DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 222 Xoves, 12 de novembro de 2009 Páx. 17.522

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE TRABALLO E BENESTAR

DECRETO 406/2009, do 22 de outubro, polo que se crea o Rexistro de Asociacións Profesionais de Traballadores Autónomos da Comunidade Autónoma de Galicia.

Entre os principios xerais do seu título preliminar, o Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 4.2º, en concordancia co sinalado na Constitución española de 1978 no seu artigo 9.2º, establece que «corresponde aos poderes públicos de Galicia promover as condicións para que a liberdade e a igualdade do individuo e dos grupos en que se integran sexan reais e efectivas, remover os obstáculos que impidan ou dificulten a súa plenitude e facilitar a participación de todos os galegos na vida política, económica, cultural e social».

A Constitución española, no seu artigo 22.1º recoñece o dereito de asociación, e no seu número tres dispón que as asociacións constituídas ao seu abeiro se deberán inscribir nun rexistro, só para os efectos de publicidade.

A Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencia de competencias á Comunidade Autónoma galega, levou a cabo unha ampliación de competencias para a Comunidade Autónoma de Galicia, incluíndo entre outras a execución da lexislación do Estado en materia de asociacións.

Coa aprobación da Lei 20/2007, do 11 de xullo, do Estatuto do traballo autónomo, culmina unha histórica reivindicación dun colectivo que ten unha presenza evidente na nosa economía.

O Estatuto do traballo autónomo é unha lei innovadora no noso Estado que establece un marco xeral de regulación dos profesionais e traballadores autónomos en que define xuridicamente o sector, establece un réxime profesional de dereitos e deberes, e igualmente un réxime de incentivos para a dignificación, apoio e consolidación do traballo autónomo.

Ademais de configurar un novo marco das relacións xurídicas, recolle no seu título III os dereitos colectivos de todas as traballadoras/es autónomas/os, e nos artigos 20, 21 e 22 establece o dereito de asociación profesional das traballadoras/es autónomas/os, o que significa o recoñecemento do movemento asociativo como instrumento de participación da sociedade e de participación nos asuntos públicos, e na súa disposición adicional sexta establece que as comunidades autónomas crearán, no seu ámbito territorial, o rexistro especial segundo o disposto no artigo 20.3º do Estatuto do traballo autónomo.

Resulta patente o importante papel que as asociacións desempeñan nos diversos ámbitos da actividade social contribuíndo a un exercicio activo da cidadanía e á consolidación dunha democracia avanzada.

A creación do Rexistro de Asociacións Profesionais de Traballadoras/es Autónomas/os supón un recoñecemento e un mellor coñecemento do asociacionismo galego, o que fará posible unha mellor defensa dos intereses profesionais dun colectivo fundamental nos tres sectores produtivos galegos e que abarca en Galicia un 23% da poboación ocupada.

A Comunidade Autónoma de Galicia vén realizando un importante esforzo normativo nos distintos ámbitos sectoriais que afectan as traballadoras/es autónomas/os, froito dos cales é esta norma pola que se crea o Rexistro de Asociacións Profesionais de Traballadores Autónomos da Comunidade Autónoma de Galicia.

Este decreto consta de 27 artigos distribuídos en seis capítulos, unha disposición adicional e dúas derradeiras, e nel, establécense o seu ámbito de aplicación, as funcións e o procedemento de inscrición, o réxime xurídico da inscrición, a organización e o funcionamento do rexistro.

Mediante o Decreto 289/1997, do 9 de outubro, esta comunidade autónoma asumiu as funcións e servizos transferidos pola Administración do Estado relativos á xestión realizada polo Instituto Nacional de Emprego no ámbito do traballo, o emprego e a formación, e, a través do Decreto 83/2009, do 21 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, a Consellería de Traballo e Benestar asume o exercicio das competencias e funcións, entre outras materias, no relativo ás políticas de emprego e á promoción do emprego autónomo.

Por todo o exposto, por proposta da conselleira de Traballo e Benestar, en uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, modificada pola Lei 2/2007, do 28 de marzo, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e dous de outubro de dous mil nove,

DISPOÑO:

Capítulo I

Obxecto e ámbito de aplicación

Artigo 1º.-Obxecto.

1. Este decreto ten por obxecto a creación do Rexistro de Asociacións Profesionais de Traballadores Autónomos da Comunidade Autónoma de Galicia e a regulación do procedemento de inscrición das asociacións, as súas federacións, as súas confederacións e unións constituídas ao abeiro da Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación.

2. Para os efectos da inscrición e depósito dos estatutos no rexistro, enténdese por asociación profesional de traballadores autónomos, conforme o establecido no artigo 20.2º da Lei 20/2007, do 11 de xullo, do Estatuto do traballo autónomo, aquela que teña por finalidade a defensa e tutela colectiva dos intereses profesionais das traballadoras/es autónomas/os e funcións complementarias, que poderá desenvolver todas aquelas actividades lícitas dirixidas a esta finalidade. En ningún caso poderá ter ánimo de lucro.

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación.

1. Este decreto será de aplicación a aquelas asociacións profesionais de traballadores autónomos que agrupen as persoas físicas que estean comprendidas no artigo 1 da Lei 20/2007, do 11 de xullo, do Estatuto do traballo autónomo, que teñan por finalidade a defensa dos intereses profesionais das súas persoas asociadas e funcións complementarias, e desenvolvan principalmente as súas actividades na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Enténdese que as asociacións profesionais de traballadores autónomos desenvolven a súa actividade principalmente na Comunidade Autónoma de Galicia cando máis do 50% das súas persoas asociadas estean domiciliadas nela.

3. Será potestativa a inscrición das federacións, confederacións ou unións de asociacións profesionais de traballadores autónomos comprendidas no mesmo ámbito territorial.

Capítulo II

Da natureza do rexistro

Artigo 3º.-Natureza do rexistro.

1. O Rexistro de Asociacións Profesionais de Traballadores Autónomos da Comunidade Autónoma de Galicia é un rexistro administrativo de carácter público.

2. As asociacións a que se refire o artigo 2º deste decreto deberanse inscribir só para os efectos de publicidade, de acordo co que establece o artigo 22.3º da Constitución española.

3. A inscrición rexistral fai pública a constitución e demais actos inscritibles das asociacións e é garantía tanto para os terceiros que con elas se relacionan como para os seus propios membros.

Artigo 4º.-Publicidade rexistral.

1. A publicidade rexistral farase efectiva por certificación do contido dos asentos ou por simple nota informativa ou copia dos asentos e dos documentos depositados no rexistro.

2. Do depósito dos estatutos e das súas modificacións darase publicidade no taboleiro de anuncios do rexistro ou, de ser o caso, por medios informáticos ou telemáticos e no Diario Oficial de Galicia ou no BOP segundo corresponda, indicando a denominación, o ámbito territorial, a súa especialidade subxectiva e obxectivos, ámbito funcional ou actividade económica e os asinantes das actas de constitución e modificación.

3. A publicidade do Rexistro de Asociacións Profesionais de Traballadores Autónomos da Comunidade Autónoma de Galicia non acada os datos referidos aos domicilios das persoas, estado civil e outros datos de carácter persoal que consten na documentación de cada asociación, de acordo coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

Artigo 5º.-Certificacións.

1. A certificación será o medio de acreditar fidedignamente o contido dos asentos e dos documentos depositados no Rexistro de Asociacións de Traballadores Autónomos da Comunidade Autónoma de Galicia. En ningún caso o citado rexistro poderá expedir certificacións sobre os datos de inscrición de asociacións inscritas noutros rexistros de asociacións.

2. A certificación será emitida pola oficina central ou provincial do Rexistro de Asociacións de Traballadores Autónomos da Comunidade Autónoma de Galicia segundo o establecido no artigo 6º, onde figure inscrita a asociación, federación, confederación ou unión de asociacións profesionais de traballadores autónomos da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. As certificacións poderanse solicitar mediante calquera medio que permita a constancia da solicitude realizada, sen prexuízo da necesaria xustificación do pagamento da taxa correspondente de conformidade co establecido na Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia.

Capítulo III

Adscrición, estrutura, organización e funcionamento

do rexistro

Artigo 6º.-Adscrición e estrutura.

1. O Rexistro de Asociacións Profesionais de Traballadores Autónomos da Comunidade Autónoma de Galicia adscríbese á dirección xeral competente en materia de promoción do emprego.

2. O Rexistro de Asociacións Profesionais de Traballadores Autónomos da Comunidade Autónoma de Galicia será único para todo o territorio da comunidade autónoma e estrutúrase nunha oficina central do rexistro dependente da dirección xeral competente en materia de promoción do emprego e nas oficinas provinciais do rexistro dependentes dos departamentos territoriais da consellería a que se adscriba a citada dirección xeral.

3. A oficina central do rexistro será competente para a inscrición de:

a) Asociacións de carácter intersectorial.

b) Asociacións de ámbito sectorial e pluriprovincial.

c) Federacións, confederacións e unións de asociacións profesionais de traballadores autónomos de Galicia.

4. As oficinas provinciais do rexistro serán competentes para a inscrición de:

a) Asociacións de ámbito sectorial que desenvolvan a súa actividade principal nunha soa provincia.

b) Federacións, confederacións e unións de asociacións profesionais de traballadores autónomos de Galicia sectoriais de ámbito provincial.

Artigo 7º.-Organización do Rexistro de Asociacións Profesionais de Traballadores Autónomos da Comunidade Autónoma de Galicia.

1. A oficina central do Rexistro de Asociacións Profesionais de Traballadores Autónomos da Comunidade Autónoma de Galicia contará con tres seccións:

-Sección 1ª: asociacións de carácter intersectorial.

-Sección 2ª: asociacións de ámbito sectorial e pluriprovincial.

-Sección 3ª: federacións, confederacións e unións de asociacións.

2. As oficinas provinciais do Rexistro de Asociacións Profesionais de Traballadores Autónomos da Comunidade Autónoma de Galicia contará con dúas seccións:

-Sección 1ª: asociacións sectoriais de ámbito provincial.

-Sección 2ª: federacións, confederacións e unións de asociacións sectoriais de ámbito provincial.

Artigo 8º.-Follas rexistrais.

1. Nas oficinas centrais ou provinciais do Rexistro de Asociacións Profesionais de Traballadores Autónomos da Comunidade Autónoma de Galicia practicaranse as inscricións correspondentes ás asociacións da súa competencia en follas rexistrais que se comporán dos espazos necesarios para a práctica dos asentos preceptivos e que se poderán elaborar por procedementos informáticos.

2. --Cada asociación, federación, confederación ou unión terá asignado un número correlativo e independente único, na oficina central ou provincial e sección que lle corresponda segundo o establecido no artigo 27º deste decreto.

3. A oficina central do Rexistro de Asociacións Profesionais de Traballadores Autónomos da Comunidade Autónoma de Galicia levará un ficheiro de denominacións de asociacións para ofrecer publicidade informativa que evite duplicidade ou semellanza de nomes.

Para os citados efectos, as oficinas provinciais do rexistro comunicarán á oficina central os asentos de inscrición do seu respectivo ámbito competencial.

Artigo 9º.-Tipos de asentos.

No Rexistro de Asociacións de Traballadores Autónomos da Comunidade Autónoma de Galicia practicaranse os seguintes tipos de asentos:

-Asentos de inscrición.

-Asentos complementarios.

-Asentos de rectificación.

-Notas marxinais.

Artigo 10º.-Asentos de inscrición.

1. O asento de inscrición da constitución dunha asociación deberá facer constar a data en que se practica e o número asignado, denominación da entidade, data da acta fundacional ou de constitución, os fins e actividades sociais, ámbito territorial en que desenvolverán principalmente as súas actividades, socias/os fundadores ou, de ser o caso, membros da comisión xestora ou xunta directiva provisional, así como a data da resolución de inscrición e clasificación funcional.

2. O asento de inscrición de modificación estatutaria fará constar a data da asemblea xeral que adoptou o acordo de modificación e a de resolución da súa aprobación. Detallará, así mesmo, o artigo ou artigos modificados.

3. A inscrición da disolución de asociacións deberá conter a data da asemblea xeral en que se adoptou o acordo e a data da resolución administrativa, así como o destino dado ao remanente patrimonial, se o houber.

Artigo 11º.-Asentos complementarios.

1. No asento de nomeamento e renovación de membros de órganos de goberno constará a data do acordo do órgano competente para a elección, os cargos e os nomes das persoas que resultaron elixidas.

2. Os asentos de traslado por cambio de domicilio social da asociación farán mención á data do acordo de modificación da sede e da nova domiciliación, e comportarán sen solución de continuidade, se o cambio supón traslado de provincia, a alta na oficina rexistral provincial que corresponda.

3. O asento de apertura ou peche de locais ou delegacións sinalará a data de acordo e, de ser o caso, a domiciliación correspondente.

4. Os asentos de traslado dunha sección do rexistro a outra, como consecuencia de modificacións estatutarias, deixarán constancia da data do acordo adoptado polo órgano competente e implicarán a alta na sección do rexistro que corresponda conservando a antigüidade que tivesen, para todos os efectos.

Artigo 12º.-Asentos de rectificación.

Os erros materiais, de feito ou aritméticos, que se detecten no contido dos asentos practicados, serán rectificados, de oficio ou por instancia dos interesados, pola persoa encargada da oficina rexistral. Os erros que deriven dos actos inscritos deberanse rectificar unha vez que se aprobe a correspondente resolución administrativa.

Artigo 13º.-Notas marxinais.

O dilixenciado dos libros que deberán levar as asociacións farase constar, mediante nota marxinal, detallando a data de presentación e a persoa que o solicita. Igualmente, sinalarase a data en que se practica.

Capítulo IV

Funcións do rexistro

Artigo 14º.-Funcións do Rexistro de Asociacións Profesionais de Traballadores Autónomos da Comunidade Autónoma de Galicia.

1. O Rexistro de Asociacións Profesionais de Traballadores Autónomos da Comunidade Autónoma de Galicia terá as funcións de:

a) Inscribir as asociacións profesionais de traballadores autónomos e as federacións, confederacións e unións de asociacións profesionais de traballadores de ámbito autonómico que reúnan os requisitos establecidos, así como as súas modificacións estatutarias, variacións dos órganos de goberno e a súa cancelación, e practicar o resto das inscricións ou anotacións que procedan respecto dos actos e documentos que se citan no artigo 16º deste decreto.

b) Custodiar e conservar a documentación de cada asociación, que forma o seu protocolo e que constitúe o soporte dos asentos que se practican.

c) Visar os estatutos ou as súas copias, a solicitude das persoas interesadas, mediante dilixencia na súa última folla, na cal conste o número e a data de inscrición, a sección do rexistro e a unidade rexistral que a practica. Ademais, estamparase o selo do rexistro en todas as súas follas.

d) Expedir certificacións, notas informativas ou copias de asentos ou documentos que, sobre o contido do rexistro, lle sexan solicitadas.

e) Remitir ao rexistro especial da oficina pública establecida para o efecto no Ministerio de Traballo e Inmigración as solicitudes que se presenten relativas a asociacións que desenvolvan principalmente as súas funcións nun ámbito superior ao da Comunidade Autónoma de Galicia.

f) Comunicar ao rexistro especial da oficina pública establecida para o efecto no Ministerio de Traballo e Inmigración os asentos de inscrición e disolución das asociacións de ámbito autonómico inscritas en Galicia.

g) Facilitar a información que lle sexa requirida sobre requisitos para a constitución de asociacións, documentación necesaria para a súa inscrición e calquera cuestión relacionada co funcionamento do rexistro.

Artigo 15º.-Dereito de inscrición.

O dereito á inscrición no Rexistro de Asociacións Profesionais de Traballadores Autónomos da Comunidade Autónoma de Galicia só se poderá denegar cando non se reúnan os requisitos establecidos no artigo 30.3º da Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación, e no artigo 20 da Lei 20/2007, do 11 de xullo, do Estatuto do traballo autónomo.

Artigo 16º.-Actos inscritibles.

Serán obxecto de inscrición, de acordo co procedemento que se establece neste decreto, os seguintes actos:

a) A constitución da asociación.

b) As modificacións estatutarias.

c) A identidade de titulares da xunta directiva ou órgano de representación.

d) A apertura, cambio e peche de delegacións e establecementos.

e) As asociacións que constitúen ou integran federacións, confederacións ou unións de asociacións.

f) A incorporación e separación de asociacións a unha federación, confederación ou unión de asociacións.

g) A suspensión, disolución ou baixa da asociación e as súas causas.

Capítulo V

Procedemento de inscrición

Artigo 17º.-Solicitude de inscrición da constitución da asociación.

1. A inscrición da constitución da asociación no rexistro formalizarase mediante solicitude dirixida á dirección xeral competente en materia de promoción do emprego ou aos departamentos territoriais da consellería competente en materia de emprego, que se poderá presentar por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. A solicitude de inscrición deberá ir acompañada da seguinte documentación:

-Identificación do solicitante ou solicitantes, as súas sinaturas e cargo que desempeñan na asociación ou condición en que actúan e o seu número de identificación fiscal.

-Identificación exacta da asociación, a súa denominación, domicilio, o nome de dominio ou enderezo da internet que, de ser o caso, utilicen, de conformidade co previsto no artigo 9 da Lei 34/2002, do 11 de xullo, de servizos da sociedade da información e do comercio electrónico e o número de identificación fiscal.

-Descrición da documentación que se xunta á petición que se formula.

-Xustificante do aboamento das taxas correspondentes.

Artigo 18º.-Acta fundacional.

Xunto coa solicitude de inscrición deberase xuntar, por duplicado exemplar, a acta fundacional, cuxo contido será o seguinte:

a) Nome e apelidos das persoas promotoras da asociación (como mínimo tres persoas físicas), a nacionalidade, o domicilio e o número de identificación fiscal. Se algunha persoa promotora é estranxeira deberá acreditar que conta coa autorización de estancia ou residencia en España.

b) A vontade das persoas promotoras de constituír unha asociación, os pactos que, de ser o caso, tivesen establecidos e a denominación exacta daquela.

c) Os estatutos aprobados, que serán asinados en todas as follas coas sinaturas orixinais de todas as persoas promotoras e que deberán conter os seguintes extremos, sen prexuízo de que tamén poidan conter calquera outra disposición e condición lícita que as persoas promotoras consideren convenientes, sempre que non se opoñan ás leis nin contradigan os principios configuradores da asociación:

-A denominación, domicilio, así como o ámbito territorial en que deba realizar principalmente as súas actividades.

-A duración, cando a asociación non se constitúa por tempo indefinido.

-Os fins e actividades da asociación descritos de forma precisa.

-Os requisitos e modalidades de admisión e baixa, sanción e separación das persoas asociadas e, de ser o caso, as clases destas.

-Os dereitos e obrigas das persoas asociadas e, de ser o caso, de cada unha das súas distintas modalidades.

-Os criterios que garantan o funcionamento democrático da asociación.

-Os órganos de goberno e representación, a súa composición, regras e procedementos para a elección e substitución dos seus membros, as súas atribucións, duración dos cargos, causas do seu cesamento, a forma de deliberar, adoptar e executar os seus acordos e as persoas ou cargos con facultade para certificalos e requisitos para que os citados órganos queden validamente constituídos, así como a cantidade de asociados necesaria para poder convocar sesións dos órganos de goberno ou de propoñer asuntos na orde do día.

-O réxime de administración, contabilidade e documentación, así como a data de peche do exercicio asociativo.

-O patrimonio inicial e os recursos económicos de que se poderá facer uso.

-Causas de disolución e destino do patrimonio en tal suposto, que non poderá desvirtuar o carácter non lucrativo da entidade.

d) O lugar e data de outorgamento da acta coas sinaturas orixinais das persoas promotoras, así como a vontade de constituír a asociación.

e) A designación dos integrantes dos órganos provisionais de goberno que representan a asociación.

Artigo 19º.-Inscrición da modificación dos estatutos.

1. O prazo para presentar a solicitude de inscrición da modificación dos estatutos será dun mes desde que adoptase o acordo de modificación a asemblea xeral convocada especificamente con tal obxecto.

2. A solicitude de inscrición dirixirase á oficina central ou provincial do Rexistro de Asociacións Profesionais de Traballadores Autónomos da Comunidade Autónoma de Galicia e deberá conter os datos que se indican no artigo 17º así como o seu número de inscrición no Rexistro de Asociacións de Traballadores Autónomos da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. Xunto coa solicitude deberanse achegar os seguintes documentos:

a) Acta da reunión da asemblea xeral da asociación ou certificado desta expedido pola persoa ou cargos coa facultade para certificala de acordo cos seus estatutos, que recolla o acordo adoptado polo que se modifican os estatutos, a relación do artigo ou artigos modificados, o quórum de asistencia, o resultado da votación e a data da súa aprobación.

b) Nas modificacións de estatutos que non consistan exclusivamente no cambio de domicilio social sen alteración do ámbito territorial será preciso presentar o texto íntegro dos novos estatutos en duplicado exemplar que conteña os artigos modificados, asinados polos representantes da asociación, en que se faga constar, mediante a oportuna dilixencia expedida ao final do documento, que quedaron redactados coa inclusión das modificacións acordadas na asemblea xeral ou, de ser o caso, de acordo co procedemento establecido nos seus estatutos, e deberá constar, en ambos os casos, a data en que se adoptou a modificación.

4. A inscrición das modificacións estatutarias suxeitarase aos mesmos requisitos que a inscrición dos estatutos.

Artigo 20º.-Inscrición da identidade dos titulares da xunta directiva ou órgano de representación.

1. O prazo de presentación da solicitude de inscrición da identidade dos titulares da xunta directiva ou órgano de representación será dun mes desde a elección ou modificación dos titulares da xunta directiva ou órgano de representación, e deberase dirixir a solicitude á oficina central ou provincial do Rexistro de Asociacións Profesionais de Traballadores Autónomos da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. A solicitude deberá conter os datos que se indican no artigo 17º deste decreto así como o seu número de inscrición na oficina central ou provincial do Rexistro de Asociacións de Traballadores Autónomos da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. A solicitude de inscrición ou modificación dos titulares da xunta directiva ou órgano de representación deberá ir acompañada da acta da reunión ou acordo adoptado, segundo se determinase a súa forma de elección nos seus estatutos, ou certificado da acta ou do acordo expedido polas persoas ou cargos con facultade para certificalos de acordo cos seus estatutos, polo que se elixisen ou modificasen os titulares da xunta directiva ou órgano de representación, en que deberán constar, ademais da data en que se adoptaron:

a) Os nomes e apelidos, domicilio e demais datos de identificación.

b) A data de nomeamento e, de ser o caso, da ratificación e aceptación polos titulares.

c) A data da revogación e do cesamento, de ser o caso, dos titulares saíntes.

d) As sinaturas dos titulares e, de ser o caso, dos titulares saíntes.

Artigo 21º.-Inscrición da apertura e peche de delegacións e establecementos.

1. No termo dun mes desde que se adoptase o acordo de apertura ou peche de delegacións ou establecementos dunha asociación dirixirase a solicitude de inscrición á oficina do rexistro onde se atope inscrita a entidade.

2. O contido da solicitude e a documentación que se deberá achegar será a seguinte:

a) A solicitude deberá conter os datos que se indican no artigo 17º.2, así como o seu número de inscrición.

b) Xunto coa solicitude deberase achegar a acta da reunión ou certificado desta expedido pola persoa ou cargo coa facultade para certificala de acordo cos seus estatutos, que recolla o acordo sobre a apertura ou o peche de delegacións ou establecementos da asociación, en que deberá constar, ademais da data en que se adoptase:

b.1) A rúa, número, municipio, localidade, provincia e o código postal do domicilio social da nova delegación ou establecemento, no caso de que se inscriba a súa apertura.

b.2) A rúa, número, municipio, localidade, provincia e o código postal do domicilio social da delegación ou establecemento que se pecha, no caso de que se inscriba o seu peche.

3. No suposto de que se acorde a apertura dunha ou varias delegacións ou establecementos e, pola súa vez, o peche dunha ou varias delegacións ou establecementos, deberán constar os datos a que se refire o punto anterior respecto de cada unha delas.

Artigo 22º.-Inscrición da suspensión, disolución ou baixa da asociación e as súas causas.

1. As asociacións só poderán ser suspendidas nas súas actividades por resolución motivada da autoridade xudicial competente.

2. As asociacións disolveranse polas causas previstas nos estatutos e, no seu defecto, pola vontade das súas persoas asociadas expresada na asemblea xeral convocada para o efecto, así como polas causas determinadas no artigo 39 do Código civil e por sentenza xudicial firme.

3. As asociacións causarán baixa no Rexistro de Asociacións Profesionais de Traballadores Autónomos da Comunidade Autónoma de Galicia por terse producido a disolución e a liquidación da asociación, por modificación do seu ámbito territorial ou do seu réxime xurídico ou rexistral ou por outro motivo legalmente establecido.

4. No prazo dun mes desde que se producise a causa que determine a suspensión, a disolución ou a baixa da asociación, deberase dirixir a solicitude de inscrición daquela á oficina do Rexistro de Asociacións Profesionais de Traballadores Autónomos da Comunidade Autónoma de Galicia.

5. A solicitude de inscrición, xa sexa da suspensión ou da disolución, xa da baixa da asociación, deberá conter os datos que se indican no artigo 17º, así como o seu número de inscrición na oficina central ou provincial do Rexistro de Asociacións de Traballadores Autónomos da Comunidade Autónoma de Galicia.

6. Para a inscrición da suspensión da asociación deberase achegar, xunto coa solicitude, unha copia da resolución xudicial firme pola que se establece a suspensión das súas actividades, salvo que conste no rexistro por ter sido notificada de oficio.

7. Para a inscrición da disolución deberase presentar xunto coa solicitude:

a) Cesamento dos titulares dos órganos de goberno e representación, asinado por estes, ou as razóns da ausencia de sinatura.

b) Balance da asociación na data da disolución.

c) Datos identificativos de todas as persoas encargadas da liquidación, de ser o caso, coas súas respectivas sinaturas, e o documento acreditativo da súa identidade.

d) Destino que se lle vai dar ao patrimonio de acordo co establecido nos seus estatutos.

e) Se a disolución tivo lugar polas causas previstas nos estatutos, referencia aos artigos en que se recollan as ditas causas e documento acreditativo da data en que se produciron aquelas.

f) Se a disolución é consecuencia da vontade das persoas asociadas expresada en asemblea xeral convocada para o efecto, a acta da reunión da asemblea xeral ou certificado daquela expedido polas persoas ou cargos con facultade para certificala, no que conste a data en que se adoptou e o quórum de asistencia e o resultado da votación.

g) Se a disolución ten lugar por sentenza xudicial firme, copia da sentenza xudicial firme pola que se dita a disolución da asociación, salvo que conste no rexistro por ter sido notificada de oficio.

8. Para a inscrición da baixa da asociación, deberase presentar xunto coa solicitude:

a) Se a baixa se produciu como consecuencia da disolución e liquidación da asociación, documento acreditativo de ter concorrido as circunstancias que deron lugar á disolución da asociación e do escrito asinado por todas as persoas liquidadoras en que se faga constar que se lle deu ao patrimonio resultante o destino previsto nos seus estatutos, sen que existan acredores, e solicitude da cancelación dos asentos rexistrais.

b) Se a baixa se produciu por modificación do ámbito territorial, do réxime xurídico ou rexistral da asociación, ou por algún outro motivo legalmente establecido, documento acreditativo das causas que motivaron a baixa e data na que se produciron aquelas.

Artigo 23º.-Inscrición de federacións, confederacións e unións de asociacións.

1. Para que se poida inscribir unha federación, confederación ou unión de asociacións será requisito indispensable que as asociacións promotoras estean inscritas na oficina correspondente do Rexistro de Asociacións Profesionais de Traballadores Autónomos da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. O establecido respecto aos actos inscritibles regulados nos artigos 17º, 18º, 19º, 20º, 21º e 22º deste decreto será de aplicación aos actos inscritibles de federacións, confederacións ou unións de asociacións profesionais de traballadores autónomos.

3. Unicamente, respecto á documentación que se debe presentar xunto coa solicitude de inscrición de constitución, será necesario xuntar os seguintes documentos:

a) Na acta fundacional deberán constar, ademais da denominación, os números de inscrición e domicilio de cada unha das asociacións.

b) Por cada unha das asociacións que se integren na federación, confederación ou unión de asociacións, unha certificación expedida polas persoas ou cargos con facultade para certificar, do acordo adoptado para a súa integración e a designación da persoa ou persoas que representen a entidade asociativa no acto constitutivo desta.

c) Os estatutos deberán ir asinados por todos os representantes de todas as asociacións.

Capítulo VI

Réxime xurídico da inscrición

Artigo 24º.-Instrución.

1. O órgano instrutor do procedemento será o servizo que teña asignada a xestión do Rexistro de Asociacións Profesionais de Traballadores Autónomos da consellería competente en materia de promoción do emprego e os correspondentes servizos de Promoción do Emprego dos departamentos territoriais da citada consellería.

2. Recibida a solicitude de inscrición, o órgano instrutor examinará e verificará se cumpre os requisitos establecidos na Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación, e na Lei 20/2007, do 11 de xullo, do Estatuto do traballo autónomo.

3. Cando se advirtan defectos formais na solicitude ou na documentación que a acompaña, ou cando a denominación coincida cunha marca rexistrada notoria, salvo que o solicite o seu titular ou co seu consentimento, requirirase a persoa interesada para que, nun prazo de dez (10) días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixer, se terá por desistida da súa petición, logo da correspondente resolución, de conformidade co previsto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4. Cando a entidade solicitante non se atope incluída no ámbito de aplicación da Lei orgánica 1/2002 ou non teña natureza de asociación profesional de traballadores autónomos, a Administración, logo de audiencia desta, denegará a inscrición no rexistro e indicaralle á persoa solicitante cal é o rexistro ou órgano administrativo competente para inscribila. A denegación será sempre motivada.

Artigo 25º.-Realización da inscrición.

1. No caso de que a solicitude cumpra os requisitos exixidos, ditarase resolución que acorde a inscrición, nos termos establecidos no artigo 30 da Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación.

2. A competencia para ditar as resolucións de inscrición no rexistro correspóndelle ao director xeral competente en materia de promoción do emprego respecto das asociacións de carácter intersectorial, asociacións de ámbito sectorial e pluriprovincial, e das federacións, confederacións e unións de asociacións de profesionais de traballadores autónomos de Galicia ou aos xefes dos departamentos territoriais da consellería con competencias en materia de promoción do emprego.

3. As resolucións de concesión ou denegación deberán ser sempre motivadas e deberán serlles notificadas ás persoas ou entidades interesadas.

4. O prazo para resolver e notificar será de tres meses, que se computarán desde a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o devandito prazo sen se ditar a resolución expresa, entenderase estimada a solicitude de inscrición.

Artigo 26º.-Réxime dos recursos.

1. As resolucións ditadas que deneguen a inscrición no Rexistro de Asociacións Profesionais de Traballadores Autónomos da Comunidade Autónoma de Galicia non porán fin á vía administrativa.

2. Contra as citadas resolucións poderase interpoñer recurso de alzada perante o/a conselleiro/a competente en materia de promoción do emprego, ante o órgano que ditou o acto que se impugna ou ante o competente para resolver, de acordo co disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Esgotada a vía administrativa, poderase interpor recurso na vía contencioso-administrativa conforme a súa lei reguladora, sen prexuízo do que dispón o artigo 30.4º da Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación, cando se aprecien indicios de ilicitude penal.

Artigo 27º.-Asignación de número de inscrición.

Aprobada mediante resolución a inscrición de constitución dunha asociación, federación, confederación ou unión de asociación de profesionais de traballadores autonomos, asignaráselle a cada unha destas un número de xeito correlativo e independente para cada unha das seccións en que se estrutura o rexistro.

Disposición adicional

Única.-Adaptación de estatutos das asociacións profesionais de traballadores autónomos.

1. As asociacións profesionais de traballadores autónomos constituídas en aplicación da lexislación anterior e que gocen de personalidade xurídica no momento da entrada en vigor da Lei 20/2007, do 11 de xullo, do Estatuto do traballo autónomo, entenderanse validadas sempre que cumpran os requisitos da Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación, e os da Lei 20/2007, do 11 de xullo, do Estatuto do traballo autónomo.

2. As asociacións inscritas no momento da entrada en vigor do Estatuto do traballo autónomo no rexistro público que en cada caso resultase obrigatorio na dita data, en virtude da validación a que se refire o punto anterior, non terán que inscribirse en ningunha outra oficina distinta ao Rexistro de Asociacións Profesionais de Traballadores Autónomos creados por este decreto, sen prexuízo, de ser o caso, da obriga de adaptar os seus estatutos ás disposicións da Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro/a competente en materia de traballo para ditar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e execución deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e dous de outubro de dous mil nove.

Aberto Núñez Feijóo

Presidente

Beatriz Mato Otero

Conselleira de Traballo e Benestar

b) NOMEAMENTOS CONSELLERÍA DE SANIDADE