DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 194 Venres, 02 de outubro de 2009 Páx. 15.737

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE TRABALLO E BENESTAR

ORDE do 30 de setembro de 2009 pola que se fai pública a ampliación do importe existente para a concesión de subvencións para a posta en práctica en Galicia durante os anos 2009 e 2010 de programas integrados para o emprego.

A Orde do 30 de decembro de 2008 (DOG número 12, do 19 de xaneiro) establece na súa disposición adicional primeira que as accións incluídas nesta orde se financiarán con cargo ás consignacións orzamentarias que figuran no proxecto de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2009 e que as ditas consignacións estarán supeditadas ás modificacións orzamentarias que se poidan realizar como consecuencia de incrementos das cantidades asignadas á comunidade autónoma pola Administración do Estado.

A situación económica actual require do deseño e desenvolvemento de accións urxentes e excepcionais que sexan capaces de mitigar as dificultades que están a pasar os galegos e galegas como consecuencia directa dos efectos da actual crise.

Neste contexto, a Xunta de Galicia puxo en marcha un ambicioso plan de choque contra a crise. Neste plan, a Consellería de Traballo e Benestar comprométese a desenvolver as medidas necesarias para facer fronte á actual situación económica reactivando o mercado laboral de Galicia.

En desenvolvemento do dito plan, a Consellería de Traballo e Benestar aposta, entre outras políticas activas, por proporcionarlles aos traballadores e traballadoras programas combinados de información, orientación, formación e inserción laboral.

En consecuencia, como existen outras dotacións que poden ser utilizadas para os mesmos fins, procedentes de remanentes doutras convocatorias, incorporacións e ampliacións de créditos, cómpre realizar unha segunda ampliación do importe dos créditos destinados ás axudas que poderán ser concedidas ao abeiro da referida Orde do 30 de decembro de 2008, coa finalidade de facelas chegar ao maior número de beneficiarios posibles.

Por todo o exposto e no uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo único.

Primeiro.-Amplíase o importe total das axudas que se van conceder ao abeiro da Orde do 30 de decembro de 2008, nas seguintes contías e aplicacións orzamentarias, que figuran dotadas nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2009:

48.05.322B.481.0 polo importe 1.600.000 euros, código proxecto 2009 01289.

48.05.322B.460.0 polo importe 800.000 euros, código proxecto 2009 01289.

Segundo.-Esta modificación non afecta o prazo establecido na referida orde para a presentación de solicitudes.

Santiago de Compostela, 30 de setembro de 2009.

Beatriz Mato Otero

Conselleira de Traballo e Benestar