DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 194 Martes, 07 de outubro de 2008 Páx. 18.203

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

ORDE do 23 de setembro de 2008 pola que se desenvolve o Decreto 116/2008, do 8 de maio, polo que se establece a ordenación dos establecementos de restauración denominados furanchos en Galicia.

O Decreto 116/2008, do 8 de maio, polo que se establece a ordenación dos establecementos de restauración denominados furanchos en Galicia, establece no seu artigo 3 que todos os furanchos, antes de iniciar a súa tempada de funcionamento e, en todo caso, unha vez ao ano, acreditarán ter feito a preceptiva declaración de produción anual ao órgano correspondente da consellería competente en materia de agricultura, así como ter concedida a autorización do concello para o período de apertura pretendido.

Non obstante, o Decreto 116/2008 non limita a tempada de funcionamento, polo que, tendo en conta que a propia natureza dos furanchos é a de subministrar o viño excedente elaborado a partir dos seus propios viñedos e destinado exclusivamente ao autoconsumo, estes establecementos non se poden manter abertos máis tempo do que permita a propia colleita.

Por iso, conforme ás competencias atribuídas á Comunidade Autónoma de Galicia nas materias de promoción e ordenación do turismo e sobre declaración de existencias, colleita de uva e produción do sector vitivinícola, e no uso das competencias atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente e polo Regulamento de réxime interior da Xunta de Galicia, Decreto 111/1984, do 25 de maio, modificado polo Decreto 57/1994, do 25 de marzo,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Tempada de funcionamento.

Establécese con carácter xeral o comezo da tempada anual de funcionamento dos furanchos o 1 de decembro e o seu remate o 30 de xuño.

Artigo 2º.-Elección do período de apertura.

1. O período de apertura dos furanchos non poderá ser superior aos tres meses e, en todo caso, estará comprendido na tempada de funcionamento establecida no artigo anterior.

2. Os/as titulares dos furanchos farán constar na solicitude o período de funcionamento pretendido e deberán achegar informe favorable do concello correspondente.

Artigo 3º.-Cambios do período de apertura.

1. No suposto de que o/a titular do furancho queira modificar o período de apertura autorizado, deberá obter a autorización previa do centro directivo correspondente da consellería competente en materia de turismo.

2. Para estes efectos, o interesado deberá achegar, xunto coa solicitude, informe favorable do dito cambio emitido polo concello, así como o xustificante do pagamento das taxas correspondentes.

3. Para a tramitación do correspondente expediente de autorización turística observarase ao establecido polos puntos 2º e 3º dos artigos 4 e 6 do Decreto 116/2008, do 8 de maio, polo que se establece a ordenación dos establecementos de restauración denominados furanchos en Galicia.

Artigo 4º.-Peche anticipado.

O esgotamento ou falta da colleita de viño nun ano será causa xustificada para o peche polo cal non se aplicará como motivo para a tramitación da baixa de oficio prevista no artigo 7.2º do Decreto 116/2008, do 8 de maio, polo que se establece a ordenación dos establecementos de restauración denominados furanchos en Galicia. Non obstante, o/a titular estará obrigado a comunicar tal circunstancia á delegación provincial correspondente da consellería competente en materia de turismo, para a correspondente anotación rexistral do peche temporal.

Disposición derradeira

Entrada en vigor.-Esta orde entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de setembro de 2008.

Fernando Xabier Blanco Álvarez Alfredo Suárez Canal

Conselleiro de Innovación Conselleiro do Medio

e Industria Rural