DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 159 Venres, 14 de agosto de 2009 Páx. 13.551

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

DECRETO 374/2009, do 6 de agosto, polo que se aproban os prezos públicos pola utilización dos comedores escolares nos centros docentes públicos non universitarios dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 44.4º, establece que a facenda da comunidade autónoma está constituída, entre outros rendementos, polos procedentes da prestación de servizos directos pola Administración autonómica, sexan de propia creación ou como consecuencia de traspasos de servizos estatais. Pola súa vez, a Lei orgánica 8/1980, do 22 de setembro, de financiamento das comunidades autónomas, contén similares previsións.

O artigo 14 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, establece que constitúen dereitos económicos da facenda pública galega, entre outros, o importe dos prezos derivados dos servizos prestados pola comunidade.

A Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, regula o réxime xeral para a xestión, recadación e recursos en materia de prezos públicos e exixe para o seu establecemento a súa fixación mediante decreto, por proposta formulada pola consellería da que dependa o órgano ou entidade ofertante do servizo.

O Decreto 332/2009, do 11 de xuño, pola que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, atribúe á secretaría xeral, a través das súas unidades, a xestión e coordinación dos servizos de comedor dos centros docentes dependentes desta consellería nas súas distintas modalidades.

O Decreto 10/2007, do 25 de xaneiro, polo que se regula o funcionamento dos comedores escolares nos centros públicos non universitarios dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, prevé que no financiamento dos servizos contará, entre outros medios, coas achegas procedentes dos usuarios.

Co fin de dar cumprimento ao disposto nos artigos 43 ao 47 da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, e de completar a regulación dos servizos nos aspectos relativos o seu cofinanciamento, apróbanse por medio deste os prezos públicos que serán de aplicación na prestación do servizo mencionado.

Por todo o que antecede, en virtude das atribucións que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, por proposta do conselleiro de Educación e Ordenación Universitario e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día seis de agosto de dous mil nove,

DISPOÑO:

Artigo 1º .-Obxecto.

Este decreto ten por obxecto o establecemento dos prezos públicos correspondentes aos servizos de comedor escolar en centros docentes públicos non universitarios xestionados directamente pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Artigo 2º.-Suxeitos obrigados.

Están obrigadas ao pagamento das cantidades que se establecen como prezo público, as seguintes persoas usuarias do servizo:

a) Os pais, nais ou titores/as legais, en nome e por conta do alumnado usuario do servizo, salvo que estes teñan dereito á gratuidade total do servizo.

b) As restantes persoas usuarias do comedor escolar.

Artigo 3º.-Prezos públicos do comedor escolar en centros públicos non universitarios.

1. O uso do servizo de comedor escolar en centros docentes públicos non universitarios, xestionados directamente pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, dará lugar ao aboamento dos seguintes prezos públicos por parte dos usuarios:

a) 3 euros por día de servizo.

b) 1,50 euros por día de servizo, nos supostos recollidos no artigo 4.2º deste decreto.

2. Os prezos públicos actualizaranse cada curso escolar na mesma proporción que a variación interanual positiva experimentada polo índice xeral de prezos de consumo para a Comunidade Autónoma de Galicia (IPC) no mes xuño anterior, mediante resolución da persoa titular da Secretaría Xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Artigo 4º.-Bonificación dos prezos públicos.

1. Terán dereito ao uso gratuíto do servizo do comedor escolar, cando o servizo se atope en funcionamento no respectivo centro docente, as seguintes persoas usuarias:

a) O alumnado escolarizado no centro docente nos niveis de ensino obrigatorio e segundo ciclo de educación infantil que sexa usuario do transporte escolar, salvo que tivesen servizo de transporte escolar ao mediodía.

b) O alumnado en situación socioeconómica moi desfavorable ou pertencente a colectivos sociais ou étnicos con dificultades de integración que demanden accións de especial protección. A acreditación realizarase mediante informe do traballador ou traballadora social do concello respectivo.

c) O persoal docente ou non docente e as nais e pais que realicen as funcións de atención ao comedor escolar, nos termos previstos nos artigos 8, 9 e 10 da Orde do 21 de febreiro de 2007, modificada pola Orde do 13 de xuño de 2008.

Non obstante, cando se dea o suposto recollido no parágrafo segundo do artigo 8.2º da referida norma regulamentaria, o período de desfrute limitarase ao coincidente co desenvolvemento do labor de atención ao alumnado.

d) O alumnado pertencente a unidades familiares que acrediten unha renda anual inferior á que se sinala na alínea a) do parágrafo 4.3º deste artigo.

e) O alumnado pertencente a unidades familiares que teñan recoñecida a condición de familias numerosas de categoría especial, consonte o disposto na Lei 40/2003, do 18 de novembro, de protección das familias numerosas.

Neste suposto será requisito indispensable para ser beneficiario/a a presentación do título oficial de recoñecemento de familia numerosa regulado nos artigos 5, 6 e 7 da mencionada lei.

2. Terá dereito a unha bonificación do 50% do prezo público o alumnado do centro que reúna algún dos seguintes requisitos:

a) Alumnado pertencente a unidades familiares que teñan recoñecida a condición de familias numerosas de categoría xeral, consonte o disposto na Lei 40/2003, do 18 de novembro, de protección das familias numerosas.

Neste suposto será requisito indispensable para ser beneficiario/a a presentación do título oficial de recoñecemento de familia numerosa regulado nos artigos 5, 6 e 7 da mencionada lei.

b) O alumnado pertencente a unidades familiares que acrediten unha renda anual comprendida entre os tramos que establece a alínea b) do parágrafo 4.3º deste artigo.

3. Para os efectos de determinar os/as beneficiarios/as derivados da renda familiar das persoas usuarias dos comedores escolares observaranse as seguintes normas:

a) Será beneficiario/a da gratuidade total do servizo de comedor escolar o alumnado cando a renda neta anual da unidade familiar a que pertenza, atendendo ao número de membros que a integren, non sexa superior ao número de veces do indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM), que se sinala seguidamente:

Ver referencia pdf "15900D005P043.PDF"

b) Será beneficiarias dunha bonificación do 50% do prezo, as persoas usuarias do comedor pertencentes a unidades familiares que posúan unha renda neta anual, atendido o número de membros que a integren, comprendida entre os tramos do indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM), que se establece na táboa seguinte:

Ver referencia pdf "15900D005P043.PDF"

Para unidades familiares de máis de catro membros engadiranse ao importe resultante dos limiares sinalados nas alíneas a) e b) anteriores, tanto no tramo inferior como no superior, 3.056 euros por cada novo membro.

c) Todas as referencias realizadas ao indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM) entenderanse efectuadas ao indicador vixente no inicio do respectivo curso escolar.

4. Para os efectos deste decreto o concepto de unidade familiar será o definido na normativa do imposto da renda das persoas físicas.

5. Para estes efectos a renda familiar obterase por agregación das rendas do exercicio anterior a aquel en que dea comezo o curso escolar, no cal se pretenda que produza efectos, de cada un dos membros da unidade familiar que se calcularán segundo se indica nos parágrafos seguintes e de conformidade coa normativa reguladora do imposto da renda das persoas físicas, do modo seguinte:

Primeiro.-Sumarase a base impoñible xeral coa base impoñible do aforro, excluíndose os saldos netos negativos de ganancias e perdas patrimoniais correspondentes aos exercicios anteriores.

Segundo.-Deste resultado restarase a cota líquida resultante da autoliquidación.

Terceiro.-Para a determinación da renda dos membros computables que obteñan ingresos propios e non presentasen declaración polo imposto sobre a renda das persoas físicas, seguirase o procedemento descrito no punto primeiro anterior e do resultado obtido restaranse os pagamentos á conta efectuados.

6. A renda anual familiar será acreditada, diante do consello escolar, mediante a presentación da copia certificada pola Administración tributaria da declaración do IRPF ou a certificación de ingresos da persoa que non presentase a declaración do IRPF. A documentación anterior poderá ser substituída por unha autorización á Administración educativa para a obter os datos necesarios para determinar a renda para estes efectos a través das correspondentes administracións tributarias.

Artigo 5º.-Pagamento.

1. O pagamento dos prezos públicos realizarase, durante o curso escolar, nos cinco últimos días de cada mes, en calquera das entidades colaboradoras especificamente autorizadas para a recadación de taxas e prezos da Comunidade Autónoma de Galicia, na forma e polos medios regulamentados na normativa de recadación.

2. Nos casos en que a incorporación, ao centro docente ou o servizo de comedor, se produza con posterioridade ao día primeiro do mes, o pagamento correspondente ao mes efectuarase nos dez días seguintes ao da data de ingreso.

3. As persoas interesadas presentarán o xustificante de ter efectuado o pagamento á persoa encargada do respectivo comedor, quen logo das oportunas comprobacións procederá a estender o correspondente talonario de bonos que dará acceso ao uso do servizo.

Disposición derrogatoria

Única.-Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto neste decreto.

Disposición transitoria

Única.-A primeira revisión do importe dos prezos públicos establecidos no artigo 3.2º deste decreto terá lugar con efectos do 1 de setembro de 2010.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para ditar as normas que sexan necesarias para o desenvolvemento e aplicación deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, seis de agosto de dous mil nove.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Jesús Vázquez Abad

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria