DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 218 Luns, 10 de novembro de 2008 Páx. 20.359

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

DECRETO 253/2008, do 30 de outubro, polo que se crea e regula o Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia.

A realidade viva e dinámica que constitúe o sector agrario e gandeiro, concretada na Comunidade Autónoma de Galicia nunha alta especialización gandeira do sector, determinan a necesidade de establecer de xeito permanente, integrado e actualizado, un Rexistro de Explotacións Agrarias.

Ademais, a exixencia de elevadas condicións de calidade e seguridade alimentaria impoñen o establecemento dunha precisa rastrexabilidade de todas as producións agropecuarias, con base nunha correcta identificación rexistral das explotacións dedicadas ás ditas producións.

O Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia, previsto neste decreto, facilitará en gran medida a aplicación e xestión das axudas vinculadas ao sector, homoxeneizando os datos rexistrais e clasificando as explotacións en seccións.

A Orde do 16 de xuño de 1998 regulou, en Galicia, o Rexistro de Explotacións Agrarias Prioritarias, con base na Lei 19/1995, de modernización das explotacións agrarias, o cal se integra neste decreto como unha sección específica do Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia.

Por outra banda, a Lei 8/2003, do 24 de abril, de sanidade animal, e o Real decreto 479/2004, do 26 de marzo, que establece e regula o Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras, prevén que todas as explotacións gandeiras deberán estar rexistradas na comunidade autónoma onde radiquen, incluíndose os datos básicos nun rexistro nacional de carácter informativo. A aplicación da devandita normativa no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia determina a necesidade de ter en conta as anteriores especificidades dentro do Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia.

O Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia ten carácter xeral, de xeito que calquera explotación agraria é susceptible de inscrición, quedando englobadas as explotacións agrarias que teñan a cualificación de prioritarias na sección do rexistro denominada Explotacións Agrarias Prioritarias, e as demais explotacións agrarias que non gocen desta cualificación incluiranse na sección denominada Outras Explotacións Agrarias.

O Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia constituirá, ademais, un instrumento necesario para a ordenación e sistematización de toda a información dispoñible sobre as explotacións agrarias galegas, coas súas características particulares e a súa clasificación por orientacións produtivas, polo que suporá un considerable apoio a calquera política agroalimentaria e ambiental.

O Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia tamén será un instrumento para avaliar a situación social do sector agrogandeiro, especialmente como un indicador das medidas de igualdade laboral entre mulleres e homes, as de incorporación de persoas agricultoras mozas e loita contra o desemprego.

A finalidade deste decreto é definir as características das explotacións agrarias de Galicia, dispoñer de datos para determinar as condicións que deben reunir as explotacións agrarias para seren destinatarias preferentes das axudas públicas, garantir a eficacia do sistema de xestión e control en aplicación da política agraria da Xunta de Galicia, e facilitar as relacións entre a administración e as persoas administradas mediante un rexistro veraz e actualizado dos seus datos que permita unha xestión eficaz dos seus intereses.

O decreto consta dunha parte expositiva, 20 artigos divididos en catro capítulos, dúas disposicións transitorias, unha disposición derrogatoria e dúas disposicións derradeiras.

No capítulo I Disposicións xerais establécese o obxecto e ámbito de aplicación deste decreto, xunto cunha serie de definicións para os efectos do seu desenvolvemento, como son actividade agraria, explotación agraria e elementos que a constitúen, unidade de produción, os diferentes tipos de titularidade da explotación, renda total da persoa titular da explotación, persoa agricultora profesional, persoa agricultora a título principal, unidade de traballo agrario, renda unitaria de traballo e renda de referencia.

O capítulo II Organización e funcionamento do Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia regula a xestión, coordinación e organización do Reaga, o método de inscrición e os datos necesarios para esta, os procedementos de resolución das solicitudes de inscrición, a identificación das explotacións, a actualización do rexistro e a baixa nel.

O capítulo III Explotacións agrarias prioritarias, establece o modo de acreditar a cualificación dunha explotación como explotación agraria prioritaria, os requisitos que ha cumprir para poder ser cualificada como tal, determina o proceso de cálculo da renda unitaria de traballo e da renda da persoa titular da explotación, a acreditación da afiliación á Seguridade Social e da capacitación profesional, así como a especificidade na cualificación das explotacións agrarias prioritarias segundo as súas persoas titulares sexan persoas físicas ou entidades asociativas, ou por estaren situadas as explotacións en zonas de montaña.

O capítulo IV Outras explotacións agrarias, describe o procedemento de inscrición das explotacións agrarias que non cumpren o requisito de prioritarias.

A disposición transitoria primeira establece para as explotacións agrarias prioritarias que xa estivesen cualificadas como tales á entrada en vigor deste decreto a súa integración no Reaga.

A disposición transitoria segunda establece para todas as explotacións agrarias da comunidade autónoma o deber de facilitar á consellería competente en materia agraria os datos necesarios para a súa inscrición ou actualización no Reaga no prazo que regulamentariamente se determine.

A disposición derrogatoria derroga a Orde do 16 de xuño de 1998, pola que se crea o Rexistro de Explotacións Agrarias Prioritarias na Comunidade Autónoma de Galicia.

A disposición derradeira primeira faculta a persoa titular da consellería competente en materia agraria para ditar as instrucións para o mellor desenvolvemento e execución deste decreto, e finalmente, a disposición derradeira segunda regula a súa entrada en vigor.

En consecuencia, por proposta do conselleiro do Medio Rural, de acordo co ditame do Consello Consultivo e logo de deliberación do Consello da Xunta na súa reunión do día trinta de outubro de dous mil oito,

DISPOÑO:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto.

O obxecto deste decreto é:

a) Crear, organizar e regular o funcionamento do Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (Reaga en diante), como instrumento público que permita dispoñer, de maneira permanente, integrada e actualizada, de toda a información precisa para un axeitado desenvolvemento do sector agro-gandeiro galego e a súa planificación e ordenación.

b) Integrar o Rexistro de Explotacións Agrarias Prioritarias na Comunidade Autónoma de Galicia no Reaga.

c) Determinar os requisitos para a cualificación das explotacións como prioritarias e establecer o modo de acreditación das restantes explotacións agrarias.

Artigo 2º.-Natureza do rexistro.

1. O Reaga ten carácter administrativo e público, sendo a súa finalidade a inscrición das explotacións agrarias da Comunidade Autónoma de Galicia, organizadas por provincias.

2. Os datos do Reaga estarán sometidos á regulación contida na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

Artigo 3º.-Ámbito de aplicación.

1. Este decreto será de aplicación ás explotacións agrarias situadas no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Nos casos en que unha explotación estea integrada parcialmente por elementos territoriais situados noutra comunidade autónoma, considerarase dentro do ámbito de aplicación deste decreto cando a maior parte da súa base territorial estea situada na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 4º.-Definicións.

Para os efectos do disposto neste decreto enténdese por:

1. Explotación agraria, o conxunto de bens e dereitos organizados empresarialmente pola súa persoa titular no exercicio da actividade agraria, primordialmente con fins de mercado, e que constitúe en si mesma unha unidade técnico-económica.

2. Actividade agraria, o conxunto de traballos que se requiren para a obtención de produtos agrícolas, gandeiros e forestais ou para o mantemento das terras en boas condicións agrarias e ambientais. Así mesmo, considerarase como actividade agraria a venda directa por parte da persoa agricultora da produción propia sen transformación, dentro dos elementos que integren a explotación, en mercados municipais ou en lugares que non sexan establecementos comerciais permanentes.

3. Elementos da explotación, os bens inmobles de natureza rústica e calquera outro que sexa obxecto de aproveitamento agrario permanente; a vivenda con dependencias agrarias; as construcións e instalacións agrarias, incluso de natureza industrial, e os gandos, máquinas e apeiros, integrados na explotación e afectos a ela, cuxo aproveitamento e utilización corresponden a calquera das persoas titulares referidas no número 5 deste artigo, en réxime de propiedade, arrendamento ou outro título xurídico que habilite para o exercicio da actividade agraria. Así mesmo, constitúen elementos da explotación todos os dereitos e obrigas, incluídos os de produción e plantación, que poidan corresponder aos seus titulares e estean afectos á explotación.

4. Unidade de produción: conxunto de elementos da explotación agraria que están separados do resto e que constitúen unha unidade de xestión técnica.

5. Titular da explotación, a persoa física ou xurídica que exerce a actividade agraria organizando os bens e dereitos integrantes da explotación con criterios empresariais e asumindo os riscos e responsabilidades civil, social, fiscal, sanitaria e de benestar dos animais que poidan derivar da xestión da explotación, con independencia de quen teña a propiedade dos elementos desta. Para os efectos dunha explotación gandeira, entenderase tamén como titular á persoa responsable dos animais aínda que sexa con carácter temporal. Para os efectos do rexistro distinguirase entre:

a) Titular individual. Cando a actividade agraria sexa exercida por unha única persoa física.

b) Titularidade compartida ou cotitularidade. Cando varias persoas comparten a xestión e o risco económico dunha explotación, dispoñendo dalgún dereito de uso e desfrute sobre todos ou parte dos medios de produción da explotación. Independentemente de quen exerza a xestión, consideraranse todas elas cotitulares da explotación.

Para os efectos deste decreto tamén terá a consideración de cotitular quen sexa cónxuxe ou parella de feito legalmente recoñecida da persoa titular da explotación, considerada como tal, aquela persoa casada ou con relación de parella de feito con ela, e que estea dada de alta no réxime que corresponda da Seguridade Social.

c) Titularidade societaria. Cando a titularidade da explotación corresponda a unha entidade asociativa que agrupe distintas persoas socias ou asociadas. A titularidade rexerase polos estatutos ou normativa que regule a forma societaria de que se trate.

6. Renda total da persoa titular da explotación, a renda fiscalmente declarada como tal por ela no último exercicio, excluíndo do cómputo as ganancias e perdas patrimoniais.

7. Persoa agricultora profesional, a persoa física titular dunha explotación agrícola, gandeira ou forestal, que requira un volume de emprego de, polo menos, unha unidade de traballo anual e que obteña, polo menos, o 25 por cento da súa renda de actividades agrarias.

8. Persoa agricultora a título principal, a persoa agricultora profesional que obteña polo menos o 50 por 100 da súa renda total da actividade agraria exercida na súa explotación e que o tempo de traballo que dedique a actividades non relacionadas coa explotación sexa inferior á metade do seu tempo de traballo total.

9. Unidade de traballo agrario (UTA), o traballo efectuado por unha persoa dedicada a tempo completo, cun mínimo de 1.920 horas durante un ano, á actividade agraria.

10. Renda unitaria de traballo (RUT), o rendemento económico xerado na explotación agraria que se atribúe á unidade de traballo e que se obtén dividindo, entre o número de unidades de traballo agrario dedicadas á explotación, a cifra resultante de sumar a marxe neta o excedente neto da explotación e o importe dos salarios pagados.

11. Renda de referencia, o indicador relativo aos salarios brutos non agrarios en España. A determinación anual da súa contía será feita polo Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño, en concordancia co previsto ao respecto na normativa da Unión Europea e tendo en conta os datos de salarios publicados polo Instituto Nacional de Estatística.

Capítulo II

Organización e Funcionamento do Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia

Artigo 5º.-Xestión do Reaga.

1. A xestión e coordinación do Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia corresponde á consellería competente en materia agraria, quen impulsará a aplicación de sistemas informáticos admitidos pola normativa específica, para a cumprimentación máis áxil dos datos que compoñen o rexistro.

2. O Reaga organízase nas seguintes seccións:

a) Explotacións agrarias prioritarias.

b) Outras explotacións agrarias.

3. Sen prexuízo das competencias da persoa titular da dirección xeral competente en materia de estruturas agrarias para resolver sobre as inscricións, modificacións, denegacións ou cancelacións neste rexistro, e da posibilidade da súa delegación, a súa xestión poderá desconcentrarse nas unidades administrativas provinciais da consellería competente en materia agraria.

Artigo 6º.-Inscrición.

1. Todas as persoas titulares de explotacións no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia deberán estar inscritas no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia.

2. A inscrición no Reaga poderá realizarse dalgún dos seguintes xeitos:

a) Por petición da persoa titular ou representante da explotación agraria. A consellería competente en materia agraria establecerá os modelos normalizados de solicitude, así como dos documentos que deberán acompañala. Esta solicitude, e demais documentación, poderase presentar nas respectivas oficinas agrarias comarcais, nas delegacións provinciais da consellería competente en materia agraria, en calquera outra oficina administrativa, ou nos lugares admitidos, segundo o establecido no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

b) De oficio: pola propia consellería competente en materia agraria, a partir da información existente nas bases de datos desa consellería. As propostas de inscrición de oficio comunicaranse ás persoas interesadas para a súa ratificación ou, de ser o caso, para a súa complementación ou corrección de datos. A proposta de inscrición entenderase ratificada se, tras a notificación desta, as persoas interesadas non presentan alegacións contra ela no prazo de quince días.

3. A inscrición no rexistro manterá a súa vixencia mentres non se proceda á súa cancelación ou baixa, sen prexuízo das modificacións que procedan.

Artigo 7º.-Resolución.

1. Unha vez comprobado o cumprimento dos requisitos exixidos á persoa titular ou titulares da explotación sobre a que se solicite a inscrición de oficio ou a instancia de parte, e feitas as pertinentes comprobacións, a delegación provincial da consellería competente en materia agraria proporá a aprobación da inscrición, a cal resolverá o director xeral competente en materia de estruturas agrarias no prazo máximo de tres meses ordenándose a inscrición da explotación no Reaga, comunicando tal circunstancia á persoa titular ou titulares.

2. A falta de notificación da resolución no dito prazo poderase entender estimatoria da solicitude de inscrición. Se recae resolución, esta non pon fin á vía administrativa e poderá ser impugnada en alzada ante o conselleiro competente en materia agraria, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da recepción da notificación da resolución.

Artigo 8º.-Datos da inscrición.

Na inscrición faranse constar os seguintes datos:

1. Datos de identificación persoal, clase e tipo de titular, axudas agrarias percibidas, cualificación profesional das persoas titulares ou cotitulares, e documentación que acredite a alta na actividade agraria e a afiliación á Seguridade Social, facendo constar o número de empresa no caso de persoas xurídicas. No caso de explotacións agrarias asociativas incluirase, ademais, a razón social.

2. Datos da explotación: localización, orientacións e capacidades produtivas, censo de animais, base territorial, calquera que sexa o seu réxime de ter posesión, con referencias do Sistema de Información Xeográfica de Parcelas Agrícolas (Sixpac), superficie e tipo de cultivo, edificios e instalacións agrícolas e gandeiras, e maquinaria da explotación.

Artigo 9º.-Identificación das explotacións.

1. As explotacións poderán estar constituídas por diferentes unidades de produción pertencentes a unha mesma persoa titular, cotitular ou sociedade, aínda cando radiquen en lugares xeograficamente distintos.

2. A cada unidade de produción asignaráselle unha numeración que se corresponderá co código da provincia, o do municipio e un número correlativo, mentres que no caso das explotacións gandeiras será equivalente ao código asignado polo Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras ao abeiro do Real decreto 479/2004, do 26 de marzo.

3. A determinación da zona á que pertence cada explotación efectuarase de acordo coas condicións específicas que corresponda ao municipio asignado á explotación, en función da pertenza a este da fracción maioritaria dos elementos da explotación a que fai referencia o punto 3 do artigo 4º.

Artigo 10º.-Actualización do rexistro.

1. O Reaga actualizarase dalgún dos seguintes xeitos:

a) Por petición da persoa titular, que deberá comunicar as modificacións substanciais da súa explotación, na forma e período que regulamentariamente se estableza.

b) De oficio: por parte da consellería competente en materia agraria, a cal poderá utilizar as súas bases de datos para actualizar periodicamente este rexistro.

2. Para estes efectos consideraranse modificacións substanciais as seguintes:

a) Os cambios nas orientacións produtivas da explotación.

b) Os cambios na superficie da base territorial que constitúe a explotación agraria.

c) Os cambios de titularidade da explotación agraria. Nesta situación será necesaria a comunicación da anterior e nova persoa titular. Cando este cambio na titularidade da explotación se realice por falecemento ou incapacidade da anterior titular, presentarán a documentación xustificativa necesaria e admitida en dereito.

d) Os cambios de capacidade en explotacións gandeiras.

e) Calquera outro que regulamentariamente se estableza.

3. A unidade encargada do rexistro poderá realizar, en todo momento, as comprobacións que considere pertinentes e proceder, se é o caso, ás modificacións correspondentes, ou á súa cancelación/baixa por desaparición da explotación ou porque deixe de reunir os requisitos exixidos para a súa inscrición, tras a audiencia previa, en calquera caso, á persoa interesada. No caso de non presentar alegacións tras a comunicación do trámite de audiencia, entenderanse aceptadas as modificacións ou, se é o caso, a baixa da explotación do rexistro.

Artigo 11º.-Baixa no rexistro.

1. As explotacións inscritas poderán darse de baixa:

a) Por petición da persoa titular, mediante impreso de solicitude normalizada, que estableza a consellería competente en materia agraria, presentada pola persoa titular ou a súa representante, cando deixe de cumprir os requisitos exixidos para considerarse obxecto da inscrición.

b) De oficio, de acordo coa información existente nas bases de datos da consellería competente en materia agraria e lodo de comunicación á persoa interesada.

2. No caso de explotacións agrarias que xa constan inscritas noutros rexistros específicos, serán causas de baixa as que prevé a normativa reguladora correspondente.

3. No caso de explotacións agrarias que só estean inscritas no Reaga, serán causas de baixa as seguintes:

a) Falecemento da persoa titular.

b) Longa incapacidade profesional da persoa titular.

c) Xubilación da persoa titular.

d) Cesamento da persoa titular na actividade agraria.

e) Destrución ou deterioración dos elementos da explotación que imposibiliten a súa continuidade.

f) Calquera outra que implique a desaparición da explotación, entendida nos termos que figuran no artigo 4º.

Capítulo III

Explotacións agrarias prioritarias

Artigo 12º.-Obxecto e finalidade.

1. As explotacións agrarias que cumpran os requisitos establecidos neste capítulo, segundo sexa a súa persoa titular unha persoa física ou asociativa, e os requisitos dos artigos 4, 5 e 6 da Lei 19/1995, do 4 de xullo, de modernización de explotacións agrarias e as súas sucesivas modificacións, terán a consideración de prioritarias de acordo co establecido e inscribiranse no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia na sección de Explotacións Agrarias Prioritarias.

2. A cualificación dunha explotación como explotación agraria prioritaria acreditarase mediante certificación para o efecto, expedida polo director xeral competente en materia de estruturas agrarias, que se remitirá á persoa interesada e ao órgano competente do ministerio competente en materia de agricultura, para os efectos da súa inclusión no Catálogo Xeral de Explotacións Prioritarias creado pola citada Lei 19/1995, do 4 de xullo.

3. De acordo co establecido na devandita Lei 19/1995, a cualificación da explotación agraria como prioritaria posibilitará a obtención preferente de beneficios, axudas e calquera outra medida de fomento prevista naquela ou outra normativa ao respecto.

4. Para que poida ser cualificada como prioritaria unha explotación agraria deberá posibilitar a ocupación, polo menos, dunha unidade de traballo agrario (UTA) e que a súa renda unitaria do traballo sexa igual ou superior ao 35% da renda de referencia e inferior ao 120%, sen prexuízo do establecido no artigo 19º.

Artigo 13º.-Determinación da renda unitaria de traballo.

1. Para fixar e determinar a renda unitaria de traballo (RUT), segundo o disposto no artigo 4º.10, terase en conta o seguinte:

a) A marxe bruta, que é a diferenza entre os ingresos brutos da explotación e os seus gastos variables.

b) A marxe neta, que é a diferenza entre os ingresos da explotación derivados do conxunto das actividades produtivas, incluídas as subvencións de explotación, e todos os gastos fixos e variables, agás os atribuídos á retribución dos capitais propios e da man de obra familiar.

c) A dita marxe neta poderá estimarse como resultado de restar os gastos fixos contabilizados ou, no seu defecto, estimados, de cada explotación, non imputados nas marxes brutas, agás os atribuídos á retribución dos capitais propios e do traballo familiar, da suma das marxes brutas das actividades produtivas da explotación.

Tal estimación farase no caso de que a persoa titular da explotación solicite, ao mesmo tempo, unha axuda para a primeira instalación ou plan de mellora ao abeiro das correspondentes ordes de axudas da comunidade autónoma.

d) As marxes brutas ou netas para as distintas actividades produtivas modularanse a través dunha orde da consellería competente en materia agraria.

2. En calquera caso, as persoas titulares de explotacións poderán solicitar a determinación da renda unitaria de traballo baseándose nos datos da súa contabilidade documentalmente acreditados e, se é o caso, da documentación relativa á Seguridade Social.

3. En relación coas unidades de traballo agrario (UTA) da explotación, teranse en conta os seguintes criterios:

a) Cando a persoa titular sexa persoa física, a achega de man de obra acreditarase da seguinte maneira:

1º A man de obra familiar da persoa titular, cotitular e familiares que estean afiliados á Seguridade Social, co informe de vida laboral de cada unha delas.

2º A achega da man de obra familiar da persoa titular da explotación ata o 2º grao inclusive, por consanguinidade ou afinidade e, se é o caso, por adopción, que convivan no seu fogar e estean ao seu cargo e que, estando ocupadas na súa explotación, non teñan a obriga de afiliarse ao correspondente réxime da Seguridade Social, poderá estimarse ata un máximo de 0,5 Unidades de Traballo Agrario pola primeira persoa traballadora e 0,25 unidades por cada un dos restantes membros. Para acreditar que esa man de obra pertence á unidade familiar, utilizarase a declaración do IRPF da persoa titular, certificado de empadroamento, así como un informe de vida laboral.

3º A man de obra asalariada acreditarase documentalmente con base na cotización á Seguridade Social.

b) Cando a persoa titular sexa persoa xurídica soamente se computará a man de obra achegada polas persoas asociadas e asalariadas non asociadas acreditada mediante a correspondente cotización á Seguridade Social.

Artigo 14º.-Explotacións prioritarias con titular persoa física.

1. Cando a persoa titular da explotación sexa unha persoa física, para ser cualificada como prioritaria, deberá reunir os seguintes requisitos:

a) Ser persoa agricultora profesional, de acordo co artigo 4º.7 deste decreto:

A acreditación de que, polo menos, o 25% da súa renda total a obteña das actividades agrarias, efectuarase mediante fotocopia cotexada da declaración do IRPF do último exercicio cuxo prazo xa finalizase para a súa presentación en período voluntario, ou coa media das rendas fiscalmente declaradas como tales pola persoa titular durante tres dos cinco últimos anos, incluíndo o último exercicio, exceptuando do cómputo as ganancias e perdas patrimoniais.

Acreditar un volume de emprego, de polo menos, unha UTA que se efectuará de acordo co establecido nos puntos 3 a) 1º e 3º do artigo 13º.

b) Acreditar estar dada de alta no réxime que corresponda da Seguridade Social.

c) Posuír unha capacitación profesional suficiente para o desempeño da súa actividade.

d) Ter unha idade comprendida entre os 18 e os 65 anos, o que se acreditará mediante copia cotexada do documento nacional de identidade.

e) Residir na comarca onde radique a explotación ou noutra limítrofe, que acreditará coa copia cotexada do DNI ou certificado de empadroamento do concello correspondente, agás casos excepcionais de forza maior ou de necesidade, apreciados pola consellería competente en materia agraria. Para tal efecto, aplicarase o mapa de comarcalización da Comunidade Autónoma de Galicia vixente.

2. No caso da titularidade compartida definida no artigo 4 punto 5.b, a explotación cualificarase como prioritaria cando calquera das persoas cotitulares cumpra os requisitos do presente artigo.

3. Cando a persoa titular da explotación fose unha comunidade de persoas herdeiras só poderá cualificarse a explotación como prioritaria cando exista un pacto de indivisión por un período mínimo de 6 anos, contado a partir da data da cualificación desta como tal e se, polo menos, unha das persoas comuneiras cumpre os requisitos establecidos no punto primeiro deste artigo.

Artigo 15º.-Cálculo da renda da persoa titular da explotación.

Para os efectos do establecido no artigo anterior, para o cálculo da renda da persoa titular da explotación, imputaránselle as seguintes rendas:

1. A renda da actividade agraria da explotación, que se calculará:

a) No caso de declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas en réxime de estimación obxectiva, sumando ao rendemento neto de módulos os importes das dotacións á amortización e outras reducións efectuadas na súa determinación, sen incluír as correspondentes aos índices correctores aplicados.

b) No caso de declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas en réxime de estimación directa, sumando ao rendemento neto as dotacións á amortización deducidas no exercicio.

2. As rendas procedentes doutras actividades empresariais ou profesionais, así como as rendas procedentes do traballo desenvolvido fóra da explotación, incluídas as pensións e haberes pasivos que fiscalmente teña obriga de declarar.

3. O 50 por 100 das rendas do capital mobiliario e inmobiliario, no caso de réxime de gananciais, e o 100 por 100 das súas rendas privativas.

Non obstante o anterior, poderá utilizarse para a avaliación da renda total da persoa titular da explotación a media das rendas fiscalmente declaradas como tales por esta durante tres dos cinco últimos anos, incluíndo o último exercicio, excluíndo do cómputo as ganancias e perdas patrimoniais.

Nas zonas xeográficas ou sectores produtivos en que se produzan situacións excepcionais de danos, motivadas por secas, xeadas, inundacións, epizootías ou outras causas similares, sempre que oficialmente se declaren e a persoa titular da explotación acredite a súa dedicación á agricultura no último ano fiscal declarado, poderanse eliminar, para o cálculo da media dos cinco últimos exercicios declarados, os exercicios fiscais en que se producisen as circunstancias excepcionais.

No caso de que as situacións excepcionais se producisen no último exercicio fiscal declarado e non sexa posible considerar tres exercicios normais nos catro anteriores, por non terse dedicado a persoa titular da explotación á actividade agraria, poderá utilizarse a media das rendas fiscalmente declaradas como tales durante o máximo posible de exercicios normais computables.

Artigo 16º.-Acreditación da afiliación á Seguridade Social.

A acreditación de estar dada de alta nos réximes da Seguridade Social realizarase da seguinte maneira:

1. No caso do réxime especial agrario da Seguridade Social, co informe de vida laboral emitido pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

2. No caso do réxime especial para traballadores por conta propia agrarios ou outra modalidade, co informe de vida laboral e o documento de afiliación á Seguridade Social.

3. No caso de persoas asalariadas do réxime xeral, co correspondente documento de cotización á Seguridade Social.

Artigo 17º.-Acreditación da capacitación profesional.

A acreditación da capacitación profesional suficiente a que se refire o artigo 14, realizarase dalgún dos seguintes xeitos:

1. Coa documentación xustificativa de ter obtido o título de capataz agrícola, de técnico ou técnico superior en ciclos formativos da familia profesional de actividades agrarias, ou outra titulación superior na rama agraria. Así mesmo, considerarase acreditada coa superación dos módulos formativos da familia profesional de actividades agrarias polo réxime de persoas adultas (oferta parcial ou total de módulos) que regulamentariamente estableza a consellería competente en materia agraria.

2. Con cinco anos de exercicio da actividade agraria, que se deberá acreditar, con carácter xeral, cun informe de vida laboral da Seguridade Social, ou, de ser o caso, conforme o seguinte:

a) No caso de que unha parte ou a totalidade do exercicio da actividade agraria se levase a cabo como man de obra familiar, será precisa unha declaración da persoa titular da explotación onde realizou tal actividade, na que se especifique o tempo traballado na explotación e as tarefas desenvolvidas.

b) Os anos en que non se exercese a actividade agraria, ata acadar os cinco anos requiridos, poderán substituírse pola asistencia a cursos ou seminarios de formación agroforestal cunha duración de 50 horas lectivas por cada ano, os cales estarán previamente homologados pola consellería competente en materia agraria, de acordo co Decreto 247/2000, do 29 de setembro, polo que se aproba o regulamento de capacitación agraria.

c) En calquera caso, os servizos provinciais competentes en materia de explotacións agrarias estudarán a documentación presentada e establecerán a súa idoneidade para os efectos de xustificar a actividade agraria do solicitante.

3. No caso de persoas agricultoras mozas, a capacitación profesional suficiente xustificarase dalgún dos seguintes xeitos:

a) Mediante fotocopia cotexada da titulación académica de capataz agrícola, de técnico ou técnico superior en ciclos formativos da familia profesional de actividades agrarias, ou outra titulación superior na rama agraria. Así mesmo, considerarase xustificada coa superación dos módulos formativos da familia profesional de actividades agrarias polo réxime de persoas adultas (oferta parcial ou total de módulos) que regulamentariamente estableza a consellería competente en materia agraria.

b) Cun certificado de asistencia a cursos, cunha duración mínima de 250 horas lectivas, establecidos pola consellería competente en materia agraria, de acordo co Decreto 247/2000, do 29 de setembro.

c) Mediante certificación de asistencia a cursos, cunha duración mínima de 250 horas lectivas, desenvolvidos por outras entidades competentes en ensinanzas agrarias, sempre que estean previamente homologados pola consellería competente en materia agraria, de acordo co Decreto 247/2000, do 29 de setembro.

d) Considerarase tamén acreditada se a persoa agricultora moza se compromete a adquirir a capacitación profesional suficiente no prazo de dous anos por calquera das vías sinaladas nos tres parágrafos anteriores. Neste caso, no momento da solicitude de alta no rexistro deberá presentar xustificante de ter solicitada a admisión no centro correspondente. Posteriormente, o solicitante deberá presentar, no prazo sinalado, a documentación acreditativa de ter acadada a devandita capacitación.

Artigo 18º.-Explotacións prioritarias con titular entidade asociativa.

1. Cando a persoa titular da explotación sexa unha entidade asociativa a súa actividade exclusiva será a agraria, feito que se acreditará coa presentación dos estatutos ou documento de constitución da sociedade, e a declaración do imposto de sociedades do último exercicio económico, de ser o caso. Así mesmo, a procedencia agraria dos ingresos comprobarase en función das marxes brutas das orientacións produtivas e das actividades económicas da explotación.

2. Ademais dos requisitos anteriores, deberán reunir algunha das seguintes condicións:

a) Ser sociedade cooperativa de explotación comunitaria da terra ou de traballo asociado dentro da actividade agraria, que acreditarán cunha certificación de tal condición expedida, para o efecto, polo órgano competente da consellería encargada de levar o rexistro de cooperativas, xunto cunha copia dos seus estatutos.

b) Ser sociedade cooperativa agraria, sociedade agraria de transformación, sociedade civil, sociedade laboral ou sociedade mercantil que, en calquera caso, cumpra algún dos seguintes requisitos:

1º Que, polo menos, o 50 por 100 das persoas socias cumpran os requisitos exixidos á persoa agricultora profesional, en canto a procedencia de rendas e dedicación ao traballo, conforme o establecido neste decreto.

2º Que, polo menos, dous terzos das persoas socias que sexan responsables da xestión e administración cumpran os requisitos exixidos ao agricultor profesional en canto á dedicación ao traballo e procedencia de rendas, referidos á explotación asociativa, acreditado, igualmente, segundo o disposto neste decreto; así como o sinalado nas letras b), c), d), e e) do artigo 14.1º, ademais, que dous terzos, polo menos, do volume do traballo desenvolvido na explotación sexa achegado polas persoas socias que cumpran os requisitos anteriormente sinalados.

3º Ser explotación agraria asociativa que se constitúa por agrupación de, polo menos, dúas terceiras partes da superficie da explotación baixo unha soa estrema, sen que a superficie achegada por unha soa persoa socia supere o 40% da total da explotación.

Neste suposto, polo menos unha das persoas socias debe ser agricultor/a a título principal, segundo se define no artigo 4º.8 e cumprir as restantes exixencias que se establecen no artigo 14º.1, para as persoas agricultoras que sexan persoas físicas, en canto á capacitación, idade, afiliación á Seguridade Social e residencia.

3. Ademais do establecido no punto anterior, cando a titularidade da explotación prioritaria recaia nunha sociedade civil, laboral ou mercantil, as súas accións ou participacións sociais deberán ser nominativas e, no caso de que non se trate dunha sociedade agraria de transformación, terá por obxecto exclusivo o exercicio da actividade agraria na explotación da que sexa titular, feito que se acreditará coa presentación dos estatutos ou documento de constitución da sociedade, e a declaración do imposto de sociedades do último exercicio, de ser o caso. Así mesmo, a procedencia agraria dos ingresos comprobarase en función das marxes brutas das orientacións produtivas e das actividades económicas da explotación. Ademais, máis do 50 por 100 do capital social, de existir este, deberá pertencer a persoas socias que reúnan os requisitos de procedencia de rendas e traballo exixidos ás persoas agricultoras profesionais, referidos á dita explotación.

4. Para os efectos do disposto nos puntos 2 e 3 anteriores, consideraranse rendas procedentes da explotación as remuneracións que reporten as persoas socias polo traballo de todo tipo desenvolvido na explotación, as contraprestacións pola cesión a esta de terra ou outros medios de produción e polas súas achegas ao capital social e as súas respectivas participacións nos resultados positivos da explotación.

Artigo 19º.-Explotacións prioritarias en zonas de montaña.

Como excepción ao disposto no artigo 12.4º, tamén poderán ser cualificadas como prioritarias aquelas explotacións situadas en concellos cualificados de montaña, de acordo co Regulamento (CE) 1698/2005, do Consello do 20 de setembro, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), nas que a súa titularidade recaia nunha persoa física ou nunha entidade asociativa sempre que a renda unitaria de traballo sexa inferior ao 120% da renda de referencia e cumpran, ademais, os seguintes requisitos:

1. Persoas físicas: os exixidos no artigo 14, e acreditados de acordo co disposto nel.

2. Entidades asociativas: a maioría dos socios deberán ser agricultores profesionais, de acordo co establecido no artigo 18, e ocupar polo menos unha unidade de traballo agrario (UTA).

Capítulo IV

Outras explotacións agrarias

Artigo 20º.-Outras explotacións agrarias.

1. Aquelas explotacións agrarias que non cumpren os requisitos para seren prioritarias, pero desenvolven a actividade agraria, inscribiranse de acordo cos artigos 6º e 8º, no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia, na sección correspondente a «Outras explotacións».

2. Para acreditar tal circunstancia o solicitante deberá achegar documento que demostre que figura de alta na actividade agraria no ministerio competente en materia de economía, e no caso de que o titular sexa unha entidade asociativa tamén deberán achegar copia dos estatutos ou documento de constitución desta.

3. En caso de que a persoa titular sexa agricultor/a profesional, de acordo coa definición deste contida no artigo 4º.7, deberá acreditar tal circunstancia segundo o referido no artigo 14.1º a).

4. Quedan exceptuadas destes requirimentos as explotacións consideradas como de autoconsumo.

Disposicións transitorias

Primeira.-As explotacións agrarias que á entrada en vigor deste decreto xa estivesen cualificadas como Explotacións Agrarias Prioritarias de Galicia, integraranse de oficio, no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia creado por este decreto, na sección de explotacións agrarias prioritarias.

Segunda.-Todas as explotacións agrarias da comunidade autónoma facilitaranlle á consellería competente en materia agraria os datos necesarios para a súa inscrición ou actualización no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia, no prazo que regulamentariamente se determine.

Disposición derrogatoria

Queda derrogada a Orde do 16 de xuño de 1998 da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, pola que se crea o Rexistro de Explotacións Agrarias Prioritarias na Comunidade Autónoma de Galicia, así como calquera outra disposición de igual ou inferior rango que se opoña ao disposto neste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facultade de desenvolvemento.

Facúltase a persoa titular da consellería competente en materia agraria para ditar as instrucións precisas para o mellor desenvolvemento e execución do disposto neste decreto.

Segunda.-Entrada en vigor.

Este decreto entrará en vigor o 1 de xaneiro de 2009.

Santiago de Compostela, trinta de outubro de dous mil oito.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

Alfredo Suárez Canal

Conselleiro do Medio Rural