DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 226 Xoves, 20 de novembro de 2008 Páx. 20.948

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA E DEPORTE

ORDE do 10 de novembro de 2008 pola que se declara de interese galego a Fundación Antón Losada Diéguez e se ordena a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Con data do 30 de setembro de 2008 foi publicada no Diario Oficial de Galicia a orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 17 de setembro de 2008 pola que se clasifica de interese cultural a Fundación Antón Losada Diéguez, adscribíndoa á Consellería de Cultura e Deporte, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Esta fundación, de acordo co establecido no artigo 6 dos seus estatutos, ten como obxecto preservar, promover e difundir a obra literaria, social e política de Antón Losada Diéguez, e en consecuencia fomentar e promover todo tipo de estudos, cursos, investigacións, exposicións, encontros e calquera outra actividade de carácter cultural, docente ou de interese social, relacionados coa personalidade de Antón Losada Diéguez.

Por iso, en virtude das competencias que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, e segundo o establecido no artigo 5 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e no artigo 32.3º a) do Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 248/1992, do 18 de xuño,

DISPOÑO:

Primeiro.-Declarar de interese galego a Fundación Antón Losada Diéguez xa que os seus estatutos cumpren as prescricións que para tal efecto sinala a vixente lexislación en materia de fundacións de interese galego.

Segundo.-Ordenar a inscrición da Fundación Antón Losada Diéguez no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Consellería de Cultura e Deporte, para os efectos constitutivos que sinala a Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

Terceiro.-Esta fundación queda sometida ao disposto na normativa de xeral aplicación, en especial, á obriga de dar publicidade suficiente ás súas actividades e á ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos. Tamén queda obrigada a renderlle contas anualmente ao protectorado e a xustificar, a través dunha memoria anual, o cumprimento da finalidade fundacional, así como a presentar o plan de actuación, con anterioridade ao inicio do exercicio económico para o que se formula e a solicitar as preceptivas autorizacións do protectorado.

Santiago de Compostela, 10 de novembro de 2008.

Ánxela Bugallo Rodríguez

Conselleira de Cultura e Deporte