DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 246 Venres, 19 de decembro de 2008 Páx. 22.642

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

PRESIDENCIA

LEI 14/2008, do 3 de decembro, de turismo de Galicia.

Exposición de motivos

O turismo é unha actividade transversal que engloba diferentes sectores e profesións, en constante adaptación a unha realidade social cambiante e suxeita a unha forte competencia. Por iso unha lei que pretenda regular o turismo en Galicia debe considerar non só o seu propio potencial económico na nosa Comunidade Autónoma, senón tamén os condicionantes externos, tanto pola competencia internacional como pola propia regulación da Unión Europea.

De aí que os principais obxectivos desta nova lei coincidan plenamente cos establecidos na Comunicación da Comisión Europea do 17 de marzo de 2006, na que se recoñece, acorde coa renovada Estratexia de Lisboa do ano 2005, o potencial do turismo para xerar emprego e crecemento económico, o seu papel na preservación do patrimonio cultural e natural, así como a súa contribución ao diálogo intercultural e ao fortalecemento da propia identidade, aspectos tratados na súa totalidade nesta lei. Conseguir eses obxectivos exixirá de toda a sociedade galega a plena conciencia de que o futuro do sector pasa por alcanzar un modelo de turismo sustentable, que, de acordo co aprobado polo Parlamento Europeo no ano 2005, comprende cando menos a garantía da súa viabilidade económica, un emprego de calidade, unha decidida aposta pola innovación, a implicación das comunidades locais, preservar a riqueza cultural e a diversidade biolóxica, asegurar a eficiencia no uso dos recursos e garantir a necesaria

colaboración entre destinos, valores todos eles defendidos nesta lei.

Consecuencia do anterior é a importancia dada nesta lei á defensa dun turismo de calidade, única posibilidade de poder conseguir ganancias estables de competitividade no sector, pola mellora da produtividade e non pola artificial redución dos prezos. Trátase dunha aposta pola calidade e pola innovación que aproveite as vantaxes diferenciais da nosa oferta turística para conseguir un forte impacto no mercado, o que avalaría a utilización de Galicia como marca global. Esta estratexia precisa dun intenso esforzo pola profesionalización do sector, con axudas que posibiliten a renovación das infraestruturas, e dunha política de recursos humanos que aposte decididamente pola formación das traballadoras e dos traballadores e pola extensión do uso das novas tecnoloxías e dos idiomas, tal e como se recolle no texto da lei.

A estratexia anterior é plenamente coherente coa máis firme defensa da nosa cultura e identidade propias, defensa, polo tanto, do patrimonio histórico-artístico, da lingua, da gastronomía, da artesanía, do folclore e de todos aqueles aspectos que nos caracterizan e distinguen doutros territorios cos que inevitablemente debemos competir. Pero facerlles coñecer todo isto aos potenciais visitantes, que non debemos esquecer que poden proceder de calquera parte do mundo, implica a modernización da política de promoción e fomento do noso sector turístico, política que está chamada a converterse no principal soporte da renovación do sector que esta lei defende.

Por outra banda, e sen esquecer o papel director que lle corresponde á Administración autonómica no desenvolvemento do sector, a lei outórgalles un papel fundamental á cooperación interadministrativa, particularmente cos entes locais, e á cooperación co sector privado, no afán de estimular aqueles modelos de desenvolvemento turístico coherentes coa política deseñada para todo o territorio galego. Só desta maneira poderá incidirse positivamente na procura dunha maior diversidade da oferta, a través da súa segmentación, e actuar de forma decidida na potenciación de subsectores como o do turismo rural, sector que resume como ningún outro a transversalidade do turismo e a complexidade dos factores que nel inciden.

Todo o anterior pode resumirse no obxectivo irrenunciable da construción dun turismo sustentable, no que se integren a visión territorial, a ambiental, a cultural e a estritamente empresarial, no que se alcance a maior rendibilidade económica, pero tamén social, e no que se protexan os recursos especialmente significativos polos seus valores ambientais, culturais ou paisaxísticos, protección que se articula a través desta lei e da normativa urbanística e de ordenación territorial, medioambiental, así como de patrimonio histórico e cultural.

Para a creación dun ámbito competitivo que favoreza a actividade empresarial e a creación de emprego, así como para a adecuada protección das usuarias e dos usuarios e dos recursos turísticos, faise preciso un novo marco legal.

Por todo isto, en desenvolvemento da competencia exclusiva que o artigo 27.21º do noso Estatuto de autonomía lle atribúe a Galicia, entendeuse preciso aprobar unha nova lei do turismo que supere as limitacións da anterior, tendo en conta os seus elementos positivos, e que sirva para situar o noso país á vangarda dun sector estratéxico como é o turístico.

Esta lei está estruturada en 10 títulos, que comprenden 86 artigos, 5 disposicións adicionais, 3 disposicións transitorias, 1 disposición derrogatoria e 2 disposicións derradeiras.

O título I define o obxecto e fins da lei e o seu ámbito de aplicación. Preténdese adaptar a lexislación á realidade social imperante nun dos sectores económicos de maior importancia na nosa comunidade, para impulsar a profesionalización e autorregulación do sector, pero respectando e garantindo asemade os valores propios da cultura e da identidade galegas e promocionando a Galicia como marca turística de calidade.

O título II dedícase á delimitación das competencias en materia de turismo, e diferencia as que corresponden á Xunta, aos concellos, ás administracións locais territoriais distintas dos concellos e, se é o caso, aos organismos autónomos, ás entidades de dereito público e ás empresas públicas. Esta regulación establece un soporte institucional que garante a eficacia no exercicio das competencias e a debida colaboración e coordinación entre as instancias que as teñan atribuídas.

Destaca neste título a incorporación do Consello Regulador (ou de concertación) do Turismo de Galicia, que se define como un órgano desconcentrado dependente da consellaría competente en materia de turismo, e que pretende converterse no órgano de participación do sector na toma de decisións en materia de turismo, xa que neste órgano estarán representadas as asociacións máis representativas das empresas e das profesionais e dos profesionais do sector turístico. Hai que salientar que, en todo caso, o artigo 7º desta lei, de acordo co establecido no artigo 14.6º da Directiva 2006/123/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de decembro de 2006, relativa aos servizos no mercado interior, non contempla que o consello regulador participe na adopción de decisións que incidan no acceso ás actividades turísticas, ás complementarias destas, ou no seu exercicio.

Tamén se recolle neste segundo título a Rede de Oficinas de Turismo e a posibilidade de subscribir acordos entre a Xunta e as entidades representativas das comunidades galegas no exterior.

O título III está dedicado ás usuarias e aos usuarios turísticos, definidos como as persoas que utilizan ou reciben un servizo ou ben turístico como destinatarias finais. Recóllese na lei un catálogo de dereitos e obrigas das persoas usuarias, por cuxo respecto e cumprimento deben velar as administracións públicas competentes.

No título IV afróntase a ordenación da actividade turística e fíxanse conceptos esenciais para levala a cabo, como son os recursos de interese turístico ou os territorios de preferente actuación turística. Por outra banda, a Administración deberá procurar unha elevación da calidade dos servizos turísticos, para o que propoñerá e levará a cabo as actuacións pertinentes e considerará as implicacións urbanísticas, paisaxísticas e medioambientais que poidan ter as actuacións turísticas.

Na promoción dos recursos turísticos promoverase a proxección interior e exterior de Galicia como marca turística e global de calidade.

Neste título tamén se contén a regulación dos concellos turísticos, e fíxanse as condicións necesarias para obter esta denominación e os servizos que deberán prestarse neles.

O título V aborda a ordenación da oferta turística. A pretensión da norma é configurar o marco xurídico dos servizos e establecementos turísticos e establecer as condicións básicas que deben reunir para respectaren e protexeren non só o medio ambiente, a paisaxe e a cultura de Galicia, senón tamén os dereitos e a dignidade das persoas que reciben estes servizos, sen que en ningún caso se vexa limitada a súa liberdade de empresa así como a súa protección contra o intrusismo profesional.

A continuación, igual que se fai coas usuarias e cos usuarios turísticos, fíxase o elenco de dereitos e obrigas correspondentes ás empresas turísticas, definidas como as persoas físicas ou xurídicas que, de xeito habitual e con ánimo de lucro, prestan servizos no ámbito da actividade turística.

A lei considera como establecementos turísticos os de aloxamento, restauración, intermediación e os complexos turísticos, se ben tamén recoñece o carácter turístico de determinadas actividades complementarias, tales como salas de festas, campos de golf, actividades deportivas, balnearios, etc.

Entre os requisitos exixidos para a realización da actividade turística, destaca, sen dúbida, a exixencia de autorización turística previa e a súa inscrición no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Comunidade Autónoma de Galicia, que segundo os casos será obrigatoria ou potestativa.

Co fin de garantir a efectiva protección dos dereitos das usuarias e dos usuarios turísticos recoñecidos nesta lei, de conformidade co previsto nos artigos 13.4º e 4.8º da Directiva 2006/123/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de decembro de 2006, relativa aos servizos no mercado interior, na regulación do procedemento para a concesión da autorización turística establécese que, se dentro do prazo fixado para o efecto non se lle notifica unha resolución expresa, a persoa interesada poderá entender desestimada a súa solicitude. Así mesmo, o sistema de cómputo do devandito prazo establecido nesta lei axústase á normativa básica estatal existente na materia e responde perfectamente á exixencia, contida no artigo 13.3º da citada directiva, de que as solicitudes de autorización se resolvan o antes posible.

No capítulo IV do título V regúlanse as empresas de aloxamento turístico, e disponse unha clasificación aberta que permite fixar regulamentariamente establecementos non previstos na lei. Cómpre salientar que nesta lei se suprimiron categorías ata agora existentes, pero de pouca presenza na nosa comunidade, como eran os aloxamentos en réxime de aproveitamento por quendas.

Por outra banda, preténdese darlle un pulo ao turismo rural e ao agroturismo, en plena expansión no noso país. Distínguense dentro desta categoría hoteis rurais e casas de aldea, e permítese a incorporación por vía regulamentaria doutras categorías.

En canto ás empresas de restauración, pasan a dividirse en catro grupos -restaurantes, bares, cafetarías e furanchos-, dos que se fixarán regulamentariamente o seu concepto e as súas categorías.

No capítulo dedicado ás empresas de intermediación inclúense as axencias de viaxe e centrais de reservas, engadidas as que operan a través da internet. Faise referencia tamén aos complexos turísticos, figura non recollida na normativa anterior pero cuxa incorporación vén imposta pola realidade.

O título VI contén a ordenación das empresas e actividades de servizos complementarios, é dicir, daquelas empresas e actividades que sen ser estritamente turísticas inciden, de xeito relevante, no ámbito turístico. Dado que as empresas turísticas e as empresas e actividades reguladas neste título están intimamente vinculadas, a lei opta pola súa regulación en títulos diferentes para destacar que o seu réxime xurídico é diverso, xa que as primeiras requiren autorización administrativa, mentres que as segundas, non.

Xa que un dos obxectivos da lei é impulsar a profesionalización do sector, no título VII faise unha breve referencia ás profesións turísticas, especialmente ás guías e aos guías turísticos. Serán obxecto de fixación regulamentaria as condicións de acceso, o ámbito de actuación e os demais requisitos precisos para o exercicio desta profesión conforme á normativa europea.

No título VIII recóllense as medidas para a promoción e fomento do turismo. Preténdese un impulso do turismo mediante a revitalización de costumes, festas e tradicións populares, incluso declarando algunhas como festas de interese turístico nacional de Galicia. Tamén se busca desestacionalizar e diversificar a oferta turística potenciando os diversos tipos de turismo existentes na nosa terra: o rural, o de costa, o termal, o náutico, o de congresos, o cultural, etc.

Esta actividade de fomento reforzarase sobre todo a través de campañas de promoción e mediante a concesión de subvencións e axudas, pero tamén se considera importante a formación continua das traballadoras e dos traballadores do sector, razón pola que se impulsará a subscrición de acordos e convenios coas universidades para a elaboración de programas e plans de estudos en materia turística.

O título IX actualiza a normativa existente sobre disciplina turística. Fai referencia por unha parte á inspección turística e por outra ao réxime sancionador, na procura da máxima eficacia e do respecto á legalidade vixente, así como da máis escrupulosa garantía dos dereitos das administradas e dos administrados. Como novidades máis salientables, ademais da actualización dos importes das sancións, homoxeneízase o prazo de prescrición das infraccións e sancións e fíxase unha nova infracción moi grave: a vulneración do dereito á intimidade das clientas e dos clientes.

No título X regúlase a mediación como forma de resolución de conflitos que poidan xurdir en materias reguladas na lei. A Administración da Comunidade Autónoma pode establecer mecanismos de mediación de conformidade co establecido na lexislación vixente sobre a materia.

A norma conclúe coa articulación dun réxime de dereito transitorio respectuoso cos dereitos adquiridos por quen fose afectado pola promulgación da nova lei.

Por todo o exposto o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2º do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, promulgo en nome de El-Rei a Lei de turismo de Galicia.

Título I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto e fins.

1. Esta lei ten por obxecto a ordenación do sector turístico galego, así como o establecemento dos principios básicos en materia de planificación, de promoción e de fomento do turismo.

2. A Administración autonómica acomodará as súas actuacións á consecución dos seguintes fins:

a) A promoción e o estímulo dun sector turístico galego competitivo e de calidade.

b) A promoción da cooperación interterritorial.

c) O impulso da desestacionalización e da diversificación da oferta turística.

d) O establecemento de estándares que garantan a sustentabilidade do desenvolvemento turístico e a conservación e difusión do patrimonio de Galicia.

e) O fomento da autorregulación do sector turístico.

f) O impulso do turismo como medio de desenvolvemento dos valores propios da cultura e da identidade galegas.

g) A garantía e a protección dos dereitos das usuarias e dos usuarios turísticos e a información e concienciación sobre os seus deberes.

h) A erradicación da clandestinidade e da competencia desleal.

i) O impulso da profesionalización do sector, coa mellora da formación dos recursos humanos; en particular, no uso das novas tecnoloxías e nas competencias lingüísticas.

j) O impulso dos programas de investigación e desenvolvemento turístico (I+D+T) que faciliten a incorporación das empresas turísticas galegas á sociedade do coñecemento.

k) A promoción da comercialización dos recursos e das empresas turísticas dentro e fóra do noso país, para facilitar o seu acceso a novos mercados internacionais, en especial onde radiquen comunidades galegas no exterior.

l) A promoción de Galicia como marca turística de calidade, coa garantía do seu tratamento unitario na difusión interior e exterior dos recursos do país.

m) O estímulo aos procesos de cooperación e asociacionismo entre as empresas e entre profesionais dos distintos sectores turísticos.

n) Fomentar a actividade turística para conseguir o equilibrio territorial entre as distintas zonas de Galicia.

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación.

As disposicións desta lei aplicaránselles aos seguintes suxeitos:

a) Administracións, organismos e empresas públicas vinculadas ao sector turístico.

b) Empresas turísticas.

c) Profesionais turísticos.

d) Calquera actividade, empresarial e non empresarial, que preste servizos relacionados co turismo e que sexa cualificada pola Administración turística con tal carácter.

e) Usuarias e usuarios turísticos.

Título II

Organización e competencias da Administración turística galega

Artigo 3º.-Administracións públicas competentes en materia de turismo.

1. Para os efectos desta lei teñen a consideración de administracións competentes en materia de turismo as seguintes:

a) A Administración da Xunta de Galicia.

b) Os concellos.

c) As entidades locais supramunicipais.

d) Os organismos autónomos e as entidades de dereito público constituídos por calquera das administracións indicadas, ou adscritos a elas, para o exercicio das competencias que afecten o sector turístico.

2. As competencias das administracións turísticas mencionadas na alínea 1, sempre que non supoñan o exercicio de autoridade pública, poderán exercerse a través de sociedades mercantís públicas ou recorrendo a outras fórmulas de dereito privado, conforme ao establecido pola lexislación aplicable en cada caso.

Artigo 4º.-Competencias da Administración da Xunta de Galicia.

1. Correspóndenlle á Administración da Xunta de Galicia, entre outras, as seguintes atribucións:

a) A execución e actuación das medidas de ordenación e promoción do turismo determinadas por esta lei.

b) A protección e preservación dos recursos turísticos existentes e o fomento da creación ou a creación directa de novos recursos turísticos.

c) A promoción e protección da imaxe de Galicia como marca turística.

d) A declaración de recursos de interese turístico xeral, a declaración de concellos turísticos, a declaración de territorios de preferente actuación turística e a creación e definición de denominacións xeoturísticas.

e) A potenciación do ensino de turismo e da formación e perfeccionamento das profesionais e dos profesionais do sector.

f) O exercicio das potestades administrativas de planificación, programación, fomento, inspección e sanción previstas nesta lei, de forma exclusiva ou en colaboración con outras administracións.

g) O sostemento do Rexistro de Establecementos e Actividades Turísticas de Galicia.

h) A elaboración de estatísticas turísticas e estudos relacionados coa materia, de acordo co disposto na Lei 9/1988, do 19 de xullo, de estatística de Galicia.

i) A elaboración e aprobación dos plans precisos para a determinación e priorización dos obxectivos que haxa que acadar para o desenvolvemento turístico de Galicia.

j) O exercicio de potestades administrativas vinculadas á protección das empresas turísticas legalmente constituídas e á defensa da súa actividade fronte ao intrusismo.

2. As atribucións especificadas na alínea 1 serán exercidas pola consellaría competente en cada caso, baixo a dirección e coordinación da Xunta de Galicia.

Artigo 5º.-Competencias municipais.

Correspóndenlles aos concellos, sen prexuízo das competencias establecidas pola lexislación de réxime local, as seguintes atribucións:

a) A promoción e protección dos recursos turísticos de interese local e xeral.

b) A declaración dos recursos turísticos de interese local e, se procede, a iniciativa para que sexan declarados recursos de interese turístico xeral.

c) A promoción da concesión de denominacións xeoturísticas e da declaración de interese turístico de lugares, bens e servizos situados dentro do seu territorio.

d) A colaboración coa Administración da Comunidade Autónoma, instrumentada a través de fórmulas cooperativas axeitadas como a consorcial.

e) A participación no proceso de elaboración de plans de ordenación, promoción ou inspección turística de Galicia.

f) O exercicio das competencias turísticas que lles delegue ou lles asigne a Administración da Xunta, de acordo co establecido pola lexislación de réxime local.

Artigo 6º.-Competencias das entidades locais supramunicipais.

1. Correspóndenlles ás entidades locais supramunicipais, sen prexuízo das competencias establecidas pola lexislación de réxime local, as seguintes atribucións:

a) A promoción dos recursos e das marcas turísticas do seu ámbito territorial, en coordinación con todos os entes locais afectados.

b) O asesoramento e apoio técnico aos entes locais do seu ámbito territorial en calquera aspecto que mellore a súa competitividade turística.

c) A articulación, a coordinación e o fomento das estratexias de promoción derivadas do ámbito privado do sector turístico.

d) A participación na formulación dos instrumentos de planificación turística.

2. As entidades locais supramunicipais exercerán as súas competencias turísticas en coordinación co departamento da Xunta competente en materia de turismo e coas demais administracións turísticas do seu ámbito territorial.

Artigo 7º.-Consello Regulador do Turismo de Galicia.

1. O Consello Regulador do Turismo de Galicia é un órgano consultivo da consellaría competente en materia de turismo encargado de colaborar cos órganos executivos desta para garantir o cumprimento da normativa aplicable en materia de turismo, así como na ordenación, no fomento e no control da calidade dos establecementos e servizos do sector.

2. En particular, correspóndelle:

a) Velar por que as clasificacións dos establecementos turísticos se adecuen á realidade económica e social e aos niveis de calidade exixibles. Para estes efectos o consello propoñeralle á consellaría competente a creación, modificación ou supresión de tipos de establecementos turísticos ou de modalidades ou grupos dentro dos xa existentes.

b) Favorecer o desenvolvemento dunha oferta turística galega de calidade, mediante a elaboración da regulamentación de marcas turísticas de calidade.

c) Emitir informe sobre as normas e plans que se elaboren en materia turística.

d) Propoñer cantas iniciativas considere pertinentes no ámbito das súas competencias.

e) Exercer cantas funcións lle atribúa a Administración turística de Galicia.

3. O Consello Regulador do Turismo de Galicia estará integrado por unha presidenta ou presidente, que se elixirá de entre os seus membros, e un número máximo de 12 vogais que representarán as administracións públicas con competencias en materia turística e as asociacións máis representativas do sector turístico.

As ou os vogais elixiranse por un período de catro anos, e poden ser reelixidos. As ou os vogais deberán estar vinculados aos sectores que representan, ben directamente ou ben por ser cargos directivos de sociedades que se dediquen ás actividades que representan.

4. O réxime de elección dos membros do consello, así como o funcionamento interno e as funcións correspondentes a cada un, serán obxecto de desenvolvemento regulamentario. Procurarase neste órgano a composición de xénero equilibrada segundo o previsto na Lei 7/2004, para a igualdade de mulleres e homes na Comunidade Autónoma de Galicia e na Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes.

Artigo 8º.-Rede Galega de Oficinas de Turismo.

1. Son oficinas de turismo aquelas dependencias de titularidade pública ou privada abertas ao público en xeral nas que se facilite orientación, asistencia e información turística.

2. Co fin de fomentar a imaxe de Galicia como marca turística e proporcionar unha información veraz, completa e homoxénea axeitada ás necesidades das persoas visitantes, créase a Rede Galega de Oficinas de Turismo, integrada polas oficinas de turismo de titularidade da Xunta de Galicia e mais aqueloutras de titularidade pública ou privada que se integren voluntariamente nela.

3. Estableceranse por regulamento as funcións, os servizos, o réxime horario mínimo, a identidade de imaxe da rede e os demais requisitos que deban cumprir as oficinas integradas na Rede Galega de Oficinas de Turismo, e as vantaxes ou prestacións da Administración turística da Xunta de Galicia ás que poden acceder, así como o procedemento para solicitar a adhesión voluntaria á rede.

Artigo 9º.-Comunidades galegas no exterior.

1. Co fin de complementar a actuación da Administración da Comunidade Autónoma galega no exterior en materia turística, que se leva a cabo a través das delegacións da Xunta no exterior, poderanse subscribir acordos coas entidades representativas das comunidades galegas no exterior, por consideralas como un vehículo preferente de promoción turística fóra das nosas fronteiras.

2. A Xunta garantiralles a estas comunidades a ás federacións, unións e confederacións nas que se agrupen o acceso á información sobre as disposicións e a actividade dos seus órganos en materia de turismo, e promoverá a colaboración destas coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo coa lexislación aplicable na materia, para reforzar a presenza no exterior da Comunidade Autónoma, prestar os servizos que se lles encomenden no ámbito da promoción turística de Galicia e, se é o caso, percibir as axudas públicas fixadas pola Xunta.

A Administración autonómica colaborará con estas comunidades e coas unións, federacións e confederacións nas que se agrupen, garantiralles o acceso á información sobre as disposicións e a actividade dos seus órganos en materia de turismo e establecerá, se é o caso, axudas públicas dirixidas a elas.

Título III

Dereitos e obrigas da usuaria e do usuario turístico

Artigo 10º.-Concepto de usuaria ou usuario turístico.

Son as persoas físicas ou xurídicas que gozan dalgún ben ou servizo turístico ou que os utilizan como destinatarios finais.

Artigo 11º.-Dereitos das usuarias e dos usuarios turísticos.

As usuarias e os usuarios turísticos gozarán dos dereitos que a continuación se enumeran, con independencia doutros recoñecidos pola normativa xeral.

1. Dereito de información.

a) A usuaria ou o usuario turístico ten dereito a recibir información comprensible, veraz, obxectiva e completa sobre as características e o prezo dos bens e servizos que se lle ofrecen antes de contratalos. A dita información será vinculante para o oferente nos termos establecidos na lexislación protectora das consumidoras e dos consumidores.

b) A persoa usuaria de servizos turísticos ten dereito a obter da outra parte contratante todos os documentos que acrediten os termos da contratación así como as facturas emitidas, cando sexan legalmente exixibles.

c) A persoa usuaria de servizos turísticos ten dereito a exixir que, nun lugar de fácil visibilidade, se exhiban publicamente os distintivos acreditativos da clasificación do establecemento, o aforo e calquera outra variable de actividade, así como os símbolos de calidade normalizados.

d) Toda información enganosa, mesmo a publicitaria, daralle á usuaria ou ao usuario turístico o dereito a recibir a prestación ou servizo turístico nas condicións acordadas ou anunciadas, ou ben a unha indemnización polos danos e perdas ocasionados.

2. Dereito á calidade dos bens e servizos adquiridos.

A usuaria ou o usuario turístico ten dereito á calidade do servizo, de acordo co tipo de establecemento e publicidade efectuada e nos termos do previsto no artigo 16.

3. Dereito á seguridade.

a) A usuaria ou o usuario turístico ten dereito á seguridade da súa persoa e dos seus bens, de acordo co establecido na lexislación vixente.

b) A usuaria ou o usuario turístico ten dereito a ser informado pola empresaria ou o empresario turístico de calquera risco previsible que puidera derivarse do uso normal das instalacións e dos servizos, tendo en conta a súa natureza e as circunstancias persoais que poidan concorrer na persoa usuaria.

4. Dereito á tranquilidade e intimidade.

A usuaria ou o usuario turístico ten dereito á tranquilidade e intimidade de acordo coas características do establecemento do que se trate e do ámbito no que este se atope.

5. Dereito a formular queixas e reclamacións.

a) A usuaria ou o usuario turístico ten dereito a formular queixas e reclamacións de acordo co establecido nesta lei. As empresas turísticas están obrigadas a ter nos seus establecementos follas de reclamacións facilitadas pola Administración turística. A súa existencia deberá ser anunciada de forma visible e inequívoca e deberanlles ser entregadas ás clientas e aos clientes cando as soliciten e, de ser o caso, logo do pagamento dos servizos prestados. As características e o procedemento para a tramitación das follas de reclamacións determinaranse regulamentariamente.

b) A usuaria ou o usuario turístico, de acordo co establecido pola lexislación aplicable, poderá solicitar a intervención dos órganos arbitrais, os cales están obrigados a levar a cabo todas as actuacións pertinentes para darlle resposta á súa solicitude.

6. Dereito a non sufrir discriminación no acceso aos establecementos das empresas turísticas por razóns de discapacidade, raza, lugar de procedencia, sexo, opción sexual, relixión, opinión ou calquera outra circunstancia persoal ou social, de acordo co que se establece na normativa de espectáculos públicos.

Artigo 12º.-Dereitos das usuarias e dos usuarios turísticos ante a Administración turística.

1. A usuaria ou o usuario turístico ten dereito a obter, da Administración pública competente, información obxectiva, veraz e completa sobre os distintos aspectos da oferta turística e dos servizos comprendidos nela, de acordo co establecido na lexislación vixente.

2. A usuaria ou o usuario turístico ten dereito a que a Administración pública competente garanta a efectividade de todos os dereitos inherentes á súa condición, e a que procure a máxima eficacia na atención e tramitación das súas queixas e reclamacións.

3. A usuaria ou o usuario turístico poderá presentar as queixas e reclamacións dirixidas á Administración turística competente nas seguintes entidades:

a) No establecemento turístico do que se trate.

b) Nas oficinas de información turística da Rede Galega de Oficinas de Turismo.

c) Nos rexistros da Administración turística competente.

d) En calquera dos rexistros habilitados polo artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, reguladora do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 13º.-Obrigas das usuarias e dos usuarios turísticos.

1. No gozo dos servizos contratados a usuaria ou o usuario turístico deberá:

a) Respectar o ámbito social, cultural e o medio ambiente.

b) Pagar o prezo dos servizos contratados no lugar, no tempo e na forma pactados, sen que a presentación dunha queixa ou reclamación sexa causa de exención.

c) Cumprir as prescricións e regras particulares dos lugares obxecto de visita e das empresas prestadoras do servizo turístico do que se trate, sempre que non sexan contrarias ao establecido na lexislación vixente.

d) Observar as normas usuais de educación, hixiene, convivencia social e respecto ás persoas, ás institucións e aos costumes dos lugares.

e) Respectar a dignidade e liberdade sexual das persoas coas que se relacione.

2. As usuarias e os usuarios turísticos, no gozo das actividades turísticas non poderán danar nin alterar os servizos e recursos turísticos, e, de ser o caso, serán responsables dos danos que causasen.

Título IV

Da ordenación xeral da actividade turística

Artigo 14º.-Recursos de interese turístico.

1. Son recursos de interese turístico todos os bens materiais e inmateriais e as manifestacións da realidade física, social, histórica e cultural que poidan xerar ou incrementar de xeito directo ou indirecto os fluxos turísticos con repercusións económicas para Galicia.

2. Teñen a consideración de recursos de interese turístico xeral aqueles que posúen a capacidade de xerar fluxos turísticos que contribúen a reforzar a imaxe de Galicia como marca turística global. En todo caso, terán este carácter os bens culturais protexidos pola Administración autonómica ou por organismos internacionais ou estatais.

3. Teñen a consideración de recursos de interese turístico local aqueles que, aínda que posúen capacidade de xerar fluxos turísticos, non poden ser clasificados como recursos de interese turístico xeral.

4. A declaración dun recurso como de interese turístico xeral ou local farase de acordo co procedemento que se estableza regulamentariamente e comportará necesariamente a súa ordenación, promoción e protección, así como a previsión dos recursos precisos para este fin. No caso dos recursos de interese turístico local corresponderalles aos municipios afectados a súa declaración logo do informe favorable da Xunta de Galicia.

5. Correspóndelle á Administración da Xunta de Galicia a competencia para inventariar os recursos de interese turístico de Galicia. Con este fin crearase un rexistro de recursos de interese turístico de carácter público que levará a consellaría competente en materia de turismo.

Artigo 15º.-Territorios de preferente actuación turística.

1. Os territorios que polas súas especiais características demanden unha actuación específica e singular das administracións turísticas, co fin de garantir a execución dunha política turística común e especial, poderán ser declarados territorios de preferente actuación turística.

2. O procedemento para a declaración poderá iniciarse por solicitude do concello ou dos concellos interesados mediante acordo das respectivas corporacións, ou de oficio pola consellaría competente en materia de turismo, en cuxo caso daráselles audiencia aos concellos afectados.

3. A declaración como territorio de preferente actuación turística farase polo Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellaría competente en materia de turismo, polo procedemento que se estableza regulamentariamente.

4. Para que un territorio sexa declarado de preferente actuación turística será preciso que nel concorran as seguintes circunstancias:

a) Que poida ser susceptible da execución dunha política turística común.

b) Que dispoña de recursos turísticos de interese xeral.

c) Que o planeamento urbanístico prevexa o solo preciso para a dotación dos equipamentos turísticos necesarios para a execución das políticas turísticas que se formulen.

d) Que a súa declaración non sexa incompatible con outros usos máis dignos de protección.

5. A declaración como territorio de preferente actuación turística comportará a aprobación dun plan de actuación integral sobre este, que se formalizará a través dos oportunos mecanismos de cooperación interadministrativa entre a consellaría competente en materia de turismo, as entidades locais afectadas e as asociacións e organismos correspondentes. En todo caso, garantirase a participación do Consello Regulador do Turismo.

6. O plan de actuación integral terá como mínimo o seguinte contido:

a) A catalogación dos recursos de interese turístico existentes.

b) As propostas de reforma do planeamento urbanístico precisas para a dotación dos equipamentos turísticos.

c) A concreción dos usos turísticos previstos para o desenvolvemento do plan.

d) Os recursos económicos precisos para o seu desenvolvemento e liñas de axuda para concellos e empresas privadas

e) Os prazos de execución dos programas de actuación turística previstos nel.

f) As medidas necesarias para garantir a adecuada protección dos recursos culturais e patrimoniais existentes.

g) As previsións organizativas precisas para o seu desenvolvemento.

7. Nos territorios de preferente actuación turística preveranse programas específicos de protección medioambiental das zonas turísticas co fin de lograr, entre outros, os seguintes obxectivos:

a) Evitar a degradación ou destrución do medio natural e procurar o seu correcto aproveitamento.

b) Potenciar condutas responsables ecoloxicamente en todos os axentes que interveñen no sector do turismo.

c) Preservar os recursos naturais non renovables, coa redución do seu consumo no posible, así como evitar a súa contaminación.

d) Acomodar o desenvolvemento turístico ao contorno físico, ao espazo e á estética, sendo respectuosos coa historia e cultura de cada zona.

e) Garantir o equilibrio do medio natural na utilización dos servizos turísticos.

8. Así mesmo, desenvolveranse programas para a preservación e restauración das zonas culturais con valor histórico que, polas súas singulares circunstancias de interese monumental, histórico ou artístico, permitan o emprego destes valores como incentivo para a promoción e o incremento da demanda turística, coa garantía da protección prevista na Lei do patrimonio cultural de Galicia.

9. A elaboración e aprobación da planificación turística basearase na necesidade de garantir a coherencia entre as determinacións que os instrumentos de ordenación turística contiveron, en relación co planeamento territorial e urbanización, naqueles aspectos que deban ser regulamentados en ambos os dous marcos de planificación. En especial, terase en conta no que afecta á redacción de programas de protección para a conservación e valorización do patrimonio histórico e artístico, belezas naturais, sistemas medioambientais, saúde pública e, en xeral, para a mellora dos medios urbanos, rurais e naturais.

Artigo 16º.-Da calidade turística.

A Administración turística galega velará por unha elevación da calidade dos servizos, o que se concretará, entre outras, nas seguintes accións:

a) Corrixir as deficiencias de infraestrutura, das instalacións e dos equipamentos turísticos.

b) Conseguir un trato adecuado na prestación dos servizos turísticos e hostaleiros.

c) Facilitar unha maior profesionalización das persoas que traballen no sector, así como o seu acceso a unha formación continua.

d) Apoiar a implantación de sistemas e controis de calidade.

e) Elaborar manuais de calidade, así como deseñar, difundir e incorporar distintivos e marcas de calidade.

f) En xeral, calquera acción pública ou de apoio da iniciativa privada dirixida a obter a excelencia na prestación das actividades turísticas.

Artigo 17º.-Galicia como marca turística.

1. Na promoción dos recursos turísticos impulsarase a proxección interior e exterior de Galicia como marca turística global e de calidade que integra e respecta as demais marcas turísticas galegas.

2. A Administración da Xunta de Galicia promocionará a imaxe de Galicia como marca turística nos mercados que considere adecuados. Nesta actividade poderán colaborar as entidades municipais e supramunicipais e debe reflectirse a pluralidade da oferta turística do país.

3. No exercicio das funcións de coordinación que lle corresponden e nos termos establecidos pola lexislación de réxime local, a Administración da Comunidade Autónoma poderá declarar obrigatoria a inclusión do nome «Galicia», e dos logotipos e lemas que se establezan, nas campañas de promoción impulsadas polas entidades locais galegas.

4. A Administración da Comunidade Autónoma poderá declarar obrigatoria a inclusión do nome «Galicia», e dos logotipos e lemas que se establezan, nas campañas de promoción impulsadas por empresas e asociacións turísticas levadas a cabo con fondos públicos.

Artigo 18º.-Marcas turísticas de calidade.

Correspóndelle ao Consello Regulador do Turismo a elaboración da proposta de regulamento, que deberá ser aprobado por decreto da Xunta, no que se determinen os requisitos e o procedemento para a obtención das marcas turísticas de calidade. Así mesmo, correspóndelle ao Consello Regulador do Turismo a revisión periódica dos criterios para a obtención das ditas marcas.

Artigo 19º.-Outras denominacións xeoturísticas.

1. A Xunta de Galicia, oídos os concellos afectados, poderá definir, crear e outorgar denominacións xeoturísticas a itinerarios turísticos ou rurais, a áreas concretas e a determinadas localidades, concellos ou comarcas que presenten especiais características que así o aconsellen para a promoción e ordenación da actividade turística.

2. As denominacións xeoturísticas poderán ser utilizadas tanto por entidades públicas como privadas para a promoción turística das zonas ou dos itinerarios aos que aquelas se refiran.

3. Na consellaría competente en materia de turismo existirá un Rexistro de Denominacións Xeoturísticas de Galicia, de natureza administrativa e de carácter público, no que se inscribirán nos termos que regulamentariamente se establezan as denominacións xeoturísticas que outorgue a Xunta de Galicia.

Artigo 20º.-Concellos turísticos.

1. O Consello da Xunta, por proposta do departamento competente en materia de turismo, poderá declarar concellos turísticos aqueles que cumpran como mínimo unha das seguintes condicións:

a) Que a media ponderada anual de poboación turística sexa superior ao 25% do número de veciños e que o número de prazas de aloxamento turístico e de prazas de segunda residencia sexa superior ao 50% do número de veciños.

b) Que o territorio municipal inclúa unha área territorial que teña a cualificación de recurso de interese turístico.

c) Que acrediten contar, dentro do seu territorio, con algún evento ou servizo turístico susceptible de producir unha atracción turística que xere unha cantidade de visitantes cinco veces superior á súa poboación.

2. Sen prexuízo dos servizos mínimos que se establezan con carácter xeral e das competencias que lles correspondan a outras administracións públicas, os concellos turísticos deben prestar os seguintes servizos:

a) A protección da salubridade pública e da hixiene en todo o territorio municipal, incluídas praias e costas.

b) A protección civil e a seguridade cidadá.

c) A promoción e protección dos recursos turísticos do concello.

d) A sinalización turística e a de información xeral.

e) A atención e a orientación ás usuarias e aos usuarios turísticos, mediante unha oficina de información adherida á Rede de Oficinas de Turismo de Galicia.

f) A posta á disposición das usuarias e dos usuarios turísticos dun servizo de acceso á internet, de utilización momentánea, na oficina de información turística ou noutros puntos de consulta abertos ao público.

g) As funcións ambientais que lles correspondan de acordo coa normativa sectorial.

Os municipios turísticos deben prestar, ademais dos arriba indicados, os servizos mínimos que se correspondan co volume de poboación resultante de sumar o número de residentes coa media ponderada anual de poboación turística. Tamén poden establecer, de acordo coa lexislación de réxime local, e en función das súas necesidades, outros servizos complementarios que poidan prestar temporalmente, ou con varias intensidades, en función da afluencia turística.

3. De acordo co establecido na lexislación de facendas locais, os concellos turísticos poden establecer tributos ou recargos específicos.

4. Os concellos turísticos e os suxeitos turísticos que prestan neles os seus servizos deben ser obxecto de atención preferente nos seguintes ámbitos:

a) Na elaboración dos plans e programas turísticos das administracións turísticas supramunicipais e da Administración turística da Xunta de Galicia.

b) Nas liñas e medidas de fomento económico establecidas pola Administración da Xunta e polas deputacións.

c) Na declaración de áreas ou ámbitos de interese turístico nos que queden incluídos.

d) Nas actividades da Administración da Xunta dirixidas á promoción interior e exterior do turismo e ao fomento da imaxe de Galicia como oferta ou marca turística global.

e) Nas políticas de implantación ou de mellora de infraestruturas e servizos que incidan notoriamente no turismo e sexan impulsadas polos distintos departamentos da Administración da Xunta.

5. A perda da condición de concello turístico producirase:

a) Se o solicita o concello interesado.

b) Se deixan de darse as circunstancias que o motivaron.

c) Se o concello non presta os servizos mínimos inherentes á condición de concello turístico.

6. Será obxecto de desenvolvemento regulamentario o procedemento para a aprobación da declaración de concello turístico, así como para a perda de tal condición, que nos supostos b) e c) da alínea anterior incluirá a audiencia ao concello afectado.

Título V

Da ordenación das empresas turísticas

Capítulo I

Dos dereitos e das obrigas das empresas turísticas

Artigo 21º.-Concepto.

Son empresas turísticas as persoas físicas ou xurídicas que, de xeito habitual e con ánimo de lucro, prestan servizos no ámbito da actividade turística.

Artigo 22º.-Dereitos das empresarias e dos empresarios turísticos.

As empresarias e os empresarios turísticos gozarán dos dereitos que a continuación se enumeran, con independencia doutros recoñecidos pola normativa xeral:

a) O dereito a que se inclúa información sobre os seus establecementos e a súa oferta de actividades nos catálogos, directorios e guías, calquera que for o seu soporte, da Administración xeral da Xunta de Galicia e, nos termos que estas establezan, das demais administracións turísticas.

b) O dereito a incorporarse ás actividades de promoción turística que leven a cabo as administracións públicas, nas condicións por elas fixadas.

c) O dereito a solicitar as axudas, subvencións e incentivos para o desenvolvemento do sector promovidos polas administracións públicas.

d) O dereito a participar, a través das súas asociacións, no proceso de adopción de decisións públicas en relación co turismo e nos órganos colexiados representativos dos seus intereses previstos nesta lei.

e) O dereito a impulsar, a través das súas asociacións, o desenvolvemento e a execución de programas de cooperación pública, privada e social de interese xeral para o sector turístico.

f) O dereito a propoñer, a través das súas asociacións, a realización de estudos, investigacións e publicacións que contribúan á mellora do desenvolvemento da empresa turística na comunidade autónoma.

g) O dereito a propoñer, a través das súas asociacións, calquera outra acción non citada anteriormente que poida contribuír ao fomento e desenvolvemento turístico.

Artigo 23º.-Obrigas das empresarias e dos empresarios turísticos.

As empresarias e os empresarios turísticos estarán obrigados a:

a) Contar coas autorizacións previstas nesta lei.

b) Prestar os servizos aos que estean obrigados en función da clasificación das súas empresas e dos seus establecementos turísticos, nas condicións ofertadas ou pactadas coas usuarias e cos usuarios turísticos, de conformidade co disposto nesta lei e nos regulamentos que se diten para tal efecto.

c) Velar polo bo estado xeral das dependencias e do mantemento das instalacións e servizos do establecemento e garantirlles un trato correcto ás clientas e aos clientes.

d) Informar previamente con obxectividade e veracidade as turistas e os turistas sobre o réxime dos servizos que se ofertan no establecemento, as súas condicións de prestación e o seu prezo e forma de pagamento, así como proporcionarlles ás usuarias e aos usuarios turísticos os demais datos e informacións que estableza a normativa turística.

e) Comunicarlle ao órgano competente, antes da súa aplicación, os prezos dos servizos ofertados e exhibilos nun lugar visible e de modo lexible con indicación clara da inclusión do imposto sobre o valor engadido, xunto co distintivo correspondente á clasificación do establecemento.

f) Ter á disposición das usuarias e dos usuarios turísticos follas de reclamacións turísticas, e entregar un exemplar cando llelo soliciten.

g) Facturar detalladamente os servizos de conformidade cos prezos ofertados ou pactados.

h) Dispoñer dos libros e demais documentos que sexan exixidos pola lexislación vixente.

i) Garantirlles a accesibilidade e a adaptación das instalacións dos establecementos ás persoas discapacitadas segundo o disposto no ordenamento xurídico.

j) Non discriminar as usuarias e os usuarios turísticos por razón de raza, lugar de procedencia, sexo, opción sexual, relixión, opinión ou calquera outra circunstancia persoal ou social.

k) Proporcionarlles ás administracións públicas a información e a documentación necesarias para o exercicio das súas atribucións legalmente recoñecidas.

l) Subscribir os seguros de responsabilidade profesional obrigatorios exixidos polos regulamentos de desenvolvemento desta lei.

m) Colaborar na protección dos recursos de interese turístico.

n) Manter vixentes e debidamente actualizados o capital social, as fianzas e os seguros aos que obriga a normativa turística.

Capítulo II

Aspectos básicos para o desenvolvemento da actividade turística

Artigo 24º.-Liberdade de empresa.

O exercicio da actividade turística empresarial é libre, sen outras limitacións que as establecidas nesta lei e as demais normas aplicables, baixo a forma de empresaria ou empresario individual ou colectivo, de conformidade coa lexislación civil e mercantil.

Artigo 25º.-Protección dos dereitos das persoas na actividade turística.

A configuración e divulgación dos paquetes turísticos ou a prestación doutros servizos turísticos por parte de empresas e actividades turísticas non poderán conter como elemento de reclamo a explotación sexual das persoas ou calquera outro aspecto que afecte á súa dignidade, de acordo co previsto no Código ético mundial para o turismo, e coidarán especialmente a utilización non sexista da linguaxe e/ou das imaxes na publicidade das accións subvencionadas, especialmente na internet.

Artigo 26º.-Protección do patrimonio histórico-artístico, natural e cultural de Galicia.

As actividades turísticas respectarán, conservarán e difundirán os costumes e as tradicións galegas e a súa riqueza cultural, preservarán o seu patrimonio histórico-artístico e natural e procurarán a harmonía con outros sectores produtivos.

Artigo 27º.-Intrusismo profesional.

A realización ou publicidade por calquera medio de difusión das actividades das empresas turísticas sen estar en posesión da autorización preceptiva terán a consideración de intrusismo profesional e sancionaranse administrativamente consonte o previsto nesta lei.

Capítulo III

Requisitos xerais das empresas turísticas

Artigo 28º.-Autorización turística.

1. As empresas turísticas, con anterioridade ao inicio das súas actividades, deberán solicitar da Administración turística competente a correspondente autorización para o seu exercicio e para a clasificación, se é o caso, dos establecementos. A mencionada autorización é independente doutras que deban ser concedidas por outros órganos, en virtude das súas respectivas competencias. Para a concesión da autorización turística é imprescindible a previa obtención da licenza municipal de apertura, se é o caso de que esta proceda.

2. As empresas turísticas tamén poderán obter a pertinente autorización para a realización de calquera tipo de modificación ou reforma esencial que afecte as condicións nas que se outorgou a autorización e clasificación inicial, así como nos casos nos que se produzan cambios no uso turístico ou na titularidade do establecemento.

3. O prazo de resolución das solicitudes de autorización mencionadas nas alíneas anteriores será de tres meses, contados desde a súa entrada no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Se transcorrido o devandito prazo non se produciu a notificación dunha resolución expresa, a persoa interesada poderá entender desestimada a súa solicitude.

4. As empresas de aloxamento turístico que proxecten a construción ou modificación dun establecemento turístico deberán, antes de iniciar calquera tipo de obra e con anterioridade á obtención da correspondente licenza municipal de obras, solicitar da Administración turística informe relativo ao cumprimento dos requisitos mínimos de infraestrutura e servizos, que será emitido no prazo máximo de dous meses. Potestativamente poderán solicitar este informe as restantes empresas turísticas.

5. As autorizacións e clasificacións outorgadas poderán ser modificadas ou revogadas cando se incumpran ou desaparezan as circunstancias que motivaron a súa concesión ou sobreveñan outras que, de existir naquel momento, xustificasen a súa denegación.

Artigo 29º.-Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Comunidade Autónoma de Galicia.

1. O Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas ten como obxecto fundamental elaborar e ter a disposición un censo das empresas e actividades turísticas regulamentadas pola Comunidade Autónoma de Galicia, así como daquelas outras que sexan consideradas pola Administración turística de conveniente inscrición, debido á súa incidencia turística, aínda que non lle incumba a súa regulamentación á dita administración, sempre que exerzan a súa actividade no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia e soliciten a inscrición.

2. O Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas é un rexistro público, de natureza administrativa, custodiado e xestionado pola Administración turística da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. A Administración turística da Comunidade Autónoma de Galicia velará polo seu bo funcionamento, e corresponderalle a clasificación da documentación que estea baixo a súa custodia, así como a expedición das certificacións que se soliciten.

Artigo 30º.-Inscrición no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas.

1. A inscrición será obrigatoria para as empresas turísticas e para os seus establecementos, para as entidades turísticas non empresariais e para aquelas actividades turísticas que estean regulamentadas. Neste caso será precisa a obtención previa da correspondente autorización da Administración turística.

Potestativamente, poderán inscribirse no rexistro outras actividades que polos seus servizos, instalacións ou interese para o turismo se consideren relevantes para ser incluídas na oferta turística.

En todo caso, a inscrición no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas será requisito imprescindible para poder acceder a axudas e subvencións en materia de turismo.

2. As empresas que cesen na súa actividade turística deberán notificarllo, no prazo de dez días, á Administración turística, e solicitar para o seu efecto a súa baixa.

A Administración turística revogará, logo da audiencia ás persoas interesadas, as autorizacións outorgadas a aquelas empresas e actividades turísticas que incumpran o deber establecido no parágrafo anterior, e procederá a continuación á cancelación da súa inscrición no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas.

3. Regulamentariamente fixaranse as normas de organización e funcionamento do rexistro, o procedemento e contido das inscricións, así como a súa forma de acreditación.

Artigo 31º.-Réxime, comunicación e publicidade de prezos.

1. Os prezos de todos os aloxamentos turísticos e dos establecementos de restauración teñen o carácter de libres, e poden fixarse e modificarse polas empresas ao longo do ano sen máis obriga que notificalos e selalos ante a Administración turística. O selado tamén o poderán realizar as asociacións empresarias do sector turístico debidamente autorizadas.

2. Regulamentariamente estableceranse as normas sobre facturación, publicidade de prezos, réxime de reservas, cesión e anulación de servizos turísticos e as indemnizacións ás que poidan dar lugar.

Capítulo IV

Das empresas de aloxamento turístico

Artigo 32º.-Concepto.

1. Son empresas de aloxamento turístico aquelas, de titularidade pública ou privada, que desde un establecemento aberto ao público se dedican, de maneira profesional, habitual e mediante contraprestación económica, a proporcionarlles hospedaxe de forma temporal ás persoas, con ou sen prestación doutros servizos.

2. Quedan excluídas do ámbito de aplicación desta lei as actividades de aloxamento que teñan fins institucionais, sociais, asistenciais, laborais, educacionais ou que se leven a cabo no marco de programas da Administración dirixidos á infancia e á mocidade, á terceira idade, ás mulleres ou aos colectivos en situación de necesidade ou exclusión social ou a vítimas da violencia de xénero.

Artigo 33º.-Modalidades da actividade de aloxamento.

O exercicio da actividade turística de aloxamento soamente se poderá levar a cabo logo da obtención da autorización e/ou da clasificación do establecemento nalgunha das seguintes modalidades:

a) Establecementos hoteleiros.

b) Apartamentos e vivendas turísticas.

c) Campamentos de turismo.

d) Establecementos de turismo rural.

e) Albergues turísticos.

f) Calquera outra que se fixe regulamentariamente.

Artigo 34º.-Establecementos hoteleiros. Concepto e clasificación.

1. Terán a consideración de establecementos hoteleiros os establecementos turísticos situados nun ou en varios edificios próximos, ou en parte deles, que estean dedicados a darlle hospedaxe, con ánimo de lucro, ao público en xeral.

2. Dividiranse nos seguintes grupos:

a) Hoteis.

b) Residencias turísticas.

3. Terán a cualificación de hoteis aqueles establecementos que ofrezan aloxamento, con ou sen comedor e outros servizos complementarios, que ocupen a totalidade dun ou de varios edificios, ou unha parte independizada deles, cuxas dependencias constitúan unha explotación homoxénea, con entradas, escaleiras e ascensores de uso exclusivo, e que reúnan os requisitos técnicos mínimos en función da súa categoría que se determinen regulamentariamente.

Os hoteis clasificaranse en cinco categorías identificadas por estrelas, consonte as condicións establecidas regulamentariamente, segundo, entre outros criterios, os servizos ofertados, o confort, o equipamento dos cuartos, as condicións das instalacións comúns, os servizos complementarios e o persoal de servizo.

4. Terán a cualificación de residencias turísticas aqueles establecementos que ofrezan aloxamento con ou sen comedor e outros servizos complementarios e teñan unha estrutura e unhas características que lles impidan acadar os requisitos e condicións exixidos para os hoteis. As residencias turísticas estarán sometidas aos requisitos técnicos mínimos que en función da súa categoría se fixen regulamentariamente.

Artigo 35º.-Apartamentos e vivendas turísticas.

1. Teñen a condición de apartamentos turísticos os bloques ou conxuntos de apartamentos, as casas, bungalós, e outras edificacións semellantes, que oferten aloxamento turístico, profesional e habitualmente, mediante contraprestación económica.

2. Tamén se incluirá dentro desta categoría a cesión por motivos de vacacións ou turísticos, mediante contraprestación económica, de unidades illadas de apartamentos, bungalós ou vivendas unifamiliares. En todo caso, o aloxamento comprenderá o piso completo ou a vivenda unifamiliar, non cuartos soltos; e prohíbese expresamente o aloxamento en vivendas particulares.

3. As modalidades de apartamentos e vivendas turísticas, así como os requisitos que sirvan de criterios para a súa clasificación, fixaranse por vía regulamentaria.

Artigo 36º.-Campamentos de turismo.

1. Enténdese por campamento de turismo o establecemento turístico que ocupa un espazo de terreo debidamente delimitado e dotado das instalacións e servizos que regulamentariamente se establezan que estea destinado a facilitar, mediante contraprestación económica, a estancia temporal en tendas de campaña, remolques habitables, caravanas ou calquera elemento semellante facilmente transportable, así como en cabanas de madeira e construcións fixas destinadas ao aloxamento temporal, sempre que se trate de edificacións independentes ou acaroadas de planta baixa, que a superficie que ocupen non supere o límite establecido regulamentariamente e que sexan explotadas pola mesma ou polo mesmo titular do campamento.

2. Así mesmo, poderán construírse elementos fixos, de planta baixa unicamente, que teñan por obxecto satisfacer necesidades colectivas das persoas acampadas, tales como a recepción, o supermercado, o restaurante ou bar, os bloques de servizos hixiénicos e as oficinas, e os dedicados exclusivamente ao persoal de servizo. Este tipo de construcións non poderá exceder da porcentaxe de superficie total do campamento que se fixe regulamentariamente.

3. Quedan fóra do ámbito de aplicación desta lei os campamentos xuvenís, os albergues, os centros e as colonias de vacacións escolares, así como toda clase de acampadas que estean reguladas polas súas normas específicas.

4. Fixaranse regulamentariamente as categorías e os requisitos que sirvan de criterios para a súa clasificación.

Artigo 37º.-Establecementos de turismo rural.

1. Son considerados establecementos de turismo rural aquelas edificacións situadas no medio rural que, polas súas especiais características de construción, localización e tipicidade, prestan servizos de aloxamento turístico mediante contraprestación económica. Estes establecementos poderán estar situados en solo de núcleo rural, en asentamentos tradicionais de menos de 500 habitantes cuxo solo estea clasificado como solo urbano ou en solo rústico. En calquera caso, será aplicable o previsto na normativa urbanística e nos instrumentos de planeamento urbanístico en vigor.

2. Os establecementos de turismo rural clasifícanse nas seguintes modalidades:

a) Hoteis rurais.

b) Casas grandes e pazos.

c) Casas rurais.

d) Outros fixados regulamentariamente.

3. Con independencia da modalidade de aloxamento de turismo rural adoptada, a especialidade de agroturismo seralles aplicable aos establecementos que estean integrados en explotacións agrarias, gandeiras ou forestais que, xunto coa hospedaxe, oferten servizos xerados pola propia explotación.

4. Por vía regulamentaria fixaranse as condicións precisas para que un establecemento sexa clasificado en cada unha das modalidades indicadas na alínea segunda, así como o número máximo de prazas de aloxamento.

Dentro de cada unha das modalidades indicadas poderán establecerse especialidades, atendendo a características como a localización en zonas determinadas, a tipoloxía arquitectónica, a antigüidade da edificación orixinaria, a obriga da persoa titular de residir na propia explotación agraria ou na comarca, ou o número máximo de habitantes dos núcleos de poboación, coa consideración do seu carácter rural, da actividade agroturística ou doutras análogas.

Artigo 38º.-Hoteis rurais.

Son hoteis rurais os establecementos hoteleiros que cumpran os requisitos establecidos no artigo 34 e que ademais reúnan as condicións fixadas no artigo 37 para ser considerados establecementos de turismo rural.

Artigo 39º.-Casas grandes e pazos.

Son casas grandes e pazos os establecementos de turismo rural situados en pazos, castelos, mosteiros, casas grandes, casas reitorais ou inmobles tradicionais de singulares características ou valor arquitectónico.

Artigo 40º.-Casas rurais.

Son casas rurais os establecementos de turismo rural situados en vivendas autónomas e independentes, coas características propias da arquitectura tradicional galega da zona, nas que se proporcione mediante prezo o servizo de aloxamento e, eventualmente, outros servizos complementarios.

Artigo 41º.-Modalidades de aloxamento.

A prestación de aloxamento turístico nas casas grandes, pazos e casas rurais axustarase a algunhas das seguintes modalidades:

a) Contratación individualizada de cuartos dentro da propia vivenda unifamiliar, co almorzo incluído.

b) Contratación dun grupo independente de cuartos ou apartamentos.

c) Contratación integrada do inmoble para uso exclusivo do contratante, en condicións, equipo, instalacións e servizos que permitan a súa inmediata utilización. Nos casos en que a persoa titular non xestione directamente o aloxamento, deberá designar unha persoa encargada que facilite o aloxamento e resolva cantas incidencias poidan xurdir coas usuarias e cos usuarios.

Artigo 42º.-Albergues turísticos.

Son albergues turísticos os establecementos que, nos termos previstos regulamentariamente, lle ofrezan ao público en xeral, de xeito habitual, profesional e mediante prezo, o servizo de aloxamento por praza en cuartos de capacidade múltiple.

Capítulo V

Das empresas de restauración

Artigo 43º.-Empresas de restauración.

1. Son empresas de restauración as dedicadas de forma habitual e profesional a subministrar en establecementos, fixos ou provisionais, abertos ao público en xeral, comidas e bebidas para ser consumidas no propio local ou noutro lugar

2. Quedan fóra do ámbito de aplicación desta lei:

a) Aquelas empresas que presten servizo de comida e bebida con carácter gratuíto ou sen ánimo de lucro.

b) As empresas que sirvan comidas e bebidas a continxentes particulares, sempre que non estean abertas ao público en xeral.

c) Os servizos de restauración en aloxamentos hoteleiros, sempre que a súa explotación non sexa independente do aloxamento e non estea aberta ao público en xeral.

d) As empresas que sirvan comidas e bebidas a domicilio no que á prestación deste servizo domiciliario se refire.

e) As empresas que presten este servizo en medios de transporte públicos.

f) As empresas que sirvan comidas e bebidas a través de máquinas expendedoras.

g) As empresas que sirvan comidas e bebidas de xeito ambulante, é dicir, fóra dun establecemento comercial, en postos ou instalacións desmontables, así como en vehículos.

3. As empresas de restauración clasifícanse nos seguintes grupos:

a) Restaurantes.

b) Bares.

c) Cafetarías.

d) Furanchos.

4. Regulamentariamente definiranse cada un dos grupos e das categorías dos establecementos de restauración.

Capítulo VI

Das empresas de intermediación

Artigo 44º.-Concepto.

Son empresas de intermediación turística as dedicadas profesional e comercialmente ao exercicio de actividades de información, mediación e organización de servizos turísticos, coa posibilidade de que utilicen medios propios para levalas a cabo.

Artigo 45º.-Clasificación.

1. As empresas de intermediación clasifícanse en:

a) Axencias de viaxe.

b) Centrais de reservas.

2. Regulamentariamente fixaranse os requisitos que deben cumprir as empresas para integrarse en cada categoría, e poñerase especial atención nas entidades que prestan este tipo de servizos a través da internet.

Capítulo VII

Dos complexos turísticos

Artigo 46º.-Complexos turísticos de vacacións.

1. Enténdese por complexos turísticos de vacacións aqueles establecementos que, ademais de prestar aloxamento nunha ou en varias das modalidades previstas nesta lei, complementan a súa oferta con actividades turísticas de servizos complementarios das previstas no título VI.

2. Regulamentariamente estableceranse os requisitos e categorías dos complexos turísticos.

3. Os complexos turísticos de vacacións denominaranse «cidades de vacacións» cando cumpran as condicións que, para estes efectos, se prevexan regulamentariamente

Título VI

Da ordenación das empresas e actividades de servizos complementarios

Artigo 47º.-Concepto e requisitos.

1. Son empresas ou actividades turísticas de servizos complementarios aquelas consideradas pola Administración como de interese para o turismo ou directamente relacionadas con el, tales como:

a) Empresas dedicadas a espectáculos e actividades recreativas de acordo coa normativa vixente na materia.

b) Actividades de aventura ou natureza.

c) Actividades deportivas en locais, en recintos ou en espazos abertos, especialmente campos de golf e actividades náuticas.

d) Empresas de transporte turístico ou de alugueiro de vehículos.

e) Empresas ou actividades dedicadas á valorización do patrimonio histórico-artístico e cultural.

f) Empresas dedicadas á organización de congresos e feiras de mostras.

g) Spas e parques acuáticos.

h) Empresas de oferta cultural combinada.

2. A realización destas actividades poderáselle comunicar á Administración turística para os efectos da súa inscrición no correspondente rexistro.

3. A constancia en rexistro desta actividade non suplirá as autorizacións sectoriais que resulten preceptivas en cada caso, se ben será precisa para a súa consideración como empresas ou actividades turísticas para todos os efectos, incluíndo o dereito a percibir axudas e subvencións da Administración turística da Comunidade Autónoma de Galicia

4. Regulamentariamente poden fixarse os requisitos exixidos para o desenvolvemento destas actividades.

Artigo 48º.-Balnearios e centros de talasoterapia.

As empresas ás que fai referencia a Lei 5/1995, do 7 de xuño, de regulación das augas minerais, termais, de manancial e dos establecementos balnearios da Comunidade Autónoma de Galicia, así como os centros de talasoterapia que dispoñan de instalacións complementarias turísticas, terán a consideración de empresas e actividades de servizos complementarios e suxeitaranse ás disposicións desta lei en todo o relativo ao exercicio das súas actividades turísticas nas ditas instalacións.

Título VII

Das profesións turísticas

Artigo 49º.-Concepto.

Considéranse profesións turísticas as relativas á prestación, de xeito habitual e retribuído, de servizos específicos directamente relacionados co sector nas empresas turísticas e, en particular, as tendentes a procurar o descubrimento, conservación, promoción, información, coñecemento e gozo dos recursos turísticos.

Artigo 50º.-Das guías e dos guías de turismo.

1. A actividade profesional da guía ou do guía de turismo terá por obxecto a prestación, de xeito habitual e retribuída, de servizos de asistencia, acompañamento e información en materia cultural, artística, histórica e xeográfica ás turistas e aos turistas nas súas visitas a museos e demais bens integrantes do patrimonio cultural e nacional de Galicia situado no ámbito territorial da Comunidade Autónoma.

2. Determinaranse regulamentariamente as condicións de acceso, o ámbito de actuación e os demais requisitos precisos para o exercicio da profesión de guía.

Título VIII

Promoción e fomento do turismo

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 51º.-Competencias e principios de actuación.

1. Correspóndelle á Xunta de Galicia a promoción e o fomento interior e exterior do turismo de Galicia, sen prexuízo das competencias das entidades locais e das do Estado.

2. A promoción da oferta turística de Galicia, coa coordinación das accións e co fomento das actividades do sector turístico galego, realizarase a través do centro directivo correspondente da consellaría competente en materia de turismo, do Consello Regulador do Turismo e das empresas públicas Turgalicia, S.A. e Xacobeo, S.A. ou das entidades que as substitúan na promoción da oferta turística. Regulamentariamente determinaranse os requisitos para que outras entidades públicas ou privadas poidan colaborar no exercicio desta función pública.

3. As actuacións en materia de promoción e fomento do turismo de Galicia rexeranse polos principios de eficacia e economía de medios, e buscarase a máxima coordinación e colaboración entre as administracións públicas con competencias no ámbito turístico e entre elas e o sector privado

Capítulo II

Medidas de promoción e fomento

Artigo 52º.-Medidas de promoción turística.

1. A Xunta de Galicia adoptará en materia de promoción do turismo as medidas máis axeitadas para potenciar e promocionar a imaxe de calidade de Galicia como destino turístico.

2. As actuacións de promoción comprenderán:

a) O deseño e a execución de campañas de promoción turística de Galicia.

b) A participación en feiras e certames relacionados co sector turístico.

c) A utilización das novas tecnoloxías, nomeadamente da internet.

d) A concertación de accións conxuntas de promoción turística con outras comunidades autónomas, coa Administración xeral do Estado e coas administracións doutros estados, en especial coa República Portuguesa no marco da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.

Artigo 53º.-Festas de interese turístico nacional de Galicia.

A Xunta de Galicia poderá declarar festas de interese turístico nacional de Galicia aquelas manifestacións que supoñan unha valorización da cultura e das tradicións populares e que teñan unha especial importancia como atractivo turístico. Esta declaración farase segundo se determine regulamentariamente en función da antigüidade, singularidade ou arraigamento do acontecemento.

Artigo 54º.-Fomento do turismo.

1. A Administración turística da Comunidade Autónoma elaborará programas para potenciar a oferta turística galega, a través de medidas de fomento que permitan acadar, entre outros, os seguintes obxectivos:

a) Impulsar o turismo como medio de desenvolvemento dos valores propios da cultura e da identidade galegas, mediante a posta en valor do patrimonio turístico galego, coa revitalización dos costumes, das festas, das tradicións populares e demais recursos turísticos, coa restauración do patrimonio histórico, artístico e cultural e coa preservación e potenciación do medio natural. Para estes efectos, a Administración turística outórgalles preferencia aos proxectos e ás accións naqueles municipios que adopten medidas tendentes á conservación, á potenciación e á posta en valor do seu patrimonio cultural e natural.

b) Diversificar a oferta turística, co impulso da súa segmentación mediante o apoio ao desenvolvemento:

1º Do turismo rural e de interior, como sectores turísticos alternativos de calidade, co fomento da rehabilitación e conservación da riqueza histórico-artística do ámbito rural e tamén dos seus atractivos medioambientais.

2º Do turismo de costa, ao aproveitar a cantidade e pluralidade da oferta turística galega vinculada a este sector, e co fomento da preservación da calidade das augas e praias galegas, así como da paisaxe e do medio litoral.

3º Do turismo cultural, co aproveitamento da importante riqueza histórica e cultural de Galicia e co fomento da súa conservación e posta en valor.

4º Do turismo de convencións e congresos.

5º Do turismo náutico.

6º Do turismo termal en establecementos balnearios.

7º Do turismo activo vinculado con todo tipo de actividades deportivas e de contacto coa natureza.

8º Do turismo gastronómico.

9º De calquera outro segmento emerxente no marco da continua evolución e dos cambios do mercado turístico.

c) Modernizar e profesionalizar o sector turístico e as súas infraestruturas, para estimular e mellorar a calidade e a competitividade da oferta turística, mediante as seguintes accións:

1º Impulsar as agrupacións de empresas e as actuacións empresariais conxuntas que posibiliten a mellora da produtividade mediante a diminución de custos, prestación de servizos en común ou outras accións análogas.

2º Apoiar a modernización e a mellora das infraestruturas das empresas a través da renovación e dotación das súas instalacións, introdución de novos equipamentos ou substitución dos xa obsoletos e implantación de servizos complementarios nas súas ofertas turísticas, así como o fomento da elevación da categoría dos establecementos turísticos.

3º Incentivar o crecemento selectivo e cualitativo da oferta turística, e adecuala á demanda do mercado, como medida para mellorar a súa competitividade.

4º Contribuír á realización de actividades consistentes na elaboración de estudos, publicacións e investigacións sobre o sector turístico que promovan a súa innovación.

5º Potenciar as actuacións das entidades locais en materia de turismo relativas á dotación de infraestruturas, equipamentos ou servizos de interese turístico, así como á promoción dos seus recursos turísticos. Así mesmo, impulsarase a agrupación de esforzos dos concellos que permitan configurar territorios cunha oferta turística complementaria e integrada.

2. Promoveranse especialmente os programas de iniciativa pública ou privada tendentes a protexer o medio natural das zonas turísticas e a garantir a sustentabilidade do desenvolvemento turístico, así como os que favorezan a desestacionalización da oferta turística.

Artigo 55º.-Axudas e subvencións.

1. A Administración turística poderá, de acordo coa normativa aplicable, establecer liñas de axuda e outorgarlles subvencións ás empresas turísticas, ás entidades locais e a outras entidades e asociacións como medidas para estimular a realización das accións fixadas nos programas de promoción e fomento do turismo.

2. A concesión de subvencións a todo tipo de entidades para a recuperación, restauración e rehabilitación de bens de interese turístico, sexan culturais, históricos, arqueolóxicos, artísticos ou doutro tipo, que poidan producir fluxos turísticos levará sempre aparellada a exixencia inescusable de asegurar o acceso a eles das usuarias e dos usuarios nas condicións que se determinen, expresada ben na disposición normativa que anuncie as ditas subvencións ou ben a través do correspondente convenio de colaboración.

3. A concesión das axudas e subvencións previstas neste artigo respectará os principios de publicidade, concorrencia e obxectividade, así como as normas xerais sobre a libre competencia e o dereito da Unión Europea. Consonte o disposto polo artigo 14.11º da Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes, así como polo artigo 18.2º da Lei 7/2004, do 16 de xullo, para a igualdade de mulleres e homes na Comunidade Autónoma de Galicia, terase en conta a utilización non sexista da linguaxe e/ou das imaxes na publicidade das accións subvencionadas, especialmente na internet.

4. Poderase establecer nas bases que rexan a concesión de subvencións polos órganos e entes da Administración da Xunta de Galicia a previsión de accións positivas no sentido do artigo 11 da Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes, e do artigo 4 da Lei 7/2004, do 16 de xullo, para a igualdade de mulleres e homes na Comunidade Autónoma de Galicia, mentres se produzan as condicións e circunstancias previstas nestas normas.

Artigo 56º.-Fomento dos estudos turísticos.

1. A Administración turística propiciará a unificación de criterios na programación dos estudos de formación regrada e ocupacional do sector turístico e promoverá o acceso á formación continua das traballadoras e dos traballadores ocupados do sector. Así mesmo, apoiará a formación turística destinada á adquisición de novos coñecementos e tecnoloxías e a formación de formadores.

2. A Administración turística impulsará a subscrición de acordos e convenios coas universidades para a elaboración de programas e plans de estudos en materia turística.

Título IX

Disciplina turística

Capítulo I

Inspección turística

Artigo 57º.-Ámbito de actuación da Inspección turística.

1. Correspóndelles ás inspectoras e aos inspectores de turismo a verificación e o control do cumprimento das obrigas impostas por esta lei e demais normativa turística aplicable.

2. Co fin de garantir unha adecuada planificación da actividade inspectora e a consecución dos obxectivos de calidade e excelencia da actividade turística, anualmente a consellaría competente en materia de turismo aprobará un plan de inspección turística.

3. No plan de inspección estableceranse os obxectivos da actuación inspectora, os establecementos obxecto de inspección e o seu ámbito xeográfico e temporal.

Artigo 58º.-Escala de inspección turística.

1. Para o exercicio das actividades de inspección turística créase, dentro do corpo superior de administración da Xunta de Galicia, grupo A, a escala de inspección turística. Para o ingreso nesta escala exixirase estar en posesión de calquera das titulacións habilitantes para o acceso ao grupo A.

2. A estrutura, a dependencia e o funcionamento orgánico da escala de inspección turística serán establecidos regulamentariamente. Asemade, determinarase regulamentariamente a relación que deberá existir entre o número de inspectoras e inspectores e as zonas obxecto de inspección, para os efectos de fixar o número de prazas coas que contará a escala, que, en todo caso, debe ser suficiente para garantir un control eficaz e eficiente da actividade turística.

Artigo 59º.-Funcións da Inspección turística.

Son funcións da Inspección turística:

a) A vixilancia e a comprobación do cumprimento da normativa vixente en materia de turismo e, en particular, da existencia das infraestruturas e da dotación dos servizos obrigatorios exixidos por aquela.

b) A investigación dos feitos que poidan ser constitutivos de infracción administrativa consonte o previsto nesta lei.

c) O asesoramento aos suxeitos que desenvolven actividades turísticas sobre o cumprimento e a aplicación da normativa vixente.

d) A emisión dos informes técnicos que lle solicite a Administración turística, e preceptivamente nos seguintes casos:

1º Na apertura e clasificación de novos establecementos e instalacións turísticas e nas demais autorizacións necesarias para o funcionamento das empresas turísticas, así como para as modificacións, os cambios de actividade e as reclasificacións.

2º No control da execución das actividades subvencionadas e na vixilancia do cumprimento das condicións requiridas ou dos convenios asinados que motivaron a concesión de subvencións por parte da Administración turística.

3º No estado das infraestruturas turísticas.

e) Todas aqueloutras funcións que regulamentariamente se lle atribúan dentro do seu ámbito de actuación definido por esta lei.

Artigo 60º.-Facultades das inspectoras e dos inspectores de turismo.

1. As inspectoras e os inspectores de turismo terán a consideración de axentes da autoridade, coas facultades e coa protección que lles confire a normativa vixente.

2. O persoal inspector estará provisto dunha acreditación coa que se identificará no desempeño das súas funcións.

3. Cando o consideren preciso para o exercicio das súas funcións, as inspectoras e os inspectores de turismo poderán solicitar o apoio, o concurso, o auxilio e a protección que necesiten doutras administracións públicas.

4. Para o exercicio da súas funcións, as inspectoras e os inspectores de turismo poderán:

a) Efectuar visitas de comprobación en calquera momento.

b) Examinar a documentación dos suxeitos que desenvolven actividades turísticas e que estea relacionada coas ditas actividades.

c) Realizar citacións a estes suxeitos ou ás súas ou aos seus representantes, nas que constará a data, o lugar, a hora e o obxecto da comparecencia, así como os efectos de non atendelas.

Artigo 61º.-Deberes das titulares e dos titulares de actividades turísticas e do persoal ao seu servizo.

1. As titulares ou os titulares de actividades turísticas, quen os represente legalmente e o persoal empregado debidamente autorizado, ou, en defecto destes, as persoas que se atopen á fronte da actividade no momento dunha inspección, teñen a obriga de lles facilitar ás inspectoras ou aos inspectores de turismo o acceso ás dependencias e instalacións, o exame dos documentos, libros e rexistros preceptivos relacionados coa actividade turística e a obtención de copias ou reproducións desta documentación, así como a comprobación de cantos datos sexan precisos para os fins da inspección.

2. Nos establecementos nos que se realice unha actividade turística deberá existir un libro de visitas da Inspección turística á disposición das inspectoras e dos inspectores de turismo, coas características que regulamentariamente se determinen, no que se reflectirán as inspeccións que se leven a cabo e as súas circunstancias.

3. Se por requirimento da Administración turística se tivese que presentar algún documento, estenderase a correspondente dilixencia de entrega, que deberá ser asinada por persoa con facultade para representar a titular ou o titular do documento.

Artigo 62º.-Deberes do persoal dos servizos da Inspección turística.

1. O persoal dos servizos da Inspección turística deberá gardar segredo e sixilo profesional sobre o obxecto das súas funcións.

2. No exercicio das súas funcións, a Inspección turística gardará coas administradas e cos administrados a maior consideración e cortesía, e informaraos dos seus dereitos e dos seus deberes, así como da conduta que deben seguir nas súas relacións coa Administración turística, para facilitarlles o cumprimento das súas obrigas.

Artigo 63º.-Coordinación interadministrativa.

1. A Inspección turística poñerá en coñecemento dos órganos administrativos correspondentes as deficiencias e posibles infraccións detectadas no curso das súas actuacións que incidan no ámbito competencial doutros departamentos ou doutras administracións públicas.

2. As deficiencias e posibles infraccións en materia turística detectadas polas inspectoras e polos inspectores ou polo persoal funcionario doutros servizos da Xunta de Galicia ou das entidades locais seranlle comunicadas á Administración turística, que actuará no ámbito das súas competencias.

Artigo 64º.-Documentación da actuación inspectora.

1. Todas as actuacións da Inspección turística documentaranse en actas, dilixencias, comunicacións e informes.

2. As actas e dilixencias estendidas pola Inspección turística teñen a natureza de documentos públicos e, se reúnen os requisitos establecidos por esta lei e as súas disposicións de desenvolvemento, constituirán proba suficiente dos feitos que motiven a súa formalización, sen prexuízo das probas que en defensa dos respectivos dereitos ou intereses poidan sinalar ou achegar as persoas interesadas.

Artigo 65º.-Actas de inspección e de infracción.

1. Os resultados da función inspectora de vixilancia e comprobación do cumprimento da normativa turística vixente serán recollidos na acta de inspección correspondente, na que se consignarán, ademais dos datos identificativos do suxeito e da actividade inspeccionada, a referencia expresa dos feitos constatados e cantas circunstancias contribúan á súa mellor determinación e valoración.

2. A acta de inspección será levantada en presenza da persoa titular da actividade, de quen a represente ou, se é o caso, de calquera persoa dependente daquela. De non haber persoa ante a cal se poida levantar a acta, farase constar esta circunstancia por dilixencia e repetirase a inspección en momento distinto.

3. Cando a Inspección turística estime que os feitos ou comportamentos que deron lugar á inspección poden ser constitutivos de infracción administrativa, deberase facer constar nunha acta de infracción, na que se describirán os feitos e os preceptos normativos que se consideren vulnerados.

4. As persoas interesadas, ou quen as represente, poderán facer cantas alegacións ou aclaracións estimen convenientes para a súa defensa, que se reflectirán na acta correspondente.

5. As actas terán que ser asinadas pola inspectora ou polo inspector actuante e pola persoa titular da actividade, ou por quen a represente, ou, en defecto destes, pola persoa que nese momento estea á fronte da actividade. Se as persoas mencionadas se negasen a asinar a acta, a inspectora ou o inspector fará constar esta circunstancia, así como os motivos manifestados, se os houbese, mediante a oportuna dilixencia.

6. O asinamento da acta levantada acreditará o coñecemento do seu contido e en ningún caso implicará a súa aceptación.

7. A acta de infracción estenderase para os efectos de iniciación do expediente sancionador oportuno, de acordo co establecido no artigo 82º desta lei, e no mesmo acto entregarase unha copia dela á persoa titular da actividade, ou a quen a represente. Se a persoa inspeccionada refusase a copia da acta, a inspectora ou o inspector farao constar mediante dilixencia, así como os motivos da negativa, se os houbese.

8. A entrega da copia da acta ou a negativa a recibila, documentada mediante a correspondente dilixencia, considerarase como notificación do resultado da inspección e abrirá un prazo de dez días para que a persoa inspeccionada formule as alegacións que estime procedentes.

Artigo 66º.-Pechamento de establecementos e suspensión de actividades.

1. Se mediante a correspondente inspección se constatase o desenvolvemento dunha actividade turística sen contar coa preceptiva autorización administrativa, a Inspección turística comunicaralle esta circunstancia ao órgano competente para o outorgamento do dito título, para os efectos de que este adopte, logo da audiencia á persoa interesada, a medida de pechamento do establecemento ou de suspensión da actividade. A medida poderá suspenderse provisionalmente cando se inicie a tramitación do procedemento para obter o preceptivo título administrativo habilitante.

2. Se mediante a correspondente inspección se constatase o desenvolvemento dunha actividade turística de xeito que se produza un grave risco para a saúde ou para a seguridade das consumidoras e dos consumidores ou das usuarias ou dos usuarios, a Inspección turística adoptará con carácter urxente a medida de pechamento do establecemento ou suspensión da actividade, e trasladaralle o expediente ao órgano competente para a tutela do interese público afectado.

Estas medidas provisionais deberán ser confirmadas, modificadas ou levantadas no acordo de iniciación do procedemento, que deberá de efectuarse nos quince días seguintes á súa adopción, e que poderá ser obxecto do recurso que proceda. As citadas medidas quedarán sen efecto se o procedemento non se inicia nese prazo ou cando o acordo de iniciación non conteña un pronunciamento expreso acerca delas.

3. As medidas previstas neste artigo refírense á normativa turística e son independentes das consecuencias sancionadoras que, consonte esta lei e outras que sexan aplicables, poidan seguirse dos feitos que as motivaron.

Capítulo II

Réxime sancionador

Sección primeira

Disposicións xerais

Artigo 67º.-Suxeitos responsables.

1. Serán responsables administrativamente das infraccións en materia de turismo as persoas físicas e xurídicas que realicen actividades comprendidas no ámbito de aplicación desta lei ás que lles sexan imputables as accións ou omisións tipificadas nela como infraccións.

2. As titulares e os titulares de actividades turísticas serán responsables administrativamente das infraccións cometidas polo persoal afecto ao seu servizo cando non se lle poida imputar directamente a este a responsabilidade pola acción ou omisión cometida.

3. Cando o cumprimento das obrigas previstas na norma infrinxida lles corresponda a varias persoas conxuntamente, responderán estas de forma solidaria das infraccións cometidas e das sancións que se impoñan

Artigo 68º.-Concorrencia de réximes sancionadores.

1. Non se poderán sancionar os feitos que fosen sancionados penal ou administrativamente, nos casos nos que se aprecie identidade de suxeito, feito e fundamento.

2. Se da investigación dos feitos constitutivos das infraccións tipificadas nesta lei se obtivesen indicios de que estes puidesen constituír delito ou falta, paralizarase o procedemento e daráselle conta ao Ministerio Fiscal, sen prexuízo da adopción das medidas provisionais oportunas.

Sección segunda

Infraccións

Artigo 69º.-Infraccións leves.

Considéranse infraccións administrativas de carácter leve:

a) Incumprir as obrigas formais expresamente impostas por esta lei e as súas disposicións de desenvolvemento e, en particular:

1º Non dispoñer materialmente dos documentos esixidos pola normativa turística para o exercicio das actividades, así como non observar na devandita documentación as condicións exixidas.

2º Incumprir o deber de exhibir os distintivos, os carteis, a lista de prezos e a documentación exixida pola normativa turística, así como exhibilos sen as formalidades requiridas.

3º Non comunicarlle á Administración turística os cambios de titularidade das actividades, os prezos e aquelas alteracións no exercicio das actividades que non requiran autorización expresa, así como facelo fóra dos prazos establecidos.

4º Expedir sen os requisitos exixidos pola normativa turística as facturas ou os xustificantes de cobramento polos servizos prestados, así como non conservar os correspondentes duplicados durante o tempo establecido regulamentariamente.

5º Non dispoñer de follas de reclamacións turísticas.

6º As accións ou omisións que, no tocante ao labor inspector, impliquen un simple atraso no cumprimento das obrigas de comunicación e información.

b) As deficiencias na prestación dos servizos debidos ou nos termos contratados, cando non lle causen un grave prexuízo á clienta ou ao cliente.

c) Non posuír persoal habilitado legalmente para o exercicio dun posto de traballo, cando así o exixa a normativa turística aplicable.

d) As deficiencias na atención e no trato á clientela por parte do persoal da empresa ou do establecemento cando non constitúan infracción grave ou moi grave, incluídas as que supoñan unha vulneración do seu dereito á tranquilidade de acordo coas características do establecemento do que se trate e do ámbito no que este se atope.

e) As deficiencias nas condicións de funcionamento e limpeza dos locais, instalacións, mobiliario e equipamento e a falta de decoro dos establecementos, fachadas e inmediacións do inmoble que formen parte da explotación.

f) As deficiencias nas dependencias ou instalacións destinadas ao persoal do establecemento.

g) Permitir a venda ambulante ilegal de obxectos no establecemento.

h) Calquera outro incumprimento das obrigas expresamente impostas por esta lei que non estea tipificado como infracción grave ou moi grave.

Artigo 70º.-Infraccións graves.

Considéranse infraccións administrativas de carácter grave:

a) Realizar actividades turísticas sen o título administrativo habilitante exixido pola normativa turística aplicable.

b) Incumprir ou alterar as circunstancias que motivaron o outorgamento do título administrativo habilitante para o exercicio da correspondente actividade.

c) Utilizar denominacións, rótulos ou distintivos diferentes aos que correspondan segundo a normativa turística.

d) Efectuar modificacións da estrutura, da capacidade ou das características dos establecementos sen a previa autorización da Administración turística cando esta sexa preceptiva.

e) Carecer das dependencias ou instalacións para as traballadoras e os traballadores exixidas pola normativa vixente.

f) Obstruír a inspección ou negarse a facilitar a información requirida polas inspectoras ou polos inspectores.

g) Usar marcas ou denominacións xeoturísticas que non correspondan ou que incumpran as condicións regulamentariamente establecidas.

h) Efectuar cambios substanciais ou non cumprir na prestación dos servizos respecto do lugar, tempo, prezo e das demais condicións acordadas nos contratos.

i) Non prestar ou prestar deficientemente os servizos debidos, sempre que lle cause un grave prexuízo á clienta ou ao cliente.

j) Non expedir factura ou xustificante de pagamento polos servizos prestados naqueles establecementos nos que regulamentariamente se exixa e cando, en todo caso, a clienta ou o cliente o solicite, así como a facturación de conceptos non incluídos nos servizos prestados.

k) Percibir prezos superiores aos exhibidos ou notificados á clienta ou ao cliente ou percibir prezos por servizos que, en virtude da normativa turística, non sexan susceptibles de cobramento.

l) Tratar incorrectamente a clientela nos supostos manifestamente ofensivos.

m) Reservar prazas en número superior ao das dispoñibles.

n) Informar ou facer publicidade dos bens ou servizos de forma que induza a erro ou confusión na persoa consumidora ou na usuaria ou no usuario turístico.

ñ) Negarse ou resistirse a facilitar as follas de reclamacións no momento de ser solicitadas, mesmo se a reclamación se fundamenta na denegación de acceso ao local ou en que non se presta o servizo solicitado.

o) Prohibir o libre acceso e expulsar as clientas ou os clientes do establecemento, en concordancia coa normativa vixente en materia de espectáculos públicos, cando isto sexa inxustificado consonte esta lei.

p) Contratar con empresas e establecementos que non posúan o preceptivo título administrativo habilitante turístico para o exercicio da súa actividade.

q) Vender ou alugar parcelas nos campamentos de turismo.

r) Reincidir na comisión de faltas leves.

Artigo 71º.-Infraccións moi graves.

Considéranse infraccións administrativas de carácter moi grave:

a) Utilizar as axudas económicas outorgadas pola Administración turística para fins distintos daqueles para os que foron concedidas.

b) Ofrecer ou prestar servizos turísticos que conteñan como elemento de reclamo aspectos que vulneren os dereitos fundamentais ou as liberdades públicas.

c) Vulnerar o dereito á intimidade das clientas e dos clientes.

d) Reincidir na comisión de faltas graves.

Artigo 72º.-Reincidencia.

Consonte o previsto na lexislación do procedemento administrativo común, enténdese por reincidencia a comisión dunha infracción da mesma natureza respecto da que motivou a sanción anterior no prazo do ano seguinte á notificación desta. En todo caso, requirirase que a primeira resolución adquirise firmeza na vía administrativa.

Artigo 73º.-Prescrición das infraccións.

1. As infraccións tipificadas nesta lei prescribirán nos seguintes prazos:

a) As infraccións de carácter leve, ao ano.

b) As infraccións de carácter grave, aos dous anos.

c) As infraccións de carácter moi grave, aos tres anos.

2. O prazo de prescrición das infraccións comezará a contarse desde o día no que a infracción se cometese, ou desde o día no que cesase a conduta infractora, se esta tivese carácter continuado no tempo.

Interromperá a prescrición a iniciación, con coñecemento formal da persoa interesada, do procedemento sancionador, e reabrirase o prazo de prescrición se o expediente sancionador estivese paralizado durante máis dun mes por causa non imputable á presunta ou ao presunto responsable.

Sección terceira

Sancións

Artigo 74º.-Determinación das sancións.

1. As infraccións tipificadas nesta lei terán as seguintes sancións:

a) As infraccións leves, o apercibimento ou a multa de ata 900 euros. O grao mínimo desta multa abrangue ata 300 euros; o grao medio, de 301 a 600 euros; e o grao máximo, de 601 a 900 euros.

b) As infraccións graves, a multa de 901 ata 9.000 euros. O grao mínimo desta multa abrangue de 901 a 3.600 euros; o grao medio, de 3.601 a 6.300 euros; e o grao máximo, de 6.301 a 9.000 euros.

c) As infraccións moi graves, a multa de 9.001 ata 90.000 euros. O grao mínimo desta multa abrangue de 9.001 a 36.000 euros; o grao medio, de 36.001 a 63.000 euros; e o grao máximo, de 63.001 a 90.000 euros.

As contías das sancións de multa poderán ser actualizadas periodicamente polo Consello da Xunta, pero en ningún caso a elevación porcentual que se fixe na dita actualización poderá superar a experimentada polo índice xeral de prezos ao consumo na Comunidade Autónoma de Galicia desde a entrada en vigor desta lei ou desde a anterior revisión das contías.

2. Ademais, poderanse impoñer as seguintes sancións accesorias ás multas:

a) A suspensión da actividade turística ou do exercicio profesional.

No caso de que se produza reiteración de infraccións graves e cando a comisión dunha infracción cualificada como grave supoña un notorio prexuízo para a imaxe turística de Galicia, un desprestixio da profesión turística ou un dano irreparable para a usuaria ou o usuario, poderase impoñer unha sanción de ata seis meses de suspensión da actividade ou do exercicio profesional.

No caso de que se produzan infraccións moi graves, a sanción de suspensión poderá ser de seis meses e un día a un ano.

b) A clausura definitiva do establecemento ou a revogación do título administrativo habilitante para o exercicio da actividade.

Poderase acordar a imposición desta sanción nas infraccións moi graves que supoñan un notorio prexuízo para a imaxe turística de Galicia, un desprestixio evidente para a profesión ou un dano irreparable para as usuarias e os usuarios.

c) A perda da posibilidade de obter subvencións e outras axudas económicas da Administración durante un prazo de ata cinco anos.

Esta sanción impoñerase como accesoria á de multa na infracción moi grave consistente en utilizar as axudas económicas outorgadas pola Administración turística para fins distintos daqueles para os que foron concedidas, sen prexuízo da obriga de reintegro das axudas recibidas.

Artigo 75º.-Gradación das sancións.

1. Para a gradación das sancións consideraranse especialmente os seguintes criterios:

a) A existencia de intencionalidade da persoa infractora.

b) A categoría da empresa turística.

c) A reiteración nas condutas infractoras.

d) O incumprimento dos prazos e requisitos concedidos para a corrección das deficiencias detectadas polas inspectoras ou polos inspectores de turismo.

e) A corrección voluntaria, antes ou durante a tramitación do procedemento, das deficiencias detectadas e dos danos e perdas causados.

f) Os prexuízos causados aos particulares.

g) O beneficio ilícito obtido.

h) A transcendencia social da infracción.

i) As repercusións negativas para o sector turístico e para a imaxe turística de Galicia.

2. Consonte os criterios establecidos na alínea anterior, as sancións de multa poderanse impoñer nos seus graos mínimo, medio ou máximo. Cando a comisión da infracción supoña un resultado máis beneficioso para a persoa infractora que o cumprimento da norma vulnerada, considerarase esta circunstancia como agravante para a imposición da sanción de multa no seu grao máximo.

Artigo 76º.-Publicidade das sancións.

As sancións por infraccións moi graves e as sancións por infraccións graves que comporten a suspensión da actividade turística ou do exercicio profesional serán publicadas no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 77º.-Inscrición das sancións.

As sancións administrativas impostas polas infraccións tipificadas nesta lei anotaranse no libro-rexistro de sancións.

Artigo 78º.-Prescrición das sancións.

1. As sancións previstas nesta lei prescribirán:

a) As impostas por infraccións leves, ao ano.

b) As impostas por infraccións graves, aos dous anos.

c) As impostas por infraccións moi graves, aos tres anos.

2. O prazo de prescrición das sancións comezará a contarse desde o día seguinte a aquel no que adquira firmeza a resolución pola que se impón a sanción.

Interromperá a prescrición a iniciación, con coñecemento formal da interesada ou do interesado, do procedemento de execución, e volverá transcorrer o prazo se aquel está paralizado durante máis dun mes por causa non imputable á persoa infractora.

Artigo 79º.-Órganos competentes para a imposición de sancións.

1. A competencia para impoñer as sancións previstas nesta lei correspóndelles:

a) Nas infraccións leves, ás delegadas ou aos delegados provinciais da consellaría competente en materia de turismo.

b) Nas infraccións graves, á persoa titular do órgano directivo correspondente na consellaría competente en materia de turismo.

c) Nas infraccións moi graves, á persoa titular da consellaría competente en materia de turismo.

2. No caso de que as sancións de multa se acompañen das accesorias de suspensión da actividade turística ou do exercicio profesional ou de clausura definitiva do establecemento ou revogación do título administrativo habilitante para o exercicio da actividade, a competencia sancionadora corresponderalle:

a) Nas infraccións graves, á persoa titular da consellaría competente en materia de turismo.

b) Nas infraccións moi graves, ao Consello da Xunta, por proposta da persoa titular da consellaría competente en materia de turismo.

Sección cuarta

Procedemento sancionador

Artigo 80º.-Regulación do procedemento sancionador.

En todo o que non estea previsto nesta lei e nas súas disposicións de desenvolvemento, a tramitación do procedemento sancionador axustarase aos principios e ao procedemento establecidos con carácter xeral na normativa autonómica galega sobre o exercicio da potestade sancionadora e, en defecto desta, na normativa estatal sobre a materia.

Artigo 81º.-Conciliación, reparación e rectificación.

1. Previa ou simultaneamente á tramitación do procedemento sancionador, o órgano competente para a súa incoación ofreceralle á presunta persoa infractora a posibilidade de reparar os prexuízos causados ou de corrixir as irregularidades administrativas nas que incorrese.

2. A conciliación voluntaria para a reparación dos prexuízos causados ás consumidoras ou aos consumidores ou ás usuarias ou aos usuarios por parte das persoas titulares de actividades turísticas só se poderá intentar naqueles supostos nos que prime un interese privado e este sexa cuantificable.

Producirá os mesmos efectos que a conciliación voluntaria o sometemento das partes ao sistema arbitral de consumo ou aos procedementos arbitrais que a Administración turística poida instituír consonte o previsto nesta lei.

3. A rectificación das irregularidades administrativas só será admisible cando o permita a entidade da infracción e do prexuízo que esta producise.

4. A conciliación e a reparación plena comportarán o arquivo das actuacións ou a atenuación das sancións, atendendo á natureza e gravidade dos prexuízos causados. A reparación parcial unicamente poderá dar lugar á atenuación das sancións.

5. A tramitación dos procedementos de conciliación e a reparación interromperán a prescrición das infraccións e o cómputo do prazo para resolver os procedementos sancionadores.

Artigo 82º.-Incoación do procedemento sancionador.

1. O procedemento sancionador por infraccións tipificadas nesta lei iniciarase de oficio, por acordo do órgano competente adoptado:

a) Por propia iniciativa.

b) Por acta de infracción levantada pola Inspección turística.

c) Por orde superior.

d) Por comunicación da autoridade ou do órgano administrativo que teña coñecemento da posible infracción.

e) Por denuncia formulada por organizacións profesionais do sector turístico, organizacións de consumidoras e consumidores e usuarias e usuarios ou particulares. Para estes efectos, as follas de reclamacións terán a consideración de denuncia formal.

2. A competencia para a incoación do procedemento sancionador corresponderalles ás delegadas ou aos delegados provinciais da consellaría competente en materia de turismo.

3. Previamente á incoación do procedemento sancionador, o órgano competente para esta poderá acordar a realización de cantas actuacións sexan necesarias co obxecto de determinar con carácter preliminar se concorren circunstancias que xustifiquen a súa iniciación.

4. O acordo de incoación comunicaráselle á instrutora ou ao instrutor, con traslado de cantas actuacións se realizasen, e notificaráselles ao denunciante e ás persoas interesadas no procedemento.

5. Terán a condición de persoas interesadas nos procedementos sancionadores por infraccións tipificadas nesta lei, ademais das presuntas ou dos presuntos responsables das infraccións, as persoas directamente prexudicadas por elas.

Artigo 83º.-Medidas provisionais.

1. En calquera momento do procedemento sancionador, o órgano competente para resolver poderá acordar a adopción das medidas de carácter provisional que resulten necesarias para asegurar a eficacia da resolución final, evitar o mantemento dos efectos da infracción e protexer as exixencias dos intereses xerais.

2. En particular, se os feitos que provocaron a incoación do procedemento sancionador consistisen no desenvolvemento dunha actividade turística sen contar co preceptivo título administrativo habilitante, ou en incumprir os requisitos normativamente establecidos de xeito que se produza un grave risco para as consumidoras e consumidores ou para as usuarias e os usuarios, adoptarase como medida provisional, en ambos os dous casos, o pechamento do establecemento ou a suspensión da actividade, se non se acordou xa a medida antes da iniciación do expediente nos termos previstos por esta lei.

Artigo 84º.-Resolución do procedemento sancionador.

1. O prazo máximo no que debe notificarse a resolución do procedemento sancionador será dun ano desde a data do acordo de incoación. Se transcorrese o devandito prazo sen que se notificase a correspondente resolución, producirase a caducidade do procedemento nos termos e cos efectos previstos na lexislación do procedemento administrativo común.

2. Se as condutas sancionadas lle causasen danos ou perdas á Administración, a resolución do procedemento poderá impoñerlle á persoa infractora a reposición ao seu estado orixinario da situación alterada pola infracción e a indemnización polos danos e perdas causados.

3. Se a sanción viñese motivada pola falta de adecuación da actividade ou do establecemento aos requisitos establecidos pola normativa vixente, a resolución sancionadora incluirá un requirimento, con expresión de prazo suficiente para o seu cumprimento, para que a persoa sancionada leve a cabo as actuacións necesarias para regularizar a situación da actividade ou do establecemento do que é titular.

Artigo 85º.-Execución das resolucións sancionadoras.

1. A execución das resolucións sancionadoras, logo de que poñan fin á vía administrativa, corresponderalle ao órgano competente para a incoación do procedemento.

2. Nos casos nos que a resolución sancionadora inclúa un requirimento para que a persoa sancionada leve a cabo as actuacións necesarias para regularizar a situación da actividade ou do establecemento do que é titular, o órgano competente para a execución poderá impoñerlle a aquela multas coercitivas dun 10% da contía da sanción máxima fixada para a infracción cometida por cada día que pase desde o vencemento do prazo outorgado para o cumprimento do requirimento sen que se realizasen as actuacións ordenadas.

Título X

Da arbitraxe

Artigo 86º.-Arbitraxe.

1. Mediante a arbitraxe as persoas físicas e xurídicas poderán someter voluntaria e expresamente á decisión dunha ou varias persoas que exerzan esa función arbitral a resolución dos conflitos que poidan xurdir en relación coas materias reguladas nesta lei.

2. A Administración turística da Xunta de Galicia poderá crear mecanismos de mediación, de acordo co establecido na lexislación vixente sobre a materia.

Disposicións adicionais

Primeira.-Consello Regulador do Turismo.

No prazo dun ano a partir da entrada en vigor desta lei constituirase o Consello Regulador do Turismo

Mentres non se cree o Consello Regulador do Turismo, as súas funcións serán asumidas polo Consello Galego de Turismo previsto na Lei 9/1997, do 21 de agosto, de ordenación e promoción do turismo de Galicia.

Segunda.-Concellos turísticos.

Os concellos que á entrada en vigor desta lei tivesen acadada a cualificación de concellos turísticos manterana, sempre e cando cumpran os requisitos previstos nela.

Terceira.-Festas de interese turístico nacional de Galicia.

As festas que á entrada en vigor desta lei tivesen acadada a declaración de festa de interese turístico galego terán a consideración de festas de interese turístico nacional de Galicia sempre que sigan a cumprir os requisitos que deron lugar á dita declaración.

Cuarta.-Traballo en igualdade.

A Administración turística colaborará cos departamentos da Administración da Xunta de Galicia competentes en materia de traballo e igualdade, e con calquera outros das administracións públicas competentes nestas materias, no desenvolvemento das actuacións conducentes á detección e á erradicación de situacións de economía somerxida e/ou de irregularidades no sector da hostalaría, consonte o disposto polo artigo 36.2º e pola alínea 8 do anexo da Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres en Galicia.

Quinta.-Escala de inspección turística.

A partir da entrada en vigor desta lei, a escala técnica de inspección turística creada pola Lei 9/1997, do 21 de agosto, de ordenación e promoción do turismo de Galicia, será unha escala a extinguir.

A Xunta de Galicia regulará por decreto as condicións e o procedemento de acceso do persoal da actual escala técnica de inspección turística á nova escala de inspección turística creada polo artigo 58º desta lei.

Disposicións transitorias

Primeira.-Adaptación dos establecementos turísticos ás novas categorías.

Mentres non se desenvolva regulamentariamente o disposto nesta lei, seralles aplicable ás empresas e actividades turísticas a normativa actualmente vixente.

Segunda.-Procedementos sancionadores iniciados antes da entrada en vigor desta lei.

Os procedementos sancionadores iniciados antes da entrada en vigor desta lei tramitaranse e resolveranse consonte o establecido na Lei do Parlamento de Galicia, 9/1997, do 21 de agosto, de ordenación e promoción do turismo en Galicia, e nas súas disposicións de desenvolvemento.

Terceira.

O persoal da Xunta de Galicia que á entrada en vigor desta lei desempeñe postos con carácter definitivo e con funcións de inspección turística seguirá desempeñando as ditas funcións na forma e nas condicións previstas nesta lei.

Disposición derrogatoria

Única.-Derrógase a Lei 9/1997, do 21 de agosto, de ordenación e promoción do turismo en Galicia, así como cantas disposicións de igual e inferior rango se opoñan ao disposto nesta lei.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Habilitación para o desenvolvemento regulamentario.

Autorízase o Goberno para ditar cantas disposicións de aplicación e desenvolvemento desta lei sexan precisas.

No prazo de dous anos desde a súa entrada en vigor aprobaranse a totalidade dos desenvolvementos regulamentarios previstos nesta lei.

Segunda.-Entrada en vigor.

Esta lei entrará en vigor ao mes da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, tres de decembro de dous mil oito.

Emilio Pérez Touriño

Presidente