DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 45 Xoves, 05 de marzo de 2009 Páx. 4.713

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

DECRETO 42/2009, do 21 de xaneiro, polo que se regula a certificación enerxética de edificios de nova construción na Comunidade Autónoma de Galicia.

Preámbulo

A sociedade actual, na súa busca continua do maior benestar, é cada vez máis demandante de enerxía para manter a actividade económica e o nivel de vida da súa poboación. En Galicia, os consumos enerxéticos na área de edificación, tanto no sector servizos como no sector doméstico, aumentaron nos últimos anos a un maior ritmo que noutros territorios de España a consecuencia do aumento da actividade económica, do turismo e da calidade de vida.

Mellorar as prestacións, a habitabilidade e o confort dos edificios e vivendas cun menor consumo de enerxía que faga posible a sustentabilidade do sistema a longo prazo é un reto que ten encomendado a sociedade en xeral e as administracións públicas en particular. Desde estas últimas estase lexislando e regulamentando para conseguir os obxectivos de redución dos indicadores de intensidade enerxética e de emisións de dióxido de carbono. Por iso, estanse desenvolvendo diversas iniciativas para incorporar a idea de aforro e eficiencia enerxética como son a mellora da calidade da edificación e, por tanto, do seu comportamento enerxético, reducindo, por unha parte, a demanda enerxética e mellorando, por outra, o rendemento das instalacións consumidoras de enerxía, alén da incorporación das enerxías renovables co fin de reducir a dependencia externa da subministración de enerxía.

Nesta liña de acción, as consellerías de Vivenda e Solo e Innovación e Industria veñen traballando no desenvolvemento normativo da certificación enerxética de edificios, obxecto deste decreto, que, conxuntamente co recentemente aprobado Decreto 159/2007, do 26 de xullo, polo que se regula o sistema de acreditación das entidades de control de calidade na edificación e se crea o Rexistro Único de Entidades e Laboratorios Acreditados na Comunidade Autónoma de Galicia, constituirán a base estrutural do cumprimento e verificación da eficiencia enerxética das edificacións.

No ámbito das competencias de desenvolvemento lexislativo que corresponden á Comunidade Autónoma de Galicia este decreto desenvolve o Real decreto 47/2007, do 19 de xaneiro, polo que se aproba o procedemento básico para a certificación de eficiencia enerxética de edificios de nova construción.

A certificación de eficiencia enerxética é o proceso polo cal se verifica a conformidade da cualificación de eficiencia enerxética. A cualificación de eficiencia enerxética dun edificio permite ao usuario coñecer, de forma sinxela e obxectiva, o comportamento enerxético do edificio. A calidade enerxética do edificio pasa así a ser un parámetro máis a ter en conta na decisión de mercar, potenciándose unha maior demanda de inmobles enerxeticamente eficientes e fomentando os investimentos en aforro de enerxía.

O 13 de setembro de 1993 a Unión Europea aprobou a Directiva 93/76/CEE co obxectivo de que os estados membros limitasen as emisións de dióxido de carbono con base na mellora da eficiencia enerxética. Para iso debían establecer e aplicar programas en varios ámbitos de actuación, entre eles, a certificación enerxética de edificios e o illamento térmico dos edificios novos.

O desenvolvemento normativo estatal e autonómico no ámbito da eficiencia enerxética na edificación desenvólvese seguindo as directrices da Directiva 2002/91/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 16 de decembro de 2002, relativa á eficiencia enerxética dos edificios. Esta establece a obriga de poñer á disposición dos que mercan ou dos usuarios dos edificios un certificado de eficiencia enerxética. Este certificado debe ter información obxectiva sobre as características enerxéticas dos edificios, de xeito que se poida valorar e comparar a súa eficiencia enerxética.

O Real decreto 47/2007, do 19 de xaneiro, en que se aproba o procedemento básico para a certificación enerxética de edificios de nova construción, é unha das medidas de desenvolvemento do Plan de acción de aforro e eficiencia enerxética no sector da construción en España, sendo unha transposición parcial da Directiva 2002/91/CE. Este real decreto ten como obxectivo principal establecer o procedemento básico que debe cumprir a metodoloxía de cálculo da cualificación de eficiencia enerxética, considerando os factores de maior incidencia no consumo de enerxía dos edificios de nova construción ou que se modifiquen, reformen ou rehabiliten nunha extensión determinada.

Na decisión de mercar ou alugar é importante dispoñer de información sobre a calidade enerxética do edificio ou vivenda, tanto da súa envolvente como das súas instalacións. O Real decreto lexislativo 1/2007, do 16 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei xeral para a defensa dos consumidores e usuarios e outras leis complementarias establece como un dereito básico destes a disposición de información correcta sobre os diferentes produtos ou servizos. O Real decreto 515/1989, do 21 de abril, sobre protección do consumidor en canto a información que se vai subministrar na compravenda e arrendamento de vivendas establece a necesidade de que a oferta, promoción e publicidade dirixida á venda de vivendas se axuste ás verdadeiras características, tentando evitar que se silencien datos fundamentais ou que estes induzan a erro. Así mesmo, queda recollido no artigo 11 do Estatuto galego do consumidor e usuario, aprobado pola Lei 12/1984, do 28 de decembro, que «quen pretenda

adquirir, utilizar ou gozar dunha vivenda para o seu uso particular, familiar ou colectivo terá dereito a obter de quen a ofrece no mercado unha información veraz sobre as características construtivas, calidade dos materiais e instalacións de todo tipo, incluíndo as que significan un aforro enerxético,...».

Tendo en conta que a maioría das vivendas novas son adquiridas antes de iniciarse a súa construción, evidénciase a necesidade de pór á disposición do consumidor mecanismos que minimicen os riscos do adquirente dun ben que aínda non existe. A certificación enerxética de edificios ten como un dos seus obxectivos tentar de garantir a veracidade da información que, regulamentariamente, o promotor ou arrendador debe achegar ao comprador ou arrendatario.

O proceso de certificación e o seu control externo non están exentos de certa complexidade, en parte debido á intervención de múltiples axentes da edificación en distintas fases do proceso construtivo. Para evitar discrepancias entre as partes, o artigo 5º deste decreto describe as obrigas e responsabilidades de cada un dos/as axentes que interveñen na certificación enerxética de edificios.

Neste decreto créase o Rexistro de Certificados de Eficiencia Enerxética de Edificios, en que serán inscritos polo promotor os certificados de eficiencia enerxética, tanto do proxecto como do edificio rematado. O rexistro será público, ofrecendo información sobre as características enerxéticas dos edificios cuxos certificados se encontran rexistrados.

A Administración debe ser exemplarizante en materia de eficiencia enerxética, as súas actuacións teñen que servir como guía e referencia á cidadanía. Por iso, a Administración terá un maior nivel de exixencia en eficiencia enerxética cos edificios que ela mesma use ou promova.

No marco deste decreto, o control externo da certificación enerxética de edificios foi encomendado ás entidades de control de calidade na edificación acreditadas na área de eficiencia enerxética (en diante ECCE-EE). As entidades de control de calidade na edificación (en diante ECCE) son as encargadas de verificar a calidade do proxecto, dos materiais e da execución da obra e das súas instalacións, de acordo coa documentación técnica do proxecto e a normativa aplicable. A verificación dos certificados de eficiencia enerxética require un alto grao de especialización, polo que tivo que ser definida unha área de acreditación específica de eficiencia enerxética para realizar estas funcións a través da Orde do 21 de novembro de 2007, da Consellería de Vivenda e Solo, pola que se aproban as áreas de acreditación e se establecen as condicións técnicas que as entidades de control de calidade deberán cumprir na asistencia técnica das obras de edificación do uso administrativo, sanitario,

relixioso, residencial, docente, cultural e social.

Este decreto foi desenvolvido de xeito conxunto pola Consellería de Innovación e Industria e a Consellería de Vivenda e Solo no ámbito das competencias que teñen atribuídas en virtude do disposto no artigo 30 (competencia exclusiva en materia de industria, de acordo coas bases e a ordenación da actuación económica xeral e a política monetaria do Estado, nos termos do disposto nos artigos 38, 131, 149.1.11 e 13 da Constitución española) e no artigo 27.3º (competencia exclusiva en materia de vivenda) do Estatuto de autonomía de Galicia.

Este decreto foi sometido ao procedemento de información en materia de normas e regulamentacións técnicas e de regulamentos relativos aos servizos da sociedade da información, previsto na Directiva 98/34/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 22 de xuño, modificada pola Directiva 98/48/CE do 20 de xullo, así como no Real decreto 1337/1999, do 31 de xullo, que incorpora estas directivas ao ordenamento xurídico español.

Na súa virtude, por iniciativa do conselleiro de Innovación e Industria e da conselleira de Vivenda e Solo, e por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e un de xaneiro de dous mil nove,

DISPOÑO:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto.

1. Este decreto regula a certificación enerxética de edificios de nova construción na Comunidade Autónoma de Galicia, en virtude do previsto no Real decreto 47/2007, do 19 de xaneiro, que regula o procedemento de certificación de eficiencia enerxética de edificios de nova construción.

2. Para o correcto entendemento deste decreto establécense unha serie de definicións no anexo I.

Artigo 2º.-Finalidade.

A finalidade deste decreto é:

1. Promover a eficiencia enerxética na edificación, ofrecendo a consumidores/as ou usuarios/as información obxectiva do comportamento enerxético dos edificios, favorecendo unha maior transparencia no mercado inmobiliario.

2. Fomentar a mellora da calidade das edificacións, necesaria para adecuarse ás recentes exixencias enerxéticas na edificación, establecidas na normativa de ámbito estatal.

3. Ofrecer información pública e transparente á cidadanía do comportamento enerxético dos edificios, a través do Rexistro de Certificados de Eficiencia Enerxética de Edificios da Comunidade Autónoma de Galicia.

4. Contribuír á mellora ambiental e da sustentabilidade mediante a concienciación e sensibilización das persoas en relación coa calidade enerxética dos edificios en que habitan e traballan.

5. Promover a mellora da cualificación de eficiencia enerxética no ámbito da edificación pública.

6. Favorecer os investimentos en medidas de aforro e eficiencia enerxética na edificación.

Artigo 3º.-Ámbito de aplicación.

1. Este decreto será de aplicación aos edificios no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, cando se trate de:

a) Edificios de nova construción.

b) Modificacións, reformas ou rehabilitacións de edificios existentes, cunha superficie útil superior a 1.000 m2 onde se renove máis do 25% do total dos seus cerramentos.

2. Exclúense do ámbito de aplicación:

a) Aquelas edificacións que polas súas características de utilización deban permanecer abertas.

b) Edificios e monumentos protexidos por seren parte dun contorno declarado ou en razón do seu particular valor arquitectónico ou histórico, cando o cumprimento de tales exixencias puider alterar de xeito inaceptable o seu carácter ou aspecto.

c) Edificios utilizados como lugares de culto e para actividades relixiosas.

d) Construcións provisorias cun prazo previsto de utilización igual ou inferior a dous anos.

e) Edificios industriais e agrícolas, na parte destinada a talleres, procesos industriais e agrícolas non residenciais.

f) Edificios illados cunha superficie total inferior a 50 m2 útiles.

g) Edificios de sinxeleza técnica e de escasa entidade construtiva que non teñan carácter residencial ou público, xa sexa de forma eventual ou permanente, se desenvolvan nunha só andar e non afecten a seguranza das persoas.

Artigo 4º.-Órgano competente.

O órgano competente en materia de certificación enerxética de edificios no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia é a consellería con competencias en materia de enerxía a través do centro directivo con competencias en materia de enerxía, que actuará en colaboración co centro directivo competente en materia de fomento e calidade da edificación.

Artigo 5º.-Obrigas dos suxeitos responsables.

a) O/a promotor/a terá a obriga de:

i. Nos casos en que sexa obrigatorio, contratar, de forma previa ao inicio das obras, o servizo de control externo da certificación enerxética do proxecto e do edificio terminado a unha entidade de control de calidade na edificación, debidamente acreditada na área de eficiencia enerxética.

ii. Presentar por si mesmo ou a través dunha entidade de control de calidade da edificación acreditada na área de eficiencia enerxética a documentación requirida no Rexistro de Certificados de Eficiencia Enerxética de Edificios da Comunidade Autónoma de Galicia, que se crea por este decreto. A documentación requirida especificarase na orde que desenvolva o Rexistro de Certificados de Eficiencia Enerxética.

iii. Incorporar o certificado de eficiencia enerxética do proxecto debidamente rexistrado ao proxecto de execución, antes do inicio das obras.

iv. Facilitar a documentación necesaria para a verificación da conformidade do certificado á entidade de control de calidade da edificación acreditada na área de eficiencia enerxética (ECCE-EE) definida no artigo 9º deste decreto.

v. Incorporar o certificado de eficiencia enerxética do edificio terminado, debidamente rexistrado, no libro do edificio.

vi. Ofrecer información veraz sobre as características enerxéticas da edificación, cumprindo coas disposicións deste decreto relativas á publicidade na venda ou arrendamento de edificios.

vii. Incorporar no Rexistro de Certificados de Eficiencia Enerxética os datos de identificación catastral dos inmobles incluídos nos certificados de eficiencia enerxética rexistrados.

b) O/A proxectista do edificio ou proxecto parcial das súas instalacións térmicas terá a obriga de:

i. Xustificar a cualificación de eficiencia enerxética do proxecto.

ii. Subscribir o certificado de eficiencia enerxética do proxecto.

iii. Facilitar a documentación necesaria para a verificación da conformidade do certificado ao promotor.

c) A dirección facultativa terá a obriga de:

i. Xustificar a cualificación de eficiencia enerxética do edificio terminado.

ii. Subscribir o certificado de eficiencia enerxética do edificio terminado.

iii. Facilitarlle ao promotor a documentación necesaria para a verificación da conformidade do certificado de eficiencia enerxética do edificio terminado.

iv. Colaborar coa ECCE-EE de forma que esta poida desenvolver as súas funcións.

v. Incluír un anexo específico, no cal se faga mención expresa do cumprimento íntegro das disposicións do presente decreto, no certificado final de obra.

d) A ECCE acreditada na área de eficiencia enerxética (ECCE-EE) terá a obriga de:

i. Verificar a conformidade de todas e cada unha das fases en que se divide o proceso de verificación.

ii. Colaborar cos/as diferentes axentes, ofrecendo información sobre o avance do proceso de verificación.

iii. Entregar ao/á promotor/a, proxectista e dirección facultativa os informes cos resultados dos controis, probas, se é o caso, e verificacións realizadas, de acordo cos prazos contractuais establecidos.

iv. Entregar ao/á promotor/a as actas de verificación dos certificados de proxecto e do edificio terminado, unha vez comprobada a conformidade da cualificación, de acordo cos prazos contractuais establecidos.

e) O/a propietario/a terá a obriga de:

i. Renovar o certificado de eficiencia enerxética segundo as condicións que se establecen neste decreto.

ii. Solicitarlle ao arrendatario que lle proporcione toda a documentación necesaria para a realización do certificado de eficiencia enerxética do local, no caso de locais que, segundo prevé este decreto, requiran un certificado de eficiencia enerxética propio.

Artigo 6º.-Comisión Técnica Enerxética.

1. Créase a Comisión Técnica Enerxética para a certificación enerxética de edificios como órgano colexiado de carácter permanente que depende da dirección xeral con competencias en enerxía que asesorará do órgano competente en materia de eficiencia enerxética de edificios, mediante as seguintes actuacións:

-Velar polo mantemento e actualización do procedemento de certificación enerxética de edificios.

-Avaliar os resultados obtidos na aplicación práctica da certificación enerxética de edificios.

-Recibir as propostas e comentarios das diferentes administracións, axentes do sector e usuarios e proceder ao seu estudo e consideración.

-Emitir informes por petición do órgano competente.

-Avaliar o correcto funcionamento nos procesos de verificación de eficiencia enerxética de proxectos e edificios rematados das ECCE-EE.

2. A Comisión Técnica Enerxética estará composta polo/a presidente/a, dous vicepresidentes/as, os/as vogais e o/a secretario/a.

3. Exercerá a presidencia a persoa titular da dirección xeral con competencias en materia de enerxía, quen poderá delegar a dita función nun dos dous vicepresidentes/as.

4. Os/as vicepresidentes/as serán un representante designado con tal carácter pola dirección xeral competente en materia de fomento e calidade da edificación e outro representante designado en representación do Instituto Enerxético de Galicia.

5. Serán vogais un representante de cada unha das seguintes entidades:

-Da dirección xeral competente en materia de enerxía.

-Da dirección xeral competente en materia de fomento e calidade da edificación.

-Do Instituto Enerxético de Galicia.

-Do Instituto Galego de Consumo.

-Do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia.

-Do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia.

-Do Consello Galego de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Galicia.

-Dun dos colexios oficiais de aparelladores e arquitectos técnicos de Galicia.

-Tres representantes das organizacións con maior implantación dos sectores afectados e dos usuarios relacionados coa certificación enerxética, segundo o establecido no punto seguinte.

6. As organizacións representativas dos sectores afectados e usuarios poderán solicitar a súa participación ao presidente da comisión asesora. Esta fixará regulamentariamente o procedemento e os requisitos para a súa admisión.

7. O/a secretario/a, quen na súa calidade de membro da comisión actuará con voz e sen voto, será un funcionario/a dun posto de traballo existente da dirección xeral competente en materia de enerxía.

Capítulo II

Certificación enerxética e verificación

Artigo 7º.-Certificado de eficiencia enerxética.

1. A cualificación de eficiencia enerxética do proxecto será realizada polo/a proxectista do edificio ou do proxecto parcial das súas instalacións térmicas (en diante proxectista) e a cualificación de eficiencia enerxética do edificio terminado será realizada pola dirección facultativa. Ambos deberán subscribir o certificado de eficiencia enerxética do proxecto e do edificio terminado, respectivamente, segundo o modelo indicado na orde que desenvolva o Rexistro de Certificados de Eficiencia Enerxética. A cualificación obterase seguindo o procedemento establecido no Real decreto 47/2007, do 19 de xaneiro, «Procedemento básico de certificación enerxética de edificios de nova construción», nos documentos recoñecidos de certificación enerxética de edificios e no exposto no presente decreto.

2. A entrada en vigor do presente decreto considéranse válidos os documentos do Rexistro Xeral de Documentos Recoñecidos para a certificación de eficiencia enerxética da Secretaría Xeral de Enerxía do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio.

3. A cualificación de eficiencia enerxética dun edificio poderá ser realizada mediante unha opción xeral, de carácter prestacional, mediante un programa informático, ou ben mediante unha opción simplificada, de carácter prescritivo, que desenvolve a metodoloxía de cálculo dunha maneira indirecta, segundo recolle o procedemento básico para a certificación de eficiencia enerxética de edificios de nova construción, aprobado polo Real decreto 47/2007, do 19 de xaneiro, no seu artigo 4º.

4. A certificación enerxética dos edificios incluídos no ámbito de aplicación deste decreto realizarase de acordo coas consideracións que figuran no anexo II.

5. Nun edificio de vivendas en bloque, os locais destinados a uso independente ou de titularidade xurídica independente, que non estean definidos no proxecto do edificio, para seren utilizados posteriormente, deberán ser certificados independentemente, antes da apertura do devandito local.

6. O certificado de eficiencia enerxética dá información exclusivamente sobre a eficiencia enerxética do edificio e non supón, en ningún caso, a acreditación do cumprimento de ningún outro requisito exixible ao edificio.

7. Os certificados de eficiencia enerxética serán considerados válidos exclusivamente se cumpren as seguintes condicións:

a) Estar en vigor, é dicir que non extinguisen o seu prazo de validez, nin fosen substituídos por outro certificado.

b) Estar verificados por unha entidade de control de calidade da edificación, nos casos en que sexa obrigatorio, dando esta a conformidade da cualificación e emitindo a acta de verificación.

c) Estar inscritos no Rexistro de Certificados de Eficiencia Enerxética de Edificios de Galicia, obtendo o seu número de rexistro correspondente.

8. Un certificado de eficiencia enerxética poderá conter unha ou máis cualificacións enerxéticas dependendo das consideracións recollidas no punto 1 do anexo II.

9. Todo certificado de eficiencia enerxética fará mención expresa da cualificación asignada a cada un dos locais, vivendas ou edificios de titularidade xurídica diferente, os cales deberán estar inequivocamente identificados. No caso de cualificacións conxuntas a asignación da cualificación individual realizarase segundo se indica no punto 2 do anexo II.

10. Para garantir a identificación dos inmobles obxecto do certificado de eficiencia enerxética, terase en conta o seguinte:

a) O certificado de eficiencia enerxética, tanto o de proxecto como o do edificio terminado, deberá incluír o código de identificación catastral da parcela en que se acha situado o edificio ou conxunto de edificios.

b) O certificado de eficiencia enerxética do edificio terminado deberá incorporar os códigos de identificación catastral de todos e cada un dos edificios, vivendas e locais que deban telo.

c) Se os códigos de identificación catastral non fosen aínda asignados pola Axencia Tributaria no momento da inscrición do certificado de eficiencia enerxética no rexistro, o/a promotor/a deberá comunicarllos ao rexistro cando sexan asignados.

Artigo 8º.-Condicións xerais.

1. Ao abeiro do disposto no artigo 6.1º 4 do Código Técnico da Edificación, o proxecto de execución dun edificio deberá obrigatoriamente incorporar toda a información necesaria para a realización do certificado de eficiencia enerxética do proxecto.

2. A información intercambiada entre os/as distintos/as axentes, no marco deste decreto, deberá estar en soporte dixital. Nos anexos e instrucións técnicas indicaranse os formatos e tipos de arquivo admisibles.

3. Os certificados de eficiencia enerxética do proxecto de execución e do edificio terminado deberán ser verificados por unha ECCE-EE, nos casos en que sexa obrigatorio, e debidamente inscritos no Rexistro de Certificados de Eficiencia Enerxética de Edificios en todos os casos en que é de aplicación este decreto.

4. O certificado de eficiencia enerxética do proxecto, debidamente rexistrado, deberá formar parte obrigatoriamente do proxecto de execución.

5. Os concellos deberán paralizar as obras a edificios que, contando coa licenza municipal con base nun proxecto básico e aos cales séndolles exixible un certificado de eficiencia enerxética, non o incluísen na documentación do proxecto de execución. Cando un concello requira modificacións no proxecto de execución que non sexan substanciais ou non afecten elementos que incidan na eficiencia enerxética, non será precisa a emisión dun novo certificado.

6. O certificado de eficiencia enerxética do edificio terminado, se é o caso debidamente verificado por unha ECCE-EE, entregarao a dirección facultativa ao/á promotor/a xunto coa acta de recepción da obra. O promotor deberá inscribir este certificado no Rexistro de Certificados de Eficiencia Enerxética de Edificios.

7. O certificado de eficiencia enerxética do edificio rematado, debidamente rexistrado, deberá ser obrigatoriamente anexado á documentación necesaria para a solicitude de licenza de primeira ocupación.

8. Os locais situados nun edificio cunha demanda de potencia térmica e/ou frigorífica maior de 5 kW requirirán certificados de eficiencia enerxética propios e deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Dispoñer do certificado de eficiencia enerxética do proxecto, debidamente rexistrado, antes da solicitude de licenza provisoria de actividade.

b) Dispoñer do certificado de eficiencia enerxética do edificio rematado, debidamente rexistrado, antes da solicitude da licenza definitiva de actividade.

9. Non se concederá ningunha licenza de actividade a locais que, séndolles exixible un certificado de eficiencia enerxética propio, non contan co correspondente certificado de eficiencia enerxética debidamente rexistrado.

Artigo 9º.-Control externo.

1. Os organismos autorizados para levar a cabo o control externo da certificación enerxética de edificios na Comunidade Autónoma de Galicia son as entidades de control de calidade da edificación acreditadas na área de eficiencia enerxética (ECCE-EE).

Estas entidades deberán estar debidamente acreditadas segundo as exixencias expresadas nos artigos 6 e 7 do Decreto 159/2007, do 26 de xullo, polo que se regula o sistema de acreditación das entidades de control de calidade na edificación e se crea o Rexistro Único de Entidades e Laboratorios acreditados na Comunidade Autónoma de Galicia.

O persoal técnico das ECCE-EE, ademais de ter a titulación específica prevista na orde do 21 de novembro de 2007 pola que se aproban as áreas de acreditación e se establecen as condicións técnicas que as entidades de control de calidade, deberán cumprir na asistencia técnica das obras de edificación do uso administrativo, sanitario, relixioso, residencial, docente, cultural e social, deberá ter superado un programa específico de formación aprobado polo órgano competente en materia de certificación enerxética de edificios.

2. Realizarase control externo do proceso de certificación enerxética nas seguintes fases:

a) Certificado de proxecto.

b) Certificado de edificio terminado.

3. A ECCE-EE verificará a cualificación obtida polo/a proxectista e pola dirección facultativa utilizando a mesma opción que estes/as se se utilizou a opción xeral a través do programa de referencia Calener ou a opción simplificada prescritiva, de conformidade co previsto no artigo 4 do Real decreto 47/2007, do 19 de xaneiro. Se a cualificación se obtén mediante programas alternativos ou opcións simplificadas alternativas, a ECCE-EE, para verificar a cualificación, poderá optar polos métodos de referencia ou polos alternativos unha vez que fose definido o procedemento de control destes últimos polo órgano competente da comunidade autónoma. Nos controis que se leven a cabo, especialmente durante a fase de execución do edificio, poderán realizarse cantas probas, comprobacións e inspeccións sexan necesarias para establecer a conformidade dos resultados da cualificación.

4. O/a promotor/a deberá informar a ECCE-EE, con carácter previo, das modificacións que se puideran producir durante a execución das obras.

5. Substitución de ECCE-EE:

a) Se, calquera que fose a causa, unha vez inscrito o certificado de proxecto no Rexistro, os traballos de control realizados por unha ECCE-EE deben ser continuados por outra ECCE-EE, deberase subscribir un documento, entre ambas as entidades de control, que inclúa os seguintes acordos:

i. Renuncia da ECCE-EE á realización do control do certificado de eficiencia enerxética.

ii. Aceptación, por parte da ECCE-EE que continúa os labores de verificación, dos traballos realizados pola ECCE-EE que renuncia, asumindo completamente os resultados ofrecidos por esta.

b) Se outra ECCE-EE debe continuar os traballos de control, antes da inscrición do certificado de eficiencia enerxética do proxecto no Rexistro de Certificados Enerxéticos, poderá optar por unha das seguintes alternativas:

i. Continuar os traballos subscribindo o documento indicado na alínea a) anterior.

ii. Reiniciar os traballos de control.

6. Para garantir a independencia dos traballos de control:

a) As ECCE-EE que desempeñen as funcións de verificación descritas neste decreto non poderán intervir noutras actividades que non sexan as propias de inspección e control do proceso construtivo do edificio cuxo certificado de eficiencia enerxética é obxecto de verificación.

b) A contratación da ECCE-EE deberaa realizar, exclusivamente, o/a promotor/a, non podendo delegar a dita contratación noutros/as axentes da construción.

Artigo 10º.-Verificación dos certificados do proxecto e do edificio rematado.

1. Nos casos en que sexa obrigatorio, iniciará o procedemento o promotor/a coa contratación dunha ECCE-EE para a verificación da certificación de eficiencia enerxética das obras que promove, con carácter previo ao inicio das obras ou licenza provisoria de actividade.

2. O procedemento detallado de verificación dos certificados de eficiencia enerxética do proxecto e do edificio rematado estará desenvolvido por orde da consellería con competencias en enerxía.

3. Unha vez verificado o certificado de eficiencia enerxética do proxecto, o/a promotor /a presentarao, debidamente firmado polo proxectista, xunto a acta de verificación do certificado do proxecto emitida pola ECCE-EE, debidamente asinado e selado por esta no Rexistro de Certificados de Eficiencia Enerxética de Edificios da Comunidade Autónoma de Galicia.

4. Unha vez cumpridas as condicións no Rexistro, o certificado de eficiencia enerxética do proxecto será selado pola Administración competente, datado co día de inscrición, incorporándoselle un número único de rexistro que servirá para identificar o certificado no sucesivo.

5. Unha vez verificado o certificado de eficiencia enerxética do edificio rematado, o promotor presentarao, debidamente asinado pola dirección facultativa, xunto coa acta de verificación do certificado do edificio rematado emitida pola ECCE-EE, debidamente asinada e selada por esta, no Rexistro de Certificados de Eficiencia Enerxética de edificios da Comunidade Autónoma de Galicia.

6. Superados os trámites de admisión no Rexistro, o certificado de eficiencia enerxética do edificio rematado será selado pola Administración competente, datado co día de inscrición, incorporándoselle un número único de rexistro que servirá para identificar o certificado no sucesivo.

Artigo 11º.-Vixencia do certificado de eficiencia enerxética.

1. O certificado de eficiencia enerxética terá unha validez máxima de 10 anos a partir da data de inscrición no Rexistro de Certificados de Eficiencia Enerxética de Edificios da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. O certificado de eficiencia enerxética permanecerá en vigor en tanto non supere o seu período de validez máximo ou sexa renovado ou actualizado segundo o establecido no artigo 12º.

3. En ningún caso un inmoble poderá ter máis dun certificado de eficiencia enerxética en vigor. Se existir máis dun certificado de eficiencia enerxética asociado ao mesmo inmoble, considerarase en vigor exclusivamente o da data de rexistro máis recente, sempre que non superase a data de validez máxima.

Artigo 12º.-Renovación e actualización do certificado de eficiencia enerxética.

1. O/A propietario/a do edificio, vivenda ou local é responsable da renovación do certificado de eficiencia enerxética.

2. Poderá ser renovado o certificado de eficiencia enerxética de todo aquel edificio, vivenda ou local que dispoña dun certificado de eficiencia enerxética anterior.

3. O/a propietario/a poderá actualizar a cualificación de eficiencia enerxética cando considere que se produciron variacións na envolvente do inmoble ou nas súas instalacións que poidan modificar a cualificación obtida inicialmente. A actualización implicará a emisión dun novo certificado de eficiencia enerxética que deixará sen efecto o certificado anterior no que ao inmoble se refire.

4. A renovación do certificado de eficiencia enerxética será obrigatoria unha vez expirado o prazo de validez do certificado.

Artigo 13º.-Inspección de certificados pola Administración.

A consellería con competencias en materia de enerxía poderá comprobar en calquera momento, por si mesma, contando cos medios e requisitos regulamentariamente exixidos, ou a través de entidades colaboradoras autorizadas, o cumprimento da normativa vixente.

Artigo 14º.-Publicidade na venda ou arrendamento de edificios.

1. Toda publicidade de venda ou aluguer de inmobles de nova construción ou rehabilitados que, segundo o Real decreto 47/2007, do 19 de xaneiro, tivesen obriga de dispoñer do certificado de eficiencia enerxética, deberá, de forma expresa, facer mención da cualificación de eficiencia enerxética do edificio ou da parte rehabilitada, debéndose indicar o número de rexistro do certificado de eficiencia enerxética en que se basea.

2. A publicidade de venda ou aluguer de inmobles previa á construción do edificio deberá facer mención expresa da cualificación de eficiencia enerxética do proxecto.

3. A publicidade de venda ou aluguer de inmobles xa construídos que estean en disposición do certificado de final de obra deberá facer referencia á cualificación de eficiencia enerxética do edificio rematado.

4. A cualificación de eficiencia enerxética a que se lle dea publicidade deberá estar avalada sempre por un certificado de eficiencia enerxética en vigor debidamente rexistrado.

Artigo 15º.-Obrigatoriedade de presentación do certificado de eficiencia enerxética en compra-vendas e arrendamentos.

1. Cando se venda ou alugue un edificio, total ou parcialmente, o/a vendedor/a ou arrendador/a entregaralle ao/á comprador/a ou inquilino/a, segundo corresponda, o certificado de eficiencia enerxética do edificio ou, se é o caso, da parte adquirida ou arrendada, segundo corresponda. Se o edificio está en fase de execución, o certificado debidamente rexistrado que se debe entregar será o de proxecto. Se o edificio dispón da acta de fin de obras, entregarase o certificado do edificio rematado debidamente rexistrado.

2. O contrato de compravenda ou aluguer debe facer mención explícita da cualificación de eficiencia enerxética do inmoble, indicando se o certificado en que se basea a cualificación é o de proxecto ou o do edificio rematado, así como o número e data de rexistro.

Artigo 16º.-Exhibición da etiquetaxe enerxética dos edificios.

1. Todos os edificios incluídos no ámbito deste decreto destinados á prestación de servizos públicos por parte das administracións públicas ou institucións que presten servizos públicos, deberán exhibir obrigatoriamente, de forma permanente, a etiqueta de eficiencia enerxética do edificio.

2. Todos os edificios incluídos no ámbito deste decreto financiados ou promovidos por calquera Administración pública deberán exhibir obrigatoriamente, de forma permanente, a etiqueta de eficiencia enerxética do edificio.

3. Os edificios non incluídos nos puntos anteriores poderán exhibir de forma voluntaria a etiqueta de eficiencia enerxética.

4. No caso de que un edificio ou conxunto de edificios dispoñan dun certificado de eficiencia enerxética que contén máis dunha cualificación, poderase optar por unha das seguintes alternativas:

a) Exhibir unha etiqueta única para todo o edificio ou conxunto de edificios cuxa cualificación sexa a menor das cualificacións obtidas.

b) Exhibir tantas etiquetas como cualificacións distintas contén o certificado indicando nelas de forma inequívoca a que edificio ou parte del corresponde cada cualificación. Se se opta por esta alternativa, as etiquetas exhibidas deberán englobar a totalidade de edificios ou partes.

5. A etiqueta exhibida deberá corresponder co edificio en que se atopa situada.

6. A etiqueta exhibida deberá estar avalada, en todo momento, por un certificado de eficiencia enerxética válido. A etiqueta deberá indicar a data límite de validez, o número de rexistro do certificado de eficiencia enerxética e o selo da ECCE-EE que verificou o certificado, nos casos en que sexa obrigatoria esta verificación. En ningún caso se permitirá a exhibición de etiquetas cuxo certificado de eficiencia enerxética superase o seu período de validez.

7. A etiqueta de eficiencia enerxética de edificios terá o formato que do modelo de certificado de eficiencia enerxética, que deberá ter as seguintes dimensións mínimas:

-Locais con superficie útil inferior a 50 m2: DIN A4.

-Locais con superficie útil entre 50 m2 e 100 m2: DIN A3.

-Locais con superficie útil superior a 100 m2: DIN A2.

O soporte dela poderá ser calquera que garanta a lexibilidade co paso do tempo.

8. A etiqueta de eficiencia enerxética situarase na entrada principal e nas entradas polas cales habitualmente haxa movemento de persoas. Debe estar situada claramente á vista, non debendo quedar oculta por obstáculos que dificulten, total ou parcialmente, a súa visión.

Capítulo III

Rexistro de certificados de eficiencia enerxética

Artigo 17º.-Constitución do Rexistro de Certificados de Eficiencia Enerxética de Edificios.

Créase o Rexistro de Certificados de Eficiencia Enerxética de Edificios da Comunidade Autónoma de Galicia, adscrito á Dirección Xeral competente en materia de enerxía.

Para a posta en marcha e posterior funcionamento do rexistro colaborarase coa dirección xeral competente en materia de fomento e calidade da edificación.

Artigo 18º.-Obxecto do rexistro.

O Rexistro de Certificados de Eficiencia Enerxética de Edificios ten como obxecto a inscrición dos certificados de eficiencia enerxética, tanto do proxecto do edificio terminado como nos casos establecidos no artigo 3º deste decreto.

Artigo 19º.-Natureza e alcance.

1. De acordo co disposto na Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, a consellería con competencias en enerxía promoverá o desenvolvemento do Rexistro Telemático consonte coas directrices que, se é o caso, teña establecido o departamento competente en materia de coordinación de Administración electrónica.

2. O rexistro terá carácter público, producirá efecto exclusivamente no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, sendo independente de calquera outro que exista ou puider ser creado por outros organismos públicos.

3. O rexistro créase para facilitarlle información veraz e obxectiva ao público en xeral acerca das características enerxéticas dos edificios, de forma que permitan realizar comparacións que favorezan unha maior demanda de edificios de alta eficiencia enerxética.

4. A información técnica contida no rexistro permitirá ao órgano competente en materia de certificación enerxética de edificios da comunidade, así como á dirección xeral con competencias en materia de fomento e calidade da edificación, o seguimento da evolución do comportamento enerxético da edificación en Galicia.

Artigo 20º.-Inscrición no rexistro.

1. Deberán inscribirse no Rexistro de Certificados de Eficiencia Enerxética de Edificios da Comunidade Autónoma de Galicia os certificados de eficiencia enerxética de edificios de nova construción, así como os supostos previstos no artigo 3º.1 b), en ambos os casos unha vez verificados cando sexa obrigatoria esta verificación. Inscribiranse tanto os certificados de proxecto como os certificados de edificio terminado.

2. A información que se achegará ao rexistro, o formato, os medios e o procedemento para realizar a inscrición dos certificados de eficiencia enerxética desenvolveranse a través dunha orde da consellería con competencias en materia de enerxía.

3. Non se admitirá a inscrición no rexistro de ningún certificado que non incorpore toda a documentación regulamentariamente exixida. En especial, non se permitirá a inscrición de certificados que non dispoñan da acta de verificación coa sinatura e selo da ECCE-EE, nos casos en que sexa obrigatorio.

Capítulo IV

Eficiencia enerxética na edificación pública

Artigo 21º.-Certificación enerxética da edificación pública.

1. Calquera edificio público de nova construción nos termos definidos no anexo I-A.16 que estea incluído no ámbito deste decreto deberá dispoñer dunha cualificación de eficiencia enerxética igual ou superior á C. Non se permitirá nin o deseño nin a construción de edificios públicos cunha cualificación inferior á C.

2. Potenciarase o uso das enerxías renovables nos edificios públicos, máis alá das exixencias mínimas, e sempre tendo en conta criterios de viabilidade técnica e económica.

3. Cando a Administración arrende ou adquira edificios a terceiros, deberá utilizar como criterio adicional para a selección deles o da cualificación de eficiencia enerxética, valorándose positivamente aqueles edificios que teñan unha mellor cualificación de eficiencia enerxética.

Artigo 22º.-Certificación enerxética de vivendas protexidas.

1. A Administración poderá exixir unha cualificación de eficiencia enerxética mínima aos edificios que sexan de promoción pública ou financiados con fondos públicos.

Os edificios de vivendas de promoción pública (VPP) de nova construción deberán dispoñer dunha cualificación de eficiencia enerxética igual ou superior á C. Non se permitirá nin o deseño nin a construción deste tipo de vivendas cunha cualificación inferior á C.

2. A Administración poderá fomentar a construción de edificios e vivendas de protección autonómica de alta eficiencia enerxética.

3. A consellería con competencias en materia de vivenda velará especialmente polo cumprimento deste decreto nos edificios de promoción pública ou financiados con fondos públicos.

Capítulo V

Réxime sancionador

Artigo 23º.-Infraccións e sancións.

O incumprimento de calquera dos preceptos contidos neste decreto considerarase infracción en materia de protección ao consumidor, de acordo co establecido no artigo 49 do texto refundido da Lei xeral para a defensa dos consumidores e usuarios e outras leis complementarias, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2007, do 16 de novembro, e disposición derradeira primeira da Lei 12/1984, do 28 de decembro, do Estatuto galego do consumidor e usuario, e será sancionada administrativamente de acordo co establecido na normativa de consumo.

Disposicións transitorias

Primeira.-Non será de aplicación este decreto aos edificios que á entrada en vigor deste decreto estean en construción, nin aos proxectos dos edificios para os cales se teña solicitado licenza municipal de obras.

Segunda.-Non será de aplicación este decreto aos proxectos supervisados e aprobados polas administracións públicas competentes ou visados polos colexios profesionais antes da data de entrada en vigor deste decreto, sempre que a licenza municipal de obras se solicite no prazo de tres meses a partir da entrada en vigor deste decreto.

Terceira.-Non será de aplicación este decreto ás contratacións conxuntas de redacción de proxectos e obras que estivesen licitados por unha Administración pública con anterioridade á entrada en vigor deste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Desenvolvemento.

As consellerías con competencias en enerxía e vivenda, no marco das súas competencias, poderán ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento e aplicación deste decreto.

Segunda.-Entrada en vigor.

Este decreto entrará en vigor aos seis meses da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. Sen perxuízo do establecido no parágrafo anterior, o artigo 4º do capítulo I producirá efectos a partir do día seguinte ao da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e un de xaneiro de dous mil nove.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ANEXO I

Definicións

Para os efectos de precisar o exposto, establécense as seguintes definicións no ámbito deste decreto:

A.1. Cualificación de eficiencia enerxética dun edificio.

-Expresión da eficiencia enerxética dun edificio que se determina de acordo cunha metodoloxía de cálculo e se expresa con indicadores enerxéticos mediante etiqueta de eficiencia enerxética.

A.2. Certificación de eficiencia enerxética de proxecto.

-Proceso polo cal unha entidade de control de calidade da edificación, debidamente acreditada na área de eficiencia enerxética (ECCE-EE), verifica a conformidade da cualificación de eficiencia enerxética do proxecto obtida por proxectista e que conduce á expedición do certificado de eficiencia enerxética do proxecto, sendo válido este unha vez inscrito no Rexistro de Certificación Enerxética de Edificios da Comunidade Autónoma de Galicia.

A.3. Certificación de eficiencia enerxética do edificio terminado.

-Proceso polo cal unha entidade de control de calidade da edificación, debidamente acreditada na área de eficiencia enerxética (ECCE-EE), verifica a conformidade da cualificación de eficiencia enerxética obtida polo proxecto coa do edificio terminado e que conduce á expedición do certificado de eficiencia enerxética do edificio terminado, sendo válido este unha vez inscrito no Rexistro de Certificación Enerxética de Edificios da Comunidade Autónoma de Galicia.

A.4. Certificado de eficiencia enerxética do proxecto.

-Documentación subscrita polo/a proxectista, como resultado do proceso de certificación, que inclúe a cualificación de eficiencia enerxética do proxecto, sinalada na escala de eficiencia enerxética, a acta de verificación do certificado de proxecto subscrita por unha ECCE-EE e o número e selo de inscrición no Rexistro de Certificación Enerxética.

A.5. Certificado de eficiencia enerxética do edificio terminado.

-Documentación subscrita pola dirección facultativa da obra como resultado do proceso de certificación, que inclúe a cualificación de eficiencia enerxética do edificio terminado, sinalada na escala de eficiencia enerxética, a acta de verificación do certificado do edificio terminado subscrita por unha ECCE-EE, e o número e selo de inscrición no Rexistro de Certificación Enerxética.

A.6. Etiqueta de eficiencia enerxética.

-Distintivo que sinala o nivel de cualificación de eficiencia enerxética obtida polo proxecto dun edificio ou polo edificio terminado.

A.7. Acta de verificación do certificado de proxecto.

-Documento subscrito por unha ECCE-EE dando a súa conformidade á cualificación de eficiencia enerxética do proxecto obtida polo/a proxectista. Este documento deberá acompañar o certificado de eficiencia enerxética en todo momento, sendo requirido pola Administración autonómica para poder inscribir o certificado no Rexistro de Certificación Enerxética de edificios da Comunidade Autónoma de Galicia.

A.8. Acta de verificación do certificado de edificio terminado:

-Documento subscrito por unha ECCE-EE dando a súa conformidade á cualificación de eficiencia enerxética do edificio terminado obtida pola dirección facultativa. Este documento deberá acompañar ó certificado de eficiencia enerxética en todo momento, sendo requirido pola Administración autonómica para poder inscribir o certificado no Rexistro de certificación Enerxética de Edificios da Comunidade Autónoma de Galicia.

A.9. Promotor/a.

-Calquera persoa física ou xurídica, pública ou privada que, individual ou colectivamente, decide, impulsa, programa e financia, con recursos propios ou alleos, as obras de edificación para si mesmo ou para a súa posterior alienación, entrega ou cesión a terceiros baixo calquera título.

A.10. Proxectista.

-É o axente que, por encarga do promotor e con suxeición á normativa técnica e urbanística correspondente, redacta o proxecto. Outros técnicos poderán redactar proxectos parciais do proxecto ou partes que o complementen, de forma coordinada co autor deste.

A.11. Dirección facultativa.

-Esta constituída polo/a director/a de obra e o/a director/a de execución da obra.

A.12. Director/a de obra.

-É o/a axente que, formando parte da dirección facultativa, dirixe o desenvolvemento da obra nos aspectos técnicos, estéticos, urbanísticos e ambientais, de conformidade co proxecto que a define, a licenza de edificación e demais autorizacións preceptivas e as condicións do contrato, con obxecto de asegurar a súa adecuación ao fin proposto.

A.13. Director/a da execución da obra.

-É o/a axente que, formando parte da dirección facultativa, asume a función técnica de dirixir a execución material da obra e de controlar cualitativa e cuantitativamente a construción e a calidade do edificado.

A.14. Entidade de control de calidade no área de eficiencia enerxética.

-Son aquelas entidades capacitadas para prestaren asistencia técnica na verificación da conformidade do certificado de eficiencia enerxética do proxecto e do edificio terminado.

A.15. Edificio.

-Toda construción permanente, fixa sobre o soar, separada e independente, concibida para ser utilizada con fins residenciais e/ou para o desenvolvemento dunha actividade.

A.16. Edificio público.

-Edificio promovido por unha Administración pública cuxo destino sexa residencial ou de servizo público.

A.17. Edificio de vivendas en bloque.

-Edificio en que sobre un mesmo terreo existen dúas ou máis vivendas independentes, unha sobre a outra.

A.18. Vivenda.

-Recinto con un ou varios cuartos ou anexos destinado a residencia familiar. Pode ocupar a totalidade dun edificio ou parte del, estando neste caso estruturalmente separada e independente do resto. Está dotada de acceso directo desde a vía pública ou desde recintos comúns privados.

A.19. Vivenda unifamiliar.

-Edificio totalmente ocupado por unha única vivenda. Ás súas tipoloxías poden ser:

i) Illada: vivenda unifamiliar aberta ás catro fachadas sen contacto con outras edificacións.

ii) Acaroada: vivenda unifamiliar entre medianís. Soen ser unha agrupación de vivendas repetidas, estando, polo xeral, abertas a dúas fachadas.

iii) Pareada: vivenda simétrica, ou non, acaroada a outra coa cal mantén un medianil común.

A.20. Local.

-Parte dun edificio estruturalmente separado en que se leva ou se pode levar a cabo unha actividade económica independente da do resto do edificio.

A.21. Vivenda tipo.

-Vivenda representativa dun grupo de vivendas, cuxas características xeométricas, funcionais, construtivas e operacionais sexan iguais, e que ademais, teñan o mesmo comportamento desde o punto de vista térmico (elementos de sombra, mesma disposición e tipoloxía dos espazos anexos, etc.).

A.22. Condicións operacionais.

-Son aquelas que fan referencia a horarios de funcionamento e consignas de temperatura.

A.23. Condicións xeométricas.

-Son aquelas que fan referencia á forma, dimensión, situación, compacidade e orientación.

A.24. Condicións construtivas.

-Son aquelas que fan referencia á composición e tipoloxía dos cerramentos e ocos.

A.25. Condicións funcionais.

-Son aquelas que fan referencia ao tipo de usos , cargas de ocupación e cargas internas.

A.26. Instalación individual.

-É aquela en que a produción de frío, produción de calor, extracción e/ou ventilación é independente para cada usuario.

A.27. Instalación colectiva.

-É aquela en que a produción de frío, produción de calor, extracción e/ou ventilación serve a un conxunto de usuarios dentro de un ou varios edificios.

A.28. Cualificación individual.

-Cualificación correspondente a un edificio doutros usos, a unha vivenda ou a un local.

A.29. Cualificación conxunta.

-Cualificación única que se asigna a un edificio, conxunto de edificios, conxunto de vivendas ou locais.

ANEXO II

Consideracións relativas á aplicación das opcións de certificación

1. Dependendo das características e uso do edificio, do tipo de instalacións e da opción de cualificación, xeral ou simplificada, elixida, a cualificación de eficiencia enerxética deberá obterse obrigatoriamente mediante as alternativas indicadas a seguir:

a) Unha vivenda unifamiliar, ou un conxunto de vivendas unifamiliares pareadas ou acaroadas, incluídas nun mesmo proxecto, mediante unha opción simplificada poderán optar a unha das seguintes alternativas:

i. Unha cualificación individual para cada vivenda.

ii. Unha cualificación única para cada conxunto de vivendas acaroadas ou pareadas que teñan medianís comúns. Se nun mesmo proxecto houber máis dun conxunto de vivendas pareadas ou acaroadas, realizarase unha cualificación para cada conxunto.

b) Unha vivenda unifamiliar, ou un conxunto de vivendas unifamiliares pareadas ou acaroadas, con instalacións individuais, a certificar mediante unha opción xeral poderán optar a unha das seguintes alternativas.

i. Unha cualificación individual para cada vivenda.

ii. Varias cualificacións, unha para cada subconxunto de vivendas que teñan medianís comúns.

iii. Varias cualificacións, unha para cada grupo de vivendas cuxas características xeométricas, funcionais, construtivas e operacionais sexan iguales.

iv. Unha cualificación única para o conxunto de vivendas unifamiliares.

c) Un conxunto de vivendas unifamiliares, incluídas nun mesmo proxecto, con instalacións colectivas, a certificar mediante unha opción xeral, poderá optar a unha das seguintes alternativas:

i. Unha cualificación única para o conxunto de vivendas unifamiliares.

ii. Varias cualificacións, unha para cada subconxunto de vivendas unifamiliares que compartan unha o varias instalacións colectivas.

d) Un edificio de vivendas en bloque a certificar mediante unha opción simplificada baseará a súa certificación nunha cualificación única de todo o bloque.

e) Un edificio de vivendas en bloque, con instalacións individuais, a certificar mediante unha opción xeral, poderá optar a unha das seguintes alternativas:

i. Unha cualificación única de todo o bloque.

ii. Varias cualificacións, unha para cada grupo de vivendas cuxas características xeométricas, funcionais, construtivas e operacionais sexan iguais.

f) Un edificio de vivendas en bloque, que dispoña de instalacións colectivas, a certificar mediante unha opción xeral, baseará a súa certificación nunha cualificación única de todo o edificio.

g) Un conxunto de edificios de vivendas en bloque, incluídos nun mesmo proxecto, con instalacións individuais, a certificar mediante unha opción simplificada, baseará a súa certificación en varias cualificacións, unha para cada edificio.

h) Un conxunto de edificios de vivendas en bloque, incluídos nun mesmo proxecto, con instalacións individuais, a certificar mediante unha opción xeral, poderá optar a unha das seguintes alternativas:

i. Unha cualificación única do conxunto de edificios.

ii. Varias cualificacións, unha para cada un dos edificios.

iii. Varias cualificacións, unha para cada grupo de vivendas cuxas características xeométricas, funcionais, construtivas e operacionais sexan iguais.

i) Un conxunto de edificios de vivendas en bloque, incluídos nun mesmo proxecto, que dispoña de instalacións colectivas, a certificar mediante unha opción xeral, poderá optar a unha das seguintes alternativas:

i. Unha cualificación única baseada no conxunto de edificios.

ii. Varias cualificacións, unha para cada edificio ou subconxunto de edificios que compartan unha ou varias instalacións colectivas.

j) Un edificio, destinado a outros usos que non sexa vivenda, a certificar mediante unha opción xeral, baseará a súa certificación nunha cualificación única de todo o edificio.

k) Un conxunto de edificios, destinados a outros usos que non sexa vivenda, incluídos nun mesmo proxecto, a certificar mediante unha opción xeral poderá optar a unha das seguintes alternativas:

i. Unha cualificación única do conxunto de edificios.

ii. Varias cualificacións, unha para cada edificio ou subconxunto de edificios que compartan unha ou varias instalacións colectivas.

l) Os locais destinados a uso independente ou de titularidade xurídica independente situados nun edificio de vivendas en bloque, que non estean definidos no proxecto do edificio, para seren utilizados posteriormente, poderán optar a unha das seguintes alternativas:

i. Unha cualificación individual para cada local.

ii. Unha cualificación única do conxunto de locais sempre que estean incluídos nun mesmo proxecto.

2. No caso de cualificacións conxuntas, a asignación da cualificación individual a cada inmoble de titularidade xurídica diferente realizarase segundo unha das seguintes alternativas:

a) Conxunto de vivendas unifamiliares que foron cualificadas conxuntamente: asignarase a cada unha das vivendas a cualificación obtida polo conxunto.

b) Edificio de vivendas en bloque con cualificación única para todo o bloque: asignarase a cada vivenda a cualificación obtida por todo o bloque.

c) Edificio de vivendas en bloque con varias cualificacións, unha para cada vivenda tipo: asignarase a cada unha das vivendas a cualificación obtida pola súa correspondente vivenda tipo.

d) Conxunto de edificios de vivendas, unifamiliares ou en bloque, cualificados conxuntamente: asignarase a cada unha das vivendas a cualificación obtida polo conxunto de edificios.

e) Conxunto de edificios de vivendas, unifamiliares ou en bloque, con varias cualificacións, unha para cada vivenda tipo: asignarase a cada unha das vivendas a cualificación obtida pola súa correspondente vivenda tipo.

3. A opción de certificación elixida no punto 1 deste anexo deberá ser a mesma no certificado de eficiencia enerxética do proxecto e no certificado do edificio terminado.

4. A opción de certificación elixida deberá ter en conta as posibles limitacións impostas pola obriga de presentación do certificado de eficiencia enerxética en función das diferentes autorizacións municipais que correspondan.

5. No caso de conxuntos de edificios, incluídos nun mesmo proxecto, que se teña previsto dispoñer de actas de finalización de obras parciais, non se poderá optar pola certificación única para o conxunto de edificios, debéndose presentar un certificado individual por edificio ou subconxunto de edificios incluídos nunha mesma acta de finalización de obras parciais.