DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 76 Martes, 21 de abril de 2009 Páx. 7.682

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

AXENCIA GALEGA DE EMERXENCIAS

RESOLUCIÓN do 2 de abril de 2009 pola que se crean determinados ficheiros de datos de carácter persoal existentes na Axencia Galega de Emerxencias.

A Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal (BOE nº 298, do 14 de decembro) regula o tratamento de datos de carácter persoal rexistrados en soportes físicos que os faga susceptibles de tratamento, así como toda modalidade de uso posterior destes datos polos sectores público e privado. A finalidade desta regulación é garantir e protexer as liberdades públicas e os dereitos fundamentais das persoas físicas e, especialmente, a súa honra e intimidade persoal e familiar.

No artigo 20 da devandita lei disponse que a creación, modificación ou supresión dos ficheiros das administracións públicas só poderá facerse por medio de disposición xeral publicada no BOE ou diario oficial correspondente, establecendo no seu punto segundo as indicacións concretas que deben constar nas disposicións de creación e modificación daqueles.

En consecuencia, e en virtude das facultades que me confire o artigo 9 do Decreto 223/2007, do 5 de decembro, polo que se aproba o estatuto da Axencia Galega de Emerxencias,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Mediante esta resolución da Axencia Galega de Emerxencias créanse os ficheiros de carácter persoal que se especifican no anexo.

Artigo 2º.-Contido.

A información exixida no artigo 20 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, e no artigo 54 do seu regulamento asociado, o Real decreto 1720/2007, do 21 de decembro, para as disposicións de creación de ficheiros está contida no anexo desta resolución.

Artigo 3º.-Finalidade e uso dos ficheiros.

Os datos de carácter persoal incluídos nos ficheiros da Axencia Galega de Emerxencias creados por esta resolución só serán utilizados para os fins expresamente previstos e declarados no anexo e polo persoal debidamente autorizado.

Artigo 4º.-Cesión de datos.

Os datos só serán cedidos nos supostos expresamente previstos pola lei e os declarados no anexo. No suposto de cesión de datos ás administracións públicas observarase o disposto na normativa vixente respecto a esta materia.

Artigo 5º.-Órgano responsable dos ficheiros.

A responsabilidade sobre os ficheiros creados por esta resolución correspóndelle á Axencia Galega de Emerxencias, encadrada na Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

No anexo detállase a unidade ante a cal se exercerán os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición dos datos que constan nos ficheiros.

Artigo 6º.-Nivel de protección e medidas de seguranza.

Os niveis dos ficheiros creados por esta resolución atópanse clasificados atendendo ao disposto no artigo 80 do Real decreto 1720/2007, do 21 de decembro. No anexo aparece a clasificación (nivel básico, medio ou alto) dos ficheiros creados baixo esta resolución.

O titular do órgano responsable destes ficheiros adoptará as medidas técnicas, de xestión e organización que sexan necesarias para asegurar a confidencialidade e integridade dos datos, así como as conducentes a facer efectivas as garantías, obrigas e dereitos recoñecidos na Lei orgánica 15/1999 e nas súas normas de desenvolvemento.

Disposición derradeira

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de abril de 2009.

José Luis Méndez Romeu

Presidente da Axencia Galega de Emerxencias

Ver referencia pdf "07600D006P035.PDF"