DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 49 Mércores, 11 de marzo de 2009 Páx. 5.131

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

DECRETO 46/2009, do 26 de febreiro, sobre os arquivos xudiciais territoriais e a Xunta de Expurgación da Documentación Xudicial de Galicia.

En virtude do disposto no artigo 20.1º do Estatuto de autonomía, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, e consonte o proceso de transferencias desenvolvido a través do Real decreto 2166/1994, do 4 de novembro, e o Decreto 394/1994, do 29 de decembro, respecto dos medios económicos e materiais, e do Real decreto 2397/1996, do 22 de novembro, e o Decreto 438/1996, do 20 de decembro, respecto dos medios persoais, a comunidade autónoma xestiona as competencias transferidas en materia de medios ao servizo da Administración de xustiza en Galicia.

A Lei orgánica do poder xudicial, tras a reforma levada a cabo pola Lei orgánica 19/2003, dispón no artigo 458.2º que se establecerán por real decreto as normas reguladoras da ordenación e o arquivo dos autos e expedientes que non estivesen pendentes de ningunha actuación, así como da expurgación dos arquivos xudiciais.

O Real decreto 937/2003, do 18 de xullo, de modernización dos arquivos xudiciais, regula a organización e funcionamento dos arquivos xudiciais territoriais, así como o procedemento de expurgación da documentación xudicial.

Do marco establecido polas anteriores normas resultan as competencias da Comunidade Autónoma de Galicia para establecer o número e a demarcación dos arquivos xudiciais territoriais da comunidade autónoma e para determinar a sede e a composición da Xunta de Expurgación da -Documentación Xudicial, órgano colexiado de ámbito autonómico, competente para tramitar e resolver os procedementos de expurgación de documentos xudiciais.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, oído o Consello Xeral do Poder Xudicial, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e seis de febreiro de dous mil nove,

DISPOÑO:

Capítulo I

Arquivos xudiciais territoriais

Artigo 1º.-Rede de arquivos xudiciais territoriais.

A rede de arquivos xudiciais territoriais de Galicia estará integrada por catro arquivos de ámbito provincial. Cada un destes arquivos poderá ter un ou varios depósitos de fondos.

Artigo 2º.-Dependencia, dirección e recursos dos arquivos xudiciais territoriais.

1. De acordo co previsto no artigo 9.1º do Real decreto 937/2003, do 18 de xullo, de modernización dos arquivos xudiciais, os arquivos xudiciais territoriais dependen da persoa titular da presidencia do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que poderá delegar a competencia no/a presidente/a da audiencia provincial ou no/a xuíz/a decano/a do partido xudicial onde radiquen.

2. Os/as secretarios/as xudiciais a que se refire o artigo 9 do Real decreto 937/2003, do 18 de xullo, de modernización dos arquivos xudiciais, serán os encargados da ordenación, custodia e conservación dos arquivos xudiciais territoriais. Para esta función, a consellería competente en materia de xustiza facilitaralles os recursos humanos, materiais e técnicos que precisen para o seu adecuado funcionamento, de acordo coas dispoñibilidades orzamentarias.

Artigo 3º.-Sede e depósitos dos arquivos xudiciais territoriais.

1. O Arquivo Xudicial Territorial da Coruña terá a súa sede no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Poderá ter depósitos de fondos nas cidades da Coruña, Ferrol e Santiago de Compostela.

2. Os arquivos xudiciais territoriais de Lugo, Ourense e Pontevedra terán a súa sede nas respectivas audiencias provinciais. O Arquivo Xudicial Territorial de Pontevedra poderá ter depósitos de fondos nas cidades de Pontevedra e Vigo.

Capítulo II

Xunta de Expurgación da Documentación Xudicial de Galicia

Artigo 4º.-Constitución da Xunta de Expurgación da Documentación Xudicial de Galicia.

Constitúese a Xunta de Expurgación da Documentación Xudicial de Galicia que iniciará a súas actividades consonte o previsto na disposición derradeira segunda deste decreto.

Artigo 5º.-Natureza e adscrición do órgano.

A Xunta de Expurgación da Documentación Xudicial de Galicia é un órgano colexiado de natureza administrativa adscrito á consellería competente en materia de xustiza que, de conformidade co previsto no artigo 14 do Real decreto 937/2003, de modernización de arquivos xudiciais, exercerá as súas competencias en todo o ámbito territorial da comunidade autónoma.

Artigo 6º.-Sede.

A Xunta de Expurgación da Documentación Xudicial terá a súa sede no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Artigo 7º.-Composición.

1. A Xunta de Expurgación da Documentación Xudicial estará presidida polo/a presidente/a do Tribunal Superior de Xustiza que, de conformidade co previsto no artigo 9º deste decreto, poderá ser substituído por un/unha maxistrado/a en activo que exerza funcións gobernativas.

Ademais, a Xunta de Expurgación da Documentación Xudicial estará integrada polos seguintes vogais:

a) Un membro do Ministerio Fiscal, designado pola persoa titular da Fiscalía Superior da comunidade autónoma.

b) Un/unha funcionario/a da consellería competente en materia de xustiza, que será designado pola Dirección Xeral de Xustiza entre os que desempeñen un cargo de subdirector ou xefe de servizo.

c) Un/unha técnico/a superior especialista en arquivos, designado pola consellería competente en materia de protección do patrimonio documental.

d) Un/unha secretario/a xudicial, designado polo órgano competente do Ministerio de Xustiza, que levará a secretaría da Xunta de Expurgación da Documentación Xudicial.

2. Na designación das persoas integrantes deste órgano procurarase que se obteña unha composición de xénero equilibrada segundo o previsto na Lei 7/2004, para a igualdade de mulleres e homes na Comunidade Autónoma de Galicia, e na Lei orgánica 3/2007, para a igualdade efectiva de mulleres e homes.

Artigo 8º.-Recursos humanos, materiais e técnicos.

A consellería competente en materia de xustiza, de acordo coas dispoñibilidades orzamentarias, facilitaralle á Xunta de Expurgación da Documentación Xudicial os recursos humanos, materiais e técnicos que precise para o seu adecuado funcionamento.

Artigo 9º.-Membros suplentes e comunicación das designacións.

1. Para garantir a continuidade dos traballos e o bo funcionamento da Xunta de Expurgación da Documentación Xudicial, nomearase un suplente por cada un dos vogais titulares, que serán designados do mesmo xeito ca estes.

2. Os sucesivos cambios nos nomeamentos dos vogais titulares e substitutos deberán comunicárselle, cando menos cun mes de antelación ao momento en que se vaian producir, á consellería competente en materia de xustiza, que os porá en coñecemento do/a presidente/a da Xunta de Expurgación da Documentación Xudicial.

Artigo 10º.-Réxime xurídico.

No non previsto neste decreto e no Real decreto 937/2003, do 18 de xullo, de modernización dos arquivos xudiciais, a Xunta de Expurgación da Documentación Xudicial actuará de conformidade co réxime xurídico previsto para os órganos colexiados na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 11º.-Solicitude de informe ao órgano competente en materia de conservación do patrimonio documental

1. Coa finalidade de que o órgano competente dispoña do tempo suficiente para elaborar o informe previsto no artigo 17.3º do Real decreto 937/2003, de modernización dos arquivos xudiciais, o/a presidente/a da Xunta de Expurgación da Documentación Xudicial efectuará as convocatorias das sesións cunha antelación que permita que entre a convocatoria e a realización da xuntanza o dito órgano dispoña de, polo menos, tres meses para a realización do informe. O prazo de tres meses computará desde a data de entrada da comunicación da convocatoria na dirección xeral competente en materia de patrimonio cultural ou órgano que esta designe.

2. Cando o volume de documentación o xustifique, a dirección xeral competente en materia de patrimonio cultural ou o órgano que esta designe poderá solicitar un adiamento da xuntanza da Xunta de Expurgación da Documentación Xudicial para concluír o informe sobre as series documentais ou expedientes que polo seu valor histórico ou cultural deban ser preservados. O/a presidente/a acordará o adiamento por un prazo máximo de tres meses. De se solicitar máis dun adiamento a Xunta de Expurgación da Documentación Xudicial poderá concedelo por causa xustificada e de xeito excepcional.

3. Coa comunicación da convocatoria prevista no punto primeiro deste artigo, a Xunta de Expurgación da Documentación Xudicial remitiralle á dirección xeral competente en materia do patrimonio cultural ou ao órgano que esta designe unha proposta técnica de valoración e selección de series documentais correspondentes aos expedientes xudiciais incluídos na convocatoria.

4. Na elaboración da proposta técnica de valoración e selección prevista na alínea anterior será aplicable a normativa e os criterios técnicos aprobados polo órgano competente en materia de conservación do patrimonio documental.

Disposicións adicionais

Primeira.-Indemnización por asistencias.

A concorrencia ás reunións da Xunta de Expurgación da Documentación Xudicial, debidamente xustificadas polo secretario, dará orixe á indemnización que corresponda, consonte o previsto no acordo do Consello da Xunta de Galicia do 30 de maio de 1991, en relación co artigo 25.3º do Decreto 144/2001, do 7 de xuño.

Segunda.-Intervención do persoal do corpo facultativo de grao superior e medio especialista en arquivos.

Entre o persoal previsto no artigo 2º.2 deste decreto comprenderase algún membro do corpo facultativo de grao superior e medio especialista en arquivos, que asistirá o secretario xudicial nos labores de dirección, ordenación e custodia do arquivo. Ademais, serán os responsables de formular as propostas técnicas de valoración e selección de series documentais previstas no artigo 11º.3 deste decreto.

Terceira.-Plan inicial de expurgación.

1. A consellería competente en materia de xustiza, en colaboración coa consellería competente en materia de protección do patrimonio documental, elaborará un Plan inicial de expurgación de cara á catalogación de series e inventario de fondos existentes nos arquivos dos órganos xudiciais, que someterá ao informe da Sala de Goberno do Tribunal Superior de Xustiza e á audiencia do secretario de Goberno do dito tribunal.

2. Este plan incluirá o estudo da documentación arquivada de cara a formular as propostas de transferencias ao arquivo histórico, transferencia ao arquivo territorial ou pase ao proceso de expurgación. Ademais, incluirá a captura de datos nunha aplicación informática de xestión dos arquivos territoriais e da Xunta de Expurgación, así como a preparación e a etiquetaxe dos fondos.

3. Co fin de xerar espazo nos que serán futuros depósitos dos arquivos xudiciais territoriais, a execución do Plan inicial de expurgación comezará nos arquivos do Tribunal Superior de Xustiza e audiencias provinciais e, nunha segunda fase, estenderase aos arquivos dos xulgados.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a persoa titular da consellería competente en materia de xustiza para ditar as disposicións precisas para o desenvolvemento e aplicación deste regulamento.

Segunda.-Os arquivos xudiciais territoriais e a Xunta de Expurgación da Documentación Xudicial de Galicia iniciarán as súas actividades na data que se determine por unha orde da consellería competente en materia de xustiza.

Terceira.-Antes da data prevista na disposición anterior, deberán aprobarse a través de orde da consellería competente en materia de xustiza, os modelos uniformes e obrigatorios previstos nos artigos 13.1º e 15.3º do Real decreto 937/2003, de modernización de arquivos xudiciais.

Cuarta.-Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e seis de febreiro de dous mil nove.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza