DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 188 Luns, 29 de setembro de 2008 Páx. 17.697

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 23 de setembro de 2008 pola que se amplía a oferta de materias optativas do bacharelato e se establece o seu currículo.

O Decreto 126/2008, do 19 de xuño, polo que se establece a ordenación e o currículo de bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia, determina no seu artigo 8 que os centros docentes ofertarán materias optativas de conformidade co que estableza a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

A Orde do 24 de xuño de 2008 pola que se desenvolve a organización e o currículo das ensinanzas de bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia, establecidas no decreto anteriormente citado, no seu artigo 8 establece que o alumnado cursará unha materia optativa elixida, para cada un dos dous cursos, entre as materias seguintes: música, segunda lingua estranxeira e tecnoloxías da información e comunicación, de oferta obrigatoria; antropoloxía, ética e filosofía do dereito, filosofía da ciencia e tecnoloxía, métodos estatísticos e numéricos e xeografía e historia de Galicia, se o centro as oferta, así como aqueloutras que determine a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

A Orde do 25 de xuño de 2008 establece a relación de materias optativas do bacharelato o seu currículo e regula a súa oferta.

De conformidade co exposto e no uso das competencias que lle son atribuídas na disposición derradeira primeira do Decreto 126/2008, do 19 de xuño, a conselleira de Educación e Ordenación Universitaria

DISPÓN:

Artigo primeiro.-Obxecto e ámbito de aplicación.

1. Esta orde ten por obxecto ampliar a oferta de materias optativas do bacharelato así como establecer o seu currículo.

2. Esta orde será de aplicación en todos os centros dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria que impartan estas ensinanzas.

Artigo segundo.-Materias.

1. Os centros educativos poderán ofertar, en calquera das modalidades do bacharelato, as materias optativas establecidas na Orde do 25 de xuño de 2008 así como Literatura galega do século XX e da actualidade e Literaturas hispánicas.

2. As claves correspondentes a estas materias son: LGA para Literatura galega do século XX e da actualidade e LitH para Literaturas hispánicas.

3. Os requisitos para poder ofertar estas materias serán os establecidos na Orde do 25 de xuño do 2008.

4. As materias cuxa oferta e currículo se regula nesta orde serán ofertadas nos cursos seguintes: Literaturas hispánicas en primeiro curso e Literatura galega do século XX e da actualidade no segundo curso.

5. Como anexo a esta orde inclúese o currículo destas dúas materias.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a persoa titular da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa para tomar as medidas precisas para a execución desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de setembro de 2008.

Laura Sánchez Piñón

Conselleira de Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO

Literatura galega do século XX e da actualidade

1.-Introdución.

Como complemento á lingua galega e literatura, esta materia optativa pretende axudar as alumnas e os alumnos a mellorar o coñecemento da cultura da comunidade da que forman parte, a aumentar o seu coñecemento do mundo e a analizar de forma crítica a realidade, así como a ampliar as súas posibilidades comunicativas e estéticas.

Nesta materia de literatura galega preséntanse contidos referentes á literatura do S. XX e da actualidade por estaren próximos á sensibilidade da xuventude, proximidade que facilitará a relación coa obra literaria a nivel contextual, textual e estético.

Todo o alumnado cursa lingua galega e literatura, coa cal adquire unha visión xeral da creación literaria. Porén, para o desenvolvemento desta materia débese partir da materia común, de forma que non se produza unha redundancia de contidos e se favoreza o afondamento na formación literaria do alumnado.

Esta materia permitiralles ás mozas e mozos, ademais da ampliación de coñecementos literarios, a mellora na utilización de procedementos, técnicas, habilidades e estratexias que os axudarán na análise, na investigación, no desenvolvemento do xuízo crítico e na reutilización da información, aplicables non só no campo do literario senón tamén noutros campos do saber e en situacións da súa vida cotiá.

A lectura será actividade fundamental nesta materia, entendida como acción complexa que implica comprender, explicar, analizar, interpretar e valorar a obra literaria, de forma que se perciba como algo vivo, creativo e lúdico, que conforme persoas lectoras sensibles, curiosas, reflexivas e respectuosas cara a todas as manifestacións literarias, artísticas e de pensamento.

É fundamental propiciar o traballo da aula que estimule as inquedanzas literarias do alumnado e no que se fomente o espírito crítico, a escoita e o respecto polas distintas ideas e opinións sobre unha obra, a autoría ou un tema. O desenvolvemento destas actitudes conseguirá non só que as alumnas e os alumnos afonden nos seus coñecementos literarios senón tamén que completen a súa personalidade, como persoas responsables, críticas e tolerantes, que sexan quen de expor as súas opinións de forma argumentada e de captar e aceptar as opinións das outras persoas.

Os contidos desta materia preséntanse agrupados en catro bloques: o primeiro de contidos comúns, que estarán presentes no tratamento dos contidos dos restantes bloques; o segundo, prosa; o terceiro, poesía e o cuarto, a literatura e outras artes.

2.-Obxectivos.

1. Coñecer a creación literaria do século XX e da actualidade, utilizar de forma crítica as fontes bibliográficas e documentais adecuadas para o seu estudo, apreciando a obra literaria como fonte de enriquecemento cultural e de pracer persoal.

2. Ler obras literarias, identificar nelas os aspectos formais e temáticos que as individualizan e valoralas como expresión da sensibilidade da persoa e da identidade cultural de Galicia.

3. Comprender a relación entre a obra literaria e o contexto sociocultural en que foi creada e recoñecer nela as influencias literarias e non literarias.

4. Valorar a riqueza temática da creación literaria do século XX e da actualidade a través da análise do seu tratamento por diversas autoras e autores.

5. Establecer relacións entre textos da literatura galega do século XX e da actualidade con textos doutras literaturas, explicando as conexións formais e temáticas existentes entre eles.

6. Elaborar traballos sinxelos de investigación sobre algunha obra ou aspecto salientable dela, utilizando as fontes de documentación necesarias, e emitir unha opinión persoal argumentada.

3.-Contidos:

Contidos comúns.

-Lectura e interpretación de textos significativos.

-Identificación, en textos concretos, dos elementos que conforman o relato: técnicas narrativas, personaxes, tempo, espazo.

-Análise, en textos concretos, da relación entre estruturas, recursos literarios e contido.

-Análise, en diferentes textos, da obxectividade ou subxectividade que impregnan a obra literaria, así como da estrutura e técnica que a sustentan.

-Utilización, a partir da observación e análise de textos, dos elementos que conforman o relato.

-Elaboración de traballos, orais ou escritos, utilizando diversas fontes de documentación.

-Respecto pola diversidade da nosa creación narrativa contemporánea.

-Interese por compartir opinións sobre os textos lidos e analizados.

-Valoración da lectura como medio para o coñecemento da nosa realidade cultural e como fonte de pracer e enriquecemento persoal.

-Creación de textos nos cales se teñan presentes elementos literarios e non literarios.

A prosa.

-A prosa de ficción: relato curto e novela.

-Estrutura e técnica narrativa. Temática.

-A prosa de non ficción: o compromiso cultural.

-A crítica literaria.

-Artigo de opinión.

-Reflexión sobre o significado e a importancia de determinadas formas literarias na cultura do século XX e da actualidade.

Poesía.

-A creación poética. A súa importancia ao longo do século XX e na actualidade.

-Temática: o paisaxismo. A poesía existencial. A poesía social. A poesía amorosa.

-Forma e linguaxe poética.

-Relacións intertextuais.

-As influencias literarias na creación poética.

A literatura e as outras artes.

-Texto literario e espectáculo teatral. A súa presenza no século XX e na actualidade.

-Temática e técnica teatral.

-Literatura e cine. Influencias.

-Debuxo e simbolismo. O texto, a imaxe e o contexto.

-Interpretación de obras nas cales se integre texto e imaxe dentro dun determinado contexto.

-Identificación, a través da comparación de textos, da diversa temática e da técnica teatral ao longo da creación do século XX e na actualidade.

4.-Criterios de avaliación.

1. Ler e interpretar textos significativos da literatura deste período, sabendo relacionalos co contexto histórico e sociocultural.

Con este criterio trátase de comprobar se o alumnado é quen de comprender e interpretar un texto literario como un feito cultural situado nun determinado marco histórico, social e ideolóxico.

2. Analizar textos, reflexionando sobre os seus recursos estilísticos e técnicos, e sobre a interrelación do contido coa forma.

Trátase de coñecer a capacidade das alumnas e dos alumnos para facer un comentario comprensivo dun texto no cal capten as características da técnica empregada, salientando aqueles aspectos máis innovadores, os recursos estilísticos utilizados e aqueloutros elementos que fan do texto unha obra de creación.

3. Recoñecer en textos de diferente autoría a presenza dunha mesma temática e relacionalos con formulacións anteriores poñendo de relevo as diferencias que os singularizan.

Trátase de comprobar se o alumnado recoñece a presenza dunha mesma temática na creación literaria de distinta autoría e se é quen de realizar unha análise dela a través dunha visión retrospectiva.

4. Elaborar traballos sinxelos sobre obras de creación, explicando as características principais, achegando unha opinión persoal e utilizando de forma crítica as fontes bibliográficas e documentais adecuadas.

Este criterio pretende comprobar a capacidade das alumnas e dos alumnos para elaborar traballos acudindo a diversas fontes bibliográficas, achegando opinións persoais; así mesmo, comprobarase a capacidade de planificar o traballo e de expresar, a través dunha estrutura correcta e dunha linguaxe adecuada e rica, as súas ideas, opinións e xuízos.

5. Relacionar textos da literatura galega con outros de literaturas distintas, observando as posibles influencias e distinguindo as notas peculiares da nosa cultura literaria.

Con este criterio preténdese comprobar se o alumnado é quen de percibir, a través da comparación de textos, as influencias doutras literaturas e os trazos propios da nosa cultura.

6. Valorar a creación literaria en lingua galega como expresión dos sentimentos, ideas e ideoloxía, individuais e colectivos, e como medio para enriquecer a propia personalidade.

Este criterio pretende comprobar o desenvolvemento, nas alumnas e nos alumnos, dunha actitude crítica e respectuosa cara á creación literaria, a través do interese e hábito lector, o interese pola creación literaria, as súas opinións e xuízos sobre textos literarios, a súa actitude ante as novas publicacións, o respecto polas opinións alleas, etc.

Literaturas hispánicas

1.-Introdución.

A literatura afírmase como un medio privilexiado de exploración e coñecemento dunha realidade humana, da súa cultura. O ensino da literatura incide no desenvolvemento da sensibilidade artística e na adquisición da capacidade de analizar e valorar criticamente a realidade.

O currículo das literaturas hispánicas concíbese como un complemento de lingua castelá e literatura e de lingua galega e literatura. O seu estudo debe permitirlles ás alumnas e aos alumnos incidir no coñecemento dos elementos específicos da produción literaria desenvolvida no noso ámbito cultural e ampliar os procedementos propios da literatura en canto que disciplina, tales como a lectura crítica de obras literarias, a análise e interpretación de textos e a busca de información utilizando as fontes adecuadas.

Aínda que o obxecto de estudo fundamental sexa a produción literaria en castelán tanto do Estado español como de Hispanoamérica, prestarase tamén atención ao coñecemento da produción literaria noutras linguas peninsulares máis significativa pola súa contribución ao ámbito cultural común.

O estudo da literatura, en canto que materia independente, permite abordar, como obxectivo básico, a ampliación da formación literaria do alumnado.

A lectura e interpretación de obras literarias, atendendo ao contexto cultural en que se produciron, débese considerar como eixe da programación: coñecer as características xerais da literatura no período histórico enmarcado, relacións coa literatura occidental, xeracións e movementos literarios, evolución dos xéneros narrativos, poéticos e teatrais, cambios na concepción do papel social da persoa escritora e da función da literatura, etc.

Para a selección das obras terase en conta o valor literario específico dos textos seleccionados, representatividade en relación coas grandes liñas literarias, inserción nunha tendencia artística relevante e as súas achegas á renovación literaria, valor representativo do xénero, etc. Tendo en conta a idade das alumnas e dos alumnos, a lectura crítica non debe esquecer as posibilidades dunha lectura creadora, de xeito que o alumnado poida achegar todas as suxestións intelectuais e afectivas que o texto lle provoque, ben mediante o obradoiro de textos literarios, ben mediante a elaboración de breves traballos de investigación que corroboren ou contrasten a súa propia interpretación.

Dada a gran riqueza e variedade da produción literaria no século XX e na actualidade, pode ser conveniente substituír a lectura completa de obras significativas pola lectura de antoloxías poéticas, teatrais ou de relatos breves que faciliten un coñecemento e unha valoración máis global das diversas tendencias e xeracións de autoras e autores, así como o contacto cunha panorámica da evolución dos tres grandes xéneros: lírica, narrativa e teatro.

Os contidos desta materia preséntanse agrupados en catro bloques: o primeiro, contidos comúns, permitirán o achegamento á obra literaria no sentido máis amplo e que estarán presentes no traballo dos outros bloques. No bloque segundo, a narrativa hispánica, desde a superación do realismo decimonónico ata os nosos días. No terceiro, as tendencias poéticas máis relevantes e, no cuarto, o teatro.

2.-Obxectivos.

1. Coñecer as tendencias e movementos estéticos máis representativos e as autoras e autores máis significativos das literaturas hispánicas que conformaron a nosa realidade multicultural actual.

2. Ler, analizar e interpretar textos significativos das literaturas hispánicas relacionándoos co momento histórico no cal foron creados e atendendo aos aspectos socioculturais e literarios máis relevantes.

3. Elaborar traballos sobre movementos estéticos, sobre autoras ou autores, sobre obras ou temas relevantes, utilizando as fontes de documentación necesarias e mostrando un interese suficiente pola realización e presentación dun traballo ben feito.

4. Comunicar ideas, sentimentos e sensacións propios mediante a elaboración de textos escritos con intención estética ou ben coa finalidade de expresar opinión.

5. Valorar a creación literaria como expresión de sentimentos, crenzas e inquietudes, individuais e colectivos, como instrumento de coñecemento das nosas culturas e como fonte de enriquecemento persoal.

6. Sentir interese por coñecer a creación literaria hispánica e respectar as diferenzas culturais reflectidas nos diversos textos lidos.

3.-Contidos.

Contidos comúns.

-Lectura e interpretación de textos significativos.

-Identificación, en textos concretos, dos elementos que conforman o relato: técnicas narrativas, personaxes, tempo, espazo.

-Análise, en textos concretos, da relación entre estruturas, recursos literarios e contido.

-Análise, en diferentes textos, da obxectividade ou subxectividade que impregnan a obra literaria, así como da estrutura e técnica que a sustentan.

-Utilización, a partir da observación e análise de textos, dos elementos que conforman o relato.

-Elaboración de traballos, orais e/ou escritos, utilizando diversas fontes de documentación.

-Interese por compartir opinións sobre os textos lidos e analizados.

-Valoración da lectura como medio para o coñecemento da nosa realidade cultural e como fonte de pracer e enriquecemento persoal.

Narrativa.

-Pluralidade narrativa. Tendencias desde a fin do século XIX ata 1940: permanencia e renovación do realismo tradicional. A narración formalista e intelectual.

-Tendencias narrativas desde 1940 ata os nosos días. Diversificación das propostas narrativas: realismo social, realismo obxectivo, realismo máxico e realismo experimental. Asimilación da renovación formal e eclecticismo.

-Innovacións técnicas e temáticas.

-Renovación dos xéneros narrativos: novela, novela curta e conto.

-Narrativa e medios de difusión. Adaptacións cinematográficas e televisivas.

Poesía.

-Tendencias poéticas desde fin do século XIX ata 1940: simbolismo, impresionismo e modernismo. As vangardas: o surrealismo.

-Tendencias poéticas desde 1940 ata os nosos días: do existencialismo e o testemuño social ao culturalismo e experimentación.

-Innovacións métricas, estilísticas e temáticas fundamentais na renovación poética do século XX.

-As distintas canles de divulgación da poesía. Relacións entre poesía e canción.

-Identificación, en textos concretos, dos recursos poéticos máis relevantes, en relación coa pertenza a unha tendencia concreta ou en relación coa autora ou autor a que pertencen.

-Imitación, con finalidade lúdica e estética, daqueles recursos que poidan resultar máis relevantes para a renovación poética do século XX e da actualidade.

-Valoración da poesía como expresión estética dos sentimentos, ideas e inquietudes da persoa sobre o mundo que a rodea.

-Interese polo coñecemento da poesía hispánica contemporánea na súa rica variedade cultural e estética.

Teatro.

-Tendencias teatrais desde fin do século XIX ata 1940: a consolidación da comedia burguesa e as fórmulas renovadoras do teatro.

-Tendencias teatrais desde 1940 ata os nosos días: o teatro convencional e as propostas de renovación teatral.

-Texto dramático: texto espectacular e texto literario.

-Trazos específicos da situación comunicativa no teatro.

-Canles de difusión: grupos e festivais de teatro. Outros medios.

-Identificación, en textos concretos, dos elementos non literarios que converten o texto dramático en espectáculo teatral.

-Análise, a través da comparación de textos dramáticos, da evolución temática e da técnica teatral.

-Dramatización e/ou adaptación, con finalidade lúdica e estética, de breves textos teatrais.

-Valoración da especificidade do teatro como medio de comunicación colectiva e como enriquecemento cultural da sociedade.

4.-Criterios de avaliación.

1. Recoñecer en textos do século XX e contemporáneos das literaturas hispánicas os trazos máis característicos da tendencia, movemento estético ao cal pertencen, así como do xénero literario correspondente.

Este criterio trata de valorar se as alumnas e alumnos comprenden os cambios producidos na concepción e función da creación literaria durante o período estudado e a súa relación cos cambios producidos na renovación dos xéneros.

2. Identificar e situar no seu contexto sociocultural as autoras e autores máis relevantes das literaturas hispánicas no século XX e actualidade.

Este criterio trata de avaliar se as alumnas e alumnos son quen de situar no tempo as figuras literarias máis significativas, relacionando os trazos xerais do contexto sociocultural en que se produciu a súa obra cos trazos individuais que as caracterizan, valorando as súas achegas ao enriquecemento do patrimonio cultural común.

3. Analizar obras literarias significativas, reflexionando sobre os recursos técnicos e temáticos fundamentais para a súa valoración.

Este criterio trata de comprobar a capacidade do alumnado para achegarse criticamente ás obras literarias cun método e unhas técnicas de análise coherentes e razoadas, e se é quen de interrelacionar contido e forma. Así mesmo, valorarase se as alumnas e os alumnos, partindo da súa experiencia lectora, da bibliografía adecuada e da análise da obra, son capaces de expresar as súas propias hipóteses e de argumentalas mediante a elaboración de sínteses interpretativas.

4. Redactar textos breves con intención lúdica e estética, a partir de modelos, utilizando conscientemente elementos e estruturas propios dos textos literarios e manifestando as propias ideas ou sentimentos.

Este criterio pretende valorar a capacidade das alumnas e alumnos para presentar un texto propio, seguindo os modelos traballados, empregando os recursos máis adecuados.

5. Elaborar traballos breves, recensións, exposicións orais ou escritas, sobre épocas, movementos literarios, autoras e autores ou obras literarias.

Este criterio pretende verificar a capacidade das alumnas e dos alumnos para elaborar traballos adecuados ao seu nivel académico nos cales mostren a súa competencia para utilizar fontes bibliográficas, para planificar con certo rigor disciplinar os seus propios textos e para expresar, mediante unha estrutura textual correcta e unha linguaxe adecuada, as súas ideas, opinións e valoracións. Así mesmo, comprobarase a súa capacidade e interese en presentar un traballo correcto e ben feito.