DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 251 Luns, 28 de decembro de 2009 Páx. 19.552

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA E TURISMO

DECRETO 441/2009, do 11 de decembro, polo que se declara ben de interese cultural, coa categoría de monumento, o Castro de Viladonga, no termo municipal de Castro de Rei (provincia de Lugo).

O Castro de Viladonga, situado no termo municipal de Castro de Rei, na provincia de Lugo, está localizado sobre unha elevación de terreo no val inicial do río Miño e ao pé da serra de Meira, dominando gran parte da chaira oeste da Terra Chá. A súa monumentalidade chama a atención e constitúe, coas súas murallas, foxos, croa e antecastros, un verdadeiro arquetipo formal de castro, moi representativo do tipo de poboados castrexos da zona interior de Galicia.

Cronoloxicamente enmárcase no período galaico-romano, pois o momento de apoxeo da súa ocupación corresponde á época tardorromana ou baixo-imperial, entre finais do século II ou comezos do III d. C. ata o século VI, ben que nas derradeiras actuacións levadas a cabo nel puido constatarse a existencia dun nivel de ocupación anterior á conquista romana, datado entre os séculos II e I a. C.

A comarca na cal se inscribe o castro, nunha beira da Terra Chá, é moi abundante en xacigos de tipo castrexo dos que algúns deles se atopan certamente moi preto do Castro de Viladonga, incluso ao seu mesmo pé, como é o caso da Rodela de Balmonte. Trátase de asentamentos que abranguen todo o período cultural castrexo tanto na etapa prerromana como no momento galaico-romano.

O Castro de Viladonga organízase ao redor dun recinto superior que se atopa rodeado dunha muralla formada por terra e muro interno de pedra en todo o seu perímetro. A muralla principal é unha enorme morea de terra de entre doce e catorce metros de altura ata o foxo, que enmarca no interior uns muros de lousa. Ao seu pé este foxo rodea o castro salvo no lado oeste, no que se estende o antecastro. O sistema alternativo muralla-foxo repítese polo nordeste e o sudoeste ata tres veces, mentres polo lado sur se aproveita o acusado terraplén para construír sucesivos recintos, cara ás terras baixas.

A extensión do xacigo é de aproximadamente catro hectáreas; ocupa a coroa dun monte, e abrangue o espazo entre as súas murallas máis exteriores, e unha croa cuadrangular cos ángulos curvos, que ten 95 x 100 m nos seus eixes.

O poboado está constituído por unha serie de recintos delimitados por parapetos e foxos que se articulan ao redor dun recinto superior ou croa, creando unha serie de espazos fortemente defendidos que fan que este poboado milenario adquira un aspecto monumental, calidade que non pasou desapercibida xa desde antigo. O feito de que en 1911 aparecese no castro un torque de ouro de remate en perilla e a propia aparencia do castro debeu inducir a que desde 1972 se realizasen en Viladonga sucesivas escavacións arqueolóxicas que sacaron á luz a maior parte das vivendas, sempre feitas de lousa ou xisto e de moi diversos tipos, así coma numerosos elementos construtivos de moito interese (murallas, escaleiras, pavimentos lousados, lareiras...). Desde moi cedo, chamou a atención a inxente cantidade de materiais e obxectos achados, en moitos casos de clara cronoloxía romana, todo o cal, unido á súa monumentalidade, fixo do Castro de Viladonga un xacigo senlleiro e representativo da cultura

castrexa, habitado principalmente durante a etapa galaico-romana.

Os materiais atopados no castro constitúen unha serie ampla de vestixios que proporcionan innumerables datos sobre as formas de vida e dinámicas socioeconómicas do período inicial da nosa historia.

Para completar a función cultural, patrimonial, educativa e, ao cabo, social do Castro de Viladonga, construíuse ao seu carón, para gardar, exhibir, interpretar e explicar os seus materiais arqueolóxicos, un museo do xacigo, creado en maio de 1983 e aberto ao público en 1986, ao tempo que serve de centro para os traballos e investigacións arqueolóxicas no castro e no seu amplo contorno xeográfico e contexto histórico. O museo valórase pola importancia arqueolóxica e histórica do Castro de Viladonga e polo seu fin de expoñer a gran cantidade e calidade dos materiais aparecidos, no seu propio contexto, e canalizar a difusión deste anaco do noso pasado.

A elección deste xacigo para a súa declaración como ben de interese cultural baséase na súa configuración monumental e a súa morfoloxía, que constitúe en si mesma un modelo de arquetipo formal de castro, sen esquecer a súa traxectoria como centro de investigación desde os anos oitenta ata a actualidade.

Hoxe en día a superficie do castro atópase intensamente escavada, o que permite a súa exhibición. A escavación comprende gran parte da acrópole, que se presenta escavada case na súa totalidade, o que permitiu un grande avance na investigación deste poboado e a documentación de gran variedade de material que se mostra no museo do castro. O conxunto formado polos restos do poboado e a exhibición dos materiais no museo monográfico configuran un conxunto de gran interese polas súas grandes posibilidades didácticas levadas a cabo con sinxeleza e eficacia. É precisamente este último punto, a utilización patrimonial, sociocultural, educativa, e mesmo de lecer e turística do conxunto de Viladonga, unha razón complementaria de peso para ser convertido nun espazo protexido.

A delimitación do Castro de Viladonga como monumento comprende unha área de 96.270 metros cadrados, e o seu contorno de protección 993.494 metros cadrados. A área do monumento propiamente dita comprende o recinto castrexo e todas as súas estruturas de delimitación, que engloban todos os parapetos, murallas e socalcos que forman parte do conxunto arqueolóxico do poboado que cronoloxicamente vai desde a Idade do Ferro ata o período galaico-romano. Estas estruturas de delimitación seguidas de certos socalcos que se atopan fosilizados no terreo desenvólvense en todo o seu perímetro e máis ostensiblemente nos tramos oeste e sur. O límite en todo o seu perímetro leva ata o final destas estruturas adaptando a devandita liña na maioría dos casos aos lindes das leiras que comprenden parte do poboado fóra da zona leste, onde o dito límite non abrangue algunhas das leiras na súa totalidade.

No que respecta á área de protección do monumento, esta presenta unha certa desproporción cara ao lado norte, debido fundamentalmente á inclusión dentro dela doutro xacigo arqueolóxico de época castrexa, a Rodela de Balmonte, o cal, pola súa proximidade ao Castro de Viladonga, configura un conxunto arqueolóxico de grande interese. O límite leste cínguese practicamente na súa totalidade á estrada, o límite sur transcorre na súa maioría pola estrada nacional e ao sudoeste chega ao pé do monte, deixando libres os edificios da poboación próxima a excepción dos predios nº 11 e nº 13.

En canto ao límite oeste, de igual modo se adapta ás pistas que transcorren polo final da ladeira deixando fóra a Igrexa de Santiago e o seu camposanto. Polo norte adáptase de igual modo ás pistas da parcelación que rodean a Rodela de Balmonte. O único tramo que non transcorre por pistas ou estradas correspóndese co lado norte, deixando marxe suficiente en relación ao Castro de Rodela neste tramo.

De conformidade co exposto, logo da tramitación do correspondente expediente administrativo, que se levou a cabo conforme as disposicións vixentes, e en aplicación do disposto no artigo 12 da Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia, por proposta do conselleiro de Cultura e Turismo, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do once de decembro de dous mil nove,

DISPOÑO:

Primeiro.-Declarar ben de interese cultural, coa categoría de monumento, o Castro de Viladonga, no termo municipal de Castro de Rei (provincia de Lugo).

Segundo.-Delimitar a zona afectada pola declaración segundo a descrición literal e o plano que constan nos anexos I e II deste decreto.

Disposición derradeira

Este decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, once de decembro de dous mil nove.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Roberto Varela Fariña

Conselleiro de Cultura e Turismo

ANEXO I

Extracto do expediente polo que se declara ben de interese cultural, coa categoría de monumento, o Castro de Viladonga, no termo municipal de Castro de Rei (provincia de Lugo)

I. Datos sobre o ben obxecto da declaración.

1. Denominación: Castro de Viladonga.

2. Localización:

a) Comunidade autónoma: Galicia.

b) Provincia: Lugo.

c) Concello: Castro de Rei.

d) Lugar: Viladonga (Santiago).

II. Datos administrativos.

1. Expediente nº: SIP.01055.

2. Incoación:

a) Data de incoación: 4 de febreiro de 2009.

b) Data de publicación:

DOG do 5 de marzo de 2009.

BOE do 28 de febreiro de 2009.

c) Data de comunicación ao Rexistro Xeral de Bens de Interese Cultural: 9 de febreiro de 2009.

3. Instrución:

a) Institucións que emitiron informe favorable:

-Consello da Cultura Galega.

-Real Academia Galega de Belas Artes de Nosa Señora do Rosario.

-Universidade de Santiago de Compostela.

b) Duración do período de información pública: un mes.

III. Xustificación do contorno de protección.

O contorno de protección do monumento responde ao preceptuado polos artigos 11.1º b) e 44 da Lei do patrimonio cultural de Galicia, os cales establecen, respecto dos expedientes de declaración de ben de interese cultural dun ben inmoble, que deberán figurar perfectamente definidas as súas relacións coa área territorial á que pertence, así como a protección dos accidentes xeográficos e dos elementos naturais que conformen o seu contorno, en atención á súa adecuada protección, contemplación e estudo, e que o contorno dos monumentos está constituído polos inmobles e espazos lindeiros inmediatos e, en casos excepcionais, polos non lindeiros ou arredados, sempre que unha alteración deles poida afectar os valores propios do ben de que se trate, á súa contemplación, apreciación ou estudo. O volume, a tipoloxía, a morfoloxía e o cromatismo das intervencións no contorno dos monumentos non poden alterar o carácter arquitectónico e paisaxístico da zona, nin perturbar a contemplación do ben.

IV. Descrición da delimitación do monumento.

A delimitación proposta queda literalmente xeorreferenciada mediante a cita das parcelas catastrais ou estradas polas que discorre a demarcación detallada graficamente na planimetría adxunta. Os puntos que se toman como referencia están precisados coas coordenadas correspondentes, indicadas como un intervalo numérico xusto despois da indicación do punto.

O trazado da delimitación comeza no camiño de acceso ao castro e ao museo, desde o punto a (Pa).

Pa. (631.368-4.780.265). Coincide coa esquina norte do predio 176:284. Continúa polo linde leste, cara so sur, e segue polo predio lindeiro, o 176:285, ata chegar á esquina sudoeste do predio 176:307, que coincide co Pb.

Pb. (631.356-4.780.198). Segue cara ao sur atravesando a leira 285, ata o Pc, situado no linde noroeste do predio 176:312.

Pc. (631.355-4.780.147). Continúa cara ao sur polo lindeiro dos predios, deixando ao oeste os predios 312, 315, 316, 323 e 321 e ao leste os predios 311, 347, 51, 52 e 322, ata o Pd, que coincide co extremo norte do predio 176:53.

Pd. (631.229-4.779.901). Segue cara ao oeste, atravesando pola parte norte do predio 176:43, ata o Pe, que se corresponde coa esquina nordeste do predio 330.

Pe. (631.134-4.779.933). Inicia unha liña recta cara ao Pf, que se corresponde coa esquina noroeste do predio 334.

Pf . (631.068-4.779.993). Continúa polo linde sur do predio 335 cara ao nordeste ata o extremo norte do predio 32, que se corresponde co Pg.

Pg. (630.943-780.082). Comeza unha liña recta ata a esquina norte do predio 176:90 ata o punto Ph, na esquina norte do dito predio.

Ph. (630.924-4.780.156). Desde este punto continúa polo linde sur do predio 176:91 cara ao oeste, ata a súa esquina sudoeste (Pi).

Pi. (630.911-4.780.163). Segue polo linde oeste do predio 91 ata chegar á esquina sudoeste do mesmo predio (Pj).

Pj. (630.930-4.780.235). Continúa polo linde norte do mesmo predio ata a esquina sudoeste do 176:361, o predio lindeiro polo norte (Pk).

Pk. (630.949-4.780.223). Segue o linde oeste do predio 176:361 e 268, ata a súa esquina nordés, o predio 176:268 (Pl).

Pl. (631.116-4.780.315). Segue polo linde do mesmo predio cara ao sur ata a esquina sueste (Pll) que coincide coa esquina noroeste do mesmo predio lindante, o 176:279.

Pll. (631.135-4.780.283). Continúa polo linde norte do predio 176:279 ata o seu extremo nordés (Pm).

Pm. (631.255-4.780.281). Segue polo lindeiro do mesmo predio virando cara ao sur ata o seu extremo sueste (Pn).

Pn. (631.264-4.780.249). Desde aquí continúa cara ao leste polo lindeiro norte da parcela 176:283, ata o Pñ, deixando ao sur os predios 176:283 e 176:373, e ao norte o 176:286.

Pñ. (631.366-4.780.289). Segue polo lindeiro leste do mesmo predio cara ao sur ata chegar ao camiño de acceso ao castro, onde se sitúa o primeiro punto da delimitación (Pa).

V. Descrición da delimitación do contorno de protección do monumento.

Comezando polo norte, a delimitación parte da intersección da estrada que vai cara a Balmonte co estremo norte da parcela 6:638 no punto A (PA).

PA. 630.844-4.781.089. Continúa pola mesma estrada cara ao sueste en dirección á estrada nacional 640 ata o cruzamento onde sae a estrada de acceso ao castro e ao Museo de Viladonga (PB).

PB. 631.504-4.780.355. Desde este cruzamento continúa cara ao sur ata enlazar coa estrada nacional no PC.

PC. 631.541-4.779.960. Segue pola N-640 en dirección a Lugo ata cruzarse cun antigo sendeiro que sae cara ao oeste e A Pena de Abaixo (PD).

PD. 631.251-4.779 .644. Neste punto segue polo sendeiro que sae para o oeste e que deixa ao norte as parcelas 37, 36, 34, 33, 21, 20, 19, 18 e 367 do polígono 176, ata chegar ao punto E.

PE. 630.848-4.779.688. Continúa cara ao oeste pola estrada ata o seguinte cruzamento (PF).

PF. 630.651-4.779.813. De aquí segue pola pista que sae cara ao norte, e continúa por ela ata o seguinte cruzamento (PG).

PG. 630.603-4.779.937. Deixando a igrexa e o cemiterio ao oeste e o castro ao leste, continúa pola pista que sae cara ao norte en dirección a Vilaseñor, ata un novo cruzamento no punto PH.

PH. 630.635-4.780.278. Desde aquí continúa cara ao norte por unha pista da concentración parcelaria ata a segunda bifurcación, no punto PI.

PI. 630.436-4.780.645. Abandona o camiño a Vilaseñor para seguir cara ao nordés, por outra pista, ata un novo cruzamento cunha nova pista (PJ).

PJ. 630.703-4.780.947. Neste punto segue cara ao sueste, ata a intersección da pista coa esquina sueste do predio 6:686, no punto PK.

PK. 630.731-4.780.931. Finalmente, continúa polo linde sur do devandito predio e enlaza co primeiro punto (PA).

Ver referencia pdf "25100D004P020.PDF"