DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 116 Martes, 16 de xuño de 2009 Páx. 10.355

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

PRESIDENCIA

LEI 1/2009, do 15 de xuño, de modificación da Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia.

A Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia, foi publicada no Diario Oficial de Galicia o 16 de decembro de 2008. De conformidade coa súa disposición transitoria cuarta, esta lei, salvo o seu capítulo I do título IX, referido á Axencia de Desenvolvemento Sustentable das Zonas de Pesca, xa vixente, debería entrar en vigor aos seis meses da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A súa entrada en vigor implicaría unha nova reorganización da Administración pesqueira, coa extinción do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia como ente de dereito público que exixiría a creación dunha nova unidade na estrutura orgánica da consellaría competente en materia de pesca, así como a substitución do Servizo de Gardacostas polo Servizo de Inspección e Vixilancia Pesqueira.

Esta nova reorganización debe ser valorada de acordo cos principios de eficacia, austeridade e economía que deben guiar a actuación e organización administrativa do novo Goberno de Galicia.

Por iso, para evitar a súa inmediata entrada en vigor e o incremento dos custos de persoal e económicos que isto supoñería, debe procederse a ampliar o prazo de seis meses establecido para a súa entrada en vigor.

Por todo o exposto, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2º do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, promulgo en nome de El-Rei, a Lei de modificación da Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia.

Artigo único.-Modificación da Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia.

A Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia, modifícase nos seguintes termos:

A disposición derradeira cuarta da Lei 11/2008, do 3 de decembro, quedará redactada do seguinte modo:

«Esta lei entrará en vigor aos doce meses da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Á entrada en vigor desta lei, seguirán vixentes aquelas disposicións que non foron derrogadas expresamente naqueles artigos que non contradigan o disposto nesta lei.

O disposto no primeiro parágrafo desta disposición non lle será aplicable ao capítulo I do título IX desta lei, referido á Axencia de Desenvolvemento Sustentable das Zonas de Pesca, que entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación, nin á disposición adicional oitava, que entrará en vigor aos seis meses da publicación desta lei».

Disposición derradeira

Única.-Esta lei entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, quince de xuño de dous mil nove.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

b) NOMEAMENTOS PARLAMENTO DE GALICIA