DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 141 Martes, 22 de xullo de 2008 Páx. 13.968

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

VICEPRESIDENCIA DA IGUALDADE E DO BENESTAR

DECRETO 148/2008, do 26 de xuño, polo que se crea e se regula o Observatorio Galego da Xuventude.

O conxunto de mozas e mozos, con idades comprendidas entre 14 e 30 anos, representa o 20,72% da poboación galega. As Administracións públicas teñen a obriga de articular políticas destinadas a atender ás necesidades específicas da mocidade, contribuíndo a acadar unha sociedade máis xusta e igualitaria.

O Goberno galego é sensible e consciente da importancia de articular políticas que teñan en conta as necesidades e aspiracións da mocidade, dado que se constatan as dificultades que teñen que afrontar para a plena participación e integración en todos os eidos da sociedade galega.

A transversalidade das políticas xuvenís é unha característica necesaria para que estas sexan realmente efectivas, o que implica a máxima colaboración de todos os departamentos da Xunta de Galicia, que deben ter presente os efectos que as políticas que deseñen e implementen teñen no conxunto da mocidade galega. A Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, departamento ao que están adscritas as competencias en materia de xuventude, ten un claro papel de coordinación e impulso desta acción transversal en materias tan relevantes na vida da mocidade como son vivenda, emprego, igualdade de xénero, participación, cultura, saúde ou educación.

A Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, en virtude do Decreto 517/2005, do 6 de outubro, polo que se establece a súa estrutura orgánica, é o departamento da Administración autonómica ao que lle corresponde o exercicio das competencias e funcións en materia de xuventude, e, segundo o artigo 6 do mesmo Decreto 517/2005, correspóndelle á Secretaría Xeral do Benestar a xestión das políticas da Xunta de Galicia en materia de xuventude, adscribíndose á devandita Secretaría Xeral a Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade, centro directivo dependente da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar que ten encomendadas a xestión e coordinación das actuacións da Secretaría Xeral do Benestar en materia de xuventude.

A Constitución española, no seu artigo 48, sinala que os poderes públicos promoverán as condicións para a participación libre e eficaz da xuventude no desenvolvemento político, social, económico e cultural.

O Estatuto de autonomía de Galicia establece no seu artigo 27 que lle corresponde á Comunidade autónoma galega a competencia exclusiva nas materias de fomento da cultura en Galicia, nº 19, promoción do deporte e a axeitada utilización do lecer, nº 22, e promoción do desenvolvemento comunitario, nº 24.

O Real decreto 2434/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de cultura, especifica no seu anexo I.B.3.h que aquela asume as competencias de promoción e organización de actividades de animación sociocultural no ámbito artístico, artesanal, turístico e de aire libre, dirixidas aos sectores da xuventude, infancia, terceira idade e sectores marxinados.

Polo Decreto 285/1989, do 16 de decembro, asúmense as funcións e servizos transferidos pola Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de promoción sociocultural, no ámbito da xuventude e desenvolvemento comunitario.

De conformidade co exposto, en virtude da Lei galega 2/1987, do 8 de maio, creouse o Consello da Xuventude de Galicia como entidade institucional representativa das organizacións xuvenís de Galicia, en defensa do asociacionismo xuvenil. No momento actual, a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, consciente da importancia de crear órganos de participación, investigación e asesoramento que faciliten o desenvolvemento de políticas para mellora da calidade de vida da mocidade galega, respetando os fins e funcións do Consello da Xuventude de Galicia, propón, a través desta norma a creación do Observatorio Galego da Xuventude, órgano colexiado adscrito ao dito departamento, destinado a realización de estudos que permita a aplicación de políticas de xuventude que respondan ás necesidades e demandas de cada momento.

De conformidade co exposto, e en uso das facultades que teño conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, por proposta do vicepresidente da Igualdade e do Benestar e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e seis de xuño de dous mil oito,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Este decreto ten por obxecto crear e regular o Observatorio Galego da Xuventude, como órgano colexiado de participación, investigación e asesoramento das políticas de xuventude, adscrito ao departamento responsable en materia de xuventude.

Artigo 2º.-Obxectivos.

O Observatorio Galego da Xuventude terá como obxectivos básicos realizar estudos, informes e análises das necesidades e demandas da realidade da mocidade galega en cada momento e avaliar o impacto das políticas destinadas á mocidade que se poñan en marcha pola Xunta de Galicia.

Artigo 3º.-Funcións.

1. Sen prexuízo das funcións que lle correspondan ao Consello da Xuventude de Galicia, correspóndelle ao Observatorio Galego da Xuventude:

a) Realizar estudos e investigacións que permitan afondar nun maior e mellor coñecemento da realidade xuvenil galega, como paso previo e indispensable para deseñar políticas xuvenís efectivas.

b) Compilar a información que, de xeito directo ou indirecto, poida reflectir a realidade xuvenil galega.

c) Asesorar sobre a mocidade galega a outras institucións ou centros informadores.

d) Xerar un sistema de indicadores polos que se poida coñecer e medir o estado actual e o evoluír das principais variables xuvenís a estudo.

e) Realizar procesos de avaliación das políticas sociais dirixidas á poboación xuvenil.

f) Introducir a perspectiva de xénero nas análises, estudos, investigacións e avaliacións que realice.

g) Realizar propostas con base nos estudos e avaliacións realizadas, que favorezan a toma de decisións.

h) Crear un fondo de documentación que favoreza a promoción de actividades de formación-información.

i) Publicar e difundir os diferentes estudos e investigacións realizados.

j) Elaborar informes de carácter periódico sobre a situación da mocidade galega.

Artigo 4º.-Estrutura.

1. O Observatorio Galego de Xuventude estará integrado polos seguintes membros:

a) Presidencia, que será a persoa titular do departamento competente en materia de xuventude.

b) Vicepresidencia, que será a persoa titular da dirección xeral competente en materia de Xuventude.

c) Vogais:

-Un/unha director/a xeral ou secretario/a xeral, representante de cada consellería que de forma transversal teña actuacións que afecten a mocidade galega. Será nomeado polo titular do departamento correspondente. En caso de que un/unha director/a xeral ou secretario/a xeral non puidese asistir nomeará un substituto que terá categoría, como mínimo, de xefe/a de servizo ou subdirector/a.

-Unha/un representante do Instituto Galego de Estatística.

-Unha/un representante de cada unha das tres universidades galegas.

-Unha/un representante da Federación Galega de Municipios e Provincias.

-Dous representantes do Consello da Xuventude de Galicia.

d) Secretaria/o: unha/un funcionaria/o da dirección xeral competente en materia de xuventude con categoría de subdirector/a xeral que terá voz, pero sen voto.

2. Sen prexuízo do disposto no punto anterior, por cada membro titular deberase designar un suplente para o caso de que aquel non puidese asistir. Na designación dos membros que non teñan a condición de cargos ou titulares de centros directivos, terase en conta a posibilidade de acadar unha representación equilibrada por sexos, consonte o previsto na Lei 7/2004, para a igualdade de mulleres e homes na Comunidade Autónoma de Galicia e Lei orgánica 3/2007, de 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes.

3. A presidencia do Observatorio poderá convocar a persoas de recoñecido prestixio e, en todo caso, a representantes das distintas consellerías cando se vaian debater asuntos da súa competencia.

4. A Presidencia poderalle propoñer ao Pleno a incorporación, ao Observatorio Galego da Xuventude, doutros organismos e entidades que sexan de interese para o seu mellor funcionamento.

A revogación da condición de membro do Observatorio terá lugar polo mesmo procedemento polo que foi designado ou proposto.

Artigo 5º.-Funcionamento do Observatorio.

1. O Observatorio Galego da Xuventude funcionará en Pleno e en Comisión.

2. O Pleno é o órgano superior integrado por todas as persoas que forman parte do Observatorio, de acordo coa composición establecida no artigo anterior.

3. O Pleno reunirase con carácter ordinario unha vez ao ano, e con carácter extraordinario cantas veces sexa convocado pola súa presidencia.

4. A comisión é a encargada de executar os acordos do pleno e estará integrada polo titular do departamento competente en materia de xuventude ou persoa que a substitua de conformidade co artigo 4 deste decreto, o secretario do Observatorio Galego de Xuventude, e unha/un funcionaria/o, da dirección xeral competente en materia de xuventude.

5. A Comisión reunirase con carácter ordinario cada seis meses, e con carácter extraordinario cantas veces sexa convocado pola súa presidencia.

Artigo 6º.-Funcións do Pleno.

1. Correspóndelle ao Pleno o exercicio das seguintes competencias:

a) Aprobar a planificación anual do Observatorio Galego da Xuventude.

b) Aprobar a memoria anual do Observatorio.

c) Establecer os criterios xerais sobre materias relativa ás competencias do Observatorio.

d) Calquera outra función respecto ao Observatorio Galego da Xuventude.

2. O Pleno poderá acordar a constitución, con carácter permanente ou temporal, de grupos de traballo para analizar aspectos concretos relacionados coa mocidade.

Artigo 7º.-Funcións da comisión.

Correspóndelle á comisión:

a) Elaborar a planificación anual do Observatorio Galego da Xuventude.

b) Elaborar, preparar e poñer á disposición do Pleno a información e documentación que solicite.

c) Aqueloutras que o Pleno lle encomende.

Artigo 8º.-Funcións da Presidencia.

1. Correspóndelle á presidencia:

a) Ter a representación do Observatorio.

b) Acordar a convocatoria das sesións ordinarias e extraordinarias do Pleno e da comisión e fixar a súa orde do día.

c) Presidir as sesións, moderar o desenvolvemento dos debates e dirixir as deliberacións e votacións.

d) Dirimir co seu voto os empates, para efectos de adoptar acordos.

e) Visar as actas e certificacións expedidas polo secretario.

f) Desempeñar calquera outra función que lle atribúa ao Pleno ou sexa inherente á súa condición de presidente deste.

2. En caso de vacante, ausencia ou enfermidade, a presidencia será substituída pola vicepresidencia.

Artigo 9º.-Funcións da/o secretaria/o.

Correspóndelle a/o secretaria/o:

a) Asistir ás reunións do Pleno e da comisión, con voz pero sen voto.

b) Efectuar a convocatoria das sesións do Pleno e da comisión por orde da presidencia, así como as citacións aos membros deste.

c) Preparar as reunións do Pleno e da comisión.

d) Levantar acta das sesións.

e) Expedir, co visto e prace da presidencia certificacións das consultas, ditames e acordos aprobados.

f) Recibir os actos de comunicación dos membros co órgano e, polo tanto, as notificacións, peticións de datos, rectificacións ou calquera outra clase de escritos dos que deba ter coñecemento.

g) Cantas funcións sexan inherentes á súa condición de secretario/a.

Artigo 10º.-Réxime económico.

A constitución e posterior funcionamento do Observatorio Galego da Xuventude financiarase con cargo aos orzamentos do departamento competente en materia de xuventude, incluíndo os gastos das actividades que desenvolva, e non xerará aumento das dotacións orzamentarias nos orzamentos xerais da Xunta de Galicia.

Artigo 11º.-Estrutura administrativa.

A xestión e funcionamento do Observatorio Galego da Xuventude serán realizadas cos medios humanos e materiais do departamento competente en materia de xuventude e do Centro Coordinador de Información e Documentación Xuvenil.

Artigo 12º.-Réxime xurídico.

O Observatorio Galego da Xuventude poderá establecer as súas propias normas de funcionamento sen prexuízo do establecido neste decreto e no capítulo II do título II da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposición derrogatoria

Única.-Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto neste decreto e, en particular o artigo 98 punto 1 d), do Decreto 50/2000, do 20 de xaneiro, polo que se refunde e actualiza a normativa vixente en materia de xuventude, e aqueleoutros que poidan contradicir esta normativa.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a persoa titular do departamento competente en materia de xuventude para que dite cantas disposicións necesarias para o desenvolvemento e execución deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor aos vinte dias da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e seis de xuño de dous mil oito.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

Anxo Manuel Quintana González

Vicepresidente da Igualdade e do Benestar