DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 15 Luns, 25 de xaneiro de 2010 Páx. 866

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE FACENDA

DECRETO 3/2010, do 8 de xaneiro, polo que se regula a factura electrónica e a utilización de medios electrónicos, informáticos e telemáticos en materia de contratación pública da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia e entes do sector público dela dependentes.

A contratación pública é un dos sectores estratéxicos onde pode resultar especialmente vantaxosa a utilización das novas tecnoloxías da información e comunicación, e como tal vén sendo obxecto, pola Unión Europea, de iniciativas presentadas a través de sucesivos plans de acción e de medidas lexislativas que impulsan a implantación dos medios electrónicos, informáticos e telemáticos (en diante, medios EIT) nos procesos que lle afectan.

Para alcanzar estes obxectivos, o 31 de marzo de 2004 foron aprobadas polo Parlamento Europeo e o Consello as directivas 2004/17/CE e 2004/18/CE, sobre coordinación dos procedementos de adxudicación dos contratos nos sectores da auga, da enerxía, dos transportes e dos servizos postais, e sobre a coordinación dos procedementos de adxudicación dos contratos públicos de obras, de subministración e de servizos, respectivamente, cunha clara vontade de apoio e impulso ao uso das novas tecnoloxías no ámbito da contratación pública, asignándolles unha gran relevancia ao entender que son un medio de mellorar a eficacia, calidade e economía de custos dos procesos de contratación que reforza a competencia e a transparencia ao fortalecer as canles de información e accesibilidade aos seus procedementos.

As transposicións das citadas directivas á normativa estatal -a través das leis 30/2007, do 30 de outubro, de contratos do sector público (en diante LCSP) e 31/2007, do 30 de outubro, sobre procedementos de contratación nos sectores da auga, a enerxía, os transportes e os servizos postais-, así como a Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, definen o escenario en que se debe mover o uso das novas tecnoloxías e permiten concretar iniciativas de impulso para a consecución dos obxectivos sinalados.

Por un lado, a regulación dos perfís do contratante e da Plataforma de Contratos dos artigos 42 e 309 da LCSP exixe a implantación de sistemas informáticos que faciliten o acceso á información vinculada ás licitacións en trámite dos distintos órganos de contratación do sector público.

Así mesmo, as disposicións derradeiras décimo oitava e décimo novena da LCSP, que regulan as normas relativas aos medios de comunicación utilizables nos procedementos regulados na lei (teléfono, fax e medios EIT) e o uso deses medios, establecen os parámetros técnicos e xurídicos das aplicacións, sistemas e programas a desenvolver.

A licitación electrónica, a factura electrónica e os novos sistemas de comunicación e de intercambio e almacenamento de información configuran novas técnicas de xestión que deben garantir a integridade dos datos remitidos, importantes canons de seguridade e novas técnicas de autenticación. Todas estas garantías susténtanse baixo a exixencia de implementar servizos de amplo uso, doado acceso e non discriminatorios.

O plan de acción comunitario, i2010 - Unha sociedade da información europea para o crecemento e o emprego (COM (2005) 229 final) e, máis concretamente, o seu desenvolvemento a través do Plan de Acción sobre Administración Electrónica i2010 (COM (2006) 173 final), marcou como obxectivo que, neste ano, todo sector público da Unión Europea adxudique por medios electrónicos polo menos o 50% dos contratos públicos que superen os limiares comunitarios, meta que hai que conseguir na cal se circunscribe este decreto.

Non obstante, para que a instauración da administración electrónica sexa óptima, é indispensable dispoñer de determinadas ferramentas clave, tales como:

-Sistemas interoperables de xestión da identificación electrónica para o acceso aos servizos públicos.

-Autenticación de documentos electrónicos.

-Arquivado electrónico.

-Sistemas e publicación, notificación, sinatura e factura electrónicos.

A ese respecto a Comunidade Autónoma de Galicia, no contexto de impulso á modernización administrativa a través da utilización das TIC, pode presentar como experiencias xa consolidadas, unha serie de medidas normativas e organizativas que, no seu día, se anticiparon á actual regulación. Así, o Sistema de Publicación e Licitación Electrónica da Xunta de Galicia (SIPLEX), creado no ano 1993, foi precursor dos actuais sistemas de licitación electrónica e do que, na LCSP, se denominan actualmente plataformas de contratación, xa que permitía, pola internet, mostrar os anuncios das licitacións iniciadas pola Administración autonómica. Dous anos despois, a creación do Rexistro Xeral de Contratistas mediante o Decreto 199/1995, do 10 de maio, ademais de lles evitar aos licitadores a presentación reiterada de documentacións análogas a cada licitación, xa consideraba a expedición por medios informáticos dos certificados que proban os documentos nel contidos, tal e como agora se sinala no

artigo 72.2º da LCSP.

O Estatuto de autonomía de Galicia atribúelle a esta comunidade autónoma a competencia para o desenvolvemento lexislativo e execución da lexislación do Estado en materia de contratos administrativos nos termos que nela se estableza (Lei orgánica 1/1981, artigo 28.2º). Ademais, esta comunidade ten competencia sobre a organización das súas institucións de autogoberno e sobre os procedementos administrativos derivados da organización propia dos poderes públicos galegos (Lei orgánica 1/1981, artigo 27.1º e 5º).

É vontade da Xunta de Galicia avanzar na implementación dos medios EIT xa en funcionamento con novos programas e aplicacións que se integrarán nun sistema global, integral, modular e progresivo que ofreza superiores niveis de servizo ás empresas galegas e aos órganos da Administración e sector público implicados na contratación e compra pública.

A Consellería de Facenda, a través da Xunta Consultiva de Contratación da Comunidade Autónoma como unidade de coordinación da contratación e de normalización dos instrumentos contractuais da Comunidade Autónoma galega, está a deseñar o modelo e desenvolvendo os criterios para a posta en marcha do proxecto descrito neste. Así mesmo, en atención ao Decreto 325/2009, do 18 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, atribúense á Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica as competencias no establecemento de directrices tecnolóxicas que deben seguir todos os órganos da Xunta de Galicia, a planificación, deseño e xestión do modelo de Administración electrónica, así como a implantación e regulación da utilización das técnicas electrónicas, informáticas e telemáticas nas relacións da sociedade coa Administración autonómica galega.

En virtude do anteriormente exposto, a implantación dos medios electrónicos no ámbito da facturación e a contratación pública enmárcase nas políticas corporativas comúns do Goberno galego para o desenvolvemento da administración electrónica e integrarase harmónica e complementariamente co resto das aplicacións comúns para toda a Xunta de Galicia.

Este decreto regula, por un lado, as liñas xerais de emprego dos medios electrónicos, informáticos e telemáticos nos procedementos de contratación e establece as condicións de utilización dos citados medios no marco do desenvolvemento da administración electrónica da Xunta de Galicia. Así mesmo configura as bases dun sistema que se asenta sobre varios eixes que se complementan estruturando todas as relacións telemáticas entre aqueles que interveñen nos procesos.

Así, en termos de servizos aos licitadores, ordena e estrutura novas canles de información e participación do empresariado nos procesos de contratación creando a Plataforma de Contratos Públicos de Galicia e un Portal de Contratación Pública da Comunidade Autónoma que potenciará os servizos en liña existentes e incorporará prestacións relacionadas coa licitación electrónica. Por outro lado, en termos de servizos entre administracións, prevense mecanismos de interoperatividade que, en primeiro lugar, reforzan a accesibilidade ás plataformas e sistemas e aplicacións existentes ou futuras e, en segundo lugar, facilitan a cooperación e colaboración intra e interadministrativas para os efectos de tráfico de información.

Respecto á estrutura, o decreto consta de 18 artigos, agrupados en 5 capítulos.

O capítulo I regula o obxecto do decreto e o seu ámbito de aplicación.

O capítulo II regula a Plataforma de Contratos Públicos de Galicia, creada ao abeiro do disposto no artigo 309.5º da Lei 30/2007, do 30 de outubro, como servizo de información das licitacións do sector público galego a través da internet.

O capítulo III regula o Sistema de Licitación Electrónica que permitirá a presentación de ofertas e proposicións por vía telemática.

O capítulo IV regula determinados sistemas de tramitación e xestión electrónica de importante incidencia na contratación e a facturación electrónica.

Finalmente, no capítulo V crease un Portal de Contratación Pública da Comunidade Autónoma como punto central de acceso e entrada para os interesados a todas as aplicacións e servizos que en materia de contratación pública e por vía electrónica, se poidan realizar a través da internet.

Este decreto modifica tamén, na disposición derradeira, o Decreto 262/2001, do 20 setembro, polo que se refunde a normativa reguladora do Rexistro Xeral de Contratistas da Comunidade Autónoma de Galicia ao introducir a tramitación por medios electrónicos, informáticos e telemáticos (EIT) dos procesos de alta, modificación e baixa do Rexistro e un sistema de notificacións electrónicas coas empresas rexistradas.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Facenda, oído o Consello Consultivo de Galicia e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día oito de xaneiro de dous mil dez,

DISPOÑO:

Capítulo i

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto.

É obxecto deste decreto a regulación do uso dos medios electrónicos, informáticos e telemáticos (EIT) nos procedementos de contratación, en concreto:

a) A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia.

b) O Sistema de Licitación Electrónica.

c) Os sistemas de tramitación e xestión electrónica relacionados coa contratación pública.

d) O Portal de Contratación Pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación.

1. Este decreto é de aplicación ao sector público autonómico, que comprende a Administración xeral da Comunidade Autónoma e as entidades relacionadas no artigo 2 do Decreto 217/2008, do 25 de setembro, polo que se regula o contido mínimo das propostas de creación de novas entidades do sector público autonómico.

2. Na medida que nesta disposición se determine, este decreto poderá aplicarse no ámbito das entidades locais, universidades públicas galegas e demais órganos ou entidades do sector público galego.

Artigo 3º.-Lexislación aplicable.

A utilización dos medios electrónicos, informáticos e telemáticos nos procedementos de contratación da Administración xeral da comunidade autónoma e demais entidades incluídas no seu ámbito de aplicación, rexerase por este decreto, pola normativa vixente en materia de contratación pública, polas disposicións relativas á utilización destes medios na normativa de procedemento administrativo e, en todo o que resulte de aplicación, pola normativa que regula a factura electrónica, a sinatura electrónica, os servizos da sociedade da información e do comercio electrónico e o acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos.

Artigo 4º.-Principios xerais e garantías.

1. Os órganos de contratación adoptarán as medidas necesarias para que se incorporen de forma paulatina os medios e procesos regulados neste decreto que permitan a tramitación integramente electrónica dos procedementos de contratación e a utilización de soportes electrónicos nos actos das entidades contratantes, dos licitadores e dos contratistas, para substituír progresivamente o papel. Co fin de impulsar a tramitación electrónica incorporarase progresivamente o uso, por parte dos empregados públicos, da sinatura electrónica e a notificación electrónica coa finalidade de mellorar a eficacia e eficiencia dos procesos e reducir os prazos de xestión.

2. Os requisitos e documentacións requiridos nos procesos vinculados ás aplicacións e os servizos electrónicos que se aproben ou implementen serán obxecto de análise e revisión de acordo co principio de simplificación e racionalización administrativa.

3. Velarase por preservar a dispoñibilidade, a confidencialidade e a integridade dos datos tratados, así como por garantir a súa protección integral e conservación nos formatos utilizados ou noutro calquera que asegure a identidade e integridade da información necesaria para reproducilos.

4. As aplicacións e os sistemas de información e comunicación utilizados nos procesos relacionados coa contratación pública servirán para garantir a compatibilidade e interoperabilidade entre si e cos sistemas doutros órganos ou administracións públicas ás cales, por resultar exixible a teor da normativa de aplicación, se deba facilitar información ou transmitir datos.

5. A utilización das técnicas electrónicas, informáticas e telemáticas terá as limitacións establecidas polo ordenamento xurídico, e en especial garantirá a aplicación do disposto na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

Capítulo ii

A plataforma de contratos públicos de Galicia

Artigo 5º.-Creación da Plataforma de Contratos Públicos de Galicia.

Créase a Plataforma de Contratos Públicos de Galicia co obxecto de poñer á disposición de todos os órganos de contratación do sector público galego, a través da internet, un medio oficial para:

a) Informar sobre as licitacións sometidas á Lei 30/2007, de contratos do sector público, nos termos que nela se establecen.

b) Informar sobre a composición das mesas de contratación, comités de expertos e organismos técnicos especializados que interveñan no proceso de adxudicación.

c) Informar sobre a data e hora de realización dos actos públicos das mesas de contratación.

d) Servir de repositorio de pregos e demais documentos de interese para a licitación.

e) Servir de soporte á información xeral relativa ao contacto coas entidades e órganos de contratación dados de alta no sistema (número de teléfono e fax, enderezo postal e conta de correo electrónico).

f) Subministrar os enlaces aos anuncios publicados nos distintos diarios oficiais.

g) Calquera outro servizo complementario asociado ao tratamento informático dos datos nela contidos.

Artigo 6º.-Incorporación dos perfís do contratante á plataforma.

1. Os órganos de contratación do sector público autonómico deberán publicar nesta plataforma o seu perfil de contratante.

2. Os órganos de contratación das entidades locais, universidades públicas galegas e demais entidades do sector público galego poderán, voluntariamente, solicitar a alta no sistema para difundir os datos dos seus perfís na Plataforma de Contratos Públicos de Galicia.

Artigo 7º.-Acceso á Plataforma de Contratos Públicos de Galicia.

1. O acceso á plataforma será público e gratuíto.

2. Nos pregos de cláusulas administrativas dos contratos así como nos anuncios de licitación dos diarios oficiais e nas instrucións de ámbito interno as que se refiren os artigos 175 e 176 da Lei 30/2007, do 30 de outubro, de contratos do sector público, especificarase esta plataforma como unha das formas de acceder ao perfil do contratante dos órganos de contratación.

Artigo 8º.-Requisitos da publicación.

Para os efectos previstos no título I do libro III da Lei 30/2007, do 30 de outubro, de contratos do sector público, o sistema informático que soporta a Plataforma de Contratos Públicos de Galicia acreditará, en forma fidedigna, o momento do inicio da difusión pública da información nela contida mediante o sistema de certificación das publicacións realizadas a través do Rexistro Telemático da Xunta de Galicia. Este rexistro emitirá un selo de data e hora que se incorporará á plataforma e nel quedará constancia dun asento cun número, data e hora da publicación e identificación do actuante.

Será responsabilidade do titular do perfil o envío dos anuncios á plataforma, o seu contido e o seu mantemento no portal durante os prazos legalmente establecidos.

Artigo 9º.-Conexión con outras plataformas de contratación.

En atención ao disposto no artigo 309.5º da Lei 30/2007, do 30 de outubro, de contratos do sector público, a información contida na Plataforma de Contratación da Comunidade Autónoma de Galicia interconectarase coa Plataforma de Contratación do Estado na forma en que se determine mediante convenio.

De igual forma, estableceranse os sistemas de interoperabilidade necesarios cos servizos de información similares que poidan articular outras administracións públicas galegas.

Artigo 10º.-Normativa de desenvolvemento.

Por orde da consellería competente en materia de facenda estableceranse os contidos que presta a plataforma, así como os procedementos de alta, baixa e modificacións dos perfís que a integran.

Os servizos transversais facilitados, así como o establecemento de protocolos de comunicación de información e as formas de integración con outros sistemas de información, estarán de acordo cos criterios establecidos dende a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica.

Capítulo iii

O sistema de licitación electrónica

Artigo 11º.-Descrición do Sistema de Licitación Electrónica da Xunta de Galicia.

1. A través do Sistema de Licitación Electrónica da Xunta de Galicia poderán utilizarse medios e soportes EIT en todas as actuacións e trámites do procedemento de adxudicación dos contratos ata o momento da súa formalización.

2. Os pregos de cláusulas administrativas particulares e as convocatorias indicarán, en cada procedemento de contratación, o carácter obrigatorio ou non de tramitar todo ou parte del electronicamente.

3. A Xunta de Galicia, a través do Portal de Contratación Pública da Comunidade Autónoma de Galicia e do propio Sistema de Licitación Electrónica, facilitará aos interesados os documentos, programas e canta información sexa necesaria para participar nas licitacións dos contratos públicos por medios EIT.

4. Os licitadores, como requisito previo á presentación de ofertas ou solicitudes de participación, deberán estar inscritos e con certificación vixente no Rexistro Xeral de Contratistas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 12º.-Garantías do Sistema de Licitación Electrónica.

O Sistema de Licitación Electrónica da Xunta de Galicia deberá garantir a través dos medios técnicos existentes:

a) Que os programas e aplicacións necesarios para a presentación electrónica de ofertas e solicitudes de participación sexan de amplo uso, fácil acceso e non discriminatorios.

b) Que a súa dispoñibilidade e accesibilidade polos interesados non limite ou restrinxa a concorrencia.

c) A correcta transmisión e a constancia da identidade do remitente, do órgano destinatario e a data e hora de presentación da documentación.

d) A integridade dos datos e a confidencialidade das solicitudes de participación e das proposicións, garantindo que ninguén poida ter acceso aos datos transmitidos antes de que finalicen os prazos de aplicación.

e) O acceso ao contido das solicitudes de participación e das proposicións unicamente pola acción simultánea das persoas autorizadas a través de medios de identificación seguros e nas datas establecidas.

f) Que os formatos dos documentos electrónicos que integran os expedientes de contratación se axusten a especificacións que garantan a súa libre e plena accesibilidade polo órgano de contratación, os órganos de fiscalización e control, os órganos xurisdicionais e os interesados, durante o prazo polo que deba conservarse o expediente.

Artigo 13º.-Desenvolvemento normativo e de especificacións técnicas.

A consellería competente en materia de facenda aprobará funcionalmente as aplicacións informáticas que afecten o Sistema de Licitación Electrónica, que seguirán os criterios técnicos establecidos con carácter xeral pola Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica.

Capítulo iv

Sistemas de tramitación e xestión electrónica

Artigo 14º.-Notificación electrónica de actos.

A validez e os efectos xurídicos das comunicacións e notificacións electrónicas rexeranse polo establecido no artigo 28 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, na disposición adicional décimo novena da Lei 30/2007, do 30 de outubro, de contratos do sector público, e no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 15º.-Sistema de facturación electrónica da Xunta de Galicia.

1. A Xunta de Galicia implementará un sistema de tramitación de facturas electrónicas que se baseará en aplicacións informáticas que incorporen a xestión documental e o emprego de procedementos electrónicos de identificación e sinatura.

2. O sistema de facturación electrónica da Xunta de Galicia garantirá:

-A autenticidade da orixe das facturas e a integridade do seu contido (o que se acreditará mediante sinatura electrónica recoñecida ou calquera outra admitida e/ou homologada pola Administración competente).

-A conservación das facturas expedidas de forma que se asegure a súa lexibilidade no formato orixinal no que se recibiu ou remitiu, así como, se é o caso, a dos datos asociados e mecanismos de verificación de sinatura ou outros elementos autorizados.

3. As facturas que se tramiten polo sistema de facturación electrónica deberán reunir os requisitos exixidos para a emisión de facturas conforme o sinalado na normativa aplicable.

4. O procedemento de tramitación de facturas do sistema comprenderá os seguintes trámites:

a) Recepción, rexistro e arquivo das facturas.

b) Conformidade da factura polos órganos responsables da prestación facturada.

c) Recoñecemento da obriga polo órgano competente.

d) Ordenación do pagamento.

5. A consellería competente en materia de facenda ditará as normas de desenvolvemento que regulen os procesos de facturación electrónica do sistema.

Artigo 16º.-Rexistro Telemático.

Os envíos documentais efectuados polos licitadores ou contratistas por medios EIT, quedarán rexistrados no Rexistro Telemático da Xunta de Galicia de conformidade co disposto no Decreto 164/2005, do 16 de xuño. Do mesmo modo quedarán rexistradas as notificacións e comunicacións electrónicas que efectúen os entes previstos no artigo 2.1º deste decreto.

Nese rexistro deberá quedar constancia do asento e do número da entrada ou saída, da data e hora de presentación, da identidade do remitente e da do destinatario a que se dirixe a documentación.

Capítulo v

O portal da contratación pública da Comunidade Autónoma de Galicia

Artigo 17º.-Creación.

Créase un Portal da Contratación Pública da Comunidade Autónoma de Galicia integrado na política corporativa de desenvolvemento de portais e webs da Xunta de Galicia, coa finalidade de dispoñer, a través da internet, dun sitio web de difusión e acceso a todas as aplicacións e servizos de interese para os licitadores de contratos do sector público galego.

Artigo 18º.-Contidos do Portal da Contratación Pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

No portal incluirase un inventario dos servizos e trámites que, en materia de contratación pública, se realicen por medios EIT. En concreto, poñeranse á disposición dos interesados os seguintes contidos:

-Acceso á Plataforma de Contratos de Galicia.

-Acceso ao Sistema de Licitación Electrónica.

-Acceso á tramitación telemática de xestións do Rexistro Xeral de Contratistas de Galicia.

-Acceso ao sistema de facturación electrónica da Xunta de Galicia.

-Acceso a información sobre o sistema de presentación telemática de avais na Caixa Xeral de Depósitos da Comunidade Autónoma de Galicia.

-Acceso aos diarios oficiais.

-Acceso a outras plataformas de contratación de ámbito autonómico, estatal e comunitario.

-Outros datos, documentos, programas e demais información de interese no ámbito deste decreto.

Disposición adicional

Única.-Reutilización de aplicacións propiedade da Xunta de Galicia.

A Xunta de Galicia, en canto titular dos dereitos de propiedade intelectual de aplicacións desenvolvidas neste decreto polos seus servizos ou cuxo desenvolvemento fose obxecto de contratación, poderá poñelas á disposición de calquera outra Administración ou entidade do sector público galego sen contraprestación ningunha e sen necesidade de convenio.

Disposición transitoria

Única.-Sinatura electrónica.

Mentres non se elabore unha norma de alcance xeral para toda a Administración autonómica, todos os actos e manifestacións de vontade dos órganos de contratación ou das empresas licitadoras e contratistas que teñan efectos xurídicos deberán ser autenticados mediante sinatura electrónica recoñecida de acordo coa Lei 59/2003, do 19 de decembro, de sinatura electrónica, e coa Orde autonómica do 25 de novembro de 2004, pola que se establecen as normas específicas sobre o uso da sinatura electrónica nas relacións por medios electrónicos, informáticos e telemáticos coa Consellería de Economía e Facenda (na actualidade Consellería de Facenda) e os seus organismos e entidades adscritas.

Disposición derrogatoria

Única.-Derrogación normativa.

Quedan derrogadas as normas de igual o inferior rango en canto contradigan ou se opoñan ao disposto neste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira

Modificación do Decreto 262/2001, do 20 de setembro, polo que se refunde a normativa reguladora do Rexistro Xeral de Contratistas.

Modifícase o Decreto 262/2001, do 20 de setembro, polo que se refunde a normativa reguladora do Rexistro Xeral de Contratistas.

Un.-Modifícase o artigo 4, que queda redactado como segue:

«Artigo 4º.-Clases de inscricións.

1. As inscricións que se practiquen no rexistro poderán ser voluntarias ou obrigatorias.

2. Será obrigatoria a inscrición para os contratistas que desexen acollerse ao réxime de fianzas globais ou ao Sistema de Licitación Electrónica da Xunta de Galicia.

3. Tamén será obrigatoria, e realizarase de oficio, a inscrición das empresas incursas nas prohibicións de contratar nos casos especificados no artigo 50.4º da Lei 30/2007, do 30 de outubro, de contratos do sector público, e cando a súa declaración corresponda á Administración da Comunidade Autónoma de Galicia ou ás entidades locais galegas.

4. En todos os casos non previstos no punto anterior a inscrición será voluntaria».

Dous.-Engádese un novo artigo 12 bis co seguinte teor literal:

«Artigo 12º bis.-Tramitación por medios EIT dos procedementos do Rexistro Xeral de Contratistas.

O Rexistro Xeral de Contratistas da Comunidade Autónoma de Galicia impulsará a utilización de medios EIT sen prexuízo do dereito dos interesados a elixir en todo momento a canle para relacionarse co órgano responsable da xestión.

Para tal fin, implementarase un servizo de notificación electrónica que poñerá á disposición das empresas rexistradas que o soliciten a posibilidade de recibir de forma alternativa por vía telemática as notificacións que actualmente reciben en papel.

Os procedementos de inscrición, modificación rexistral, baixas e demais actuacións relativas ao rexistro poderán realizarse por medios EIT, na forma e coas especificacións técnicas que se determinen nas normas de desenvolvemento deste decreto.

A subscrición ás citadas funcionalidades será voluntaria e terá carácter gratuíto».

Tres.-Engádese unha disposición derradeira co seguinte teor literal:

«Disposición derradeira.-Normativa de desenvolvemento.

Facúltase a persoa titular da Consellería de Facenda para ditar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e aplicación deste decreto e, en particular para modificar os modelos de anexos que figuran neste decreto».

Segunda.-Normativa de desenvolvemento.

Facúltase a persoa titular da consellería competente en materia de facenda para ditar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e aplicación deste decreto.

Terceira.-Entrada en vigor.

Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, oito de xaneiro de dous mil dez.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Marta Fernández Currás

Conselleira de Facenda