DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 24 Mércores, 04 de febreiro de 2009 Páx. 2.382

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

DECRETO 17/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Plan de prevención de riscos laborais na Administración xeral da Xunta de Galicia.

O artigo 40.2º da Constitución española encomenda aos poderes públicos, como un dos principios reitores da política social e económica, velar pola seguridade e hixiene no traballo.

Neste sentido a Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais, que emana daquel principio constitucional, é o marco normativo estatal na materia de seguridade e saúde laboral, ao mesmo tempo que traspuxo a Directiva 89/391/CEE do Consello, do 12 de xuño de 1989, sobre aplicación de medidas para promover a mellora da seguridade e saúde dos traballadores no traballo.

Tendo consciencia de que a consecución dunha política de prevención de riscos laborais axeitada ás necesidades das traballadoras e traballadores é un obxectivo primordial na nosa Administración, asumiuse a responsabilidade de implantar e aplicar este plan de prevención que debe garantir a seguridade e saúde e a igualdade de oportunidades do persoal ao servizo da Administración da Xunta de Galicia.

Neste sentido xa se creou mediante o Decreto 204/1997, do 24 de xullo, o Servizo de Prevención de Riscos Laborais para o persoal ao servizo da Xunta de Galicia, e tamén fixeron o mesmo, de acordo coa disposición adicional primeira do citado decreto, a Consellería de Educación, respecto do persoal de centros docentes, e a Consellería de Sanidade respecto do persoal e centros dependentes do Servizo Galego de Saúde.

O obxectivo fundamental do plan de prevención de riscos laborais é o de integrar a seguridade e saúde laboral no sistema xeral de xestión da Administración xeral da Xunta de Galicia e fomentar unha auténtica cultura da prevención que asegure o cumprimento efectivo e real das obrigas preventivas.

En razón do anteriormente exposto, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e un de xaneiro de dous mil nove,

DISPOÑO:

Artigo único.-Aprobación do Plan de prevención de riscos laborais na Administración xeral da Xunta de Galicia.

Apróbase o Plan de prevención de riscos laborais que figura no anexo para o ámbito da Administración xeral da Xunta de Galicia.

Disposición adicional

Única.-Facúltase a Consellería de Presidencia, Administracións Publicas e Xustiza para redactar e modificar cantos procedementos sexan necesarios para a aplicación e implantación do Plan de prevención de riscos laborais.

Disposición derradeira

Única.-Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e un de xaneiro de dous mil nove.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ANEXO

Plan de prevención de riscos laborais da Administración xeral da Xunta de Galicia

Índice xeral

1. Organización da prevención de riscos laborais na Administración xeral da Xunta de Galicia. Responsabilidades.

2. Obxecto e ámbito de aplicación.

3. Termos e definicións.

4. Sistema de xestión do Plan de prevención de riscos laborais.

4.1. Requisitos xerais.

4.2. Política de seguridade e saúde laboral.

4.3. Planificación, implementación, funcionamento, verificación e revisión.

4.3.1. Identificación de perigos, control e avaliación de riscos.

4.3.2. Requisitos legais e outros requisitos.

4.3.3. Obxectivos e metas.

4.3.4. Formación, sensibilización e competencia.

4.3.5. Consulta e participación.

4.3.6. Vixilancia da saúde.

4.3.7. Control operacional.

4.3.8. Preparación e resposta ante emerxencias.

4.3.9. Accidentes, incidentes, non conformidades e acción correctora e preventiva.

4.3.10. Xestión de rexistros.

4.3.11. Revisión do Plan de prevención de riscos laborais.

1. Organización da prevención de riscos laborais na Administración da Xunta de Galicia. Responsabilidades.

O Estatuto de autonomía de Galicia, nos seus artigos 15 e 16, prevé que o Parlamento de Galicia determine, mediante lei, a regulación do estatuto persoal, atribucións e responsabilidades do presidente e da Xunta de Galicia. Correspóndelle á Xunta de Galicia establecer as directrices e desenvolver o programa de goberno.

Conforme a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, estableceuse a actual estrutura orgánica, mediante Decreto 211/2005, do 3 de agosto, con adecuación ás competencias que ten asumidas e son propias da comunidade autónoma e tendo en conta os criterios de eficacia e economía que deben inspirar a actuación e a organización administrativa, que queda integrada polos departamentos que figuran no artigo 1º do citado decreto.

A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza asume as competencias en materia de prevención de riscos laborais, en virtude do Decreto 37/2007, do 15 de marzo, polo que se establece a súa estrutura orgánica.

Dependendo da Secretaría Xeral da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e dentro da Subdirección Xeral de Servizos Comúns, está o Servizo de Prevención de Riscos Laborais creado ao abeiro do Decreto 204/1997, do 24 de xullo, para o persoal ao servizo da Administración xeral da Xunta de Galicia, como órgano interno, composto por un conxunto de medios materiais e humanos de carácter pluridisciplinar, con funcións específicas de asesoramento e apoio á empresa, aos traballadores e traballadoras e aos seus órganos de representación en materia de seguridade e saúde laboral.

O Servizo de Prevención de Riscos Laborais, ademais de ter como funcións e obrigas as descritas no artigo 31 da Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais, tamén ten a responsabilidade do desenvolvemento e xestión do propio Plan de prevención de riscos laborais.

As funcións e responsabilidades correspondentes, como consecuencia da aplicación da Lei de prevención de riscos laborais (en adiante LPRL) e da implantación e aplicación do Plan de prevención de riscos laborais (en adiante PdePRL), para cada un dos niveis xerárquicos da organización, van en correlación coa estrutura organizativa:

Consello da Xunta de Galicia:

* Establecer a política da Xunta de Galicia en materia de seguridade e saúde laboral.

* Velar polo cumprimento da lexislación, normas e procedementos internos en materia de seguridade e saúde laboral incorporando transversalmente o principio de igualdade de oportunidades entre homes e mulleres.

Consellería da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza:

* Implantar e impulsar a aplicación do Plan de prevención de riscos laborais de forma que se poida integrar no sistema xeral de xestión da Administración da Xunta de Galicia.

Servizo de Prevención de Riscos Laborais:

As funcións desta unidade son as seguintes:

* A avaliación dos factores de risco que poidan afectar a seguridade e saúde do persoal ao servizo da Administración da Xunta de Galicia.

* Planificación da actividade preventiva.

* A información e formación do persoal en materia de prevención de riscos laborais coa introdución do principio de igualdade.

* A vixilancia da saúde en relación cos riscos derivados do traballo.

* Asesoramento e apoio na prestación dos primeiros auxilios.

* Proposta das medidas de emerxencia nos centros de traballo.

* A elaboración de folletos, circulares informativas e/ou campañas de sensibilización dirixidas ao persoal da Administración xeral tendo en conta a perspectiva de xénero.

* Cantas outras funcións atribuídas ao servizo de prevención deriven da Lei de prevención de riscos laborais e dos seus regulamentos de desenvolvemento.

Consellerías:

* Responsabilidade funcional da correcta aplicación dos requisitos do sistema de xestión do PdePRL.

* Execución das accións preventivas que lle correspondan.

* Xestión e arquivo da documentación e rexistros que lle correspondan.

Responsable do centro de traballo:

Entre as súas funcións, están as seguintes:

* Implantar os procedementos de seguridade e saúde laboral no centro de traballo da súa competencia.

* Subministrar a información que o servizo de prevención precise, para levar a cabo as funcións que ten asignadas: avaliación de riscos, inspeccións de seguridade, etc.

* Establecer a coordinación de actividades empresariais establecidas no Real decreto 171/2004.

* Levar a consulta e participación dos comités de seguridade e saúde correspondentes a documentación do artigo 23 da Lei 31/1995 de prevención de riscos laborais.

* Subministrar a información adecuada para que as persoas integrantes da unidade coñezan e comprendan os riscos existentes nas instalacións e no desempeño das súas tarefas.

* Documentar e, se é o caso, executar as accións preventivas e informar da súa aplicación.

* Notificar as variacións que se produzan nas condicións de traballo.

* Informar, dentro do prazo establecido, dos accidentes e incidentes que aconteceron.

* Xestionar e arquivar a documentación e rexistros que lle correspondan.

Consellería de Economía e Facenda:

A Consellería de Economía e Facenda, como órgano da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia ao que lle corresponden as competencias e funcións que en materia de economía e facenda se establecen no Estatuto de autonomía, ten a responsabilidade básica de levar a cabo a asignación dos recursos económicos, recibindo as propostas de dotación orzamentaria das accións preventivas de cada unha das consellerías para a súa incorporación aos orzamentos xerais, e así dar cumprimento ao descrito no artigo 9 do Real decreto 39/1997, sobre o Regulamento dos servizos de prevención.

Dirección Xeral de Calidade e Avaliación das Políticas Públicas:

Como órgano de inspección cuxo ámbito de actuación comprende todos os organismos, centros, dependencias e unidades da Administración da Xunta de Galicia, correspóndelle velar polo correcto funcionamento dos servizos e que os recursos materiais e humanos sexan utilizados adecuadamente.

Para o cumprimento dos seus fins esta dirección xeral realiza, entre outras, as funcións de inspección e control do funcionamento dos centros, dependencias e unidades da Xunta de Galicia, incluídos os seus organismos autónomos, para a detección de posibles anomalías e deficiencias, así como para examinar e verificar o correcto funcionamento dos medios materiais adscritos aos servizos inspeccionados.

Delegados ou delegadas de prevención:

As delegadas ou delegados de prevención teñen a representación das traballadoras e traballadores naquelas cuestións relacionadas coa prevención de riscos laborais. Elíxense de e entre os delegados e delegadas de persoal de acordo co artigo 35 da LPRL, e o número e distribución figura no Acordo sobre dereitos de participación do persoal ao servizo da Administración da Xunta de Galicia en materia de prevención de riscos laborais.

As competencias e facultades das delegadas e delegados de prevención, así como o sixilo profesional, recóllese nos artigos 36 e 37 da citada Lei de prevención de riscos laborais.

Comité de Seguridade e Saúde Laboral Intercentros:

Creado e regulado ao abeiro da resolución pola que se ordena o rexistro e publicación no Diario Oficial de Galicia do Acordo sobre dereitos de participación do persoal ao servizo da Administración da Xunta de Galicia en materia de prevención de riscos laborais. Este comité, de carácter tamén paritario, é o máximo órgano de consulta, información e participación do persoal ao servizo da Administración da Xunta de Galicia, en materia de prevención de riscos laborais e planificación preventiva.

* Trata aspectos da prevención de riscos de carácter xeral que afecten todo o ámbito, e os seus acordos vinculan a todos os demais comités de seguridade e saúde laboral.

* A competencia, composición, e facultades específicas do Comité de Seguridade e Saúde Intercentros están recollidas no seu propio regulamento de funcionamento, así como no propio artigo 39 da LPRL.

Comités de seguridade e saúde laboral:

Son órganos paritarios e colexiados de participación destinados á consulta regular e periódica en materia de prevención de riscos. O seu número e composición figura no Acordo sobre dereitos de participación do persoal ao servizo da Administración da Xunta de Galicia en materia de prevención de riscos laborais.

* As súas competencias e facultades están reguladas pola Lei de prevención de riscos laborais, no seu artigo 39.

Empregadas e empregados públicos:

* As obrigas das traballadoras e traballadores en materia de prevención de riscos laborais, así como o seu incumprimento, está regulado polo artigo 29 da LPRL.

2. Obxecto e ámbito de aplicación.

O Plan de prevención de riscos laborais ten como obxectivo básico integrar a prevención de riscos laborais nos sistemas xerais de xestión da propia Administración e desenvolver a política, abranguendo tanto o conxunto das actividades como todos os niveis xerárquicos. Esta integración implica que debe proxectarse nos procesos técnicos, na organización do traballo e nas condicións en que este se desenvolve.

A súa integración a todos os niveis xerárquicos implica a atribución a todos eles, e a asunción por estes, da obriga de incluír a prevención de riscos en calquera actividade que realicen ou ordenen e en todas as decisións que adopten.

As traballadoras e traballadores e os seus representantes deberán contribuír á integración da prevención de riscos laborais na empresa e colaborar na adopción e cumprimento das medidas preventivas a través da participación que se lles recoñece no capítulo V da LPRL.

O PdePRL unha vez publicado, debe ser asumido por toda a estrutura organizativa e coñecido por todos/as os/as empregados/as públicos.

O ámbito de actuación e aplicación será para o persoal delimitado no punto 1 da Resolución do 19 de xullo de 2008 da Dirección Xeral de Relacións Laborais pola que se ordena o rexistro e publicación no Diario Oficial de Galicia do Acordo sobre dereitos de participación do persoal ao servizo da Administración da Xunta de Galicia en materia de prevención de riscos laborais, con exclusión do persoal dos centros educativos da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e persoal das institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde.

Así mesmo, quedan excluídos os entes públicos e as fundacións que polas súas peculiaridades deberán crear os seus propios comités de seguridade e saúde en función do sinalado no articulado da Lei 31/1995, de prevención de riscos laborais.

3. Termos e definicións.

Accidente: suceso non dexexado que pode dar lugar á morte, enfermidade, ferida, dano ou outra perda.

Auditoría: revisión sistemática para determinar se as actividades e resultados correspondentes están conformes cos acordos establecidos, e se estes acordos se están implantado eficazmente e son adecuados para conseguir os obxectivos e a política da organización.

Mellora continua: proceso de mellora do Plan de prevención de riscos laborais, para conseguir melloras das actuacións no devandito campo, en liña coa política de prevención de riscos laborais da organización.

Perigo: un foco ou unha actuación cun potencial capaz de danar en termos de lesión humana, enfermidade, dano á propiedade, ao contorno do lugar de traballo ou unha combinación destes.

Identificación do perigo: proceso de recoñecemento de que existe un perigo e definición das súas características.

Incidente: suceso que pode provocar un accidente ou que ten o potencial para chegar a provocar un accidente, inclúe o concepto de accidente branco.

Partes interesadas: individuo ou grupo a quen inflúe ou afecta directamente o comportamento da seguridade e saúde laboral (en diante SSL) nunha organización.

Non conformidade: calquera desviación dos estándares de traballo, prácticas, procedementos, regulacións, actuacións da SSL que puidesen directa ou indirectamente levar a lesións e enfermidades persoais, dano á propiedade, dano ao contorno do lugar de traballo ou unha combinación de todos eles.

Obxectivos: obxectivos en termos de actuación da SSL que unha organización se fixa alcanzar. Deberían ser cuantificados en canto sexa posible.

Saúde e seguridade laboral: condicións e factores que afectan o benestar dos traballadores e traballadoras, persoal temporal, persoal subcontratado, visitantes e calquera outra persoa no lugar de traballo.

Risco: posibilidade de que un traballador ou traballadora sufra un determinado dano derivado do traballo. Para cualificar un risco desde o punto de vista da súa gravidade, valorarase conxuntamente a probabilidade de que se produza o dano e a severidade deste.

Avaliación do risco: proceso global de estimación da magnitude do risco e a decisión sobre se o risco é ou non tolerable.

Seguridade: inmunidade fronte a un inaceptable risco de dano.

Risco trivial: un risco que non require ningunha acción singular.

Risco tolerable: non se necesita mellorar a acción preventiva en xeral. Débense considerar solucións máis rendibles. Comprobacións periódicas para asegurar as medidas de control.

Risco moderado: facer esforzos para reducir o risco, cos medios precisos.

Risco importante: non comezar o traballo ata reducir o risco. Precisaranse recursos considerables. Se se está a realizar o traballo, remediar o problema nun prazo mínimo.

Risco intolerable: non debe comezarse ou continuar o traballo ata reducir o risco. Se non é posible reducir o risco, débese prohibir o traballo.

Prevención: conxunto de actividades ou medidas adoptadas ou previstas en todas as fases de actividade co fin de evitar ou diminuír os riscos derivados do traballo.

Danos derivados do traballo: enfermidades, patoloxías ou lesións sufridas con motivo ou ocasión do traballo.

Risco laboral grave e inminente: aquel que resulte probable racionalmente que se materialice nun futuro inmediato e poida supoñer un risco grave para a saúde das traballadoras e traballadores. No caso de exposición a axentes susceptibles de causar danos graves á saúde das traballadoras e traballadores, considerarase que existe risco grave e inminente cando sexa probablemente razoable que se materialice nun futuro inmediato unha exposición aos devanditos axentes da cal poidan derivar danos graves para a saúde, aínda cando estes non se manifesten de forma inmediata.

Procesos, actividades, operacións, equipos ou produtos potencialmente perigosos: aqueles que, en ausencia de medidas preventivas especificas, orixinen riscos para a seguridade e a saúde dos traballadores e traballadoras que o desenvolvan ou utilicen.

Equipos de traballo: calquera máquina, aparello, instrumento ou instalación utilizada no traballo.

Condición de traballo: calquera característica deste que poida ter unha influencia significativa na xeración de riscos para a seguridade e a saúde do persoal traballador. Quedan especificamente incluídas nesta definición:

-As características xerais dos locais, instalacións, equipos, produtos e demais útiles existentes no centro de traballo.

-A natureza dos axentes físicos, químicos e biolóxicos presentes no ambiente de traballo e as súas correspondentes intensidades, concentracións ou niveis de presenza.

-Os procedementos para a utilización dos axentes citados anteriormente que inflúan na xeración dos riscos mencionados.

-Todas aquelas características do traballo, incluídas as relativas á súa organización e ordenación, que inflúan na magnitude dos riscos a que está exposto o persoal traballador.

Equipo de protección individual: calquera equipo destinado a ser levado ou suxeitado polo traballador ou traballadora para que o/a protexa dun ou varios riscos que poidan ameazar a súa seguridade ou saúde no traballo, así como calquera complemento ou accesorio destinado para tal fin.

Principio de igualdade: implica o igual recoñecemento e valoración de homes e mulleres, así coma das tarefas, funcións e roles que desenvolven.

Transversalidade de xénero: estratexia que implica a integración da perspectiva de xénero en todas as accións, áreas e políticas públicas sen excepción.

Sexo: características biolóxicas dos seres humanos, diferenciais para varóns e mulleres.

Xénero: características socioculturais atribuídas diferencialmente a varóns e mulleres, que son aprendidas e mudables.

Acoso: situación en que unha persoa ou grupo de persoas exercen violencia psicolóxica e, en ocasións, incluso física, de xeito sistemático e recorrente por un período de tempo prolongado.

Paridade: proporcionalidade na representación de homes e mulleres.

Conciliación da vida laboral, persoal e familiar: organización do contorno laboral que facilita a mulleres e homes a atención ao traballo remunerado, ás responsabilidades familiares e ás necesidades persoais.

Carga global de traballo: cómputo total do traballo remunerado e o non remunerado realizado polas traballadoras e traballadores.

4. Sistema de xestión.

4.1. Requisitos xerais.

Neste número descríbense os requisitos do sistema de xestión do Plan de prevención de riscos laborais que se vai implantar e aplicar.

O sistema de xestión do Plan de prevención de riscos laborais está deseñado para asegurar que o compromiso sobre seguridade e saúde laboral asumido polo Consello da Xunta de Galicia se ten en consideración e se leva á práctica en todas as súas actividades, procesos e servizos.

O PdePRL integrará o principio de igualdade na política preventiva da Administración da Xunta de Galicia coa finalidade de evitar que polas diferenzas físicas entre mulleres e homes ou polos estereotipos sociais asociados se produzan desigualdades entre unhas e outros.

O sistema debe ser capaz de:

* Identificar e valorar os aspectos relacionados coa seguridade e saúde laboral nas actividades, procesos e servizos actuais ou pasados, así como nos causados por incidentes, accidentes ou situacións de emerxencia.

* Identificar os requisitos legais, regulamentarios ou outros compromisos aplicables en materia de seguridade e saúde laboral subscritos pola Xunta de Galicia.

* Posibilitar a identificación de prioridades e a definición dos obxectivos e metas en materia de seguridade e saúde laboral.

* Facilitar as actividades de planificación, control, auditoría e revisión para asegurar que a política se cumpre e continúa sendo axeitada.

* Evolucionar para adaptarse ao cambio de circunstancias.

* Posibilitar a mellora continua do comportamento en materia de seguridade e saúde laboral.

* Incorporar de maneira transversal o principio de igualdade e non discriminación en todas as súas actuacións.

O sistema de xestión do PdePRL debe ser entendido, implantado e aplicado por e a todos os niveis xerárquicos da Administración, e cada responsable dos diferentes departamentos ou centros de traballo coñecelo, asumilo e facelo cumprir a todo o persoal ao seu cargo.

4.2. Política de seguridade e saúde laboral.

A través da política en materia de seguridade e saúde laboral detállanse os principios e compromisos aplicables a todas as actividades, procesos e servizos de todos os departamentos e centros de traballo que integran a Administración xeral da Xunta de Galicia.

A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza será a encargada de que:

* Se coñeza, se implante, se actualice e se revise.

* Se propoña aos órganos de representación á consulta e participación.

4.3. Planificación, implementación, funcionamento, verificación e revisión.

Defínense neste número os elementos necesarios para a consecución dos obxectivos xerais recollidos na política de seguridade e saúde laboral.

Os elementos do sistema de xestión do PdePRL descríbense a continuación.

4.3.1. Identificación de perigos, control e avaliación de riscos.

Segundo os perigos identificados realizarase a avaliación inicial dos riscos para a seguridade e saúde dos traballadores, tendo en conta, con carácter xeral, a natureza da actividade, as características do posto de traballo existentes e do persoal que debe desenvolvelos. Igual avaliación se deberá facer con ocasión da elección dos equipos de traballo, das substancias ou preparados químicos e do acondicionamento dos lugares de traballo.

A avaliación será actualizada cando cambien as condicións de traballo e, en todo caso, someterase á consideración e revisarase, se fose necesario, con ocasión dos danos para a saúde que se tivesen producido.

A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza levará a cabo estas tarefas a través do Servizo de Prevención de Riscos Laborais e coa participación e consulta dos traballadores e traballadoras a través dos órganos especializados en materia de prevención de riscos laborais.

4.3.2. Requisitos legais e outros requisitos.

Este número refírese á sistemática para identificar, ter acceso, interpretar e manter ao día os requisitos legais, regulamentarios e outros requisitos en materia de prevención de riscos laborais, aplicables ás actividades, procesos e servizos relativos á seguridade e saúde laboral.

Para a identificación destes requisitos, teranse en conta os seguintes niveis:

-Europeo.

-Nacional.

-Autonómico e local.

O Servizo de Prevención de Riscos Laborais é o encargado de identificar e manter ao día un rexistro dos requisitos aplicables en materia de prevención de riscos laborais ás actividades, procesos e servizos da súa competencia.

4.3.3. Obxectivos e metas.

Correspóndelle a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza establecer os obxectivos coherentes coa política en materia de seguridade e saúde laboral e o compromiso de mellora continua, incorporando a perspectiva de xénero.

Para isto fixaranse metas específicas e cuantificables para a consecución dos obxectivos a alcanzar que lles sexan de aplicación.

As persoas responsables dos distintos departamentos e centros de traballo da Administración da Xunta de Galicia, o Servizo de Prevención de Riscos Laborais, os órganos de representación e os delegados e delegadas de prevención do ámbito, corresponsabilizaranse na consecución dos obxectivos e metas.

Os obxectivos e metas serán revisados periodicamente pola Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza co asesoramento e colaboración do Servizo de Prevención e coa participación dos órganos de representación.

4.3.4. Formación, sensibilización e competencias.

Este número establece as necesidades de formación do persoal da Administración xeral da Xunta de Galicia en materia de seguridade e saúde laboral tendo en conta a introdución do principio de igualdade.

A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza planificará anualmente e impartirá a formación en materia de seguridade e saúde laboral, para o que contará coa Escola Galega de Administración Pública e co Servizo de Prevención de Riscos laborais.

A formación partirá dunha avaliación de necesidades de entre o persoal funcionario e terá en conta as incorporacións de persoal, as modificacións lexislativas e as melloras tecnolóxicas. Deste xeito tratarase de acadar a mellora dos programas de acción formativa así como abranguer a todo o persoal.

4.3.5. Consulta e participación.

Neste número descríbese a sistemática que se debe seguir para:

* A consulta ás delegadas e delegados de prevención en materia de prevención de riscos laborais.

* Asegurar a comunicación interna vertical e horizontal.

* Regular as canles para a recepción, documentación e resposta de comunicacións relevantes coas partes interesadas.

* Xestionar as comunicacións externas relacionadas coa xestión de prevención de riscos laborais.

A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza a través do Servizo de Prevención promoverá a información ás traballadoras e traballadores en materia de seguridade e saúde laboral e procurará especialmente que esta información sexa igualmente adecuada para unhas e outros.

As distintas consellerías da Xunta de Galicia facilitaranlle ao persoal ao seu servizo a información, comunicacións e instrucións en materia de prevención.

4.3.6. Vixilancia da saúde.

Establécese neste número a metodoloxía para a correcta xestión da vixilancia da saúde do persoal ao servizo da Administración da Xunta de Galicia tendo en conta as desigualdades que poden producirse en función do xénero.

A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza será a encargada de garantir a todas as traballadoras e traballadores a vixilancia periódica do seu estado de saúde en función dos riscos inherentes ao seu traballo, dos derivados das condicións de desenvolvemento deste, das circunstancias persoais, da carga global de traballo dunhas e doutros e das características propias de cada un dos sexos.

A vixilancia da saúde só poderá levarse a cabo cando o traballador ou a traballadora preste o seu consentimento. Deste carácter voluntario só se exceptuarán, logo de informe dos órganos de representación do persoal, os supostos en que a realización dos recoñecementos sexa imprescindible para avaliar os efectos das condicións de traballo sobre a saúde do devandito persoal ou para verificar se o estado de saúde do traballador ou traballadora pode constituír un perigo para a súa persoa, para o restante persoal ou para outras persoas relacionadas coa empresa ou cando estea relacionado nunha disposición legal en relación coa protección de riscos específicos e actividades de especial perigosidade.

En todo caso, deberase optar pola realización daqueles recoñecementos ou probas que causen as menores molestias á persoa traballadora e que sexan proporcionais ao risco.

As medidas de vixilancia e control da saúde da traballadora ou traballador levaranse a cabo respectando sempre o dereito á intimidade e á dignidade da persoa e a confidencialidade de toda a información relacionada co seu estado de saúde.

Os resultados da vixilancia da saúde serán comunicados ás persoas afectadas.

Os datos relativos á vixilancia da saúde do persoal non poderán ser usados con fins discriminatorios nin en prexuízo do traballador ou traballadora.

Non obstante, as persoas responsables dos distintos departamentos ou centros de traballo recibirán información das conclusións que deriven dos recoñecementos efectuados en relación coa aptitude do traballador ou traballadora para o desempeño do posto de traballo ou coa necesidade de introducir ou mellorar as medidas de protección e prevención. A dita información indicará, de ser o caso, se existe a necesidade de adoptar medidas específicas para protexer e previr determinados riscos laborais susceptibles de producirse por razón de sexo ou derivar das circunstancias relacionadas co sexo das traballadoras e traballadores.

As medidas de vixilancia e control da saúde do persoal traballador levaraas a cabo o persoal sanitario con competencia técnica, formación e capacidade acreditada.

A documentación relativa á práctica dos controis do estado de saúde das traballadoras e traballadores e as conclusións obtidas delas serán custodiados conforme as normas de protección de datos de carácter persoal.

O persoal sanitario encargado de realizar a vixilancia da saúde actuará de maneira coordinada co Servizo de Prevención de Riscos Laborais no exercicio das funcións referidas a:

* Vixilancia da saúde das traballadoras e traballadores.

* Promoción da saúde e vixilancia hixiénico-sanitaria nos lugares de traballo atendendo especificamente ás diferentes necesidades que poidan producirse por cuestión de xénero.

* Estudo, investigación e tratamento de datos desagregados por sexo e circunstancias relacionadas co sexo, das causas das enfermidades e accidentes que se produzan por motivos de saúde para os efectos de determinar a súa posible relación cos riscos que poidan presentarse nos lugares de traballo.

* Estudo dos accidentes de traballo e das enfermidades profesionais que se manifestan de maneira exclusiva ou significativamente predominante sobre un só dos sexos, coa finalidade de detectar e de previr as súas causas.

* Estudo e proposta de medidas preventivas para adoptar en relación cos expedientes de cambios de postos de traballo por motivos de saúde e en relación cos traballadores e coas traballadoras especialmente sensibles a determinados riscos, en situación de embarazo, parto recente ou lactación natural.

* Asistencia de primeiros auxilios e urxencias.

* Participación na esfera das súas competencias na elaboración e desenvolvemento de programas de información e formación.

* Colaboración coas autoridades sanitarias para prover o sistema de información sanitaria en saúde laboral.

4.3.7. Control operacional.

Este número ten por obxecto establecer a metodoloxía para a identificación e planificación das actividades e operacións con riscos relevantes, para elaborar procedementos ou instrucións de traballo documentados, onde se detalle como realizaron as mesmas en condicións de seguridade e especificando a existencia, se é o caso, de riscos que poden ter efectos diferenciais por razón de sexo.

As persoas responsables dos diferentes departamentos e/ou centros de traballo serán os encargados de planificar aquelas actividades e procesos con riscos relevantes que afecten a seguridade e saúde laboral, para asegurar que se desenvolven en condicións controladas, integrando activamente o principio de igualdade. Para iso contarán co asesoramento e apoio do Servizo de Prevención de Riscos Laborais e cos órganos de participación das traballadoras e traballadores, sendo ademais responsabilidade das persoas titulares dos departamentos e/ou centros de traballo o control destas actividades.

4.3.8. Preparación e resposta ante emerxencias.

Este número ten por obxecto que todos os centros e establecementos da Administración da Xunta de Galicia conten coas medidas de emerxencia establecidas no artigo 20 da Lei 31/1995, do 8 de novembro, para asegurar a preparación e resposta ante emerxencias, loita contra o lume ou primeiros auxilios do persoal traballador.

As persoas responsables dos distintos centros de traballo ou departamentos analizarán as posibles situacións de emerxencia que se poidan presentar en virtude das peculiaridades de cada centro de traballo e da actividade desenvolvida, para asegurar que se lles dará unha resposta axeitada acorde coas distintas circunstancias. Para iso contarán co asesoramento e apoio do Servizo de Prevención de Riscos Laborais e cos órganos de participación das traballadoras e traballadores.

4.3.9. Accidentes, incidentes, non conformidades e acción correctora e preventiva.

Este apartado ten por obxecto definir a sistemática empregada para a identificación e investigación dos accidentes, incidentes e o tratamento de non conformidades, tendo en conta o principio de igualdade entre mulleres e homes.

Correspóndelle ao Servizo de Prevención a investigación de accidentes e incidentes, corresponsabilizándose cada departamento da Xunta de Galicia do establecemento das accións correctivas ou preventivas dirixidas a eliminar as causas do accidente, incidente ou non conformidade.

As reclamacións, queixas ou denuncias serán tratadas como non conformidades cando da súa avaliación se deduza que existe incumprimento cos requisitos do sistema de xestión do PdePRL.

4.3.10. Xestión dos rexistros.

Ten por obxecto establecer e manter procedementos para a identificación, mantemento e disposición dos rexistros xerados no desenvolvemento do sistema de xestión do PdePRL.

O arquivo e, se é o caso, a obtención dos distintos rexistros en materia de prevención de riscos laborais, correspóndenlle a cada un dos departamentos e/ou centros de traballo que os orixinan, sen prexuízo dos que lle correspondan ao servizo de prevención.

A correcta xestión dos rexistros é esencial para o funcionamento do sistema de xestión do PdePRL e ten como obxectivo fundamental evidenciar o comportamento referido á seguridade e saúde laboral dos distintos departamentos.

Estes rexistros deben ser identificables coas actividades a que se refiren e estar asinados e datados pola persoa que realizou a actividade; os datos, se é o caso, deben estar desagregados por sexo e por circunstancias relacionadas co sexo.

4.3.11. Revisión do PdePRL.

O obxecto é describir a sistemática que se debe seguir para a revisión do PdePRL co fin de asegurar que segue sendo axeitado á especificidade da súa organización, que se adecua aos mandatos legais e que se integra de forma efectiva.

Correspóndelle a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza a revisión do sistema de xestión do PdePRL con base nos resultados e información proporcionada polas persoas responsables dos departamentos e/ou centros de traballo, do Servizo de Prevención e dos órganos de participación na materia, de forma periódica, salvo circunstancias que impliquen unha revisión extraordinaria.

As revisións do sistema de xestión do PdePRL terán en conta, como mínimo:

* O grao de consecución de obxectivos.

* O estudo das non conformidades e accións correctoras e/ou preventivas.

* A política de seguridade e saúde laboral e a necesidade de cambios debida a:

-Cambios na lexislación.

-Cambios nas expectativas e requisitos das partes interesadas.

-Cambios nas actividades, procesos ou servizos da organización.

-Cambios derivados da integración da igualdade na política preventiva.

-Cambios derivados da investigación de accidentes, incidentes e emerxencias de seguridade e saúde laboral.

-Cambios na información e comunicación.