DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 192 Mércores, 30 de setembro de 2009 Páx. 15.587

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 1 de setembro de 2009 pola que se convocan unidades de competencia e prazas para o recoñecemento, a avaliación, a acreditación e a certificación da competencia profesional, e se determina o correspondente procedemento experimental.

A Lei orgánica 5/2002, do 19 de xuño, das cualificacións e da formación profesional, establece no artigo 3.5º que un dos fins do Sistema Nacional de Cualificacións e Formación Profesional é o de avaliar e acreditar oficialmente a cualificación profesional, calquera que fose a súa forma de adquisición, e no seu artigo 4 establece que un dos seus instrumentos é o procedemento de recoñecemento, avaliación, acreditación e rexistro das cualificacións profesionais.

A mesma lei, no seu artigo 8, número 2º, establece que a avaliación e a acreditación da competencia profesional adquirida a través da experiencia laboral ou de vías non formais de formación se desenvolverá seguindo criterios que garantan a fiabilidade, a obxectividade e o rigor técnico da avaliación, e que terá como referente o Catálogo nacional de cualificacións profesionais; e no seu número 3 recolle a posibilidade de realizar acreditacións parciais acumulables, e no 4 determina que o Goberno fixará os requisitos e os procedementos para a avaliación e a acreditación das competencias, así como os seus efectos.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, establece como un dos seus principios xerais a concepción da educación como unha aprendizaxe permanente, que se desenvolverá ao longo de toda a vida. No seu artigo 66.4º, referido á educación para as persoas adultas, determina como un dos seus obxectivos o de conectar as vías de aprendizaxe (ensino regrado ou non regrado, ou a través da experiencia laboral) e o de adoptar as medidas para a validación destas aprendizaxes.

Pola súa parte, o Real decreto 1538/2006, do 15 de decembro, polo que se establece a ordenación xeral da formación profesional do sistema educativo, no seu artigo 35, fai referencia ás probas para obter os títulos de técnico e de técnico superior, e no seu punto 4 especifica que a acreditación de competencias profesionais adquiridas a través da experiencia laboral ou de vías non formais de formación se obterá segundo o procedemento que se estableza no ámbito do desenvolvemento do artigo 8.3º da Lei orgánica 5/2002, do 19 de xuño, e que a devandita acreditación permitirá a validación dos módulos profesionais asociados ás unidades de competencia que constitúan o título que se desexe obter; e na súa disposición adicional décimo terceira, establece que a avaliación e a acreditación das unidades de competencia se realizarán mediante a acreditación parcial obtida a través do procedemento establecido no desenvolvemento do punto 8.3º da Lei 5/2002.

O mesmo real decreto, no capítulo VIII, e en relación coa información e a orientación profesional na formación profesional do sistema educativo, establece os fins deste sistema e perfila as liñas de actuación en canto á acreditación de competencias; e na súa disposición derrogatoria única, derroga o Real decreto 942/2003, do 18 de xullo, polo que se determinan as condicións básicas que deben reunir as probas para a obtención dos títulos de técnico e de técnico superior de formación profesional específica, bardante a facultade de avaliar e recoñecer competencias profesionais adquiridas a través da experiencia laboral ou de vías non formais de formación ata a publicación da norma a que se refire o artigo 8.3º da Lei 5/2002, do 19 de xuño, das cualificacións e da formación profesional.

A disposición transitoria primeira do Real decreto 1224/2009, do 17 de xullo (BOE do 25 de agosto), de recoñecemento das competencias profesionais adquiridas pola experiencia laboral, establece que ata o 30 de setembro de 2009 as administracións competentes poderán realizar convocatorias de procesos de avaliación e acreditación de competencias profesionais adquiridas a través da experiencia laboral ou de vías non formais de formación, ao amparo do disposto no Real decreto 942/2003, do 18 de xullo, polo que se determinan as condicións básicas que deben reunir as probas para a obtención dos títulos de técnico e técnico superior de formación profesional específica, e no Real decreto 1506/2003, do 28 de novembro, polo que se establecen as directrices dos certificados de profesionalidade.

Por todo isto, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, de conformidade co disposto no artigo 1 do Decreto 332/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica desta consellería,

DISPÓN:

Artigo 1º.-Obxecto.

1. O obxecto desta orde é convocar prazas en determinadas unidades de competencia co fin de recoñecer, avaliar e acreditar a competencia adquirida a través da experiencia laboral e outras aprendizaxes non formais polas persoas traballadoras, e establecer o procedemento que rexerá esta convocatoria, ao abeiro da disposición transitoria primeira do Real decreto 1224/2009, do 17 de xullo (BOE do 25 de agosto).

2. As unidades de competencia constitúen o referente que lles proporciona a identidade profesional ás persoas aspirantes, e fai posible a transformación dos datos procedentes da súa actividade profesional e das aprendizaxes non formais en evidencias de competencia válidas para a avaliación do seu desempeño activo.

3. A acreditación de unidades de competencia farase sobre as unidades de competencia dos títulos de formación profesional vixentes.

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación.

1. O ámbito de aplicación desta norma é a comunidade autónoma de Galicia.

2. As persoas candidatas a participar neste proceso son os traballadores e as traballadoras en activo ou en situación de desemprego sen acreditación oficial da súa competencia profesional e cunha experiencia profesional de polo menos tres anos completos nos últimos 15 anos.

Artigo 3º.-Lugar de realización.

Os centros integrados de formación profesional (CIFP) son os lugares onde se realizará este proceso. A Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa poderá establecer, de xeito excepcional, outros centros cando os CIFP non impartan as familias profesionais relacionadas. Para esta convocatoria, os centros onde se van realizar as probas son os recollidos no anexo II desta orde. Non obstante, e para as funcións relacionadas coa información e coa orientación xeral, as persoas interesadas poderán dirixirse aos departamentos de orientación dos centros educativos que impartan ensinanzas de formación profesional.

Artigo 4º.-Finalidade.

1. Recoñecer e avaliar as competencias profesionais adquiridas polas persoas no desenvolvemento do seu traballo ou por outras vías non formais de formación, mediante procedementos que garantan a fiabilidade, a obxectividade e o rigor técnico da avaliación, así como acreditar as competencias profesionais adquiridas polas persoas traballadoras e contribuír así á capitalización dos seus saberes e ao fomento da súa aprendizaxe ao longo da vida.

2. O obxecto da validación son as unidades de competencia e, xa que logo, as realizacións e os criterios de realización que se definen nos reais decretos que desenvolven cada título de técnico ou de técnico superior de formación profesional vixentes. A acreditación dunha unidade de competencia permitirá o recoñecemento do seu módulo asociado tal e como se establece no artigo 14 da Orde do 30 de xullo de 2007 (DOG do 9 de agosto).

Artigo 5º.-Principios.

Os principios que rexerán este procedemento son:

a) Fiabilidade: o sistema deberá basearse en criterios, métodos e instrumentos establecidos e aplicados segundo pautas definidas, e deberá contar cos mecanismos de contraste e control de calidade para asegurar o seu desenvolvemento en condicións homoxéneas e similares para todos os candidatos e todas as candidatas.

b) Validez: o sistema debe garantir que os métodos de avaliación empregados e a súa posible concreción en probas sexan pertinentes aos niveis e ás características da competencia especificada nas unidades de competencia, e que midan adecuadamente a competencia profesional das persoas candidatas.

c) Obxectividade: a avaliación e o recoñecemento da competencia deben ser obxectivos, con medidas que eviten conflitos de intereses, aseguren a competencia profesional e a imparcialidade das persoas avaliadoras e que permitan, de ser o caso, a revisión do resultado das avaliacións.

d) Rigor técnico: o conxunto de instrumentos utilizados deberá elaborarse e aplicarse seguindo pautas metodolóxicas establecidas.

e) Calidade: o sistema deberá contar cun método de verificación interno e externo que asegure a súa calidade.

f) Coordinación: o sistema deberá garantir a axeitada coordinación de todas as partes responsables no seu desenvolvemento, co fin de lograr a máxima eficacia e eficiencia na súa posta en práctica.

Artigo 6º.-Órgano responsable.

A Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa será a encargada de organizar e desenvolver o procedemento para o recoñecemento, a avaliación e a acreditación da competencia, así como da súa posta en práctica e coordinación, e da súa avaliación.

Artigo 7º.-Requisitos xerais de acceso.

Para acceder ao procedemento de recoñecemento, avaliación e acreditación da competencia profesional, os candidatos e as candidatas deberán cumprir os requisitos xerais seguintes:

a) Ter cumpridos 21 anos ou cumprilos no ano natural en que se produza a convocatoria para acceder á acreditación das unidades de competencia dos títulos de grao superior, e 19 anos para acceder ás unidades de competencia dos ciclos de grao medio.

b) Ademais dos requisitos de idade, as persoas solicitantes deberán acreditar unha experiencia laboral efectiva de polo menos tres anos completos, nos últimos 15 anos de traballo, relacionada co sector produtivo do ciclo formativo ao cal pertenza a unidade de competencia solicitada da cal se pretenda o recoñecemento.

c) Non estar matriculado ou matriculada nas ensinanzas de réxime ordinario conducentes ao mesmo título, ou, cando se tratar de formación modular, no módulo correspondente a esa unidade de competencia.

Artigo 8º.-Acreditación da experiencia laboral.

A acreditación a que fai referencia o artigo anterior realizarase presentando os seguintes documentos:

a) Para traballadores e traballadoras por conta allea.

a.1. Certificación da Tesouraría Xeral da Seguridade Social en que conste a vida laboral, ou da mutualidade laboral en que se teña afiliación, onde se especifique a empresa, a categoría laboral (grupo de cotización) e o período de contratación; ou calquera outro medio de proba admitido en dereito.

a.2. Certificación da empresa en que se adquirira a experiencia laboral, en que se reflicta especificamente a duración do contrato, a categoría laboral, a actividade desenvolvida e o período en que se realizarase a devandita actividade.

b) Para traballadores e traballadoras por conta propia.

b.1. Período de cotización no réxime especial de traballadores autónomos, ou calquera outro medio de proba admitido en dereito.

b.2. Certificación da alta no imposto de actividades económicas e, de ser o caso, certificados de pagamento do dito imposto.

Artigo 9º.-Convocatoria e matrícula.

1. As unidades de competencia obxecto desta convocatoria son as recollidas no anexo I desta orde, e o número de prazas ofrecidas é de 25 para cada unha delas.

2. A inscrición e a matrícula para participar no proceso de recoñecemento, avaliación e acreditación da competencia profesional realizarase nos centros onde se vaia desenvolver o proceso, segundo o establecido no anexo II desta orde.

3. Haberá un período de inscrición e admisión previo ao inicio do proceso, dado o carácter limitado da convocatoria. Os criterios de selección das persoas candidatas serán os establecidos polo baremo do anexo VIII. A lista de persoas admitidas publicarase no taboleiro de anuncios do centro onde se desenvolva o procedemento.

4. A matrícula terá dúas fases obrigatorias: a primeira dará dereito ao asesoramento do candidato ou da candidata, e a segunda dará dereito á avaliación das unidades de competencia.

5. A matrícula quedará formalizada unha vez que a comisión de avaliación resolva a súa aceptación, despois de verificar os requisitos establecidos nos artigos 7º e 8º desta orde.

Artigo 10º.-Estrutura organizativa.

O dispositivo para o recoñecemento, a avaliación e a acreditación da competencia profesional é o instrumento que vai permitir desenvolver o procedemento de recoñecemento, avaliación e acreditación da competencia profesional, e estará integrado polos servizos de información e orientación, o servizo asesor e as comisións de avaliación, coa composición e funcións que se sinalan nos artigos seguintes.

Artigo 11º.-Servizos de información e orientación.

1. Estarán constituídos polos departamentos de orientación dos CIFP e dos centros educativos con oferta de ensinanzas profesionais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

2. Terán as seguintes funcións:

a) Informar sobre o proceso de avaliación e recoñecemento das competencias profesionais para que se poida seguir adecuadamente, e sobre o procedemento de formalización e a presentación da documentación pertinente.

b) Nos centros onde se desenvolvan as probas, os orientadores ou orientadoras deberán elaborar, de ser o caso, un plan de formación para o candidato ou a candidata, que lles permita, unha vez rematado o proceso de avaliación, acadar a competencia na cal é deficitario/a.

Artigo 12º.-Servizo asesor.

1. Estará integrado por unha persoa experta da familia profesional correspondente. O asesor ou a asesora serán nomeados pola Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, e seleccionaranse entre o persoal técnico habilitado como asesor ou asesora para participar no procedemento de recoñecemento, avaliación e acreditación da competencia profesional. A habilitación requirirá un mínimo de catro anos de experiencia no sector profesional correspondente e a superación previa dun proceso de formación específica.

2. Terán as seguintes funcións:

a) Informar sobre o Catálogo nacional de cualificacións profesionais e sobre os títulos de técnico e de técnico superior da familia profesional correspondente, sobre o procedemento de avaliación para o recoñecemento da competencia e sobre a estrutura das unidades de competencia, realizacións e criterios de realización.

b) Asesorar e axudar a persoa candidata a confeccionar a carpeta de logros profesionais, dando as instrucións oportunas para a acumulación dos certificados, os informes ou outras probas válidas como evidencias de competencia.

c) Elaborar e cubrir coa persoa candidata o expediente profesional.

d) Axudar na formalización do test de autoavaliación que realizará o candidato ou a candidata, que permitirá situar as súas propias competencias profesionais en relación ao referente expresado en realizacións e criterios de realización.

e) Manter unha entrevista persoal coa persoa candidata que lles permita ao asesor ou á asesora comprobar se a experiencia profesional declarada por esa persoa é referendada polas evidencias achegadas na carpeta de logros profesionais.

f) Elaborar o consello asesor sobre a decisión de que a persoa candidata pase á fase de avaliación, onde se informe da competencia que na súa opinión debería solicitar que se lle recoñecese.

g) Elaborar o informe asesor para a comisión de avaliación onde se indique o resultado do test de autoavaliación e das evidencias achegadas polo candidato ou a candidata, así como se ao seu xuízo presenta suficientes probas de competencia, e a súa significatividade ou criticidade.

Artigo 13º.-Comisións de avaliación.

1. A comisión de avaliación constitúe o órgano decisorio no proceso de avaliación da competencia e xulga a competencia das persoas candidatas tendo en conta as evidencias obtidas na fase de asesoramento e as obtidas na fase de probas de competencia. Ademais, é o órgano responsable de levar a cabo a preparación das probas de competencia, de facer o seguimento do seu desenvolvemento e da avaliación dos seus resultados.

A Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa nomeará as comisións de avaliación que cumpran para a posta en funcionamento do dispositivo en cada convocatoria. Esta dirección xeral informará os departamentos territoriais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da composición destas comisións, para os efectos que proceda.

2. A comisión de avaliación estará constituída polo menos por cinco membros, dos cales un ocupará a presidencia, coordinará o proceso e terá a máxima responsabilidade neste; outro desempeñará o cargo de secretario ou secretaria, e os tres restantes serán vogais. Todos estes membros terán que dispor da habilitación como avaliadores ou avaliadoras para participar no procedemento de recoñecemento, avaliación e acreditación da competencia profesional pola Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa. A habilitación requirirá do persoal técnico un mínimo de catro anos de experiencia no sector profesional e a superación previa dun proceso de formación específica.

Cando cumpra, a comisión de avaliación poderá solicitar a colaboración dunha persoa experta da familia profesional ou do sector profesional.

3. A presidencia da comisión de avaliación terá as seguintes funcións:

a) Coordinar a elaboración dos instrumentos necesarios para a avaliación: guía de evidencias, plan de avaliación e cuestionario de autoavaliación para a fase de asesoramento. O anterior deberá ser elaborado previamente á fase de avaliación ou contraste de competencias.

b) Comprobar que o asesoramento SE desenvolvese consonte as normas establecidas e que os documentos que se xerasen reflictan que o contraste se fixese axustándose ao referente, e que as evidencias obtidas cumpran os requisitos establecidos na guía de evidencias.

c) Convocar e coordinar todos os membros da comisión de avaliación para facer en equipo a lectura, a análise e a valoración da carpeta de logros profesionais e do informe de competencias, xerados ambos na fase de asesoramento.

d) Coordinar o deseño e a elaboración do plan individualizado de avaliación para cada candidato ou candidata, cando a evidencia de competencia obtida na fase de asesoramento non sexa suficiente, e realizar a supervisión do seu desenvolvemento.

e) Comunicarlles ás persoas candidatas o resultado do balance de competencias e o plan individualizado das probas de competencia, onde se especifiquen os ámbitos de competencia obxecto das probas, os medios e os métodos de avaliación que se vaian utilizar, así como as datas, os lugares e os espazos que se establezan.

f) Manter contacto permanente coas persoas da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa responsables do proceso.

g) Emitir o xuízo final sobre a competencia do candidato ou da candidata, e asinar as actas.

h) Elaborar o informe para a persoa candidata e o orientador ou a orientadora coas liñas básicas do plan de formación necesario para que esta persoa compense o seu déficit de competencia.

4. Os membros do equipo avaliador terán as seguintes funcións:

a) Elaborar, baixo a coordinación da presidencia do equipo avaliador, os instrumentos necesarios para a avaliación: guía de evidencias e plan de avaliación. Ademais, elaborar o cuestionario de autoavaliación para a fase de asesoramento.

b) Preparar e levar a cabo o desenvolvemento das probas de contraste de competencias, dirixidas a obter evidencias complementarias de competencia.

c) Cubrir os rexistros da observación directa, das probas de simulación ou das conversas profesionais, e preparar os equipamentos e os materiais necesarios para a realización das probas de competencia.

d) Encargarse da selección das persoas candidatas na fase de inscrición.

5. A secretaría da comisión, ademais das xerais para os avaliadores e as avaliadoras, terá as seguintes funcións:

a) Efectuar a convocatoria das sesións por orde da presidencia.

b) Redactar as actas das sesións.

c) Cantas outras funcións sexan inherentes á súa función de secretaría.

Artigo 14º.-Habilitación e formación.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria convocará os cursos de formación específica para a habilitación do persoal a que se fai referencia no artigo anterior.

Artigo 15º.-Instrumentos para a avaliación.

O proceso de avaliación das competencias profesionais require unha serie de instrumentos que fagan posible o seu desenvolvemento coa calidade e o rigor necesarios, como son:

a) Instrumentos para elaborar polo órgano responsable da Administración educativa: un manual de procedemento, integrado por unha guía da persoa candidata, unha guía da persoa encargada da asesoría, e unha guía do avaliador ou da avaliadora.

b) Servizo de asesoramento: xunto coa persoa solicitante do recoñecemento, a avaliación e a acreditación da competencia profesional, elaborará a carpeta de logros profesionais que recolla as evidencias achegadas por esta e a que se orixine no proceso, o que permitirá o contraste coa autoavaliación da persoa candidata.

c) Comisión de avaliación:

c.1. O referente para a avaliación serán as unidades de competencia dos títulos de técnico e de técnico superior vixentes.

c.2. Cuestionarios de autoavaliación: constitúen un dos elementos prescritivos na fase de asesoramento, e deberanos elaborar as comisións de avaliación. Van permitir traducir a competencia da persoa candidata a termos de realizacións e criterios de realización das unidades ou dos ámbitos de competencia que constitúen o referente neste proceso.

c.3. Guía de evidencias, para cada unidade de competencia, onde se especifiquen as fontes e os métodos de obtención da evidencia, o que vai constituír a directriz no contraste de competencias. Consideraranse como fontes de evidencia o traballo actual da persoa candidata, as simulacións, os seus logros anteriores e as conversas profesionais. Deberanse concretar as técnicas de obtención de evidencias e os criterios de avaliación en cada caso.

c.4. Plan de avaliación, que deberán elaborar as comisións de avaliación, e que permitirá realizar o plan de avaliación individualizado para cada persoa.

Todos estes documentos deberán ser remitidos ao órgano responsable do proceso para a súa aprobación.

A acreditación da correspondente unidade de competencia requirirá a avaliación final positiva emitida pola comisión de avaliación. A expresión da avaliación de cada unha das unidades de competencia realizarase nos termos de competencia demostrada ou de competencia non demostrada.

Artigo 16º.-Fases do proceso.

O proceso de avaliación e acreditación de competencias desenvolverase nas fases seguintes:

1. Fase de información e orientación.

Os servizos de información e orientación descritos no artigo 11º serán os encargados de facer a difusión e de dar información sobre o procedemento ás persoas interesadas. Informarán sobre o Catálogo nacional de cualificacións profesionais, sobre os títulos vixentes e sobre as fases do proceso. Tamén darán información sobre os prazos, a documentación e os lugares onde realizar a inscrición.

2. Fase de asesoramento.

O servizo asesor actuará nesta fase proporcionando a información imprescindible ás persoas candidatas sobre a avaliación da competencia profesional, sobre o procedemento, sobre os seus dereitos e deberes, e sobre as acreditacións oficiais que derivan deste proceso. Ademais, axudarán as persoas candidatas a cubriren o test de autoavaliación e o expediente profesional, e a se situaren fronte ao referente tal e como se describe no artigo 12º.

3. Fase de avaliación.

a) A comisión de avaliación levará a cabo esta fase avaliando as competencias adquiridas polas persoas traballadoras mediante a experiencia profesional e as aprendizaxes non formais. A experiencia profesional deberase acreditar consonte o establecido no artigo 8º desta orde.

b) Para que a comisión de avaliación das probas poida avaliar e recoñecer as aprendizaxes non formais, deberanse presentar os certificados das actividades formativas, de maneira que en cada un deles conste a entidade que expide o certificado, o título da actividade de formación, o número de horas e o programa formativo. No caso de ter realizados estudos parciais para a obtención dun título oficial pertencente a plans de estudos extinguidos, débese presentar o correspondente certificado expedido polo centro oficial responsable.

c) Os resultados da avaliación deberanse expresar de xeito dicotómico: competencia demostrada ou de competencia non demostrada.

d) No xuízo de competencia e na decisión final, é dicir, na avaliación, a competencia da persoa traballadora nunha unidade implicará necesariamente o desempeño aos niveis requiridos na produción e no emprego descritos nas realizacións profesionais, e nos seus correspondentes criterios na unidade de competencia.

e) Unha vez rematada a etapa de avaliación, completarase o expediente de evidencias, que recollerá os resultados e os rexistros producidos ao longo do procedemento e que deberá estar custodiado durante o período regulamentario para atender os posibles procesos de reclamación.

f) A comisión de avaliación valorará os resultados do proceso e emitirá o xuízo da competencia da persoa candidata, e esta, unha vez informada dos resultados da avaliación, poderá reclamar ante a comisión de avaliación.

4. Fase de acreditación e rexistro.

Ás persoas candidatas que superen o proceso de avaliación e sexan declaradas competentes recoñeceráselles a competencia profesional demostrada e emitiráselles unha acreditación de unidades de competencia, consonte o modelo que figura no anexo X desta orde.

Artigo 17º.-Principios para a avaliación.

1. A avaliación baseada na competencia consiste basicamente na acumulación de suficientes probas de evidencia que permitan inferir con toda confianza a competencia da persoa candidata.

2. En xeral, a decisión da avaliación non poderá estar baseada exclusivamente no historial profesional e formativo, senón que deberá complementarse con evidencias de competencia recollidas polos distintos métodos.

3. Os modos de recollida de evidencias de competencia especificaranse nas guías de evidencias e deberán ter diferentes orixes: expediente de competencias, traballos e proxectos realizados pola persoa candidata, observación no posto de traballo, conversas profesionais, simulacións e probas profesionais.

4. Cando as evidencias presentadas na fase de asesoramento non sexan suficientes, a comisión de avaliación planificará a recollida de evidencias complementarias seguindo o plan de avaliación xeral realizado pola comisión de avaliación, tendo en conta as orientacións da guía de evidencias. A planificación da avaliación será personificada para cada candidato ou candidata, e recollerá as actividades de avaliación coa identificación dos métodos de avaliación que se van utilizar, así como as datas e os lugares previstos. O plan de avaliación deberá ser pactado coa persoa candidata incluíndo a data e o lugar onde se vaia levar a cabo.

5. Na avaliación deberanse aplicar de xeito combinado distintos modos de validar a competencia profesional.

Cando sexa posible, atendendo á situación laboral da persoa traballadora, deberáselle dar prioridade á observación no posto de traballo como método de recollida de evidencias de competencia.

6. Haberá un rexistro de cada actividade, que estará asinado polo avaliador ou a avaliadora, e pola persoa candidata.

7. No desenvolvemento do proceso de avaliación da competencia profesional deberase procurar preservar a autoestima das persoas.

Artigo 18º.-Calendario.

1. Inscrición e matrícula

Previamente ao período de inscrición, e desde o día seguinte ao da publicación desta orde no DOG, todas as persoas interesadas na obtención das acreditacións de unidades de competencia poderán dirixirse aos centros con servizos de información e orientación a que fai referencia o artigo 11º, para solicitar información xeral. Ademais, daráselles información sobre a documentación que deberán presentar, os requisitos de acceso e as datas e os lugares onde presentala.

A solicitude de inscrición para o procedemento de recoñecemento, avaliación e acreditación da competencia profesional presentarase, xunto coa documentación requirida, na secretaría dos centros onde se vaia desenvolver o proceso para cada unidade de competencia, segundo o establecido no anexo II desta orde.

O período de inscrición abranguerá desde o día 13 ao 23 de outubro de 2009, ambos os dous incluídos.

As persoas interesadas farán constar no modelo de inscrición do anexo III a unidade ou as unidades de competencia que pretendan validar, que, de seren varias, deberán pertencer a un mesmo ciclo.

Estas persoas non poderán ter matrícula formalizada en ningunha modalidade das ensinanzas conducentes ao mesmo título, ou, cando se tratar de formación modular, no módulo ou nos módulos asociados a esa unidade ou unidades de competencia.

A relación provisional de persoas inscritas para as probas publicarase no taboleiro de anuncios do centro o día 26 de outubro.

2. Documentación.

As persoas solicitantes deberán achegar xunto coa solicitude de inscrición, segundo o modelo de impreso de solicitude de inscrición recollido no anexo III desta orde, a seguinte documentación:

-Documentación acreditativa da experiencia laboral a que fai referencia o punto anterior.

-Fotocopia do DNI, no caso de non autorizar a consulta de datos no Sistema de Verificación de Datos de Identidade do Ministerio de la Presidencia.

-Declaración xurada, segundo o modelo do anexo VI desta orde, na cal se faga constar que non se ten matrícula formalizada en ningunha modalidade das ensinanzas conducentes ao mesmo título, ou, cando se tratar de formación modular, no módulo ou nos módulos asociados a esa unidade ou unidades de competencia.

-Traxectoria formativa e profesional formalizada segundo modelo recollido no anexo VII.

-Modelo de certificación das actividades desenvolvidas na empresa segundo o anexo IX.

3. Admisión de candidatos e candidatas.

A secretaría do centro halle remitir á comisión de avaliación as solicitudes de inscrición das persoas candidatas para a comprobación dos requisitos establecidos. Ademais, cando houber máis persoas candidatas que prazas aplicaranse os criterios de selección segundo o baremo recollido no anexo VIII desta orde.

Antes do día 28 de outubro publicarase no taboleiro de anuncios do centro a relación provisional de persoas seleccionadas para iniciar o proceso de recoñecemento de competencias coa puntuación lograda. Ademais, deberase publicar a relación das persoas inscritas coa puntuación obtida segundo baremo.

As persoas aspirantes poderán presentar, no mesmo centro, reclamacións contra estas listaxes provisionais no período comprendido entre os días 29 e 30 de outubro.

A relación definitiva de persoas admitidas publicarase no taboleiro de anuncios do centro o día 2 de novembro.

Ante esta resolución poderase interpor recurso de alzada ante a dirección xeral competente en materia de formación profesional no prazo dun mes.

4. Matrícula.

As persoas admitidas deberán formalizar a matrícula para iniciaren o procedemento de recoñecemento, avaliación e acreditación da competencia profesional no mesmo centro en que presentasen a súa solicitude de inscrición. A matrícula ten dúas fases obrigatorias: a primeira dá dereito ao asesoramento da persoa candidata e a segunda dá dereito á avaliación.

4.1 Matrícula para a fase de asesoramento.

Realizarase entre os días 3 e 6 de novembro no mesmo centro educativo onde fixera a inscrición e no modelo de solicitude de matrícula recollido no anexo IV.

4.2 Matrícula para a fase de avaliación.

Será posterior á fase de asesoramento, e o asesor ou a asesora proporcionarán aos candidatos e ás candidatas o modelo de solicitude de matrícula para a fase de avaliación, que se entregará na secretaría do centro educativo entre os días 11 e 12 de xaneiro de 2010, logo de coñecer o informe do asesor ou da asesora canto ás unidades de competencia nas cales considera que a persoa solicitante poida ter posibilidades de acreditación.

5. Calendario do procedemento.

-Fase de información e orientación.

Os departamentos de orientación dos centros educativos deberán atender as demandas de información sobre o procedemento de recoñecemento, avaliación, acreditación e a certificación da competencia profesional e sobre a convocatoria específica obxecto desta orde, desde o día seguinte ao da publicación da convocatoria ata que remate o período de inscrición. Non obstante, estes centros poderán levar a cabo as súas funcións ao longo de todo o ano, dentro do calendario escolar. Ademais, informarán de que estas probas están financiadas nun 80 % polo Fondo Social Europeo e nun 20 % por fondos da comunidade autónoma.

Os departamentos de orientación dos centros educativos relacionados no anexo II, unha vez rematada a fase de avaliación e recibido o informe da comisión de avaliación, elaborarán un plan de formación para a persoa candidata, cando esta así o solicite.

Fase de asesoramento.

A fase de asesoramento comezará o día 9 de novembro e terá que estar rematada antes do 22 de decembro. O asesor ou a asesora seguirán o procedemento establecido na guía de asesoría que se lles entregará previamente.

Cando a persoa candidata decida non pasar a fase de avaliación, por entender que despois do asesoramento non ten evidencias de competencia, o asesor ou a asesora informarán o departamento de orientación para que este, de ser o caso, lle elabore un plan de formación específico en función dos seus intereses e das súas expectativas.

Unha vez rematada a fase de asesoramento, o asesor ou a asesora proporcionarán, de ser o caso, ás persoas candidatas a solicitude de matrícula para a fase de avaliación, e facilitaranlle a súa formalización e a súa entrega.

-Fase de avaliación.

Con anterioridade ao día 26 de outubro de 2009 constituirase a comisión de avaliación prevista no artigo 13º desta orde coa finalidade de organizar, desenvolver e facer o seguimento do proceso de avaliación e certificación das unidades de competencia, determinar os espazos en que se vaian levar a cabo as probas, e valorar e cualificar os resultados obtidos, segundo está establecido.

Os resultados da avaliación das competencias deberanse expor no taboleiro de anuncios do centro o día 11 de febreiro de 2010.

O incumprimento grave, por parte da persoa solicitante de recoñecemento, das normas de prevención, protección e seguridade que se deban aplicar en cada proba provocará a súa interrupción e a valoración negativa da competencia correspondente.

Os resultados da avaliación faranse constar nunha acta, segundo o modelo establecido no anexo IX, que deberán asinar todos os membros da comisión de avaliación e que se deberá custodiar na secretaría do centro.

Artigo 19º.-Procedemento de reclamación.

O procedemento e os prazos para a presentación e a tramitación das reclamacións será o seguinte:

a) Contra os resultados desta avaliación pódense presentar reclamacións por escrito ante a comisión de avaliación no centro onde se realizaron as probas, nun prazo de cinco días hábiles a partir da publicación da cualificación final ou da decisión adoptada.

b) A comisión de avaliación poderá, motivadamente, ratificarse na cualificación outorgada ou admitir a súa rectificación, e deberá resolver nun prazo máximo de cinco días hábiles. A lista definitiva publicarase no taboleiro de anuncios do centro onde se realizaran as probas, unha vez rematado o prazo para resolver as reclamacións. Os resultados definitivos da avaliación das unidades de competencia publicaranse no taboleiro de anuncios do centro o día 24 de febreiro.

c) Contra esta resolución poderase interpor recurso de alzada ante a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa no prazo dun mes, segundo o disposto nos artigos 114 e 115 da Lei 4/1999 (BOE do 14 de xaneiro), de modificación da Lei 30/1992 (BOE do 27 de novembro), de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

d) A resolución deste recurso, que pon fin á vía administrativa, poderá ser obxecto de recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses.

Artigo 20º.-Efectos e rexistro das acreditacións.

1. A acreditación das unidades de competencia realizaraa a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e terá validez en todo o territorio do Estado, segundo prevé a lexislación vixente nesta materia. Para tal efecto, o centro docente emitirá un certificado, segundo o modelo que figura como anexo único desta orde, en que conste a unidade ou as unidades de competencia acreditadas.

2. A expedición da acreditación de unidades de competencia terá efectos de acreditación parcial acumulable e de validación da formación referida á devandita unidade de competencia nos títulos de formación profesional.

A expresión da validación de cada un dos módulos profesionais asociados ás unidades de competencia obxecto de validación pola experiencia laboral que, como resultado do proceso recoñecemento, avaliación e acreditación da competencia profesional, obtivesen resolución positiva, consignarase nos termos previstos na normativa vixente en materia de avaliación da formación profesional específica (Orde do 30 de xullo de 2007, publicada no DOG do 9 de agosto).

3. As acreditacións concedidas teñen carácter oficial e terán os efectos académicos e profesionais previstos na lexislación vixente no tocante a exencións, correspondencias e validacións.

4. O órgano responsable da Administración educativa inscribirá as unidades de competencia acreditadas no rexistro existente para títulos de formación profesional. O rexistro das acreditacións de unidades de competencia e, de ser o caso, das cualificacións profesionais, realizarase de acordo co procedemento establecido no Real decreto 733/1995, do 5 de maio (BOE do 2 de xuño), sobre expedición de títulos académicos e profesionais.

Disposición derradeira

Primeira.-Autorízase a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa para desenvolver esta orde.

Segunda.- Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de setembro de 2009.

Jesús Vázquez Abad

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

Ver referencia pdf "19200D004P011.PDF"

Ver referencia pdf "19200D005P026.PDF"