DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 160 Luns, 17 de agosto de 2009 Páx. 13.645

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E INDUSTRIA

ORDE do 14 de xullo de 2009 pola que se establecen as excepcións á obriga de exposición e exhibición ao público do prezo dos produtos por razóns de seguranza.

O artigo 37 da Lei 10/1988, do 20 de xullo, de ordenación do comercio interior de Galicia (DOG do 26 de agosto), sinala que o prezo en pesetas de todo produto destinado á venda ou servizo ofertado deberá ser exposto ou exhibido ao público de forma explícita e inequívoca, por unidade das usualmente aceptadas no mercado. En caso de vendas con pagamentos aprazados deberá exhibirse polo menos o importe de cada prazo, o número total deles e a súa periodicidade, e o prezo total resultante. Non obstante, a Xunta de Galicia, a través da consellería con competencias en materia de comercio, poderá recoller supostos excepcionais nos que, fundamentalmente por razóns de seguridade, sexan relevados desta obriga, sen que isto vaia en detrimento da debida información ao consumidor.

O sector comercial da xoiaría e da prataría é un dos afectados polo cumprimento da obriga contida no artigo 37.1º da Lei de ordenación do comercio interior de Galicia, xa que a peculiaridade dos produtos ofrecidos, de gran valor e reducida dimensión, incrementan o risco de sufrir un acto delitivo.

Mediante esta orde, e para os efectos de garantir a súa seguridade sen que se produza detrimento do dereito á información das persoas consumidoras, a Consellería de Economía e Industria fai uso da competencia que lle atribúe o artigo 37.2º da devandita lei así como o Decreto 324/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a súa estrutura orgánica (DOG do 17 de xuño), e procede a establecer a forma e supostos nos que os xoieiros e prateiros quedan dispensados da obriga de exposición e exhibición ao público do prezo dos produtos.

Con carácter previo á aprobación desta disposición e de conformidade co disposto no artigo 2 do Decreto 127/1988, do 23 de abril, emitiuse o correspondente informe polo Consello Galego de Consumidores e Usuarios.

Polo tanto, en exercicio das atribucións conferidas polo artigo 34.6º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único.-

Os establecementos comerciais quedan, por razóns de seguridade, dispensados da obriga de exhibir ao público o prezo daqueles produtos de xoiaría e prataría expostos en escaparates visibles dende o exterior do establecemento cuxo valor unitario supere os seiscentos euros.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de xullo de 2009.

Javier Guerra Fernández

Conselleiro de Economía e Industria