DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 179 Martes, 16 de setembro de 2008 Páx. 17.130

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

VICEPRESIDENCIA DA IGUALDADE E DO BENESTAR

ORDE do 9 de setembro de 2008 pola que se desenvolve o Decreto 195/2007, do 13 de setembro, polo que se regula o Servizo Galego de Apoio á Mobilidade Persoal para persoas con discapacidade e/ou dependentes e se aproba o Catálogo de prestacións do servizo.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 4.2º, encoméndalles aos poderes públicos a obriga de promover as condicións para que a liberdade e a igualdade do individuo e dos grupos en que se integra sexan reais e efectivas, debendo remover os atrancos que impidan ou dificulten a súa plenitude e facilitando a participación de todos os galegos e galegas na vida económica, cultural e social.

A Comunidade Autónoma de Galicia posúe, con carácter exclusivo, competencias en materia de asistencia social, de conformidade co establecido no artigo 27.23º do seu Estatuto de autonomía.

Ao abeiro da referida atribución competencial, o Consello da Xunta de Galicia aprobou, o 13 de setembro de 2007, e por proposta da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, o Decreto 195/2007 polo que se regula o Servizo Galego de Apoio á Mobilidade Persoal para persoas con discapacidade e/ou dependentes. O dito servizo, de conformidade co previsto no artigo 1 da referida norma, ten a consideración de servizo público de carácter social de axuda ao desprazamento programado e non urxente das persoas con discapacidade e/ou dependentes que, a través dunha rede de responsabilidade pública, se efectuará en condicións de máxima seguranza, cos medios necesarios e coa presenza dun/ha monitor/a acompañante.

Ben que o referido decreto constitúe o marco normativo regulador do Servizo Galego de Apoio á Mobilidade Persoal, a dita regulación debe ser necesariamente complementada coa aprobación do Catálogo de prestacións do servizo, instrumento que deberá precisar o contido e prioridades da súa prestación, tal e como se desprende do artigo 4.3º da norma citada.

En efecto, o artigo 4 do Decreto 195/2007, do 13 de setembro, regula o contido e prioridades do servizo, no cal se procurará cubrir as necesidades básicas de desprazamento das persoas usuarias, segundo a orde de prioridades nel establecida: acudir a consultas ou tratamentos sanitarios do sistema público e concertado ou das mutualidades de funcionarios públicos e o traslado a centros ou equipamentos do sistema de servizos sociais, nos termos e condicións regulados na referida norma. O número 3 do artigo citado establece que no ámbito do Catálogo de prestacións do servizo, e unha vez cubertas as prioridades de desprazamento sinaladas, poderá prestarse o servizo para a realización das actividades básicas relacionadas coa vida diaria autónoma e co seu desenvolvemento persoal, así como para asistir a actividades de carácter educativo e formativo.

É precisamente o Catálogo de prestacións do servizo, cuxa aprobación lle corresponde ao titular do departamento da Administración autonómica con competencias en materia de servizos sociais por expresa habilitación da disposición derradeira primeira do Decreto 195/2007, do 13 de setembro, o instrumento que deberá precisar o contido e prioridades da prestación do Servizo Galego de Apoio á Mobilidade Persoal, tendo en conta, en todo caso, as principais demandas de desprazamento efectuadas polas persoas usuarias do servizo.

Neste sentido, a realización, ao abeiro das previsións contidas na disposición adicional primeira do Decreto 195/2007, dunha experiencia piloto sobre o servizo durante os primeiros meses deste ano 2008, xerou importantes elementos valorativos e de análise acerca do comportamento da demanda do servizo (obxectivos acadados, índices de demanda e ratios de cobertura, incidencias relevantes durante a súa execución), aspectos todos eles que constitúen a base da regulamentación do Catálogo de prestacións do Servizo Galego de Apoio á Mobilidade Persoal para persoas con discapacidade e/ou dependentes.

Esta orde, de conformidade co exposto e ao abeiro do establecido nas disposicións derradeiras primeira e segunda do Decreto 195/2007, do 13 de setembro, ten por obxecto regular as súas normas de desenvolvemento e, particularmente, a aprobación e regulamentación do Catálogo de prestacións do Servizo Galego de Apoio á Mobilidade Persoal para persoas con discapacidade e/ou dependentes.

De conformidade co Decreto 517/2005, do 6 de outubro, polo que se establece a súa estrutura orgánica, a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar é o departamento da Administración autonómica que ten atribuídas, entre outras competencias e funcións, o deseño, coordinación, avaliación e, se é o caso, a xestión das políticas da Xunta de Galicia en materia de benestar, incluíndo as políticas de xuventude, inclusión social, atención ás persoas con discapacidade e persoas maiores.

En consideración ao exposto, e en virtude das funcións atribuídas polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, modificada polas leis 2/2007, do 28 de marzo, e 12/2007, do 27 de xullo,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

1. Esta orde ten por obxecto o desenvolvemento do Decreto 195/2007, do 13 de setembro, polo que se regula o Servizo Galego de Apoio á Mobilidade Persoal para persoas con discapacidade e/ou dependentes.

2. Igualmente, e de conformidade co establecido na disposición derradeira primeira do Decreto 195/2007, do 13 de setembro, polo que se regula o Servizo Galego de Apoio á Mobilidade Persoal para persoas con discapacidade e/ou dependentes, esta orde ten por obxecto a aprobación e regulamentación do Catálogo de prestacións do devandito servizo.

Artigo 2º-Adquisición da condición de persoa usuaria do servizo.

1. Poderán ser usuarias do Servizo Galego de Apoio á Mobilidade Persoal para persoas con discapacidade e/ou dependentes as persoas residentes en Galicia que cumpran os requisitos establecidos no artigo 5 do Decreto 195/2007, do 13 de setembro.

2. O procedemento para o recoñecemento da condición de persoa usuaria do Servizo Galego de Apoio á Mobilidade Persoal para persoas con discapacidade e/ou dependentes tramitarase de conformidade coas prescricións establecidas no artigo 6 do Decreto 195/2007, do 13 de setembro, coas seguintes particularidades:

a) Para os efectos de acreditar a residencia no territorio da Comunidade Autónoma galega, será válido o certificado de residencia, así como calquera outro documento emitido polo respectivo concello que acredite a residencia efectiva da persoa solicitante.

b) De conformidade co establecido no artigo 35 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, non será obrigatoria a presentación dos certificados de recoñecemento do grao de minusvalidez e/ou dependencia que fosen emitidos polos órganos correspondentes da comunidade autónoma, que serán solicitados de oficio pola unidade administrativa encargada da tramitación do expediente.

Non obstante o anterior, os certificados de recoñecemento do grao de minusvalidez e/ou dependencia deberán ser presentados polos/as solicitantes, xunto coa solicitude do recoñecemento da condición de persoa usuaria do servizo, cando a correspondente resolución fose emitida noutra comunidade autónoma.

c) A imposibilidade de utilización de transportes colectivos acreditarase coa resolución de recoñecemento do grao de minusvalidez cando nela conste a existencia de dificultades de mobilidade para utilizar transportes colectivos.

No seu defecto, e de conformidade co establecido no artigo 6.1º d) do Decreto 195/2007, do 13 de setembro, a dita circunstancia acreditarase igualmente mediante informe, segundo o modelo que se xunta no anexo, emitido polo/a traballador/a social dos servizos sociais de atención primaria do concello de residencia da persoa solicitante.

Nos supostos de residencia da persoa solicitante en centros públicos ou concertados ou, excepcionalmente, por causas debidamente xustificadas, o informe a que se refire o parágrafo anterior poderá ser emitido polos traballadores/as sociais dos servizos sociais de atención especializada.

d) A información tributaria exixida no artigo 6.1º e) do Decreto 195/2007, do 13 de setembro, poderá sr obtida directamente polo órgano xestor e polos medios telemáticos da Axencia Tributaria, logo de autorización das persoas interesadas nos termos establecidos no anexo I da referida norma.

Artigo 3º.-Contido da prestación do servizo.

A prestación consistirá en proporcionar o desprazamento das persoas usuarias do Servizo Galego de Apoio á Mobilidade Persoal para persoas con discapacidade e/ou dependentes nos medios de transporte destinados para esta finalidade, e incluirá a asistencia no desprazamento dun/ha monitor/a acompañante por vehículo, que será a persoa encargada de recoller a persoa usuaria no punto máis próximo ao seu domicilio ou lugar de recollida realizando a máxima aproximación que as vías de circulación e acceso permitan, e de apoialo durante o desprazamento, entendéndose como límite da súa intervención a porta de acceso ao domicilio do/a usuario/a ou o lugar de recollida, tanto no inicio como na finalización do servizo.

Artigo 4º.-Determinación da participación das persoas usuarias no financiamento do servizo.

1. A determinación da participación das persoas usuarias no financiamento do servizo efectuarase de conformidade coas prescricións establecidas no capítulo IV do Decreto 195/2007, do 13 de setembro.

2. O número de quilómetros que comprendan o desprazamento das persoas usuarias determinarao o centro de coordinación do servizo en atención á ruta máis curta existente entre os puntos de orixe e destino, con independencia dos eventuais desvíos que tivese que efectuar o vehículo durante o desprazamento co fin de acadar unha maior rendibilidade do servizo.

3. Para os efectos do previsto no artigo 13 do Decreto 195/2007, do 13 de setembro, para a determinación individualizada da porcentaxe de participación das persoas usuarias no financiamento do servizo, computarase unicamente a capacidade económica persoal da persoa solicitante, de conformidade coa seguinte escala:

Ver referencia pdf "17900D001P006.PDF"

Artigo 5º.-Catálogo de prestacións do servizo.

1. De conformidade coas previsións contidas no artigo 4 do Decreto 195/2007, do 13 de setembro, o Servizo Galego de Apoio á Mobilidade Persoal para persoas con discapacidade e/ou dependentes procurará cubrir as necesidades básicas de desprazamento das persoas usuarias consonte as seguintes prioridades operativas, en función da finalidade do servizo:

a) Acudir a consultas ou tratamentos sanitarios do sistema público e concertado ou das mutualidades de funcionarios públicos, cando o desprazamento non sexa competencia do sistema sanitario.

Para estes efectos reservarase unha franxa horaria de forma que permita planificar as citas con antelación e prestar adecuadamente o servizo sen minorar a eficacia nas demais prestacións.

b) Traslado a/ou desde residencias da rede pública do sistema galego de servizos sociais especializados.

c) Traslado a centros de aloxamento temporal da rede pública do sistema galego de servizos sociais.

d) Traslado a centros de día da rede pública do sistema galego de servizos sociais.

Para estes efectos estableceranse, por áreas de poboación, as franxas horarias máis axeitadas para os traslados en función do perfil das persoas usuarias e da organización dos centros, de forma que permita optimizar a rendibilidade do servizo en cada área de referencia.

e) Traslado a centros ou equipamentos en que se desenvolvan programas e/ou actividades no marco dos obxectivos xerais do sistema galego de servizos sociais.

f) Traslado a centros de servizos sociais non comprendidos nas letras anteriores.

g) Traslados necesarios para a realización de actividades básicas da vida diaria que favorezan a autonomía e o desenvolvemento persoal das persoas usuarias do servizo, consonte a seguinte orde de prioridades:

1. Asistencia a xulgados, notarías e realización de xestións de carácter legal, administrativo ou doutra índole en entidades privadas.

2. Actividades relacionadas co coidado persoal, tanto a nivel terapéutico rehabilitador como estético.

3. Actividades de carácter sociofamiliar.

4. Adquisición de bens e prestación de servizos necesarios para o desenvolvemento das actividades básicas da vida diaria.

h) Traslados relacionados coa asistencia a actividades de carácter educativo e formativo.

2. O Servizo Galego de Apoio á Mobilidade Persoal para persoas con discapacidade e/ou dependentes desenvolverase, con carácter xeral, no espazo de convivencia e relación social máis próximo e necesario para o desenvolvemento persoal e social das persoas usuarias, entendendo por tal a provincia.

Cando a realización do servizo demandado comporte o desprazamento fóra do ámbito provincial, será necesaria a autorización previa do titular da delegación provincial do departamento da Administración autonómica con competencias en materia de servizos sociais. Neste concreto suposto a solicitude do servizo realizarase, sempre que sexa posible, cunha antelación mínima de cinco días á data da súa realización.

Exceptúanse da autorización previa prevista no parágrafo anterior os servizos comprendidos nas letras a) e b) do número 1 deste artigo.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Habilitación para o desenvolvemento da orde.

Autorízase a persoa titular do centro directivo competente en materia de acción social para ditar as normas que resulten necesarias para o desenvolvemento e a execución desta orde.

Segunda.-Vixencia da norma.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de setembro de 2008.

Anxo Manuel Quintana González

Vicepresidente da Igualdade e do Benestar

Ver referencia pdf "17900D002P009.PDF"