DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 243 Martes, 16 de decembro de 2008 Páx. 22.275

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

PRESIDENCIA

LEI 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia.

Preámbulo

1

A pesca -entendida como actividade económica xerada pola extracción, a acuicultura mariña, a piscicultura, o marisqueo e mais todo o procesamento dos produtos pesqueiros, marisqueiros e acuícolas- é considerada polo Goberno de Galicia como un sector estratéxico, tanto polo seu peso económico coma pola súa dimensión social.

A actividade pesqueira contribúe a que se fixe poboación nas zonas costeiras máis deprimidas. Da actividade principal extractiva derivaron nos últimos anos outras actividades que axudaron a suavizar a caída de emprego neste sector primario, papel contributivo que debe ser reforzado a través deste instrumento legal.

Nos últimos tempos sumáronse outras opcións novidosas, desde o procesamento dos produtos pesqueiros, marisqueiros e acuícolas á industria conserveira, ás plantas de transformación e conxelado etcétera. Son opcións que están comezando a ser exploradas por parte do propio sector e que deben ter tamén un tratamento legal e un recoñecemento do que poden supor no futuro para contribuír a manter o emprego neste sector. Entre estas novas oportunidades están a pesca de turismo ou o turismo mariñeiro, as rutas turísticas de coñecemento da actividade pesqueira e marisqueira e mais o aproveitamento das estruturas portuarias para divulgar o patrimonio cultural mariñeiro.

Nesta lei recóllense estas novas actividades e instrumentos para favorecer, no novo contexto do Fondo Europeo da Pesca, a creación de sinerxías que permitan interrelacionar a pesca e as poboacións costeiras de Galicia.

A pesca ten en Galicia unha importante dimensión internacional. Podemos dicir que é o sector da nosa economía máis internacionalizado. O espírito emprendedor do noso sector pesqueiro levouno a coñecer todos os mares do mundo e a investir en países afastados que, en moitos casos, presentaban graves dificultades de desenvolvemento. Por iso a pesca ten unha forte compoñente de solidariedade que se pon de manifesto a miúdo, sobre todo na época en que a inmigración nos proporciona acotío imaxes de desesperación por chegar ás costas europeas.

O Goberno de Galicia ten que lles dar resposta a estes retos, contribuír a que se eliminen as desigualdades entre as persoas e os países e mais favorecer a erradicación da pobreza e das causas que a orixinan. Este compromiso debe ser reflectido nesta lei, posto que o sector pesqueiro está disposto a que se faga así e precisa dun goberno que coopere nesta dirección.

A cooperación pesqueira internacional, competencia da Consellaría de Pesca e Asuntos Marítimos, xa está a xogar un papel significativo na cooperación e no desenvolvemento de países terceiros, papel no que cada vez deben ter máis importancia os propios axentes sectoriais. Neste novo texto legal quérese apostar por un posicionamento cada vez maior nos mercados mundiais da pesca galega, que deberá favorecer os investimentos noutros países e dar a coñecer as excelencias dos produtos pesqueiros galegos.

Todas estas actuacións teñen que vir marcadas por dous principios básicos: a mellora das condicións de vida e de traballo das persoas que practican esta actividade e mais a sustentabilidade da propia pesca. Estes preceptos comportan un claro compromiso en todo o texto legal da nova Lei de pesca de Galicia, tanto á hora de regular os instrumentos cos que nos queremos dotar para introducir a cultura do seguro no sector pesqueiro coma cando se regula a inspección e o control que hai que exercer sobre os recursos pesqueiros ou cando se lles presta maior relevancia ás condicións sociolaborais e se fomenta a participación da muller na toma de decisións dentro das organizacións do sector pesqueiro. Faise recepción explícita tamén das exixencias e das consecuencias da lexislación en materia de igualdade, como é o caso da Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, de igualdade efectiva de mulleres e homes; da Lei 7/2004, do 16 de xullo, para a igualdade de mulleres e homes, ou da Lei 2/2007, do 28

de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia.

A evolución das prácticas profesionais, así como a dos medios para exercer estas actividades, precisa dunha nova Lei de pesca que constitúa un instrumento áxil, dinámico e doado de comprender e manexar por parte dos traballadores da administración pública.

Despois de transcorrer máis de catorce anos desde a publicación da Lei 6/1993, do 11 de maio, de pesca de Galicia, e despois de contarmos con catro leis máis en temas marítimo-pesqueiros ou de administración pública pesqueira, cómpre dotármonos de medios e instrumentos eficaces para exercer as actividades pesqueiras mediante a adopción dun texto legal que regule todas as materias que son competencia da nosa Comunidade Autónoma.

No día de hoxe, pódese dicir que a normativa vixente, excesivamente ríxida, non lles dá respostas axeitadas ás demandas e ás necesidades do sector, algo que dificulta un crecemento ordenado e sustentable e que impide a renovación e a modernización das estruturas produtivas. Esta circunstancia ten incidido especialmente na frota pesqueira artesanal, que debemos regular con esta lei adoptando medidas que permitan a evolución deste subsector tan importante para as poboacións costeiras.

Partindo da base de que toda normativa se debe facer sobre o diálogo e o compromiso con todos os beneficiarios, esta lei debe ser o marco de referencia para definir as liñas estratéxicas de actuación, desde a ordenación dos recursos á comercialización, a investigación, as estruturas organizativas, os traballadores públicos e o tratamento das infraccións e sancións de xeito adecuado para lograr a participación e o cumprimento dos obxectivos.

Esta norma ten en conta unha serie de disposicións ou declaracións aprobadas por outras administracións ou organizacións que fan precisa a actualización das disposicións normativas. Entre elas, cómpre salientar pola súa incidencia na política pesqueira galega a vixente Lei 3/2001, do 26 de marzo, de pesca marítima do Estado, que coa doutrina do Tribunal Constitucional establece o marco competencial sobre o que hai que vertebrar a regulación da actividade pesqueira.

Xunto coas novas disposicións legais promulgadas pola Administración do Estado, desde a Lei de pesca de 1993 á actualidade, cómpre considerarmos que o contexto internacional se viu sometido a importantes cambios que tiveron e que teñen incidencia directa na aprobación de normas e na aplicación de políticas en materia de pesca. Á hora de concretar eses condicionantes internacionais e de tomalos en consideración para elaborar e aprobar esta lei, temos que distinguir dous escenarios: o da Unión Europea e o dos organismos internacionais.

No caso do escenario europeo, a aprobación no ano 2002 do Regulamento (CE) número 2371/2002, do Consello, do 20 de decembro de 2002, sobre a conservación e a explotación dos recursos pesqueiros en virtude da política pesqueira común, fixou un novo marco que establece como obxectivo a explotación sustentable dos recursos acuáticos vivos e da acuicultura no contexto dun desenvolvemento sustentable que teña en conta de maneira equilibrada os aspectos ambientais, económicos e sociais nun marco que debe recoller esta Lei de pesca.

Conxuntamente coa política pesqueira común, no decorrer destes anos, téñense producido numerosas variacións regulativas do marco de apoio comunitario a prol do desenvolvemento sustentable do sector pesqueiro e das zonas de pesca. A aprobación do Regulamento (CE) número 1198/2006, do Consello, do 27 de xullo de 2006, relativo ao Fondo Europeo de Pesca, con vixencia deica o ano 2013, regula un fondo para lograr unha explotación sustentable e a competitividade das estruturas, a protección e mellora do ambiente e dos recursos naturais e mais a promoción e o desenvolvemento da calidade de vida nas zonas de actividade pesqueira mediante un sistema de financiamento comunitario, estatal e autonómico.

Por riba da influencia dos cambios no contexto comunitario, a lei ten unha das súas fontes fundamentais, que inspira moitos dos seus preceptos, no Código de conduta para a pesca responsable, que foi aprobado no vixésimo oitavo período de sesións da Conferencia da FAO. Se ben a súa aceptación é voluntaria, tal como establece o seu primeiro artigo, o devandito código é froito do consenso entre os países que integran a FAO (Organización das Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación) e, ao ser de aplicación mundial, ten como finalidade conservar os recursos pesqueiros e ordenar o desenvolvemento da pesca en todas as fases, desde a captura ao procesamento e o comercio do peixe e dos produtos pesqueiros, as operacións pesqueiras, a acuicultura, a investigación pesqueira e a integración da pesca na ordenación das zonas costeiras.

Trátase, en definitiva, de plasmar nun texto con rango de lei unha serie de directrices e principios fundamentais que favorezan a actividade pesqueira como unha das máis importantes, duradeiras e viables da nosa economía.

Neste aspecto, non se pode obviar a existencia dunha normativa comunitaria de seguranza alimentaria que debe ser considerada para garantir a trazabilidade dos produtos da pesca, do marisqueo e da acuicultura e mais para lles garantir ás consumidoras e aos consumidores a idoneidade alimentaria. A existencia desta normativa implica de xeito importante ás administracións públicas e aos particulares, en especial no que se refire ao Regulamento (CE) número 882/2004, que establece os controis que se deben efectuar sobre seguranza alimentaria e sanidade animal.

2

O artigo 148.1.11 da Constitución española habilita a Galicia para asumir competencias exclusivas en materia de pesca en augas interiores, marisqueo e acuicultura.

O Estatuto de autonomía de Galicia materializou esta facultade constitucional ao recoller no artigo 27.15 do noso Estatuto de autonomía a competencia exclusiva en materia de «pesca nas rías e demais augas interiores, o marisqueo e a acuicultura». Conxuntamente con esta previsión, e respectando o marco competencial do Estado recollido no artigo 149.1.19 da Constitución, de pesca marítima, sen prexuízo das competencias que na ordenación do sector se lles atribúan ás comunidades autónomas, o artigo 28.5 do Estatuto establece que Galicia ten competencia para o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación do Estado, nos termos que aquelas establezan, en materia de ordenación do sector.

O Real decreto 3318/1982, do 24 de xullo, sobre o traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado a Galicia en materia de agricultura e pesca, enumera entre as competencias asumidas por Galicia as materias de «pesca en augas interiores, marisqueo e acuicultura».

O Real decreto 89/1996, do 26 de xaneiro, de traspasos en materia de ensinanzas náutico-deportivas e subacuáticas deportivas, ditado en desenvolvemento do artigo 27.22 do Estatuto de autonomía para Galicia, outórgalle a Galicia a competencia exclusiva en materia de deporte e lecer.

O artigo 149.1.20 da Constitución establece que lle corresponde ao Estado a competencia exclusiva en materia de mariña mercante, abandeiramento de buques, iluminación de buques e sinalización marítima. En consecuencia, correspóndenlle ao Estado tanto as potestades lexislativas coma as de execución da lexislación que para o efecto elabore.

O salvamento marítimo é un dos contidos da mariña mercante sobre o que Galicia (artigo 29.3) asumiu competencias de execución. Consonte o sinalado na disposición adicional décimo novena da Lei 27/1992, do 24 de novembro, de portos do Estado e da mariña mercante, introducida pola Lei 62/1997, do 26 de decembro, a Galicia correspóndelle a execución da lexislación do Estado en materia de salvamento marítimo nas augas territoriais correspondentes ao seu litoral, competencia que, en virtude do disposto na disposición adicional vixésima introducida tamén pola Lei 62/1997, comprenderá tamén o exercicio da potestade sancionadora.

A clarificación do réxime competencial foi feita polo Tribunal Constitucional mediante a Sentenza 40/1998, do 19 de febreiro, na que examinou a constitucionalidade, entre outros preceptos, do artigo 6.1, letra e), e do artigo 87. Nesta sentenza, o Tribunal Constitucional vai concluír que o Estado ten potestades lexislativas plenas en materia de salvamento marítimo, potestades que lle van permitir establecer instrumentos de coordinación co obxecto de garantir unha aplicación adecuada e uniforme da norma, correspondéndolles ás comunidades autónomas competencias executivas na materia.

O artigo 149.1.13 da Constitución española establece que a comercialización dos produtos pesqueiros está sometida á normativa básica do Estado, correspondéndolle a Galicia as competencias de desenvolvemento e execución da normativa básica no seu ámbito territorial, todo sen prexuízo das competencias de Galicia recollidas no artigo 27.16 e 18 e no artigo 30.I.4.

Para rematar, o artigo 27.19 do Estatuto de autonomía atribúelle a Galicia competencias plenas en materia de investigación, sen prexuízo do disposto no artigo 149.2 da Constitución, e o artigo 31 do Estatuto atribúelle competencias plenas en materia de ensinanzas, sen prexuízo do disposto no artigo 27 da Constitución.

3

A lei estrutúrase en catorce títulos, trece disposicións adicionais, sete disposicións transitorias, unha disposición derrogatoria e catro disposicións derradeiras.

O contido dos títulos é o seguinte: título I, Das disposicións xerais; título II, Da conservación e a xestión dos recursos pesqueiros e marisqueiros; título III, Da pesca marítima; título IV, Do marisqueo; título V, Da acuicultura mariña; título VI, Da frota pesqueira galega; título VII, Das organizacións do sector pesqueiro galego; título VIII, Da comercialización, a transformación e a promoción dos produtos da pesca, do marisqueo e da acuicultura; título IX, Do desenvolvemento sustentable das zonas de pesca; título X, Da investigación, o desenvolvemento tecnolóxico e a innovación; título XI, Da formación marítimo-pesqueira; título XII, Da inspección, o control, o salvamento marítimo e a loita contra a contaminación; título XIII, Dos rexistros, e título XIV, Do réxime sancionador.

O título I regula as disposicións xerais, nas que se establece o obxecto da lei e os fins que debe perseguir a política pesqueira de Galicia, así como o seu ámbito de aplicación e as definicións legais.

O título II regula as medidas da conservación e da xestión dos recursos pesqueiros e marisqueiros. Toda política pesqueira ten que vir definida por garantir as condicións socioeconómicas das persoas que dependen do exercicio da actividade pesqueira, marisqueira e acuícola e mais por aquelas medidas que a FAO e os distintos tratados, convenios e instrumentos internacionais, nacionais e autonómicos fixen na procura de que a actividade se rexa polo principio de explotación sustentable dos recursos. Para garantir esta sustentabilidade regúlanse distintas figuras e instrumentos de conservación e xestión dos recursos, nos que a participación activa do sector é fundamental, básica e necesaria para que se leven a cabo, pois son os directamente afectados e favorecidos na aplicación desta política respectuosa co ambiente e os recursos.

O título III regula a pesca marítima profesional e recolle por primeira vez na normativa autonómica a figura da licenza de pesca profesional, polo que desaparece da nosa lexislación a figura do permiso de explotación. Este cambio vén xustificado pola necesidade de dotar o sector pesqueiro de instrumentos xurídicos que respondan de forma áxil, flexible, sinxela e funcional a unha realidade cambiante. Entre as novidades da nova figura merece destacarse a duración indefinida da licenza, o seu carácter ineludiblemente ligado á embarcación e a asignación de posibilidades de pesca a través da identificación da modalidade autorizada, aspectos que configuran un instrumento con identidade de seu e diferenciada do antigo permiso de explotación. Xunto coa licenza, regúlase unha nova figura, o permiso de pesca especial, que terá un carácter temporal. Por último, establécese a creación de censos por modalidades, pesqueiras e caladoiros. No capítulo II regúlase a pesca marítima de recreo como unha

actividade plenamente implantada na sociedade galega e que deberá coexistir coa pesca profesional, tendo en consideración ademais a importancia socioeconómica que ten e que alcanza co paso dos anos para as poboacións do litoral galego.

O título IV regula o marisqueo. Neste título, ao igual que acontece coa pesca marítima profesional, créase a licenza de marisqueo, distinguindo entre marisqueo a pé e marisqueo desde embarcación, cun prazo de duración de cinco anos, o que redundará nunha mellor planificación das actividades e das estruturas produtivas vinculadas ao marisqueo, ao conferir unha maior proxección temporal no exercicio da actividade. Así mesmo, regúlase a clasificación das zonas de explotación marisqueira nas que desenvolver a actividade marisqueira.

O título V regula a acuicultura mariña, co obxectivo de promover un marco xurídico e administrativo estable que facilite a implantación, o mantemento e o desenvolvemento dunha acuicultura sustentable e socieconomicamente rendible para os produtores e as poboacións costeiras do litoral galego. Para estes efectos, neste título regúlase o réxime xurídico das concesións e dos permisos de actividade, co que se establece un marco xurídico xenérico para estes títulos administrativos.

O título VI regula a frota pesqueira galega, polo que aparece por primeira vez nun texto con rango de lei este concepto. A regulación da frota está inspirada no principio de que os buques de pesca son centros de traballo e asemade é un lugar de convivencia dos profesionais, polo que se deben compaxinar as dúas características na procura dunha mellora das condicións de vida e traballo a bordo. Este principio inspirará toda a política galega na construción, a modernización e a reconversión dos buques de pesca, o que garante a sustentabilidade da frota.

O título VII regula as organizacións do sector pesqueiro galego, cun enfoque de organizacións representativas dos traballadores e dos empresarios que se dedican á actividade extractiva, transformadora ou de comercialización. Esta lei, como non podía ser doutro xeito, introduce políticas de igualdade entre homes e mulleres que se dedican á actividade regulada neste texto legal; medidas que teñen unha plasmación directa e concreta no establecemento de criterios de igualdade na configuración dos órganos de dirección das confrarías de pescadores, para lograr visualizar un colectivo de traballadoras que teñen desenvolvido ao longo dos anos un labor que en moitos casos non foi recoñecido nin tan sequera valorado na súa xusta medida. Recoñécense nesta lei outras organizacións representativas do sector e de forte implantación nos portos do litoral co fin de ampliar o abano e a participación na toma de decisións ou na emisión de opinións a todas as organizacións que forman parte da armazón de

entidades asociativas, na defensa do dereito á participación e do funcionamento democrático destas estruturas.

O título VIII regula as actividades de comercialización, transformación e promoción dos produtos da pesca, do marisqueo e da acuicultura. A regulación desta materia necesariamente está orientada a conseguir unha mellora nos procesos previstos neste título, destacando a participación dos distintos subsectores neste proceso, no que cobra especial importancia a actividade dos depuradores, tanto na materia da seguranza alimentaria coma no proceso de garantir a trazabilidade dos produtos do mar, o que necesariamente se traduce nun compromiso de todos estes subsectores para lograren garantir a trazabilidade dos produtos en defensa da calidade dos recursos galegos así como a perfecta identificación, mediante distintivos de orixe e calidade, marcas ou calquera outro instrumento, dos nosos produtos para a súa distribución nos mercados, coa implantación de novas tecnoloxías e de sistemas de tratamento dos produtos.

Así mesmo, o Goberno de Galicia contribuirá a promover o desenvolvemento da actividade comercializadora das empresas galegas en condicións de igualdade e competitividade coas demais empresas.

O título IX regula a Axencia de Desenvolvemento Sustentable das Zonas de Pesca e o turismo mariñeiro. A creación desta axencia obedece á necesidade de contar cun instrumento que permita fomentar e coordinar o desenvolvemento das zonas e das poboacións pesqueiras galegas. Trátase, consonte o establecido na normativa comunitaria, de acadar un desenvolvemento integral da pesca, entendido este na súa dimensión máis ampla, tendo en conta tanto a actividade extractiva e comercializadora na que se desenvolve coma a procura das melloras necesarias na calidade de vida das poboacións pesqueiras. Para acadar este fin, cómpre establecer canles de dinamización dos axentes sociais e dos axentes económicos destas áreas da nosa comunidade autónoma para lograr as sinerxías que se dan no exercicio integral das actividades polo sector e pola poboación na que habitan.

Dentro deste título tamén se regula o turismo mariñeiro como unha serie de actividades desenvolvidas polos colectivos de profesionais do mar, que buscan, en íntima conexión co Fondo Europeo da Pesca, a diversificación e a complementariedade coa actividade principal da pesca e do marisqueo.

O título X regula a investigación, o desenvolvemento tecnolóxico e a innovación. No día de hoxe ninguén discute que toda política pesqueira, ou de calquera outro tipo, debe partir dun coñecemento científico sólido e na súa concepción máis ampla, incluíndo non soamente aspectos biolóxicos senón tamén aspectos tecnolóxicos, ambientais, socioeconómicos, nutricionais, sanitarios...

Conxuntamente co coñecemento científico, é necesario que este teña unha aplicación e un dimensionamento práctico ou aplicado á actividade que se investiga e que debe tender a se traducir en políticas de innovación e desenvolvemento tecnolóxico, na procura dun avance nos mecanismos e nas condicións de explotación e comercialización dos produtos do mar e da acuicultura. Nesa liña, a participación do sector é non soamente fundamental senón necesaria para que a través desa colaboración ou corresponsabilidade se acaden os avances necesarios para mellorar a calidade dos produtos e das persoas que viven deles.

O título XI regula a formación. Este é un dos piares básicos de toda política. Toda mellora, todo avance, necesita para que se concrete dunha axeitada cualificación das persoas relacionadas co sector. Por iso, nesta lei preséntase como obxectivo o deseño de programas e actuacións dirixidas ás necesidades de formación que todas e cada unha das persoas que se dedican a exercer a actividade neste sector demandan, garantíndose que reciban a formación precisa para que traballen nas condicións óptimas de formación e coñecemento, contando con centros con dotacións humanas e materiais axeitadas a esta demanda social.

O título XII regula a inspección, a vixilancia e o control. Todo corpo legal leva consigo a regulación do establecemento de mecanismos de control de cumprimento da lexislación, establecendo os medios humanos e materiais necesarios para que tanto a inspección coma a vixilancia sexan eficientes e eficaces. É unha obriga das administracións, na que se debe implicar e responsabilizar o sector para que todas as actividades se desenvolvan dentro dun marco de respecto ás normas e, sobre todo, de respecto aos principios de desenvolvemento sustentable e preservación dos recursos como medio de vida das persoas que viven do mar. Partindo desta obriga, os membros da administración pública que levan a cabo este labor de inspección, vixilancia e control deben contar cun marco xurídico claro que lles permita exercer as súas funcións amparados nunhas normas e disposicións claras, obxectivo que se acada mediante o disposto no título referenciado.

O título XIII regula os rexistros. Tradicionalmente as administracións tenden a establecer obrigas de comunicación de datos e actualización destes, pero carecen de mecanismos para poder absorber dun xeito ordenado todos os datos que se presentan por parte da cidadanía. Co establecemento do disposto neste título, que conta cun artigo único, preténdese dotar dunha serie de rexistros perfectamente diferenciados e identificados, que servirán de canle de información interna da consellaría competente, e de sistema actualizado de coñecemento puntual e real da situación de todas e cada unha das actividades que se desenvolven en Galicia.

O título XIV regula o réxime sancionador e configura un marco xurídico aplicable ao incumprimento da normativa vixente. Neste título recóllese a tipificación das infraccións e sancións en materia de pesca profesional e recreativa en augas interiores, marisqueo e acuicultura que son competencias exclusivas da comunidade autónoma, e desenvólvese o réxime sancionador da lexislación básica do Estado en materia de ordenación do sector e comercialización de produtos pesqueiros. Así mesmo, faise unha referencia á normativa vixente en materia de procedemento co fin de non sobrecargar excesivamente este título, que se rexe neste caso pola normativa aplicable en materia de procedemento sancionador e do réxime xurídico das administracións públicas.

Por todo o exposto, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2º do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, promulgo en nome de El-Rei a Lei de pesca de Galicia.

Título I

Das disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta lei ten por obxecto a regulación, no ámbito das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, das seguintes materias:

1. A adopción de medidas de conservación, protección e rexeneración dos recursos mariños vivos.

2. O exercicio da pesca, do marisqueo e da acuicultura mariña.

3. A ordenación do sector pesqueiro galego.

4. A ordenación, a adecuación e a mellora da frota pesqueira galega.

5. A comercialización, a manipulación, a transformación e a conservación dos produtos pesqueiros.

6. A formación, a investigación e o desenvolvemento tecnolóxico en materia marítimo-pesqueira.

7. A inspección e o control das materias previstas neste artigo.

8. O réxime sancionador das materias previstas neste artigo.

Artigo 2º.-Finalidade.

A política pesqueira galega ten por finalidade a viabilidade duradeira do sector pesqueiro, marisqueiro e acuícola galego, garantindo a mellora das condicións de vida e traballo das persoas que se dedican a estas actividades mediante a explotación sustentable, equilibrada e responsable dos recursos baseada nun asesoramento científico sólido e tendo en conta os aspectos ambientais, económicos e sociais.

En particular, a regulación das materias previstas nesta lei persegue como fins:

1. Protexer, conservar e rexenerar os recursos mariños e os seus ecosistemas.

2. Garantir unha explotación responsable, equilibrada e sustentable dos recursos mariños, asegurando que a actividade extractiva sexa proporcional á capacidade de produción das especies mariñas.

3. Impulsar o desenvolvemento e a ordenación responsable da acuicultura mariña.

4. Potenciar o emprego, os ingresos e o nivel de vida das persoas profesionais do sector, así como a súa seguranza no desenvolvemento da súa actividade, tendo en conta a integración da perspectiva de xénero na aplicación do principio de igualdade. Así mesmo, fomentarase o acceso e a promoción da presenza e incorporación das mulleres nos sectores de actividade e profesións nos que estean infrarrepresentadas, e nomeadamente nos das actividades extractivas a bordo.

5. Fomentar a vertebración do sector pesqueiro galego, así como a súa participación nos procedementos para a toma de decisións sobre as políticas pesqueiras.

6. Fomentar a renovación, a modernización e a mellora das estruturas pesqueiras, marisqueiras e acuícolas no marco dos recursos existentes.

7. Desenvolver e mellorar os procesos de comercialización e transformación dos produtos pesqueiros, así como fomentar o exercicio dun comercio responsable que garanta a calidade, a trazabilidade e a identificación dos produtos.

8. Potenciar a investigación, o desenvolvemento tecnolóxico e a innovación na pesca, no marisqueo e na acuicultura, así como fomentar a cooperación entre os científicos e o sector.

9. Fomentar a formación e a capacitación profesional do sector pesqueiro, marisqueiro e acuícola.

10. Promover a pesca marítima de recreo como actividade de lecer en harmonía coa pesca marítima profesional, así como as actividades turísticas, deportivas ou de coñecemento relacionadas co medio mariño, na procura da diversificación económica do sector.

Artigo 3º.-Ámbito de aplicación.

As disposicións desta lei, en función das materias obxecto da súa regulación, terán o seguinte ámbito de aplicación territorial:

1. As relativas ao exercicio da actividade pesqueira, tanto profesional coma de recreo, así como as relacionadas coa conservación, a protección, a xestión, a rexeneración e a explotación dos recursos mariños vivos, serán aplicables nas augas marítimas competencia de Galicia.

2. As relativas ao exercicio do marisqueo serán aplicables na zona marítimo-terrestre, nas augas marítimas interiores, no mar territorial e na zona económica exclusiva correspondente ao litoral de Galicia.

3. As relativas ao exercicio da acuicultura mariña serán aplicables a todas as actividades acuícolas que se desenvolvan en terra, na zona marítimo-terrestre, nas augas marítimas interiores, no mar territorial e na zona económica exclusiva correspondente ao litoral de Galicia.

4. As relativas á ordenación do sector pesqueiro galego, á ordenación das estruturas, aos mercados, á comercialización, á manipulación, á transformación e á conservación dos produtos pesqueiros, así como as relativas á formación, á investigación e ao desenvolvemento tecnolóxico serán aplicables en todo o territorio de Galicia.

5. As relativas aos réximes de control, inspección, infraccións e sancións aplicaranse no ámbito territorial que corresponda segundo o obxecto material de que se trate, dos sinalados nos números do 1 ao 4 anteriores.

Artigo 4º.-Definicións.

Para os efectos desta lei, establécense as seguintes definicións:

1. Acondicionamento mariño: preparación de zonas delimitadas no litoral para favorecer a protección, a reprodución e o desenvolvemento dos recursos mariños, utilizando obras ou instalacións que favorezan a devandita finalidade.

2. Arrecifes artificiais: artefactos que se instalan no medio mariño co fin de favorecer a rexeneración, a atracción, a concentración, o desenvolvemento ou a protección dos recursos mariños e mais aqueles que provexan o medio mariño de exemplares de peixes e crustáceos, por rexeneración natural do medio, facilitando e incrementando a produtividade.

3. Banco natural: lugar ou zona xeográfica onde de forma natural se concentran unha ou varias especies susceptibles de explotación con individuos nas diversas fases de desenvolvemento.

4. Capacidade de pesca: facultade dun buque ou dun grupo de buques para capturar especies de interese pesqueiro. Pódese cuantificar a partir de dous tipos de indicadores principais: as características do buque e as características das artes de pesca.

5. Cultivo mariño extensivo: actividade de acuicultura exercida na zona marítima ou marítimo-terrestre que, por medios técnicos, permite a cría de especies mariñas sen proporcionar alimento e cunha mínima intervención humana.

6. Cultivo mariño semiextensivo: actividade de acuicultura exercida na zona marítima ou marítimo-terrestre que, por medios técnicos, permite a cría de especies mariñas sen proporcionar alimento e con intervención humana en diversas fases do proceso de cría ou engorda.

7. Esforzo pesqueiro: o produto da capacidade pesqueira e do tempo de actividade de pesca nunha zona determinada. O esforzo pesqueiro exprésase en GT por día ou en kW por día.

8. Establecementos auxiliares: son aqueles establecementos que teñen como función principal a depuración, a expedición, o almacenamento, o mantemento, a clasificación e a regulación comercial dos produtos pesqueiros, coa finalidade de posibilitar a súa chegada ás consumidoras e aos consumidores nas condicións hixiénico-sanitarias que a lei demanda.

9. Establecementos de cultivos mariños: son os establecementos que se dedican á realización de actividades de acuicultura mariña en calquera ou todas as súas fases de explotación, cría, cultivo ou reprodución.

10. Lonxa: instalacións situadas nos portos galegos nas que se deberán realizar as actividades de exposición e primeira venda dos produtos pesqueiros frescos, así como as actividades de control do proceso de comercialización en orixe.

11. Plans experimentais: medidas reguladoras da actividade pesqueira aplicadas nun período de tempo determinado e que teñen por obxecto novas especies, novas artes, modificación das existentes ou novas medidas de xestión.

12. Plans de recuperación: medidas reguladoras da actividade pesqueira aplicadas nun período de tempo determinado para especies fóra de límites biolóxicos de seguranza. Nos plans de recuperación fixaranse prazos e obxectivos para garantir a recuperación das poboacións.

13. Plans de xestión anuais ou plurianuais: medidas reguladoras da actividade pesqueira aplicadas nun período de tempo determinado e dirixidas a especies que se atopen dentro dos límites biolóxicos de seguranza. Estes plans poderán incluír limitacións de capturas, capacidade e esforzo pesqueiro, así como medidas técnicas e doutra clase adaptadas ás circunstancias.

14. Primeira venda: enténdese por primeira venda aquela transacción comercial que se realiza por primeira vez dentro do territorio da Unión Europea e na que se acredite documentalmente o prezo do produto, conforme a normativa sobre comercialización e identificación.

15. Produtos pesqueiros: produtos que teñan a súa orixe na pesca extractiva, no marisqueo ou na acuicultura.

16. Produtores de base: enténdese por produtores de base aquelas persoas que teñan outorgada habilitación administrativa para a extracción dos recursos pesqueiros mediante a pesca e/ou o marisqueo ou para exercer a acuicultura.

17. Recursos específicos: considéranse recursos específicos aquelas especies marisqueiras que polas súas características biolóxicas, pola súa técnica de extracción ou polas especificidades da súa comercialización requiren un sistema de xestión que atenda estas particularidades.

18. Repoboacións mariñas: solta deliberada ao medio natural de organismos mariños producidos en criadeiro e sementeiro, con distintos fins, entre os que se inclúen a recuperación de stocks sobreexplotados ou extinguidos, o incremento da produción pesqueira de distintas especies e a sementadura de exemplares en áreas mariñas para o seu cultivo.

19. Reservas mariñas: son aquelas zonas de especial interese para a preservación e a rexeneración dos recursos mariños pola súa condición de áreas de reprodución, desova, cría ou engorda de especies de interese pesqueiro ou marisqueiro.

20. Sector: parte da economía que inclúe todas as actividades de extracción, cultivo, produción, manipulación, transformación e comercialización dos produtos da pesca, do marisqueo e da acuicultura.

21. Semicultivo mariño: a actividade exercida sobre un banco natural ou unha parte del que, por medios técnicos ou científicos, logra aumentar a súa produción en relación coa que se obtería no banco en condicións naturais.

22. Títulos administrativos habilitantes: son aqueles documentos que se lles outorgan ás persoas físicas ou xurídicas e que as habilitan para a ocupación, a instalación, a posta en funcionamento e a explotación dos establecementos de cultivos mariños ou para o exercicio da actividade pesqueira, marisqueira e acuícola.

Artigo 5º.-Preferencia das organizacións de produtores de base.

As autorizacións e as concesións outorgaránselles con carácter preferente aos produtores de base ou ás organizacións de produtores de base, en calquera das súas formas asociativas.

Título II

Da conservación e a xestión dos recursos pesqueiros

e marisqueiros

Capítulo I

Conservación e xestión

Artigo 6º.-Obxectivos.

A política da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia terá como obxectivos en relación coa conservación e a xestión dos recursos pesqueiros e marisqueiros, entre outros, os de:

1. O establecemento e a regulación de medidas dirixidas á conservación, a xestión e a explotación responsable, racional e sustentable dos recursos mariños vivos.

2. A adopción de medidas tendentes a promover o exercicio dunha actividade pesqueira e marisqueira respectuosa co ambiente, así como a protección dos recursos pesqueiros e marisqueiros doutras actividades que teñan incidencia sobre eles.

3. A adopción de medidas destinadas a unha mellor utilización de especies pouco aproveitadas, de subprodutos e de residuos.

4. O fomento da participación do sector da pesca e do marisqueo na adopción de medidas de conservación.

5. O fomento de melloras no acceso e na explotación dos recursos mariños vivos.

Artigo 7º.-Medidas de conservación e xestión.

1. Co fin de asegurar os obxectivos de política pesqueira de Galicia sinalados no artigo 2º, a Xunta de Galicia, por proposta da consellaría competente en materia de pesca, poderá adoptar, entre outras, as seguintes medidas de conservación e xestión da pesca e do marisqueo:

a) A regulación de artes, aparellos e útiles permitidos, así como as súas características técnicas, e mais do seu modo de emprego para o exercicio da pesca e do marisqueo. A pesca e o marisqueo soamente se poderán exercer con artes, aparellos e útiles expresamente autorizados.

b) A regulación dos dereitos e dos deberes que poidan afectar a xestión dos recursos mariños vivos.

2. Así mesmo, e coa mesma finalidade, correspóndelle á consellaría competente en materia de pesca a adopción das seguintes medidas:

a) Plans de xestión anuais ou plurianuais para as especies que se atopen dentro dos límites biolóxicos de seguranza. Estes plans poderán incluír limitacións de capturas, capacidade e esforzo pesqueiro, medidas técnicas e doutra clase adaptadas ás circunstancias.

b) Plans de recuperación de carácter plurianual, para as especies fóra dos límites biolóxicos de seguranza. Nos plans de recuperación fixaranse prazos e obxectivos para garantir a recuperación das poboacións.

c) Medidas excepcionais para supostos de ameazas graves para os recursos ou o ecosistema, co obxecto de que delas xurda efecto inmediatamente.

d) Regulación directa do esforzo de pesca e marisqueo coa limitación da capacidade de pesca ou do tempo de actividade e a inclusión do peche da pesca ou do marisqueo.

e) Plans experimentais para novas especies, novas artes, modificación das existentes ou novas medidas de xestión.

f) Regulación indirecta do esforzo de pesca e marisqueo coa limitación do volume de capturas.

g) Fixación de tallas, pesos mínimos ou outras medidas de conservación das especies. As especies de talla ou de peso inferior ao regulamentado non se poderán reter a bordo ou en terra, transbordar, desembarcar, nin depositar, debéndose devolver ao mar inmediatamente despois da captura, agás norma específica en contra.

h) Establecemento de vedas temporais ou zonais para determinadas especies así como dos fondos autorizados.

i) Establecemento dos parámetros de avaliación dos proxectos presentados polas diferentes organizacións, que determinen a concesión de axudas, formalizadas a través de convenios ou contratos administrativos.

Artigo 8º.-Clasificación das zonas de produción.

A consellaría competente en materia de pesca clasificará as zonas de produción de moluscos bivalvos e doutros organismos procedentes da pesca, do marisqueo e da acuicultura en función da calidade das augas.

Determinará as medidas necesarias para a comercialización dos produtos extraídos segundo a clasificación da zona de produción, e en concreto:

a) O control das condicións oceanográficas, da bioxeoquímica mariña e das poboacións fitoplanctónicas, das biotoxinas mariñas, da contaminación química e da contaminación microbiolóxica, tanto no referente aos organismos coma ás zonas de produción.

b) As actuacións relacionadas co coñecemento e o control das patoloxías dos organismos mariños sometidos a explotación comercial mediante a pesca, o marisqueo e a acuicultura.

c) Decretar a apertura e o peche do exercicio da actividade pesqueira, de marisqueo e acuicultura en función do resultado dos controis que se realicen sobre a calidade das augas e os produtos, en aplicación da normativa vixente.

Capítulo II

Protección e rexeneración.

Artigo 9º.-Medidas de protección e rexeneración.

A Xunta de Galicia, por proposta da consellaría competente en materia de pesca, establecerá áreas mariñas pesqueiras protexidas coa finalidade de preservar o medio no que se desenvolven os recursos mariños. As áreas poden ser cualificadas como:

a) De acondicionamento mariño.

b) De repoboación mariña.

c) Reservas mariñas.

Artigo 10º.-Áreas de acondicionamento mariño.

Enténdese por áreas de acondicionamento mariño as zonas delimitadas no litoral para favorecer a protección, a reprodución e o desenvolvemento dos recursos mariños. Nestas zonas poderanse realizar obras e instalacións que favorezan esta finalidade, entre as que poden figurar os arrecifes artificiais.

A declaración de área de acondicionamento mariño farase de conformidade coa lexislación vixente en materia de ocupación do dominio público marítimo-terrestre, e nela estableceranse as medidas de protección da zona respecto do exercicio ou da prohibición, se for o caso, da actividade pesqueira, así como de calquera outra actividade que poida prexudicar a súa finalidade.

Artigo 11º.-Áreas de repoboación mariña.

Co fin de favorecer a rexeneración de especies poderanse declarar áreas de repoboación mariña para realizar liberacións controladas de especies en calquera fase do seu ciclo vital. A declaración de área de repoboación mariña requirirá previamente a realización daqueles estudos e informes de carácter científico que garantan a súa idoneidade.

Nestas áreas estableceranse normas especiais para o exercicio da actividade pesqueira, así como de todas aquelas actividades que poidan afectar a efectividade desta medida rexeneradora.

Artigo 12º.-Reservas mariñas.

1. Considéranse reservas mariñas aquelas zonas de especial interese para a preservación e a rexeneración dos recursos mariños e dos ecosistemas mariños que os sustentan, pola súa condición de áreas de reprodución, desova, cría ou engorda de especies de interese pesqueiro ou marisqueiro.

2. Na norma de declaración determinaranse o réxime de funcionamento das reservas así como as actividades permitidas e as limitacións ou prohibicións de usos na reserva.

Artigo 13º.-Outras medidas de protección.

1. Para os efectos de protexer e conservar os recursos pesqueiros, marisqueiros e de acuicultura, así como para o mantemento da calidade das augas, requirirase informe preceptivo da consellaría competente en materia de pesca nos seguintes casos:

a) Obra ou instalacións, desmontables ou non, que se pretendan situar en zona marítima ou marítimo-terrestre.

b) Extracción de áridos e doutros materiais en zona marítima ou marítimo-terrestre.

c) Rexeneración de praias.

d) Verteduras ao mar.

e) Calquera outra actividade que, sen obras ou instalacións, poida afectar os recursos ou as actividades pesqueiras, marisqueiras e de acuicultura ou a calidade das augas.

2. Regulamentariamente adoptaranse as medidas precisas de prevención e control sanitario e ambiental, para a protección dos recursos mariños.

Título III

Da pesca marítima

Capítulo I

Pesca marítima profesional

Artigo 14º.-Definición.

Enténdese por pesca marítima profesional o exercicio da actividade extractiva, dirixida á explotación comercial de especies piscícolas, utilizando artes, aparellos, útiles ou equipos propios da pesca. Inclúese nesta definición a captura de especies de crustáceos, moluscos e outros invertebrados mariños con artes non específicas para estas especies.

Artigo 15º.-Obxectivos.

A política da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia terá, en materia de pesca marítima, entre outros, os seguintes obxectivos:

1. A regulación das condicións de acceso aos recursos mariños vivos en condicións de igualdade.

2. A regulación das condicións do exercicio da pesca marítima profesional e do marisqueo.

3. A mellora das condicións de traballo na explotación dos recursos mariños vivos.

Artigo 16º.-Buques de pesca autorizados.

Para o exercicio da pesca profesional e do marisqueo desde embarcación soamente se poderán empregar embarcacións incluídas no Censo de frota pesqueira operativa e no Rexistro de buques pesqueiros de Galicia.

Artigo 17º.-Censos por modalidades.

A consellaría competente en materia de pesca poderá establecer censos por modalidades, pesqueiras e caladoiros, así como ditar as normas para a inclusión dos buques nun ou máis censos consonte o procedemento e os criterios que se establezan, entre os que se deberá ter en conta a habitualidade na pesqueira así como a idoneidade dos buques e as demais condicións técnicas deles.

Artigo 18º.-Licenza de pesca profesional.

1. O exercicio da pesca marítima profesional requirirá estar en posesión dunha licenza, sen prexuízo do disposto na normativa vixente para o exercicio da pesca en augas exteriores.

2. A licenza, de carácter intransferible, é un documento inherente ao buque e conterá, como mínimo, os seguintes datos:

a) A identificación e as características técnicas do buque.

b) A identificación do seu titular.

c) A modalidade de pesca: artes, aparellos e útiles autorizados.

d) O caladoiro ou a zona de pesca autorizada.

e) Calquera outra información relativa á actividade.

f) No caso da primeira licenza incluiranse ademais as baixas achegadas e o porto base.

3. As licenzas outorgaraas a consellaría competente en materia de pesca por tempo ilimitado.

4. A modificación ou modernización dos elementos propios do buque ou a variación dos datos que constan na licenza implicará a solicitude dunha nova licenza, nas condicións e nos prazos que se determinen regulamentariamente, sen prexuízo da emisión dos informes e das autorizacións que se establezan.

5. No suposto de transmisión da titularidade do buque, a nova persoa propietaria deberallo comunicar á consellaría competente en materia de pesca para os efectos da subrogación no uso da licenza, sempre que a embarcación manteña como base un porto da comunidade autónoma de Galicia.

Artigo 19º.-Permiso de pesca especial.

1. Cando as características especiais dunha pesqueira aconsellen limitacións do esforzo pesqueiro ou medidas especiais de conservación dos recursos pesqueiros, a consellaría competente en materia de pesca poderá establecer que o exercicio da actividade extractiva estea condicionado á previa concesión dun permiso de pesca especial.

2. O devandito permiso, complementario da licenza de pesca, terá carácter temporal e permitiralle faenar ao buque nunha zona determinada e para unha actividade de pesca concreta.

3. A consellaría competente en materia de pesca outorgará os permisos de pesca especiais, que deberán conter, como mínimo, a seguinte información:

-A identificación do buque.

-As zonas, as especies e as artes de pesca autorizadas.

-As condicións para o exercicio da actividade.

-O período de validez.

Artigo 20º.-Acceso de buques doutras comunidades autónomas.

A consellaría competente en materia de pesca poderalles conceder permisos de pesca especiais a buques doutras comunidades autónomas, que os habiliten para o exercicio da pesca en augas da Comunidade Autónoma de Galicia, en función do estado dos recursos e dos acordos de reciprocidade que con este motivo se establezan entre as comunidades autónomas.

Artigo 21º.-Cambio temporal de modalidade.

A consellaría competente en materia de pesca poderalles autorizar temporalmente aos buques cambio de modalidade distinta da establecida na licenza en función do estado dos recursos.

Capítulo II

Pesca marítima de recreo

Artigo 22º.-Definición.

Enténdese por pesca marítima de recreo a que se realiza por entretemento, deporte ou afección, sen ánimo de lucro.

As súas capturas non poderán ser obxecto de venda nin transacción.

Artigo 23º.-Modalidades.

Establécense as seguintes modalidades da pesca recreativa:

a) Pesca desde embarcación da sétima lista do Rexistro de matrícula de buques.

b) Pesca desde terra en superficie.

c) Pesca submarina.

d) Pesca desde embarcación da sexta lista do Rexistro de matrícula de buques, incluídas as distintas modalidades de pesca de alugamento.

Artigo 24º.-Licenzas e autorizacións de pesca de recreo.

1. O exercicio da pesca marítima de recreo, en calquera das súas modalidades, requirirá estar en posesión das correspondentes licenzas, nos termos que regulamentariamente se determinen.

2. As licenzas expediraas a consellaría competente en materia de pesca, directamente ou por aquelas institucións ou organizacións coas que se asinen os correspondentes acordos ou convenios de colaboración ou cooperación.

3. Os concursos, os campionatos e as competicións de pesca marítima de recreo necesitarán autorización da consellaría competente en materia de pesca, que regulará en cada caso as súas condicións.

Artigo 25º.-Validez de licenzas doutras comunidades autónomas e doutros estados membros da Unión Europea.

Os permisos ou as licenzas que habilitan para a pesca marítima de recreo expedidos pola Administración do Estado, por outros estados membros da Unión Europea ou por outras comunidades autónomas terán plena vixencia en augas de Galicia, sen prexuízo de que as persoas titulares deles teñan a obriga de cumprir as disposicións autonómicas que regulan a pesca de recreo.

Artigo 26º.-Condicións de exercicio.

1. Seranlle aplicables á pesca marítima de recreo as medidas de protección e conservación dos recursos pesqueiros establecidos para a pesca marítima profesional.

2. Malia o anterior, a Xunta de Galicia, por proposta da consellaría competente en materia de pesca, poderá establecer medidas específicas para a pesca recreativa por razón da protección e conservación dos recursos pesqueiros, co fin de que esta non interfira ou prexudique a actividade pesqueira profesional.

Título IV

Do marisqueo

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 27º.-Definición.

Enténdese por marisqueo o exercicio da actividade extractiva, desenvolvida a pé ou desde embarcación, na zona marítima ou marítimo-terrestre dirixida de modo exclusivo e con artes selectivas e específicas á captura dunha ou varias especies de moluscos, crustáceos, tunicados, equinodermos e outros invertebrados mariños, con fins de comercialización.

Artigo 28º.-Obxectivos.

A política da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de marisqueo terá, entre outros, os seguintes obxectivos:

1. A regulación das condicións de acceso á actividade marisqueira e aos recursos mariños vivos en condicións de igualdade.

2. A regulación das condicións do exercicio do marisqueo.

3. A mellora das condicións de traballo na explotación dos recursos mariños vivos.

4. A procura de que as explotacións marisqueiras sexan sustentables e economicamente rendibles.

Capítulo II

Zonas de explotación marisqueira

Artigo 29º.-Clasificación das zonas de explotación marisqueira.

As zonas de explotación marisqueira clasifícanse en:

a) Zonas de libre marisqueo: bancos naturais cuxa súa explotación non está suxeita a unha autorización ou concesión administrativa. A consellaría competente determinará periodicamente as zonas de libre marisqueo, logo de consulta coas organizacións do sector.

b) Zonas de autorización marisqueira: bancos naturais ou porcións deles cuxa explotación se outorga en uso privativo normal a título precario para a súa explotación en réxime de exclusividade.

c) Zonas de concesión marisqueira: bancos naturais ou porcións deles cuxa explotación se outorga en uso privativo anormal que implique o dereito a ocupación, uso ou gozo en réxime temporal.

Artigo 30º.-Outorgamento de autorizacións e concesións.

1. O outorgamento das autorizacións e das concesións correspóndelle á consellaría competente en materia de marisqueo, logo do informe sobre a ocupación do dominio público marítimo ou marítimo-terrestre previsto na lexislación de costas.

2. A resolución que dispoña o outorgamento da autorización ou da concesión de actividade expresará a persoa titular, o tipo de establecemento, as especies autorizadas, a zona, a duración, as causas de extinción do título habilitante e mais as condicións técnicas e administrativas nas que se autoriza a actividade.

Artigo 31º.-Garantías da explotación.

1. Cando as persoas titulares das autorizacións e das concesións sexan organizacións de produtores de base, estas deberán garantir o acceso á explotación dos recursos mariños das súas persoas asociadas que reúnan os requisitos legais para realizaren tal actividade.

2. A explotación dos recursos mariños mediante as autorizacións e as concesións outorgadas ás organizacións de produtores de base deberá permitir o desenvolvemento de proxectos de común interese, partindo de opcións eficientes, desde o punto de vista financeiro, económico e social.

Artigo 32º.-Obxecto das concesións e das autorizacións para a explotación de bancos naturais.

1. Cando a explotación dun banco natural sexa susceptible de mellora significativa, a consellaría competente en materia de marisqueo poderá outorgar unha autorización ou concesión para a explotación de zonas de marisqueo, con delimitación da súa superficie.

2. As autorizacións outorgaranse co obxecto de realizar unha explotación controlada dun banco natural mediante a realización de labores de semicultivo.

3. As concesións outorgaranse co obxecto de realizar unha explotación controlada dun banco natural mediante a realización de labores de cultivo extensivo ou semiextensivo. Estas concesións rexeranse polo disposto no título V, capítulo II, desta lei.

4. A consellaría competente promoverá o acceso á titularidade de autorizacións e concesións das cooperativas integradas maioritariamente por mulleres.

Artigo 33º.-Outorgamento das autorizacións.

1. As autorizacións outorgaránselles preferentemente ás entidades de interese colectivo.

2. No seu outorgamento teranse en conta os dereitos doutras persoas que regularmente viñesen explotando a zona obxecto da autorización.

3. As entidades e as persoas físicas solicitantes deberán dispor dunha dirección técnica e xestora da explotación cun nivel de cualificación que se determinará regulamentariamente.

Artigo 34º.-Extensión das autorizacións.

A extensión das autorizacións terá que gardar proporción co número de persoas que realicen ou pretendan realizar a actividade autorizada, en directa relación co estado dos recursos obxecto da explotación e o sostemento económico deles.

Artigo 35º.-Sinalamento dos límites da autorización.

Os límites das áreas de explotación autorizadas, definidos pola consellaría competente, deben estar sinalizados ou balizados de forma totalmente visible, con elementos que non supoñan perigo para a navegación, sendo o establecemento e o mantemento dos sinais responsabilidade dos titulares da autorización.

Artigo 36º.-Prohibicións.

As autorizacións non poderán ser transmisibles nin alleables por ningún título, sen prexuízo do disposto na lexislación vixente en materia de cooperativas, nin se permitirá a construción de instalacións non desmontables nas áreas de explotación.

Artigo 37º.-Condicións e duración das autorizacións de explotación de bancos naturais.

1. Sen prexuízo do que regulamentariamente se estableza, as autorizacións de marisqueo na zona marítima ou na zona marítimo-terrestre estarán limitadas á duración e á delimitación especial que nelas se especifique e non lles outorgarán nin lles consolidarán aos seus beneficiarios ningún dereito ou preferencia no sucesivo.

2. As autorizacións terán unha vixencia máxima de cinco anos, e estas poderanse prorrogar por períodos iguais ao autorizado, ata un máximo de trinta anos.

3. As autorizacións outorgaranse a título de precario, e a súa extinción non dará dereito a ningunha indemnización.

Artigo 38º.-Extinción das autorizacións de explotación de bancos naturais.

1. As autorizacións reguladas neste capítulo poderanse extinguir, logo de audiencia da persoa titular delas no correspondente procedemento, polas seguintes causas:

a) Polo vencemento do prazo de vixencia da autorización, sen ter solicitado ou obtido prórroga.

b) Polo incumprimento das cláusulas da autorización.

c) Pola renuncia expresa da persoa titular.

d) Por razóns de utilidade pública que comporten a perda da dispoñibilidade dos terreos para a actividade marisqueira, sen prexuízo das indemnizacións que correspondan.

e) Polo abandono da explotación ou o cesamento da actividade por un período de seis meses consecutivos, agás causas de forza maior.

f) Pola infrautilización na explotación da totalidade ou dalgunha das zonas autorizadas, agás causas de forza maior.

2. Ao se extinguir a autorización, será obriga da última persoa titular repor a zona ao seu estado natural anterior á autorización así como calquera alteración provocada no medio, sendo da súa conta o custo desas operacións, que se deberán realizar de conformidade coas instrucións emanadas da consellaría competente en materia de protección do ambiente. Excepcionalmente, a consellaría competente en materia de marisqueo poderá propor, segundo se determine regulamentariamente, o mantemento da zona nas condicións existentes no momento da declaración de extinción para dedicala á investigación, a actividades culturais e de coñecemento das actividades acuícolas ou a calquera outra actividade de interese público.

Capítulo III

Exercicio do marisqueo

Artigo 39º.-Licenza de marisqueo.

1. O exercicio do marisqueo en zonas de autorización marisqueira ou de libre marisqueo requirirá estar en posesión dunha licenza.

2. Establécense os seguintes tipos de licenza:

a) Licenza para marisqueo a pé.

b) Licenza para marisqueo desde embarcación.

3. A Xunta de Galicia, por proposta da consellaría competente en materia de marisqueo, establecerá os requisitos para a obtención, a renovación, a perda ou a suspensión da licenza.

4. As condicións para a utilización de embarcacións da lista cuarta no exercicio do marisqueo serán establecidas regulamentariamente.

Artigo 40º.-Licenza de marisqueo a pé.

1. A licenza de marisqueo a pé será expedida a nome dunha persoa física a título individual e intransferible. Para a súa obtención requirirase ter a cualificación profesional correspondente.

2. Outorgarase por un período de cinco anos, renovable por iguais períodos.

3. A licenza conterá, como mínimo, a seguinte información:

a) O nome da persoa titular e o DNI.

b) As zonas e as especies autorizadas.

c) Calquera outra información relativa á actividade.

d) A validez da licenza.

Artigo 41º.-Licenza de marisqueo desde embarcación.

1. A licenza de marisqueo desde embarcación expedirase a nome do buque, por un período de cinco anos, renovable por iguais períodos.

2. A modificación ou modernización dos elementos do buque ou a variación dos datos que constan na licenza implicará a solicitude dunha nova licenza, nas condicións e nos prazos que se determinen regulamentariamente, sen prexuízo da emisión dos informes e das autorizacións que se estableza.

3. No suposto de transmisión da titularidade do buque, a nova persoa propietaria deberallo comunicar á consellaría competente en materia de marisqueo para os efectos da subrogación no uso da licencia, sempre que a embarcación manteña como base un porto da Comunidade Autónoma de Galicia.

4. O contido mínimo da licenza deberá recoller os seguintes aspectos:

a) A identificación e as características técnicas do buque.

b) A identificación do seu titular.

c) O porto base.

d) A modalidade de marisqueo: artes, aparellos e útiles autorizados.

e) A zona de marisqueo autorizada.

f) A validez da licenza.

g) No caso da primeira licenza, incluiranse ademais as baixas achegadas.

5. Para exercer o marisqueo desde embarcación soamente se poderán empregar embarcacións incluídas no Censo de frota pesqueira operativa e no Rexistro de buques pesqueiros de Galicia.

Artigo 42º.-Explotación dos recursos específicos.

1. A explotación dos recursos específicos requirirá estar en posesión da correspondente modalidade de licenza para marisqueo e participar nun plan de xestión ou recuperación.

2. No caso de que para a extracción de recursos específicos se empreguen técnicas de mergullo, será necesario que os mergulladores e as mergulladoras estean en posesión da titulación axeitada aos medios empregados.

Artigo 43º.-Recollida de algas e argazos.

1. A recollida de algas poderana realizar persoas colleiteiras ou empresas. No caso da recollida por persoas colleiteiras, estas deberán estar debidamente autorizadas e requirirá a presentación dun plan de xestión pola organización de produtores de base á que pertenzan. No caso da recollida por entidades de carácter económico, estas deberán presentar un plan de xestión, e a recollida poderana realizar o seu persoal ou os seus socios ou socias.

2. A recollida de argazos non require licenza, polo que se poden recoller na forma e nas condicións que regulamentariamente se determinen.

Título V

Da acuicultura mariña

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 44º.-Definición.

Enténdese por acuicultura mariña a cría ou o cultivo de organismos acuáticos con técnicas encamiñadas a aumentaren a produción dos organismos en cuestión por enriba das capacidades naturais do medio; estes organismos serán, ao longo de toda a fase de cría ou cultivo e ata o momento da súa recollida, propiedade de persoas físicas ou xurídicas.

A actividade de acuicultura poderase realizar na zona terrestre, na zona marítimo-terrestre ou ben na zona marítima, en instalacións fixas, flotantes ou a medias augas.

Artigo 45º.-Obxectivo.

O obxectivo da acuicultura mariña será acadar o óptimo aproveitamento do potencial produtivo da acuicultura, respectando o ambiente e aumentando e promovendo a competitividade, así como a mellora das condicións de vida e traballo das persoas que se dedican a esta actividade e a contribución ao desenvolvemento socioeconómico das comunidades costeiras.

Artigo 46º.-Atribucións.

Para o fomento e o desenvolvemento da acuicultura mariña, correspóndenlle á Xunta de Galicia, por proposta da consellaría competente en materia de acuicultura, as seguintes atribucións:

a) A aprobación de declaración de zonas de interese para cultivos mariños.

b) A ordenación das actividades da acuicultura mediante os instrumentos e as medidas que regulamentariamente se determinen.

c) A regulación das condicións dos establecementos de cultivos mariños e auxiliares.

Así mesmo, correspóndenlle á consellaría competente en materia de acuicultura as seguintes atribucións:

a) O outorgamento dos títulos que habilitan para o exercicio da actividade de acuicultura.

b) A regulación e a determinación das especies autorizadas e prohibidas para o seu cultivo en Galicia ou en determinadas zonas.

c) A inspección e o control dos establecementos de cultivos mariños e auxiliares, tanto en relación coas súas instalacións coma dos seus métodos, das condicións técnicas, de produción e das especies existentes neles.

Artigo 47º.-Títulos administrativos habilitantes.

1. O exercicio por toda persoa física ou xurídica da actividade de cultivos mariños en calquera tipo de establecemento require un título administrativo habilitante previo outorgado pola consellaría competente en materia de acuicultura, sen prexuízo dos permisos, das licenzas e das autorizacións que lles corresponda outorgar a outros organismos no exercicio das súas competencias.

2. Para os efectos desta lei, considéranse títulos administrativos habilitantes aqueles que se lles outorgan ás persoas físicas ou xurídicas para a instalación, a posta en funcionamento e a explotación dos establecementos de cultivos mariños e auxiliares.

3. Os títulos administrativos que habilitan para o exercicio da acuicultura adoptarán algunha das seguintes modalidades:

a) Concesión de actividade.

b) Permiso de actividade.

4. Os establecementos de cultivos mariños e auxiliares que precisen ocupar para a súa instalación, posta en funcionamento e explotación terreos de dominio público marítimo ou marítimo-terrestre precisarán da concesión de actividade que outorgará a consellaría competente en materia de acuicultura, de conformidade co procedemento que regulamentariamente se estableza, logo de informe preceptivo e vinculante da Administración do Estado sobre a ocupación do dominio público.

5. Os establecementos de cultivos mariños e auxiliares en zona terrestre requirirán o permiso de actividade en todo caso.

Capítulo II

Concesións de actividade en zona marítimo-terrestre

Artigo 48º.-Obxecto.

Para o desenvolvemento da actividade de acuicultura en zonas marítimo-terrestres, a consellaría competente poderalles outorgar unha concesión para a explotación en exclusiva desas zonas a persoas físicas ou xurídicas.

Artigo 49º.-Supostos de concesión.

1. A consellaría competente en materia de acuicultura poderá outorgar concesións para desenvolver actividades acuícolas na zona marítimo-terrestre, sempre que se xustifique que este sistema de explotación é mellor na produción de recursos.

2. Nos supostos de que a concesión teña por obxecto exclusivo a explotación de bancos naturais que supoñan a realización de labores de cultivo mariño extensivo ou semiextensivo, requirirase a presentación, entre os demais requisitos que regulamentariamente se establezan, dun plan de viabilidade que garanta unha explotación eficaz e racional e que acredite a autosuficiencia económica.

Artigo 50º.-Contido da concesión.

1. A resolución que dispoña o outorgamento da concesión expresará a persoa titular, o tipo de establecemento, as especies autorizadas, a zona, a duración e as causas de caducidade, extinción e revogación da concesión, así como as condicións técnicas e administrativas nas que se autoriza a actividade.

2. As modificacións ou as reformas dun proxecto autorizado, así como calquera modificación das condicións establecidas, requirirán autorización da consellaría competente en materia de acuicultura na forma que regulamentariamente se determine.

3. A extensión das concesións terá que gardar proporción co espazo necesario para o exercicio da actividade autorizada.

4. Dentro do terreo da concesión poderanse establecer áreas para o almacenamento de semente, a regulación comercial e outras actividades relacionadas coa explotación.

Artigo 51º.-Obrigas da persoa titular da concesión.

1. As concesións outorgadas ao amparo deste capítulo obrigan a quen posúa a súa titularidade, entre outras obrigas que regulamentariamente se poidan establecer, a:

a) Instalar e manter os dispositivos de axudas á navegación marítima das instalacións outorgadas en réxime de concesión.

Se as instalacións se atopan localizadas en polígonos ou noutros instrumentos de ordenación da actividade acuícola mariña, a instalación e o mantemento realizaraos a consellaría competente en materia de acuicultura, e os gastos correrán por conta de todas as persoas concesionarias do polígono. No suposto de que as instalacións estean localizadas fóra destes espazos, corresponderalle á persoa titular da concesión a instalación e o mantemento dos dispositivos de axudas á navegación conforme a normativa vixente.

b) Manter en bo estado o dominio público marítimo-terrestre e as obras e instalacións que compón o establecemento de cultivos mariños e auxiliares.

c) Establecer as medidas correctoras que poidan minimizar o impacto ambiental e o impacto sobre o patrimonio histórico da actividade acuícola, así como a desaugar nas condicións sanitarias necesarias para garantir a calidade das augas.

d) Pagar o correspondente canon por ocupación do dominio público.

e) Constituír un seguro que garanta posibles danos a terceiros.

2. Na zona marítimo-terrestre non se permitirá outro tipo de obras que as imprescindibles para o funcionamento da explotación. Os encanamentos de toma de auga e desaugadoiro deberán ir soterrados.

3. No caso de que existan áreas manifestamente infrautilizadas dentro dunha concesión, a consellaría competente poderá declarar a revogación desta nas devanditas áreas. Enténdese por áreas manifestamente infrautilizadas aquelas que, agás causa de forza maior, non produzan uns rendementos e valores de produción determinados regulamentariamente.

Artigo 52º.-Criterios de outorgamento das concesións.

1. As concesións serán outorgadas logo de procedemento, que estará presidido polos principios de obxectividade, equidade, publicidade, concorrencia e transparencia.

2. As concesións, en igualdade de condicións, seranlles outorgadas preferentemente aos proxectos presentados polas entidades asociativas de profesionais da pesca, do marisqueo e da acuicultura do ámbito territorial afectado pola concesión.

3. O baremo que rexerá no procedemento de outorgamento valorará, preferentemente, os seguintes criterios:

a) Ter sido titular dunha concesión de actividade para o exercicio da acuicultura mariña na zona marítimo-terrestre.

b) Ter exercido habitualmente a explotación dunha concesión de acuicultura mariña na zona marítimo-terrestre.

c) A experiencia no desenvolvemento de actividades de acuicultura na zona marítimo-terrestre por parte dos particulares e das empresas solicitantes.

d) A adecuación aos criterios técnicos, sanitarios e ambientais que se determinen.

Artigo 53º.-Duración.

As concesións outorgaranse por un período máximo de dez anos, prorrogables por períodos de dez de se demostrar a rendibilidade e o bo uso da explotación, ata un máximo de trinta anos, por pedimento da persoa concesionaria e cunha antelación mínima de tres meses ao vencemento da concesión.

Artigo 54º.-Transmisión da concesión.

1. Os establecementos amparados pola concesión poderán ser alleados ou cedidos conxuntamente con esta en calquera momento do período de vixencia dela, sendo necesarias para a súa transmisión ou cesión a autorización previa da consellaría competente en materia de acuicultura e mais a comprobación de que a nova persoa titular cumpre os requisitos contidos nesta lei.

2. Os establecementos amparados por concesións outorgadas consonte esta lei consideraranse indivisibles, calquera que sexa a súa dimensión e capacidade.

Artigo 55º.-Extinción da concesión.

1. As concesións reguladas neste capítulo poderanse extinguir, logo de audiencia da persoa titular delas no correspondente procedemento, polas seguintes causas:

a) Polo vencemento do prazo de vixencia da concesión, sen ter solicitado ou obtido prórroga. Nestes supostos será necesaria a declaración expresa de extinción da concesión.

b) Polo incumprimento das cláusulas da concesión.

c) Pola renuncia expresa da persoa titular.

d) Por razóns de utilidade pública que comporten a perda da dispoñibilidade das áreas nas que se desenvolve a actividade acuícola, sen prexuízo das indemnizacións que correspondan.

e) Polo cesamento da actividade do cultivo por un período superior a dous anos, agás causa xustificada.

f) Polo vencemento do prazo establecido para a posta en explotación, agás causa de forza maior.

g) Polos danos ecolóxicos notorios, polos perigos para a saúde pública ou para a navegación ou por outros riscos de análoga transcendencia, debidos ao establecemento ou ao seu funcionamento anormal.

h) Polo incumprimento reiterado das normas de extracción, regulación e comercialización.

i) Por ter efectuado o cambio de titularidade do establecemento sen a previa autorización da consellaría competente en materia de acuicultura.

j) Polo alugamento do establecemento de cultivos mariños a terceiras persoas.

k) Pola utilización das instalacións para a comisión de ilícitos penais, sempre que tales feitos fosen declarados probados por resolución penal firme.

l) Pola non remisión dos datos estatísticos a que obriga a lexislación vixente, tras incumprir dous requirimentos.

m) Polo incumprimento manifesto dos obxectivos de rendibilidade previstos no proxecto de instalación ou na solicitude de prórroga, cando fose imputable á persoa titular do establecemento.

n) Polas causas recollidas para a extinción na lexislación que regula a ocupación do dominio público marítimo-terrestre.

2. Ao se extinguir a concesión, será obriga da última persoa titular repor a zona ao seu estado natural anterior á concesión así como calquera alteración provocada no medio, sendo da súa conta o custo desas operacións, que se deberán realizar de conformidade coas instrucións emanadas da consellaría competente en materia de protección do ambiente. Excepcionalmente, a consellaría competente en materia de acuicultura poderá propor, segundo se determine regulamentariamente, o mantemento das obras e das instalacións para dedicalas á investigación, a actividades culturais e de coñecemento das actividades acuícolas ou a calquera outra actividade de interese público.

Artigo 56º.-Concesións experimentais.

Con carácter experimental, e nunca por un período superior aos tres anos, poderase outorgar unha concesión experimental na zona marítimo-terrestre para a realización de proxectos de investigación ou de proxectos que introduzan innovacións substanciais na explotación, nos artefactos e nas especies, nas condicións que regulamentariamente se establezan.

As persoas titulares da concesión experimental están obrigadas a cumprir os requisitos que regulamentariamente se establezan e, en todo caso, deberanlle presentar á consellaría competente en materia de acuicultura unha memoria sobre o resultado da súa actividade nos prazos que se determinen.

Capítulo III

Concesións de actividade na zona marítima

Artigo 57º.-Obxecto.

Para o desenvolvemento da acuicultura en zona marítima, a consellaría competente en materia de acuicultura poderalles outorgar unha concesión de actividade a persoas físicas ou xurídicas.

Artigo 58º.-Obxectivo.

As concesións de actividade terán como obxectivo a instalación de bateas, liñas de cultivo ou gaiolas co fin de acadar o óptimo aproveitamento do potencial produtivo da zona marítima. Regulamentariamente poderase determinar outro tipo de instalacións que se poderán situar nesta zona.

Artigo 59º.-Contido da concesión.

1. A resolución que dispoña o outorgamento da concesión expresará a persoa titular, o tipo de establecemento, as especies autorizadas, a zona, a duración, as causas de caducidade, extinción e revogación da concesión e mais as condicións técnicas e administrativas nas que se autoriza a actividade.

2. As modificacións ou as reformas a un proxecto autorizado, así como calquera modificación das condicións establecidas, requirirán autorización da consellaría competente en materia de acuicultura na forma que regulamentariamente se determine.

3. A superficie de ocupación da zona marítima establecida na concesión terá que gardar proporción co espazo necesario para o exercicio da actividade autorizada.

Artigo 60º.-Obrigas da persoa titular da concesión.

1. As concesións outorgadas ao amparo deste capítulo obrigan a quen posúa a súa titularidade, entre outras obrigas que regulamentariamente se poidan establecer, a:

a) Instalar e manter os dispositivos de axudas á navegación marítima das instalacións outorgadas en réxime de concesión.

Se as instalacións se atopan localizadas en polígonos ou noutros instrumentos de ordenación da actividade acuícola mariña, a instalación e o mantemento realizaraos a consellaría competente en materia de acuicultura, e os gastos correrán por conta de todas as persoas concesionarias do polígono. No suposto de que as instalacións estean localizadas fóra destes espazos, corresponderalle á persoa titular da concesión a instalación e o mantemento dos dispositivos de axudas á navegación conforme a normativa vixente.

b) Manter en bo estado o dominio público marítimo así como as instalacións que compón o establecemento de cultivos mariños.

c) Establecer as medidas correctoras que poidan minimizar o impacto ambiental e o impacto sobre o patrimonio histórico da actividade acuícola.

d) Pagar o correspondente canon por ocupación do dominio público.

e) Constituír un seguro que garanta posibles danos a terceiros.

2. No caso de que existan instalacións manifestamente infrautilizadas obxecto dunha concesión, a consellaría competente en materia de acuicultura poderá declarar a revogación desta. Regulamentariamente determinaranse os criterios e as causas para declarar unha instalación como manifestamente infrautilizada.

Artigo 61º.-Duración da concesión.

As concesións outorgaranse por un período máximo de dez anos, prorrogables por períodos de dez anos, ata un máximo de trinta anos, por pedimento da persoa concesionaria.

Artigo 62º.-Criterios de outorgamento das concesións.

1. As concesións de actividade serán outorgadas logo de procedemento de concurso público, que estará presidido polos principios de obxectividade, equidade, publicidade, concorrencia e transparencia.

2. A consellaría competente en materia de acuicultura, logo de informe das organizacións representativas do correspondente subsector da acuicultura mariña, convocará concurso público para o outorgamento das concesións de actividade previstas neste capítulo.

3. No suposto de extinción de concesións de actividade, a consellaría competente en materia de acuicultura convocará o concurso público para a mesma especie de cultivo que tiña por obxecto a concesión extinta.

4. O baremo que rexerá no concurso valorará preferentemente os seguintes criterios:

a) Ter sido titular dunha concesión para o exercicio da acuicultura mariña en zona marítima no mesmo subsector de actividade das concesións para cuxo outorgamento se convoca o concurso.

b) Ter exercido habitualmente a explotación dunha concesión de acuicultura mariña en zona marítima no mesmo subsector de actividade das concesións para cuxo outorgamento se convoca o concurso.

c) A experiencia no desenvolvemento de actividades de acuicultura na zona marítima por parte dos particulares e das empresas solicitantes no mesmo subsector de actividade das concesións para cuxo outorgamento se convoca o concurso.

d) A adecuación aos criterios técnicos, sanitarios e ambientais que se determinen.

O procedemento de concesión mediante concurso público será determinado a través do correspondente desenvolvemento regulamentario.

Artigo 63º.-Transmisión da concesión.

1. As instalacións amparadas pola concesión poderán ser alleadas ou cedidas conxuntamente con esta en calquera momento do período de vixencia dela, sendo necesaria para a súa transmisión ou cesión a autorización previa da consellaría competente en materia de acuicultura, de conformidade co que regulamentariamente se estableza.

2. Os establecementos amparados por concesións outorgadas consonte esta lei consideraranse indivisibles, calquera que sexa a súa dimensión e capacidade.

3. Permítese a transmisión mortis causa das concesións. Nos supostos de transmisión por actos inter vivos, deberase favorecer a integración económica e social do sector.

Artigo 64º.-Extinción da concesión.

1. As concesións reguladas neste capítulo poderanse extinguir, logo de audiencia da persoa titular delas no correspondente procedemento, polas seguintes causas:

a) Polo vencemento do prazo de vixencia da concesión, sen ter solicitado ou obtido prórroga. Nestes supostos será necesaria a declaración expresa de extinción da concesión.

b) Polo incumprimento das cláusulas da concesión.

c) Pola renuncia expresa da persoa titular.

d) Por razóns de utilidade pública que comporten a perda da dispoñibilidade das áreas nas que se desenvolve a actividade acuícola, sen prexuízo das indemnizacións que correspondan.

e) Polo cesamento da actividade do cultivo por un período superior a dous anos, agás causa xustificada.

f) Polo vencemento do prazo establecido para a posta en explotación, agás causa de forza maior.

g) Polos danos ecolóxicos notorios, polos perigos para a saúde pública ou para a navegación ou por outros riscos de análoga transcendencia, debidos ao establecemento ou ao seu funcionamento anormal.

h) Polo incumprimento reiterado das normas de extracción, regulación e comercialización.

i) Por ter efectuado o cambio de titularidade do establecemento sen a previa autorización da consellaría competente en materia de acuicultura.

j) Polo alugamento do establecemento de cultivos mariños a terceiras persoas.

k) Pola utilización das instalacións para a comisión de ilícitos penais, sempre que tales feitos fosen declarados probados por resolución penal firme.

l) Pola non remisión dos datos estatísticos a que obriga a lexislación vixente, tras incumprir dous requirimentos.

m) Polo incumprimento manifesto dos obxectivos de rendibilidade previstos no proxecto de instalación ou na solicitude de prórroga, cando fosen imputables á persoa titular do establecemento.

n) Polas causas recollidas para a extinción na lexislación que regula a ocupación do dominio público marítimo-terrestre.

2. Ao se extinguir a concesión, será obriga da última persoa titular repor a zona ao seu estado natural anterior á concesión así como calquera alteración provocada no medio, sendo da súa conta o custo desas operacións, que se deberán realizar de conformidade coas instrucións emanadas da consellaría competente en materia de protección do ambiente. Excepcionalmente, a consellaría competente en materia de acuicultura poderá propor, segundo se determine regulamentariamente, o mantemento das instalacións para dedicalas á investigación, a actividades culturais e de coñecemento das actividades acuícolas ou a calquera outra actividade de interese público.

Artigo 65º.-Concesións experimentais.

Con carácter experimental, e nunca por un período superior aos tres anos, poderase outorgar unha concesión experimental na zona marítima para a realización de proxectos de investigación ou de proxectos que introduzan innovacións substanciais na explotación, nos artefactos e nas especies, nas condicións que regulamentariamente se establezan.

Capítulo IV

Permiso de actividade

Artigo 66º.-Obxecto.

1. Para o desenvolvemento da actividade de acuicultura en zona terrestre, a consellaría competente en materia de acuicultura poderalles outorgar un permiso de actividade a persoas físicas ou entidades públicas ou privadas.

2. Os establecementos de acuicultura e auxiliares situados na zona terrestre e en propiedades privadas requirirán o oportuno permiso de actividade, sen prexuízo dos demais permisos, licencias e autorizacións que lles corresponda outorgar a outros organismos no exercicio das súas competencias.

3. No suposto de que estes establecementos precisen da correspondente concesión de actividade, o permiso de actividade integrarase na resolución da concesión, tramitándose de conformidade co disposto nos capítulos precedentes deste título.

4. No caso de que as instalacións que conten cun permiso de actividade sexan manifestamente infrautilizadas, a consellaría competente en materia de acuicultura poderá declarar a súa revogación. Regulamentariamente determinaranse os criterios e as causas para declarar unha instalación como manifestamente infrautilizada.

Artigo 67º.-Contido do permiso.

1. A resolución que dispoña o outorgamento do permiso de actividade expresará a persoa titular, o tipo de establecemento, as especies autorizadas, a zona, a duración, as causas de caducidade, extinción e revogación da concesión e mais as condicións técnicas e administrativas nas que se autoriza a actividade.

2. As modificacións ou as reformas a un proxecto autorizado, así como calquera modificación das condicións establecidas, requirirán autorización da consellaría competente en materia de acuicultura na forma que regulamentariamente se determine.

3. Dentro do terreo onde se sitúa a instalación poderanse establecer áreas para o almacenamento de semente, a regulación comercial e outras actividades relacionadas coa explotación.

Artigo 68º.-Obrigas da persoa titular do permiso.

Os permisos outorgados ao amparo deste título obrigan a quen posúa a súa titularidade, entre outras obrigas que regulamentariamente se poidan establecer, a:

a) Manter en bo estado as obras e as instalacións que compón o establecemento de cultivos mariños e auxiliares.

b) Establecer as medidas correctoras que poidan minimizar o impacto ambiental e o impacto sobre o patrimonio histórico da actividade acuícola, así como a desaugar nas condicións sanitarias necesarias para garantir a calidade das augas.

c) Constituír un seguro que garanta posibles danos a terceiros, agresións ao ambiente ou perdas por circunstancias extraordinarias nas propias instalacións.

Artigo 69º.-Duración.

Os permisos de actividade para o establecemento de cultivos mariños e auxiliares que se sitúen en terreos de titularidade privada terán carácter indefinido.

Artigo 70º.-Transmisión.

1. Os establecementos amparados polo permiso de actividade poderán ser alleados ou cedidos conxuntamente con este en calquera momento do período de vixencia del, sendo necesaria para a súa transmisión ou cesión a autorización previa da consellaría competente en materia de acuicultura.

2. Os establecementos amparados por permisos outorgadas consonte esta lei consideraranse indivisibles, calquera que sexa a súa dimensión e capacidade.

Artigo 71º.-Extinción do permiso de actividade.

1. O permiso de actividade regulado neste capítulo poderase extinguir, logo de audiencia da persoa titular del no correspondente procedemento, polas seguintes causas:

a) Polo incumprimento das cláusulas do permiso de actividade.

b) Pola renuncia expresa da persoa titular.

c) Polo cesamento da actividade do cultivo por un período superior a dous anos, agás causa xustificada.

d) Polo vencemento do prazo establecido para a posta en explotación, agás causa de forza maior.

e) Polos danos ecolóxicos notorios, polos perigos para a saúde pública ou para a navegación ou por outros riscos de análoga transcendencia, debidos ao establecemento ou ao seu funcionamento anormal.

f) Polo incumprimento de forma reiterada das normas de extracción, regulación e comercialización.

g) Por ter efectuado o cambio de titularidade do establecemento sen a previa autorización da consellaría competente en materia de acuicultura.

h) Polo alugamento do establecemento de cultivos mariños ou auxiliar a terceiras persoas.

i) Pola utilización das instalacións para a comisión de ilícitos penais, sempre que tales feitos fosen declarados probados por resolución penal firme.

j) Pola non remisión dos datos estatísticos a que obriga a lexislación vixente, tras incumprir dous requirimentos.

k) Polo incumprimento manifesto dos obxectivos de rendibilidade previstos no proxecto de instalación ou na solicitude de prórroga, cando fose imputable á persoa titular do establecemento.

Artigo 72º.-Permisos de actividade experimentais.

Excepcionalmente poderanse autorizar permisos temporais para a realización de proxectos de investigación ou experimentais de novos cultivos. Regulamentariamente estableceranse as condicións e os supostos de autorización destes permisos temporais, que en ningún caso poderán ser superiores aos tres anos.

Título VI

Da frota pesqueira galega

Artigo 73º.-Definición.

Enténdese por frota pesqueira galega o conxunto de embarcacións dedicadas a labores de pesca extractiva, embarcacións auxiliares de pesca e de acuicultura e embarcacións que se dediquen ao marisqueo desde embarcación, que teñan o seu porto base en Galicia e que se atopen inscritas no Rexistro de buques pesqueiros de Galicia e no Censo de frota pesqueira operativa.

Artigo 74º.-Obxectivos.

A política da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia terá como obxectivos en relación coa frota pesqueira galega:

1. O mantemento e a modernización da frota pesqueira.

2. A consecución e o mantemento duns niveis de seguranza acordes co nivel de desenvolvemento tecnolóxico existente.

3. A mellora continuada das condicións de vida e traballo a bordo, coa adopción das medidas necesarias para que non exista discriminación efectiva no acceso ao emprego a bordo.

4. A consecución dos niveis de equipamento a bordo que garantan a igualdade de oportunidades por razón de xénero.

5. A garantía dun aproveitamento sustentable dos recursos, especialmente en canto ao mantemento de poboacións viables das especies obxecto de captura, e a minoración dos impactos negativos das diferentes artes sobre outras poboacións de especies mariñas e sobre o medio mariño.

6. A mellora continuada da competitividade a través da eficacia na explotación dos recursos e a optimización dos custos de operación.

7. A mellora da calidade das producións.

8. O fomento da implantación de convenios colectivos na relación laboral dos traballadores e das traballadoras da frota pesqueira galega.

Artigo 75º.-Porto base.

Enténdese por porto base aquel desde o cal o buque desenvolve a maior parte das súas actividades de inicio das mareas, despacho e comercialización das capturas dentro do territorio de Galicia.

Se o buque pesca fóra do caladoiro nacional, o porto base será aquel co que manteña unha vinculación socioeconómica destacable dentro do territorio de Galicia.

Correspóndelle á consellaría competente en materia de pesca autorizar o establecemento e o cambio de porto base das embarcacións de acordo coa lexislación básica do Estado.

Artigo 76º.-Autorización de construción.

Correspóndelle á consellaría competente en materia de pesca a autorización para a construción de novas embarcacións que se vaian dedicar ao exercicio da pesca profesional, ao marisqueo ou a auxiliar de acuicultura con porto base en Galicia, conforme o establecido na normativa estatal.

As autorizacións para novas construcións axustaranse ás posibilidades reais de pesca e nas condicións que regulamentariamente se determinen, na procura de contar cunha frota moderna e de mellorar as condicións de seguranza, habitabilidade, hixiene a bordo, perfeccionamento dos procesos de extracción, transformación, manipulación e conservación dos produtos da actividade pesqueira ou marisqueira, e considerarase, en especial nas medidas de fomento, o sinalado no artigo 74º.3 desta lei.

Artigo 77º.-Modernización e reconversión.

Correspóndelle á consellaría competente en materia de pesca a autorización das obras de modernización e reconversión dos buques de pesca con porto base en Galicia e nas condicións que regulamentariamente se determinen conforme a normativa vixente.

Estas obras terán como finalidade a modificación das condicións técnicas dos buques, na procura de mellorar as condicións de seguranza, habitabilidade, hixiene a bordo, perfeccionamento dos procesos de extracción, transformación, manipulación e conservación dos produtos da actividade pesqueira ou marisqueira, e terase en conta, especialmente nas medidas de fomento, o sinalado no artigo 74º.3 desta lei.

Título VII

Dos axentes do sector pesqueiro galego

Artigo 78º.-Entidades representativas do sector pesqueiro.

As confrarías de pescadores, as organizacións de produtores, as cooperativas do mar, as asociacións de profesionais do sector, as organizacións sindicais de profesionais do sector, as asociacións de pesca marítima e náutica de recreo e as demais entidades asociativas xuridicamente recoñecidas e constituídas por profesionais do sector terán a consideración de entidades representativas para efectos da súa colaboración na toma de decisións que poidan afectar os intereses que representan.

Artigo 79º.-As confrarías de pescadores.

1. As confrarías de pescadores son corporacións de dereito público, sen ánimo de lucro, dotadas con personalidade xurídica e capacidade de obrar para o cumprimento dos seus fins.

2. As confrarías actúan como órganos de consulta e colaboración da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 80º.-Membros das confrarías.

Poderán ser membros das confrarías as persoas armadoras e propietarias das embarcacións de pesca, os traballadores e as traballadoras do sector pesqueiro extractivo e as persoas posuidoras dun título administrativo que habilita para o exercicio do marisqueo.

As persoas armadoras ou propietarias de máis dunha embarcación con diferentes portos base poderanse asociar a máis dunha confraría de pescadores. Neste caso, soamente se poderá ser membro dos órganos representativos dunha das confrarías ás que se pertenza.

Regulamentariamente determinarase o número mínimo de persoas socias por confraría.

Artigo 81º.-Funcións das confrarías de pescadores.

Son funcións das confrarías de pescadores:

a) Actuar como órgano de consulta da consellaría competente e exercer as funcións que se lles encomenden no ámbito das súas respectivas competencias.

b) Prestarlles servizos aos seus membros e representar e defender os seus intereses.

c) Administrar os recursos propios do seu patrimonio.

Artigo 82º.-Formas de asociación das confrarías.

As confrarías poderanse asociar entre si en calquera das formas asociativas previstas na lexislación vixente, sempre e cando reúnan as condicións, os requisitos ou as exixencias establecidas na normativa que lles sexa aplicable.

Artigo 83º.-Estatutos.

As confrarías rexeranse no seu funcionamento pola normativa que lles sexa aplicable, polos seus estatutos, que serán elaborados e aprobados pola súa xunta xeral, e mais pola aplicación de principios democráticos no seu funcionamento.

Os estatutos deberán regular, polo menos, os seguintes aspectos:

a) A denominación da confraría.

b) O domicilio social.

c) Os dereitos e os deberes das persoas socias.

d) A estrutura e o funcionamento dos órganos representativos.

e) O réxime electoral.

f) O réxime económico, os recursos e o patrimonio.

g) O destino do patrimonio no caso de fusión ou disolución.

h) O ámbito territorial, do que se limita a súa validez para a determinación das persoas que se poden asociar a ela e que residan nese ámbito territorial, agás no suposto establecido no artigo 80º, parágrafo segundo.

Artigo 84º.-Órganos representativos.

1. Son órganos das confrarías de pescadores a xunta xeral, o cabido e o patrón ou a patroa maior.

2. Estes órganos terán carácter representativo e serán elixidos entre os membros da confraría de pescadores mediante sufraxio libre, igual e secreto.

3. O mandato dos cargos electos para os órganos representativos das confrarías terá unha duración de catro anos, e poderán ser reelexidos por períodos de igual duración.

4. Regulamentariamente determinarase o número mínimo de membros dos órganos representativos.

Artigo 85º.-Xunta xeral.

A xunta xeral estará integrada polo mesmo número de persoas traballadoras e empresarias en representación dos distintos sectores da confraría de pescadores e exercerá as funcións que lle encomenden os seus estatutos.

A súa composición deberá respectar as disposicións legais vixentes en materia de igualdade entre o home e a muller.

Artigo 86º.-Cabido.

O cabido estará integrado polo mesmo número de persoas traballadoras e empresarias en representación dos distintos sectores da confraría de pescadores e exercerá as funcións que lle encomenden os seus estatutos, e entre elas as de xestión e administración ordinaria dela.

A súa composición deberá respectar as disposicións legais vixentes en materia de igualdade entre o home e a muller.

Artigo 87º.-Patrón ou patroa maior.

O patrón ou a patroa maior será elixido ou elixida entre e polos membros da xunta xeral e exercerá a función de dirección da confraría e mais aqueloutras funcións que lle encomenden os seus estatutos.

Artigo 88º.-Fusión e disolución de confrarías.

A fusión de confrarías requirirá o voto favorable da maioría absoluta dos membros das xuntas xerais respectivas.

A disolución de confrarías producirase polo acordo favorable das tres cuartas partes das persoas socias da confraría ou por acordo do Consello da Xunta no caso de inviabilidade económica, por carecer do número mínimo de persoas socias establecido ou pola imposibilidade de constituír a xunta xeral ou a comisión xestora da confraría.

Regulamentariamente determinaranse as consecuencias que produzan a fusión ou a disolución de confrarías.

Artigo 89º.-Federacións de confrarías.

Existe unha federación provincial de confrarías en cada unha das provincias costeiras de Galicia, nas que se poden integrar as confrarías de pescadores dos seus respectivos ámbitos territoriais.

Existe unha federación galega de confrarías de pescadores, na que se poden integrar as confrarías de pescadores de Galicia.

Regulamentariamente determinaranse os seus órganos, o réxime de funcionamento e as funcións.

Artigo 90º.-Organizacións de produtores.

As organizacións de produtores son entidades recoñecidas oficialmente, constituídas por iniciativa das persoas produtoras co fin de garantir o exercicio racional da pesca, do marisqueo e da acuicultura e a mellora das condicións de venda da súa produción.

Artigo 91º.-Recoñecemento.

Ao terse constituído validamente unha asociación de produtores, para obter o recoñecemento oficial de organización de produtores, os seus membros deberán ter principalmente o seu domicilio social e a súa produción en Galicia, nas porcentaxes e nos termos establecidos na normativa vixente nesta materia.

Regulamentariamente estableceranse as condicións e os requisitos para acceder e conservar o recoñecemento de organización de produtores.

Este recoñecemento poderase retirar cando se incumpran os requisitos que determinaron o seu outorgamento, cando se incumpran as normas que lle son aplicables, cando se incumpra o regulamentado para o seu funcionamento ou cando non se realice ningunha actividade no prazo de dous anos consecutivos.

Artigo 92º.-Cooperativas do sector do mar.

As cooperativas do sector do mar regularanse pola normativa vixente en materia de cooperativas.

A consellaría competente en materia de pesca terá como obxectivos, entre outros, en relación coas cooperativas do sector do mar:

a) Promover a constitución de cooperativas de explotación dos recursos mariños integradas por produtores de base, na composición das cales deberán respectarse as disposicións legais en materia de igualdade entre o home e a muller.

b) Promover a constitución de cooperativas de produtores de base integradas maioritariamente por mulleres.

c) Impulsar o funcionamento e a participación das cooperativas do sector do mar.

Artigo 93º.-Entidades asociativas.

As asociacións de armadores, as agrupacións de produtores de base e as demais entidades asociativas xuridicamente recoñecidas e vinculadas á explotación e á comercialización dos recursos pesqueiros, marisqueiros e acuícolas, así como as organizacións náuticas deportivas, terán a consideración de entidades representativas para efectos da súa colaboración na toma de decisións que poidan afectar os intereses que representan.

Artigo 94º.-Oganizacións sindicais.

Terán a consideración de axentes do sector as organizacións sindicais máis representativas, segundo a lexislación aplicable, no ámbito pesqueiro, e promoverase a súa participación e colaboración na aplicación dos obxectivos establecidos nesta lei.

Artigo 95º.-Consello Galego de Pesca.

1. O Consello Galego de Pesca é un órgano colexiado, consultivo e asesor da Xunta de Galicia nos asuntos de pesca, marisqueo e acuicultura, con incidencia no sector galego que depende da consellaría competente en materia de política pesqueira.

2. Regulamentariamente desenvolveranse a súa composición, as súas funcións e o seu réxime de funcionamento.

No Consello Galego de Pesca estarán representados, entre outros, todos os axentes do sector pesqueiro galego.

As súas funcións son, entre outras, as seguintes:

a) Colaborar coa consellaría competente na elaboración da planificación pesqueira e na programación de estudos sobre distintas actividades.

b) Estudar e propor as reformas que considere precisas na regulamentación pesqueira que poidan influír no ordenamento do sector pesqueiro galego.

c) Analizar e propor as regulamentacións que, en materia pesqueira, se consideren precisas.

d) Realizarlles consultas a outros organismos e institucións.

e) Emitir informes e ditames en todos os casos nos que así o dispoña o propio consello, así como naqueloutros que así o solicite a consellaría competente en materia de pesca.

f) Emitir ditames sobre anteproxectos de lei e proxectos normativos en materia de pesca, marisqueo e acuicultura.

Título VIII

Da comercialización, a transformación e a promoción dos produtos da pesca, do marisqueo e da acuicultura

Capítulo I

A comercialización

Artigo 96º.-Comercialización.

1. Enténdese por comercialización en orixe, en canto afecta a ordenación do sector pesqueiro, o proceso seguido polos produtos pesqueiros, transformados ou non, que comprende todas ou algunha das seguintes actividades:

a) O desembarco dos produtos nun porto do litoral da Comunidade Autónoma de Galicia ou a súa introdución no territorio da comunidade autónoma sen se ter efectuado a súa primeira venda.

b) O transporte dos produtos ata a lonxa pesqueira ou o centro autorizado.

c) A primeira venda dos produtos nas lonxas pesqueiras ou nos centros autorizados.

2. Enténdese por comercialización en destino o proceso seguido polos produtos pesqueiros desde que se realizou a súa primeira venda ata o seu consumo final e que comprende todas ou algunha das seguintes actividades:

a) O transporte e a distribución.

b) O almacenamento, a manipulación, a transformación e o envasado.

c) A exposición e a venda en mercados e en establecementos autorizados, incluída a que se realiza nos establecementos de restauración.

Artigo 97º.-Obxectivos.

A política da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia terá como obxectivos en relación coa comercialización, a transformación e a promoción dos produtos pesqueiros:

a) A mellora das condicións de traballo e a incorporación de medidas a prol da efectividade do principio de igualdade consonte o disposto na Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia.

b) A mellora das canles de comercialización e distribución dos produtos.

c) A adopción de medidas destinadas a conseguir unha mellora das condicións hixiénicas e de saúde pública dos produtos.

d) A promoción da produción de produtos de alta calidade para mercados altamente especializados.

e) A adopción de medidas tendentes a promover o exercicio dunha actividade comercializadora e transformadora respectuosa co ambiente.

f) Unha mellor utilización de especies pouco aproveitadas, de subprodutos e de residuos.

g) O fomento da produción ou da comercialización de novos produtos, a aplicación de novas tecnoloxías ou o desenvolvemento de métodos innovadores de produción.

h) O fomento da comercialización de produtos procedentes esencialmente dos desembarcos locais e da acuicultura.

i) O fomento da participación activa dos produtores de base nas canles de comercialización.

Artigo 98º.-Transporte anterior á primeira venda.

Os produtos pesqueiros frescos que vaian ser obxecto da súa primeira venda a través dunha lonxa ou un centro autorizado dun porto distinto ao do desembarco, así como os produtos conxelados ou transformados a bordo que vaian ser transportados antes da súa primeira venda, deberán ir acompañados, desde a saída do recinto portuario ata que se produza esa primeira venda, da documentación que se estableza regulamentariamente, entre a que deberá constar, en todo caso, as cantidades transportadas de cada especie, a orixe do envío e o lugar de destino dos produtos.

Artigo 99º.-Primeira venda.

A primeira venda realizarase a través das lonxas pesqueiras dos portos situados na comunidade autónoma ou nos centros autorizados.

Regulamentariamente poderase facer excepción da obriga anterior para determinado tipo de capturas e modalidades de pesca.

Regulamentariamente estableceranse as condicións e os establecementos autorizados para levar a cabo a primeira venda de produtos conxelados ou transformados.

Artigo 100º.-Trazabilidade.

Ao longo de todo o proceso de comercialización, os produtos pesqueiros deberán estar correctamente identificados e deberán cumprir a normativa vixente en materia de comercialización.

Artigo 101º.-Comunicación de datos.

As persoas titulares dos establecementos autorizados para a comercialización en orixe dos produtos pesqueiros deberanlle remitir á consellaría competente a información referida aos datos de primeira venda dos produtos, nos termos que regulamentariamente se estableza.

Nas lonxas non explotadas en réxime de concesión administrativa, a subministración dos datos de primeira venda corresponderalles ás persoas consignatarias-vendedoras autorizadas polas distintas administracións.

Artigo 102º.-Prohibicións.

1. Queda prohibida a tenza, o transporte, o tránsito, o almacenamento, a transformación, a exposición e a venda de produtos pesqueiros de calquera orixe ou procedencia que estean en veda ou sexan de talla ou peso inferior ao regulamentado no ámbito internacional, comunitario, estatal ou autonómico, agás aqueles produtos destinados á semente ou á cría para sementeira de novo, nas condicións que regulamentariamente se determinen.

2. Queda prohibida a venda de mexilla e de mexillón de desdobramento, agás para a súa instalación en bateas situadas en augas competencia de Galicia.

3. Non se permitirá no territorio de Galicia ningunha fase do proceso de comercialización, transformación, conservación ou elaboración de produtos pesqueiros procedentes de países non-comunitarios cando non conste documentalmente que fosen introducidos por un posto de inspección fronteiriza autorizado ou un porto designado no que fosen sometidos aos controis regulamentarios.

4. Os produtos procedentes destes países sometidos a normas comúns de comercialización deberán estar presentados en embalaxes coas indicacións claramente visibles e perfectamente lexibles que establece a normativa comunitaria en canto ao país de orixe e ás normas establecidas para a etiquetaxe destes produtos.

Capítulo II

A transformación

Artigo 103º.-Transformación.

Enténdese por transformación dos produtos pesqueiros o conxunto de operacións que modifican as características físicas ou químicas dos produtos, co obxectivo de os preparar para a súa comercialización.

A transformación dos produtos da pesca, do marisqueo e da acuicultura comprende as operacións de preparación, tratamento e conservación.

Artigo 104º.-Fomento da transformación.

As medidas de fomento das operacións de transformación dos produtos pesqueiros, postas en práctica pola consellaría competente en materia de pesca, serán dirixidas preferentemente a:

a) A diversificación dos produtos.

b) A mellora da calidade.

c) A innovación tecnolóxica.

d) O aproveitamento dos recursos excedentarios ou infrautilizados.

e) O desenvolvemento das profesións coa colaboración do sector.

f) O aproveitamento dos subprodutos.

g) A adopción de medidas tendentes a promover o exercicio dunha actividade comercializadora respectuosa co ambiente.

h) A posta en valor dos produtos pesqueiros.

Capítulo III

A promoción

Artigo 105º.-Promoción.

As accións de promoción dos produtos pesqueiros, desenvolvidas pola consellaría competente en materia de pesca, serán dirixidas preferentemente a:

a) Favorecer o consumo de produtos excedentarios ou infrautilizados.

b) Facilitar a comercialización de produtos tradicionais e artesanais.

c) Contribuír á adaptación entre a oferta e a demanda.

d) Divulgar o coñecemento das producións autóctonas.

e) Impulsar o desenvolvemento dos distintivos de calidade ou orixe.

f) Contribuír a unha adecuada información ao consumidor acerca das características dos produtos.

g) A proxección internacional dos produtos pesqueiros galegos.

Título IX

Do desenvolvemento sustentable das zonas de pesca

Capítulo I

A Axencia de Desenvolvemento Sustentable das Zonas

de Pesca

Artigo 106º.-Creación.

No ámbito de Galicia autorízase a creación da Axencia de Desenvolvemento Sustentable das Zonas de Pesca como axencia pública cuxa constitución, funcionamento e desenvolvemento se aterán ao establecido na disposición adicional quinta do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

A creación da axencia producirase coa aprobación dos seus estatutos por decreto do Consello da Xunta por proposta da Consellaría de Economía e Facenda, logo da iniciativa da consellaría competente en materia de pesca.

Artigo 107º.-Axencia pública.

A axencia será unha entidade instrumental de dereito público, dotada de personalidade xurídica pública, patrimonio de seu e autonomía na súa xestión, facultada para exercer potestades administrativas no marco do cumprimento dos programas correspondentes ás políticas públicas de pesca.

A axencia será o instrumento básico de actuación da Xunta de Galicia no fomento e a coordinación do desenvolvemento das zonas costeiras galegas no ámbito das competencias da consellaría competente en materia de pesca, para mellorar as condicións de vida das persoas profesionais do sector e das poboacións costeiras.

Artigo 108º.-Réxime xurídico.

A Axencia de Desenvolvemento Sustentable das Zonas de Pesca rexerase por esta lei, polo establecido na disposición adicional quinta do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polos seus propios estatutos e polas demais normas aplicables.

Nas súas actividades de contratación aplicarase a Lei 30/2007, do 30 de outubro, de contratos do sector público, ou a norma que a substitúa.

A axencia adscribirase á consellaría competente en materia de pesca.

Artigo 109º.-Fins da Axencia de Desenvolvemento Sustentable das Zonas de Pesca.

A axencia, que levará a cabo as súas actividades co obxecto de fixar poboación e xerar emprego e riqueza nas poboacións costeiras, de conformidade co principio de igualdade e integrando neste a perspectiva de xénero, ten por finalidade, entre outras, as de:

a) Elaborar estratexias e plans integrados de coordinación de actuacións de diversa natureza nas zonas costeiras, no ámbito das competencias que ten atribuídas a consellaría competente en materia de pesca.

b) Difundir as políticas e as medidas de desenvolvemento costeiro aplicables en cada momento.

c) Dinamizar e coordinar os grupos de acción costeira vinculados á política de desenvolvemento da pesca, do marisqueo e da acuicultura, con independencia das súas fontes de financiamento e da súa localización.

d) Impulsar a formación, por parte dos axentes socioeconómicos das zonas costeiras, de iniciativas e programas de desenvolvemento e diversificación da actividade pesqueira, marisqueira e acuícola.

Artigo 110º.-Recursos da axencia.

Os recursos económicos estarán constituídos por:

1. As transferencias consignadas nos orzamentos xerais da Xunta.

2. Os ingresos propios que perciban como contraprestación polas actividades que poidan realizar, en virtude de contratos, convenios ou disposición legal, para outras entidades públicas ou privadas ou persoas físicas.

3. O alleamento dos bens e valores que constitúan o seu patrimonio de acordo coa lexislación patrimonial da comunidade autónoma.

4. O rendemento procedente dos seus bens e valores.

5. As achegas voluntarias, as doazóns, as herdanzas e os legados e as demais achegas a título gratuíto de entidades privadas e particulares.

6. Os ingresos recibidos de persoas físicas e xurídicas como consecuencia de patrocinio de actividades ou instalacións.

7. Os demais ingresos de dereito público ou privado que estea autorizada a percibir.

8. Calquera outro recurso que se lle poida atribuír consonte as disposicións en vigor.

Artigo 111º.-Réxime de persoal.

Sen prexuízo do establecido para o persoal directivo, o persoal da axencia poderá estar constituído por:

a) O persoal que se incorpore á axencia desde a Administración pública galega polos procedementos que se desenvolvan conforme a normativa vixente.

b) O persoal contratado en réxime de dereito laboral seleccionado pola axencia mediante as correspondentes probas selectivas convocadas para o efecto conforme a normativa vixente.

O persoal previsto na letra a) manterá a condición de funcionario conforme a normativa vixente.

Capítulo II

Turismo mariñeiro

Artigo 112º.-Definición.

Enténdese por turismo mariñeiro as actividades desenvolvidas polos colectivos de profesionais do mar, mediante contraprestación económica, orientadas á valorización e á difusión do seu traballo no medio mariño así como dos costumes, das tradicións, do patrimonio e da cultura mariñeira.

En todo caso, estas actividades serán complementarias das actividades propias dos colectivos de profesionais do mar.

Para os efectos deste artigo, terán a consideración de profesionais do mar as persoas que desenvolvan unha actividade de pesca, marisqueo ou acuicultura.

Artigo 113º.-Actividades.

Terán a consideración de actividades de turismo mariñeiro, entre outras, as de:

a) Pesca turismo: actividades desenvolvidas a bordo de embarcacións pesqueiras por parte dos profesionais do mar dirixidas ao coñecemento, a valorización e a difusión do seu traballo no medio mariño.

b) Rutas guiadas: actividades dirixidas ao coñecemento do medio no que se desenvolven as actividades profesionais en praias, portos e vilas mariñeiras, guiadas por profesionais do mar.

c) Ictiturismo e casas de turismo mariñeiro: actividades dirixidas ao aloxamento en casas titularidade de profesionais do mar.

d) Gastronomía: actividades dirixidas á promoción e a posta en valor do consumo dos produtos da pesca, do marisqueo e da acuicultura.

Regulamentariamente estableceranse as condicións para o exercicio das actividades previstas neste artigo, sen prexuízo da obriga de contar coas preceptivas autorizacións turísticas, coa inscrición no Rexistro de empresas e actividades turísticas da Comunidade Autónoma de Galicia e, se for o caso, coa habilitación de guía de turismo especializado, consonte a normativa ditada pola consellaría competente en materia de turismo.

Título X

Da investigación, o desenvolvemento tecnolóxico

e a innovación

Artigo 114º.-Obxectivos.

A política da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia terá como obxectivos en relación coa investigación, o desenvolvemento tecnolóxico e a innovación, entre outros:

a) O aproveitamento dos recursos mariños no marco dos obxectivos de desenvolvemento sustentable.

b) A adopción de medidas dirixidas a dispor da información e dos fundamentos científicos suficientes que sustenten e guíen as accións políticas e as condutas dos axentes económicos e sociais.

c) A realización de programas destinados a incentivar o avance da investigación relativa ao medio mariño e mais o desenvolvemento económico e social no marco da sustentabilidade.

d) A innovación tecnolóxica e o avance nas técnicas de xestión e na regulación dos mercados.

e) A realización de programas destinados a promover o avance e a transferencia de tecnoloxía en todas as actividades relacionadas co medio mariño.

f) O mellor coñecemento do estado dos recursos mariños vivos e da súa relación co medio, así como das condicións e do estado dese medio mariño.

g) A realización de programas de I+D+I destinados á mellora da seguranza e das condicións de traballo das persoas do sector e dos medios empregados para o exercicio das actividades pesqueiras, marisqueiras e de acuicultura.

h) O traslado e a transferencia á sociedade da información dos resultados da investigación, do desenvolvemento tecnolóxico e da innovación.

Artigo 115º.-Accións de apoio.

A consellaría competente en materia de pesca promoverá e adoptará medidas para fomentar e realizar investigacións científicas e desenvolver tecnoloxías axeitadas no apoio da conservación e a ordenación dos recursos mariños vivos, nos diferentes ámbitos de explotación e comercializacións, mediante:

a) A definición de programas estratéxicos e de liñas de actuación prioritarias, que se levarán a cabo, preferentemente, nos centros de investigación dependentes da consellaría.

b) O financiamento e a execución de proxectos dentro dos programas aprobados pola consellaría competente.

c) A promoción da cooperación entre as administracións públicas e os axentes económicos e sociais, nomeadamente as entidades asociativas do sector, e os centros de investigación.

d) O impulso de acordos de colaboración con entidades ou centros de investigación susceptibles de desenvolveren e traballaren en liñas de investigación de interese para a nosa comunidade.

e) O desenvolvemento da formación específica de persoal técnico e investigador sobre o medio mariño, os recursos e a acuicultura.

f) A difusión de datos e resultados da investigación.

Artigo 116º.-Colaboración do sector.

Os axentes do sector pesqueiro prestarán a súa colaboración para o cumprimento dos obxectivos de investigación, innovación e desenvolvemento tecnolóxico, facilitando as actuacións correspondentes a bordo dos buques, nos portos e nos centros de venda e mais achegando a información e os medios necesarios.

A consellaría competente en materia de pesca terá en consideración as propostas do sector para o desenvolvemento de estratexias sectoriais de liderado e competitividade.

Título XI

Da formación marítimo-pesqueira

Artigo 117º.-Actuacións.

A consellaría competente en materia de pesca realizará as actuacións necesarias para o fomento da formación, a capacitación e a reciclaxe das persoas profesionais dos distintos sectores así como a daquelas persoas que poidan demandar a devandita prestación formativa, e en particular:

a) A programación, a planificación, a execución e o seguimento das ensinanzas regradas de formación marítimo-pesqueira, marisqueira e acuícola no ámbito da Comunidade Autónoma galega, en coordinación cos departamentos competentes na materia e dentro da programación xeral do sistema educativo galego.

b) A programación, a planificación, a execución e o seguimento das ensinanzas non regradas de formación marítimo-pesqueira, marisqueira, acuícola e de mergullo profesional no ámbito de Galicia, en coordinación cos departamentos competentes na materia e dentro da programación xeral do sistema educativo galego e de formación profesional para o emprego.

c) A promoción de todo tipo de actividades formativas mediante a colaboración, a cooperación e a coordinación entre organismos e entidades competentes en materia de pesca, educación e seguranza no traballo.

d) A dotación dos medios materiais e humanos necesarios e axeitados para o desenvolvemento, o seguimento e a execución dos programas e das medidas que se aproben.

e) A dirección, a inspección e a supervisión dos centros de ensinanza que imparten as materias reguladas neste título.

Artigo 118º.-Obxectivos.

1. As actuacións previstas neste título adaptaranse ás necesidades formativas e de reciclaxe demandadas polo sector pesqueiro, marisqueiro e acuícola e terán como obxectivo:

a) Regular a formación, a capacitación e a reciclaxe profesional en materia marítimo-pesqueira dentro do ámbito competencial da Comunidade Autónoma galega, dirixida tanto ás persoas profesionais dos distintos sectores coma a aquelas persoas que demanden a devandita prestación formativa, así como establecer métodos necesarios e indispensables para o desenvolvemento, a seguranza, a modernización e a mellora dos sectores da pesca, do marisqueo, da acuicultura e do mergullo profesional.

b) Ditar normas de desenvolvemento da lexislación básica do Estado sobre condicións e requisitos para a obtención e a expedición das titulacións e tarxetas e das demais acreditacións de carácter profesional que sexan da súa competencia.

c) Ditar normativa sobre condicións e requisitos para a obtención de certificados e titulacións.

d) Ditar as normas de desenvolvemento para a homologación daquelas titulacións ou acreditacións obtidas ou expedidas por outras administracións.

2. Tendo en conta o establecido polo artigo 22.2º.a) da Lei 7/2004, do 16 de xullo, para a igualdade de mulleres e homes, e polo artigo 31.3º da Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia, os órganos competentes da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia adoptarán as medidas de acción positiva que favorezan o acceso efectivo das mulleres aos estudos oficiais, regrados e de calquera outra natureza e mais ás actividades de formación, perfeccionamento e de reciclaxe profesional, conducentes ás titulacións e ás capacitacións académicas e profesionais que permitan a inserción e a promoción laboral no sector da pesca, en tanto se rexistre infrarrepresentación das mulleres na proporción sinalada no artigo 37.2º da Lei 7/2004, do 16 de xullo.

Título XII

Da inspección, o control, o salvamento marítimo e a loita contra a contaminación

Capítulo I

Obxectivos

Artigo 119º.-Obxectivos.

O obxectivo do réxime de inspección, control, salvamento marítimo e loita contra a contaminación é garantir o cumprimento da lexislación vixente en materia de pesca, marisqueo e acuicultura, vixiar e inspeccionar as actividades incluídas no ámbito de aplicación desta lei, prever e realizar todas aquelas actuacións necesarias para a protección dos recursos mariños en todas as súas fases, desde a captura ou produción ata a fase final da comercialización, apoiar a frota pesqueira galega, prestar servizos de busca, rescate e salvamento marítimo e mais prever e loitar contra a contaminación do medio mariño.

Capítulo II

Inspección e control

Artigo 120º.-Inspección e vixilancia pesqueiras.

As actuacións establecidas no artigo anterior serán levadas a cabo por medio dos membros do Servizo de Inspección e Vixilancia Pesqueira, que terán a consideración de axentes da autoridade no desempeño das súas funcións.

O Servizo de Inspección e Vixilancia Pesqueira contará coas seguintes escalas de funcionarios, pertencentes á Administración especial da Xunta de Galicia:

a) Escala técnica do Servizo de Inspección e Vixilancia Pesqueira, grupo A.1.

b) Escala executiva do Servizo de Inspección e Vixilancia Pesqueira, grupo A.2.

c) Escala de axentes do Servizo de Inspección e Vixilancia Pesqueira, grupo C.1.

Dentro desta escala crearase a especialidade de patróns e mecánicos, que se desenvolverá regulamentariamente.

Os membros do Servizo de Inspección e Vixilancia Pesqueira colaborarán e auxiliarán, cando sexa necesario, nas accións de salvamento marítimo e de loita contra a contaminación de conformidade cos plans de continxencias e de loita contra a contaminación marítima accidental.

Artigo 121º.-Identificación e indumentaria.

O persoal pertencente ás escalas do Servizo de Inspección e Vixilancia Pesqueira irá perfectamente identificado, provisto do correspondente carné e placa acreditativa e co uniforme regulamentariamente determinado, agás naquelas actuacións nas que sexa preciso garantir o segredo da operación.

Os medios da consellaría competente en materia de pesca empregados no exercicio das funcións do persoal das escalas do Servizo de Inspección e Vixilancia Pesqueira irán debidamente identificados, agás naqueles supostos que regulamentariamente se determinen.

Artigo 122º.-Funcións dos membros de Inspección e Vixilancia Pesqueira.

1. A función inspectora terá entre outras funcións as de:

a) Velar polo cumprimento da legalidade vixente nas fases de produción, extracción, manipulación, distribución e comercialización dos produtos pesqueiros, marisqueiros e acuícolas, mediante o control das actividades pesqueiras. Nos supostos de ordenación do sector, esta función comezará desde o momento da descarga ou do desembarco das capturas, e en materia de comercialización de produtos da pesca, independentemente da súa orixe, despois da primeira comercialización nas lonxas dos portos ou desde a primeira comercialización cando os produtos non se vendan por primeira vez nas devanditas lonxas.

b) O exercicio das funcións administrativas de investigación, realización de actuacións de obtención de información, comprobación dos datos exixidos para a obtención de beneficios, incentivos, axudas e subvencións en materias da consellaría competente en materia de pesca.

c) Información e formación aos administrados con motivo das actuacións inspectoras sobre os seus dereitos e obrigas e as demais funcións que se establezan noutras disposicións ou que se lles encomenden ás autoridades competentes.

2. Funcións de vixilancia e control:

a) Todas aquelas actuacións de vixilancia e prevención dirixidas a adoptar medidas de preservación do medio mariño, na zona do litoral de Galicia.

b) Vixilancia, defensa e control dos recursos mariños de Galicia.

c) Vixiar e prever a contaminación mariña, participando e colaborando nas tarefas de eliminación de produtos contaminantes.

d) Apoio e colaboración entre os membros das distintas escalas.

e) Dentro das súas competencias, coordinar os sistemas de vixilancia privada das confrarías de pescadores de Galicia.

3. No exercicio das súas funcións, poderán inspeccionar embarcacións, vehículos, establecementos de acuicultura en terra ou mar, lonxas ou centros de venda, industrias transformadoras, transportes, establecementos comerciais e de hostalaría, instalacións portuarias, especialmente os que funcionen sen as autorizacións preceptivas, sen prexuízo das competencias doutras consellarías, administracións ou organismos públicos.

4. As funcións dos membros das escalas do Servizo de Inspección e Vixilancia Pesqueira desenvolveranse por terra, por mar ou por aire, utilizando os medios de que dispoña a consellaría competente en materia de pesca. Excepcionalmente, e sempre que as circunstancias operativas relacionadas co salvamento marítimo e de loita contra a contaminación mariña así o aconsellen, poderán desenvolver as súas funcións en medios doutros organismos públicos ou privados.

Artigo 123º.-Responsables do sector.

As persoas responsables dos buques pesqueiros, dos vehículos, dos produtos, das empresas ou das instalacións obxecto de inspección prestaranlles aos axentes intervenientes a súa colaboración para a realización da función inspectora. A falla da devandita colaboración ou a obstrución, se for o caso, ao exercicio da citada función será sancionada consonte o disposto nesta lei.

Capítulo III

Salvamento marítimo e loita contra a contaminación

Artigo 124º.-Cooperación.

A Xunta de Galicia poderá establecer acordos e convenios con outras administracións ou entidades para o mellor exercicio da función inspectora.

Artigo 125º.-Salvamento marítimo e loita contra a contaminación.

Correspóndelle á consellaría competente en materia de pesca a prestación dos servizos de busca, rescate e salvamento marítimo, así como de prevención e loita contra a contaminación do medio mariño.

Título XIII

Dos rexistros

Artigo 126º.-Rexistros.

1. A consellaría competente en materia de pesca establecerá no ámbito das súas competencias, entre outros, os seguintes rexistros públicos:

a) Rexistro de buques pesqueiros de Galicia.

b) Rexistro de autorizacións e concesións marisqueiras.

c) Rexistro de licenzas de pesca marítima de recreo.

d) Rexistro de empresas de transformación, conservación e comercialización.

e) Rexistro de infraccións e sancións.

f) Rexistro de entidades representativas do sector pesqueiro.

g) Rexistro de axudas públicas ao sector pesqueiro.

h) Rexistro de titulacións, acreditacións, certificacións e cualificacións profesionais.

i) Rexistro de establecementos de acuicultura.

j) Rexistro de actividades de turismo mariñeiro.

2. Regulamentariamente establecerase o réxime de acceso, inscrición e funcionamento de cada un dos rexistros.

Título XIV

Do réxime sancionador

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 127º.-Obxecto.

Este título ten por obxecto regular o exercicio da potestade sancionadora en materia de pesca marítima, marisqueo, acuicultura, ordenación do sector pesqueiro e da actividade comercial dos produtos da pesca, así como os relativos ás actividades náuticas de recreo e ás subacuáticas profesionais no ámbito das competencias de Galicia.

Así mesmo, este título ten por obxecto regular o exercicio da potestade sancionadora en materia de verteduras e daquelas accións ou omisións de calquera natureza que incidan sobre a calidade dos recursos mariños, agás os supostos previstos na Lei 8/2001, do 2 de agosto, de protección de calidade das augas das rías de Galicia e de ordenación do servizo público de depuración de augas residuais urbanas.

Artigo 128º.-Potestade sancionadora.

A potestade sancionadora nas materias obxecto desta lei corresponderalle exercela á consellaría competente, que a exercerá de acordo con esta lei e co disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e nas demais disposicións aplicables nesta materia.

Artigo 129º.-Responsabilidade.

1. Serán responsables das infraccións tipificadas nesta lei as persoas físicas ou xurídicas que as cometan, aínda cando estean integradas en asociacións temporais de empresas, agrupacións ou comunidades de bens.

2. Cando a infracción sexa imputable a varias persoas e non sexa posible determinar o grao de participación de cada unha, responderán solidariamente:

a) Nos casos de infraccións cometidas en materia de pesca e marisqueo, as persoas propietarias de embarcacións, as persoas armadoras, as persoas fretadoras, os capitáns ou capitás e os patróns ou patroas.

b) Nos casos de infraccións cometidas en materia de acuicultura, as persoas titulares de establecementos de cultivos mariños e auxiliares.

c) Nos casos de infraccións cometidas no transporte de produtos da pesca, do marisqueo e da acuicultura, as persoas titulares de empresas de transporte.

d) As persoas titulares de entidades xestoras das lonxas pesqueiras e dos centros de venda respecto da identificación das especies así como da exposición e venda de produtos vedados e de talla ou peso inferiores aos regulamentarios.

e) Nos casos de infraccións cometidas na comercialización dos produtos da pesca, do marisqueo e da acuicultura, as persoas titulares de empresas comercializadoras ou transformadoras dos devanditos produtos.

f) As persoas titulares de empresas de hostalaría que ofrezan ao consumo produtos vedados ou de talla ou peso inferior ao regulamentario.

g) Os titulares das escolas náutico-deportivas, dos centros de inmersión e das academias náutico-deportivas, respecto das infraccións que afecten as devanditas actividades.

h) No caso de infraccións cometidas en materia de verteduras no mar, as persoas titulares dos buques e, se for o caso, das empresas e industrias que efectuasen as verteduras contaminantes, agás os supostos previstos na Lei 8/2001, do 2 de agosto, de protección de calidade das augas das rías de Galicia e de ordenación do servizo público de depuración de augas residuais urbanas.

i) No caso de obras de construción que incidan directamente sobre o medio mariño, as persoas titulares das empresas construtoras e, se for o caso, as administracións públicas promotoras delas, agás os supostos previstos na Lei 8/2001, do 2 de agosto, de protección de calidade das augas das rías de Galicia e de ordenación do servizo público de depuración de augas residuais urbanas.

j) No caso de infraccións cometidas polas entidades asociativas do sector, os membros dos órganos de goberno.

3. Das infraccións cometidas polos menores de idade non emancipados serán responsables seus pais e nais ou persoas titoras.

Artigo 130º.-Concorrencia de responsabilidades.

1. A responsabilidade polas accións ou as omisións tipificadas nesta lei é de natureza administrativa e non exclúe a doutra orde a que houber lugar.

2. As sancións que se impoñan a distintos suxeitos como consecuencia dunha mesma infracción terán entre si carácter independente, agás nos supostos de responsabilidade solidaria regulados nesta lei.

3. O órgano competente poderá aprazar a resolución do procedemento se se acredita que se está a seguir un procedemento polos mesmos feitos e infraccións distintas perante os órganos comunitarios europeos. A suspensión alzarase cando aqueles diten resolución firme. De os órganos comunitarios imporen sanción, o órgano competente para resolver deberaa ter en conta para os efectos de graduar a que, se for o caso, deba impor, podéndoa compensar, sen prexuízo de declarar a comisión da infracción.

Artigo 131º.-Vinculación coa orde xurisdicional penal.

Non se poderán sancionar os feitos que fosen sancionados penal ou administrativamente nos casos nos que se aprecie identidade de suxeito, feito e fundamento.

En calquera momento do procedemento sancionador no que os órganos competentes xulguen que os feitos tamén poden ser constitutivos de ilícito penal, comunicaranllo ao Ministerio Fiscal, solicitándolle testemuño sobre as actuacións practicadas respecto da comunicación.

Nestes supostos, así como cando os órganos competentes teñan coñecemento de que se está a desenvolver un proceso penal sobre os mesmos feitos, solicitarán do órgano xudicial comunicación sobre as actuacións adoptadas.

Se se considera que existe identidade de suxeito, feito e fundamento entre a infracción administrativa e a infracción penal que poida corresponder, o órgano competente para a tramitación acordará a súa suspensión ata que recaia resolución xudicial, o que se lle notificará á persoa interesada.

En todo caso, os feitos declarados probados por resolución penal firme vinculan os órganos administrativos respecto dos procedementos sancionadores que se substancien.

Artigo 132º.-Extinción da responsabilidade.

A responsabilidade derivada da comisión de infraccións nesta lei extinguirase:

a) Polo falecemento da persoa física sancionada.

b) Polo cumprimento da sanción imposta.

c) Pola prescrición da infracción.

d) Pola prescrición da sanción.

Artigo 133º.-Prescrición de infraccións e sancións.

1. As infraccións administrativas previstas nesta lei prescribirán: no prazo de tres anos as moi graves, no de dous anos as graves e no de seis meses as leves.

2. As sancións impostas pola comisión de infraccións moi graves prescribirán aos tres anos, en tanto que as impostas por graves ou leves farano aos dous anos e ao ano respectivamente.

3. Para o cómputo dos prazos de prescrición de infraccións e sancións haberá que aterse ao disposto no artigo 132.2º e 3º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4. A declaración de prescrición da infracción ou da sanción levará consigo o arquivo das actuacións e a notificación ás persoas interesadas.

Capítulo II

Infraccións administrativas

Artigo 134º.-Infraccións administrativas.

Constitúe infracción administrativa en materia de pesca marítima, marisqueo, acuicultura, actividades náuticas de recreo e subacuáticas profesionais e mais de ordenación do sector e da comercialización dos produtos pesqueiros toda acción ou omisión tipificada como tal nesta lei.

Constitúen tamén infracción administrativa as verteduras ou outras accións ou omisións de calquera natureza que, incidindo na calidade dos recursos mariños, se sitúen no ámbito das competencias autonómicas, agás naqueles supostos regulados pola normativa sectorial ou específica na materia.

Artigo 135º.-Tipos de infraccións.

As infraccións administrativas clasifícanse en leves, graves e moi graves.

Artigo 136º.-Infraccións leves.

Considéranse infraccións leves as seguintes:

A) En materia de cooperación coas autoridades:

1. As faltas de respecto ás autoridades de vixilancia ou inspección cometidas con ocasión do exercicio das súas funcións.

2. A falta de auxilio ás autoridades de vixilancia e inspección sen xustificación cando se sexa requirido no caso de accións que afecten ou causen prexuízos aos recursos mariños.

3. A falta de colaboración das entidades representativas do sector coa administración no cumprimento dos requirimentos de documentación, prazos e trámites por realizar, cando se estea obrigado a prestar colaboración segundo a lexislación vixente.

B) En materia de pesca profesional e marisqueo:

1. Non levar consigo ou non exhibir a licenza ou a documentación que se estableza regulamentariamente sobre a actividade pesqueira ou marisqueira.

Malia o anterior, quedarase exento de responsabilidade de se presentar no prazo máximo de vinte e catro horas perante a autoridade competente a documentación requirida.

2. O incumprimento das normas dos plans de xestión aprobados pola consellaría competente.

3. O incumprimento das disposicións regulamentarias sobre autorizacións ou concesións marisqueiras ou das condicións contidas na devandita autorización ou concesión.

4. Non ter regulamentariamente identificadas e balizadas as artes, os aparellos ou os útiles de pesca, así como utilizar boias ou balizas que non cumpran a normativa vixente.

5. O incumprimento da obriga de levar visibles, na forma prevista pola lexislación vixente, o folio e a matrícula da embarcación ou calquera outro distintivo ou ben impedir a súa visualización cando dificulte o exercicio da actividade inspectora.

C) En materia de acuicultura:

1. O mantemento en condicións diferentes ás regulamentariamente establecidas das placas identificativas dos viveiros de cultivos mariños.

2. O incumprimento das normas relativas á autorización administrativa así como das condicións establecidas na devandita autorización necesaria para a transferencia dos establecementos de cultivos mariños e auxiliares.

3. O non envío dos informes establecidos na declaración de impacto ambiental.

D) En materia de pesca recreativa:

1. Non levar no momento da práctica da pesca recreativa a correspondente licenza que habilita para exercer a devandita actividade ou ben non a exhibir ao ser requirido para isto.

Malia o anterior, quedarase exento de responsabilidade de se presentar no prazo máximo de vinte e catro horas perante a autoridade competente a documentación requirida.

2. O incumprimento das condicións de acceso nas zonas definidas como reservadas ou prohibidas para a pesca recreativa sen a preceptiva notificación ou autorización previa da consellaría competente.

3. O exercicio da pesca recreativa con incumprimento das distancias mínimas establecidas na normativa vixente.

4. O incumprimento da obriga de levar visibles, na forma prevista pola lexislación vixente, o folio e a matrícula da embarcación ou calquera outro distintivo ou ben impedir a súa visualización cando dificulte o exercicio da actividade inspectora.

E) En materia de actividades náuticas de recreo e subacuáticas profesionais:

1. O incumprimento por parte das escolas de navegación de recreo das obrigas exixidas regulamentariamente en materia de información e reclamacións.

2. A realización de intervencións subacuáticas hiperbáricas sen portar a tarxeta de mergullo profesional ou o libro diario sen actualizar ou indebidamente dilixenciado.

Malia o anterior, quedarase exento de responsabilidade de se presentar no prazo máximo de vinte e catro horas perante a autoridade competente a documentación requirida.

F) En materia de ordenación do sector:

1. O incumprimento das preceptivas obrigas de información ás administracións públicas ou a súa comunicación incumprindo os prazos ou as condicións delas, cando non estea tipificada como infracción grave ou moi grave.

2. Cargar en calquera medio de transporte produtos pesqueiros fóra dos lugares ou dos portos autorizados para o efecto.

G) En materia de comercialización dos produtos pesqueiros:

A colocación nos circuítos comerciais de produtos do mar que incumpran parcial ou erroneamente as normas de etiquetaxe, presentación ou publicidade nas diversas fases de comercialización, incluídos o transporte e a distribución ata o consumidor final.

H) En materia de documentos de rexistro:

1. A anotación incorrecta nos documentos de rexistro.

2. O incumprimento da obriga de entrega do documento de rexistro nos prazos establecidos na normativa vixente.

I) As accións ou as omisións que supoñan o incumprimento das obrigas establecidas na lexislación pesqueira comunitaria ou previstas nos tratados ou convenios internacionais subscritos pola Unión Europea que afecten a actividade pesqueira e non supoñan infracción grave ou moi grave.

Artigo 137º.-Infraccións graves.

Considéranse infraccións graves as seguintes:

A) En materia de cooperación coas autoridades:

1. A obstrución dos labores de inspección.

2. O incumprimento das normas electorais e dos requirimentos efectuados no proceso electoral pola Administración pesqueira ás confrarías de pescadores.

3. O impedimento de obtención de mostras por parte de quen teña a titularidade de establecementos mariños ou auxiliares dirixidas ao control sanitario.

B) En materia de pesca profesional e marisqueo:

1. A comisión da terceira infracción leve nesta materia dentro dun período de dous anos.

Relativas ao exercicio da actividade:

2. O exercicio da actividade extractiva sen a licenza.

3. A utilización para a captura de especies mariñas de equipos de respiración autónoma ou doutro tipo de equipos submarinos non autorizados.

4. A infracción das normas relativas aos topes de captura regulamentariamente establecidos.

5. O exercicio da actividade extractiva en fondos ou zonas prohibidas ou non autorizadas.

6. Non respectar os días ou os horarios establecidos para a actividade extractiva.

7. Realizar faenas de pesca sen acender ningunha das luces regulamentarias ou acender luces diferentes das que corresponden ao tipo de pesca que se realice.

8. O incumprimento da obriga de respectar distancias mínimas para buques e artes establecidas na normativa vixente, co fin de empecer as actividades pesqueiras.

9. A obtención das licenzas con base en documentos, datos ou informes falsos.

10. Impedir ou obstaculizar indebidamente a actividade pesqueira ou marisqueira.

11. A realización de actividades de pesca ou marisqueo sen dispor dun seguro regulamentariamente establecido.

12. Manipular a matrícula da embarcación, cando dificulte o exercicio da actividade inspectora.

Relativas ás especies:

13. A captura de especies de talla ou peso inferior ao establecido, segundo os límites e as condicións que se fixen regulamentariamente.

14. A captura de especies en época vedada, segundo os límites que se fixen regulamentariamente.

15. A introdución de especies ou de individuos en augas do litoral de Galicia sen cumprir cos requisitos que regulamentariamente se determinen.

16. A non comunicación á consellaría competente, no prazo que regulamentariamente se determine, de mortalidades anómalas producidas.

Relativas ás artes:

17. O uso ou a mera posesión, cando non se xustifique razoablemente a súa aplicación a mesteres distintos da pesca ou do marisqueo, de artes, aparellos ou instrumentos prohibidos ou con medidas antirregulamentarias.

18. A posesión na embarcación de artes de pesca en maior número do autorizado regulamentariamente.

19. O uso ou a tenza a bordo de artes, aparellos ou útiles de pesca ou marisqueo distintos dos autorizados na licenza, ou non anotar a devandita actividade na forma que regulamentariamente se estableza, agás casos puntualmente autorizados.

Relativas aos medios de control:

20. A alteración dos datos ou das circunstancias que figuren na correspondente licenza.

21. Non cubrir o diario de pesca, a declaración de desembarco ou o libro de capturas ou ben outros documentos necesarios que acompañen os produtos da pesca, do marisqueo ou da acuicultura ata os puntos de venda ou comercialización, ou facelo alterando os datos relativos ás capturas ou ao esforzo de pesca, infrinxindo a normativa en vigor, así como non levar a bordo o citado diario.

C) En materia de acuicultura:

1. A comisión da terceira infracción leve nesta materia nun período de dous anos.

2. A alteración das características ou o incumprimento das condicións establecidas no correspondente título administrativo que habilita para a explotación de establecementos de cultivos mariños ou auxiliares.

3. O incumprimento das normas de produción e venda das especies mariñas que se encontren nos establecementos de cultivos mariños e auxiliares.

4. O incumprimento das normas que regulan a autorización administrativa así como as condicións establecidas na devandita autorización para cambio de sistema dos viveiros de cultivos mariños.

5. A instalación ou a explotación de expositores ou centros reguladores de crustáceos sen contar coa oportuna autorización administrativa.

6. A ausencia dos elementos identificativos dos viveiros de cultivos mariños ou a inclusión neles de datos non reais.

7. A explotación dun viveiro de cultivos mariños ou de establecementos de explotación de recursos mariños vivos sen dispor do seguro regulamentariamente establecido.

8. O incumprimento das normas que regulan a autorización administrativa así como das condicións establecidas na devandita autorización para o traslado de especies entre viveiros.

9. O incumprimento das normas relativas á autorización así como das condicións establecidas na devandita autorización para a extracción de semente de mexillón.

10. A introdución de especies ou de individuos en establecementos de cultivos mariños ou auxiliares sen cumprir os requisitos que regulamentariamente se determinen.

D) En materia de pesca recreativa:

1. A comisión dunha terceira infracción leve nesta materia nun período de dous anos.

2. O exercicio da pesca recreativa sen a preceptiva licenza.

3. A tenza a bordo ou o emprego para a captura de especies mariñas de útiles prohibidos regulamentariamente.

4. A pesca marítima de recreo incumprindo os días e os horarios regulamentariamente establecidos.

5. A pesca recreativa en fondos prohibidos ou en zonas ou épocas vedadas, así como de especies non permitidas.

6. A captura de especies de talla ou peso inferior ao establecido regulamentariamente.

7. O incumprimento dos topes de captura regulamentariamente establecidos na pesca marítima de recreo.

8. A comercialización das especies capturadas no exercicio da pesca marítima de recreo.

9. A captura de especies mariñas con equipos de respiración autónomos, semiautónomos ou calquera outro sistema que permita a respiración en inmersión ou mediante a utilización de artefactos hidroescorregadores ou vehículos similares.

10. O emprego de luces artificiais de superficie ou mergulladas ou de calquera outro medio que sirva de atracción ou de concentración artificial das especies que se vaian capturar.

11. A falta do balizamento regulamentario establecido.

E) En materia de actividades náuticas de recreo e subacuáticas profesionais:

1. A comisión dunha terceira infracción leve nesta materia nun período de dous anos.

2. A realización de prácticas polas escolas de navegación de recreo con instrutores con titulación insuficiente para o nivel correspondente.

3. Non manter actualizados e en vigor os seguros obrigatorios exixidos á escola.

4. A alteración de datos e o deficiente mantemento ou custodia, por parte da persoa obrigada a isto, do libro de rexistro de prácticas.

5. A alteración ou o referendo como xefe de equipo das anotacións do libro diario de mergullo con datos falsos.

6. Realizar actividades subacuáticas hiperbáricas sen a autorización expedida pola consellaría competente ou con incumprimento da devandita autorización.

7. O uso da tarxeta de mergullo profesional fóra do seu período de vixencia.

8. A realización de actividades subacuáticas hiperbáricas co libro diario fóra do período de vixencia.

9. O incumprimento por parte das escolas de navegación de recreo dos requisitos para o seu recoñecemento.

F) En materia de ordenación do sector:

1. A comisión dunha terceira infracción leve nesta materia nun período de dous anos.

2. Toda omisión ou falseamento grave de datos sobre a produción ou a venda de produtos obtidos na actividade pesqueira, marisqueira ou de acuicultura, cando sexa obrigada a súa presentación ante a consellaría competente.

3. A non aplicación, o falseamento e a desviación da aplicación de todo tipo de axudas e subvencións que perciban as persoas beneficiarias con cargo aos orzamentos da consellaría competente, sempre que non se cualifique de infracción grave, conforme os criterios regulamentarios de graduación, sen prexuízo do reintegro da axuda nos termos establecidos na normativa do réxime financeiro.

4. A realización de operacións de construción ou modernización de buques pesqueiros á marxe ou con incumprimento das preceptivas autorizacións dos departamentos da Xunta de Galicia no ámbito das súas competencias.

5. O exercicio de actividades profesionais pesqueiras sen estar en posesión da titulación que acredite a capacitación e a formación profesional marítimo-pesqueira.

6. O incumprimento da normativa vixente relativa á potencia dos motores ou a outros parámetros establecidos para embarcacións.

7. A entrada ou a saída do porto fóra do horario establecido para o exercicio da actividade pesqueira. Neste suposto deberase ter en conta o tempo que regulamentariamente se determine como necesario e razoable para chegar á zona ou ao caladoiro onde se exercerá a actividade pesqueira, agás supostos de estado de necesidade, forza maior ou convenio entre a administración e os particulares afectados do sector, todo iso sen prexuízo das competencias concorrentes na materia.

8. O incumprimento dos descansos de pesca establecidos.

9. O desembarco, a carga ou a descarga de especies e produtos pesqueiros en condicións distintas das establecidas legalmente.

10. O cambio da base do buque pesqueiro sen obter previamente a correspondente autorización administrativa ou a súa utilización incorrecta, agás nos casos de forza maior ou debido ao atraso ou á paralización inxustificada por parte dos organismos administrativos encargados do expediente de cambio de base.

11. O transporte de produtos procedentes da pesca, do marisqueo ou da acuicultura sen a correspondente documentación exixida na normativa vixente.

12. A tenza, a consignación, o almacenamento, o transporte, a exposición e a primeira venda, en calquera das formas previstas legalmente, de produtos pesqueiros prohibidos ou de talla ou peso antirregulamentario.

G) En materia de comercialización dos produtos pesqueiros:

1. A comisión dunha terceira infracción leve nesta materia nun período de dous anos.

2. A realización de actividades de compravenda de produtos pesqueiros en lugar ou forma non autorizados legalmente ou con incumprimento dos requisitos exixidos, así como a non expedición da nota de venda, a inclusión de datos falsos nela ou a non especificación exixida legalmente.

3. O transporte de produtos procedentes da pesca, do marisqueo ou da acuicultura sen a correspondente documentación exixida na normativa vixente.

4. A identificación incorrecta nas caixas ou nas embalaxes das especies contidas.

5. A comercialización de especies pesqueiras con incumprimento da normativa sobre categorías de frescura e calibración, ou sen contar coas autorizacións necesarias ou en condicións distintas das establecidas nas devanditas autorizacións.

6. A tenza, a consignación, o transporte, o tránsito, o almacenamento, a transformación, a exposición e a venda, en calquera das formas previstas legalmente, de produtos pesqueiros prohibidos ou de talla ou peso inferior ao regulamentario.

7. A comercialización de produtos da pesca e do marisqueo de calquera orixe ou procedencia cunha talla ou peso inferior ao regulamentario de cada modalidade, ou dos que o seu modo de obtención non sexa conforme coa normativa internacional, comunitaria, estatal e autonómica aplicable na materia, ou que incumpran a normativa sanitaria que en cada momento se estableza.

8. A comercialización de produtos de acuicultura incumprindo os tamaños comerciais que regulamentariamente se establezan.

9. A negativa inxustificada polas entidades xestoras das lonxas ou dos centros de venda a prestaren os servizos necesarios para a primeira venda e comercialización.

10. A colocación en circuítos comerciais de produtos do mar sen ningún dos datos obrigados exixidos pola normativa de etiquetaxe, presentación e publicidade dos produtos do mar nas diversas fases de comercialización, incluídos o transporte e a distribución deles ata o consumidor final.

H) En materia de conservación do medio mariño:

1. Calquera actuación de conservación e rexeneración de recursos pesqueiros en zonas mariñas costeiras sen a correspondente autorización administrativa, sempre que o devandito suposto non estea regulado pola normativa sectorial ou específica sobre a materia.

2. Calquera actuación ou variación das características do medio mariño, tanto na zona marítima coma marítimo-terrestre ou do bordo litoral, que non cumpra as normas de protección ambiental aprobadas, cando esta actuación non estea regulada pola normativa ambiental ou específica sobre a materia.

3. O incumprimento das medidas correctoras ou compensatorias ou do programa de vixilancia ambiental, así como das disposicións contidas na declaración de impacto ambiental.

I) En materia de documento de rexistro:

A alteración ou o falseamento dos datos do documento de rexistro.

Artigo 138º.-Infraccións moi graves.

Considéranse infraccións moi graves as seguintes:

A) En materia de cooperación coas autoridades:

1. A resistencia ou a desobediencia grave ás autoridades de vixilancia ou inspección con impedimento do exercicio dela, así como a violencia exercida sobre os citados axentes no cumprimento das súas funcións.

2. A comisión de tres infraccións graves no mesmo período electoral por unha mesma comisión electoral ou confraría.

B) En materia de pesca profesional e marisqueo:

1. A comisión dunha terceira infracción grave nesta materia nun período de dous anos.

Relativas ao exercicio da actividade:

2. O emprego de armas ou substancias velenosas, corrosivas, explosivas, paralizantes, soporíferas ou contaminantes nos labores de pesca ou marisqueo, e mais a súa tenza ou transporte.

3. A explotación de recursos mariños en bancos naturais sen contar coa preceptiva autorización administrativa.

4. Exercer faenas de pesca profesional sen estar incluído nos censos establecidos regulamentariamente.

Relativas ás artes:

5. O emprego en faenas de pesca ou de marisqueo de artes ou métodos de arrastre, agás nos casos regulamentados.

Relativas ás especies:

6. A extracción, a posesión, o transporte ou a comercialización de especies mariñas procedentes de zonas de produción pechadas por motivos de seguranza alimentaria e/ou hixiénico-sanitarios.

7. A introdución en augas do litoral da Comunidade Autónoma galega, sen cumprir os requisitos que regulamentariamente se determinen, de especies ou individuos alóctonos ou daqueles dos que a súa introdución poña en perigo a clasificación sanitaria do lugar onde se efectúe.

C) En materia de acuicultura:

1. A comisión dunha terceira infracción grave nesta materia nun período de dous anos.

2. A instalación ou a explotación de establecementos de cultivos mariños e auxiliares, con excepción dos expositores e dos centros reguladores de crustáceos, sen contar co preceptivo título administrativo habilitante.

3. A obtención de concesións, autorizacións ou permisos de actividade con base en documentos, datos ou información falsos.

4. O exceso de capacidade autorizada para o cultivo por exceso de cordas ou de lonxitude delas.

D) En materia de pesca recreativa:

1. A comisión dunha terceira infracción grave nesta materia nun período de dous anos.

2. A alteración dos datos ou das circunstancias que figuren na correspondente licenza de pesca recreativa, así como o uso fraudulento dela.

3. A obtención da licenza de pesca recreativa con base en documentos, datos ou información falsos.

4. O uso de substancias velenosas, narcóticas, explosivas ou contaminantes.

E) En materia de actividades náuticas de recreo e subacuáticas profesionais:

1. A comisión dunha terceira infracción grave nesta materia nun período de dous anos.

2. A expedición polas escolas de navegación de recreo de certificados de prácticas sen a realización total ou parcial dos programas correspondentes ou a súa denegación inxustificada a persoas que as realizasen.

3. Practicar o mergullo carecendo de título para el ou sen a titulación adecuada ao nivel de exposición hiperbárica da intervención, así como alterar os datos ou as circunstancias que figuren na tarxeta ou libro diario de mergullo ou na autorización para a realización das actividades.

4. A alteración dos datos con falsidade ou das circunstancias que figuren na correspondente tarxeta de mergullo profesional ou no libro diario de mergullo así como o uso fraudulento deles.

5. Achegar documentos, datos ou información falsos para obter calquera título ou autorización.

F) En materia de ordenación do sector e comercialización dos produtos pesqueiros:

1. A comisión dunha terceira infracción grave nesta materia nun período de dous anos.

2. A obtención de subvencións, préstamos e en xeral calquera tipo de axuda con base en datos falsos, así como destinalas a fins distintos dos previstos, sen prexuízo do reintegro da axuda nos termos da normativa do réxime financeiro.

3. A obtención das autorizacións precisas con base en documentos ou informacións falsos.

G) En materia de conservación do medio mariño:

1. As actividades que prexudiquen, alteren ou destrúan reservas de pesca ou zonas de especial interese pesqueiro.

2. Verter ao mar organismos, substancias ou produtos que polas súas características biolóxicas ou químicas lles causen prexuízo aos recursos mariños, agás os supostos previstos na Lei 8/2001, do 2 de agosto, de protección de calidade das augas das rías de Galicia e de ordenación do servizo público de depuración de augas residuais urbanas.

3. Calquera actuación exercida sobre o medio mariño, o medio marítimo-terrestre ou o bordo litoral que cause efectos nocivos sobre os recursos pesqueiros, marisqueiros e acuícolas cambiando as súas características, agás os supostos previstos na Lei 8/2001, do 2 de agosto, de protección de calidade das augas das rías de Galicia e de ordenación do servizo público de depuración de augas residuais urbanas.

4. O incumprimento do establecido na declaración de impacto ambiental cando o devandito incumprimento cause un grave prexuízo para o sector pesqueiro, marisqueiro ou acuícola.

Capítulo III

Sancións

Artigo 139º.-Clases de sancións.

1. As sancións que se poden aplicar pola comisión das infraccións previstas nesta lei son as seguintes:

a) Apercibimento.

b) Multa.

c) Inhabilitación para o exercicio ou o desenvolvemento de actividades pesqueiras, marisqueiras, de mergullo profesional ou de formación náutica de recreo durante un período non superior a cinco anos.

d) Suspensión, retirada ou non renovación das autorizacións durante un período non superior a cinco anos.

e) Imposibilidade de ser beneficiario ou beneficiaria durante un prazo non superior a cinco anos de préstamos, subvencións ou axudas públicas convocadas pola Administración autonómica nas materias reguladas nesta lei.

f) O comiso dos aparellos, as artes, os útiles, os instrumentos, as embarcacións ou os equipos de todo xénero empregados para a comisión dalgún dos feitos tipificados como infracción nesta lei, ou dos produtos ou bens obtidos.

g) A clausura temporal dun establecemento de cultivos mariños e auxiliares, sen prexuízo da declaración de caducidade, se for o caso, do correspondente título administrativo habilitante.

h) A suspensión da actividade ou da actuación que supoña unha infracción en materia de conservación do medio mariño ata que se adopten as medidas que garantan o seu cesamento.

i) A intervención da confraría para garantir o desenvolvemento do proceso electoral de conformidade coa lexislación vixente en materia electoral.

2. Estas sancións serán acumulables consonte o establecido nesta lei.

3. O órgano sancionador poderá acordar a imposición de multas coercitivas, consonte o disposto no artigo 99 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, así que transcorran os prazos sinalados no requirimento correspondente.

A contía de cada unha das devanditas multas non superará o vinte por cento da multa fixada pola infracción correspondente.

4. Cando se utilizase o buque ou a embarcación para efectuar o transporte de drogas tóxicas, estupefacientes, substancias psicotrópicas, transporte ilegal de inmigrantes ou para calquera outra actividade constitutiva de delito e se determinase por resolución xudicial firme a responsabilidade dos autores, estes quedarán inhabilitados para o exercicio ou o desenvolvemento das actividades pesqueiras durante un período de dez anos.

5. Conxuntamente coa sanción que se impoña, poderase acordar a recuperación, a restitución e a reparación pola persoa infractora e pola súa conta dos efectos causados pola súa acción ou actuación.

Artigo 140º.-Criterios de graduación.

1. A determinación das sancións efectuarase de acordo coas seguintes circunstancias:

a) O grao de neglixencia ou intencionalidade da persoa infractora.

b) A reincidencia das infraccións cometidas.

c) A reiteración.

d) A índole ou a transcendencia dos prexuízos causados ao medio, aos recursos mariños ou a terceiros.

e) O beneficio obtido na comisión da infracción.

f) O prezo en lonxa ou de mercado das especies capturadas, cultivadas, transportadas ou comercializadas.

2. Considérase circunstancia atenuante proceder a corrixir a infracción cometida no prazo que se sinale no correspondente requirimento.

Artigo 141º.-Reincidencia e reiteración.

1. Existirá reincidencia cando no prazo dun ano se cometa máis dunha infracción do mesmo tipo e cualificación, sempre que fose así declarado por resolución firme.

2. Existirá reiteración cando se dea o suposto regulado na alínea anterior e non exista resolución firme.

Artigo 142º.-Sancións en materia de cooperación coas autoridades.

1. As infraccións reguladas nesta lei en materia de cooperación coas autoridades sancionaranse, segundo o seu carácter, consonte os seguintes criterios:

a) As infraccións leves serán sancionadas con apercibimento ou multa de 60 a 300 euros.

b) As infraccións graves, con multa de 301 a 6.000 euros.

c) As infraccións moi graves, con multa de 6.001 a 60.000 euros.

2. As infraccións graves e moi graves previstas na alínea 1, ademais de coa multa correspondente, poderán ser sancionadas coa sanción accesoria recollida no artigo 139.1º, letra i), por un período máximo ata que remate o proceso electoral.

Artigo 143º.-Sancións en materia de pesca profesional e marisqueo.

1. As infraccións reguladas nesta lei en materia de pesca profesional e marisqueo sancionaranse, segundo o seu carácter, consonte os seguintes criterios:

a) As infraccións leves serán sancionadas con apercibimento ou multa de 30 a 150 euros.

b) As infraccións graves, con multa de 151 a 30.000 euros.

c) As infraccións moi graves, con multa de 30.001 a 150.000 euros.

2. As infraccións graves e moi graves, ademais de coa multa correspondente, poderán ser sancionadas cunha ou varias das sancións accesorias recollidas no artigo 139.1º, letras c), d) e e), por un período máximo de tres anos para o caso das infraccións graves e de cinco anos no caso das moi graves, e mais na letra f).

Artigo 144º.-Sancións en materia de acuicultura.

1. As infraccións reguladas nesta lei en materia de cultivos mariños sancionaranse, segundo o seu carácter, consonte os seguintes criterios:

a) As infraccións leves serán sancionadas con apercibimento ou multa de 60 a 300 euros.

b) As infraccións graves, con multa de 301 a 60.000 euros.

c) As infraccións moi graves, con multa de 60.001 a 300.000 euros.

2. As infraccións graves ou moi graves, ademais de coas multas correspondentes, poderán ser sancionadas cunha ou varias sancións accesorias recollidas no artigo 139.1º, letras d), e) e g), por un período máximo de tres anos para o caso das infraccións graves e de cinco anos no caso das moi graves.

Artigo 145º.-Sancións en materia de pesca recreativa.

1. As infraccións reguladas nesta lei en materia de pesca recreativa sancionaranse, segundo o seu carácter, consonte os seguintes criterios:

a) As infraccións leves serán sancionadas con apercibimento ou multa de 30 a 150 euros.

b) As infraccións graves, con multa de 151 a 3.000 euros.

c) As infraccións moi graves, con multa de 3.001 a 18.000 euros.

2. As infraccións graves ou moi graves, ademais de coa multa correspondente, poderán ser sancionadas cunha ou varias sancións accesorias recollidas no artigo 139.1º, letra d), por un período máximo de tres anos para o caso das infraccións graves e de cinco anos no caso das moi graves, e mais na letra f).

Artigo 146º.-Sancións en materia de actividades náuticas de recreo e subacuáticas profesionais.

1. As infraccións reguladas nesta lei en materia de actividades náuticas e subacuáticas de recreo sancionaranse, segundo o seu carácter, consonte os seguintes criterios:

a) As infraccións leves serán sancionadas con apercibimento ou multa de 30 a 150 euros.

b) As infraccións graves, con multa de 151 a 6.000 euros.

c) As infraccións moi graves, con multa de 6.001 a 60.000 euros.

2. As infraccións graves e moi graves, ademais de coa multa correspondente, poderán ser sancionadas cunha ou varias das sancións accesorias recollidas no artigo 139.1º, letras c), d) e e), por un período máximo de tres anos para o caso das infraccións graves e de cinco anos no caso das moi graves.

Artigo 147º.-Sancións en materia de ordenación do sector.

1. As infraccións reguladas nesta lei en materia de ordenación do sector sancionaranse, segundo o seu carácter, consonte os seguintes criterios:

a) As infraccións leves serán sancionadas con apercibimento ou multa de 60 a 300 euros.

b) As infraccións graves, con multa de 301 a 60.000 euros.

c) As infraccións moi graves, con multa de 60.001 a 300.000 euros.

2. As infraccións graves, ademais de coa multa correspondente, poderán ser sancionadas cunha ou varias das seguintes sancións accesorias en función das circunstancias concorrentes:

a) O comiso dos produtos ou dos bens obtidos ilegalmente, as infraccións previstas no artigo 137.F), números 8, 9, 11 e 12.

b) A suspensión, a retirada ou a non renovación das autorizacións durante un período non superior a cinco anos, as infraccións previstas no artigo 137.F), números 2, 3, 4, 6 e 12.

c) A inhabilitación para o exercicio ou o desenvolvemento de actividades pesqueiras durante un período non superior a cinco anos, as infraccións previstas no artigo 137.F), números 4, 5, 7 e 10.

d) A imposibilidade de obtención durante o prazo non superior a cinco anos de préstamos, subvencións ou axudas públicas, as infraccións previstas no artigo 137.F), números 2 e 3.

3. As infraccións moi graves, ademais de coa multa correspondente, poderán ser sancionadas, en función das circunstancias concorrentes, cunha ou varias das sancións accesorias seguintes:

a) A suspensión, a retirada ou a non renovación das autorizacións durante un período non superior a cinco anos, as infraccións previstas no artigo 138.F), número 3.

b) A inhabilitación para o exercicio ou o desenvolvemento de actividades durante un período non superior a cinco anos, as infraccións previstas no artigo 138.F), número 3.

c) A imposibilidade de obtención de axudas, préstamos ou subvencións públicas durante un prazo máximo de cinco anos, a infracción prevista no artigo 138.F), número 2.

Artigo 148º.-Sancións en materia de comercialización dos produtos pesqueiros.

1. As infraccións reguladas nesta lei en materia de comercialización dos produtos pesqueiros sancionaranse, segundo o seu carácter, consonte os seguintes criterios:

a) As infraccións leves serán sancionadas con apercibimento ou multa de 60 a 300 euros.

b) As infraccións graves, con multa de 301 a 60.000 euros.

c) As infraccións moi graves, con multa de 60.001 a 300.000 euros.

2. As infraccións graves, ademais de coa multa correspondente, poderán ser sancionadas cunha ou varias das seguintes sancións accesorias en función das circunstancias concorrentes:

a) O comiso dos produtos ou dos bens obtidos ilegalmente, as infraccións previstas no artigo 137.G), números 3, 4, 5, 6, 7, 8 e 10.

b) A suspensión, a retirada ou a non renovación das autorizacións durante un período non superior a cinco anos, as infraccións previstas no artigo 137.G), números 4, 5, 6, 7 e 8.

c) A inhabilitación para o exercicio ou o desenvolvemento de actividades pesqueiras durante un período non superior a cinco anos, as infraccións previstas no artigo 137.G), número 5.

d) A imposibilidade de obtención durante o prazo non superior a cinco anos de préstamos, subvencións ou axudas públicas, as infraccións previstas no artigo 137.G), número 7.

3. As infraccións moi graves, ademais de coa multa correspondente, poderán ser sancionadas, en función das circunstancias concorrentes, cunha ou varias das sancións accesorias seguintes:

a) A suspensión, a retirada ou a non renovación das autorizacións durante un período non superior a cinco anos, as infraccións previstas no artigo 138.F), número 3.

b) A inhabilitación para o exercicio ou o desenvolvemento de actividades durante un período non superior a cinco anos, as infraccións previstas no artigo 138.F), número 3.

c) A imposibilidade de obtención de axudas, préstamos ou subvencións públicas durante un prazo máximo de cinco anos, a infracción prevista no artigo 138.F), número 2.

Artigo 149º.-Sancións en materia de conservación do medio mariño.

1. As infraccións reguladas nesta lei en materia de conservación do medio mariño sancionaranse, segundo o seu carácter, consonte os seguintes criterios:

a) As infraccións graves, con multa de 301 a 60.000 euros.

b) As infraccións moi graves, con multa de 60.001 a 300.000 euros.

2. As infraccións previstas neste artigo, ademais de coa multa correspondente, poderán ser sancionadas coas seguintes sancións accesorias:

a) A imposibilidade de obtención de axudas, préstamos ou subvencións públicas durante un prazo máximo de cinco anos.

b) A recuperación, a restitución e a reparación polo infractor e pola súa conta dos efectos causados pola súa actuación.

c) A suspensión da actividade ou da actuación que supoña unha infracción en materia de conservación do medio mariño ata que se adopten as medidas que garantan o seu cesamento.

3. Cando o infractor non realice as actuacións previstas nas letras b) e c) da alínea 2 deste artigo, procederase á execución subsidiaria de acordo co previsto na Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Artigo 150º.-Sancións en materia de documentos de rexistro.

1. As infraccións reguladas nesta lei en materia de seguranza alimentaria sancionaranse, segundo o seu carácter, consonte os seguintes criterios:

a) As infraccións leves serán sancionadas con apercibimento ou multa de 60 a 300 euros.

b) As infraccións graves, con multa de 301 a 60.000 euros.

2. As infraccións graves, ademais de coa multa correspondente, poderán ser sancionadas en función das circunstancias concorrentes cunha ou varias das sancións accesorias previstas no artigo 139.1, letras d), e), f) e g).

Artigo 151º.-Suspensión condicional e remisión da sanción.

1. Nas sancións en materias reguladas nesta lei, unha vez que sexa firme en vía administrativa, a persoa infractora poderá solicitar no prazo dun mes, contado desde a firmeza, a suspensión condicional da execución da sanción imposta.

Para iso deberá presentar escrito debidamente motivado, dirixido á persoa titular da consellaría competente en materia de pesca, marisqueo e acuicultura, no que manifeste o compromiso de se suxeitar ás condicións que para o seu outorgamento se establezan, co fin de garantir, durante o prazo de suspensión, un comportamento de respecto da normativa reguladora da actividade pesqueira.

A presentación da solicitude determinará a suspensión automática da execución da sanción ata a resolución do expediente sobre a suspensión condicional.

O prazo de suspensión condicional será de seis a nove meses para as faltas leves e de nove a dezaseis meses para as faltas graves e moi graves se for o caso, atendendo en ambos os casos ás circunstancias da infracción cometida.

2. Serán requisitos para solicitar a suspensión condicional:

a) Que a persoa infractora non fose sancionada nos últimos tres anos, nin ter aberto un procedemento sancionador por comisión de infracción regulada nesta lei.

b) Que a contía da sanción imposta non exceda de 30.000 euros.

3. Para os efectos da resolución de suspensión condicional da execución, concederáselle audiencia á persoa interesada e poderanse solicitar informes das entidades asociativas do sector afectado e doutros organismos públicos interesados. Así mesmo, poderanse solicitar todos aqueles informes que se xulguen convenientes para resolver sobre a suspensión condicional.

Así que se acredite o cumprimento dos requisitos establecidos, a persoa titular da consellaría competente poderá resolver a concesión ou a denegación da suspensión condicional da execución da sanción no prazo máximo de seis meses, contado desde que a solicitude entrase no rexistro da consellaría.

4. A resolución denegatoria da suspensión condicional, debidamente motivada, seralle notificada á persoa interesada, e procederase a continuar a tramitación da execución da sanción imposta. Así mesmo, a resolución favorable, debidamente motivada, seralles notificada ás persoas interesadas e expresará as condicións nas que se levará a cabo, así como que ela suspende os prazos de prescrición da sanción establecida nesta lei. As persoas interesadas poderán entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

5. As condicións de obrigado respecto pola persoa infractora, durante o período de suspensión, incluirán en todo caso:

a) Non cometer ningunha infracción das tipificadas nesta lei.

b) Cumprir debidamente as medidas cautelares impostas e mantidas, se for o caso.

6. Se a persoa interesada, durante o prazo de suspensión fixado, incumpre as obrigas ou as condicións impostas ou é sancionada por outras infraccións pesqueiras, o órgano competente, logo da audiencia daquela, revogará a suspensión condicional da execución da infracción e continuarase a tramitación da execución da sanción imposta.

7. Ao se cumprir o tempo establecido na suspensión, se a persoa infractora, á vista dos informes que poidan ser requiridos para o efecto, cumpriu as condicións establecidas e non foi sancionada por outras infraccións pesqueiras, a persoa titular da consellería competente acordará a remisión da sanción imposta sempre que a resolución administrativa sancionadora sexa firme e non recaese sentenza xudicial.

Capítulo IV

Procedemento sancionador

Artigo 152º.-Procedemento sancionador.

A imposición de sancións tipificadas nesta lei axustarase ao procedemento sancionador regulado neste título e, subsidiariamente, ao establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, así como ás demais disposicións aplicables.

Regulamentariamente poderase aprobar un procedemento simplificado ou abreviado.

Artigo 153º.-Órganos competentes.

1. A competencia para acordar a iniciación do procedemento sancionador corresponderalle á persoa titular da delegación territorial da consellaría competente en materia de pesca.

2. Será competente para a instrución do procedemento o funcionario ou a funcionaria designada pola persoa titular da delegación territorial.

3. A competencia para a imposición de sancións corresponderalles:

a) Ás persoas titulares da delegación territorial do ámbito no que se cometese a infracción, nos casos de infraccións sancionadas con multas de contía inferior a 15.000 euros.

b) Ás persoas titulares das direccións xerais no ámbito das súas competencias, nos casos de infraccións sancionadas con multas de contía comprendida entre 15.000 e 60.000 euros.

c) Á persoa titular do departamento da consellaría competente en materia de pesca, nos casos de infraccións sancionadas cunha multa de contía superior á sinalada na letra anterior desta alínea.

4. A competencia para a imposición das sancións accesorias corresponderalle ao mesmo órgano ao que lle competa a imposición da sanción principal.

Artigo 154º.-Prazo de tramitación.

1. O prazo para tramitar, resolver e notificar a resolución sancionadora será dun ano, que se computará desde a adopción do acordo de iniciación do procedemento sancionador.

2. Ao transcorrer o devandito prazo, tendo en conta as posibles interrupcións do seu cómputo por causas imputables ás persoas interesadas ou pola suspensión do procedemento, declararase a caducidade das actuacións.

Artigo 155º.-Actas de inspección.

1. As actas de inspección redactadas polo persoal funcionario da Inspección Pesqueira terán a condición de documento público e gozarán de eficacia probatoria respecto dos feitos nelas denunciados, sen prexuízo das probas que en defensa dos respectivos dereitos e intereses poidan sinalar ou achegar as persoas interesadas.

2. As actas deberán expresar os feitos e as circunstancias relacionadas coa presunta infracción, os medios técnicos empregados desde terra, embarcacións ou aeronaves para a súa comprobación e mais os datos que identifiquen as persoas ou as entidades que interveñan na infracción detectada, así como as medidas cautelares adoptadas consonte o establecido no artigo 156.4º desta lei. Sempre que sexa posible, achegarase á acta o material gráfico ou calquera outro elemento obxectivo que acredite a presunta infracción.

3. Unha copia da acta seralle entregada á presunta persoa infractora no mesmo acto de levantamento. Se isto non é posible, faranse constar as circunstancias que o impediron, e entregarase posteriormente ao se lle notificar a incoación do procedemento.

4. Cando no exercicio das súas funcións de asesoramento o persoal funcionario de Inspección Pesqueira detecte deficiencias ou simples inobservancias da normativa facilmente reparables, substituirá a acta á que se refire a alínea primeira deste artigo por unha acta de advertencia, na que, sen dar lugar á incoación dun procedemento sancionador, se farán constar:

a) As deficiencias ou as inobservancias detectadas.

b) As advertencias ou as medidas correctoras propostas e o prazo de reparación.

Artigo 156º.-Medidas cautelares.

1. Para asegurar a eficacia da resolución que poida recaer e a boa fin do procedemento, evitar o mantemento dos efectos da infracción e mais garantir a protección dos recursos marítimo-pesqueiros e os demais intereses xerais, poderanse adoptar as seguintes medidas cautelares:

a) A incautación dos produtos da pesca, do marisqueo e da acuicultura, debendo definir o acordo a descrición do incautado.

b) A incautación de artes, aparellos, útiles de pesca e marisqueo, vehículos, embarcacións, equipos ou outros accesorios que fosen empregados na comisión de infraccións tipificadas nesta lei como graves ou moi graves, debendo definir o acordo a descrición do incautado.

c) A constitución de fianza.

d) O peche temporal das instalacións e dos establecementos.

e) A suspensión temporal dos títulos administrativos habilitantes.

f) A retención temporal da tarxeta profesional náutico-pesqueira que habilita para o exercicio da profesión de capitán ou capitá, ou de patrón ou patroa, nun buque pesqueiro.

g) A suspensión temporal da actividade ou da actuación que supoña unha infracción en materia de conservación do medio mariño ata que se adopten as medidas que garantan o seu cesamento.

2. A adopción destas medidas realizarase motivadamente e baseándose nun xuízo de razoabilidade, elixindo aquela que menos dane a situación xurídica do administrado. En todo caso, respectarase o principio de proporcionalidade da medida que se vai adoptar cos obxectivos que se pretenda garantir en cada caso concreto.

3. As medidas cautelares poderaas adoptar, así que se inicie o procedemento sancionador, a persoa titular da delegación territorial da consellaría competente. Durante a súa tramitación, poderán ser alzadas ou modificadas en virtude de circunstancias sobrevidas ou que non puideron ser tidas en conta no momento da súa adopción.

4. Antes de se iniciar o procedemento, cando resulte preciso por razóns de urxencia ou de necesidade, o persoal funcionario de Inspección Pesqueira poderá adoptar verbalmente as medidas cautelares previstas na alínea 1, letras a) e b), deste artigo; proceder do que dará razón na correspondente acta. En defecto desta, deberase reflectir o oportuno acordo e a súa motivación por escrito coa maior brevidade posible, e en todo caso nun prazo non superior a cinco días, e daráselles traslado del ás persoas interesadas e á delegación territorial. As medidas cautelares deberán ser confirmadas, modificadas ou levantadas no acordo de iniciación do procedemento, que se deberá efectuar dentro dos quince días seguintes á súa adopción.

En todo caso, as devanditas medidas cautelares quedarán sen efecto de non se iniciar o procedemento no devandito prazo ou cando o acordo de iniciación non conteña un pronunciamento expreso acerca delas.

5. As medidas cautelares adoptadas extinguiranse coa eficacia da resolución administrativa que poña fin ao procedemento sancionador.

Artigo 157º.-Destino dos produtos e bens incautados.

1. O destino dos produtos incautados será o seguinte:

a) Devolveranse ao medio do que foron extraídas as especies procedentes da pesca, do marisqueo e da acuicultura que teñan posibilidades de sobrevivir.

b) De estaren as especies mortas, tendo en conta o seu volume e condicións hixiénico-sanitarias, o seu destino poderá ser algún dos seguintes:

-Poxa pública, sempre que se trate de especies non vedadas ou de tamaño ou peso regulamentario. O seu importe consignarase ao que resulte do expediente.

-Entrega, para o seu consumo, a un centro benéfico.

-Destrución, na forma que regulamentariamente se estableza.

2. As artes, os aparellos, os útiles de pesca e marisqueo, os equipos ou os outros accesorios antirregulamentarios incautados serán destruídos.

3. As artes, os aparellos, os útiles de pesca e marisqueo, os vehículos, as embarcacións, os equipos ou os outros accesorios regulamentarios incautados serán liberados logo da constitución de fianza, cuxa contía fixará a persoa titular da delegación territorial da consellaría competente, e aquela non poderá exceder do importe da sanción que poida corresponder pola infracción ou as infraccións cometidas.

4. O importe dos gastos derivados da adopción das medidas anteriormente descritas exixiráselle á persoa imputada de se apreciar na resolución do expediente a comisión da infracción.

5. Se na resolución do procedemento sancionador non se aprecia a comisión da infracción, acordarase a devolución dos produtos ou bens incautados ou, cando for o caso, o seu valor. Se a persoa interesada non se fixese cargo deles no prazo de seis meses desde que fose requirida para isto, presumirase o seu abandono, e a consellaría competente deberá decidir o seu destino, unha vez esgotada a vía administrativa.

6. Se na resolución do procedemento sancionador se aprecia a comisión de infracción, os obxectos incautados que non sexan susceptibles dun uso lícito serán destruídos. De ser lícito o seu uso e sempre que na resolución sancionadora non se estableza o seu comiso como sanción accesoria ou como medida cautelar para asegurar a eficacia da sanción en tanto non sexa executiva, acordarase a súa devolución. Se a persoa interesada non se fixese cargo deles no prazo de seis meses desde que fose requirida para isto, presumirase o seu abandono, e a consellaría competente procederá á súa venda en poxa pública, á súa entrega a entidades sen ánimo de lucro ou de carácter benéfico ou á súa destrución.

7. De todas estas actuacións deixarase constancia en acta.

Artigo 158º.-Recoñecemento de responsabilidade.

1. Cando a sanción que se puidese impor no procedemento sancionador tivese carácter pecuniario e se fixase a súa contía, ben no acordo de iniciación, ben na proposta de resolución, o recoñecemento de responsabilidade e a conformidade con ela polo presunto responsable en calquera momento anterior á resolución determinará o remate do procedemento.

Neste caso, a resolución do procedemento sancionador recollerá unha redución do trinta por cento sobre o importe da sanción proposta, sempre que o aboamento dela se efectúe en período voluntario.

2. O disposto na alínea anterior non será aplicable cando a persoa infractora incorra no suposto de reincidencia previsto nesta lei.

Capítulo V

Loita contra a pesca ilegal dos buques con abandeiramento de conveniencia

Artigo 159º.-Abandeiramento de conveniencia.

1. Os países e os territorios aos que se lles atribúe a cualificación de abandeiramento de conveniencia serán os cualificados pola Unión Europea, o Estado español ou as organizacións rexionais de ordenación pesqueira (ORP) como non cooperantes na súa área de regulación, de acordo cos criterios establecidos polas devanditas administracións ou organizacións.

2. Os buques apátridas ou sen nacionalidade terán, en todo caso, a consideración de buques con abandeiramento de conveniencia.

3. Queda prohibido o desembarco, o transporte e a comercialización de capturas procedentes de buques identificados pola Unión Europea, o Estado español ou as organizacións rexionais de ordenación pesqueira por levaren a cabo actividades de pesca ilegal ou contrarias ás medidas de conservación e xestión na súa área de regulación; nestes casos aplicarase o réxime sancionador vixente sobre a materia.

Disposicións adicionais

Primeira.-Extinción do Intecmar.

Á entrada en vigor desta lei, extinguirase o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar) como un ente de dereito público, e as súas funcións serán asumidas pola unidade que se determine no decreto de estrutura orgánica da consellaría competente.

Os bens e os dereitos dos que sexa titular o Intecmar adscribiranse á consellaría competente en materia de pesca, na forma establecida na lexislación patrimonial.

O persoal que á entrada en vigor desta lei preste servizos como persoal propio do Intecmar pasará a ser persoal da Xunta de Galicia, adscrito á unidade que se determine no decreto de estrutura orgánica da consellaría competente en materia de pesca.

Regulamentariamente fixaranse o procedemento e as condicións nas que se fará efectiva a integración do devandito persoal como persoal da Xunta de Galicia.

Segunda.-Eleccións nas confrarías de pescadores de Galicia.

A consellaría competente en materia de pesca procederá á convocatoria de eleccións para todas as confrarías de pescadores e as súas federacións.

Na primeira convocatoria, e de xeito excepcional, a duración do mandato dos órganos de goberno das confrarías estenderase ou acurtarase á data de convocatoria, e a partir dela unificarase o calendario electoral para todas as confrarías de Galicia.

Terceira.-Infraccións cometidas no ámbito territorial da provincia de Ourense.

Os procedementos sancionadores que se inicien por infraccións tipificadas nesta lei cometidas no ámbito territorial da provincia de Ourense tramitaranse na delegación territorial en Pontevedra.

Cuarta.-Inspección dos centros de formación adscritos á consellaría competente en materia de pesca.

A consellaría competente en materia de pesca habilitará persoal pertencente ás escalas de profesores numerarios e de mestres de taller de institutos politécnicos marítimo-pesqueiros para a realización das funcións de inspección dos centros de formación adscritos ao departamento, para velar polo funcionamento xeral dos centros e polo cumprimento das obrigas inherentes a cada un dos membros da comunidade educativa.

Quinta.-Axentes da autoridade.

Terán a condición de axentes da autoridade os funcionarios e as funcionarias doutras escalas, adscritos á consellaría competente en materia de pesca, que teñan atribuídas funcións de control do cumprimento da lexislación vixente en materia de seguranza alimentaria, sanidade animal e ambiente, atribuíndolles para o exercicio destas funcións o establecido nos artigos 121, 122 e 123.

Sexta.-Cambio de denominación do Servizo de Gardacostas de Galicia.

O Servizo de Gardacostas de Galicia existente ata a entrada en vigor desta lei pasa a se denominar Servizo de Inspección e Vixilancia Pesqueira, contando coas escalas de funcionarios previstas no artigo 120 desta lei e debendo desenvolver as funcións contidas no seu artigo 122.

De acordo co anterior:

a) A escala técnica do Servizo de Gardacostas de Galicia, grupo A, pasa a se denominar escala técnica do Servizo de Inspección e Vixilancia Pesqueira, grupo A.1, da que forma parte todo o persoal funcionario que á entrada en vigor desta lei estea integrado naquela.

b) A escala executiva do Servizo de Gardacostas de Galicia, grupo B, pasa a se denominar escala executiva do Servizo de Inspección e Vixilancia Pesqueira, grupo A.2, da que forma parte todo o persoal funcionario que á entrada en vigor desta lei estea integrado naquela.

c) A escala de axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia, grupo C, pasa a se denominar escala de axentes do Servizo de Inspección e Vixilancia Pesqueira, grupo C.1, da que forma parte todo o persoal funcionario que á entrada en vigor desta lei estea integrado naquela.

Sétima.-Axentes do Servizo de Inspección e Vixilancia Pesqueira.

A consellaría competente adoptará as medidas necesarias para que o persoal funcionario pertencente á escala de axentes do Servizo de Inspección e Vixilancia Pesqueira, grupo C.1, poida obter a titulación de técnico superior.

Oitava.-Do persoal funcionario da escala básica de vixilancia pesqueira, grupo D.

O persoal funcionario do grupo D da escala básica de vixilancia pesqueira previsto na disposición transitoria segunda da Lei 2/2004, do 21 de abril, pola que se crea o Servizo de Gardacostas de Galicia, que á data da entrada en vigor desta lei aínda non optase á integración prevista na devandita disposición manterá o seu dereito a se integrar na escala de axentes do Servizo de Inspección e Vixilancia Pesqueira, grupo C.1; este prazo para exercer tal dereito expira o 31 de decembro de 2011 e sempre que dentro do citado prazo acrediten estar en posesión da titulación requirida.

Así mesmo, e dentro do mesmo prazo, manterá o dereito a obter un posto de traballo reservado ao corpo auxiliar de Administración xeral da Xunta de Galicia, grupo D.

Novena.-Da integración de funcionarios no Servizo de Inspección e Vixilancia Pesqueira.

O persoal funcionario pertencente ao corpos de administración especial que, con posterioridade á entrada en vigor da Lei 2/2004, do 21 de abril, pola que se creou o Servizo de Gardacostas de Galicia, obtivese por algún dos sistemas de provisión previstos na normativa vixente un posto de traballo adscrito ao devandito servizo e que á entrada en vigor desta lei continúe prestando nel os seus servizos quedará integrado na escala do Servizo de Inspección e Vixilancia Pesqueira correspondente ao seu grao funcional de pertenza.

Décima.-Vixencia de determinadas disposicións regulamentarias aplicables ao Servizo de Inspección e Vixilancia Pesqueira.

En todo o que non se opoñan a esta lei, seguen vixentes o Decreto 157/2005, do 26 de maio, sobre ordenación e funcionamento do Servizo de Gardacostas de Galicia; a Orde do 2 de maio de 2006 pola que se establece o réxime de prestación de servizos, horarios, vacacións, licenzas e permisos e compensacións económicas para percibir polo persoal do Servizo de Gardacostas de Galicia, e mais a Orde do 20 de marzo de 2007 pola que se establecen os distintivos de identificación e uniformidade dos membros do Servizo de Gardacostas de Galicia.

Para estes efectos, e consonte o disposto na disposición adicional sexta desta lei, todas as referencias ao Servizo de Gardacostas de Galicia contidas nas devanditas normas regulamentarias enténdense feitas ao Servizo de Inspección e Vixilancia Pesqueira. En consecuencia, son aplicables ás escalas técnica, executiva e de axentes deste último servizo as disposicións que nas citadas normas se refiren, respectivamente, ás escalas técnica, executiva e de axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia.

Décimo primeira.-Embarcacións auxiliares de acuicultura.

Para o acceso ás actividades de recolección de mexilla poderase emitir un permiso temporal para embarcacións de acuicultura ou auxiliares de acuicultura.

Décimo segunda.-Seguros no exercicio das actividades de pesca, marisqueo e acuicultura.

As persoas físicas ou xurídicas que realicen actividades de pesca profesional, marisqueo ou acuicultura terán que constituír un seguro que garanta a cobertura de posibles danos a terceiros.

A consellaría competente en materia de pesca, marisqueo e acuicultura promoverá a cultura do seguro no sector, fomentando iniciativas que potencien ou introduzan a subscrición de seguros de produción ou de calquera outra natureza dirixidos á cobertura de continxencias extraordinarias no exercicio da actividade pesqueira, marisqueira e acuícola.

Décimo terceira.-Adscrición do dominio público marítimo.

No suposto de adscrición do dominio público marítimo á Comunidade Autónoma de Galicia para o desenvolvemento de actividades acuícolas, corresponderalle á consellaría competente en materia de acuicultura regular o exercicio da actividade nos espazos adscritos, adecuando os títulos administrativos habilitantes ao contido do disposto nesta lei e na lexislación reguladora do dominio público marítimo-terrestre.

Disposicións transitorias

Primeira.-Procedementos en tramitación e aplicación da lexislación máis favorable.

Os procedementos sancionadores iniciados con anterioridade á entrada en vigor desta lei seguiranse tramitando ata a súa resolución final conforme a normativa aplicable no momento da súa iniciación, sen prexuízo da retroactividade desta lei en canto sexa máis favorable para a presunta persoa infractora.

Segunda.-Confrarías de pescadores e das súas federacións.

Á entrada en vigor desta lei, recoñécense como confrarías de pescadores e federacións as existentes, co ámbito territorial e os estatutos que teñan aprobados, sen que sexa posible o recoñecemento ou a creación de máis confrarías de pescadores, agás a creación daquelas confrarías que, existentes á entrada en vigor desta lei, sexan disoltas por calquera dos motivos legalmente previstos e sempre de conformidade co que se dispoña regulamentariamente.

Terceira.-Consello Galego de Pesca.

Á entrada en vigor desta lei, o Consello Galego de Pesca permanecerá coas funcións e a composición que se determina na disposición regulamentaria vixente.

Cuarta.-Concesións, autorizacións e permisos de actividade.

Á entrada en vigor desta lei, as concesións, as autorizacións e os permisos de actividade seguirán vixentes nas condicións e nos prazos polos que foron concedidos ou autorizados.

Quinta.-Permisos de explotación.

Á entrada en vigor desta lei, seguirán vixentes, nas condicións e nos prazos polos que foron outorgados, os permisos de explotación ata que se outorguen novos permisos de pesca ou licenzas, de conformidade con esta lei e a normativa que a desenvolva.

Sexta.-Permisos de explotación de marisqueo a pé con embarcación auxiliar.

Á entrada en vigor desta lei, ás persoas titulares de permiso de explotación de marisqueo a pé con embarcación auxiliar outorgaráselles unha licenza de marisqueo desde embarcación, nas condicións que regulamentariamente se definan.

Sétima.-Revisión das autorizacións e concesións marisqueiras.

Á entrada en vigor desta lei, e no prazo máximo de cinco anos, procederase á revisión das autorizacións e das concesións marisqueiras.

Disposicións derrogatorias

Única.-Derrogación normativa.

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao establecido nesta lei, e expresamente:

a) A Lei 6/1993, do 11 de maio, de pesca de Galicia.

b) A Lei 9/1993, do 8 de xullo, de confrarías de pescadores de Galicia.

c) A Lei 2/2004, do 21 de abril, pola que se crea o Servizo de Gardacostas de Galicia.

d) A Lei 3/2004, do 7 de xuño, de creación do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia.

e) A Lei 8/2004, do 30 de xullo, de protección, control, infraccións e sancións en materia marítimo-pesqueira de Galicia.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Modificación da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia.

Introdúcense as seguintes modificacións na Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, na súa redacción vixente:

1) Engádenselle á alínea 17 do anexo 1 as seguintes subalíneas:

«05 Autorización de construción de novas embarcacións:

De 0 a 2,5 GT: 90 €.

De 2,5 GT a 50 GT: 130 €.

De 50 GT a 150 GT: 170 €.

Máis de 150 GT: 250 €».

«06 Autorización de obras de modernización e reconversión de buques:

De 0 a 2,5 GT: 45 €.

De 2,5 GT a 50 GT: 60 €.

De 50 GT a 150 GT: 75 €.

Máis de 150 GT: 90 €».

«07 Expedición de permisos de pesca especial: 30 €».

2) Engádenselle á alínea 36 do anexo 3 as seguintes subalíneas:

«07 Autorizacións e concesións para a explotación de bancos marisqueiros: 91,91 €».

«08 Concesións experimentais en materia de acuicultura: 91,91 €».

«09 Permiso de actividade en materia de acuicultura: 91,91 €».

«10 Autorizacións de inmersión: 35 €».

3) Engádeselle a alínea 62 ao anexo 3, coa seguinte redacción:

«62 Recoñecemento de organización de produtores: 60 €».

Segunda.-Actualización de sancións.

As contías económicas das sancións previstas nesta lei deberanse actualizar a través da correspondente norma regulamentaria conforme o índice de prezos ao consumo ou sistema que o substitúa.

Terceira.-Desenvolvemento regulamentario.

Facúltase a Xunta de Galicia para ditar cantas disposicións regulamentarias resulten necesarias para o desenvolvemento e a aplicación desta lei.

Cuarta.-Entrada en vigor.

Esta lei entrará en vigor aos seis meses da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Á entrada en vigor desta lei, seguirán vixentes aquelas disposicións que non foron derrogadas expresamente naqueles artigos que non contradigan o disposto nesta lei.

O disposto no primeiro parágrafo da presente disposición non lle será aplicable ao capítulo I do título IX desta lei, referido á Axencia de Desenvolvemento Sustentable das Zonas de Pesca, que entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación.

Santiago de Compostela, tres de decembro de dous mil oito.

Emilio Pérez Touriño

Presidente