DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 239 Mércores, 09 de decembro de 2009 Páx. 18.683

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E INDUSTRIA

DECRETO 431/2009, do 19 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de réxime electoral das cámaras oficiais de comercio, industria e navegación de Galicia.

O artigo 27.29º do Estatuto de autonomía de Galicia atribúelle á Comunidade Autónoma galega a competencia sobre as cámaras oficiais de comercio, industria e navegación do seu territorio, sen prexuízo do disposto no artigo 149 da Constitución.

Por outra banda, o artigo 9 da Lei 3/1993, do 22 de marzo, básica das cámaras de comercio, industria e navegación, establece que o Ministerio de Industria, Comercio e Turismo (actualmente, o Ministerio de Industria, Turismo e Comercio) determinará a apertura do proceso electoral, logo da consulta coas comunidades autónomas que teñan atribuída a competencia nesta materia, correspondéndolle á respectiva Administración tutelante a convocatoria das eleccións.

En virtude do anterior, a Xunta de Galicia aprobou o Decreto 116/1997, do 14 de maio, polo que se regula o réxime electoral das cámaras oficiais de comercio, industria e navegación da Comunidade Autónoma de Galicia. O obxectivo desta norma era adaptar o procedemento electoral, establecido no Real decreto 816/1990, do 22 de xuño, ao disposto na citada lei básica e introducir as modificacións aconselladas pola experiencia obtida en anteriores procesos electorais, para garantir a obxectividade e transparencia das eleccións e lograr un maior nivel participativo e, por conseguinte, unha maior representatividade dos diversos sectores representados nas devanditas corporacións.

Posteriormente, o Parlamento galego aprobou a Lei 5/2004, do 8 de xullo, de cámaras oficiais de comercio, industria e navegación de Galicia, que no seu capítulo IV regula o réxime electoral das referidas corporacións de dereito público.

As novidades introducidas por esa lei e polos preceptos de carácter básico contidos no Regulamento xeral das cámaras oficiais de comercio, industria e navegación, así como a experiencia e mais a práctica adquirida nos últimos procesos electorais aconsellan que esta realidade sexa adaptada aos postulados da nova normativa e que se aborde o procedemento electoral desde unha perspectiva máis actual.

Con esta nova regulación preténdese implantar un sistema electoral garantista e homoxéneo, pero non por iso excesivamente formalista, cuxos principios orientadores son a flexibilidade, a transparencia, a obxectividade, a representatividade dos sectores integrados no censo, así como garantir o dereito das persoas electoras a escoller libremente as súas representacións e a ter a consideración de elixibles.

Co devandito obxectivo inténtase facilitar e fomentar a máxima participación electoral, afastándose esta regulación da excesiva rixidez que nesta materia prevé o réxime electoral xeral, articulando paralelamente mecanismos que garantan a pureza do sufraxio, o exercicio persoal e o segredo do voto. Para estes efectos, incídese especialmente no envío á persoa electora da documentación do voto por correo e a través de representante.

Outro dos propósitos que persegue o novo regulamento é asegurar a válida constitución e funcionamento das xuntas electorais e das mesas electorais, superando con isto as dificultades expostas neste trámite electoral en procedementos anteriores.

Todas estas modificacións requiren dun maior fortalecemento e participación da propia cámara, xa previsto na propia Lei 5/2004, co fin de que leven a cabo as medidas garantes da transparencia e a legalidade do proceso electoral.

Para rematar, o regulamento aborda as cuestións referentes á constitución e elección dos órganos de goberno do Consello Galego de Cámaras.

No procedemento de elaboración deste decreto foron consultadas as cámaras oficiais de comercio, industria e navegación de Galicia, o Consello Galego das Cámaras e as organizacións empresariais intersectoriais e territoriais máis representativas.

Na súa virtude, en exercicio das atribucións conferidas polo artigo 34.5º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, por proposta da persoa titular da Consellería de Economía e Industria, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezanove de novembro de dous mil nove,

DISPOÑO:

Artigo único.-Aprobación do regulamento.

Apróbase o Regulamento de réxime electoral das cámaras oficiais de comercio, industria e navegación da Comunidade Autónoma de Galicia, cuxo texto se incorpora como anexo a este decreto.

Disposición transitoria

Única.-Aplicación do regulamento ao proceso electoral vixente.

O Regulamento de réxime electoral das cámaras oficiais de comercio, industria e navegación da Comunidade Autónoma de Galicia, que se aproba mediante este decreto, aplicarase ao proceso electoral aberto para a renovación dos plenos das referidas corporacións pola orde do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio do 22 de xullo de 2009.

Disposición derrogatoria

Cando entre en vigor deste decreto quedará derrogado o Decreto 116/1997, do 14 de maio, polo que se regula o réxime electoral das cámaras de comercio, industria e navegación da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Adaptación dos regulamentos de réxime interior de cada cámara e do Consello Galego de Cámaras.

As cámaras oficiais de comercio, industria e navegación de Galicia e mais o Consello Galego de Cámaras adaptarán os seus regulamentos de réxime interior ás disposicións do regulamento que se aproba por este decreto, e presentaranos para a súa aprobación á dirección xeral competente en materia de comercio, no prazo de seis meses contados a partir da súa entrada en vigor.

Segunda.-Habilitación para o desenvolvemento do regulamento.

Facúltase a persoa titular da consellería competente en materia de comercio para ditar as normas necesarias para a execución, desenvolvemento e aplicación do regulamento que se aproba por este decreto.

Terceira.-Entrada en vigor.

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezanove de novembro de dous mil nove.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Javier Guerra Fernández

Conselleiro de Economía e Industria

ANEXO

Regulamento de réxime electoral das cámaras oficiais

de comercio, industria e navegación da Comunidade Autónoma de Galicia

Título I

Procedemento electoral

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Réxime xurídico.

1. O sistema electoral das cámaras oficiais de comercio, industria e navegación de Galicia rexerase polo previsto na Lei 3/1993, do 22 de marzo, básica das cámaras oficiais de comercio, industria e navegación (no sucesivo, a lei básica), na Lei 5/2004, do 8 de xullo, de cámaras oficiais de comercio, industria e navegación de Galicia (en diante, a lei), neste regulamento e nas súas normas de desenvolvemento.

2. A lexislación reguladora do réxime electoral xeral aplicarase con carácter supletorio.

Artigo 2º.-Suxeitos do dereito de sufraxio.

1. Teñen dereito de sufraxio activo e pasivo nas respectivas cámaras as persoas físicas e xurídicas que, inscritas no último censo electoral aprobado pola corporación, non se atopen inhabilitadas por incorrer nalgún dos supostos determinantes de incapacidade e inelixibilidade establecidos na lexislación electoral xeral.

Para ser elector ou electora en nome propio ou en representación de persoas xurídicas, requirirase a idade e capacidade fixadas na vixente lexislación electoral xeral.

2. As persoas estranxeiras deberán atoparse en situación de residencia de conformidade co previsto na Lei orgánica 4/2000, do 11 de xaneiro, sobre dereitos e liberdades dos estranxeiros no Estado español e a súa integración social, así como na súa normativa de desenvolvemento.

3. Enténdese por último censo electoral aprobado pola corporación o resultante despois da incorporación das modificacións producidas como consecuencia das reclamacións derivadas da exposición pública do censo, unha vez que adquirisen firmeza na vía administrativa.

Artigo 3º.-Demarcación e grupo ou categoría en que se exercerá o dereito electoral.

1. As persoas físicas ou xurídicas que conten con establecementos, delegacións ou axencias en circunscricións correspondentes á demarcación de varias cámaras ou que teñan o seu domicilio social na demarcación dunha cámara e desenvolvan a súa actividade na doutra ou outras, terán dereito de sufraxio activo e pasivo en cada unha delas.

2. As persoas físicas ou xurídicas que realicen actividades correspondentes a diversos grupos ou diversas categorías do mesmo grupo do censo da cámara poderán exercer o dereito de sufraxio activo e pasivo en cada un/unha deles/as. As persoas xurídicas exercerán este dereito por medio da súa representación. No caso de que resulten elixidas en máis dun grupo ou dunha categoría, deberán renunciar aos postos de membros do pleno que excedan un, nos tres días seguintes á data en que a xunta electoral verifique o resultado final das votacións. Para estes efectos, a secretaría da cámara correspondente efectuará os oportunos requirimentos coa advertencia das consecuencias que ten a falta dun pronuciamento expreso ao respecto.

En defecto do anterior, a renuncia terase por efectuada no(s) grupo(s) ou na(s) categoría(s) en que se acredite menor antigüidade ou, se esta fose igual, en que se satisfaga unha cota menor.

A seguinte persoa candidata máis votada será considerada automaticamente electa no grupo ou na categoría obxecto de renuncia.

Artigo 4º.-Censo electoral.

1. O censo electoral de cada cámara comprende a totalidade do seu electorado, clasificado por grupos e, se é o caso, por categorías de epígrafes homoxéneas de acordo cos criterios extraídos do imposto de actividades económicas ou do tributo que o substitúa, atendendo á importancia económica relativa dos diversos sectores representados, na forma que determine a consellería competente en materia de comercio.

2. A revisión do censo electoral será anual e realizaraa o comité executivo con referencia ao 1 de xaneiro de cada ano.

3. A representación de cada grupo e categoría no pleno da cámara reflectirá o número do seu electorado e mais a importancia relativa de cada sector comercial, industrial ou navieiro na economía da demarcación cameral. En función disto, a consellería competente en materia de comercio determinará, mediante orde, os criterios da representación e mais a forma de confeccionar o censo electoral.

4. A consellería competente en materia de comercio poderá revisar os criterios mencionados no punto anterior cada catro anos ou cando a importancia relativa e a evolución dos diferentes sectores varíe na economía da demarcación cameral, coa finalidade de manter un axuste permanente do peso específico de cada sector na economía da devandita demarcación.

Así mesmo, se a cámara considera que a clasificación establecida e mais o número de representacións asignadas non responden ás circunstancias que aconsellan a súa estrutura, formará o oportuno expediente para modificala, antes do proceso electoral. O expediente, xunto co acordo do pleno da corporación, remitirase á administración tutelante para a súa aprobación, se procede.

5. Para os efectos electorais e coas garantías derivadas do réxime legal de protección de datos persoais, a administración tutelante poderá solicitar que os órganos de goberno das cámaras lle faciliten a información necesaria contida no censo electoral.

Capítulo II

Dereito de sufraxio

Sección primeira

Dereito de sufraxio activo

Artigo 5º.-Electores e electoras.

1. Segundo o disposto no artigo 6 da lei básica, teñen a condición de electores e electoras nas respectivas cámaras oficiais de comercio, industria e navegación as persoas físicas ou xurídicas, nacionais ou estranxeiras, que realicen actividades comerciais, industriais ou navieiras en territorio galego e que figuren inscritas no último censo aprobado pola corporación, de acordo co seu respectivo regulamento de réxime interior.

2. Están incluídas no punto anterior as actividades exercidas por conta propia, en comisión ou axencia, no sector extractivo, industrial, da construción, comercial, dos servizos, singularmente hostalaría, transporte, comunicacións, aforro, financeiros, seguros, alugueres, espectáculos, xogos, actividades artísticas, así como os relativos a xestoría, intermediación, representación ou consignación no comercio, taxacións e liquidacións de todas as clases, e mais os correspondentes a axencias inmobiliarias, da propiedade industrial, de valores negociables, de seguros e de créditos.

3. En todo caso, quedan excluídas as actividades agrícolas, gandeiras e pesqueiras de carácter primario e mais os servizos de axentes e corredores de seguros que sexan persoas físicas, así como os correspondentes a profesións liberais non incluídas expresamente no punto anterior.

4. Enténdese que unha persoa física ou xurídica exerce unha actividade comercial, industrial ou navieira cando por esta razón quede suxeita ao imposto de actividades económicas ou tributo que o substitúa.

5. Calquera persoa que forme parte do electorado poderá elevar consulta ou ser informada dos extremos que afectan o procedemento electoral na sede da correspondente cámara de comercio.

Artigo 6º.-Exercicio do dereito de sufraxio activo polo empresariado individual.

1. Os empresarios e as empresarias individuais exercerán o seu dereito electoral activo persoalmente.

2. As persoas menores e as incapacitadas exercerán o seu dereito electoral activo por medio das persoas que teñan atribuída a súa representación para o exercicio da actividade empresarial.

Artigo 7º.-Exercicio do dereito de sufraxio activo polas persoas xurídicas.

1. As persoas xurídicas exercerán o seu dereito de sufraxio activo mediante persoa física representante ou con poder suficiente. A persoa representante deberá ter, para tal efecto, unha relación laboral de carácter indefinido coa súa representada ou desempeñar funcións de representación ordinaria dela.

2. Enténdese por poder suficiente, para os efectos do previsto no punto anterior, un poder especial que faculte a representación da persoa xurídica para emitir o voto ou un poder que faculte para comparecer ante calquera administración pública, formalizados en escritura pública.

3. As herdanzas xacentes, comunidades de bens e demais entidades que, carentes de personalidade xurídica, constitúan unha unidade económica ou un patrimonio separado susceptibles de imposición, exercerán o seu dereito electoral activo mediante a persoa que acredite a súa representación co documento orixinal.

4. Cando a representación das persoas xurídicas ou das entidades sen personalidade xurídica mencionadas no punto anterior sexa detentada de forma solidaria por máis dunha persoa, só poderá exercer o dereito a primeira que se presente no colexio electoral. Se a representación é mancomunada deberana exercer todas as persoas representantes conxuntamente, na forma que determinen os estatutos sociais.

Artigo 8º.-Tarxeta censual.

1. As persoas xurídicas electoras poderán solicitar que a secretaría da cámara expida unha tarxeta censual ás persoas con poder suficiente que poderá ser utilizada á hora de exercer o dereito ao voto e no resto de trámites de acreditación do proceso electoral. A tarxeta censual axustarase a un modelo normalizado.

2. A secretaría da cámara correspondente, logo de examinar a solicitude e atopala conforme, expedirá unha tarxeta censual que se entregará persoalmente á/ao solicitante dela.

3. Contra a denegación da solicitude de expedición da tarxeta censual poderase formular reclamación ante a xunta electoral no prazo de dous días, que se resolverá nos dous días seguintes.

4. A secretaría da cámara deberá comunicar á xunta electoral respectiva a relación das tarxetas censuais emitidas.

Artigo 9º.-Solicitude da tarxeta censual.

1. A solicitude de tarxeta censual, en modelos normalizados facilitados pola cámara respectiva e accesibles desde a súa páxina web, debe formularse por escrito desde a publicación da convocatoria ata dez días antes da data da celebración das eleccións.

2. A solicitude formularase persoalmente ante a secretaría da cámara ou ben por correo certificado.

3. Se a solicitude a formula persoalmente o/a representante do/a elector/a, a persoa interesada exhibirá o seu DNI ou pasaporte, en documento orixinal e vixente, coa finalidade de comprobar a súa sinatura. Non se admitirá, en ningún caso, a presentación dunha fotocopia dos ditos documentos.

4. Se a solicitude se formula por correo, a autenticidade da sinatura acreditarase mediante fedatario público, recoñecemento bancario ou certificación da secretaría da cámara. A solicitude sen sinatura autenticada ou recoñecida terase por non formulada.

5. Na solicitude de tarxeta censual deberase facer constar o(s) grupo(s) e/ou categoría(s) en que o/a solicitante é elector/a, a razón ou denominación social, o domicilio e o NIF da persoa xurídica, o nome e apelidos, o número do DNI ou pasaporte e o cargo da persoa representante dela que asina a solicitude.

Coa solicitude xuntarase o nomeamento como representante legal ou poder suficiente, de acordo co previsto no artigo 7.2º. Neste caso admitirase copia auténtica da escritura pública correspondente ou nota simple informativa do rexistro mercantil, sempre que permitan a comprobación da suficiencia das facultades de representación.

Sección segunda

Dereito de sufraxio pasivo

Artigo 10º.-Requisitos para ser elixible.

1. En cada cámara elixirase mediante sufraxio libre, igual, directo e secreto, entre todas as persoas electoras dela, clasificadas en grupos e categorías, un número de vogais determinado polo regulamento de réxime interior, que non será inferior a dez nin superior a sesenta.

2. As persoas que formen parte das candidaturas aos órganos de goberno de cada cámara deberán, na data en que finalice o prazo de presentación de candidaturas, cumprir os requisitos necesarios para seren electoras e os seguintes:

a) Ter a nacionalidade española ou dun Estado membro da Unión Europea, a dun Estado parte no Acordo sobre o Espazo Económico Europeo, ou a dun Estado a cuxas/os nacionais se estenda o réxime xurídico previsto para a cidadanía dos anteriormente citados, en virtude do correspondente acordo ou tratado internacional.

b) Levar como mínimo dous anos no exercicio da actividade empresarial nos devanditos territorios. Esta circunstancia acreditarase mediante a alta no imposto de actividades económicas correspondente ou, se é o caso, acreditación equivalente para o exercicio da actividade, no suposto de países da Unión Europea.

c) Estar incluído no censo electoral dentro do grupo e categoría por representación da cal se opta.

d) Estar ao día no pagamento do recurso cameral permanente ou, se é o caso, ter acreditada a presentación dun recurso contra a resolución correspondente ou a concesión dunha moratoria ou dun adiamento de pagamento.

e) Non ser empregado/a da cámara nin estar participando en obras ou concursos que aquela convoque, no momento de presentarse a candidatura ou de realizárense as eleccións.

f) Non atoparse inhabilitadas por incapacidade, inelexibilidade ou incompatibilidade de acordo coa normativa electoral vixente, nin estar incursas nun proceso concursal cualificado de culpable ou cumprindo unha pena privativa de liberdade.

3. As empresas estranxeiras de países non pertencentes á Unión Europea que conten con establecementos, delegacións ou axencias na Comunidade Autónoma de Galicia, poden ser elixidas se cumpren os requisitos establecidos no punto anterior, atendendo o principio de reciprocidade internacional. Neste suposto, as empresas interesadas deberán presentar documentación que acredite, de xeito que faga fe, o cumprimento do requisito de reciprocidade internacional.

Capítulo III

Apertura do proceso electoral e exposición do censo

Artigo 11º.-Apertura do proceso electoral.

De acordo co establecido no artigo 8.1º da lei básica, o órgano da Administración xeral do Estado competente en materia de comercio determinará a apertura do proceso electoral.

Artigo 12º.-Exposición do censo.

Dez días despois da apertura do proceso electoral, as cámaras deberán expoñer os seus censos electorais ao público no seu domicilio corporativo, nas súas delegacións e naqueloutros lugares que consideren oportunos para a súa maior publicidade, durante o prazo de vinte días naturais. As cámaras facilitarán os medios para que as persoas electoras poidan consultar os seus datos censais a través da internet.

Así mesmo, as cámaras remitirán unha copia certificada do censo electoral ao correspondente departamento territorial da consellería competente en materia de comercio para a súa exposición ao público durante o devandito prazo.

Artigo 13º.-Publicidade institucional.

1. As cámaras poderán realizar publicidade institucional para incentivar a presentación de candidaturas e a participación das persoas electoras durante todo o período electoral.

2. A publicidade referida á participación das persoas electoras poderá realizarse ata as cero horas do día inmediatamente anterior ao da votación e terá en conta o obxectivo da igualdade por razón de xénero.

3. As cámaras terán en conta o cumprimento do principio de non-discriminación por razón de sexo nas campañas de información e divulgación que leven a cabo con relación ao proceso electoral.

4. As cámaras poderán organizar xornadas informativas sobre as eleccións ata o momento en que dea comezo a campaña electoral.

Artigo 14º.-Reclamacións.

1. As reclamacións sobre a inclusión ou exclusión das persoas ou empresas interesadas nos grupos e categorías correspondentes poderán presentarse no rexistro da cámara desde o momento no que se inicie a exposición dos censos ao público ata dez días despois do vencemento do prazo sinalado para a dita exposición.

2. O comité executivo deberá resolver as reclamacións formuladas nun prazo de dez días, contados a partir da data do vencemento do período aberto para a súa presentación.

3. As persoas interesadas poderán interpoñer recurso de alzada ante o órgano tutelar contra os acordos do comité executivo, nos termos previstos na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4. O prazo máximo para ditar e notificar a resolución do recurso de alzada será de 15 días. Transcorrido este prazo sen que se notifique a resolución á persoa interesada, esta deberá entender desestimado o seu recurso.

A resolución, expresa ou presunta, do devandito recurso esgotará a vía administrativa.

5. A presentación do recurso de alzada e a do eventual recurso contencioso-administrativo non suporá a suspensión do proceso electoral, agás que a administración tutelante considere, vistas as circunstancias do caso, que a non suspensión del poida supoñer un grave risco para o proceso.

6. As cámaras enviarán un exemplar dos censos electorais ao órgano tutelar, para o seu depósito, no prazo máximo de 10 días contados desde a data do vencemento do período de presentación de reclamacións, se non se presentaron, ou desde a data máxima de resolución polo comité executivo das presentadas.

Capítulo IV

Convocatoria

Artigo 15º.-Convocatoria das eleccións.

1. Transcorridos os prazos establecidos no artigo anterior, a administración tutelante procederá a convocar as eleccións, logo da consulta ás cámaras.

2. Na orde de convocatoria farase constar:

a) O prazo para a presentación das candidaturas das persoas electoras.

b) O prazo para a presentación das candidaturas das organizacións empresariais.

c) Os días e o horario en que cada grupo e categoría debe votar as súas persoas representantes.

d) Os días e o horario das votacións para elixir membros dos plenos por proposta das organizacións empresariais.

e) O número de colexios electorais e os lugares onde se instalan.

f) Os prazos para o exercicio do voto por correo.

g) O ámbito territorial e as sedes das xuntas electorais.

h) O prazo dentro do cal as cámaras deben enviar á xunta electoral correspondente, a lista de persoas electoras que deben ser designadas presidentes/as ou vogais das mesas electorais.

3. Así mesmo, a orde de convocatoria conterá os modelos normalizados de solicitude de voto por correo, sobres e papeletas de votación, e todos aqueles modelos que se consideren necesarios para lograr unha maior normalización do procedemento electoral.

4. Todos os modelos de documentos normalizados deberán estar dispoñibles na internet, de maneira destacada na páxina principal de cada cámara, coa finalidade de que poidan ser descargados facilmente polas persoas electoras e candidatas.

5. As eleccións de cada grupo e categoría celebraranse nun só día e, cando se establezan varios colexios, simultaneamente en todos eles.

Artigo 16º.-Publicidade da convocatoria.

1. A orde de convocatoria publicarase no Diario Oficial de Galicia con corenta días de antelación, como mínimo, á data das eleccións.

2. As cámaras darán publicidade da convocatoria de eleccións nos seus domicilios corporativos, delegacións e, polo menos, en dous dos diarios de maior circulación dentro do seu ámbito territorial, sen prexuízo da súa maior difusión a través doutros medios de comunicación que consideren oportunos. A devandita publicidade indicará o horario de apertura das súas dependencias durante o período electoral, que será adecuado para garantir e fomentar a máxima participación.

Capítulo V

Xuntas electorais

Artigo 17º.-As xuntas electorais.

1. As xuntas electorais, a razón dunha por cada cámara, teñen por finalidade garantir a transparencia e mais a obxectividade do proceso electoral.

2. As xuntas electorais terán as súas sedes nos domicilios sociais das correspondentes cámaras, que lles proporcionarán os medios materiais e persoais precisos para o desenvolvemento do seu traballo.

3. En todo caso, as xuntas electorais contarán co asesoramento das persoas titulares das secretarías das cámaras e poderán pedir a asistencia técnica do persoal ao servizo das devanditas corporacións públicas.

Artigo 18º.-Composición das xuntas electorais.

1. As xuntas electorais estarán compostas por tres persoas representantes do electorado das cámaras, que actuarán como vogais, e dúas persoas designadas polo órgano tutelar, unha das cales exercerá a presidencia e a outra terá a calidade de suplente desta.

2. O/a presidente/a designará, ademais, a persoa titular da secretaría da xunta electoral entre o funcionariado do órgano tutelar ou do persoal da camara respectiva. O/a secretario/a participará con voz pero sen voto nas deliberacións e custodiará a documentación correspondente ás reunións da xunta electoral.

3. As persoas representantes do electorado das cámaras na xunta electoral serán elixidas, mediante sorteo, a razón dunha titular e dúas suplentes por cada grupo, de entre unha relación de electores/as proposta polo pleno da cámara respectiva.

O sorteo realizarase en acto público presidido por unha persoa representante do órgano tutelar dentro dos tres días seguintes ao da publicación da convocatoria.

En ningún caso poderán formar parte da xunta as persoas electoras que presenten candidaturas para seren membros do pleno. A presentación dunha candidatura determinará, automaticamente, a renuncia á condición de membro da xunta electoral correspondente, caso en que accederán a esa condición, pola súa orde, as persoas suplentes.

No caso de que as representacións do electorado propostas polo pleno da cámara para formaren parte da xunta electoral sexan persoas xurídicas, estas deberán estar representadas por persoa física con poder suficiente de acordo co previsto no artigo 7º.2.

4. A composición das xuntas electorais tenderá a acadar unha participación equilibrada de mulleres e homes.

Artigo 19º.-Constitución das xuntas electorais.

1. As xuntas electorais constituiranse no prazo dos seis días seguintes á publicación da convocatoria.

2. Unha vez obtida a relación de persoas representantes do electorado, quen represente a administración tutelante, en colaboración coa secretaría da cámara correspondente, notificará a súa designación ás elixidas e convocaraas para a constitución da xunta electoral.

Se non asisten ao acto de constitución da xunta electoral ningunha das persoas elixidas como titulares ou das súas representacións, de ser o caso, e ningunha das súas dúas suplentes, designarase como titular as suplentes das outras titulares, de acordo coa orde establecida no sorteo previo. Se aínda así non fose posible constituír a xunta electoral, por ausencia dalgún ou da totalidade dos seus membros, procederase a realizar un novo sorteo de entre o resto do electorado incluído na relación proposta polo respectivo pleno. En primeiro lugar, procederase a extraer a representación titular e, en segundo lugar, a suplente. Unha vez obtida a nova relación, notificarase a súa designación ás persoas elixidas na forma indicada no parágrafo anterior.

3. O acto de constitución da xunta electoral estará presidido por unha persoa en representación da administración tutelante que estará asistida por unha funcionaria ou un funcionario dela e contará coa colaboración e asesoramento da secretaría da cámara correspondente.

Previamente á constitución verificarase a identidade das persoas que detenten a representación proposta. Para tal fin, requirirase a documentación acreditativa da súa identidade e, no caso de persoa xurídica, a suficiencia e vixencia do poder de representación outorgado para o efecto.

Artigo 20º.-Funcionamento.

1. As sesións das xuntas electorais son convocadas pola súa respectiva presidencia ou, en calidade de suplente, pola outra persoa representante designada polo órgano tutelar cando a primeira non poida actuar por causa xustificada.

2. Para que teñan validez as reunións requírese a asistencia, como mínimo, de tres membros con dereito a voto, un dos cales debe ser a representación do órgano tutelar que exerce a presidencia ou o/a seu/súa suplente.

3. As citacións fanse por calquera medio que permita ter constancia da recepción. A asistencia é obrigatoria, fóra de causa xustificada.

4. A xunta electoral tamén se entende convocada e validamente constituída cando se atopen presentes todos os membros e acepten por unanimidade a realización da sesión.

5. Os acordos adóptanse por maioría de votos dos membros presentes e, en caso de empate, o voto da presidencia ten carácter dirimente.

Artigo 21º.-Funcións.

As xuntas electorais teñen as seguintes funcións:

a) Comprobar o cumprimento dos requisitos exixidos para a presentación de candidaturas e resolver as alegacións e reclamacións presentadas.

b) Proclamar as persoas candidatas.

c) Elixir, mediante sorteo, as persoas candidatas que faltan cando o número das que se presenten sexa inferior ao de membros que se van elixir.

d) Resolver as reclamacións contra a denegación de peticións de voto por correo.

e) Custodiar os votos recibidos por correo.

f) Resolver, por proposta do comité executivo da cámara, o número de mesas electorais que se constitúan dentro de cada colexio e designar, mediante sorteo, as persoas electoras que deben formar as mesas electorais e as súas suplencias.

g) Resolver as alegacións das persoas electoras designadas para formar parte das mesas.

h) Resolver en alzada as reclamacións que se formulen ante as mesas electorais.

i) Verificar o resultado das eleccións.

j) Declarar as persoas candidatas elixidas.

Artigo 22º.-Impugnación dos acordos das xuntas electorais.

Contra os acordos das xuntas electorais as persoas interesadas poderán interpoñer recurso de alzada ante a persoa titular do órgano tutelar, nos termos previstos na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. O órgano tutelar solicitará en todo caso o informe da comisión de seguimento do proceso electoral prevista no capítulo XI deste título, tal e como establece o artigo 33º.6 da lei.

Artigo 23º.-Mandato das xuntas electorais.

O mandato das xuntas electorais prolongarase ata os quince días seguintes ao da realización das eleccións, unha vez constituídos os plenos das cámaras que teñan adscritas.

Capítulo VI

Presentación de candidaturas e proclamación das persoas candidatas

Sección primeira

Candidaturas elixibles por sufraxio do electorado

Artigo 24º.-Presentación de candidaturas.

1. As candidaturas presentaranse por escrito no rexistro da cámara respectiva durante os quince días seguintes á data de publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia. O prazo rematará ás 24 horas do décimo quinto día, contado desde a devandita data.

2. As persoas candidatas deben facer constar nas candidaturas presentadas:

a) A identificación da persoa candidata.

Se se trata dunha persoa física, o seu nome e apelidos, o seu domicilio e, de ser o caso, o que sinale para os efectos de notificacións, e o número do DNI ou pasaporte.

Se se trata dunha persoa xurídica, a denominación social, o seu domicilio e, de ser o caso, o que sinale para os efectos de notificacións, o número de identificación fiscal, o nome e apelidos e número do DNI ou pasaporte da persoa física que asina na súa representación, así como o cargo ou poder en virtude do cal ten facultades para representala ante terceiros.

b) O grupo e, de ser o caso, a categoría á que presenta a súa candidatura.

c) A declaración do feito de que a persoa candidata cumpre o requisito de elixibilidade do artigo 10º.

d) A sinatura do/a candidato/a ou da súa representación, en caso de persoa xurídica, autenticada mediante fedatario público, recoñecemento bancario ou certificación da secretaría da cámara, con data posterior ao comezo do proceso electoral.

3. Cada candidatura debe estar apoiada por persoas electoras que supoñan, como mínimo, o 4% do número total do electorado do grupo ou categoría correspondente. Se o número de persoas electoras do grupo ou categoría fose superior a douscentos, será suficiente coa sinatura de dez para a presentación da candidatura. O escrito de apoio da propia persoa candidata non será tido en conta para estes efectos.

4. As persoas físicas candidatas que opten por ser elixibles por sufraxio do electorado, non poderán figurar nas listas a que se refire o artigo 29º.

5. As candidaturas de persoas xurídicas que acheguen á cámara a documentación a que fai referencia o artigo seguinte poderán solicitar a tarxeta censual sen necesidade de achegar a documentación prevista no artigo 9º.

Artigo 25º.-Documentación que debe presentarse coas candidaturas.

1. Con cada candidatura achegarase a documentación seguinte:

a) Certificación da secretaría da cámara en que conste que a persoa candidata reúne os requisitos de elixibilidade do artigo 10º.

b) Fotocopia do DNI ou pasaporte vixente do candidato ou da candidata ou, no caso das persoas xurídicas, da súa representación.

c) No caso das persoas xurídicas, a tarxeta censual a que se refire o artigo 8º ou ben copia simple da escritura pública ou certificado do Rexistro mercantil do nomeamento da persoa física que asina na súa representación como represente legal dela ou o poder suficiente nos termos que establece o artigo 7º.2, ou fotocopia destes documentos concordada por fedatario público ou pola secretaría da cámara respectiva.

d) A acreditación documental da concorrencia do requisito de reciprocidade, se se trata dunha persoa candidata dun país que non pertenza á Unión Europea.

e) Os escritos de apoio á candidatura.

2. Nos escritos de apoio ás candidaturas debe constar:

a) Se se trata dunha persoa física, o seu nome e apelidos, o domicilio, o número do DNI ou pasaporte e, de ser o caso, o nome que utiliza para exercer a actividade económica.

b) Se se trata dunha persoa xurídica, a denominación social, o enderezo, o número de identificación fiscal e o nome e apelidos e número de DNI ou pasaporte da persoa física que asina na súa representación.

En ambos os casos, achegarase fotocopia do DNI ou pasaporte vixente do elector ou da electora que apoia a candidatura ou da súa representación no suposto de persoas xurídicas. A autenticidade da sinatura do escrito de apoio acreditarase mediante fedatario público, recoñecemento bancario ou certificación da persoa titular da secretaría da cámara, con data posterior ao comezo do proceso electoral.

Artigo 26º.-Exposición e alegacións.

1. Finalizado o prazo de presentación das candidaturas, estas e a súa documentación anexa permanecerán expostas na secretaría da cámara correspondente durante os dous días seguintes. As persoas candidatas ou as súas representacións poderán examinalas durante ese prazo e presentar por escrito, na propia secretaría da cámara, as alegacións pertinentes, antes das 14.00 horas do segundo día posterior a aquel en que remate a exposición pública.

2. Darase vista ás persoas candidatas das alegacións formuladas e das irregularidades advertidas para que, antes das 14.00 horas do segundo día seguinte a aquel en que remate o prazo de presentación de alegacións, manifesten o que consideren conveniente e emenden ou corrixen os defectos emendables ou subsanables.

En ningún caso serán emendables ou corrixibles os requisitos dos escritos de apoio sinalados no número 3 do precepto anterior nin a presentación de candidaturas cun número deles inferior ao exixido no artigo 24.3º, polo que tampouco será posible substituír ningún.

3. O primeiro día hábil seguinte a aquel en que remate o prazo establecido no punto anterior, a persoa titular da secretaría da cámara entregará á xunta electoral as candidaturas presentadas coa documentación anexa e, se procede, as alegacións formuladas. A secretaría da xunta electoral expedirá o correspondente aviso de recepción.

4. A xunta electoral examinará as candidaturas presentadas e resolverá as alegacións formuladas.

Artigo 27º.-Proclamación de persoas candidatas.

1. A xunta electoral procederá á proclamación das persoas candidatas no prazo dos oito días seguintes á recepción das candidaturas presentadas.

2. No caso de que o número de persoas candidatas proclamadas fose inferior ao de membros que hai que elixir, a xunta electoral proclamará as novas candidatas no número que faga falta, nos oito días seguintes a aquel en que remate o prazo establecido no punto anterior. A designación das novas persoas candidatas efectuarase mediante sorteo entre o electorado do grupo e, de ser o caso, categoría de que se trate.

Para ese efecto, as cámaras facilitarán ás xuntas electorais ás cales estean adscritas os censos electorais respectivos, referidos aos mencionados grupos e, se é o caso, categorías.

A xunta electoral designará por sorteo catro persoas electoras para cada candidatura que se vaia cubrir co obxecto de efectuar as substitucións correspondentes se a designada en primeiro lugar non acepta ser candidata ou non reúne os requisitos de elixibilidade do artigo 10º.

A xunta electoral enviará as correspondentes notificacións ás persoas electoras designadas por sorteo, para que, no prazo dun día, manifesten a súa aceptación a ser candidatas. Rexeitada a candidatura ou esgotado o mencionado prazo sen ningunha manifestación ao respecto, realizarase a notificación á seguinte persoa designada por sorteo, e así sucesivamente.

3. Se efectuadas as notificacións das designacións subseguintes a xunta electoral non puidese prover algunha candidatura pola non aceptación de ningunha das persoas electoras designadas por sorteo, o grupo e, de ser o caso, categoría de que se trate quedará sen representación no pleno da cámara respectivo, con respecto á candidatura que non foi posible cubrir. Unha vez constituído o novo pleno, este declarará a vacante e proverase de acordo co disposto nos artigos 60º e 61º.

4. A xunta electoral procederá á proclamación das persoas candidatas designadas por sorteo que acepten selo.

5. A xunta electoral reflectirá nunha acta a proclamación das persoas candidatas así como as incidencias producidas e enviará unha copia certificada dela, antes de tres días, ao órgano tutelar e á cámara correspondente. Tamén lle dará publicidade mediante anuncio fixado na sede da cámara respectiva e, polo menos, nun dos diarios de máis circulación da súa demarcación.

Sección segunda

Candidaturas elixibles por proposta das organizacións empresariais

Artigo 28º.-Representatividade das organizacións empresariais.

1. As organizacións empresariais á vez intersectoriais e territoriais máis representativas poden propoñer candidaturas aos cargos de membros do pleno da cámara correspondente a que fai referencia o artigo 14.1º.b) da lei. Para estes efectos, entenderase que gozan desa condición as organizacións empresariais integradas en federacións ou confederacións que, de conformidade coa lexislación laboral, teñan o carácter de máis representativa no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Poden presentar candidaturas as organizacións empresariais intersectoriais, implantadas no ámbito territorial de cada cámara, afiliadas, federadas ou confederadas ás organizacións empresariais máis representativas sempre que estas non presenten candidatura e, polo tanto, as substitúan no exercicio dos seus dereitos. Neste caso, deberá presentarse a súa conformidade coa cesión dos dereitos electorais da organización empresarial a que están adscritas.

3. Co obxectivo de perseguer a paridade de xénero, na representatividade das organizacións empresariais impulsarase e fomentarase a participación das mulleres.

Artigo 29º.-Listas de candidaturas.

1. No prazo dos quince días seguintes á data de publicación da convocatoria de eleccións, as organizacións empresariais máis representativas, segundo os criterios definidos no artigo anterior, presentarán ante a xunta electoral correspondente a lista das súas candidaturas. Esta lista poderá ser presentada de forma individual, ou ben conxuntamente entre dúas ou máis organizacións empresariais. A non presentación da lista de candidaturas dentro do devandito prazo comportará a perda do dereito a participar no proceso electoral por parte da organización empresarial correspondente.

2. A denominación, as siglas e o símbolo da organización empresarial propoñente deberá figurar con claridade na lista de candidaturas, que conterá un número de candidatos ou candidatas que supere nun terzo o número de vogalías que hai que cubrir.

3. As persoas elixibles como membros do pleno por proposta das organizacións empresariais antes mencionadas, deben ser persoas de recoñecido prestixio na vida económica dentro da demarcación territorial de cada cámara. No suposto de que a persoa candidata estea inscrita no censo da cámara, deberá reunir os requisitos establecidos no artigo 10º.

4. Ningunha persoa candidata pode figurar proposta en máis dunha lista.

5. As listas que se presenten á xunta electoral deben ser previamente certificadas pola persona titular da secretaría das organizacións correspondentes, co visto e prace da súa presidencia. Ambas as sinaturas deben ser autenticadas mediante fedatario público ou pola secretaría da xunta electoral, con data posterior ao inicio do proceso electoral.

6. As listas de candidatos ou candidatas propostas polas organizacións que non cumpran os requisitos establecidos nos números 2, 3, 4 e 5 deste artigo, serán declaradas nulas e isto comportará a súa exclusión do proceso electoral.

A declaración de nulidade realizarase se non se emendan os requisitos incumpridos.

Artigo 30º.-Documentación que se debe presentar coa lista de candidatos ou candidatas.

Xunto coa lista de candidatos ou candidatas, as organizacións empresariais deben presentar a documentación seguinte:

a) Documentos que xustifiquen a súa representatividade para participar no proceso electoral de acordo co disposto no artigo 28º.

b) Nome e apelidos, domicilio, número do DNI ou pasaporte e motivación que xustifique o prestixio na vida económica da demarcación das persoas candidatas propostas.

c) Escrito de cada unha das persoas candidatas propostas manifestando a súa vontade de aceptar a candidatura, declarando que non aceptaron ningunha outra e sinalando o seu domicilio para os efectos de notificación.

d) Fotocopia do DNI ou pasaporte vixente da persoa candidata.

Artigo 31º.-Exposición e alegacións.

1. Finalizado o prazo de presentación das candidaturas, estas e a súa documentación anexa permanecerán expostas na secretaría da cámara correspondente durante os dous días seguintes. As persoas candidatas ou as organizacións empresariais que propuxeron candidaturas poderán examinalas durante ese prazo e presentar por escrito, na propia secretaría da cámara, as alegacións pertinentes, antes das 14.00 horas do segundo día posterior a aquel en que remate a exposición pública.

2. Oiranse persoas candidatas e ás organizacións empresariais que propuxeron candidaturas das alegacións formuladas e das irregularidades advertidas para que, antes das 14.00 horas do segundo día seguinte a aquel en que remate a presentación de alegacións, manifesten o que consideren conveniente e emenden ou corrixan os defectos emendables ou corrixibles.

3. A xunta electoral examinará as candidaturas presentadas e resolverá as alegacións formuladas.

Artigo 32º.-Proclamación das persoas candidatas.

1. A xunta electoral procederá á proclamación das persoas candidatas, no prazo dos oito días seguintes ao remate do trámite de vista e manifestacións previsto no artigo anterior, en número que por cada lista supere nun terzo o de postos de vogalías que hai que cubrir. Non se poderán producir cambios nas candidaturas proclamadas pola xunta.

2. No caso de que a xunta electoral non acorde a proclamación de persoas candidatas dunha lista no número indicado no punto anterior ou advirta outras causas de inadmisibilidade, declarará esta lista nula e excluída do proceso electoral.

3. A xunta electoral reflectirá nunha acta a proclamación das persoas candidatas así como as incidencias producidas e enviará unha copia certificada dela, antes de tres días, ao órgano tutelar e á cámara correspondente. Tamén lle dará publicidade mediante anuncio fixado na sede da cámara respectiva.

4. De non poder proclamarse as persoas candidatas, poderá requirirse a presentación doutras listas de persoas candidatas elixibles por proposta das organizacións empresariais a que se refire o artigo 28º, cunha antelación mínima de cinco días á data da reunión constitutiva do pleno e a súa designación quedará diferida a esta reunión.

Capítulo VII

Campaña electoral

Artigo 33º.-Campaña electoral.

1. Enténdese por campaña electoral o conxunto de actividades lícitas levadas a cabo polas persoas candidatas para a captación libre de votos.

2. A campaña electoral comezará o día seguinte á proclamación das candidaturas polas xuntas electorais e rematará, en todo caso, ás cero horas do día inmediatamente anterior á votación.

Capítulo VIII

Voto por correo

Artigo 34º.-Emisión.

1. Nas eleccións das vogalías do pleno por sufraxio do electorado das cámaras, aquelas persoas que prevexan que na data da votación non poderán exercer o seu dereito persoalmente na mesa electoral correspondente, poden emitir o seu voto por correo, tendo en conta os requisitos e o procedemento que se establecen nos artigos seguintes.

2. A persoa electora que obtivese o certificado e a documentación de voto por correo e desexe votar persoalmente, pode facelo entregando os mencionados documentos á mesa electoral no caso de que non enviase o voto por correo. No caso contrario, pode votar persoalmente se entrega o documento en que conste a renuncia do voto enviado por correo. De non facelo así, non lle será recibido o voto presencial.

O documento de renuncia do voto por correo, en impreso normalizado facilitado pola cámara respectiva, será entregado á persoa electora ou á súa representación pola mesa electoral por solicitude dela. Este documento deberá ser formalizado e asinado persoalmente no momento da votación.

Artigo 35º.-Modelos normalizados de solicitude de voto por correo.

1. Os modelos normalizados de solicitude de voto por correo, autorizados pola administración tutelante, serán solicitados persoalmente e por escrito perante as cámaras e facilitados por estas de forma individualizada a cada persoa electora, logo da acreditación da súa identidade.

2. A acreditación da identidade realizarase mediante documento nacional de identidade, no caso de persoa física. Para estes efectos non se admitirá fotocopia.

No caso de persoa xurídica, o modelo normalizado de solicitude entregarase unicamente ao apoderado dela, logo da acreditación da súa condición de xeito que faga fe.

Artigo 36º.-Presentación da solicitude e datos que deben constar nela.

A solicitude debe facerse por escrito dentro dos vinte días seguintes ao da publicación da convocatoria de eleccións e presentarase na secretaría da cámara ou por correo certificado e urxente. Na solicitude farase constar:

a) No caso de persoas físicas, a identificación do/a elector/a achegando unha fotocopia do documento nacional de identidade do/a asinante ou, se é o caso, do pasaporte, permiso de conducir ou tarxeta de residencia.

No caso de que as persoas físicas carezan da nacionalidade española, deberán acreditar a súa identificación mediante o documento de identidade correspondente ou, na súa falta, o pasaporte e o seu cartón de identidade de estranxeiro. No caso de nacionais dun Estado membro da Unión Europea, dun Estado parte no Acordo sobre o Espazo Económico Europeo ou dun Estado a cuxos nacionais se estenda o réxime comunitario de estranxeiría, deberán presentar o seu certificado de inscrición no Rexistro Central de Estranxeiros.

No caso de remitirse a solicitude por correo, exixirase que a documentación que se utilice para acreditar a identidade da pesoa solicitante estea debidamente compulsada.

b) No caso de persoas xurídicas, o enderezo social, os datos persoais do/a representante nos termos do parágrafo a) e o cargo que desempeñe na sociedade ou a relación que o vincule con ela, o número de identificación fiscal da entidade e os documentos que acrediten a representación suficiente nos termos previstos no artigo 7.2º. Estes requisitos non son necesarios cando se dispoña e se exhiba a tarxeta censual.

c) O grupo e, se é o caso, as categorías en que se desexa votar. Se non constase, entenderase solicitado o exercicio do voto por correo para todos os grupos ou categorías en que figure inscrita a persoa electora.

Artigo 37º.-Anotación preventiva no censo e remisión da documentación á persoa solicitante.

1. A secretaría da cámara comprobará a inscrición no censo electoral, expedirá certificación acreditativa deste extremo e, logo da anotación no censo para que non lle sexa admitido o voto presencial, remitirá á persoa solicitante, antes de dez días da data da elección, a documentación que se indica no punto seguinte. A documentación será remitida por correo certificado e urxente ao enderezo indicado para ese efecto ou, na súa falta, ao que figure no censo.

Se non houbese que celebrar elección no grupo ou, se é o caso, na categoría correspondente, informarase a persoa solicitante desta circunstancia.

2. A documentación que se deberá enviar por correo certificado á persoa solicitante para cada grupo e categoría a que pertenza será:

a) Sobre dirixido á secretaría da xunta electoral no que debe constar a mesa electoral onde deba ser entregado.

b) Papeleta ou papeletas de votación para cada grupo e categoría en que teña dereito ao voto, en cuxo anverso deberá constar o grupo e a categoría correspondente.

c) Sobre para introducir cada unha das papeletas, no anverso do cal deberá constar o grupo e a categoría.

d) Certificación acreditativa da inscrición no censo electoral.

e) Lista de candidaturas proclamadas no grupo e na categoría correspondente.

f) Folla de instrucións na cal se lle indique á persoa votante o xeito de ordenar a documentación que debe remitir por correo certificado á secretaría da xunta electoral e á sede desta. A remisión desta documentación deberá realizarse coa antelación suficiente para que a xunta electoral a reciba antes das 12.00 horas do día anterior a aquel en que se celebren as eleccións, termo a partir do cal non se admitirán os votos por correo.

3. A recepción da documentación sinalada no punto anterior deberá realizarse persoalmente cando o/a elector/a sexa persoa física e, no caso de tratarse de persoa xurídica, por quen teña acreditada a representación de conformidade coa súa solicitude, logo da acreditación da súa identidade. En ambos os casos será necesaria a sinatura do xustificante de recepción de correos da devandita documentación. Se a persoa electora non está presente no momento da entrega da documentación no domicilio indicado, deberá acudir á correspondente oficina de correos para recibir alí, logo da acreditación da súa identidade, a documentación para o voto por correo. Esta comparecencia deberá realizala ben a propia persoa electora, ben outra autorizada por ela, mediante a presentación do documento acreditativo desa autorización e dunha fotocopia do documento nacional de identidade daquela ou da súa representación, no caso de persoa xurídica.

Artigo 38º.-Envío dos votos por correo.

1. A persoa electora porá a papeleta de voto correspondente dentro do sobre en cuxo anverso figura o grupo e a categoría. Unha vez pechado, introducirao, xunto coa certificación de inscrición no censo, no segundo sobre e enviará este por correo certificado á secretaría da xunta electoral respectiva coa antelación suficiente para que se reciba antes das 12.00 horas do día anterior ás eleccións.

O voto deberase certificar na oficina de correos de forma individualizada. A xunta electoral correspondente comprobará en cada caso o cumprimento destes requisitos.

Non se introducirán na urna os votos por correo que cheguen nun sobre que conteña os votos por correo de máis dunha persoa electora, nin os recibidos despois do devandito prazo.

2. A secretaría da xunta electoral disporá a entrega dos votos recibidos por correo ás presidencias das mesas electorais correspondentes antes da hora prevista para finalizar as votacións. Para tal efecto, depositaranse os sobres que conteñan os votos por correo nun sobre pechado e selado que se entregará persoalmente ás presidencias das mesas.

Capítulo IX

Mesas electorais

Artigo 39º.-Composición.

1. O mesmo día da proclamación de candidaturas pola xunta electoral correspondente, esta resolve o número de mesas electorais de cada colexio electoral, por proposta do comité executivo de cada cámara, considerando o número de persoas electoras censadas e o número de candidaturas proclamadas en cada grupo e categoría.

2. Cada mesa electoral estará formada pola presidencia e dúas persoas vogais, que teñan o seu domicilio na localidade onde se estableza o colexio electoral e que non sexan candidatas. A súa designación realizaraa a xunta electoral mediante sorteo entre unha relación de dúas persoas electoras por cada grupo, proposta polo pleno da cámara. Así mesmo, a xunta electoral designará as suplencias da presidencia e das vogalías.

No caso de que nun colexio electoral coincidan máis de dúas mesas será suficiente que a relación de persoas electoras proposta polo pleno para aquel colexio duplique o número total das que deben ser designadas por sorteo para exercer a presidencia e as vogalías, titulares e suplentes, de todas as mesas que compoñan o devandito colexio.

3. O sorteo terá lugar na sede de cada xunta electoral o mesmo día da proclamación de candidaturas a que se refire o artigo 27º. A designación como membros das mesas electorais notificarase ás persoas interesadas no prazo de tres días.

4. O cargo de membro das mesas electorais é obrigatorio e as persoas designadas dispoñen dun prazo de sete días para alegar ante a xunta electoral correspondente causa xustificada e documentada que lles impida o exercicio do cargo. A xunta resolverá no prazo de tres días.

Artigo 40º.-Intervención.

1. Os/as candidatos/as proclamados/as poderán nomear dúas persoas interventoras para cada colexio electoral, ata cinco días antes da data da votación. Para estes efectos, tenderase a acadar unha participación equilibrada de mulleres e homes. Non poderán ser interventores/as as persoas candidatas ou as súas representacións.

2. A designación destas persoas farase ante a secretaría da cámara correspondente mediante a expedición de credenciais en que figurará o nome e o DNI da persoa interventora, a data e as sinaturas da persoa candidata ou da súa representación e da titular da secretaría da cámara. De cada credencial entregaranse dous exemplares para o/a candidato/a ou para a súa representación, para a persoa interventora e para a cámara.

3. A secretaría da cámara enviará á xunta electoral, cunha antelación de catro días á data da votación, a relación de persoas interventoras nomeadas por cada candidatura.

4. As persoas interventoras podrán asistir á mesa electoral, participar nas súas deliberacións con voz pero sen voto, formular reclamacións e recibir as certificacións que se prevén neste regulamento.

Artigo 41º.-Constitución da mesa electoral.

1. Constituiranse as mesas electorais nos colexios electorais que, oída a proposta do comité executivo de cada cámara, resolva a xunta electoral de acordo co que establece o artigo 39º.1.

2. As mesas electorais constituiranse media hora antes da hora fixada para o inicio das votacións. Á constitución das mesas asistirán unha persoa representante do órgano tutelar e unha persoa empregada da cámara respectiva, designadas para o efecto, que recibirán as credenciais das persoas compoñentes da mesa. A presidencia recibirá as credenciais das persoas interventoras que se presenten, que serán admitidas logo da súa comprobación.

3. Se no acto de constitución da mesa comparecen dous dos membros designados pola xunta electoral como titulares ou suplentes, estes exercen a presidencia e unha vogalía e unha persoa representante do órgano tutelar asume a outra. No caso de que compareza un só dos designados pola xunta electoral, este exerce a presidencia, e asumen as dúas vogalías a representación do órgano tutelar e unha persoa empregada da cámara. No suposto que non compareza ningún dos designados pola xunta electoral como titulares ou suplentes, asumen as súas funcións a representación do órgano tutelar, que exerce a presidencia, e unha persoa empregada da cámara, que actúa como vogal único.

4. Antes do inicio das votacións expedirase a acta de constitución da mesa asinada polos/as compoñentes dela e polas persoas interventoras presentes. Entregarase unha copia certificada da acta ás persoas candidatas e ás interventoras que a pidan.

Capítulo X

Eleccións

Sección primeira

Eleccións por sufraxio das persoas electoras

Artigo 42º.-Exercicio do voto.

1. As votacións para elixir os membros dos plenos das cámaras oficiais de comercio, industria e navegación de Galicia, por sufraxio do electorado, realizaranse o día que se estableza na convocatoria correspondente, entre as 9.00 e as 21.00 horas.

2. O electorado de cada un dos grupos e categorías de que se compón o pleno de cada cámara votará de entre as candidaturas proclamadas polo seu grupo e, se é o caso, categoría as persoas que teñan que representalo no pleno da corporación.

3. Para o exercicio do voto utilizaranse papeletas normalizadas, facilitadas por cada cámara, nas que deben figurar necesariamente os datos seguintes:

a) O grupo e, se é o caso, categoría en que se vota.

b) O número de postos que hai que cubrir.

c) O nome e apelidos ou razón social das persoas candidatas proclamadas, ordenadas en columnas e por orde alfabética.

Artigo 43º.-Votación.

1. O voto é secreto. A persoa electora marcará cunha cruz o recadro da papeleta normalizada correspondente á(s)/ao(s) candidata(s)/o(s) á(s)/ao(s) cales outorgue o seu voto. A continuación introducirá a papeleta nun sobre en cuxo anverso debe constar o grupo e, se é o caso, a categoría e, unha vez identificada, entregará o sobre á presidencia para o seu depósito na urna.

2. A vogalía da mesa electoral anotará as persoas electoras que voten, con indicación do seu nome e do número con que figuren no censo da cámara. No caso de que o/a votante actúe en representación dunha persoa xurídica, anotarase, así mesmo, o seu nome e número do documento nacional de identidade.

Artigo 44º.-Desenvolvemento das votacións.

1. No momento de exercer o seu dereito ao voto, a persoa electora presentará os orixinais do documento nacional de identidade, carné de conducir ou pasaporte. Se representa a unha persoa xurídica, presentará ademais a documentación acreditativa da súa representación, nos termos establecidos no artigo 7º.

2. Unha vez empezada a votación non poderá suspenderse se non é por causa de forza maior e sempre baixo a responsabilidade da mesa electoral respectiva. En caso de suspensión, a mesa levantará unha acta que se entregará á presidencia da xunta electoral. Esta comunicarallo inmediatamente ao órgano tutelar para que sinale a data en que deberá realizarse novamente a votación.

As papeletas depositadas nas urnas da mesa electoral correspondente ata o momento da suspensión non se terán en conta e serán inmediatamente destruídas. Este extremo farase constar na acta de suspensión.

3. A presidencia da mesa electoral deberá interromper a votación se se observa a falta de papeletas dalgunha candidatura ou de impresos de renuncia do voto por correo e dará conta disto inmediatamente á xunta electoral para solucionar a incidencia. A interrupción non pode durar máis de dúas horas. O horario da votación ampliarase o tempo que sexa interrompida aquela. Neste caso non é de aplicación o establecido no segundo parágrafo do punto anterior.

4. Ademais dos suxeitos electores, polo tempo necesario para exercer o dereito ao voto, só terán entrada nos colexios electorais as persoas que sexan membros das mesas, representantes do órgano tutelar, empregadas das cámaras debidamente acreditadas, interventores/as e notarios/as que sexan requiridos/as para dar fe de calquera acto da elección, no que non se opoña ao segredo desta.

5. A presidencia da mesa terá autoridade exclusiva para conservar a orde e asegurar a liberdade das persoas electoras no colexio electoral. Así mesmo, a presidencia poderá solicitar a asistencia técnica dunha persoa empregada da cámara.

6. A persoa electora que non cumpra as ordes da presidencia da mesa será expulsada do colexio e perderá o seu dereito a votar no acto da elección de que se trate, sen prexuízo da responsabilidade en que poida incorrer.

7. As persoas electoras poderán presentar por escrito reclamacións relativas ás votacións, ante a presidencia da mesa electoral, que serán resoltas por ela ao momento. Contra a resolución da reclamación poderá apelarse, no prazo de dous días, ante a xunta electoral.

8. Nos colexios electorais e nas súas inmediacións non poderá realizarse propaganda electoral. Tampouco se admitirá a presenza nas súas proximidades de persoas que poidan dificultar ou coaccionar o libre exercicio do dereito de voto.

Artigo 45º.-Escrutinio.

1. Acabada a votación persoal, a presidencia da mesa procederá a introducir nas urnas, un a un, os sobres que conteñan as papeletas de voto enviadas por correo, logo de verificar a existencia da certificación que debe achegarse con cada unha delas e que a persoa electora está inscrita no censo electoral. Así mesmo, separará os sobres dos votos por correo das persoas electoras que exerceron o dereito de voto persoalmente, que non se terán en conta no escrutinio. Simultaneamente anotarase, na lista de persoas votantes, o nome das que exerceron o dereito de voto por correo con indicación do número co que figuren inscritas no censo da cámara.

2. A continuación a mesa realizará o escrutinio, que será público. En canto á validez ou non dos votos terase en conta o seguinte:

a) Son nulas as papeletas e, polo tanto, nulos o voto ou votos que conteña, cando:

1º) Se sinale un número de nomes superior ao de persoas candidatas a cubrir.

2º) A papeleta se deposite sen sobre.

3º) Exista máis dunha papeleta dentro dun sobre.

4º) Se fixo calquera tipo de alteración ou manipulación na papeleta.

b) Son votos en branco:

1º) A papeleta en que non se sinale ningunha persoa candidata.

2º) O sobre que non conteña ningunha papeleta.

3. Redactarase a correspondente acta do escrutinio, asinada polos/as compoñentes da mesa e, de ser o caso, polas persoas interventoras presentes. A acta reflectirá o resultado do escrutinio e fará constar para cada grupo e categoría os seguintes extremos:

a) O número de papeletas depositadas persoalmente.

b) O número de papeletas depositadas por correo, de ser o caso.

c) O número de papeletas válidas.

d) O número de papeletas nulas.

e) O número de papeletas en branco.

f) O número total de votos válidos obtidos por cada persoa candidata.

g) O número total de votos válidos emitidos.

h) As reclamacións presentadas e as resolucións adoptadas sobre elas.

i) O número de papeletas das persoas electoras que renunciaron ao voto por correo.

4. Redactada a acta do escrutinio, destruiranse as papeletas que non sexan obxecto de reclamación. As papeletas que sexan obxecto de reclamación achegaranse coa acta e arquivaranse con ela, unha vez rubricadas polos membros da mesa electoral.

5. Se só existe un colexio electoral, o escrutinio será definitivo. Consideraranse elixidas, por esta orde, a persoa ou persoas candidatas que obteñan maior número de votos e, en caso de empate, a de máis antigüidade no censo electoral da cámara. Se esta fose igual, decidirase por sorteo.

6. Se existisen varios colexios electorais, finalizado o escrutinio, cada mesa levantará acta co resultado da elección, na que figurarán os datos que sinala o número 2 deste artigo.

7. As reclamacións ao acto público de escrutinio deberanse formular ao momento e por escrito ante a mesa electoral e serán resoltas por esta no acto, con alzada no prazo de dous días ante a xunta electoral.

8. Entregaranse copias certificadas das actas aos candidatos ou ás candidatas que o soliciten e á cámara correspondente. Finalmente, as actas enviaranse á secretaría da xunta electoral e quedarán depositadas nela.

Artigo 46º.-Verificación dos resultados e comunicación ás persoas candidatas.

1. Ao terceiro día de rematar as eleccións procederá a respectiva xunta electoral en acto público a verificar o resultado final das votacións, segundo as actas correspondentes aos diferentes colexios electorais. Levantarase nova acta asinada polos membros da xunta, da cal se entregará copia certificada ao órgano tutelar e á cámara correspondente, e na cal se fará constar:

a) O número de papeletas depositadas persoalmente.

b) O número de papeletas depositadas por correo, se é o caso.

c) O número de papeletas válidas.

d) O número de papeletas nulas.

e) O número de papeletas en branco.

f) O número total de votos válidos obtidos por cada persoa candidata.

g) O número total de votos válidos emitidos.

h) O número de papeletas das persoas electoras que renunciaron ao voto por correo.

i) As reclamacións presentadas ás mesas e as resolucións adoptadas sobre elas.

j) A resolución das apelacións presentadas á xunta.

k) As persoas candidatas declaradas electas.

2. No prazo dos tres días seguintes ao da verificación de resultados, a secretaría da cámara correspondente notificará ás persoas candidatas a relación de todas as elixidas como membros do pleno e dará publicidade dela no taboleiro de anuncios da corporación.

3. A secretaría da cámara entregará a cada unha das persoas electas a credencial que xustifique esta cualidade e comunicaralles que dispoñen dun prazo de quince días para tomar posesión como membro do pleno.

Sección segunda

Eleccións das candidaturas propostas polas organizacións empresariais

Artigo 47º.-Exercicio do voto.

1. As votacións para elixiren os membros dos plenos por proposta das organizacións empresariais realizaranse na sede de cada cámara, no prazo de dez días contados desde o seguinte ao do remate do prazo para a toma de posesión como membros do pleno.

2. Os membros electos que dispoñan da credencial da secretaría da cámara que xustifica esta cualidade e que tomen posesión como membros do pleno de acordo co que prevé o artigo 54º votarán entre as candidaturas propostas polas organizacións empresariais e que resulten proclamadas, nun número máximo que non exceda a totalidade de cargos que se van prover.

3. Para o exercicio do voto utilizaranse papeletas normalizadas, en cuxo anverso figurará o nome e apelidos de cada unha das persoas candidatas proclamadas, precedido dun recadro e o número de postos que se van cubrir.

Cada cámara, logo da solicitude asinada por calquera das persoas incluídas nas listas das candidaturas proclamadas pola respectiva xunta electoral, facilitará un número de papeletas suficiente para que estas poidan solicitar o voto a todos os membros declarados electos de acordo co establecido nos artigos 45º e 46º.

No caso de que se presente máis dunha lista de organizacións empresariais, a orde de cada unha delas na papeleta determinarase por sorteo en cada xunta electoral. Efectuado o sorteo, as relacións de persoas candidatas reflectiranse en columnas separadas por organizacións empresariais respectando a orde coa que figuren na lista presentada por cada organización empresarial.

No caso de que as organizacións empresariais presenten unha lista conxunta, as persoas candidatas figurarán na papeleta na orde proposta polas mencionadas organizacións.

Artigo 48º.-A Intervención.

1. As organizacións empresariais que propoñan candidaturas poderán nomear unha persoa interventora por cada colexio electoral, ata cinco días antes da data de votación.

2. A designación de persoas interventoras farase ante a secretaría da xunta electoral correspondente mediante a expedición de credenciais nas cales figurarán o nome e apelidos e o DNI daquelas, a data e as sinaturas da representación da respectiva organización empresarial e da persoa titular da secretaría da xunta electoral. De cada credencial entregaranse exemplares á intervención, á representación da organización empresarial designada e á respectiva cámara.

Artigo 49º.-Composición da mesa electoral.

A mesa electoral estará composta por unha persoa designada pola administración tutelante, que presidirá o acto, e polo/a titular da secretaría da cámara, que actuará como vogal único/a.

Artigo 50º.-Votación.

1. O voto é secreto. A persoa electora marcará cunha cruz o recadro ou os recadros da papeleta normalizada correspondente á(s)/ao(s) candidata(s)/o(s) á(s)/ao(s) que outorgue o seu voto. A continuación, introducirá a papeleta no sobre facilitado pola cámara. Consideraranse nulas ou en branco aquelas en que concorran as causas previstas no artigo 45º.2. A vogalía da mesa electoral anotará as persoas electoras que voten, con indicación do seu nome e do número co que figuren no censo da cámara. No caso de que o/a votante actúe en representación dunha persoa xurídica, anotarase, así mesmo, o seu nome e número do documento nacional de identidade.

2. No momento de exercer o seu dereito ao voto, a persoa electora presentará os orixinais do documento nacional de identidade, carné de conducir ou pasaporte.

3. Na realización deste acto, será de aplicación o que establece o artigo 44º agás a exixencia de presentar a documentación que acredite a representación dunha persoa xurídica.

Artigo 51º.-Escrutinio.

1. Acabada a votación, a mesa procederá a realizar o escrutinio, que será público. Redactarase a correspondente acta, asinada polos/as compoñentes da mesa e, se é o caso, polas persoas interventoras presentes. A acta reflectirá o resultado do escrutinio e fará constar os seguintes puntos:

a) O número de papeletas depositadas.

b) O número de papeletas válidas.

c) O número de papeletas nulas.

d) O número de papeletas en branco.

e) O número total de votos válidos obtidos por cada candidato ou candidata.

f) O número total de votos válidos emitidos.

g) As reclamacións presentadas e as resolucións adoptadas sobre elas.

2. As reclamacións ao acto público de escrutinio deberanse formular ao momento e por escrito ante a mesa electoral e serán resoltas por esta no acto, con alzada no prazo de dous días ante a xunta electoral.

3. A mesa electoral entregará copias certificadas da acta ás persoas candidatas que o soliciten e á cámara correspondente. Finalmente, a acta enviarase á secretaría da xunta electoral e quedará depositada nela.

Artigo 52º.-Verificación dos resultados e comunicación aos candidatos ou candidatas.

1. Ao terceiro día de finalizadas as eleccións procederá a respectiva xunta electoral en acto público a verificar o resultado final das votacións. Consideraranse elixidas, por esta orde, a persoa ou persoas candidatas que obteñan maior número de votos. En caso de empate, a xunta electoral resolverá por sorteo.

Levantarase acta asinada polos membros da xunta, da cal se entregará copia certificada ao órgano tutelar, á cámara correspondente e ás organizacións empresariais que propoñan candidaturas e na cal se fará constar:

a) O número de papeletas depositadas.

b) O número de papeletas válidas.

c)O número de papeletas nulas.

d) O número de papeletas en branco.

e) O número total de votos válidos obtidos por cada candidato ou candidata.

f) O número total de votos válidos emitidos.

g) As reclamacións presentadas ás mesas electorais e as resolucións adoptadas sobre elas.

h) As resolucións das apelacións presentadas á xunta.

i) Os candidatos ou candidatas declarados/as elixidos/as.

2. No prazo dos tres días seguintes ao da verificación de resultados, a secretaría da cámara correspondente notificará a relación das persoas elixidas como membros do pleno a todos/as os/as que sexan candidatos ou candidatas e faraa pública no taboleiro de anuncios da corporación.

3. A secretaría da cámara entregará a cada unha das persoas electas a credencial que xustifique esta calidade e comunicaralles que dispoñen dun prazo de dez días para tomar posesión como membros do pleno nos termos que se establecen no artigo 54º.

Capítulo XI

Comisión para o seguimento do proceso electoral

Artigo 53º.-Comisión para o seguimento do proceso electoral.

1. De acordo co disposto no artigo 35º da lei, dentro da administración tutelante constituirase unha comisión para o seguimento do proceso electoral, composta por dúas persoas representantes das cámaras designadas polo Consello Galego de Cámaras e outras dúas designadas polo órgano tutelar. A presidencia e a secretaría da comisión serán exercidas polas persoas designadas polo órgano tutelar.

A composición da comisión tenderá a acadar unha participación equilibrada de mulleres e homes.

2. A comisión para o seguimento do proceso electoral emitirá informe sobre todos aqueles asuntos que se lle sometan en relación co proceso electoral e coa elección e proclamación dos membros dos órganos de goberno das cámaras.

Naqueles casos en que non exista unanimidade dentro da comisión, os membros disidentes emitirán voto particular.

3. O dito informe, cos votos particulares, seralle remitido á consideración do órgano tutelar, o cal, á vista daquel, ditará unha resolución motivada que terá carácter vinculante.

4. A comisión para o seguimento do proceso electoral constituirase na sede da administración tutelante. O seu funcionamento rexerase polo disposto no capítulo II do título II da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

5. Todos os membros da comisión terán dereito a voto.

Título II

Constitución dos órganos de goberno

Capítulo I

Toma de posesión dos membros do pleno e elección de cargos

Artigo 54º.-Toma de posesión.

1. As persoas candidatas electas tomarán posesión como membro do pleno ante a secretaría da cámara, a partir do momento en que reciban a credencial por parte da cámara respectiva, nos prazos establecidos nos artigos 46º.3 e 52º.3. A persoa titular da secretaría entregaralles documento acreditativo da toma de posesión.

2. Se algunha/s das persoas candidatas electas non toma posesión como membro do pleno nos termos establecidos no punto anterior, o grupo e, se é o caso, categoría de que se trate quedará sen representación no pleno da cámara respectiva. Unha vez constituído o novo pleno, este declarará a vacante e proverase nos termos dos artigos 60º e 61º.

3. As persoas físicas tomarán posesión persoalmente; as persoas xurídicas farano por medio dunha persoa física que, con carácter permanente, as deba representar no pleno da cámara respectiva. A representación deberá ser o/a administrador/a único/a da persoa xurídica ou ben un/unha socio/a, apoderado/a, director/a, xerente, conselleiro/a ou administrador/a dela designado/a para o efecto polos seus órganos sociais. A certificación en que conste o acordo polo cal se fixo a designación anterior deberá presentarse á secretaría da cámara vinte e catro horas antes da data da sesión constitutiva.

Artigo 55º.-Constitución do pleno.

1. O pleno constitúese no prazo dun mes a partir da data das eleccións das persoas candidatas propostas polas organizacións empresariais. O órgano tutelar, logo da consulta ás cámaras, debe fixar a data da sesión constitutiva, que estará presidida pola persoa titular daquel ou por aqueloutra en que delegue.

2. A sesión constitutiva do pleno é pública e ten lugar na sede da cámara. O órgano tutelar convoca a sesión dentro dos dez días seguintes á data das eleccións correspondentes ás representacións das organizacións empresariais e cunha antelación mínima de tres días á data da súa realización. A orde do día da sesión constitutiva é a seguinte:

a) Lectura, por parte da persoa titular da secretaría da cámara, da relación de membros electos do pleno e, se procede, das representacións das persoas xurídicas, con indicación das que xa tomaron posesión.

b) Constitución do pleno.

c) Formación da mesa electoral.

d) Elección da presidencia e dos outros cargos do comité executivo.

e) Formulación de reclamacións, se procede.

f) Toma de posesión da presidencia e dos outros cargos do comité executivo.

3. O pleno queda constituído e toma acordos validamente se concorren os quórums de asistencia seguintes:

a) En primeira convocatoria é necesaria a asistencia, polo menos, das dúas terceiras partes dos vogais electos. Os acordos adoptaranse por maioría simple das persoas asistentes.

b) Se en primeira convocatoria non se logra o número mínimo de asistencia mencionado no parágrafo anterior, pódese constituír media hora máis tarde en segunda convocatoria coa asistencia, polo menos, da metade máis unha dos vogais electos. Neste caso, os acordos adoptaranos as dúas terceiras partes das persoas asistentes. Non obstante, se asisten ou se incorporan ao pleno o número de vogais exixible para que teña lugar a reunión en primeira convocatoria, os acordos adoptaranse por maioría simple dos/as asistentes.

Se a sesión se realiza en segunda convocatoria e ningunha candidatura logra o voto favorable das dúas terceiras partes ou da maioría simple das persoas asistentes, segundo proceda, repetirase a votación tantas veces como faga falta ata que algunha delas obteña a referida maioría.

Artigo 56º.-Mesa electoral.

1. Constituído o pleno, formarase unha mesa electoral composta polos dous membros de maior e menor idade respectivamente do pleno da cámara e pola representación do órgano tutelar, que exercerá a presidencia. A persoa titular da secretaría da cámara actuará como secretario/a da mesa.

2. Os vogais que se presenten como candidatos á presidencia e aos outros cargos do comité executivo non poderán formar parte da mesa electoral, polo que se procederá, se é o caso, a efectuar as substitucións correspondentes.

Artigo 57º.-Elección da presidencia e do comité executivo.

1. O comité executivo, integrado por un máximo de 12 membros, estará formado pola presidencia, dunha a tres vicepresidencias, a tesouraría e ata sete vogalías elixidas entre os membros do pleno, de acordo co regulamento de réxime interior da cámara respectiva.

2. Aberta a sesión, iniciarase a quenda de proposta de persoas candidatas sobre as que deberá recaer a votación. En primeiro termo, terá lugar a elección da presidencia e, seguidamente, a dos outros cargos do comité executivo, pola seguinte orde: vicepresidencias, tesouraría e vogalías.

3. Resultará elixida persoa candidata ao cargo a que obteña a maioría absoluta do número legal de vogais electos. Se ningunha das persoas candidatas obtivese esta maioría en primeira votación, farase necesario unha segunda en que só participarán as dúas máis votadas na primeira volta, salvo renuncia dunha delas. Nese caso, pasaría a ser candidata a terceira máis votada. Na segunda volta bastará a maioría simple. En caso de empate, proclamarase electa a persoa candidata de maior antigüidade no censo da cámara e, se persiste, a que satisfaga unha cota de recurso cameral máis alta.

No caso de que exista unha soa candidatura, non será necesaria a votación e a persoa candidata será elixida automaticamente.

Se o empate se producise entre un vogal electo por sufraxio do electorado e un vogal elixido ao abeiro do artigo 47º ou entre dous vogais elixidos de conformidade co devandito precepto, efectuarase un sorteo entre as persoas candidatas.

A elección dunha persoa candidata para cubrir un cargo levará consigo imposibilidade de ter tal condición nas votacións posteriores do mesmo proceso electoral.

4. Efectuada a votación, a mesa realizará o escrutinio, dará a coñecer o resultado ao pleno e advertirá ás persoas asistentes da posibilidade de manifestar calquera desconformidade co acto electoral.

5. Da sesión levantarase acta, asinada polas persoas compoñentes da mesa, na cal figurarán as incidencias do acto electoral, o resultado da votación e as reclamacións que se formulen. Unha copia certificada da acta enviarase ao órgano tutelar, quen resolverá sobre as incidencias expostas coa audiencia previa das persoas interesadas.

Artigo 58º.-Comisión xestora e convocatoria de novas eleccións.

1. No caso de que non poida constituírse validamente o novo pleno, o órgano tutelar designará unha comisión xestora, integrada por representantes da administración tutelante e das cámaras, á cal se confire a xestión da cámara ata a constitución dos seus novos órganos de goberno.

2. A comisión estará integrada por un número de persoas idéntico ao de compoñentes do comité executivo que prevexa o regulamento de réxime interior da cámara respectiva, elixidas por sorteo entre os membros electos. A secretaría, sen voto, recaerá sobre a mesma persoa que exerza este cargo na cámara. Asistirá, sen voto, o director ou a directora xerente, se houbese. A todas as reunións da comisión xestora deberá ser convocada e debe asistir unha persoa representante do órgano tutelar, con voz pero sen voto, designada por este para o efecto.

3. Se no prazo de tres meses non se constituíse o pleno, o órgano tutelar procederá a convocar novas eleccións.

4. O exercicio en funcións abarca unicamente aquelas actividades de xestión, administración e representación indispensables para o funcionamento ordinario da corporación, de maneira que non se comprometa a actuación dos novos órganos de goberno electos.

Artigo 59º.-Mandato.

1. O mandato dos membros do pleno e do comité executivo será de catro anos, e poderán ser reelixidos.

2. A condición de membro do pleno é única e indelegable.

3. Os/as titulares ou compoñentes dos órganos de goberno das cámaras continuarán no exercicio das súas funcións ata a constitución dos novos plenos ou, se é o caso, ata a designación dunha comisión xestora.

O/a presidente/a cesante actuará en condición de adxunto/a á presidencia nas sesións ás cales se refiren os artigos 55º e 57º.

Capítulo II

Vacantes e a súa provisión

Artigo 60º.-Vacantes e perda da condición de membro do pleno.

1. As vacantes ao pleno poden producirse pola concorrencia dalgunha das causas establecidas no artigo 18.1º da lei. O pleno debe declarar a vacante na primeira sesión que teña unha vez producida aquela.

2. O acordo do pleno adoptarase logo da audiencia da persoa interesada ou, se procede, da persoa xurídica á cal represente. Contra este acordo poderase interpor recurso de alzada ante o órgano tutelar.

3. Cando a vacante producida no pleno teña como consecuencia unha vacante no comité executivo, ou a da mesma presidencia da cámara, débese cubrir primeiro a vacante do pleno. Unha vez cuberta a vacante polo procedemento mencionado no artigo seguinte, elixirase, se procede, a presidencia ou o cargo do comité executivo, en sesión do pleno convocada para ese efecto. A elección realizarase polo procedemento establecido no regulamento de réxime interior da cámara que corresponda e de acordo co disposto no artigo 63º.

4. As persoas xurídicas poden substituír a persoa física que os representa no pleno. Se a persoa substituída fose elixida para exercer un cargo do comité executivo, declararase a vacante e procederase de acordo co disposto no artigo 63º e no Regulamento de réxime interior da cámara correspondente.

Artigo 61º.-Elección das vacantes producidas no pleno.

1. As vacantes dos vogais electos producidas no pleno proveranse mediante elección no grupo ou categoría de que se trate.

2. Para o obxecto da presentación de candidaturas de conformidade co que establece este regulamento, a secretaría da cámara, no prazo dos dez días seguintes á declaración da vacante ou, se é o caso, á notificación do recurso de alzada a que alude o artigo 60º.2, comunicará por escrito tal circunstancia ao electorado que corresponda. Se o seu número excedese os cen, a comunicación realizarase mediante anuncio no Diario Oficial de Galicia e, polo menos, nun dos diarios de maior circulación dentro do ámbito territorial da cámara. Tamén se dará conta ao órgano tutelar.

Cando a vacante afecta un membro do pleno dos elexidos por proposta das organizacións empresariais, o procedemento da provisión será obxecto de anuncio no Diario Oficial de Galicia para que as organizacións empresariais que reúnan os requisitos previstos no artigo 28º poidan propor candidaturas.

3. A elección para prover as vacantes axustarase ao que dispoñen, respectivamente, os capítulos VI, IX e X do título I.

4. Nestes casos, as competencias propias da xunta electoral serán asumidas polo comité executivo.

5. Cando só exista unha persoa candidata para a vacante que se vai cubrir, a proclamación equivalerá á elección e, xa que logo, non será necesario realizala. Se non se presentase ningunha candidatura, o pleno procederá á elección por sorteo entre as persoas electoras que formen o grupo ou a categoría correspondente para cubrir a vacante.

6. Na provisión da vacante a que se refire este artigo deberá terse en conta o principio de igualdade de oportunidades entre homes e mulleres.

Artigo 62º.-Elección de vacantes no comité executivo.

1. Con independencia da terminación normal dos seus mandatos, o/a presidente/a e os cargos do comité executivo poderán cesar pola concorrencia dalgunha das causas establecidas no artigo 18.2º da lei.

2. A vacante cubrirase polo pleno en sesión convocada para o efecto dentro dos quince días seguintes ao de producirse aquela, conforme establece o artigo 61º. Cando a vacante producida no pleno teña como consecuencia unha vacante no comité executivo, ou a da propia presidencia da cámara, procederase a cubrir primeiro a vacante do pleno, polo procedemento establecido no artigo 61º.

3. Realizada esta elección, proverase a vacante do cargo do comité executivo en sesión do pleno convocada para o efecto, polo procedemento establecido no artigo 57º.

Título III

Constitución dos órganos de goberno do Consello Galego

de Cámaras

Capítulo único

Constitución e elección dos órganos de goberno do Consello Galego de Cámaras

Artigo 63º.-Sesión constitutiva do pleno do Consello Galego de Cámaras.

1. O pleno do Consello Galego de Cámaras constituirase dentro do mes seguinte á constitución das cámaras galegas e na data que determine a administración tutelante, á cal corresponderá realizar a convocatoria. Será necesaria a asistencia de, polo menos, a metade de presidentes ou presidentas das cámaras galegas.

2. Formarase unha mesa presidida pola persoa representante da administración tutelante no consello e composta, ademais, polos/as presidentes/as de cámaras de maior e menor idade.

3. Procederase, en primeiro lugar, á elección dos vogais consultores do pleno. Para ese efecto, formularán propostas as presidencias das cámaras nas cales se expoñerá o cumprimento dos requisitos de competencia e prestixio por parte das persoas candidatas. Se as propostas non superasen o número de vogalías que se van cubrir, teranse por electas sen necesidade de votación. En caso contrario, todas as propostas formuladas cos debidos requisitos votaranse conxuntamente. Resultarán electas as máis votadas sexa cal for o número dos sufraxios obtidos.

4. A continuación procederase á elección da presidencia do consello, e despois á da vicepresidencia, tesouraría e membros vogais do comité executivo, sucesivamente e por esta orde, eleccións que recaerán en calquera dos vogais natos. Para cada un deles serán formuladas candidaturas por quen asistan, e só poderá emitirse o voto a favor dalgunha das formalmente propostas. Se houbese unha única persoa candidata considerarase, sen máis trámite, electa.

Resultará elixida a persoa candidata ao cargo que obteña o maior número de votos nunha primeira votación e, en todo caso, a maioría absoluta dos votos emitidos validamente. De non lograrse esta maioría, realizarase unha segunda votación, entre o segundo e o cuarto día seguinte á data da primeira, na que unicamente serán persoas candidatas as dúas máis votadas naquela, salvo renuncia dunha delas. Neste caso, pasará a ser candidata a terceira máis votada, aínda que non sexa nomeada ata ese momento. Nesta segunda volta bastará a maioría simple. En caso de empate nesta segunda votación, proclamarase electa a persoa candidata de maior idade. En caso dunha soa candidatura, considerarase electa.

5. Tras cada unha das votacións, a mesa realizará o escrutinio e proclamará provisionalmente as persoas electas, informando diso ao pleno, así como da facultade de formular reclamacións. Levantarase inmediatamente acta da sesión na cal constarán todas as incidencias, resultados e reclamacións formuladas no acto. Da acta aprobada pola mesa darase traslado seguidamente á administración tutelante, quen resolverá definitivamente as incidencias expostas, con audiencia, en todo caso, das persoas interesadas, e nomeará as elixidas.

Artigo 64º.-Cesamento e novo nomeamento dos vogais consultores do pleno.

1. Os vogais natos só cesarán ao perder a súa condición de presidentes ou presidentas de cámara, e serán substituídos automaticamente no pleno do consello por quen o fixer na presidencia da respectiva cámara.

2. Os vogais consultores do pleno do Consello Galego de Cámaras só poderán cesar en tal condición polas seguintes causas:

a) Expiración do seu mandato.

b) Falecemento.

c) Resolución administrativa ou xudicial firme.

d) Perda sobrevida dalgún dos requisitos necesarios para ser elixidas.

e) Falta inxustificada de asistencia a catro sesións do pleno dentro dun ano natural.

g) Concurso culpable ou condena por delitos contra o patrimonio e contra a orde socioeconómica cando recaia sentenza firme.

h) Incapacidade xudicialmente declarada, renuncia ou destitución motivada por incumprimento grave e reiterado das obrigas dos membros do pleno previstas no seu regulamento de réxime interior. Esta destitución só poderá acordarse logo de expediente incoado e resolto por maioría absoluta das presidencias das cámaras, garantindo en todo caso a audiencia das persoas interesadas.

3. Producida vacante nunha das vogalías de consultores do pleno, procederase inmediatamente á súa elección polos seus membros que sexan presidentes ou presidentas de cámaras e polo tempo que reste ata a súa renovación. Se faltasen menos de dous anos para esa renovación xeral, as presidencias poderán acordar non cubrir a vacante.

Artigo 65º.-Cesamento e nova elección dos órganos unipersoais e membros do comité executivo do consello.

1. As persoas titulares da presidencia, vicepresidencia, tesouraría e demais membros do comité executivo cesarán:

a) Por perda da confianza mediante acordo adoptado pola maioría absoluta das presidencias das cámaras. A proposta de destitución deberá ser formulada polo mesmo comité executivo ou por, polo menos, catro presidencias de cámaras galegas.

b) Por perda da condición de membro do pleno.

c) Por renuncia a estes cargos, sen prexuízo de manter a súa condición de membro do pleno.

2. As vacantes que se produzan nos órganos unipersoais ou no comité executivo cubriranse igualmente por votación dos vogais natos entre calquera dos/as membros do pleno e para o tempo que faltase ata cumprir o mandato daqueles a quen sucedan.

3. Para as eleccións e acordos a que se refiren este artigo e o anterior, convocarase a todos os membros do pleno, pero só votarán os presidentes e as presidentas de cámaras e será o seu número o que se teña en conta para efectos de quórum de constitución e votación. Exixiranse os mesmos requisitos e formalidades establecidos con carácter xeral para estas eleccións na sesión constitutiva, pero sen a convocatoria da administración tutelante, nin presidencia da representación dela, observándose a este respecto, as regras sobre funcionamento do pleno, sen prexuízo das adaptacións que prevexa o seu regulamento de réxime interior.

Disposicións adicionais

Primeira.-Cómputo dos prazos.

Os prazos establecidos neste regulamento son improrrogables e entenderanse referidos a días hábiles cando non se determine outra cousa.

Segunda.-Vixencia da Orde da Consellería de Industria e Comercio, do 11 de abril de 1997.

1. En canto a consellería con competencias en materia de comercio non estableza outra cousa, continuará vixente a orde da Consellería de Industria e Comercio, do 11 de abril de 1997, pola que se determinan os criterios que deben seguir as cámaras oficiais de comercio, industria e navegación da Comunidade Autónoma de Galicia para a elaboración dos seus censos electorais, a clasificación en grupos e categorías de cada unha das empresas que os integran e para a asignación de vogais representantes nos plenos respectivos (Diario Oficial de Galicia do 21 de abril).

2. A referencia á matrícula para o ano 1997 do imposto sobre actividades económicas (IAE), contida no punto 1.1º da instrución aprobada mediante a devandita orde entenderase realizada á matrícula do dito tributo ou do que lle substitúa correspondente ao ano no cal se produza a revisión do censo.

Terceira.-Adopción de acordos polos plenos das cámaras.

1. O pleno da cámara, para poder reunirse validamente en primeira convocatoria, deberá estar constituído, ao menos, polas dúas terceiras partes das persoas que o compoñen. Neste caso, adoptará os acordos por maioría simple dos/as asistentes.

2. Cando na convocatoria non se conseguese o número de persoas asistentes sinalado no punto anterior, o pleno poderá quedar constituído, en segunda convocatoria, media hora máis tarde da prevista para a súa realización, sempre que asistan á reunión a metade máis unha das persoas que o compoñen. Neste caso, para que os acordos sexan válidos deberán adoptarse co voto favorable dos dous terzos dos/das asistentes. Non obstante, se asisten ou se incorporan ao pleno o número de vogais exixible para que teña lugar a reunión en primeira convocatoria, os acordos adoptaranse por maioría simple dos/as asistentes.

Cuarta.-Referencias á administración tutelante e ao órgano tutelar.

As referencias que neste regulamento se fan á administración tutelante e ao órgano tutelar entenderanse realizadas ao centro directivo que en cada momento teña atribuídas as competencias en materia de comercio.