DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 11 Venres, 16 de xaneiro de 2009 Páx. 1.031

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

ORDE do 8 de xaneiro de 2009 pola que se establecen as condicións e se regulan os requisitos para a obtención dos títulos que habilitan para o goberno das embarcacións de lecer na Comunidade Autónoma de Galicia.

O Real decreto 89/1996, do 26 de xaneiro, traspasa funcións e servizos á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de ensinanzas náutico-deportivas, e o Decreto 77/1996, do 29 de febreiro, asume as funcións e servizos transferidos en materia de ensinanzas náutico-deportivas e a súa asignación á Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos.

O Decreto 500/2005, do 15 de setembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, atribúe á Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro a organización e xestión das ensinanzas marítimo-pesqueiras e náutico-deportivas.

A Orde FOM/3200/2007, do 26 de outubro, establece unhas novas condicións para o goberno de embarcacións de lecer e derroga a Orde do 17 de xuño de 1997, que conformaba o actual marco normativo no ámbito de todas as comunidades autónomas con competencias transferidas.

Esta modificación, froito da experiencia acumulada unida aos avances tecnolóxicos e ás características das propias embarcacións e dos seus equipos, aconsellan establecer unha nova normativa que regule os exames, as prácticas e o funcionamento das escolas de lecer na Comunidade Autónoma de Galicia, para que os titulados acaden o nivel axeitado de coñecementos e para garantirlles, desde a Administración, unha avaliación transparente e xusta.

Na súa virtude, a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, facendo uso das competencias que lle confire o artigo 34.6º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, das normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPÓN:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto.

O obxecto desta orde é regular os títulos de lecer que habilitan para o goberno das embarcacións e as motos náuticas, as súas atribucións e os requisitos exixidos para a súa obtención.

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación.

O disposto nesta orde será de aplicación, con carácter xeral, a todas as actividades relacionadas coa impartición das ensinanzas, realización de exames e a obtención e expedición dos títulos náuticos de lecer na Comunidade Autónoma de Galicia.

Capítulo II

Das titulacións de lecer

Artigo 3º.-Títulos habilitantes.

1. Os títulos habilitantes para o goberno das embarcacións de lecer son:

-Capitán de iate.

-Patrón de iate.

-Patrón de embarcacións de lecer.

-Patrón para a navegación básica.

2. Os requisitos de idade, as condicións de obtención e as atribucións de cada título son os recollidos nos artigos 7 e 8 da Orde FOM/3200/2007, do 26 de outubro, pola que se regulan as condicións para o goberno de embarcacións de lecer (BOE nº 264, do 3 de novembro de 2007).

Capítulo III

Probas para a obtención dos títulos

Artigo 4º.-Convocatoria de exames.

1. Os exames para a obtención das titulacións de lecer serán realizados pola Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, a través da Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro, mediante convocatorias ordinarias libres, especiais e extraordinarias.

2. O número e as datas das convocatorias ordinarias libres serán establecidas, con carácter anual e mediante resolución, pola Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro. Os exames desta convocatoria realizaranse nos centros oficiais da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos.

3. Poderanse realizar exames especiais a organizacións ou institucións que representen a grupos sociais cos cales a comunidade autónoma deba manter unha especial tutela, sempre mediante resolución razoada da dirección xeral.

4. As convocatorias extraordinarias realizaranse por solicitude das escolas homologadas, logo da autorización expresa da Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro e sempre que reúnan un mínimo de quince (15) alumnos para as titulacións de patrón de navegación básica (PNB) ou patrón de embarcacións de lecer (PEL) e de dez (10) para os títulos de patrón de iate (PI) e capitán de iate (CI). De non reunir cada unha delas o número mínimo de alumnos, poderanse unir e solicitar unha convocatoria conxunta de exame co mesmo tribunal. Os exames das convocatorias extraordinarias faranse nos centros oficiais da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos.

5. As solicitudes de exame das convocatorias extraordinarias, xunto coa relación nominal de alumnos, deben presentarse no centro de ensino onde se realice o exame cunha antelación mínima de quince (15) días ao da data proposta para o exame. Os centros comunicarán á escola solicitante do exame extraordinario o día e a hora exacta do exame e disporán dun prazo de cinco días, desde esa comunicación, para achegar ao Servizo de Ensino e Titulacións Náutico-Pesqueiras a confirmación da data e hora do exame e a proposta de composición de tribunal.

6. Os centros, en función do número de solicitudes de exames extraordinarios para unha mesma data, poderán agrupar nun mesmo exame máis dunha escola homologada respectando sempre a ratio máxima de 50 alumnos por exame.

Artigo 5º.-Solicitude de exame.

Os candidatos ao exame teórico ou práctico nas convocatorias ordinarias deberán solicitar a súa admisión mediante instancia dirixida ao presidente do tribunal que se constitúa no centro onde se presenten ao exame, no modelo que figura no anexo I desta orde e dentro dos prazos establecidos en cada convocatoria anual, achegando o resto da documentación que acredite o cumprimento dos requisitos exixidos para cada titulación, que será a seguinte:

-Solicitude debidamente formalizada, anexo I desta orde.

-Fotocopia compulsada do DNI.

-Unha fotografía recente tamaño carné.

-Fotocopia compulsada do certificado médico oficial, de acordo co previsto no artigo 11º.

-Xustificante do pagamento de taxas correspondente.

-Fotocopia compulsada da titulación inferior para os exames de patrón e capitán de iate ou certificado do Servizo de Ensino e Titulacións Náutico-Pesqueiras no cal se especifique que reúne as condicións de titulación requirida.

Artigo 6º.-Exames e prácticas.

1. O exame teórico e a realización das prácticas básicas de seguridade, navegación e radiocomunicacións, ou o exame práctico que as substitúa, necesarios para obter os títulos para o goberno das embarcacións de lecer, axustaranse aos programas e contidos que se recollen no anexo III da Orde FOM/3200/2007, do 26 de outubro, pola que se regulan as condicións para o goberno das embarcacións de lecer.

2. Rematado o exame teórico, tanto das convocatorias ordinarias libres como extraordinarias, o presidente do tribunal exporá no taboleiro de anuncios do centro o modelo de corrección coas respostas verdadeiras para que os interesados poidan determinar os acertos e fallos cometidos.

3. O prazo para calquera consulta ou reclamación sobre o exame realizado polo interesado será de dez (10) días a partir da exposición pública das listas de alumnos aprobados ou suspensos no taboleiro de anuncios do centro.

4. Para obter a habilitación a vela, o interesado deberá realizar as correspondentes prácticas, que se axustarán ás horas e condicións establecidas no artigo 10 desta orde e aos contidos que se recollen no anexo IV da referida Orde do Ministerio de Fomento do 26 de outubro de 2007.

5. A superación do exame práctico ou a realización das practicas terá unha validez de 18 meses, contados desde a súa realización, durante os cales deberá superarse o exame teórico. De non superalo nese prazo, o exame práctico ou as prácticas deixarán de ter validez e o interesado deberá realizar de novo tales probas. Se se realizou primeiro o exame teórico, seguirase o mesmo proceso e terá o mesmo prazo para a superación do exame práctico ou a realización das prácticas.

6. A avaliación dos coñecementos das convocatorias ordinarias libres e extraordinarias será realizada por un tribunal constituído no centro oficial de ensino pesqueiro onde se realizase o exame, segundo se establece na Orde do 28 de decembro de 2007.

Artigo 7º.-Desenvolvemento do exame práctico.

1. O exame práctico para a obtención das titulacións de lecer reguladas nesta orde constará de dúas probas, unha proba práctica de navegación e outra de seguridade; para a súa superación o alumno deberá realizar satisfactoriamente as manobras que se indican no anexo III da Orde FOM/3200/2007, do 26 de outubro.

2. A duración mínima destas probas será dunha hora para as titulacións de patrón de navegación básica (PNB) e patrón de embarcacións de lecer (PEL), de hora e media para patrón de iate (PI) e de dúas horas para capitán de iate (CI).

3. Ningunha embarcación para exames prácticos poderá ser usada por máis dun solicitante, salvo que acrediten documentalmente a súa propiedade ou parentesco en primeiro grao. Aínda así, non poderá ser usada por máis de tres persoas no exame práctico. O presidente do tribunal comprobará que a embarcación que se utilice na realización do exame práctico reúne as mesmas características técnicas, de navegabilidade e de seguridade que se lles exixen ás embarcacións das escolas homologadas.

4. Superadas as probas que constitúen o exame práctico, o tribunal expedirá o correspondente certificado de apto ou non apto.

Artigo 8º.-Desenvolvemento das prácticas básicas de seguridade e navegación.

1. As prácticas básicas de navegación e seguridade faranse na embarcación dunha escola homologada para tal fin.

2. O número máximo de horas de prácticas por día será de oito, que se poderán realizar en dúas sesións cun descanso intermedio non inferior a unha hora, salvo nas prácticas de patrón e capitán de iate, que se poderán facer de forma ininterrompida e en xornada diúrna e nocturna.

3. O número de alumnos que poden participar nas prácticas de seguridade e navegación, con independencia da titulación, non será superior a doce, ben que, en ningún caso, o número de persoas embarcadas poderá ser superior ao permitido no certificado de navegabilidade da embarcación.

4. As escolas que, a partir do 5 de novembro de 2007, soliciten o recoñecemento para realizar as prácticas de seguridade e navegación ou as que, estando recoñecidas, soliciten a homologación dunha nova embarcación, deberán reunir os requisitos de eslora que especifica o punto 4º do artigo 15 da Orde FOM/3200/2007, do 26 de outubro.

5. As escolas homologadas remitirán á Sección de Formación da delegación territorial correspondente da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, con 24 horas de antelación a cada saída e antes das 12 horas do venres se estas se fan durante a fin de semana, o tipo de práctica, relación de alumnos que tomarán parte nela, así como a data, a hora e o lugar de realización, nome da embarcación e nome do instrutor responsable dela.

6. A realización das prácticas de seguridade e navegación serán supervisadas e certificadas polo instrutor que exerce o mando da embarcación e asinadas polo director da escola no modelo que figura no anexo III desta orde.

Artigo 9º.-Desenvolvemento das prácticas de radiocomunicacións.

1. As prácticas de radiocomunicación realizaranse en simuladores homologados e en escolas recoñecidas que cumpran cos requisitos de equipamentos e persoal recollidos no anexo VI da Orde FOM/3200/2007, do 26 de outubro.

2. O número de alumnos que poden participar en cada práctica de radiocomunicacións dependerá do número de instrutores autorizados e dos postos con que conte o equipo homologado, respectando sempre a ratio de 8 alumnos por profesor.

3. Estas prácticas serán supervisadas e certificadas polo instrutor autorizado no modelo establecido no anexo IV desta orde.

Artigo 10º.-Desenvolvemento das prácticas para obter a habilitación a vela.

1. As prácticas para obter a habilitación a vela terán unha duración mínima de 20 horas, realizaranse unha soa vez, conforme o establecido no artigo 17 da Orde FOM/3200/2007, do 26 de outubro, e terán validez para acceder a calquera dos títulos de capitán de iate, patrón de iate e patrón de embarcacións de lecer. Para a obtención do título de patrón de navegación básica, habilitado a vela, poderá realizarse indistintamente a práctica anterior ou unha práctica específica de oito horas.

2. As prácticas para a habilitación a vela serán supervisadas e certificadas polo instrutor autorizado no modelo establecido no anexo V desta orde

Artigo 11º.-Recoñecemento médico.

1. Os candidatos aos diversos títulos de lecer deberán superar un recoñecemento médico, realizado en impreso oficial, de acordo cos requisitos exixidos na normativa vixente e con carácter previo á realización do exame.

2. Non será preciso realizar o dito recoñecemento se o solicitante realizou algún exame dos regulados nesta orde ou obtivo a expedición ou renovación de calquera título de lecer nos dous últimos anos.

Capítulo IV

Documentación, rexistro, control e profesorado

Artigo 12º.-Expedición de títulos e tarxetas.

1. Superado o exame teórico e realizadas as prácticas correspondentes ou aprobado o exame práctico, o interesado poderá solicitar a emisión do título e da tarxeta correspondentes, segundo o modelo que figura no anexo II desta orde.

2. Xunto coa solicitude debidamente cuberta deberá achegar a seguinte documentación:

-Fotocopia compulsada do DNI ou pasaporte.

-Unha fotografía recente tamaño pasaporte, coa cabeza descuberta e sen gafas escuras.

-Fotocopia compulsada do certificado médico se pasaron máis de dous anos desde o exame teórico.

-Xustificante do pagamento de taxas.

-Certificado das prácticas de seguridade e navegación e de radiocomunicacións, ou certificado do exame práctico.

-Fotocopia compulsada do certificado de validación emitido por un centro oficial de ensino pesqueiro pertencente á Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos (no caso de solicitude de emisión por validación de títulos académicos ou profesionais).

3. A expedición de títulos e tarxetas de lecer deberá ser realizada pola Administración convocante do exame teórico.

Artigo 13º.-Período de validez da documentación.

1. Os títulos non teñen caducidade e as tarxetas terán un período de validez de dez anos desde a data de expedición, transcorrido o cal deberán renovarse, xuntando á correspondente solicitude un novo certificado médico, unha fotografía tamaño carné e o xustificante de pagamento de taxas de renovación

2. Cumpridos os setenta anos de idade, os interesados deberán renovar as tarxetas por períodos de dous anos e con pagamento de taxas especiais.

3. Aquelas persoas que soliciten por primeira vez algunha das titulacións establecidas nesta orde e teñan cumpridos os setenta anos de idade, deberán pagar as taxas completas de expedición.

4. As solicitudes de renovación por caducidade tramitaranse, como mínimo, un mes antes da súa caducidade. No caso de que incorran en caducidade, aplicaranse as taxas correspondentes á expedición.

Artigo 14º.-Renovación de títulos e tarxetas.

1. Ademais dos supostos previstos nos puntos 1 e 2 do artigo anterior, procederá a renovación da tarxeta nos seguintes casos: deterioración, perda ou roubo. A solicitude de renovación deberá realizarse ante a Administración que expediu a tarxeta e presentando a seguinte documentación:

-Solicitude, segundo o modelo que figura no anexo II.

-Unha fotografía recente tamaño carné.

-Fotocopia compulsada do DNI.

-Xustificante do pagamento de taxas de renovación.

-Xustificación da causa que motiva a renovación.

-Certificado médico, se pasaron máis de dous anos desde o exame teórico.

2. Tamén se procederá á renovación do título no caso de deterioración, perda ou roubo, con excepción da caducidade.

Artigo 15º.-Requisitos de titulacións mínimas para o profesorado.

1. Co fin de garantir o cumprimento dos principios de seguridade da vida humana no mar, de seguridade marítima e da navegación, as titulacións mínimas exixidas aos profesores serán:

a) Para as titulacións de patrón para a navegación básica e patrón de embarcacións de lecer:

Patrón de cabotaxe.

Patrón de 1ª clase de pesca litoral.

Patrón de litoral.

Técnico en pesca e transporte marítimo.

b) Para as titulación de patrón de iate e capitán de iate:

Patrón maior de cabotaxe.

Patrón de pesca de altura.

Patrón de altura.

Técnico superior en navegación, pesca e transporte marítimo.

2. Dadas as características especiais e a diversificación da oferta formativa que realizan as escolas homologadas da Comunidade Autónoma de Galicia, non se considera necesario a figura do xefe de estudos para a náutica de lecer nas escolas homologadas.

Artigo 16º.-Inspección educativa das escolas homologadas.

1. Facúltase o Servizo de Ensino e Titulacións Náutico-Pesqueiras para que, a través do seu persoal ou das seccións de formación das delegacións territoriais da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, realice as inspeccións educativas e o seguimento das prácticas de seguridade e navegación nas escolas homologadas por esta consellería. Excepcionalmente, e de acordo coas instrucións emanadas da Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro, esta poderá autorizar o Servizo de Gardacostas para o seguimento e inspección das prácticas de seguridade e navegación.

2. Cando unha escola homologada realice a impartición de cursos fóra das aulas homologadas e do seu domicilio social, deberá comunicar tal circunstancia e solicitar autorización ao Servizo de Ensino e Titulacións Náutico-Pesqueiras.

Disposicións transitorias

Primeira.-As persoas que aprobasen o exame teórico con anterioridade á publicación desta orde e non teñan realizadas as prácticas de seguridade e navegación ou o exame práctico, disporán dun prazo de seis meses para a súa realización; transcorrido o dito prazo sen seren realizadas, someteranse ao disposto na nova normativa.

Segunda.-A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos ofértalles a todas as escolas homologadas desta comunidade a posibilidade de realizar as prácticas de radiocomunicacións nos equipos homologados que posúen os seus centros oficiais de ensino pesqueiro, por un período de seis meses desde a publicación desta orde.

Durante ese período, e para os efectos de cumprir coa normativa relativa ás prácticas de radiocomunicacións, todas as escolas deberán remitir ao Servizo de Ensino e Titulacións Náutico-Pesqueiras a seguinte documentación:

a) Certificado de homologación dos equipos e monitor para a realizacións das prácticas de radiocomunicacións.

b) No caso de que as prácticas de radiocomunicacións se realicen en equipos e con monitores homologados doutras escolas, achegarán unha copia compulsada do acordo ou contrato de cesión ou aluguer realizado por escrito.

Terceira.-As escolas con embarcación homologadas con anterioridade á entrada en vigor da Orde FOM/3200/2007, do 26 de outubro, que non reúnan os requisitos de eslora, disporán dun período de tres anos, contados desde o día seguinte ao da publicación desta orde, para adaptar os barcos ás esloras exixidas no artigo 15 da nova normativa do Ministerio de Fomento (Orde do 26 de outubro de 2007).

Disposicións derrogatorias

Quedan derrogadas todas aquelas disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ao establecido nesta orde, e en particular:

1. Orde do 30 de xullo de 1998 pola que se regula a realización de exames e prácticas de seguridade e navegación para a obtención dos títulos para o goberno das embarcacións de lecer na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Orde do 30 de maio de 2003 pola que se modifica a do 30 de xullo de 1998.

3. Orde do 22 de abril de 1998 pola que se establecen os modelos de tarxetas acreditativas das titulacións para o goberno de embarcacións de lecer e o procedemento para a súa obtención.

4. O punto 2º do artigo 12 da Orde do 31 de xullo de 1998 pola que se regula a normativa para o recoñecemento das escolas de navegación de lecer na Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición adicional

Modifícase o artigo 1 da Orde do 30 de marzo de 1998 pola que se establecen as condicións para a habilitación das federacións náutico-deportivas para expediren a autorización federativa para o goberno de embarcacións de lecer, no referente ao parágrafo: ao abeiro do establecido no artigo 10 da orde do Ministerio de Fomento do 17 de xuño de 1997, que quedará redactado como segue: ao abeiro do establecido no artigo 10 da Orde FOM/3200/2007, do 26 de outubro.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a directora xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro para ditar as normas necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de xaneiro de 2009.

Carmen Gallego Calvar

Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos

Ver referencia pdf "01100D002P019.PDF"