DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 158 Xoves, 13 de agosto de 2009 Páx. 13.469

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

RESOLUCIÓN do 7 de xullo de 2009, do Departamento Territorial de Pontevedra, pola que se delegan determinadas funcións en materia de transporte sanitario na persoa titular do Servizo de Planificación, Aseguramento e Ordenación Sanitaria.

O Decreto 310/2009, do 28 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Sanidade, establece na alínea f) do artigo 22 que a xefa ou xefe territorial do Departamento Territorial Pontevedra exercerá as funcións que lle outorga o Decreto 12/2009, do 8 de xaneiro, e demais normativa en materia de centros, servizos e establecementos sanitarios. Así mesmo, na súa disposición adicional o Decreto 310/2009 establece que as funcións e competencias atribuídas por outras normas ás extintas delegacións da Consellería de Sanidade non previstas neste decreto se entenderán atribuídas aos xefes ou ás xefas territoriais desta consellería.

Entre tales normas encóntrase o Decreto 42/1998, do 15 de xaneiro, polo que se regula o transporte sanitario (DOG nº 29, do 12 de febreiro), que atribúe no seu artigo 6.3º ao delegado ou delegada provincial da Consellería de Sanidade e Servizos Sociais a competencia para outorgar ou denegar a certificación técnico-sanitaria solicitada.

Dado que este procedemento está incluído no Servizo de Resposta Inmediata polo Decreto 216/1997, do 30 de xullo, cómpre arbitrar medidas que eviten atrasos ou demoras na tramitación dos expedientes.

Consecuentemente, este departamento territorial da Consellería de Sanidade considera oportuno delegar determinadas funcións na materia de transporte sanitario na persoa titular do Servizo de Planificación, Aseguramento e Ordenación Sanitaria, co obxecto de acadar unha maior simplificación e axilización dos procedementos administrativos.

Na súa virtude, no uso das facultades que me confiren o artigo 22 do Decreto 310/2009, do 28 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Sanidade, e conforme o disposto no artigo 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común,

DISPOÑO:

1. Deléganse na persoa titular do Servizo de Planificación, Aseguramento e Ordenación Sanitaria deste departamento territorial as seguintes facultades:

a) Outorgar ou denegar as certificacións técnico-sanitarias solicitadas, unha vez vista a documentación presentada, cos informes que considere pertinentes, e comprobado o cumprimento das condicións e requisitos establecidos no Decreto 42/1998, do 15 de xaneiro.

b) Renovar anualmente as certificacións técnico-sanitarias a partir de cumprirse o segundo ano de antigüidade do vehículo, logo da pertinente verificación.

c) A revogación da certificación técnico-sanitaria, no caso de que se produzan alteracións das características técnico-sanitarias do vehículo que impliquen o incumprimento dos requisitos establecidos no anexo I do decreto para cada tipo de vehículo.

Así mesmo, delégase a recualificación do vehículo, sempre que cumpra os requisitos establecidos no artigo 4 do dito decreto, o que suporá a revogación da certificación anteriormente concedida.

2. As resolucións administrativas que se adoptan por delegación indicarán expresamente esta circunstancia, e consideraranse ditadas polo órgano delegante.

3. Exclúense da delegación recollida nesta resolución os supostos referidos no artigo 13.2º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídicodas administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposición derradeira

Esta resolución entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Pontevedra, 7 de xullo de 2009.

Ángeles Feijoo-Montenegro Fernández

Xefa territorial de Pontevedra