DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 131 Martes, 07 de xullo de 2009 Páx. 11.833

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

CONSELLERÍA DO MAR

ORDE do 25 de xuño de 2009 pola que se convoca concurso de méritos para a selección e nomeamento da dirección dos centros oficiais de ensino pesqueiro, dependentes desta consellería.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, regula no artigo 135 do capítulo IV a selección dos directores dos centros públicos mediante un concurso de méritos entre os funcionarios de carreira docentes dun corpo do nivel educativo e réxime a que pertenza o centro, conforme os principios de publicidade, mérito e capacidade. A selección deberá basearse nos méritos académicos e profesionais acreditados polos aspirantes, valorándose de forma especial o proxecto de dirección presentado e a experiencia previa no exercicio de cargos directivos, e será realizada por unha comisión constituída por representantes da Administración e, polo menos, un terzo dos membros da comisión será profesorado elixido polo claustro e o outro terzo será elixido entre os membros do consello escolar que non sexan profesores.

Procede, pois, convocar concurso de méritos para seleccionar os directores dos centros oficiais de ensino pesqueiro que rematan o seu mandato no actual curso académico 2008/2009.

Na súa virtude, a Consellería do Mar

DISPÓN:

Primeiro.-Convocatoria.

Convócase concurso de méritos para seleccionar e nomear as direccións dos centros oficiais de ensino pesqueiro, pertencentes á Consellería do Mar, que imparten ensinanzas de formación profesional específica, e que de seguido se relacionan:

Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol.

Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira.

Instituto Galego de Formación en Acuicultura da Illa de Arousa.

A selección realizarase de conformidade cos principios de igualdade, publicidade, mérito e capacidade.

Segundo.-Requisitos de participación.

Para participar neste concurso de méritos para ser nomeado director dun centro de ensino pesqueiro deberán reunirse os seguintes requisitos:

a) Ter unha antigüidade como funcionario de carreira do corpo do nivel educativo e réxime a que pertenza o centro de polo menos 5 anos.

b) Estar en situación de servizo activo.

c) Ter impartido docencia directa na aula como funcionario de carreira, durante un período mínimo de cinco anos, nun centro de ensino pesqueiro que imparta ensinanzas do mesmo nivel e réxime.

d) Estar prestando servizos nun centro educativo da Consellería do Mar, cunha antigüidade de polo menos un curso académico completo á data de publicación da convocatoria.

e) Presentar un proxecto de dirección para o centro.

f) Ter capacidade funcional para o desempeño do cargo e non estar incurso en procesos penais, xudiciais ou de inhabilitación para o cargo.

Terceiro.-Solicitudes e documentación.

A solicitude de participación no concurso de méritos dirixirase á directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro no modelo que se publica como anexo I nesta convocatoria, presentando tamén:

a) Documentación acreditativa dos méritos académicos e profesionais alegados en relación co baremo que se publica no anexo II a esta orde.

b) Proxecto de dirección específico que inclúa, polo menos, os obxectivos, as liñas de actuación e a súa avaliación e a proposta directiva en relación co proxecto educativo do centro.

c) Calquera outra documentación que a candidata ou candidato considere de interese para a súa solicitude.

Así mesmo, os participantes no concurso de méritos remitirán ao centro docente unha copia do seu proxecto de dirección.

As solicitudes, así como a documentación a que se alude no punto anterior, poderanse presentar nas secretarías dos centros, nos departamentos territoriais da Consellería do Mar ou en calquera das dependencias a que alude o artigo 38 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Cuarto.-Prazo de solicitude.

O prazo de presentación de solicitudes e documentación será de 15 días naturais contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Quinto.-Selección de candidatos e comisión de selección.

A selección dos candidatos á dirección será efectuada por unha comisión nomeada pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro e terá a seguinte composición:

Como representantes da Administración:

-O xefe de servizo de Ensino e Titulacións Náutico-Pesqueiras, que actuará como presidente.

-Un director dun centro do mesmo nivel e réxime educativo.

-Un funcionario do servizo de Ensino que actuará, ademais, como secretario da comisión.

Como representantes do centro correspondente:

-Tres profesoras ou profesores elixidos polo claustro de profesores, en reunión extraordinaria para estes efectos.

-Tres membros do consello escolar, que non sexan profesores, elixidos en reunión extraordinaria para estes efectos.

En ningún caso os candidatos á dirección poderán formar parte de ningunha das comisións de selección.

No caso dos representantes do centro, o nomeamento realizarase logo da proposta do claustro de profesores e do consello escolar. Neste último caso a proposta non poderá recaer nun alumno menor de dezaseis anos.

A falta de selección dos representantes do claustro de profesores ou do consello escolar non impedirá a constitución e actuación da comisión de selección.

O baremo aplicable ao concurso de méritos é o que se publica como anexo II a esta orde.

A comisión de selección poderá ter unha entrevista cos candidatos se considera necesario clarificar algúns aspectos do proxecto de dirección.

A cualificación do proxecto de dirección será a media aritmética das cualificacións de todos os membros presentes na comisión. Cando entre as puntuacións outorgadas polos membros da comisión exista unha diferenza de tres ou máis enteiros, serán automaticamente excluídas as cualificacións máxima e mínima, e calcularase a puntuación media das cualificacións restantes.

Sexto.-Revisión da documentación presentada.

A Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro revisará a documentación presentada polos solicitantes e notificará aos aspirantes a admisión ou rexeitamento da súa petición.

A solicitude unicamente poderá ser rexeitada por incumprimento dalgún dos requisitos exixidos nesta orde ou por estaren incursos en procesos penais ou de inhabilitación para o exercicio de funcións na Administración pública.

Contra o rexeitamento da solicitude os aspirantes poderán presentar reclamación perante a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, no prazo de cinco días hábiles contados desde o día seguinte ao da notificación da desestimación da solicitude.

A Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro comunicará á dirección de cada centro docente as solicitudes admitidas no concurso de méritos para o nomeamento da dirección.

Sétimo.-Resolución da comisión de selección.

A comisión de selección avaliará o proxecto de dirección e os méritos alegados e xustificados polos aspirantes e publicará as puntuacións outorgadas a cada aspirante e efectuará a correspondente proposta á directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro.

Contra as puntuacións outorgadas pola comisión de selección poderá presentarse reclamación ante a propia comisión no prazo de cinco días naturais computados a partir do día seguinte ao da súa publicación no taboleiro de anuncios dos centros e da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro.

Resoltas as reclamacións presentadas, a comisión de selección elaborará a relación de aspirantes seleccionados e proporá á directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro o nomeamento como directores, coa indicación do centro para o cal son propostos, en función da puntuación total outorgada.

A resolución de nomeamento publicarase no taboleiro de anuncios dos centros e da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro.

No suposto de se produciren empates na puntuación total dos aspirantes, estes dirimiranse atendendo sucesivamente aos seguintes criterios:

a) Maior puntuación no proxecto de dirección.

b) Maior puntuación no desempeño de cargos directivos.

c) Maior antigüidade (número 1 do baremo).

d) Méritos académicos (número 3 do baremo).

Oitavo.-Recursos.

Contra a decisión da comisión de selección, resolvendo definitivamente o concurso de méritos de selección e nomeamento da dirección do centro, cabe recurso de alzada ante a conselleira do Mar, que se interporá no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación da resolución de nomeamento.

Noveno.-Programas de formación.

Os candidatos seleccionados que non teñan realizado funcións de dirección deberán superar un programa de formación inicial, en colaboración coa Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

O programa inclúe un curso teórico de formación, cunha duración de oitenta horas, e incorporará no seu contido aspectos fundamentais do sistema educativo, a organización, funcionamento e xestión dos centros docentes, a organización dos recursos humanos, procedementos de xestión administrativa e orzamentaria, sistema de calidade, a normativa en materia de centros, alumnos e profesores e outros aspectos relativos á función directiva, e un período de prácticas, tutelado e avaliado polo servizo de inspección educativa marítimo-pesqueira, que rematará coa presentación dunha memoria de resolución de casos prácticos.

Décimo.-Exención do programa de formación inicial.

Estarán exentos de realizar este programa inicial de formación aqueles aspirantes que acrediten unha experiencia de polo menos dous anos no exercicio da dirección de centros públicos.

Décimo primeiro.-Nomeamento.

A conselleira do Mar procederá a nomear director aqueles candidatos seleccionados que teñen recoñecida a categoría de director por un período de catro anos, e aqueles que inicien un período de formación inicial serán nomeados directores en prácticas por un período dun ano e, unha vez que superen o programa de formación inicial, directores por un período de tres anos.

Décimo segundo.-Renovación.

O nomeamento dos directores poderá renovarse, por petición dos interesados, por períodos de igual duración, ata un máximo de tres períodos, sempre que fosen avaliados positivamente no traballo desenvolvido.

Rematado o seu mandato e, se é o caso, os períodos de prórroga, será necesaria a participación nun novo concurso para desempeñar a función directiva.

Décimo terceiro.-Nomeamentos con carácter extraordinario.

Nos supostos de ausencia de candidatos ou cando a comisión non seleccione a ningún candidato, ou no caso de non superar o programa inicial, a dirección será nomeada pola conselleira do Mar, por un período de catro anos, entre funcionarios docentes que reúnan os requisitos establecidos no artigo 2º desta orde.

Se o profesor non adquiriu a categoría de director, deberá superar o programa de formación inicial regulado nesta orde.

Disposición adicional

Os profesores acreditados para o exercicio da dirección dos centros de ensino pesqueiro que non exercesen como directores ou o fixesen por un período inferior a catro anos, no caso de resultar seleccionados para o exercicio da dirección estarán exentos de realizar a fase teórica do curso de formación.

Disposición derradeira

Autorízase a Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro para desenvolver o disposto nesta orde, que entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de xuño de 2009.

Rosa Quintana Carballo

Conselleira do Mar

Ver referencia pdf "13100D014P025.PDF"

Ver referencia pdf "13100D017P029.PDF"