DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 136 Martes, 14 de xullo de 2009 Páx. 12.190

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN LOCAL

CONCELLO DE PONTEVEDRA

ANUNCIO da aprobación definitiva do Plan especial de infraestruturas e dotacións para tanatorio-crematorio en San Amaro.

O Pleno da Corporación, en sesión ordinaria que tivo lugar o 22 de maio de 2009, adoptou o seguinte acordo:

Primeiro.-Prestar aprobación definitiva ao Plan especial de infraestruturas e dotacións presentado xunto ao proxecto para a autorización previa á licenza de obras para construción de edificación con destino a tanatorio-crematorio situado en San Amaro, formulado mediante iniciativa pola entidade mercantil Sempsa (Servicios de Empresas Mortuorias Pontevedresas, Sociedade Anónima), con CIF: A-36049666, instrumento urbanístico refundido redactado polo arquitecto Enrique Barreiro Álvarez con visado colexial de 15-10-2008 e documento de valoración económica da parcela propiedade de General de Edificios y Solares, S.L., da mesma autoría e visado colexial do 24 de marzo de 2009 proxecto que conta con informe favorable da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes do 13 de febreiro de 2009, cuxas determinacións son de obrigado cumprimento, ao igual que os condicionamentos contidos nos informes sectoriais que se relacionan na parte expositiva, emitidos polas direccións

xerais de Calidade e Avaliación Ambiental e Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, e pola Xefatura da Área de Autorizacións e Concesións de Augas de Galicia, que se integran no contido do PEID como parte deste.

Segundo.-Notificar o acto administrativo á mercantil Sempsa (Servicios de Empresas Mortuorias Pontevedresas, Sociedade Anónima), a Florentino Fernández Portela, ao Grupo Unión Fenosa, a General de Edificios y Solares, S.L., e demais persoas e organismos interesados que existiren co ofrecemento do réxime procedente de recursos.

Terceiro.-Dispoñer a publicación do anuncio do acordo de aprobación definitiva no Diario Oficial de Galicia, e a publicación do documento que conteña a normativa e as ordenanzas no BOP para lograr a súa eficacia e executividade, de acordo co establecido no artigo 92 da LOUG e co establecido na lexislación de réxime local, concretamente artigos 70.2º e 65 LBRL, coa remisión previa á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Xunta de Galicia, dunha copia autenticada de dous exemplares do proxecto aprobado definitivamente con todos os planos e documentos que o integren debidamente dilixenciados.

Cuarto.-Advertir á mercantil Sempsa, consonte os compromisos adquiridos, que será pola súa conta o custo íntegro dos gastos de publicación e tramitación do expediente de expropiación forzosa ou avinza para adquisición da superficie de 434,72 m2 necesaria para a ampliación da vía de acceso á futura dotación, consonte as determinacións do PEID que se aproba, debendo depositar na Tesourería municipal, ou na conta que determine o Concello, a contía resultante da actualización da fixación do prezo xusto da referida superficie para incrementar o crédito da partida a determinar do orzamento prorrogado de 2008, co fin de que o Concello poida contar con dotación orzamentaria necesaria para afrontar a incoación e tramitación do expediente expropiatorio e sempre con anterioridade ao inicio deste. Así mesmo, asumirá os posibles maiores custos na determinación do prezo xusto como consecuencia das alegacións e recursos que se poidan presentar fronte á valoración e que sexan estimadas polo

Concello, Xurado de Expropiación ou tribunais de Xustiza, constituíndo, se é o caso, a fianza que poida determinar o Concello para tales fins. Ademais, consonte o artigo 74 da LOUG, vén obrigada a prestar as garantías do exacto cumprimento dos deberes de execución do plan, por importe do 20% do custo estimado para a implantación dos servizos e a execución das obras de urbanización e de conexión cos sistemas xerais existentes, así como, se for o caso, as obras de ampliación e reforzo necesarias, no prazo de tres meses contados desde a aprobación definitiva do proxecto de urbanización ou, do 100% do custo estimado e con carácter previo á tramitación de se pretender edificación e urbanización simultánea.

Faise constar que con data do 1 de xuño de 2009 tivo entrada na Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a documentación referida no número 3º do artigo 92 da Lei 9/2002.

O que se fai público, a salvo dos termos que resulten da aprobación definitiva da acta, en cumprimento do ordenado e para os oportunos efectos.

Contra este acordo poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Adnministrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación (artigos 10 e 46 da Lei 29/1998). Isto sen prexuízo de interpoñer calquera outro recurso que se entenda máis procedente e sexa conforme a dereito.

Pontevedra, 3 de xuño de 2009.

Miguel Anxo Fernández Flores

Alcalde

José Luis Mato Rodríguez

Secretario xeral do Pleno