DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 26 Venres, 06 de febreiro de 2009 Páx. 2.568

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

RESOLUCIÓN do 29 de xaneiro de 2009, da Secretaría Xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, pola que se lle dá publicidade ao acordo entre esta consellería e as organizacións sindicais sobre a xornada de traballo do persoal subalterno e sobre as retribucións do persoal subalterno e auxiliar administrativo que presta servizos nos centros educativos dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

O día 31 de xullo de 2008 a conselleira de Educación e Ordenación Universitaria e as organizacións sindicais CIG, CC.OO., UGT e CSIF chegaron a un acordo sobre a xornada de traballo do persoal subalterno que presta servizos nos centros educativos, e sobre as retribucións do persoal subalterno e auxiliar administrativo que presta servizos nos centros educativos públicos dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Este acordo foi ratificado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día 11 de setembro de 2008.

En aplicación do artigo 38 da Lei 7/2007, do 12 de abril, do Estatuto básico do empregado público, procede ordenar a publicación deste acordo no Diario Oficial de Galicia. Na súa virtude, esta secretaría xeral

RESOLVE:

Ordenar a publicación no Diario Oficial de Galicia do acordo entre a conselleira de Educación e Ordenación Universitaria e as organizacións sindicais CIG, CC.OO., UGT e CSIF, do 31 de xullo de 2008, sobre a xornada de traballo do persoal subalterno que presta servizos nos centros educativos, e sobre as retribucións do persoal subalterno e auxiliar administrativo que presta servizos nos centros educativos públicos dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 29 de xaneiro de 2009.

Benito Fernández Rodríguez

Secretario xeral da Consellería de Educación

e Ordenación Universitaria

ANEXO

En Santiago de Compostela, 31 de xullo de 2008.

Reunidos:

Dunha parte, Laura Sánchez Piñón, conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, en nome e representación da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e,

Doutra parte, as organizacións sindicais que asinan ao final deste documento,

Sobre a xornada de traballo do persoal subalterno que presta servizos nos centros educativos, e sobre as retribucións do persoal subalterno e persoal auxiliar administrativo que presta servizos nos centros educativos públicos dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

Acordan:

Primeiro.-Xornada de traballo do persoal funcionario subalterno que presta servizos nos centros educativos dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

A xornada de traballo do persoal funcionario do corpo subalterno que presta servizos nos centros educativos dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria debe ser a fixada con carácter xeral para o persoal funcionario, de trinta e sete horas e trinta minutos á semana, como establece o Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 6 de febreiro de 1990.

Non obstante, as singularidades que se presentan nos centros educativos exixe o establecemento e inclusión na relación de postos de traballo da consellería dun horario especial para o persoal pertencente ao corpo de subalternos, diferente ao establecido con carácter xeral polo acordo do Consello da Xunta de Galicia xa mencionado e que vai entre as 7.45 horas e as 15.15 horas, en período de luns a venres, ambos incluídos.

En consecuencia, a xornada de traballo do persoal subalterno que presta servizos nos centros educativos dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria rexerase polas seguintes normas:

1. Os horarios do persoal de administración e servizos forma parte do documento de organización do centro e poderán ser consultados en calquera momento por todos os membros da comunidade educativa.

2. A xornada de traballo do persoal funcionario do corpo subalterno que presta servizos nos centros educativos terá a duración máxima de 37 horas e 30 minutos semanais establecida de forma xeral para todos os funcionarios públicos e poderá ter en conta horarios específicos nos períodos non lectivos. A dita xornada desenvolverase entre as 7.45 horas e as 23.00 horas, de luns a venres, e deberá cumprirse integramente no centro ou centros educativos en que se está destinado, distribuíndose en xornada continuada ou partida, de acordo coas necesidades de cada centro. Garantirase á funcionaria ou funcionario un descanso mínimo de 12 horas entre cada quenda de traballo. A xornada de traballo non excederá as sete horas e media ao día.

3. A xornada de traballo, partida ou continua, e o horario do persoal será establecido pola dirección do centro educativo, logo da negociación co persoal afectado, e organizarase en réxime de xornada continuada sempre que sexa posible. Preferirase o establecemento de quendas de traballo diferenciadas ás xornadas partidas de mañá e tarde. Nos centros educativos onde sexa necesario que as funcionarias e funcionarios subalternos fagan xornada partida, agás acordo unánime en contra das funcionarias e funcionarios afectados, gozarán dun descanso de dúas horas entre o final da xornada de mañá e o inicio da xornada de tarde.

4. Poderá regularse un horario diferente do habitual para determinados días do ano. De non poder determinarse os días concretos no documento de organización do centro, deberá realizarse un aviso previo con sete días naturais de antelación. Estes días deberán ter unha causa xustificada como a celebración de claustros, probas ou avaliacións e non poderán exceder os dez días no curso académico.

5. A xornada de traballo e os horarios estableceranse por un curso académico, entendéndose automaticamente prorrogado agás que se produzan cambios no centro educativo que aconsellen a súa modificación, como poden ser o establecemento de novos servizos ou novas ensinanzas ou circunstancias análogas.

Sen prexuízo do anterior, poderá modificarse a xornada de traballo por acordo entre a dirección e o persoal subalterno.

6. Agás casos moi excepcionais non se poderá modificar a xornada de traballo e os horarios durante o curso académico. Nestes supostos, seguirase o mesmo procedemento que para o establecemento da xornada e horarios se describe no número 7 deste acordo.

7. O establecemento e a modificación da xornada de traballo e dos horarios correspóndelle á dirección do centro, logo da negociación co persoal funcionario afectado. Entre a convocatoria que se realice ao persoal funcionario afectado e a reunión formal coa dirección do centro para tratar este tema debe existir un prazo mínimo de sete días naturais.

8. A resolución pola que se establece ou modifica a xornada de traballo e o horario será executiva, e será notificada ao persoal afectado con sete días naturais de antelación, remitindo copia á Xunta de Persoal.

9. Unha vez establecidas as características da xornada do centro, e salvo acordo das funcionarias e funcionarios, establecerase un sistema de quendas aplicando os principios de igualdade e non discriminación e atendendo en todo caso ás normas xerais de conciliación da vida laboral e familiar. A adxudicación das quendas efectuarase prioritariamente con carácter voluntario e, a falta de acordo con elas, por rotación. A rotación das quendas farase con carácter anual, ao comezo de cada curso académico.

10. No caso de ausencias do persoal subalterno por causa de baixa médica ou outras circunstancias, a adxudicación da quenda do persoal subalterno ausente efectuarase prioritariamente con carácter voluntario e, a falta de acordo entre todos os funcionarios afectados, por rotación diaria, sen que a xornada poida exceder as sete horas e media ao día.

11. Se no establecemento ou na modificación da xornada de traballo polo procedemento establecido no número 7 non existise acordo unánime de todo o persoal afectado, o persoal subalterno poderá solicitar a intervención dunha comisión configurada polo secretario ou secretaria provincial da delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, que a presidirá, a Xefatura Provincial da Inspección Educativa, dous directores ou directoras da Xunta Provincial de Directores, un representante da Xunta de Persoal e unha persoa designada polos sindicatos máis representativos.

Esta comisión solicitará ao centro educativo, no prazo de dez días desde a petición, a documentación relativa ao establecemento da xornada de traballo e dos horarios á dirección do centro educativo, así como un informe. Entre a documentación figurará, polo menos, a proposta de horarios e a súa motivación, os cadros horarios establecidos, as alegacións formuladas polo persoal afectado así como a acta da consulta efectuada.

A comisión solicitará, así mesmo, informe á Xunta de Persoal, que deberá emitilo no prazo de 20 días hábiles.

A comisión ditará resolución no prazo de dez días hábiles desde a recepción do informe da Xunta de Persoal ou, no seu defecto, desde que transcorreu o prazo para que se emitise.

Disposición transitoria

A cláusula establecida no número 5 deste acordo resultará de aplicación aos horarios vixentes no curso académico 2007/2008.

Segundo.-Retribucións do persoal subalterno que presta servizos nos centros educativos dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Con efectividade do 1 de setembro do ano 2008, as retribucións do persoal subalterno que presta servizos nos centros educativos dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria experimentarán un incremento de setenta euros mensuais no seu complemento específico.

Terceiro.-Retribucións do persoal auxiliar administrativo que presta servizos nos centros educativos dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Todos os postos de traballo dos centros educativos dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria correspondentes a persoal funcionario clasificado no subgrupo C2, de nivel de complemento de destino 12, pasarán, con efectividade do 1 de setembro de 2008, a nivel de complemento de destino 14, o que implicará os correspondentes incrementos no complemento de destino e no complemento específico do persoal afectado.

Cuarto.-Comisión de seguimento.

Coa finalidade de asegurar a correcta aplicación e interpretación deste acordo, constituirase unha comisión de seguimento formada por representantes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e das organizacións sindicais asinantes deste acordo.

Esta comisión, no mes de setembro, abordará a aplicación deste acordo ao persoal laboral que ocupe na relación de postos de traballo prazas de persoal funcionario en centros de ensino a través da negociación colectiva promovendo as modificacións retributivas que, en todo caso, terán efectos económicos do día 1 de setembro de 2008.

Esta comisión reunirase por solicitude de calquera das partes.

Pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria: Laura Sánchez Piñón.

Polas organizacións sindicais:

-Pola CIG: Manuel Gallardo Canitrot.

-Por CC.OO.: Amparo Vites Miranda

-Por UGT: José Francisco. Núñez Rodríguez.

-Por CSIF: Rogelio Rojo Carrillo.