DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 189 Venres, 25 de setembro de 2009 Páx. 15.287

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 17 de setembro de 2009 pola que se regula a avaliación e o informe da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia previos á contratación de profesor contratado doutor, profesor axudante doutor, profesor de universidade privada e profesor colaborador.

A disposición adicional vixésimo sétima da Lei 3/2002, do 29 de abril, de medidas de réxime fiscal e administrativo, atribúelle á Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG), dentro do ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a competencia para realizar as avaliacións e informes das actividades docentes, investigadoras e de xestión para poder ser contratado como profesor axudante doutor, profesor colaborador, profesor contratado doutor e profesor de universidade privada, polas universidades do Sistema Universitario de Galicia (SUG). Desde a súa entrada en vigor téñense producido importantes cambios lexislativos que aconsellan revisar toda a normativa autonómica de aplicación nesta materia, así a Lei orgánica 4/2007, do 12 de abril, pola que se reforma a Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, introduciu importantes reformas lexislativas neste eido, modificando, entre outros, diversos aspectos relativos aos artigos reguladores das avaliacións

previas necesarias para poder ser contratado como profesor universitario nas figuras de profesor axudante doutor, profesor colaborador, profesor contratado doutor e profesor de universidade privada.

Asi mesmo, coa entrada en vigor da Lei orgánica 4/2007, déixase sen contido o artigo da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, que regulaba a citada figura do profesor colaborador, que queda como figura excepcional e pendente de desenvolvemento regulamentario a teor do disposto na disposición transitoria segunda. Por outra parte, a disposición adicional terceira da mesma Lei orgánica 4/2007 determina que os actuais profesores colaboradores que no momento da entrada en vigor desta lei estean contratados como profesores colaboradores consonte a antiga Lei orgánica 6/2001, poderán continuar no desempeño das súas funcións docentes e investigadoras.

Ademais, a citada Lei orgánica 4/2007 estableceu na súa disposición transitoria segunda a necesidade de que o Goberno, logo de informe do Consello de Universidades, establecese regulamentariamente as condicións e prazos en que, de forma excepcional, as universidades poderán contratar profesoras ou profesores colaboradores entre diplomados, arquitectos técnicos ou enxeñeiros técnicos que, en todo caso, deberán contar co informe favorable da Axencia Nacional de Avaliación da Calidade e da Acreditación ou do órgano de avaliación externa que a lei da comunidade autónoma determine.

Nesta liña, o Real decreto 989/2008, do 13 de xuño, deu cumprimento ao previsto na citada disposición transitoria establecendo como prazo límite para que as universidades poidan convocar concursos para a contratación excepcional de profesores colaboradores o 3 de maio de 2013.

Por outro lado, tamén é importante salientar que a chegada do Espacio Europeo de Educación Superior (EEES) deseña un novo contexto en que os distintos órganos de avaliación, que operan dentro do ámbito da garantía da calidade universitaria en Europa, deberán actuar de acordo con estándares internacionais de calidade, establecendo mecanismos de cooperación e recoñecemento mutuo; circunstancia que levou a que o Consello de Dirección da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia, na súa reunión do 14 de xullo de 2008, abordase a modificación dos estatutos da axencia coa finalidade primordial de procurar a independencia na actuación da ACSUG respecto do resto dos axentes actuantes no ámbito da educación superior.

Finalmente, o Decreto 326/2009, do 11 de xuño, modificou coherentemente o Decreto 270/2003, do 22 de maio, regulador da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia, recoñecendo a Comisión Galega de Informes, Avaliación, Certificación e Acreditación (CGIACA), como órgano superior de avaliación da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia, dotándoa da independencia necesaria para o desempeño das funcións que ten atribuídas, de acordo co disposto nos estatutos da axencia e coa normativa de dereito público que resulte de aplicación.

Tendo en conta o exposto, a finalidade desta orde é a de unificar a normativa existente no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, relativa á emisión da avaliación e do informe previos á contratación do profesorado universitario, axustando o seu contido ás reformas introducidas pola Lei orgánica 4/2007, do 12 de abril, pola que se reforma a Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, aos actuais estatutos da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia e ao Decreto 326/2009, do 11 de xuño, polo que se modifica o Decreto 270/2003, do 22 de maio, regulador da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia.

En consecuencia, esta consellería, facendo uso das atribucións que lle están conferidas,

DISPÓN:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto.

O obxecto desta orde é o de unificar a normativa existente, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, relativa á emisión da avaliación e do informe previos á contratación do profesorado universitario, nas figuras de profesora ou profesor contratado doutor, profesora ou profesor axudante doutor, profesora ou profesor de universidade privada e profesora ou profesor colaborador; así como adecuar o seu contido ao establecido pola Lei orgánica 4/2007, do 12 de abril, pola que se reforma a Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, aos actuais estatutos da ACSUG, publicados mediante a Resolución do 10 de decembro de 2008, da Dirección Xeral de Ordenación e Calidade do Sistema Universitario de Galicia; así como o Decreto 326/2009, do 11 de xuño, polo que se modifica o Decreto 270/2003, do 22 de maio, regulador da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia, e o Decreto 55/2004, do 4 de marzo, polo que se establecen as retribucións adicionais vinculadas a

méritos individuais docentes, investigadores e de xestión do profesorado universitario.

Artigo 2º.-Ámbito regulador.

O ámbito regulador desta orde abrangue os seguintes supostos:

a) A emisión da avaliación previa á contratación como persoal docente e investigador por algunha das universidades integrantes do Sistema Universitario de Galicia (SUG) como profesora ou profesor contratado doutor, profesora ou profesor axudante doutor e profesora ou profesor de universidade privada, de conformidade co disposto nos artigos 50, 52 e 72 da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, na redacción dada pola Lei orgánica 4/2007, do 12 de abril.

b) A emisión do informe previo á prórroga dos contratos das profesoras e profesores colaboradores das universidades públicas de Galicia, así como para a emisión da avaliación previa á adquisición do carácter indefinido dos referidos contratos, de conformidade co establecido no artigo 6 do Decreto 266/2002, do 6 de setembro, de contratación de profesorado universitario, e nos artigos 9 e 10 do Decreto 270/2003, do 22 de maio, regulador da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia.

c) A emisión do informe previo á contratación excepcional de profesores colaboradores a que se fai referencia na disposición transitoria segunda da Lei orgánica 4/2007, pola que se modifica a Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, así como no artigo 3 do Real decreto 989/2008, do 13 de xuño, polo que se regula a contratación excepcional dos profesores colaboradores.

Capítulo II

Avaliación previa á contratación como profesora ou profesor contratado doutor, profesora ou profesor axudante doutor e profesora ou profesor de universidade privada

Artigo 3º.-Destinatarios.

Poderán solicitar, da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia, a emisión da avaliación previa á contratación como profesora ou profesor contratado doutor, profesora ou profesor axudante doutor e profesora ou profesor de universidade privada, as persoas que estean en posesión do título de doutor.

Artigo 4º.-Validacións automáticas.

a) A pertenza ao corpo de catedráticos de universidade e profesores titulares de universidade ou a situación administrativa e académica de atoparse acreditado para estes corpos, de acordo co establecido na Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, na redacción dada pola Lei orgánica 4/2007, do 12 de abril, determinará a cualificación automática para poder ser contratado polas universidades de Galicia nas figuras de profesor contratado doutor, profesor de universidade privada e profesor axudante doutor.

b) A obtención da avaliación positiva da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia para a figura de profesor contratado doutor determinará a cualificación automática para poder ser contratado polas universidades de Galicia nas figuras de profesor de universidade privada e profesor axudante doutor.

c) As avaliacións positivas obtidas noutros órganos de avaliación, que as leis do Estado ou doutras comunidades autónomas determinen, para as figuras de profesor contratado doutor, profesor de universidade privada e profesor axudante doutor determinarán a cualificación para poder ser contratado polas universidades de Galicia, nas figuras en que se obtivesen as referidas avaliacións positivas cando, a través das disposicións legais que resulten de aplicación, así se estableza, ou cando así se determine mediante os mecanismos de cooperación e recoñecemento mutuo que, de ser o caso, se establezan entre a Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia e outros órganos de avaliación.

d) Cando algunha das persoas que se atopen nos supostos regulados neste artigo soliciten a avaliación á Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia, esta arquivará a solicitude comunicándolle ao interesado a cualificación automática correspondente.

Capítulo III

Informe previo á prórroga dos contratos das profesoras e profesores colaboradores e avaliación previa á adquisición do carácter indefinido dos referidos contratos

Artigo 5º.-Destinatarios.

a) Poderán solicitar, da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia, a emisión do informe previo á prórroga do contrato de profesora ou profesor colaborador as persoas que estean contratadas por algunha das universidades públicas de Galicia como profesoras ou profesores colaboradores e se atopen no último ano do período inicial máximo de catro anos a que se refire o artigo 6.2º do Decreto 266/2002, do 6 de setembro, de contratación de profesorado universitario.

b) Así mesmo, as persoas que tivesen prorrogado o seu contrato como profesoras ou profesores colaboradores por algunha das universidades públicas de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 6.2º do Decreto 266/2002, do 6 de setembro, de contratación de profesorado universitario, poderán solicitar, en calquera momento, a emisión da avaliación previa á adquisición do carácter indefinido do contrato de profesora ou profesor colaborador ante a Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia.

Artigo 6º.-Obxecto do informe e das avaliacións.

a) A emisión do informe previo á prorroga do contrato de profesora ou profesor a que se refire o parágrafo primeiro do artigo 6.2º do Decreto 266/2002, do 6 de setembro, de contratación de profesorado universitario, e o artigo 9.2º do Decreto 270/2003, do 22 de maio, regulador da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia, farase valorando unicamente os méritos alegados polo solicitante, correspondentes á actividade desenvolvida como profesora ou profesor colaborador.

b) A emisión da avaliación previa á adquisición do carácter indefinido do contrato de profesora ou profesor colaborador a que se refire o parágrafo segundo do artigo 6.2º do Decreto 266/2002, do 6 de setembro, de contratación de profesorado universitario, e o artigo 10 do Decreto 270/2003, do 22 de maio, regulador da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia, farase valorando unicamente os méritos alegados polo solicitante correspondentes á actividade desenvolvida nos dous períodos previos como profesora ou profesor colaborador.

Capítulo IV

Informe previo á contratación excepcional de profesores colaboradores

Artigo 7º.-Destinatarios.

Poderán solicitar ante a Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia a emisión do informe previo á contratación excepcional de profesores colaboradores a que se fai referencia na disposición transitoria segunda da Lei orgánica 4/2007, pola que se modifica a Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, así como no artigo 3 do Real decreto 989/2008, do 13 de xuño, polo que se regula a contratación excepcional dos profesores colaboradores, as persoas que estean en posesión do título de diplomado, enxeñeiro técnico ou arquitecto técnico.

Artigo 8º.-Validacións automáticas.

a) A obtención da avaliación positiva da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia para a figura de profesor contratado doutor determinará a obtención automática do informe previo á contratación excepcional de profesores colaboradores, para poder ser contratado polas universidades de Galicia, sempre que se estea en posesión do título de diplomado, enxeñeiro técnico ou arquitecto técnico.

b) A obtención do informe favorable previo á contratación excepcional de profesores colaboradores noutros órganos de avaliación, que as leis do Estado ou doutras comunidades autónomas determinen, para a figura de profesor contratado doutor, profesor de universidade privada e profesor axudante doutor determinarán a cualificación para poder ser contratado polas universidades de Galicia, nas figuras en que se obtivesen as referidas avaliacións positivas cando, a través das disposicións legais que resulten de aplicación, así se estableza, ou cando así se determine mediante os mecanismos de cooperación e recoñecemento mutuo que, de ser o caso, se establezan entre a Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia e outros órganos de avaliación.

c) Cando algunha das persoas que se atopen nos supostos regulados neste artigo solicite o informe previo á contratación excepcional de profesores colaboradores á Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia, esta, unha vez advertida a dita circunstancia, arquivará a solicitude e comunicaralle ao interesado a cualificación automática correspondente.

Capítulo V

Procedemento común

Artigo 9.-Solicitude.

a) As solicitudes de avaliacións e informes presentaranse ante a Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia, ou en calquera dos rexistros relacionados no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

b) As solicitudes dirixiranse ao presidente ou presidenta da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia, nos modelos normalizados acompañados da documentación establecida por esta.

Artigo 10.-Emisión dos informes e avaliacións.

a) De conformidade co establecido no artigo 14 do Decreto 270/2003, do 22 de maio, na súa redacción dada polo Decreto 326/2009, do 11 de xuño, así como no artigo 22 dos estatutos da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia, correspóndelle á Comisión Galega de Informes, Avaliación, Certificación e Acreditación (CGIACA), como órgano superior de avaliación da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia, a emisión dos informes e as avaliacións a que se fai referencia nesta orde.

b) A CGIACA, de conformidade coas competencias que ten atribuídas a través da disposición derradeira primeira do Decreto 270/2003, do 22 de maio, na súa redacción dada polo Decreto 326/2009, do 11 de xuño, así como no artigo 23.2º dos estatutos da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia, aprobará os procedementos e protocolos que correspondan para a emisión dos informes e avaliacións, de acordo co establecido nos estatutos da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia e demais normativa que resulte de aplicación.

c) Os acordos relativos ás avaliacións e informes adoptados pola CGIACA serán motivados e notificaranse aos solicitantes no prazo máximo de seis meses á presentación da solicitude ou, se é o caso, do peche do prazo de presentación de solicitudes establecido polas correspondentes convocatorias.

d) Estes acordos esgotan a vía administrativa e contra eles poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición, ou ser impugnados directamente ante a orde xurisdicional contencioso-administrativa de conformidade co disposto no artigo 29 dos vixentes estatutos do Consorcio Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia.

Artigo 11.-Efectos dos informes e avaliacións.

a) Os informes favorables ou as avaliacións positivas non teñen prazo de caducidade unha vez obtidos, e terán validez para as universidades integrantes do Sistema Universitario de Galicia ou as do sistema universitario doutra comunidade autónoma que teña subscrito un convenio previo coa Comunidade Autónoma de Galicia.

b) O Consello de Dirección da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia poderá determinará o período de tempo durante o cal os interesados non poderán volver solicitar unha nova avaliación ou informe, no caso de que o resultado dos informes fosen desfavorables ou as avaliacións negativas. Este prazo en ningún caso poderá ser superior a 18 meses.

Disposicións adicionais

Primeira.-Das profesoras e profesores catedráticos e titulares de escola universitaria.

a) A pertenza ao corpo de catedráticos de escola universitaria determinará a cualificación automática para poder ser contratado polas universidades de Galicia nas figuras de profesor contratado doutor, profesor de universidade privada e profesor axudante doutor sempre que a interesada ou interesado estea en posesión do título de doutor.

b) A pertenza ao corpo de profesores titulares de escola universitaria determinará a cualificación automática para poder ser contratado polas universidades de Galicia na figura de profesor axudante doutor, sempre que a interesada ou interesado estea en posesión do título de doutor.

Segunda.-Das profesoras ou profesores habilitados.

a) Respecto das profesoras ou profesores que se atopen na situación administrativa e académica de habilitados, segundo o establecido na citada Lei orgánica 6/2001, con carácter previo á súa modificación pola Lei orgánica 4/2007, aplicarase o establecido na disposición adicional décima da citada Lei orgánica 4/2007.

b) A situación administrativa e académica de atoparse habilitado para o corpo de profesores titulares de escola universitaria, de acordo co establecido na Lei orgánica 6/2001, con carácter previo á súa modificación pola Lei orgánica 4/2007, determinará a cualificación automática para poder ser contratado polas universidades de Galicia na figura de profesor axudante doutor, sempre que a interesada ou interesado estea en posesión do título de doutor.

Terceira.-Da obtención con carácter previo do informe favorable para profesora ou profesor colaborador.

As persoas que obtivesen, con carácter previo á entrada en vigor desta orde, o informe favorable para profesora ou profesor colaborador da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia para a figura de profesor contratado doutor determinará a obtención automática do informe previo á contratación excepcional de profesores colaboradores, para poder ser contratado polas universidades de Galicia, sempre que se estea en posesión do título de diplomado, enxeñeiro técnico ou arquitecto técnico.

Disposicións derrogatorias

Primeira.-Queda derrogada a Orde do 1 de abril de 2003 pola que se establecen os criterios xerais de informe e avaliacións da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia para a contratación do persoal docente e investigador.

Segunda.-Queda derrogada a Orde do 23 de xuño de 2004 pola que se aproba o protocolo de avaliación e informe para a contratación de profesorado polas universidades integrantes do Sistema Universitario de Galicia.

Terceira.-Queda derrogada a Orde do 18 de agosto de 2005 pola que se establecen os requisitos e criterios que outorgan, en determinados supostos, a cualificación automática para ser contratado como persoal docente e investigador polas universidades de Galicia nas figuras de profesor contratado doutor, profesor de universidade privada, profesor axudante doutor e profesor colaborador.

Cuarta.-Queda derrogada a Orde do 22 de abril de 2008 pola que se regula o protocolo do informe e avaliación previa para a prórroga e adquisición do carácter indefinido do profesorado colaborador nas universidades públicas de Galicia contratados con anterioridade á Lei orgánica 4/2007, do 12 de abril.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Desenvolvemento.

Facúltase o secretario xeral de Universidades para ditar as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Vixencia.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de setembro de 2009.

Jesús Vázquez Abad

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

b) NOMEAMENTOS CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO

E INFRAESTRUTURAS