DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 11 Venres, 16 de xaneiro de 2009 Páx. 1.018

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

DECRETO 296/2008, do 30 de decembro, de protección dos animais utilizados para experimentación e outros fins científicos, incluída a docencia, e polo que se crea o Rexistro dos centros de cría, de subministradores e usuarios e a Comisión Galega de Benestar dos Animais de Experimentación.

A normativa existente sobre protección dos animais utilizados para experimentación e outros fins científicos vén determinada pola Directiva 86/609/CEE, do Consello do 24 de novembro de 1986 e polo Convenio do Consello de Europa do 18 de marzo de 1986, ratificado por España o 11 de agosto de 1988 (BOE nº 256, do 25 de outubro de 1990).

A Directiva 86/609/CEE do Consello traspúxose ao ordenamento xurídico español mediante o Real decreto 223/1988, do 14 de marzo, sobre protección dos animais utilizados para a experimentación e outros fins científicos, que foi desenvolvido por orde do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación do 13 de outubro de 1989.

Nos últimos anos, a investigación con animais experimentou numerosas variacións debido a diversas causas como son, entre outras, a incorporación de novas especies, dos animais modificados xeneticamente e a maior concienciación da sociedade sobre a necesidade de favorecer o benestar animal durante a experimentación, polo que a normativa que regulaba a materia precisaba dunha profunda revisión.

Consonte co exposto, a nivel estatal actualizouse a regulación existente mediante a aprobación do Real decreto 1201/2005, do 10 de outubro, sobre protección dos animais utilizados para a experimentación e outros fins científicos (BOE nº 252, do 21 de outubro), de aplicación en todo o territorio do estado e que derroga o anterior.

Este real decreto ten por finalidade asegurar a protección dos animais. En concreto, mediante a concesión a estes de coidados adecuados, o refinamento das técnicas para minimizar o seu malestar e dor e a redución do número de animais utilizados, empregando, na medida do posible, métodos alternativos.

Así mesmo, este real decreto no seu artigo 9.1º sinala que as persoas que leven a cabo procedementos ou tomen parte neles e as persoas que estean ao coidado de animais utilizados en procedementos, incluíndo as tarefas de supervisión, deberán ter a preparación e a formación adecuada, acreditada mediante a posesión dun título académico, que sexa considerado adecuado para estes efectos pola autoridade competente. Este persoal estará encadrado nunha das categorías profesionais descritas no anexo II.

A Lei estatal 32/2007, do 7 de novembro, para o coidado dos animais na súa explotación, transporte, experimentación e sacrificio, ten por finalidade regular o réxime sancionador no caso de incumprimento da normativa de benestar animal. O artigo 3.e) da lei define como autoridade competente aos órganos correspondentes das comunidades autónomas e aos órganos correspondentes da Administración xeral do Estado en materia de comercio e sanidade exteriores.

Este decreto vén regular, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, o funcionamento e requisitos que deberán observar os centros dedicados á cría, subministración e uso de animais de experimentación para lograr unha maior protección deles, reducindo o número de animais utilizados e supervisando que nos procedementos se lles someta a dor ou lesión mínimos e sacrificio indoloro, así como a procura e consecución de métodos alternativos.

Créase, así mesmo, un Rexistro autonómico de centros de cría, subministradores e usuarios de animais de experimentación, necesario para lograr a correcta supervisión e seguimento dos devanditos establecementos, e que facilitará, pola súa vez, a remisión desa información ao Rexistro Estatal e á Comisión Europea.

Créase tamén a Comisión Galega de Benestar dos Animais de Experimentación, como órgano consultivo en materia de benestar animal dos animais utilizados para a experimentación.

Mentres non se aprobe a dita normativa, cómpre establecer as disposicións que regulen as características da formación exixible ao persoal que traballa con animais de experimentación no ámbito da Comunidade Autónoma galega para cada unha das categorías establecidas no Real decreto 1201/2005, adecuando os programas ao disposto na dita norma co fin de asegurar a adecuada protección dos animais utilizados nos procedementos experimentais no territorio galego.

En virtude das competencias recoñecidas no artigo 30.1º punto 3 do Estatuto de autonomía de Galicia en relación cos artigos 38, 131 e 149.1º, 11º e 13º da Constitución española de 1978, que lle outorga á nosa comunidade autónoma competencia exclusiva, de acordo coas bases e coa ordenación da actuación económica xeral e a política monetaria, en materia de agricultura e gandaría, e no uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa presidencia, consultados os sectores interesados, de acordo co ditame do Consello Consultivo por proposta do conselleiro do Medio Rural e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do trinta de decembro de dous mil oito,

DISPOÑO:

Capítulo I

Disposicións de carácter xeral

Artigo 1º.-Obxecto.

1. O obxecto deste decreto é:

a) Establecer no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia determinadas normas aplicables para a protección dos animais utilizados en experimentación e outros fins científicos, incluíndo a docencia, en harmonía coa normativa estatal e comunitaria.

b) Ditar as normas para a formación das persoas que traballan nos centros de cría, subministradores ou usuarios de animais que son utilizados para a experimentación e outros fins científicos, incluída a docencia, de acordo co disposto no Real decreto 1201/2005, sobre protección dos animais utilizados para a experimentación e outros fins científicos.

c) Crear o Rexistro dos centros de cría, de subministradores e usuarios de animais de experimentación.

d) Crear a Comisión Galega de Benestar dos Animais de Experimentación.

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación.

1. Este decreto aplícase aos centros onde se manteñen animais utilizados para a experimentación e outros fins científicos, así como na docencia, en todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Será, así mesmo, de aplicación ás actividades formativas que, en relación cos centros e as finalidades descritas no punto anterior, se organicen e realicen dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. A utilización de animais nos procedementos, docencia ou outros fins científicos só poderá ter lugar cando teña por obxecto os fins especificados no artigo 2 do Real decreto 1201/2005, excluíndose do seu ámbito de aplicación as prácticas agropecuarias non experimentais e a clínica veterinaria.

Artigo 3º.-Definicións.

Para os efectos desta disposición enténdese por:

a) Centro: toda instalación, edificio, grupo de edificios ou outros locais, incluídos aqueles non totalmente pechados ou cubertos, así como as instalacións móbiles e todo o conxunto de medios persoais e materiais organizados polo seu titular para a cría, a subministración ou a utilización de animais en procedementos de experimentación.

b) Centro de cría: centro onde nacen e se crían animais destinados a ser utilizados en procedementos de experimentación.

c) Centro subministrador: centro que subministra e mantén animais, non nacidos no mesmo centro, destinados a ser utilizados en procedementos de experimentación.

d) Centro usuario: calquera centro no cal se utilizan animais para procedementos de experimentación, incluídos os que realizan procedementos con finalidades de formación e docencia.

e) Persoal coidador: persoa ou persoas encargadas de atender os animais e dos aspectos prácticos do seu mantemento e benestar.

f) Persoal experimentador: persoa ou persoas que participan na realización de procedementos en que se utilizan animais de experimentación.

g) Persoal investigador: persoa ou persoas con titulación universitaria superior específica encargadas do deseño ou dirección dos procedementos con animais vivos, así como da análise dos seus resultados.

h) Persoal asesor en benestar animal: persoa ou persoas con titulación universitaria superior específica na área de ciencias da saúde encargadas de supervisar o benestar dos animais, así como das tarefas de asesoramento en relación co benestar dos animais.

i) Persoal asesor en saúde animal: persoa licenciada en veterinaria, con formación complementaria especializada en animais de experimentación, encargada de supervisar e asesorar todos os aspectos relacionados coa saúde dos animais. Se é o caso, poderá actuar tamén como asesor en materia de benestar animal.

Capítulo II

Rexistro dos centros de cría, subministradores e usuarios

Artigo 4º.-Creación do rexistro.

Créase o Rexistro de centros de cría, subministradores e usuarios de animais de experimentación, dependente da dirección xeral que corresponda da consellería competente en materia de sanidade e benestar animal.

Artigo 5º.-Estrutura do rexistro.

1. Inscribiranse no rexistro todos os centros de cría, os centros subministradores e os centros usuarios situados dentro do ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia. O rexistro estrutúrase nas seccións seguintes, en función das actividades que desenvolvan os centros inscritos:

a) Centros de cría.

b) Centros subministradores.

c) Centros usuarios.

2. No caso de que un centro estea integrado por unidades separadas fisicamente e con funcionamento e organización independente, cada unha destas figurará inscrita con carácter de centro diferente, aínda que poderán dispor do mesmo comité ético de benestar animal ao que se refire o capítulo V deste decreto.

3. Así mesmo, varios centros independentes física e funcionalmente poderán dispor dun único comité ético de benestar animal cando dependan organicamente dunha determinada entidade e se garanta un funcionamento adecuado del en todos os centros dependentes.

Artigo 6º.-Inscrición de datos no rexistro.

No rexistro inscribiranse os datos seguintes:

a) Titular do centro, nome, razón social e número do seu DNI ou NIF.

b) Enderezo do centro.

c) Actividade que desenvolve o centro.

d) Superficie dos locais destinados a aloxamento dos animais.

e) Especies aloxadas.

f) Relación do persoal especializado ao cal se refire o artigo 24º, con especificación da súa formación, titulación e experiencia.

g) Composición do Comité ético de experimentación animal cando se trate dun centro usuario.

Artigo 7º.-Localización nas seccións do rexistro.

1. Os centros de cría que realicen unicamente a subministración dos animais criados nas súas instalacións inscribiranse como centros de cría.

2. No caso de centros de cría que ademais de fornecer os animais criados nas súas instalacións, fornezan animais procedentes doutros centros de cría, doutros centros subministradores ou doutras orixes, figurarán no rexistro como centro de cría e centro subministrador.

3. Para efectos de inscrición no rexistro cando os centros usuarios críen animais para seren utilizados nas súas instalacións, só deberán de inscribirse como centros usuarios, aínda que se deberán axustar tamén ás normas establecidas para os centros de cría.

Artigo 8º.-Solicitude de inscrición e modificación de datos inscritos.

1. Os titulares dos centros de cría, subministradores e usuarios deberán solicitar a inscrición no rexistro con carácter previo ao comezo do seu funcionamento.

2. Calquera modificación dos datos que figuren inscritos, derivada de ampliacións, reducións, traslados, cambios de persoal ou outras circunstancias, así como en caso de suspensión ou cesamento da actividade ou de cambio de titularidade, terá que ser notificada á dirección xeral que corresponda da consellería competente en materia de sanidade e benestar animal no prazo máximo dun mes desde que se produza, co obxecto de que se efectúe a correspondente modificación rexistral.

Artigo 9º.-Documentación requirida para a inscrición dos centros no rexistro.

Para a súa inscrición neste rexistro, os responsables dos centros teñen que presentar á dirección xeral que corresponda da consellería competente en materia de sanidade e benestar animal a documentación seguinte:

a) Impreso normalizado de solicitude, conforme o modelo do anexo I, debidamente cuberto.

b) Fotocopia do NIF/CIF do titular do centro.

c) Fotocopia do NIF do representante e documentación que acredite a súa representatividade.

d) Memoria descritiva das características do centro e das actividades que se van desenvolver.

e) Planos ou esbozos de situación e distribucións das construcións, instalacións e dependencias do centro.

f) Superficie dos locais destinados ao aloxamento dos animais e especies que se van aloxar, indicando a súa capacidade.

g) Programa hixiénico-sanitario, subscrito por un veterinario, que prevexa todas as medidas de control establecidas pola normativa vixente, incluíndo a eliminación de residuos e subprodutos animais.

h) Memoria en que se indiquen os aspectos fundamentais dos procedementos que se prevexa realizar, coa indicación das especies e o número de animais que estea previsto utilizar.

i) A relación do persoal especializado ao cal se refire o artigo 24º, con especificación da súa formación e titulación, e das responsabilidades de cada un en materia de benestar e de saúde animal.

j) A composición do Comité ético de experimentación animal no caso de que se trate dun centro usuario.

Artigo 10º.-Tramitación das solicitudes de inscrición nos rexistros.

1. Examinada a documentación, se se observan defectos ou carencias comunicaranse ao interesado co fin de que se proceda á súa emenda no prazo máximo dun mes. Se se cumpren todos os requisitos establecidos e logo da visita técnica de inspección, ditarase resolución de inscrición no rexistro, na cal se poderán establecer obrigas específicas para determinados tipos de centros, de acordo co que establece o artigo 13º deste decreto.

2. O prazo máximo para resolver as solicitudes e para notificar as resolucións que se diten será de tres meses, contados desde o día seguinte ao da presentación no rexistro de entrada, de conformidade co establecido no artigo 42.3º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Transcorrido o devandito prazo sen que recaia resolución expresa, as solicitudes poderanse entender estimadas.

Artigo 11º.-Cancelación da inscrición.

1. Procederase á cancelación da inscrición no rexistro:

a) Cando o solicite o titular do establecemento e logo da constatación da ausencia de animais no establecemento solicitante.

b) De oficio, cando por calquera medio se comprobe que:

-O establecemento cesou na súa actividade.

-Se produciron incumprimentos das condicións e requisitos establecidos neste decreto ou na normativa de aplicación, logo do trámite de audiencia.

2. A falta de inscrición no rexistro ou a cancelación da inscrición previamente realizada dará lugar ao cesamento das actividades de produción, comercialización ou uso de animais utilizados en experimentación, incluída a docencia.

Capítulo III

Control dos animais nos centros

Artigo 12º.-Rexistro de control dos animais.

1. Os centros de cría, subministradores e usuarios deben levar un rexistro de control dos animais no cal se deberán de anotar os datos seguintes:

a) O nome e o número de rexistro do centro.

b) O número de animais presentes no centro no momento de abrir este rexistro indicando a especie ou especies a que pertencen.

c) As entradas ou nacementos e as saídas dos animais, con indicación da especie, o número, a data, a orixe e o destino, a identificación dos centros de orixe ou de destino.

d) Os animais sacrificados ou mortos non utilizando procedementos de experimentación, e as súas causas e, se é o caso, o método de sacrificio utilizado.

e) Os animais utilizados en procedementos de experimentación, indicando a que procedemento están destinados.

f) As observacións efectuadas durante o período de illamento e observación dos animais que proveñen do exterior do centro.

g) Os resultados dos exames sanitarios periódicos ou de calquera outro método de diagnóstico efectuado aos animais.

h) Os casos de enfermidade e os tratamentos administrados.

i) En caso de realizar necropsias, os seus resultados.

j) No caso de que os animais criados, fornecidos ou utilizados en procedementos de experimentación sexan cans, gatos, primates non humanos, ou individuos de calquera outra especie con identificación obrigatoria regulamentariamente determinada, farase constar a identificación individual de cada animal.

2. Os centros que críen animais de especies gandeiras para as que sexa obrigatoria a existencia e mantemento dun libro de rexistro deberán tamén cubrilo, en cumprimento da normativa reguladora específica.

3. O rexistro de control dos animais ten que atoparse permanentemente no centro e á disposición do persoal da dirección xeral que corresponda da consellería competente en materia de sanidade e benestar animal.

Capítulo IV

Dos procedementos

Artigo 13º.-Comunicación e autorización de procedementos.

1. Todos os establecementos usuarios estarán obrigados a comunicar á dirección xeral que corresponda da consellería competente en materia de sanidade e benestar animal os procedementos que teñen previsto realizar.

2. Para a comunicación do procedemento debe presentarse á dirección xeral que corresponda da consellería competente en materia de sanidade e benestar animal a documentación enumerada no anexo XII do Real decreto 1201/2005, do 10 de outubro. A validez da comunicación do procedemento corresponderase coa duración prevista na súa memoria, cun máximo de tres anos, sen que poidan realizarse modificacións relevantes no procedemento. A validez desta comunicación poderase prorrogar logo de petición do centro usuario, que deberá ser atendida nun prazo de tres meses desde a súa petición, entendéndose estimada a solicitude polo transcurso do dito prazo sen terse ditada resolución expresa.

3. Para poder levar a cabo os procedementos a que fai referencia o anexo XI do Real decreto 1201/2005, do 10 de outubro, requirirase a autorización previa e expresa da devandita autoridade competente.

4. Para solicitar a autorización previa e expresa de procedementos, cando proceda, debe presentarse á dirección xeral que corresponda da consellería competente en materia de sanidade e benestar animal a documentación que se relaciona no anexo XIII do Real decreto 1201/2005, do 10 de outubro.

5. Así mesmo, será comunicada á devandita dirección xeral calquera modificación relevante das memorias descritivas recollidas nos anexos XII e XIII do citado real decreto sobre os procedementos previamente comunicados e, se é o caso, autorizados.

Para estes efectos, considéranse modificacións relevantes:

a) O aumento no número de animais que se vaian utilizar, no caso de especies definidas no punto 1 do artigo 17 do Real decreto 1201/2005, do 10 de outubro, incluíndo tamén as especies catalogados no Catálogo Galego de Especies Amenazadas, regulado polo Decreto 88/2007, do 19 de abril.

b) A utilización dunha nova especie das indicadas na alínea anterior.

c) O aumento significativo no número de animais que se vaian utilizar de especies non incluídas na alínea a) deste artigo.

d) O aumento da dor ou do sufrimento do animal.

e) Cambios do lugar en que se prevé realizar o procedemento.

f) Que se dea calquera circunstancia das enumeradas no anexo XI do Real decreto 1201/2005, do 10 de outubro.

No caso de modificacións relevantes na memoria dun procedemento será necesario solicitar unha nova autorización da dirección xeral que corresponda da consellería competente en materia de sanidade e benestar animal para poder efectuar o procedemento, que deberá ser resolta nun prazo de tres meses desde a súa petición, entendéndose estimada a solicitude polo transcurso do dito prazo sen se ter ditado resolución expresa.

6. Esta dirección xeral adxudicará un código de identificación a cada un dos procedementos.

7. No caso de autorizacións de procedementos a que fai referencia o punto 3 deste artigo será preceptivo o informe sobre o procedemento solicitado por parte da Comisión Galega de Benestar dos Animais de Experimentación.

Capítulo V

Comités éticos de benestar animal

Artigo 14º.-Creación dos Comités éticos de benestar animal.

1. Nos centros usuarios existirá un Comité ético de benestar animal (en diante, o Comité), o cal debe velar polo coidado e benestar dos animais de experimentación, en particular nos aspectos sinalados nas obrigas dos centros e dos procedementos levados a cabo neles, segundo se establece neste decreto e nas disposicións do Real decreto 1201/2005, do 10 de outubro.

2. O Comité dotarase dun regulamento interno que defina e desenvolva, no seu ámbito, os seus integrantes e o seu funcionamento básico, segundo criterios de confidencialidade e representatividade, e que garanta a imparcialidade nas súas decisións.

Artigo 15º.-Composición do Comité.

1. O Comité debe estar integrado por un mínimo de tres persoas, coa experiencia e os coñecementos necesarios para velar polo benestar e o coidado dos animais. Os membros que, como mínimo, deben formar parte destes comités serán os seguintes:

a) Unha persoa especialista en benestar animal do centro.

b) Unha persoa investigadora do centro non directamente implicada no procedemento sobre o que se deba emitir informe.

c) Unha persoa con experiencia e coñecementos en benestar dos animais que non teña relación co centro nin co procedemento de que se trate, que deberá cumprir como mínimo co requisito sinalado no punto 3 do artigo 25º deste decreto ou posuír a titulación de licenciatura en veterinaria.

2. En calquera caso, debe estar constituído por persoas alleas ao procedemento avaliado.

3. Os membros respectarán o principio de confidencialidade.

4. Cando se considere oportuno, solicitarán o asesoramento de persoas expertas que non pertenzan ao Comité, as cales tamén respectarán o principio de confidencialidade.

Artigo 16º.-Funcións do Comité.

As funcións do Comité son as seguintes:

a) Avaliar e informar da idoneidade dos procedementos de experimentación, axustándose á memoria descritiva notificada ou aprobada a que se refiren os anexos XII e XIII do Real decreto 1201/2005, do 10 de outubro. Nesta avaliación teranse en conta os obxectivos do estudo, a posibilidade de obter conclusións válidas co menor número posible de animais, o nivel de afectación dos animais co fin de que non sexa desproporcionada con respecto aos beneficios potenciais da investigación, a consideración de métodos alternativos á utilización de animais e a idoneidade das especies elixidas.

b) Avaliar e emitir informe sobre a idoneidade e acreditación de todas as persoas participantes no procedemento.

c) Avaliar a indicación, cando sexa necesario, de analxésicos, anestésicos e outras substancias apropiadas destinadas a eliminar ao máximo a dor, o sufrimento e a angustia, de xeito que os animais non sufran innecesariamente.

d) Avaliar a utilización de métodos de sacrificio adecuados.

e) Avaliar o destino dos animais que non sexan sacrificados.

f) Velar polo cumprimento das normas legais e éticas vixentes das instalacións en que se manteñen os animais.

g) Velar pola formación axeitada para levar a cabo as tarefas encomendadas ao persoal que participa nos procedementos.

Artigo 17º.-Exención da creación do Comité.

1. A consellería competente en materia de sanidade e benestar animal poderá eximir da creación do Comité en atención á organización, capacidade e estrutura dos centros que a soliciten. Para tal efecto, o centro usuario terá que presentar a solicitude correspondente perante a dirección xeral correspondente da consellería competente en materia de sanidade e benestar animal, xunto cunha memoria en que se xustifiquen as razóns en que se basea a solicitude de exención.

2. Aquela dirección xeral someterá a informe da Comisión Galega de Benestar dos Animais de Experimentación a que se refire o capítulo VI deste decreto a mencionada solicitude. Transcorrido un prazo de seis meses desde a presentación da solicitude sen que se ditase resolución expresa, aquela entenderase estimada.

3. Nos centros eximidos da creación do Comité, o persoal asesor en benestar ou en saúde animal realizará as funcións referidas no artigo 16º deste decreto.

4. Sen prexuízo do establecido no artigo 23º, a dirección xeral correspondente da consellería competente en materia de sanidade e benestar animal establecerá un plan de controis para os centros eximidos da creación do Comité e realizará inspeccións periódicas para comprobar o cumprimento das disposicións contidas neste decreto.

Capítulo VI

Comisión Galega de Benestar dos Animais de Experimentación

Artigo 18º.-Creación da Comisión Galega de Benestar dos Animais de Experimentación.

Créase a Comisión Galega de Benestar dos Animais de Experimentación (en diante, a Comisión), como órgano consultivo en materia de benestar dos animais utilizados para a experimentación e outros fins científicos, adscrita á consellería competente en materia de sanidade e benestar animal.

Artigo 19º.-Composición da Comisión.

1. A Comisión estará integrada por un total de trece membros, que serán nomeados polo titular da consellería competente en materia de sanidade e benestar animal, por un período de cinco anos renovables, por proposta dos departamentos, entidades ou colectivos seguintes:

a) Dúas persoas en representación da dirección xeral correspondente da consellería competente en materia de sanidade e benestar animal.

b) Unha persoa en representación do Comité ético de benestar animal da Consellería do Medio Rural, conforme a Orde do 15 de setembro de 2006 ou norma que a substitúa.

c) Unha persoa en representación da consellería competente en materia de innovación.

d) Unha persoa en representación da consellería competente en materia de ambiente.

e) Unha persoa en representación da consellería competente en materia de saúde pública.

f) Unha persoa en representación da consellería competente en materia de educación.

g) Unha persoa en representación da consellería competente en materia de pesca.

h) Tres persoas en representación das universidades, propostas polo Consello Universitario de Galicia.

i) Unha persoa en representación das entidades de protección dos animais legalmente constituídas, nomeada por proposta destas.

j) Unha persoa en representación das asociacións profesionais especialistas en sanidade e benestar animal dos animais de laboratorio, nomeada por proposta do Consello Galego de Colexios Veterinarios.

2. A presidencia da Comisión recaerá nunha das persoas que represente a dirección xeral correspondente da consellería competente en materia de sanidade e benestar animal, e a secretaría nunha das persoas que represente as universidades galegas.

3. A proposta presentada ao titular da consellería competente en materia de sanidade e benestar animal a que fai referencia o punto 1 deste artigo deberá incluír unha persoa suplente por membro da Comisión, que substituirá a titular en caso de ausencia ou enfermidade e, en xeral, cando concorra algunha causa xustificada.

4. As persoas propostas nas alíneas a) á g), ambas incluídas, deberán cumprir, como mínimo, o requisito de acreditación sinalado no punto 3 do artigo 25º deste decreto, ou posuír a titulación de licenciatura en veterinaria.

5. Logo de invitación, cando se considere necesario, poderán asistir con voz, pero sen voto, expertos independentes e representantes dos sectores afectados.

Artigo 20º.-Funcións da Comisión.

1. A Comisión terá as funcións de:

a) Emitir informe vinculante en relación coas solicitudes de autorización de procedementos que lle sexan remitidos á dirección xeral correspondente da consellería competente en materia de sanidade e benestar animal polos comités dos centros usuarios, cando pola especial natureza do procedemento o requira a dita dirección xeral.

b) Emitir informe sobre a solicitude de exención da obriga de crear comités éticos de experimentación animal.

c) Asesorar os centros usuarios para o cumprimento das técnicas que eviten procedementos repetitivos ou reiterativos e os métodos alternativos oficialmente validados.

d) Asesorar a consellería competente en materia de sanidade e benestar animal, en particular en relación coas solicitudes de homologación de formación do persoal dos centros e en materia de organización e homologación dos cursos de formación previstos.

2. Os informes mencionados nas alíneas a) e b) anteriores, téñense que emitir no prazo de tres meses contados desde a data da petición respectiva.

Artigo 21º.-Funcionamento da Comisión.

1. A Comisión de experimentación animal réxese polas normas xerais de funcionamento seguintes:

a) A Comisión reunirase como mínimo unha vez cada semestre con carácter ordinario, e con carácter extraordinario en calquera momento, coa convocatoria previa do presidente ou por petición polo menos da metade dos seus compoñentes.

b) A convocatoria farase mediante carta enviada por correo, con especificación da orde do día, polo menos con catro días de antelación. En caso de necesidade, cando así o requira a urxencia da reunión, utilizarase calquera medio polo que se tivese constancia da recepción da notificación para convocar os membros con 24 horas de antelación.

c) Para que a Comisión quede validamente constituída será necesario que asista a maioría dos seus membros.

d) Os acordos tomaranse por maioría de votos. En caso de empate, decidirá o voto da presidencia.

2. Subsidiariamente serán de aplicación as normas de funcionamento dos órganos colexiados establecidas pola lexislación de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Capítulo VII

Subministración de información e controis

Artigo 22º.-Subministración de información.

1. Para os efectos da súa comunicación á autoridade estatal competente para a súa remisión á Comisión Europea, os centros usuarios deben comunicar á dirección xeral correspondente da consellería competente en materia de sanidade e benestar animal os procedementos realizados, as especies e o número de animais utilizados.

2. A comunicación a que se refire o punto anterior efectuarase en todo caso antes do 31 de xaneiro de cada ano, cos datos referentes ao ano anterior.

3. A dirección xeral correspondente da consellería competente en materia de sanidade e benestar animal adoptará todas as medidas necesarias para garantir a protección do carácter confidencial das informacións que presenten un interese comercial particular, que se comuniquen conforme este decreto.

Artigo 23º.-Controis.

1. O control do cumprimento das normas contidas neste decreto será efectuado pola dirección xeral correspondente da consellería competente en materia de sanidade e benestar animal. Para tal fin, efectuará as inspeccións periódicas precisas.

2. Estas inspeccións, que poderán realizarse con ocasión de controis efectuados con outros fins, efectuaranse anualmente sobre mostras estatísticamente representativas dos centros existentes no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. Elaborarase un Plan anual de controis que poderá incluír a determinación do tamaño da mostra que deberá ser obxecto de inspección, así como os criterios básicos para a elección da mostra e, se é o caso, a listaxe dos centros que se vaian inspeccionar.

Capítulo VIII

Persoal dos centros de cría, subministradores e usuarios

Artigo 24º.-Persoal especializado dos centros.

1. Os centros de cría e subministradores deben dispor de persoal especializado para o coidado e atención dos animais.

2. Os centros usuarios deberán dispor, ademais, de persoal experimentador, de persoal investigador e de persoal asesor en benestar e saúde animal. No caso de que o persoal investigador leve a cabo os procedementos de experimentación, non será necesario contar con persoal experimentador.

Artigo 25º.-Competencia exixida ao persoal dos centros.

O persoal competente para realizar as tarefas e funcións previstas no artigo 9.1º e anexo I do Real decreto 1201/2005, nos centros de cría, subministradores ou usuarios de animais de experimentación deberá cumprir os seguintes requisitos:

1. Persoal da categoría A: persoal para o coidado dos animais, deberán acreditar ter recibido unha formación nas materias e cos requisitos mínimos detallados no anexo II.A deste decreto.

2. Persoal da categoría B: persoal que leva a cabo os procedementos, ou persoal experimentador, ten que ter unha formación universitaria na área de ciencias, ciencias da saúde ou na área técnica, rama agraria, ou ben estar en posesión do título de formación profesional nos ciclos formativos da familia agraria correspondentes ás especialidades de explotacións gandeiras, explotacións agrarias extensivas e xestión e organización de empresas agropecuarias, ou do correspondente a un ciclo formativo da familia profesional química ou da familia profesional sanitaria da especialidade de laboratorio. Esta titulación tense que complementar coa realización do curso homologado a que fai referencia o anexo II.B deste decreto.

3. Persoal da categoría C: persoal responsable para dirixir ou deseñar os procedementos ou persoal investigador, ten que dispor dunha licenciatura ou grao equivalente en bioloxía animal, medicina, veterinaria, ou calquera outra disciplina con titulación universitaria superior na cal se inclúan programas específicos en zooloxía, anatomía e fisioloxía animal e deberá acreditar ter recibido unha formación universitaria complementaria cuxos requisitos mínimos se detallan no anexo II.C deste decreto.

4. Persoal da categoría D: persoal especialista en ciencias do animal de experimentación con funcións de asesoramento sobre o benestar ou a saúde dos animais ou persoal asesor en benestar animal e en saúde animal, ademais da titulación universitaria exixida no anexo I do Real decreto 1201/2005, deberá ter unha experiencia investigadora mínima de tres anos e acreditar ter recibido unha formación universitaria complementaria posgrao cuxos requisitos mínimos se detallan no anexo II.D. deste decreto.

Capítulo IX

Disposicións relativas á organización e impartición

da formación do persoal dos centros

Artigo 26º.-Competencia para formación.

Á dirección xeral que teña atribuídas funcións en materia de formación da consellería competente en materia de sanidade e benestar animal correspóndelle autorizar as actividades de formación do persoal dos centros, e homologar os cursos impartidos por outras entidades ata o seu establecemento definitivo.

Artigo 27º.-Organización e impartición da formación.

A organización dos cursos de formación de persoas que traballan con animais utilizados para a experimentación e outros fins científicos poderán realizala os seguintes centros:

1. Poderán impartir formación para as categorías A e B, ademais dos centros do sistema universitario de Galicia e os centros oficiais que imparten formación profesional regrada da rama agraria, química ou sanitaria, as entidades autorizadas para impartir formación en materia de benestar animal debidamente rexistradas, de acordo co disposto no Decreto 60/2007, do 22 de marzo, polo que se regulan os cursos de formación en materia de benestar animal, se establece o procedemento de autorización das entidades de formación e se crea o rexistro destas.

2. Para as categorías C e D, os centros do sistema universitario de Galicia.

Artigo 28º.-Requisitos do profesorado que imparte a formación.

1. O persoal asesor en benestar animal poderá impartir formación para todas as categorías a que fai referencia o artigo 25º, podendo contar coa colaboración doutro persoal especializado nas materias específicas dos programas dos cursos.

2. O persoal que acredite cumprir os requisitos de formación da categoría C, poderá impartir a formación correspondente ás categorías A, B e C.

3. O persoal que colabore nas prácticas dos cursos terá como mínimo a cualificación de categoría B.

Artigo 29º.-Procedemento de autorización da formación.

1. A solicitude para a obtención da autorización administrativa para a impartición da formación por parte das entidades referidas no artigo 27º dirixirase á persoa titular da dirección xeral que teña atribuídas funcións en materia de formación da consellería competente en materia de sanidade e benestar animal segundo o anexo normalizado III, e poderá presentarse nos lugares e formas previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

2. Será presentada unha solicitude por cada acción formativa que se pretenda impartir. Xunto co modelo de solicitude achegarase a seguinte documentación:

a) Fotocopia do CIF/NIF da entidade organizadora.

b) Memoria do curso e obxectivos xerais da acción formativa.

c) Datas da acción formativa.

d) Programa que se vai impartir, especificando o contido de cada unidade didáctica, horas lectivas, tipo e duración de cada módulo.

e) Identificación da persoa responsable da formación así como curriculum vitae.

f) Acreditación da especialización do profesorado mediante curriculum vitae.

3. A autorización para impartir formación á que se refire este artigo terá unha validez de cinco anos; deberase presentar unha memoria anual na cal a entidade autorizada manifeste que non se produciron variacións substanciais respecto ás condicións iniciais en que se obtivo a autorización.

Artigo 30º.-Resolución.

1. Unha vez presentada a solicitude, a dirección xeral que teña atribuídas funcións en materia de formación da consellería competente en materia de sanidade e benestar animal procederá á comprobación da documentación presentada.

2. Se a documentación presentada estivese incompleta ou presentase erros emendables, requirirase o responsable para que, nun prazo de dez días hábiles, que comezará a contar o día seguinte ao da recepción do requirimento, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, coa advertencia de que, se non o fixer, se lle terá por desistido da súa petición, e se procederá ao arquivo das actuacións tras a notificación da resolución en tal senso, de acordo co establecido nos artigos 42 e 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. O órgano competente para resolver as solicitudes é a dirección xeral que teña atribuídas funcións en materia de formación da consellería competente en materia de sanidade e benestar animal.

4. O prazo máximo para ditar e notificar a resolución que se adopte será de dous meses, contados desde o día seguinte ao da presentación da solicitude. Transcorrido ese prazo, os interesados poderán entender estimada a súa solicitude por silencio administrativo.

Artigo 31º.-Expedición do certificado oficial de competencia en materia de protección de animais utilizados para a experimentación e outros fins científicos.

1. No mes seguinte ao remate do curso, as entidades organizadoras actuando en representación dos asistentes, remitirán á dirección xeral que teña atribuídas funcións en materia de formación da consellería competente en materia de sanidade e benestar animal, en soporte informático e en papel, unha relación daqueles alumnos que superaron satisfactoriamente a proba de aptitude, para o que deberán presentar a seguinte documentación:

a) Certificado da persoa que coordine o curso que acredite a relación nominal de asistentes que superaron a proba de aptitude, así como o cumprimento dos requisitos daqueles para a categoría que se pretende acreditar.

b) Fotocopia do documento nacional de identidade dos alumnos que superaron o curso.

2. Se a documentación presentada estivese incompleta ou presentase erros emendables, requirirase o responsable para que nun prazo de dez días hábiles, que comezará a contar o día seguinte ao da recepción do requirimento, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, coa advertencia de que se non o fixer, será denegada a expedición dos certificados afectados polas deficiencias, e que se procederá ao arquivo destas actuacións logo de notificación da resolución en tal senso, de acordo co establecido nos artigos 42 e 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Contra esta resolución poderase recorrer en alzada ante o conselleiro competente en materia de sanidade e benestar animal, sen prexuízo das accións que correspondan aos asistentes aos cursos de formación contra as entidades organizadoras deles.

3. A dirección xeral antedita verificará a concorrencia dos requisitos sinalados no punto 1 deste artigo, expedirá de oficio e sen máis trámites un mesmo certificado de competencia ou acreditación de formación en materia de protección de animais utilizados para a experimentación e outros fins científicos e seralle remitido ás entidades organizadoras nun prazo non superior a tres meses a partir da data de entrada no rexistro do órgano competente para resolver.

Artigo 32º.-Supervisión das actividades formativas.

A dirección xeral con funcións en materia de formación da consellería competente en materia de sanidade e benestar animal poderá supervisar cos medios de que dispón as accións formativas levadas a cabo polas entidades autorizadas.

Capítulo X

Réxime de recursos

Artigo 33º.-Recursos.

As resolucións das persoas titulares das direccións xerais a que se fai referencia neste decreto non poñen fin á vía administrativa. Contra elas poderase interpoñer recurso de alzada no prazo dun mes se o acto fose expreso, e no de tres meses en caso de acto presunto, perante a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade e benestar animal, de conformidade co disposto nos artigos 114 e seguintes da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Disposicións adicionais

Primeira.-Normativa aplicable.

En todos aqueles aspectos non regulados expresamente por este decreto, será de aplicación o establecido no Real decreto 1201/2005, do 10 de outubro, sobre protección dos animais utilizados para experimentación e outros fins científicos e a Lei 32/2007, do 7 de novembro, para o coidado dos animais, na súa explotación, transporte, experimentación e sacrificio.

Segunda.-Infraccións e sancións.

1. As infraccións ao disposto neste decreto serán sancionadas de conformidade coa normativa correspondente, en particular na Lei 1/1993, do 13 de abril, de protección de animais domésticos e salvaxes en catividade; a Lei 32/2007, do 7 de novembro, para o coidado dos animais, na súa explotación, transporte, experimentación e sacrificio e na Lei 8/2003, do 24 de abril, de sanidade animal.

2. A incoación dos expedientes sancionadores corresponderá ás delegacións provinciais que corresponda da consellería competente en materia de sanidade e benestar animal.

3. A imposición de sancións corresponderá á persoa titular da delegación que corresponda da consellería competente en materia de sanidade e benestar animal para as infraccións leves; á persoa titular da dirección xeral correspondente da consellería competente en materia de sanidade e benestar animal, no caso de infraccións graves e á persoa titular da consellería competente en materia de sanidade e benestar animal, no caso de infraccións moi graves.

Terceira.-Ausencia de incremento de custos.

A constitución e posta en funcionamento da Comisión Galega de Benestar dos Animais de Experimentación non xerará incremento das dotacións orzamentarias que ten consignadas a consellería competente en materia de sanidade animal.

Disposicións transitorias

Primeira.-Rexistro de centros en funcionamento.

As inscricións dos centros de cría, subministradores e usuarios realizadas ao abeiro do Real decreto 1201/2005, do 10 de outubro, sobre protección dos animais utilizados para a experimentación e outros fins científicos, incorporaranse ao Rexistro dos centros de cría, subministradores e usuarios creado por este decreto.

Segunda.-Homologación da formación.

1. Poderán ser homologados os cursos en materia de benestar animal realizados na Comunidade Autónoma de Galicia con anterioridade á entrada en vigor deste decreto, sempre que os programas dos cursos se impartisen de conformidade co establecido nesta norma.

2. Esta homologación farase, tras a solicitude da entidade interesada e coa presentación da documentación especificada no artigo 29º, no prazo de seis meses, que comezará a contar o día seguinte da entrada en vigor deste decreto.

3. Poderán solicitarse os certificados de competencia derivados do aproveitamento destes cursos, presentando a documentación establecida no artigo 31.1º deste decreto. O prazo para elo será de tres meses, que comezará a contar o día seguinte ao da notificación da resolución de homologación.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Habilitación para o desenvolvemento.

Autorízase o conselleiro do Medio Rural para ditar os actos e medidas necesarias para o cumprimento e aplicación deste decreto.

Segunda.-Entrada en vigor.

Este decreto entrará en vigor aos seis meses da súa publicación no Diario Oficial de Galicia agás a disposición transitoria segunda, que o fará aos vinte días da súa publicación.

Santiago de Compostela, trinta de decembro de dous mil oito.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

Alfredo Suárez Canal

Conselleiro do Medio Rural

Ver referencia pdf "01100D001P006.PDF"

ANEXO II

Programas dos cursos homologados para persoal de centros

de cría, subministradores e usuarios de animais para experimentación e outros fins científicos nas categorías A, B, C e D (Real decreto 1201/2005, do 10 de outubro)

* II.A. Categoría A.

Duración: 40 horas (20 horas de teoría e 20 de prácticas).

Tema 1. Emprego de animais de laboratorio en experimentación. Contribución da experimentación animal ao progreso das ciencias da saúde e experimentais.

Tema 2. Principios éticos. Comités éticos de benestar animal. Procesos de aprobación dun protocolo experimental.

Tema 3. Lexislación. Categorías profesionais.

Tema 4. Prevención de riscos laborais e seguridade no traballo.

Tema 5. Bioloxía, fisioloxía e etoloxía do animal de laboratorio.

Tema 6. Alimentación e limpeza dos animais. Procedementos reprodutivos.

Tema 7. Inspección do estado de saúde dos animais de experimentación. Hixiene e prevención de enfermidades.

Tema 8. Dor, estrés e distrés. Eutanasia. Procedementos prohibidos.

Tema 9. Técnicas básicas do manexo do animal de laboratorio.

Tema 10. Condicións xerais de aloxamento. Mantemento das instalacións e equipamentos. Verificación das condicións de aloxamento.

Tema 11. Transporte, recepción e identificación dos animais. Libro de rexistro. Eliminación de cadáveres.

* II.B. Categoría B.

Duración: 60 horas (40 horas de teoría e 20 de prácticas).

-Bloque 1. Conceptos básicos, ética e lexislación.

Tema 1. Emprego de animais de laboratorio en experimentación. Contribución da experimentación animal ao progreso das ciencias da saúde e experimentais.

Tema 2. Principios éticos. Comités éticos de benestar animal. Procesos de aprobación dun protocolo experimental.

Tema 3. Lexislación. Categorías profesionais.

Tema 4. Prevención de riscos laborais e seguridade no traballo.

-Bloque 2. Bioloxía do animal de laboratorio.

Tema 5. Roedores: anatomía, fisioloxía, etoloxía, reprodución e nutrición.

Tema 6. Lagomorfos: anatomía, fisioloxía, etoloxía, reprodución e nutrición.

Tema 7. Cans e gatos: anatomía, fisioloxía, etoloxía, reprodución e nutrición.

Tema 8. Pequenos ruminantes: anatomía, fisioloxía, etoloxía, reprodución e nutrición.

Tema 9. Outras especies: anatomía, fisioloxía, etoloxía, reprodución e nutrición.

-Bloque 3. Benestar animal.

Tema 10. Dor, estrés e distrés: recoñecemento da dor, o sufrimento e a angustia.

Tema 11. Recoñecemento e verificación do estado de saúde e dos síntomas clínicos das patoloxías nos animais de experimentación. Seguimento do estado de saúde e das enfermidades.

Tema 12. Implicacións do estatus microbiolóxico dos animais.

Tema 13. Eutanasia: métodos nas distintas especies.

Tema 14. Refinamento e redución no uso de animais de experimentación. Alternativas ao uso de animais de experimentación.

Tema 15. Condicións xerais de aloxamento. Enriquecemento do contorno. Importancia do aloxamento e do ambiente nos procedementos.

Tema 16. Transporte, recepción e identificación dos animais. Libro de rexistro. Eliminación de cadáveres.

-Bloque 4. Procedementos experimentais.

Tema 17. Condicións xerais dos procedementos experimentais. Procedementos prohibidos.

Tema 18. Deseño experimental.

Tema 19. Técnicas básicas: manexo, inmobilización, administración e recollida de mostras.

Tema 20. Anestesia e analxesia.

Tema 21. Técnicas non invasivas. Técnicas de imaxe. Rexistros fisiolóxicos.

Tema 22. Cirurxía: principios básicos e protocolos. Coidados pre, peri e postoperatorios.

Tema 23. Animais modificados xeneticamente: importancia do seu uso en experimentación.

-Bloque 5. Análise de información e elaboración de publicacións científicas.

Tema 24. Análise de información. Fontes experimentais. Fontes bibliográficas. Bases de datos.

Tema 25. Elaboración de publicacións científicas.

* II.C. Categoría C.

Duración: 80 horas (60 horas de teoría e 20 de prácticas).

-Bloque 1. Conceptos básicos, ética e lexislación.

Tema 1. Emprego de animais de laboratorio en experimentación. Contribución da experimentación animal ao progreso das ciencias da saúde e experimentais.

Tema 2. Principios éticos. Comités éticos de benestar animal. Procesos de aprobación dun protocolo experimental.

Tema 3. Lexislación. Categorías profesionais.

Tema 4. Prevención de riscos laborais e seguridade no traballo.

-Bloque 2. Bioloxía do animal de laboratorio.

Tema 5. Roedores: anatomía, fisioloxía, etoloxía, reprodución e nutrición.

Tema 6. Lagomorfos: anatomía, fisioloxía, etoloxía, reprodución e nutrición.

Tema 7. Cans e gatos: anatomía, fisioloxía, etoloxía, reprodución e nutrición.

Tema 8. Pequenos ruminantes: anatomía, fisioloxía, etoloxía, reprodución e nutrición.

Tema 9. Outras especies: anatomía, fisioloxía, etoloxía, reprodución e nutrición.

Tema 10. Patoloxía do animal de laboratorio: roedores e lagomorfos.

Tema 11. Patoloxía do animal de laboratorio: outras especies.

Tema 12. Xenética e o seu control nas especies de laboratorio.

-Bloque 3. Benestar animal.

Tema 13. Dor, estrés e distrés.

Tema 14. Verificación do estado da saúde dos animais de experimentación: diagnóstico, diagnóstico diferencial e tratamento das enfermidades.

Tema 15. Control microbiolóxico. Revisións específicas de bacterias, virus e parasitos. Métodos de detección.

Tema 16. Eutanasia.

Tema 17. Refinamento e redución no uso de animais de laboratorio. Alternativas ao uso de animais de laboratorio.

-Bloque 4. Procedementos experimentais.

Tema 18. Condicións xerais dos procedementos experimentais. Procedementos prohibidos.

Tema 19. Deseño experimental. Redución do uso de animais. Alternativas ao uso de animais.

Tema 20. Técnicas básicas: manexo, inmobilización, administración e recollida de mostras.

Tema 21. Anestesia e analxesia.

Tema 22. Técnicas non invasivas. Técnicas de imaxe. Rexistros fisiolóxicos.

Tema 23. Cirurxía: principios básicos e protocolos. Coidados pre, peri e postoperatorios.

Tema 24. Técnicas cirúrxicas especiais.

-Bloque 5. Animais modificados xeneticamente.

Tema 25. Importancia dos animais modificados xeneticamente en investigación. Tipos de animais modificados xenéticamente.

Tema 26. Ratos transxénicos. Ratos knock-out. Outros tipos de ratos modificados xeneticamente. Ratos knock-in.

Tema 27. Caracterización fenotípica de ratos modificados xenéticamente.

Tema 28. Necropsia e procesado das mostras. Métodos de manexo para o estudo macroscópico e microscópico de embrións.

Tema 29. Patoloxía especial en ratos modificados xenéticamente.

-Bloque 6. Xestión de instalacións.

Tema 30. Locais de aloxamento. Directrices relativas ao aloxamento dos animais. Enriquecemento do contorno.

Tema 31. Documentos de traslado. Identificación de gaiolas ou sistemas de confinamento. Libro de rexistro.

Tema 32. Locais de servizo.

Tema 33. Directrices relativas ao coidado dos animais.

-Bloque 7. Análises de información e elaboración de publicacións científicas.

Tema 34. Análise de información. Fontes experimentais. Fontes bibliográficas. Bases de datos.

Tema 35. Bioestatística.

Tema 36. Elaboración de publicacións científicas.

* II.D. Categoría D.

Duración: 100 horas (70 horas de teoría e 30 de prácticas).

-Bloque 1. Aspectos éticos e legais.

-Bloque 2. Etoloxía, bioloxía e fisioloxía das especies máis relevantes.

-Bloque 3. Microbioloxía das especies máis relevantes.

-Bloque 4. Patoloxía, prevención e tratamento de enfermidades.

-Bloque 5. Métodos de eutanasia e de alivio da dor.

-Bloque 6. Métodos alternativos ao uso de animais.

-Bloque 7. Control de calidade e control sanitario.

Nota: ao tratarse dun curso posgrao, o sistema universitario de Galicia queda facultado para desenvolver o programa que se expecifica neste anexo II.D.

Ver referencia pdf "01100D001P006.PDF"

Decreto 296/2008, do 30 de decembro, de protección dos animais utilizados para experimentación e outros fins científicos, incluída a docencia, e polo que se crea o Rexistro dos centros de cría, de subministradores e usuarios e a Comisión Galega de Benestar dos Animais de Experimentación.