DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 189 Martes, 30 de setembro de 2008 Páx. 17.786

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

ORDE do 17 de setembro de 2008 pola que se clasifica de interese cultural a Fundación Antón Losada Diéguez.

Visto o expediente de clasificación da Fundación Antón Losada Diéguez, con domicilio en Boborás (Ourense).

Supostos de feito.

Primeiro.-Xosé Manoel Rodríguez González, na súa condición de membro do padroado, formulou solicitude de clasificación para os efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Segundo.-A fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Pontevedra o día vinte de setembro de dous mil seis, ante o notario César Cunqueiro González-Seco, co número de protocolo dous mil vinte e catro, por Mercedes Losada Espinosa, que intervén no seu propio nome e dereito.

Terceiro.-A dotación inicial da fundación é a núa propiedade de casa e predio descritos na escritura de constitución, valorados en douscentos setenta mil euros.

Cuarto.-Segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos, a fundación ten por obxecto preservar, promover e difundir a obra literaria, social e política de Antón Losada Diéguez, e en consecuencia fomentar e promover todo tipo de estudos, cursos, investigacións, exposicións, encontros e calquera outra actividade de carácter cultural, docente ou de interese social, relacionados coa personalidade de Antón Losada Diéguez.

Quinto.-O padroado da fundación estará integrado por Cipriano José Camaño Castro, alcalde do Concello de Boborás, como presidente; Carlos Alberto Montes Marqués, alcalde do Concello do Carballiño, como vicepresidente; José Luis Espinosa de Soto, como secretario; Alfonso Zulueta de Haz, como tesoureiro; e por Xosé Antonio Dono López, alcalde do Concello da Estrada; Luis Quinteiro Fiuza, bispo de Ourense; José Luis Baltar Pumar, presidente da Deputación de Ourense; Carlos Valle López, director do Museo de Pontevedra; Antucho Espinosa Suances; José Manoel Rodríguez González; Rafael Sanmartín Losada; Antonio Losada Campa; José Patricio Núñez Losada e José Manuel Gándara Núñez, como vogais.

Sexto.-A comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza proposta de clasificación como de interese cultural da Fundación Antón Losada Diéguez, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, véndose cumpridos os requisitos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como de interese cultural e a súa adscrición á Consellería de Cultura e Deporte.

Fundamentos de dereito.

Primeiro.-O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo.-De acordo co disposto no artigo 32.2º.c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, corresponde a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Terceiro.-A documentación achegada reúne os requisitos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, entre outros os establecidos nos artigos 11 e 12 referidos ao contido da escritura de constitucións e dos estatutos.

Cuarto.-Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día quince de setembro de dous mil oito.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar de interese cultural a Fundación Antón Losada Diéguez, adscribíndoa á Consellería de Cultura e Deporte, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 17 de setembro de 2008.

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza