DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 68 Mércores, 08 de abril de 2009 Páx. 6.984

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

ORDE do 26 de marzo de 2009 pola que se modifica a Orde do 26 de outubro de 2004 pola que se regula a alternancia de artes para embarcacións que faenen en augas da Comunidade Autónoma de Galicia.

O Decreto 424/1993, do 17 de decembro, polo que se aproba o Regulamento da actividade pesqueira e das artes e aparellos de pesca permisibles en Galicia establece, no seu artigo 6, que dado o carácter alternante da actividade extractiva nas augas de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, unha mesma embarcación poderá obter autorización para varias modalidades de pesca. A posible alternancia entre as distintas artes de pesca será regulada pola consellería competente en materia de pesca.

En cumprimento desta disposición, foi ditada a Orde do 26 de novembro de 2004 pola que se regula a alternancia de artes para embarcacións que faenen en augas da Comunidade Autónoma de Galicia, en que se establece o número máximo de artes de pesca por embarcación, a posibilidade de cambio destas e os supostos en que é posible levalo a cabo e o procedemento que se seguirá, o libro de rexistro da actividade pesqueira, así como as artes de pesca declaradas a extinguir e as consideradas como non selectivas.

Esta orde foi modificada pola Orde do 3 de maio de 2007, coa finalidade de regular os cambios de arte derivados da participación dun plan de explotación e os cambios temporais de modalidade entre determinadas artes do censo de artes menores.

A disposición adicional sexta da Orde do 26 de novembro de 2004 establece que a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos poderá establecer un sistema informatizado de rexistro dos cambios de arte. Con este obxectivo, con anterioridade ao establecemento da normativa que permita a súa implantación, poderá deseñar un plan piloto que permita verificar a idoneidade do sistema informatizado.

Despois de varios anos recollendo e analizando a actividade pesqueira a través do libro de rexistro da actividade pesqueira, deseñouse e púxose en práctica un sistema informatizado a través dun plan piloto, un mecanismo máis áxil e eficaz para o rexistro da actividade da frota galega e acorde coas súas necesidades.

Constatada a súa viabilidade, procede agora facelo extensivo con carácter xeral aos rexistros da actividade pesqueira.

Por todo o anteriormente exposto, logo de consultar o sector, e en virtude das facultades que teño conferidas,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modificación da Orde do 26 de outubro de 2004 pola que se regula a alternancia de artes para embarcacións que pesquen en augas da Comunidade Autónoma de Galicia.

A Orde do 26 de outubro de 2004 pola que se regula a alternancia de artes para embarcacións que pesquen en augas da Comunidade Autónoma de Galicia queda modificada como segue:

Un.-O artigo 2º bis queda redactado como segue:

«Artigo 2º bis.-Artes sometidas a plans de explotación.

A inclusión nun plan experimental dos regulados no Decreto 424/1993, do 17 de decembro, polo que se aproba o Regulamento da actividade pesqueira e das artes e aparellos de pesca permisibles en Galicia, suporá a autorización para o emprego da arte a que se refira o dito plan».

Dous.-O artigo 5º queda redactado do seguinte modo:

«Artigo 5º.-Prohibicións.

1. Está prohibido calquera tipo de simultaneidade, e non se poderá pescar con máis dunha arte ou aparello de pesca no mesmo día.

2. Non se poderá manter calada unha arte, aínda que non se vire se se está empregando outra.

3. Estará igualmente prohibido ter a bordo artes e aparellos diferentes aos que figuren no último rexistro, ou máis pezas do aparello das permitidas, así como artes non reguladas ou con mallas e medidas que non sexan regulamentarias.

4. Non está permitido o rexistro de máis dunha arte para un mesmo día, agás nos casos en que, rexistrado o cambio de arte a recursos específicos ou marisqueo, se xustifique por parte da confraría ou entidade asociativa do sector a decisión do colectivo implicado de non saír a faenar ou se produza un peche da zona de produción.

5. Unha embarcación non poderá pescar cunha arte diferente a aquela que figure como última anotación no rexistro da actividade pesqueira. Serán nulos e non terán efecto os cambios rexistrados a artes de pesca, marisqueo ou de recursos específicos en épocas, zonas e días distintos aos autorizados polas correspondentes resolucións ou disposicións normativas en vigor.

6. O rexistro da actividade pesqueira non exime do cumprimento das disposicións que, en materia de despachos, son competencia das capitanías marítimas do Ministerio de Fomento».

Tres.-O artigo 6º queda sen contido.

Catro.-O artigo 7º queda redactado do seguinte modo:

«Artigo 7º.-Rexistro da actividade pesqueira.

1. Co obxecto de controlar o esforzo pesqueiro, as embarcacións con porto base en Galicia e con permiso de explotación, autorizadas a faenar no caladoiro cantábrico-noroeste, deberán rexistrar a arte con que van exercer a actividade de pesca. Esta arte será rexistrada a través do portal pescadegalicia.com.

2. Para tal fin será necesario rexistrar:

a) O inicio da actividade pesqueira cunha das artes outorgadas no permiso de explotación.

b) Os cambios de arte entre aquelas autorizadas no permiso de explotación, no caso das embarcacións do censo de artes menores.

c) O inicio da actividade pesqueira dentro dun plan dos regulados no artigo 2º bis.

d) Os cambios temporais de modalidade.

e) A inactividade, entendendo como tal o cesamento da actividade pesqueira por un período superior aos 15 días.

3. Os rexistros da actividade pesqueira deberán ser solicitados polo patrón ou armador dunha embarcación ante a confraría de pescadores, entidade asociativa do sector ou delegación territorial ou comarcal da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos.

4. Para a anotación dos ditos rexistros, o patrón ou armador deberán acreditar a titularidade do permiso de explotación así como a autorización do despacho das capitanías marítimas.

5. A solicitude de rexistro da actividade pesqueira e marisqueira deberá levarse a cabo cunha antelación mínima dun día. No caso de que, por calquera circunstancia, a embarcación pase á situación de inactividade, este feito deberá rexistrarse o primeiro día en que teña lugar.

6. Nos casos establecidos no artigo 5º.4, poderá levarse a cabo a anulación do rexistro antes das 10.00 horas da mañá. As anulacións deberán ser comunicadas á Dirección Xeral de Recursos Mariños. Tamén se poderá anular o rexistro dunha arte calquera, antes da data da súa entrada en vigor.

7. Sempre que se rexistre unha das circunstancias das letras a) a e) do punto 2, a confraría de pescadores, entidade asociativa do sector ou delegación, entregará ao armador ou patrón un documento segundo o modelo do anexo I, no cal quedarán reflectidos todos os datos do armador e do buque, así como o último cambio de arte e un breve resumo da actividade exercida con anterioridade. Este documento será selado polo organismo emisor e deberá ir sempre na embarcación. Exceptúanse desta obriga aquelas embarcacións que comunicasen un cambio de arte ou zona de traballo, nos supostos establecidos no artigo 5º.4 unha vez efectuada a anulación ante a Dirección Xeral de Recursos Mariños, de acordo co punto anterior. A excepción de levar o documento de alternancia será unicamente para o mesmo día en que se produce a anulación do despacho, sendo obrigatorio levalo na embarcación o resto dos días.

8. Os patróns e armadores das embarcacións do censo de artes menores deberán actualizar o rexistro da actividade pesqueira, aínda que non teña lugar o cambio de arte, cunha periodicidade de tres meses. Este requisito non será obrigatorio para o resto dos censos, en que unicamente rexistrarán actividade no caso de dispor de cambios temporais de modalidade, participación nun plan ou a inactividade da embarcación.

Cinco.-A disposición adicional sexta queda sen contido.

Seis.-Engádense as disposicións adicionais sétima e oitava e a disposición transitoria terceira:

Disposición adicional

«Sétima.-Unha vez que se rexistran as artes dunha embarcación no sistema informático, deixará de ter vixencia o seu libro de rexistro da actividade pesqueira. Para tal fin a entidade ou delegación que realizase o rexistro estampará unha dilixencia segundo o modelo do anexo II, en que se indique a data de comezo da alternancia co sistema informatizado. Unha fotocopia da páxina do libro de rexistro onde se reflectiu a dilixencia deberá ser remitida ao servizo de marisqueo e pesca, da Dirección Xeral de Recursos Mariños.

Oitava.-As confrarías ou entidades asociativas que por dificultades técnicas non poidan utilizar o sistema informático deberán comunicar telefonicamente o despacho das embarcacións á delegación territorial ou comarcal correspondente, que lle remitirá vía fax o documento establecido no anexo I debidamente asinado e selado».

Disposición transitoria

«Terceira.-Mantense un período de dous meses en que poderá utilizarse o libro de rexistro da actividade pesqueira, mentres non entre en funcionamento o sistema informático en cada confraría ou entidade asociativa do sector pesqueiro recoñecidas pola consellería con competencias en materia de pesca».

Disposición derradeira

Primeira.-Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Recursos Mariños para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento e a aplicación desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de marzo de 2009.

Carmen Gallego Calvar

Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos

Ver referencia pdf "06800D002P010.PDF"

ANEXO II

Dilixencia para facer constar que con data do... comeza a rexistrarse telematicamente a alternancia correspondente á actividade pesqueira desta embarcación, polo que quedan sen efecto todas aquelas anotacións rexistradas con posterioridade á referida data.