DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 149 Venres, 31 de xullo de 2009 Páx. 12.964

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

ORDE do 30 de xullo de 2009 pola que se modifica o Regulamento da denominación de orixe Valdeorras e do seu Consello Regulador.

O actual Regulamento da denominación de orixe Valdeorras e do seu Consello Regulador foi aprobado pola Orde do Ministerio de Agricultura do 24 de febreiro de 1977, e tivo posteriormente varias modificacións, a última delas mediante a Orde da entón Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, do 7 de marzo de 2005.

Con posterioridade a estas datas producíronse cambios normativos importantes no relativo ao réxime xurídico e de funcionamento dos consellos reguladores das denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas do ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia. Estes cambios tiveron lugar coa entrada en vigor da Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega e, posteriormente, coa dun dos seus regulamentos de desenvolvemento, o Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores. Esta lei e o decreto de desenvolvemento citado establecen o novo marco legal a que deben axustarse as denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas do ámbito galego e os seus consellos reguladores, sendo a novidade de máis alcance a configuración destes órganos como corporacións de dereito público con personalidade xurídica propia, abandonando a súa

forma xurídica tradicional de entes desconcentrados da Administración carentes de personalidade xurídica diferenciada desta.

Tras a aprobación do citado Decreto 4/2007 e de acordo co previsto na súa disposición transitoria primeira, durante o ano 2007 tiveron lugar eleccións en todos os consellos reguladores do sector agroalimentario existentes na comunidade autónoma naquel momento. Os órganos de goberno resultantes deses procesos electorais tiñan, segundo o recollido no punto 3 da dita disposición transitoria, o encargo de elaborar, para a súa aprobación pola consellería, a proposta de modificación do seu respectivo regulamento para adaptalo ao contido da Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega, e o citado decreto de desenvolvemento. Segundo o punto 4 da devandita disposición transitoria, a entrada en vigor do novo regulamento determinará a constitución do Consello Regulador como corporación de dereito público.

De acordo co anterior, en meses pasados o Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras iniciou o proceso para a reforma do seu regulamento, que culminou coa súa aprobación polo Pleno e a posterior remisión á Consellería do Medio Rural. Porén, esta modificación, ademais de facer unha adaptación dos preceptos do regulamento ao marco legal autonómico citado, pretende unha actualización doutros aspectos de carácter técnico relativos á definición do produto protexido que requiren unha análise máis detallada á luz da inminente entrada en vigor, o vindeiro día 1 de agosto, das disposicións relativas ás denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas da nova regulación europea do sector vitivinícola.

Por outra parte, diversas circunstancias relativas ao funcionamento do Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras aconsellan unha urxente modificación puntual do seu regulamento, concretamente do artigo 37º, para configuralo, de acordo coas previsión do marco legal autonómico antes citado, como corporación de dereito público e facilitar así a súa actividade.

Por iso, mediante esta orde faise a dita reforma parcial, á espera de que, unha vez revisado e adaptado ás prescricións da normativa europea, se aprobe o texto completo do novo regulamento.

En virtude do anterior e de acordo co establecido na Lei 2/2005, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modificación do artigo 37º do Regulamento da denominación de orixe Valdeorras e do seu Consello Regulador.

O artigo 37º do Regulamento da denominación de orixe Valdeorras, aprobado pola Orde do Ministerio de Agricultura do 24 de febreiro de 1977, queda redactado do seguinte xeito:

«Artigo 37º

1. O Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras é unha corporación de dereito público á cal se atribúe a xestión da denominación de orixe, coas funcións que determinan a Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega; o Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores; o establecido neste regulamento e demais normativa que lle sexa de aplicación. Ten personalidade xurídica propia, autonomía económica e plena capacidade de obrar para o cumprimento dos seus fins.

2. O ámbito competencial do Consello Regulador está limitado aos viños protexidos pola denominación de orixe, en calquera das súas fases de produción, acondicionamento, almacenaxe, envasado, circulación e comercialización, e ás persoas inscritas nos diferentes rexistros.

3. A tutela administrativa sobre o Consello Regulador exerceraa a consellería competente en materia de agricultura».

Disposición derradeira

Única.-Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de xullo de 2009.

Samuel Jesús Juárez Casado

Conselleiro do Medio Rural