe consciente da importancia das nosas paisaxes e do deber que temos en preservalas, porque se trata dun recurso patrimonial incuestionable que participa do interese xeral nos aspectos ecolóxicos, culturais, económicos e sociais. A paisaxe proporciona o marco idóneo na súa concepción holística para abordar a comprensión e a análise do territorio, das políticas de desenvolvemento sostible necesarias para a súa posta en valor e dos procesos ecolóxicos que nel teñen lugar. Porque a paisaxe é un elemento fundamental da calidade de vida das persoas e por iso tamén debe ser o reflexo fiel dun territorio e dun medio ambiente de calidade, dunha sociedade moderna e consciente da importancia do seu patrimonio natural e cultural, dunha sociedade en relación harmónica co medio onde primen o uso racional do territorio, o aproveitamento sostible dos seus recursos, un desenvolvemento urbanístico respectuoso e o recoñecemento das funcións principais que xogan os

ecosistemas naturais.

Unha das disciplinas novas máis interesantes é a ecoloxía da paisaxe, que constitúe hoxe unha poderosa ferramenta para a ordenación do territorio con criterios de sostibilidade ecolóxica. Resulta ademais de especial interese para deseñar áreas protexidas, para comprender a evolución e a perturbación que sofren os ecosistemas naturais e a diversidade biolóxica, e especialmente para comprender e analizar as causas da artificialización e degradación das paisaxes.

Por todo o exposto, esta lei, conforme as disposicións do Convenio europeo da paisaxe, aprobado en Florencia o 20 de outubro de 2000 por proposta do Consello de Europa, e cuxa entrada en vigor tivo lugar o 1 de marzo de 2004, pretende recoñecer xuridicamente a paisaxe e promover políticas de paisaxe, entendendo a paisaxe como «elemento esencial para o benestar individual e social, cuxa protección, xestión e planeamento comporta dereitos e obrigas para todos», tal e como así a define o devandito convenio.

Esta lei, que foi sometida ao ditame do Consello Económico e Social, pretende servir de marco de referencia para todas as outras lexislacións sectoriais e os seus plans e programas que poidan influír dalgún xeito na modificación, alteración ou transformación das paisaxes, en especial cando afecten determinados espazos de alto valor natural e cultural, sen prexuízo do que dispoñan as normas en cada materia, xa sexa ambiental, do patrimonio cultural, urbanística, agrícola, forestal, gandeira, turística ou industrial, ou o resto da lexislación sectorial aplicable ao territorio.

Para os efectos previstos nesta lei, a Xunta de Galicia promoverá a debida coordinación e cooperación entre aquelas consellerías con competencia en materia territorial, ambiental e cultural e os concellos como responsables da aplicación das políticas de planeamento nos seus territorios.

A Comunidade Autónoma de Galicia procede a regular a materia da paisaxe conforme o ámbito competencial establecido nos artigos 27.3 e 27.30 do Estatuto de autonomía de Galicia, referentes ás competencias exclusivas da comunidade galega nas materias de ordenación do territorio, urbanismo e vivenda e ás normas adicionais sobre protección do medio ambiente e da paisaxe, nos termos do artigo 149.1.23 da Constitución española.

II

Esta lei estrutúrase en catro capítulos e contén catorce artigos, dúas disposicións transitorias e dúas disposicións derradeiras.

O capítulo I contén as disposicións xerais, e nel refírense o seu obxecto, os principios inspiradores da lei, as definicións e o seu ámbito de aplicación. Neste sentido concrétase o obxecto da lei no recoñecemento, na protección, na xestión e na ordenación da paisaxe, premisas a partir das que se formaliza esta disposición de rango legal. Os principios desta lei baséanse no Convenio europeo da paisaxe, aprobado en Florencia o 20 de outubro de 2000, principios entre os que destacan o recoñecemento xurídico das paisaxes como elemento fundamental do contorno e do benestar humano, favorecer unha relación harmónica entre os seres humanos e o seu medio, definir neste sentido políticas dirixidas á protección, xestión e ordenación das paisaxes e á súa integración nas de protección de espazos naturais e ordenación do territorio e as demais políticas sectoriais como as culturais, medioambientais, turísticas, agrarias e económicas, e coordinar as distintas administracións públicas en materia de

paisaxe. Para efectos dunha maior claridade expositiva procédese á definición de termos empregados nesta norma tales coma a paisaxe, as políticas de paisaxe e os obxectivos de calidade paisaxística. O ámbito de aplicación desta lei circunscríbese ao ámbito territorial de Galicia con independencia de que as áreas nas que se aplica sexan naturais, rurais, urbanas ou periurbanas.

O capítulo II refírese ás políticas de paisaxe e prevé a necesidade dunha implicación dos poderes públicos nos seus correspondentes ámbitos de actuación para facer posible o obxecto desta lei, no que a paisaxe se integra nas diferentes políticas sectoriais: ambientais, culturais, territoriais e económicas. As actuacións da administración que afecten a paisaxe deben atender os fins da preservación daqueles elementos máis característicos dunha paisaxe, garantir o seu mantemento, regular, mellorar, restaurar ou rexenerar paisaxes. Así mesmo, recóllese a necesaria cooperación entre todas as administracións públicas como factor clave para conseguir a efectividade das medidas adoptadas respecto da paisaxe.

O capítulo III establece os instrumentos para a protección, xestión e ordenación da paisaxe. Entre estes instrumentos están os catálogos da paisaxe de Galicia, as directrices de paisaxe, os estudos de impacto e integración paisaxística e os plans de acción da paisaxe en áreas protexidas. Os catálogos da paisaxe refírense ás grandes áreas xeográficas establecidas e sinalan o seu contido mínimo, a delimitación das unidades de paisaxe e a posibilidade de que neles se identifiquen determinadas zonas como áreas de especial interese paisaxístico. As directrices da paisaxe fixan propostas de obxectivos de calidade paisaxística para as unidades de paisaxe definidas, e así mesmo prevén o seu contido mínimo e a súa aprobación polo Consello da Xunta de Galicia. Prevese, tamén, a incorporación destas directrices cos instrumentos de ordenación territorial e urbanística, coa conseguinte vinculación xurídica na planificación sectorial. É de salientar neste capítulo non só a integración dos

criterios dirixidos á protección da paisaxe nas avaliacións ambientais estratéxicas daqueles plans e programas que deban someterse a este procedemento conforme prevé a Lei 9/2006, do 28 de abril, sobre avaliación dos efectos de determinados plans e programas en materia de medio ambiente, senón tamén aos estudos de impacto e integración paisaxística que deben constar en todos aqueles proxectos suxeitos á avaliación de impacto ambiental, nos que se avaliarán os efectos do proxecto sobre a paisaxe, determinando os seus contidos mínimos.

Finalmente, o capítulo IV refírese aos instrumentos de organización, sensibilización, concertación e financiamento das políticas da paisaxe, e nel configúrase o Observatorio Galego da Paisaxe como entidade de apoio e asesoramento á Xunta de Galicia en materia de paisaxe. Neste mesmo capítulo IV considéranse os pactos pola paisaxe como instrumentos de concertación entre as administracións públicas, as entidades locais e outros axentes socioeconómicos dun determinado territorio co fin de promover accións de protección e mellora das paisaxes e da calidade de vida dos cidadáns.

As disposicións transitorias refírense á normativa aplicable aos procedementos administrativos xa iniciados con anterioridade á aprobación desta lei e á elaboración dos catálogos da paisaxe pola consellería competente en materia de medio ambiente, en tanto non se constitúa o Observatorio Galego da Paisaxe. As disposicións derradeiras incorporan prazos para o desenvolvemento regulamentario desta lei e a súa entrada en vigor.

Por todo o exposto, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2º do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, promulgo en nome de El-Rei, a Lei de protección da paisaxe.

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta lei ten por obxecto o recoñecemento xurídico, a protección, a xestión e a ordenación da paisaxe de Galicia, co fin de preservar e ordenar todos os elementos que a configuran no marco do desenvolvemento sostible, entendendo que a paisaxe ten unha dimensión global de interese xeral para a comunidade galega, por canto transcende os eidos ambientais, culturais, sociais e económicos.

Para tal fin, esta lei impulsa a plena integración da paisaxe en todas as políticas sectoriais que incidan nela.

Artigo 2º.-Principios inspiradores.

1. Os principios que inspiran esta lei e que deben rexer as actuacións dos poderes públicos en materia de paisaxe baséanse nos contidos do Convenio europeo da paisaxe, asinado en Florencia por proposta do Consello de Europa o 20 de outubro de 2000, e demais convenios internacionais vixentes na materia.

2. Sinaladamente, estes principios inspiradores son:

a) Recoñecer xuridicamente a paisaxe, como elemento importante do noso contorno e do benestar humano, indicador da calidade de vida das persoas e compoñente fundamental do patrimonio natural e cultural de Galicia, expresión da nosa identidade propia.

b) Defender e preservar a paisaxe, favorecendo unha relación harmónica e respectuosa entre a xente e o seu contorno, e promovendo un uso racional e ordenado do territorio, que teña en conta os valores naturais e culturais das paisaxes.

c) Ás persoas que viven nas zonas de especial interese paisaxístico recoñéceselles o dereito a un desenvolvemento económico, cultural e social, equilibrado e sostible.

d) Deseñar e aplicar políticas destinadas á protección, xestión e ordenación da paisaxe, integrando estas políticas nas de protección ambiental, de ordenación territorial e urbanística, en materia cultural, turística, agraria, social ou económica, e naqueloutras que poidan ter un impacto directo ou indirecto sobre as paisaxes.

e) Fomentar a coordinación e a colaboración entre as distintas administracións públicas en materia de paisaxe.

f) Establecer mecanismos de participación social na toma de decisións e na definición das políticas de paisaxe, sinaladamente coas entidades locais.

g) Fomentar a sensibilización da sociedade galega no referente ao valor da paisaxe, da súa importancia e das súas funcións, e dos procesos de transformación que están a acontecer.

h) Promover o estudo e a formación en materia de paisaxe, desenvolvendo actividades específicas sobre a importancia, protección, xestión e ordenación da paisaxe.

Artigo 3º.-Definicións.

Para os efectos desta lei, e conforme a terminoloxía internacional definida polo Convenio europeo da paisaxe, enténdese por:

a) Paisaxe: calquera parte do territorio tal e como a percibe a poboación, cuxo carácter sexa o resultado da acción e da interacción de factores naturais e humanos.

b) Política de paisaxe: é a expresión por parte das autoridades públicas competentes dos principios xerais e das estratexias e directrices que permiten a adopción de medidas específicas orientadas á protección, xestión e planificación das paisaxes.

c) Obxectivos de calidade paisaxística: a formulación por parte das autoridades públicas competentes, para unha paisaxe concreta, das aspiracións da colectividade en relación coas características paisaxísticas do seu contorno.

Artigo 4º.-Ámbito de aplicación.

As disposicións desta lei aplicaranse a todo o territorio de Galicia, xa sexan áreas naturais, rurais, urbanas e periurbanas, así como aqueloutras áreas de elevado valor ambiental e cultural, e incluso as paisaxes degradadas, comprendendo así mesmo as zonas terrestres, marítimo-terrestres e as augas interiores.

Capítulo II

Políticas de paisaxe

Artigo 5º.-Políticas en materia de paisaxe.

1. Os poderes públicos velarán para que no ámbito da súa competencia e da natureza de cada territorio se adopten as medidas específicas necesarias para a protección, xestión e ordenación da paisaxe.

2. Os poderes públicos integrarán a consideración da paisaxe nas políticas de ordenamento territorial e urbanístico, e nas súas políticas ambientais, do patrimonio cultural, agrícolas, forestais, sociais, turísticas, industriais e económicas, así como en calquera outra política sectorial que poida producir un impacto directo ou indirecto sobre a paisaxe.

3. A Xunta de Galicia promoverá accións de cooperación transfronteiriza nos distintos niveis territoriais, para a elaboración de políticas e programas comúns en materia de paisaxe, así como coas comunidades autónomas que limiten con Galicia.

Artigo 6º.-Fins das actuacións das administracións públicas en materia de paisaxe.

As actuacións das administracións públicas en materia de paisaxe deben atender, como mínimo, os seguintes fins:

1. A protección da paisaxe: entendida como todas aquelas accións que teñan como fin a preservación e conservación dos elementos máis significativos e característicos dunha paisaxe, xustificados polo seu valor patrimonial como resultante da súa configuración natural ou da intervención humana sobre o medio.

2. A xestión da paisaxe: entendendo como tal aquelas accións que desde unha perspectiva de uso sostible do territorio garantan o mantemento regular da paisaxe, co fin de guiar as transformacións inducidas polos procesos sociais, económicos e ambientais.

3. A ordenación da paisaxe: que serán todas aquelas accións que presenten un carácter prospectivo particularmente acentuado con vistas a manter, mellorar, restaurar ou rexenerar paisaxes.

Artigo 7º.-Cooperación en materia de paisaxe.

A Xunta de Galicia impulsará a cooperación con todas as administracións públicas con competencia no territorio, especialmente coas administracións locais, co fin de promover o desenvolvemento de políticas comúns, debidamente coordinadas e programadas, que aseguren o cumprimento dos fins que se conteñen nesta lei.

Capítulo III

Instrumentos para a protección, xestión e ordenación da paisaxe

Artigo 8º.-Instrumentos.

Establécense os seguintes instrumentos para o seu desenvolvemento e aplicación en canto a asegurar unha axeitada protección, xestión e ordenación das paisaxes de Galicia:

1. Catálogos da paisaxe de Galicia.

2. Directrices de paisaxe.

3. Estudos de impacto e integración paisaxística.

4. Plans de acción da paisaxe en áreas protexidas.

Artigo 9º.-Catálogos da paisaxe.

1. Son os documentos de referencia que fundamentándose nas distintas áreas xeográficas, morfolóxicas, urbanas e litorais existentes no territorio galego deberán delimitar, con base nos diferentes estudos e traballos existentes na materia, as grandes áreas paisaxísticas de Galicia, polo que identificarán os diversos tipos de paisaxes existentes en cada unha delas e as súas características diferenciais.

2. Os catálogos da paisaxe incluirán:

a) A identificación dos diferentes tipos de paisaxe que existen en cada área paisaxística.

b) Un inventario dos valores paisaxísticos presentes en cada área paisaxística, no que identificarán aqueles ámbitos que en cada área presenten un especial estado de deterioración e que precisen especiais medidas de intervención e protección.

c) Unha análise das causas que determinaron a existencia deses tipos de paisaxe, daquelas que inciden hoxe sobre os elementos da paisaxe, e a súa evolución futura prevista.

d) Unha diagnose do estado actual da paisaxe en cada área paisaxística.

e) A delimitación das unidades de paisaxe presentes en cada área, entendidas como ámbitos territoriais con valores paisaxísticos homoxéneos e coherentes.

3. Os catálogos da paisaxe poderán, se é o caso, identificar determinadas zonas xeográficas como Áreas de especial interese paisaxístico, en atención aos valores naturais e culturais alí presentes.

4. Correspóndelle ao Observatorio Galego da Paisaxe a elaboración dos catálogos da paisaxe, na que se terán en consideración outros catálogos existentes referidos á materia paisaxística.

5. No procedemento de elaboración dos catálogos da paisaxe abrirase un trámite de información pública non inferior a dous meses para que todos os posibles interesados poidan formular as alegacións que estimen pertinentes.

6. Os catálogos da paisaxe serán aprobados polo Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de medio ambiente, logo da consulta previa aos departamentos competentes en materia de ordenación do territorio e patrimonio cultural.

Artigo 10º.-Directrices de paisaxe.

1. As directrices de paisaxe son as determinacións que baseadas nos catálogos da paisaxe definen e precisan para cada unidade de paisaxe os obxectivos de calidade paisaxística que se pretenden alcanzar.

2. Estes obxectivos de calidade paisaxística deben expresar as aspiracións da cidadanía en canto á valoración e ao grao de compromiso da colectividade na protección das nosas paisaxes, polo que a determinación destes obxectivos se fará mediante un proceso de participación pública.

3. As directrices de paisaxe incluirán:

a) A definición dos obxectivos de calidade paisaxística para cada unidade de paisaxe.

b) Unha proposta de medidas e accións específicas para acadar os obxectivos de calidade e de recuperación daquelas áreas nas que existen ámbitos degradados.

c) Unha descrición dos indicadores de calidade paisaxística para o control e seguimento do estado e da evolución das unidades de paisaxe.

d) Unha serie de normas e recomendacións para a definición dos plans urbanísticos e sectoriais e das estratexias rexionais ou locais encamiñadas a un desenvolvemento sostible do territorio, co fin de integrar neles os obxectivos de calidade paisaxística.

4. As directrices de paisaxe serán congruentes coas determinacións que en materia de paisaxe poidan derivar doutros instrumentos normativos. As normas recollidas nas directrices de paisaxe, logo da súa aprobación, terán carácter vinculante para os instrumentos de planificación sectorial e urbanística.

5. A avaliación ambiental daqueles plans e programas que conforme a Lei 9/2006, do 28 de abril, sobre avaliación dos efectos de determinados plans e programas no medio ambiente, deban someterse a este procedemento integrarán criterios que teñan como obxectivo a protección da paisaxe e facilitar a súa ordenación e xestión. Para tal efecto, o documento de referencia previsto no artigo 19 da Lei 9/2006, do 28 de abril, non só establecerá as pautas e os criterios que se deben seguir na avaliación ambiental do plan e programa, senón que tamén integrará preceptivamente as normas que se establezan nas directrices de paisaxe.

6. Correspóndelle á consellería competente en materia de medio ambiente e desenvolvemento sostible a elaboración das directrices de paisaxe, en cuxo procedemento se observarán os seguintes trámites:

a) Información pública, como mínimo, polo prazo de dous meses.

b) Informe preceptivo dos concellos afectados.

c) Informe preceptivo das consellerías competentes en materia de ordenación do territorio e patrimonio cultural.

7. A competencia para a aprobación das directrices de paisaxe corresponderalle ao Consello da Xunta de Galicia.

Artigo 11º.-Estudos de impacto e integración paisaxística.

1. En todos os proxectos que deban someterse ao procedemento de Declaración de impacto ambiental, segundo se establece na lexislación sectorial vixente, as entidades promotoras deberán incorporar no estudo de impacto ambiental un estudo de impacto e integración paisaxística, documento específico no que se avaliarán os efectos e impactos que o proxecto poida provocar na paisaxe e as medidas de integración paisaxística propostas polas devanditas entidades

2. Os estudos de impacto e integración paisaxística deberán conter:

a) Unha diagnose do estado actual da paisaxe: principais compoñentes, valores paisaxísticos, visibilidade e fraxilidade da paisaxe.

b) As características principais do proxecto.

c) O impacto previsto do proxecto sobre os elementos que configuran a paisaxe.

d) A xustificación de como se incorporaron ao proxecto os obxectivos de calidade paisaxística e as determinacións das directrices de paisaxe establecidas para a unidade de paisaxe na que se pretende executar a actuación. O contido deste apartado será preceptivo unha vez que sexan aprobadas as directrices de paisaxe.

e) Os criterios e as medidas que se deben adoptar para acadar a integración paisaxística do proxecto.

3. Correspóndelle á consellaría competente en materia de medio ambiente emitir o informe de impacto e integración paisaxística dentro dos procedementos de declaración e avaliación do impacto ambiental, informe que resultará integrado na correspondente declaración de impacto ambiental.

4. O Consello da Xunta de Galicia determinará, vía regulamentaria, nas zonas xeográficas identificadas como Áreas de especial interese paisaxístico”, os supostos nos que se lles poderá exixir ás entidades promotoras, non sometidas aos procedementos de declaración e avaliación de impacto ambiental, incorporar ao proxecto un estudo de impacto e integración paisaxística, co obxecto de considerar as repercusións que poidan ter sobre a paisaxe a execución das actuacións, obras ou actividades que se pretendan desenvolver, así como expoñer os criterios para a súa integración. Para tal efecto, na determinación destes supostos teranse en conta parámetros tales como a existencia de espazos naturais protexidos, a distancia á liña de costa, o volume de edificación, a superficie afectada polo proxecto, as afeccións aos recursos naturais e a presenza de elementos valiosos do patrimonio natural e cultural.

Artigo 12º.-Plans de acción da paisaxe en áreas protexidas.

1. A Xunta de Galicia elaborará plans de acción para a protección, xestión e ordenación da paisaxe naqueles territorios declarados como espazos protexidos segundo o disposto na normativa galega vixente en materia de conservación da natureza.

2. O plan de acción axustarase ás determinacións contidas nas directrices de paisaxe para o territorio onde se localice o espazo protexido, conforme os obxectivos de calidade paisaxística establecidos, e incluirá ademais unha proposta de medidas para o mantemento, a mellora, a recuperación ou a rexeneración das paisaxes presentes naquela área. Os plans de acción integraranse nos instrumentos de planificación e ordenación da área protexida, previstos na normativa galega vixente en materia de conservación da natureza.

3. A consellería competente en materia de medio ambiente e desenvolvemento sostible promoverá que todas as zonas xeográficas identificadas nos catálogos da paisaxe como Áreas de especial interese paisaxístico dispoñan a protección precisa que permita a preservación dos seus valores.

4. Naquelas áreas xeográficas transfronteirizas ou interautonómicas que conten con algún espazo natural protexido a administración ambiental promoverá a elaboración dun plan de acción conxunto en materia de paisaxe.

Capítulo IV

Instrumentos de organización, sensibilización e concertación das políticas de paisaxe

Artigo 13º.-O Observatorio Galego da Paisaxe.

1. O Observatorio Galego da Paisaxe configúrase como entidade de apoio e asesoramento á Xunta de Galicia en materia de paisaxe, e de colaboración e coordinación con outras administracións e sectores da sociedade.

2. O Observatorio Galego da Paisaxe adoptará a forma que máis se adecúe ás súas funcións.

3. Son funcións do Observatorio Galego da Paisaxe:

a) Delimitar as grandes áreas paisaxísticas sobre as que se desenvolverán os catálogos da paisaxe.

b) Elaborar os catálogos da paisaxe consonte o establecido nesta lei.

c) Formar, sensibilizar e concienciar a sociedade galega na necesidade de protexer e xestionar debidamente as nosas paisaxes.

d) Avaliar o estado de conservación das paisaxes galegas e analizar as súas transformacións e a súa previsible evolución.

e) Realizar estudos e propostas en materia de paisaxe.

f) Promover a colaboración e a cooperación en materia de paisaxe, sinaladamente mediante asistencia científica e técnica mutua, e intercambios de experiencias con fins de formación e información.

g) Servir como órgano asesor as entidades locais co fin de implementar as políticas de paisaxe na planificación urbanística e territorial.

h) Facer o seguimento de iniciativas de ámbito estatal, europeo e internacional en materia de paisaxe.

i) Participar nas redes de observatorios de paisaxe e entidades semellantes, tanto no resto do Estado coma europeos e internacionais, así como no seguimento de iniciativas de investigación e difusión de coñecementos que se adopten a escala estatal, europea e internacional.

j) Fomentar o intercambio de información e experiencias, así como a asistencia científica e técnica mutua en materia de paisaxes transfronteirizas.

k) Elaborar cada catro anos un informe sobre o estado da paisaxe en Galicia, que a Xunta de Galicia presentará no Parlamento de Galicia.

4. Mediante a norma de constitución do Observatorio Galego da Paisaxe desenvolveranse as funcións, a composición, o funcionamento, os recursos económicos e outros aspectos organizativos do observatorio. Así mesmo, a súa composición garantirá a presenza equilibrada de homes e mulleres neste órgano.

Artigo 14º.-Formación, sensibilización, educación e concertación.

1. A Xunta de Galicia, consonte co establecido nesta lei e na consideración da importancia ambiental, cultural, social e económica que posúen as nosas paisaxes como sinal de calidade de vida, promoverá accións de formación, sensibilización e educación dirixidas á sociedade galega en xeral, e aos xestores e usuarios do territorio en particular, que teñan como finalidade a promoción do entendemento, do respecto e da salvagarda dos elementos que configuran as nosas paisaxes.

2. A Xunta de Galicia fomentará a incorporación da materia da paisaxe nos distintos ciclos educativos, e promoverá a formación de especialistas en materia de intervención da paisaxe.

3. A Xunta de Galicia impulsará a subscrición de pactos pola paisaxe como instrumentos de concertación entre as administracións públicas, as entidades locais e outros axentes económicos e sociais dun determinado territorio que de xeito voluntario desexen promover accións de protección e mellora das paisaxes e da calidade de vida dos cidadáns no marco do desenvolvemento sostible. Estes pactos incorporarán no seu contido as actuacións concretas e específicas que teñen que emprender os diferentes axentes intervenientes para acadar os obxectivos de calidade paisaxística.

4. Os pactos pola paisaxe que se establezan entre a Xunta de Galicia e as administracións locais, así como con outros axentes económicos e sociais, deberán ter en conta as recomendacións e determinacións dos catálogos da paisaxe e das directrices de paisaxe para ese ámbito xeográfico, así como a existencia de espazos ou elementos inventariados do patrimonio natural, artístico ou cultural.

5. A Xunta de Galicia favorecerá a realización de acordos voluntarios nas áreas de especial interese paisaxístico entre as persoas propietarias das terras e entidades públicas, co fin de colaborar e apoiar a defensa e a conservación dos valores naturais e culturais presentes nestas áreas.

Disposicións transitorias

Primeira.-Normativa aplicable nos procedementos iniciados.

Aos procedementos administrativos iniciados con anterioridade á entrada en vigor desta lei, e cuxa regulación substantiva exixa incorporar a dimensión paisaxística, seralles aplicable a normativa vixente no momento da súa iniciación.

Segunda.-Elaboración dos catálogos da paisaxe.

En tanto non se constitúa o Observatorio Galego da Paisaxe, corresponderalle á consellería competente en materia de medio ambiente a elaboración dos catálogos da paisaxe.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Desenvolvemento regulamentario.

A Xunta de Galicia, no prazo de seis meses contados desde a publicación desta lei, aprobará as disposicións regulamentarias de desenvolvemento dos contidos previstos nos artigos 11, alínea 4, e 14 desta lei, referidos aos supostos nos que se lles poderá exixir ás entidades promotoras de proxectos públicos ou privados, non sometidas á declaración e avaliación de impacto ambiental, a presentación dun estudo de impacto e integración paisaxística e a constitución, natureza xurídica, funcións, composición, funcionamento e outros aspectos organizativos do Observatorio Galego da Paisaxe, respectivamente.

Segunda.-Entrada en vigor.

Esta lei entrará en vigor no prazo dun mes contado desde o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, sete de xullo de dous mil oito.

Emilio Pérez Touriño

Presidente