DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 60 Venres, 27 de marzo de 2009 Páx. 6.239

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

ORDE do 17 de marzo de 2009 pola que se ditan normas relativas á inscrición no rexistro de entidades colaboradoras da Consellería do Medio Rural para a realización de actividades de formación continua e transferencia de tecnoloxía en materia agraria e sobre o procedemento de homologación dos cursos realizados por estas entidades e a expedición de certificacións e diplomas oficiais por parte da Administración pública.

A Consellería do Medio Rural actúa, dentro das súas competencias, desenvolvendo actividades de capacitación e formación continua de acordo co especificado no Decreto 247/2000, do 29 de setembro, polo que se aproba o Regulamento de capacitación agraria polos centros de formación e experimentación agroforestal e polas oficinas agrarias comarcais da consellería competente en materia de agricultura. O Decreto 562/2005, do 1 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural e do Fondo Galego de Garantía Agraria, modificado polo Decreto 175/2007, do 13 de setembro, atribúen á Dirección Xeral de Investigación, Tecnoloxía e Formación Agroforestal as funcións, entre outras, de programación, coordinación e impulso da formación e transferencia de tecnoloxía no sector agrícola, gandeiro, forestal e alimentario galego.

Para complementar a oferta formativa que se facilita a través da estrutura da Consellería do Medio Rural considérase necesario contar coa colaboración doutras entidades nas actividades de formación continua e transferencia tecnolóxica que permitan unha capacitación integral das persoas que traballan no sector agroalimentario galego.

O artigo 11º.2 do Decreto 247/2000, do 29 de setembro, crea na consellería competente en materia de agricultura o rexistro de entidades colaboradoras en materia de capacitación agraria e transferencia tecnolóxica, dependente da Dirección Xeral de Investigación, Tecnoloxía e Formación Agroforestal, establecendo a normativa básica que regula o procedemento de inscrición no rexistro e o de homologación das actividades formativas.

Por todo o exposto, en consecuencia co establecido no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, en uso das atribucións que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa presidencia, e posteriores modificacións,

DISPOÑO:

Capítulo I

Disposicións de carácter xeral

Artigo 1º.-Obxecto.

1. Esta orde ten por obxecto desenvolver a normativa básica contida no Decreto 247/2000, do 29 de setembro, sobre o procedemento de autorización das entidades que, en colaboración coa Consellaría do Medio Rural, impartan cursos de formación continua e desenvolvan actividades de transferencia de tecnoloxía dirixidas a persoas que traballan no sector agrario dentro da comunidade autónoma galega. Así mesmo, é obxecto desta orde regular o procedemento para a homologación das actividades formativas que as ditas entidades realicen e para o recoñecemento oficial dos certificados, carnés ou diplomas das persoas asistentes aos cursos e actividades impartidas polas entidades colaboradoras.

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación.

1. As disposicións desta orde serán de aplicación con carácter xeral ás actividades de formación continua e transferencia de tecnoloxía agraria que, previamente homologadas pola Consellería do Medio Rural, se realicen dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia polas entidades colaboradoras, con independencia de que sexan ou non subvencionadas con cargo aos orzamentos da consellería.

2. Exceptúanse do ámbito desta orde as accións formativas seguintes:

a) Formación en materia de benestar animal, regulada pola súa normativa específica, contida no Decreto 60/2007, do 22 de marzo.

b) Formación dirixida ao persoal dos centros de cría, subministradores/as e usuarios/as de animais de experimentación, segundo o disposto no Decreto 296/2008, do 30 de decembro, de protección dos animais utilizados para experimentación e outros fins científicos, incluída a docencia, e polo que se crea o Rexistro dos centros de cría, de subministradores e usuarios e a Comisión Galega de Benestar dos Animais de Experimentación, e Real decreto 1201/2005, do 10 de outubro, sobre protección dos animais utilizados para experimentación e outros fins científicos.

c) Formación en materia de capacitación de manipuladores-aplicadores de produtos fitosanitarios regulada pola Orde do 30 de xullo de 1997, conxunta das consellerías de Agricultura, Gandería e Montes e de Sanidade e Servizos Sociais, pola que se establece, na Comunidade Autónoma de Galicia, a normativa reguladora para a homologación de cursos de capacitación para realizar tratamentos con praguicidas así como para a obtención dos carnés de manipuladores destes produtos; a Orde do Ministerio da Presidencia, do 8 de marzo de 1994 pola que se establece a normativa reguladora da homologación de cursos de capacitación para realizar tratamentos con praguicidas e a Orde PRE/2922/2005, do 19 de setembro, que modifica a anterior.

Artigo 3º.-Entidades colaboradoras en materia de capacitación agraria e transferencia tecnolóxica.

1. Poderán optar á consideración de entidades colaboradoras da Consellería do Medio Rural en materia de capacitación agraria e transferencia tecnolóxica as entidades públicas ou privadas que presten servizo en materia de formación e capacitación de profesionais do sector e as súas familias, cuxo ámbito de actuación radique na Comunidade Autónoma de Galicia, sempre que dispoñan dos medios adecuados para realizar este labor de maneira estable e que os programas impartidos se axusten ao disposto nesta orde ou á normativa particular que os regule.

2. Estas entidades deberán ser autorizadas e rexistradas como colaboradoras de conformidade co procedemento establecido nesta orde.

Artigo 4º.-Accións formativas susceptíbeis de homologación.

1. As modalidades formativas que poderán ser desenvolvidas polas entidades colaboradoras, logo de solicitude e concesión da homologación para a súa impartición por parte da Consellería do Medio Rural son as seguintes:

-Cursos de Incorporación á Empresa Agraria.

-Outros cursos exixibles pola normativa vixente, con excepción dos sinalados no punto 2.4 desta orde.

-Ensinanzas de actualización e perfeccionamento profesional.

-Actividades de experimentación, ensaio e transferencia tecnolóxica.

Capítulo II

Procedemento de inscrición no rexistro de entidades colaboradoras

Artigo 5º.-Requisitos.

As entidades que pretendan obter a consideración de colaboradoras nos programas de formación continua e transferencia tecnolóxica da Consellería do Medio Rural deberán cumprir os seguintes requisitos:

1. Contar coas licenzas e autorizacións administrativas que lles sexan exixibles.

2. Cumprir as súas obrigas tributarias co Estado, coa Comunidade Autónoma e coa Seguridade Social.

3. Ter entre os seus obxectivos estatutarios ou obxecto social a formación e o desenvolvemento do medio rural galego.

4. Contar cun responsable de formación, cun nivel de titulación universitaria de grao medio ou superior, no ámbito da actividade que desenvolva a entidade.

5. Dispor de recursos pedagóxicos, instalacións e medios técnicos de apoio adecuados para a correcta execución das actividades de formación e transferencia tecnolóxica.

Artigo 6º.-Procedemento de autorización.

1. A solicitude para a obtención da autorización administrativa das entidades referidas no artigo 1º dirixirase á Dirección Xeral de Investigación, Tecnoloxía e Formación Agroforestal da Consellería do Medio Rural, segundo o modelo normalizado do anexo I, e poderá presentarse nos lugares e formas previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

2. Xunto co modelo de solicitude achegarase a seguinte documentación:

a) Datos de identificación: CIF ou NIF da entidade.

b) Autorización á Consellería do Medio Rural, para que verifique que a entidade solicitante se encontra ao corrente no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non ten pendente ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, mediante o modelo do anexo II.

c) Estatutos da entidade ou documentación que acredite o seu obxecto social.

d) Identificación da persoa responsable da formación así como o seu curriculu vitae.

e) Relación de actividades de formación e capacitación que pretende desenvolver.

f) Acreditación da dispoñibilidade de instalacións e medios materiais e humanos axeitados para as actividades formativas que se pretenden desenvolver.

g) Compromiso de que o profesorado da entidade asista ás accións de formación de formadores programadas pola Consellería do Medio Rural.

h) Copia cotexada da póliza de seguros de responsabilidade civil referente ás instalacións onde se realizarán as actividades e da póliza do seguro de accidentes e responsabilidade civil que cubra a totalidade do persoal docente e do alumnado ou, no seu defecto, o compromiso de achegalo con anterioridade ao comezo da actividade lectiva. Esta documentación deberá estar sempre actualizada e á disposición da Administración para a súa comprobación.

Artigo 7º.-Resolución.

1. Unha vez presentada a solicitude, a Dirección Xeral de Investigación, Tecnoloxía e Formación Agroforestal procederá á comprobación da documentación presentada.

2. Se a documentación achegada estivese incompleta ou presentase erros emendables, requirirase a persoa responsable para que, nun prazo de dez días hábiles, que comezará a contar ao seguinte ao de recepción do requirimento, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, coa advertencia de que, se non o fixese, se terá por desistido da súa petición, procedéndose ao arquivo das actuacións tras a notificación da resolución en tal sentido, de acordo co establecido nos artigos 42 e 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

3. O órgano competente para resolver as solicitudes é a Dirección Xeral de Investigación, Tecnoloxía e Formación Agroforestal da Consellería do Medio Rural.

4. O prazo máximo para ditar e notificar a resolución que se adopte será de tres meses, contados desde o día seguinte ao da presentación da solicitude. Transcorrido ese prazo, os interesados poderán entender estimada a súa solicitude por silencio administrativo.

5. A autorización administrativa supón a inscrición, de oficio, no rexistro de entidades colaboradoras da Consellería do Medio Rural para a realización de actividades de formación continua e transferencia de tecnoloxía en materias agrarias.

6. Calquera cambio respecto da documentación achegada inicialmente para a autorización deberá ser comunicado, no prazo de dez días hábiles desde que se produza, á Dirección Xeral de Investigación, Tecnoloxía e Formación Agroforestal, quen, unha vez estudada, poderá manter ou modificar a resolución da autorización.

Artigo 8º.-Recursos.

As resolucións do órgano competente non poñen fin á vía administrativa. Contra elas poderase interpoñer recurso de alzada no prazo dun mes se o acto for expreso, e no de tres meses en caso de acto presunto, perante o conselleiro competente en materia de agricultura, de conformidade co disposto nos artigos 114 e seguintes da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Artigo 9º.-Suspensión e retirada da autorización.

1. Procederá a suspensión ou retirada da autorización nos seguintes supostos:

a) Por petición dos interesados/as.

b) Por incumprimento dos requisitos que deron lugar á inscrición inicial ou posteriores renovacións.

c) Por incumprimento grave dos requisitos exixidos para a impartición dunha actividade formativa previamente homologada, indicados nos artigos 12, 13 e 14 desta orde.

d) Por falsidade constatada nos datos declarados na solicitude de autorización ou dos documentos xustificativos achegados.

e) Por falta de comunicación das modificacións producidas respecto dos datos do rexistro.

f) Por ter sido condenadas, mediante sentenza xudicial firme, por falsidade nas actuacións realizadas polas entidades.

2. A retirada da autorización supón a cancelación de oficio do asento de inscrición no rexistro.

Artigo 10º.-Datos das entidades autorizadas que constan no rexistro.

1. Para cada inscrición deberá constar os seguintes datos:

a) Identificación da entidade.

b) Identificación da persoa responsable ou docente da formación.

c) Data de autorización en vigor.

d) Número de rexistro que lle corresponde.

e) Relación dos documentos que constan no expediente.

2. Os datos da solicitude serán incluídos en ficheiros automatizados e utilizados de acordo co previsto na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

Capítulo III

Homologación de cursos de formación impartidos

por entidades colaboradoras autorizadas

Artigo 11º.-Solicitude de autorización para a impartición de actividades de formación.

1. As entidades colaboradoras deberán presentar anualmente unha solicitude de autorización para cada acción formativa que pretendan impartir, a fin de lograr a homologación e recoñecemento da mesma por parte da Consellaría do Medio Rural.

2. As solicitudes dirixiranse á Dirección Xeral de Investigación, Tecnoloxía e Formación Agroforestal antes do 30 de novembro do ano anterior ao inicio da actividade, debendo axustarse ao modelo establecido no anexo III desta orde. Unicamente en casos excepcionais, debidamente xustificados pola entidade solicitante e libremente apreciados pola devandita dirección xeral, serán autorizados cursos cuxa solicitude de autorización se presente fóra do período citado.

3. Ás solicitudes acompañarase a seguinte documentación:

a) Fotocopia compulsada do documento acreditativo da natureza da entidade, do seu rexistro actualizado, así como do poder de representación do asinante da solicitude.

b) Programa que se vai impartir, especificando o contido de cada unidade didáctica, horas lectivas, tipo e duración de cada módulo, acompañado da ficha técnica da actividade formativa segundo anexo IV.

c) Lugar e calendario da acción formativa.

d) Cadro de profesorado, acompañado de fotocopia compulsada do título académico, curriculum vitae e relación das materias que vai impartir cada docente.

f) Destinatarios dos cursos e, no caso de que a acción formativa fose subvencionada pola Consellería do Medio Rural, criterios que se van seguir para a selección do alumnado.

g) Copia cotexada da póliza de seguros de responsabilidade civil referente ás instalacións onde se realizarán as actividades e da póliza do seguro de accidentes e responsabilidade civil que cubra a totalidade do persoal docente e do alumnado ou, no seu defecto, o compromiso de achegalo con anterioridade ao comezo da actividade lectiva. Esta documentación deberá estar sempre actualizada e a disposición da Administración para a súa comprobación.

4. Para o caso de solicitar autorización para impartir cursos de Incorporación á Empresa Agraria, á documentación sinalada no punto anterior engadirase copia do material didáctico (impreso e informático) que se vai utilizar na impartición dos cursos.

5. A documentación deberá ser presentada conforme se sinala no artigo 6º.1 desta orde.

6. O órgano competente para resolver as solicitudes é a Dirección Xeral de Investigación, Tecnoloxía e Formación Agroforestal, quen ditará resolución no prazo máximo dun mes tras a presentación da solicitude. Transcorrido o dito prazo sen ter recibido resolución expresa, os interesados poderán entender estimada a súa solicitude por silencio administrativo.

Artigo 12º.-Requisitos do profesorado.

1. As entidades colaboradoras deberán dispor de profesorado cualificado para a impartición das accións formativas, cun perfil de coñecementos adecuados ao contido da acción. Serán persoas con titulación universitaria de grao superior ou medio en materias agrarias e afíns. Tamén poderán participar, como profesorado de prácticas, persoal con titulación de formación profesional dos ciclos medio e superior da familia agraria.

2. Para a impartición dos cursos de Incorporación á Empresa Agraria será necesario contar co seguinte cadro mínimo de profesorado:

-5 profesores con titulación universitaria en materia agronómica ou veterinaria, podendo participar tamén titulados/as en materia forestal, tecnoloxía dos alimentos, enoloxía, bioloxía, química, ciencias ambientais e outras titulacións afíns a estas en función da orientación técnico-produtiva da incorporación.

-2 profesores con titulación en formación profesional de grao medio ou superior en especialidades agrarias.

-Neste tipo de cursos, cada profesor non poderá impartir máis dun total de 40 horas.

3. Para o resto dos cursos será suficiente contar con persoal especializado que acredite a súa formación no contido específico da materia.

Cando a duración dos cursos sexa superior a 30 horas, ou máis, un profesor/a non poderá impartir máis do 50% dos contidos da actividade formativa de que se trate.

Artigo 13º.-Condicións particulares de impartición dos cursos.

1. A duración dos cursos de Incorporación á Empresa Agraria será de 250 horas, debendo o seu contido axustarse ao disposto no anexo V. Para superar os cursos será necesario asistir, como mínimo, ao 90% das horas lectivas e demostrar o seu aproveitamento ao rematar os cursos mediante unha proba obxectiva de aptitude. Esta proba, que se realizará no lugar e polo persoal técnico que designe a Dirección Xeral de Investigación, Tecnoloxía e Formación Agroforestal.

2. O número de persoas asistentes aos cursos, agás casos excepcionais debidamente motivados, non poderá superar os 30 alumnos/as.

3. Previamente ao comezo dos cursos autorizados, as entidades estarán obrigadas a comunicar á Dirección Xeral de Investigación, Tecnoloxía e Formación Agroforestal da Consellaría do Medio Rural o inicio da acción formativa por escrito, debendo ser recibida na citada dirección xeral, como mínimo, 10 días antes do comezo da actividade, e acompañada pola relación de apelidos e nomes das persoas que solicitan asistir ao curso ordenada alfabeticamente, utilizando para iso o anexo VI desta orde. No caso de variar algunha das circunstancias relativas ao cadro de profesorado, lugar, data ou horario do curso, deberán manifestalo na comunicación. En caso de non recibir notificación en contra, entenderase estimada polo mencionado órgano xestor.

4. No suposto de que a entidade renuncie a realizar a actividade autorizada ou a mesma sexa suspendida, o feito deberá comunicarse por escrito á Dirección Xeral de Investigación, Tecnoloxía e Formación Agroforestal.

5. As entidades impartidoras dos cursos estarán ademais obrigadas a:

a) Nomear un coordinador por curso que será o responsable do seu funcionamento, debendo estar localizable durante as horas de impartición deste.

b) Axustarse aos programas de contidos mínimos establecidos pola Consellaría do Medio Rural.

c) Recepcionar as solicitudes dos alumnos interesados en asistir ás actividades formativas, segundo o anexo VII.

d) Levar as follas de control de asistencia diaria ordenadas alfabeticamente, segundo o anexo VIII, onde asinarán os participantes ao comezo e ao final de cada xornada. As follas deberán ser asinadas polo profesor e o coordinador do curso. A relación de sinaturas diarias así como o programa da actividade, en todo momento estarán a disposición dos supervisores da Consellería do Medio Rural.

6. O desenvolvemento das accións formativas non consideradas como exixibles pola normativa vixente realizarase consonte á programación e contido aprobado pola administración, séndolle de aplicación os puntos 3 a 6 do artigo anterior. En calquera caso, como norma xeral será necesario asistir, como mínimo, ao 90% das horas lectivas para considerar superado o curso e ter dereito ao outorgamento da correspondente certificación ou diploma oficial.

Capítulo IV

Da expedición do certificado ou diploma oficial

de acreditación de formación impartida por entidades colaboradoras

Artigo 14º.-Expedición da acreditación.

1. Rematada a actividade formativa, as entidades organizadoras, actuando en representación dos asistentes, remitirán á Dirección Xeral de Investigación, Tecnoloxía e Formación Agroforestal, en soporte informático e en papel, unha relación de asistentes que, tendo asistido ao mínimo de horas lectivas requiridas por esta orde e superado, de ser o caso, a proba de aptitude, soliciten o certificado de competencia, para o que deberán achegar a seguinte documentación:

a) O documento acreditativo da representación ostentada pola entidade organizadora, respecto dos asistentes incluídos na solicitude, segundo o anexo IX.

b) Certificación do coordinador da acción relativa á veracidade dos datos consignados na folla-resumo de asistencias.

c) A documentación relativa á realización e avaliación da proba de aptitude, se é o caso.

d) Fotocopia do documento de identidade dos alumnos que superaron o curso.

2. Se a documentación achegada estivese incompleta ou presentase erros emendables, será de aplicación o establecido no artigo 7º.2.

3. A dirección xeral, verificada a concorrencia dos requisitos sinalados no punto 1 deste artigo, expedirá o certificado, diploma ou acreditación e seralles remitido ás entidades organizadoras nun prazo non superior a tres meses a partir da data de finalización do curso.

Artigo 15º.-Supervisión das actividades formativas.

A Dirección Xeral de Investigación, Tecnoloxía e Formación Agroforestal poderá supervisar as accións formativas levadas a cabo polas entidades colaboradoras autorizadas.

Capítulo V

Financiamento das accións formativas por parte

da Consellería do Medio Rural

Artigo 16º.-Convenios e subvencións.

1. A Consellaría do Medio Rural poderá financiar as accións formativas incluídas no artigo 4º desta orde que sexan impartidas polas entidades colaboradoras inscritas no rexistro. O procedemento de financiamento estará suxeito ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición adicional

Única.-A autorización administrativa prevista nesta orde para realizar actividades de formación e capacitación agraria non exclúe nin substitúe calquera outra que poida ser necesaria para o exercicio da actividade.

Disposición transitoria

Única.-No primeiro ano de entrada en vigor desta orde, o prazo ao que se refire o artigo 11.2 será de tres meses contados a partir da data de publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Habilitación para o desenvolvemento.

Autorízase o director xeral de Investigación, Tecnoloxía e Formación Agroforestal para ditar as instrucións necesarias que permitan a aplicación e desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de marzo de 2009.

Alfredo Suárez Canal

Conselleiro do Medio Rural

Ver referencia pdf "06000D002P007.PDF"

ANEXO VI

Ver referencia pdf "06000D002P007.PDF"

a) CESAMENTOS CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS

E XUSTIZA