DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 72 Xoves, 16 de abril de 2009 Páx. 7.350

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN E INDUSTRIA

RESOLUCIÓN do 2 de abril de 2009, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se aproban os procedementos para a verificación periódica e posterior á reparación ou modificación de distintos instrumentos sometidos a control metrolóxico.

Antecedentes de dereito:

O Real decreto 889/2006, do 21 de xullo, polo que se regula o control metrolóxico do Estado sobre instrumentos de medida, establece que os instrumentos suxeitos ao control metrolóxico do Estado por regulación específica deberán ser sometidos a verificación despois de reparación ou modificación, a verificación periódica e a vixilancia e inspección, segundo proceda, de acordo co determinado no número 2, parágrafos c), d) e e) do artigo sétimo da Lei 3/1985, do 18 de marzo, de metroloxía.

Agás no suposto de instrumentos de medida que teñan uso itinerante, a fase de control metrolóxico do Estado de instrumentos en servizo será executada pola Administración pública competente onde se atope situado o instrumento de medida cos fins previstos da súa utilización, tendo en conta o establecido no Real decreto 889/2006, a regulamentación específica para cada tipo de instrumento de medida e as directrices técnicas e de coordinación que emanen do Consello Superior de Metroloxía.

A ordenación do control metrolóxico no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia regúlase mediante o Decreto 252/2007, do 13 de decembro. No seu artigo 3º establece que o control na fase de instrumentos en servizo será levado a cabo pola dirección xeral con competencias en materia de industria.

Os instrumentos obxecto desta resolución encóntranse regulamentados de maneira específica mediante as seguintes ordes ministeriais:

-Orde ITC/3699/2006, do 22 de novembro, pola que se regula o control metrolóxico do Estado dos instrumentos destinados a medir a velocidade de circulación de vehículos de motor (cinemómetros).

-Orde ITC/3707/2006, do 22 de novembro, pola que se regula o control metrolóxico do Estado dos instrumentos destinados a medir a concentración de alcohol no aire expirado (etilómetros).

-Orde ITC/2845/2007, do 25 de setembro, pola que se regula o control metrolóxico do Estado dos instrumentos destinados á medida do son audible e dos calibradores acústicos (sonométros, dosímetros e calibradores acústicos).

-Orde ITC/3749/2006, do 22 de novembro, pola que se regula o control metrolóxico do Estado sobre os instrumentos destinados a medir a opacidade e determinar o coeficiente de absorción luminosa dos gases de escape dos vehículos equipados con motores de arranque por compresión (opacímetros).

-Orde ITC/3722/2006, do 22 de novembro, pola que se regula o control metrolóxico do Estado na fase de instrumentos en servizo sobre os instrumentos destinados a medir as emisións dos gases de escape dos vehículos equipados con motores de arranque por faísca (analizadores de gases de escape).

A Resolución do 27 de febreiro de 2009, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, autoriza o Laboratorio Oficial de Metroloxía de Galicia (LOMG) para realizar ensaios metrolóxicos de distintos instrumentos de medida en servizo na Comunidade Autónoma de Galicia.

En virtude das competencias que teño atribuídas,

Resolvo:

Artigo 1º.-Obxecto.

O obxecto desta resolución é establecer o procedemento para a solicitude e realización da verificación periódica e posterior á reparación ou modificación dos seguintes instrumentos de medida sometidos ao control metrolóxico:

-Cinemómetros.

-Etilómetros.

-Sonómetros, dosímetros e calibradores acústicos.

-Opacímetros.

-Analizadores de gases de escape.

Artigo 2º.-Procedemento.

1. A solicitude de verificación periódica e posterior á reparación ou modificación presentarase ante o director xeral con competencias en materia de industria mediante os modelos de impresos que figuran nos seguintes anexos:

-Anexo I.- IN655B: verificación de instrumentos de medida: cinemómetros.

-Anexo II.- IN655C: verificación de instrumentos de medida: etilómetros.

-Anexo III.- IN655D: verificación de instrumentos de medida: sonómetros, dosímetros e calibradores acústicos.

-Anexo IV.- IN655E: verificación de instrumentos de medida: opacímetros.

-Anexo V.- IN655F: verificación de instrumentos de medida: analizadores de gases de escape.

2. Xunto coa solicitude deberá presentarse a seguinte documentación:

-Tantos boletíns de identificación como instrumentos se desexen someter a verificación.

-Partes de reparación, de ser o caso.

-Xustificantes de aboamento de taxas.

3. O instrumento será enviado polo seu titular ao Laboratorio Oficial de Metroloxía de Galicia (LOMG), xunto cunha copia da documentación recollida nos puntos anteriores, coa finalidade de que sexa sometido aos correspondentes ensaios e comprobacións.

4. As tarifas que o titular do instrumento deberá satisfacer ao LOMG pola realización dos ensaios serán aprobadas pola dirección xeral con competencias en materia de industria.

Disposición derradeira

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de abril de 2009.

Anxo Ramón Calvo Silvosa

Director xeral de Industria, Enerxía e Minas