DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 49 Venres, 12 de marzo de 2010 Páx. 3.318

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E INDUSTRIA

ORDE do 5 de marzo de 2010 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para a modernización de comercios situados en zonas rurais da Comunidade Autónoma de Galicia en desenvolvemento do Plan Ágora, agora Re-comercia, e se procede á súa convocatoria (IN218A-presentación electrónica).

En Galicia, durante as últimas décadas producíronse importantes cambios na sociedade rural, caracterizados en moitos casos por unha redución paulatina da oferta comercial así como pola perda da competitividade que se dá no comercio retallista situado nas zonas rurais de Galicia. Esta redución da oferta comercial vai unida en ocasións á diminución da poboación en determinadas zonas e a un envellecemento progresivo desta. Esta circunstancia provoca que a rendibilidade económica de determinadas actividades comerciais en ocasións se vexa limitada. De igual maneira, a redución da oferta comercial pode chegar a provocar dificultades de abastecemento da poboación residente. Estas circunstancias fan que o mantemento de niveis axeitados de actividade comercial nestes ambientes rurais se considere prioritario.

Por isto, o Plan Ágora, agora Re-comercia recolle, un programa específico, no que se definen como obxectivos básicos a integración das poboacións rurais, ao facilitar que a poboación que reside nelas se beneficie do mantemento de niveis axeitados de actividade comercial no ámbito territorial facilitando que poida acceder ao máximo abano de servizos, que poidan proverse localmente, así como contribuír á súa renovación e modernización co obxectivo de mellorar a calidade dos seus servizos e acadar o nivel de competitividade que exixe o mercado actual.

En virtude do exposto, e no exercicio das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Convocatoria.

1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases polas que se rexerá a concesión das subvencións da Consellería de Economía e Industria destinadas a promocionar e incentivar a modernización e a implantación de comercios situados en zonas rurais de Galicia, a implantación de comercios sitos nas diversas rutas do Camiño de Santiago e a concesión de subvencións para comerciantes ambulantes, que se inclúen como anexo I.

2. Así mesmo, por medio desta orde convócase a devandita subvención para o ano 2010.

Artigo 2º.-Solicitudes.

1. Os formularios de solicitude de axuda regulados nesta orde deberaos obter, cubrir, validar e imprimir necesariamente o solicitante a través da aplicación informática Axudas Virtual (procedemento IN218A-presentación electrónica), dispoñible no seguinte enderezo da internet: http://axudasindustria.xunta.es/att. Tamén se pode acceder, na oficina virtual desta consellería, sita no enderezo da internet http://economiaeindustria.xunta.es e no enderezo http://www.xunta.es/presentacion-electronica-da-xunta-de-galicia da Xunta de Galicia facendo uso do enlace dispoñible co procedemento IN218A.

Para cubrir correctamente os formularios de solicitude, no citado enderezo da internet disporase de instrucións de axuda que deberán ser observadas en todo momento polos solicitantes.

O prazo para iniciar solicitudes a través da aplicación informática remata 24 horas antes do sinalado no número 2 deste artigo.

En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información, poderán dirixirse á Dirección Xeral de Comercio a través do número de teléfono 981 54 54 19, do número de fax 981 54 55 41 ou do enderezo de correo electrónico cei.dxc.axudas@dxcomercio.es, que adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación por escrito de solicitudes.

Os anexos desta convocatoria publícanse no Diario Oficial de Galicia exclusivamente para efectos informativos, e é necesario empregar a aplicación informática indicada para a obtención dos formularios de solicitude.

A presentación de solicitudes farase por vía escrita (en soporte papel) ou en formato electrónico ante o Rexistro Telemático da Xunta de Galicia logo da obtención e formalización dos formularios de acordo co previsto neste artigo.

2. O prazo de presentación de solicitudes será desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia ata o día 20 de abril de 2010 ambos inclusive.

As solicitudes en formato papel presentaranse preferentemente no Rexistro da Xunta de Galicia, así como nos de calquera outro órgano da Administración xeral do Estado, das comunidades autónomas ou das entidades que integran a Administración local, sempre que neste último caso se teña subscrito o oportuno convenio, ou polos restantes medios previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (en diante, Lei 30/1992).

As solicitudes tamén poderán presentarse en formato electrónico, en vez de en papel, ante o Rexistro Telemático da Xunta de Galicia, mediante sinatura electrónica do/a representante legal do/a solicitante ou persoa que o/a representa e cando non sexa preciso achegar ningunha documentación en papel, téndose que cumprir os seguintes requisitos:

O presentador deberá posuír un certificado dixital en vigor baixo a norma X.509 V3 recoñecido pola plataforma de validación e sinatura electrónica @firma. Os prestadores recoñecidos son: DNI electrónico, Camerfirma, izenpe, CATCert (Axencia Catalá de Certificación), ANF AC, SCR (Servizo de Certificación dos Rexistradores), ACA, ACCV (Autoridade de Certificación da Comunidade Valenciana), Ancert (Axencia Notarial de Certificación), FNMT (Fábrica Nacional de Moeda e Timbre), Firma profesional e Banesto CA.

3. Xunto cos formularios de solicitude, deberá anexarse en formato electrónico a documentación a que se fai referencia no número 2 do artigo 4º do anexo I das bases reguladoras. Para isto, no proceso de formalización telemática permitirase anexar á solicitude os arquivos informáticos necesarios. No caso de presentación telemática unha vez asinados co certificado dixital do presentador os formularios normalizados, procederase á transferencia telemática da dita documentación ao Rexistro Telemático da Xunta de Galicia, creado polo Decreto 164/2005, do 16 de xuño. Unha vez completado o proceso de transferencia telemática, efectuarase a anotación correspondente no rexistro de entrada, e nese momento expedirase, empregando as características da aplicación telemática, un recibo no cal quedará constancia do feito da presentación.

4. A Consellería de Economía e Industria velará polos datos de carácter persoal que serán obxecto de tratamento, e para eses efectos procederase á súa incorporación a un ficheiro que cumprirá as exixencias da Lei 15/1999, de protección de datos, adoptándose tanto as medidas de seguridade técnicas como organizativas.

A finalidade da recollida e tratamento dos datos persoais será estritamente a xestión e tramitación do expediente correspondente e as que deriven da aplicación da Lei 4/2006, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega.

Os datos non serán obxecto de cesión a terceiros, no entanto, a Consellería de Economía e Industria revelará ás autoridades públicas competentes os datos persoais e calquera outra información que estea no seu poder ou sexa accesible a través dos seus sistemas e sexa requirida de conformidade coas disposicións legais e regulamentarias aplicables, de ser o caso.

Decláranse recoñecidos e poderán exercerse os dereitos de acceso, cancelación, rectificación e oposición por escrito e achegando identificación suficiente ao seguinte enderezo: edificios administrativos San Caetano-San Caetano, s/n, 15704 Santiago de Compostela, ou ben mediante o procedemento habilitado para o efecto e que poderá atopar na guía do cidadán da páxina web da Xunta de Galicia.

Artigo 3º.-Prazo de duración do procedemento de concesión.

Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas e valoradas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras, que non poderá ter unha duración superior a seis meses.

Artigo 4º.-Información aos interesados.

Sobre este procedemento administrativo, que ten o código IN218A-presentación electrónica, poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Dirección Xeral de Comercio, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da consellería (http:/economiaeindustria.xunta.es).

b) O teléfono 981 54 54 19 e o fax 981 54 55 41 da devandita dirección xeral.

c) O enderezo electrónico cei.dxc.axudas@xunta.es.

d) Presencialmente.

Así mesmo, para cuestións xerais sobre este ou outro procedemento, poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia: 012 (desde o resto do Estado: 902 12 00 12).

Disposicións derradeiras

Primeira.-Habilitación para o desenvolvemento.

Facúltase a directora xeral de Comercio para que dite as resolucións que sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación desta orde.

Segunda.-Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de marzo de 2010.

Javier Guerra Fernández

Conselleiro de Economía e Industria

anexo I

Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para a modernización de comercios situados en zonas rurais da Comunidade Autónoma de Galicia

Artigo 1º.-Obxecto e réxime da subvención.

1. A subvención regulada por estas bases ten por obxecto promocionar e incentivar a modernización e a implantación de comercios situados en zonas rurais de Galicia, a implantación de comercios sitos en zonas rurais de Galicia nas diversas rutas do Camiño de Santiago, e a renovación dos vehículos comerciais e toldos dos comerciantes ambulantes.

Para os efectos desta orde considéranse comercios rurais os situados en:

a) Concellos con poboación inferior a 10.000 habitantes de acordo co establecido no Real decreto 1918/2009, do 11 de decembro, polo que se declaran as cifras oficiais de poboación resultantes da revisión do padrón municipal referidas ao 1 de xaneiro de 2009 (anexo VIII).

b) Núcleos de poboación que non superen os 1.500 habitantes, situados en municipios de máis de 10.000 habitantes, con ou sen planeamento municipal vixente, sempre que o concello correspondente certifique o seu carácter de núcleo rural.

2. O procedemento de concesión desta subvención tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, e quedará suxeito ao réxime de axudas de minimis, polo que non poderán exceder os límites cuantitativos (200.000 euros nun período de tres anos) establecidos no Regulamento (CE) nº 1998/2006 da Comisión da Unión Europea, do 15 de decembro de 2006, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas de minimis (DOUE nº L379/5, do 28 de decembro de 2006).

3. Con carácter xeral e de acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, considéranse gastos subvencionables aqueles que de xeito indubidable respondan á natureza da actividade subvencionable.

En concreto, considéranse actuacións subvencionables, sempre que estas sexan realizadas e efectivamente pagadas desde a data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia ata a data de remate da xustificación dos investimentos, de acordo co artigo 16.1 as seguintes:

3.1) Para os comerciantes retallistas con establecementos sinalados no artigo 1º 1 a) e b):

a) Custo das obras e/ou ampliación do local comercial sempre que a superficie resultante non supere os 300 m2. Esta limitación de superficie non será de aplicación para as actividades encadradas baixo a epígrafe do IAE 653.1.

b) Custo de adquisición de mobles, elementos de decoración e calquera outro tipo de equipamento comercial, con exclusión do equipamento informático, fotocopiadoras, televisións, monitores, etc.

c) Deseño e execución de campañas publicitarias ou promocionais dirixidas á captación e fidelización de clientes no territorio (tales como deseño, produción e inserción de publicidade en radio, prensa, televisión e banners publicitarios-internet).

d) Adquisición de vehículos comerciais de ata 3.500 quilogramos pma (peso máximo autorizado) de uso exclusivo para o desenvolvemento da actividade económica subvencionada, segundo o anexo VI, debidamente rotulado co nome e enderezo do establecemento comercial.

3.2) Para a implantación de comercios nalgunha das rutas do Camiño de Santiago e que sexan zonas rurais segundo o artigo 1º.1 a) e b):

a) Custo das obras do local comercial sempre que a superficie resultante non supere os 300 m2. Esta limitación de superficie non será de aplicación para as actividades encadradas baixo a epígrafe do IAE 653.1.

b) Custo de adquisición de mobles, elementos de decoración e calquera outro tipo de equipamento comercial, con exclusión do equipamento informático, fotocopiadoras, televisións, monitores etc.

c) Deseño e execución de campañas publicitarias ou promocionais dirixidas á captación e fidelización de clientes no territorio (tales como deseño, produción e inserción de publicidade en radio, prensa, televisión e banners publicitarios-internet).

3.3) Para os comerciantes ambulantes:

a) A adquisición de vehículos comerciais e/ou vehículos-tenda de ata 3.500 kilogramos pma (peso máximo autorizado) de uso exclusivo para o desenvolvemento da actividade económica subvencionada, segundo o anexo VI, debidamente rotulado.

b) Os toldos e/ou capotas que empreguen para protexer a súa mercadoría. Os toldos e/ou capotas serán de cor branca ou beixe, serigrafados coa lenda Cofinanciado pola Xunta de Galicia cunhas medidas de 8 cm de largo por 6 cm de alto, e para unhas características de lona de 450 g/metro cadrado na súa trama do tecido.

4. Quedan expresamente excluídas do ámbito de aplicación desta orde as actuacións seguintes:

a) A adquisición de locais e, en xeral, de bens inmobles.

b) As obras realizadas en almacéns, reboticas, oficinas, aseos, que non se destinen a superficie de venda, así coma os equipamentos destinados para estes, tales como cámaras frigoríficas, mobiliario, etc.

c) A maquinaria e equipamentos para a fabricación, transformación e elaboración de produtos de consumo final.

d) Os elementos de uso profesional.

e) Os fondos de comercio e dereitos de traspaso.

f) Os bens usados.

g) As compras de mercadorías obxecto de comercialización.

h) As compras de material funxible e doutros elementos amortizables nun ano.

i) Elementos publicitarios e de patrocinio, tales como folletos, bolsas, tarxetas, gorras, camisetas, mandís, chandals etc.

j) Os portes e outros custos de transportes.

k) As taxas por autorizacións administrativas, permisos e licenzas, tributos, o IVE soportado ou outras taxas recuperables polo beneficiario.

l) Os gastos de funcionamento da actividade.

m) Os gastos de reparación ou de mantemento.

n) Non terán carácter subvencionable os investimentos realizados mediante contratos de arrendamento financeiro ou outras modalidades de financiamento.

Artigo 2º.-Financiamento e concorrencia.

1. As subvencións que se establezan para as actuacións obxecto desta orde, serán con cargo á aplicación orzamentaria 08.03.751-A.770.3 Fomento do comercio rural, cun importe máximo de 1.680.000 euros para o ano 2010, sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria, o que poderá dar lugar á concesión de máis subvencións de acordo coa orde de prelación de solicitantes que resulte da aplicación dos criterios do artigo 9º.

2. Para poder optar á axuda, establécese unha contía mínima de investimento subvencionable de 1.500 euros, IVE excluído. O investimento máximo subvencionable será de 50.000 euros, IVE excluído para os comerciantes retallistas con establecemento comercial. Estes límites non serán de aplicación para os conceptos dos toldos e/ou capotas.

As axudas consistirán nunha subvención a fondo perdido de ata o 50% do investimento subvencionable aprobado pola Dirección Xeral de Comercio. Estas axudas veranse incrementadas ata o 70% no caso daqueles comerciantes cuxo establecemento estea nalgunha das rutas do Camiño de Santiago.

No caso das axudas á adquisición de vehículos comerciais a subvención a fondo perdido será de ata o 20%.

Para os toldos e/ou capotas dos comerciantes ambulantes a subvención será de ata 10 €/metro cadrado ata un máximo de 500 €.

3. O importe das axudas e subvencións reguladas nesta orde en ningún caso poderá ser de tal contía que, illada ou en concorrencia con outras axudas e subvencións das distintas administracións ou calquera dos seus entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o 100% do investimento subvencionable.

4. As axudas previstas nesta orde serán incompatibles con calquera outra das reguladas por esta consellería para os mesmos conceptos subvencionables, e en calquera caso, serán incompatibles coa axuda recollida baixo o procedemento IN224A Rede de comercio rural galego.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

1. Poderán ser beneficiarios os comerciantes retallistas, xa sexan persoas físicas ou xurídicas, sociedades civís e comunidades de bens, legalmente constituídas e que cumpran os seguintes requisitos:

a) Que desenvolvan ou inicien a súa actividade en establecementos comerciais situados en zonas rurais da Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo co establecido no artigo 1º destas bases, e que o seu enderezo social e fiscal radique igualmente en Galicia.

b) Que a súa actividade principal estea incluída nalgunha das agrupacións ou epígrafes correspondentes á clasificación do imposto de actividades económicas relacionadas no anexo VI desta orde. No caso de que o solicitante estea dado de alta en dúas ou máis epígrafes do IAE, entenderase como actividade principal aquela que comporte a maior facturación e, se isto non é posible de determinar, atenderase á superficie de venda destinada a cada actividade.

c) Que non superen os dez traballadores.

d) Que os locais comerciais non superen os 300 m2 de superficie comercial destinada á exposición e venda ao público, con excepción dos establecementos comerciais sinalados no anexo I, artigo 1.3º a). Quedan excluídos para o cómputo desta superficie as oficinas, reboticas, almacéns e salas de refrixeración, talleres e outros locais dedicados á elaboración ou manipulación de produtos, aulas, aseos etc.

2. Comerciantes que inicien a súa actividade nalgunha das rutas do Camiño de Santiago ao seu paso por Galicia e que sexan zonas rurais segundo o artigo 1º.1 a) e b), que cumpran co sinalado no artigo 3º.1. a), b), c), d), e que, ademais, o 75% dos produtos ofertados estean amparados pola etiqueta Artesanía de Galicia, produtos de denominación de orixe galega, e/ou produtos recollidos baixo a marca de Galicia Calidade.

3. Comerciantes ambulantes, xa sexan persoas físicas ou xurídicas, sociedades civís e comunidades de bens, legalmente constituídas e que cumpran os seguintes requisitos:

a) Que figuren inscritos no Rexistro de Vendedores Ambulantes da Xunta.

b) Que desenvolvan ou inicien a súa actividade comercial nalgún dos concellos do anexo VIII, e que o seu enderezo social e fiscal radique igualmente en Galicia.

c) Que non superen os dez traballadores.

d) Que a súa actividade principal estea incluída nalgunha das agrupacións ou epígrafes correspondentes á clasificación do imposto de actividades económicas relacionadas no anexo VI desta orde.

Os solicitantes non poderán estar incursos en ningunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 4º.-Solicitudes.

1. As solicitudes para participar no procedemento de concesión das subvencións presentaranse na forma e prazo que se indican no artigo 2º da orde de convocatoria.

2. Xunto coa solicitude deberá achegarse a documentación que a continuación se relaciona, en orixinal ou copia compulsada:

2.1. Para os solicitantes que se relacionan no artigo 3º.1:

a) Documentación que acredite a personalidade ou a identidade solicitante, xa que pode ser necesaria para dala de alta no ficheiro de terceiros da Xunta de Galicia se resulta beneficiaria da subvención solicitada.

a.1) Se é unha persoa física, copia compulsada do documento nacional de identidade.

Alternativamente, de acordo co disposto no artigo 2.2º do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos, a persoa solicitante poderá dar o seu consentimento para que o órgano instrutor comprobe os seus datos de carácter persoal, unha que vez estea dispoñible o mecanismo, por medio de conexión telemática co servizo horizontal de acceso ao sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Administracións Públicas. Para estes efectos, a persoa solicitante poderá cubrir a declaración que figura no modelo normalizado de solicitude.

No caso de non prestar o seu consentimento, a persoa solicitante deberá presentar fotocopia compulsada do documento mencionado no primeiro parágrafo.

Se a persoa solicitante actúa por medio de representante, documento acreditativo da súa identidade, de acordo co establecido nos dous parágrafos anteriores, así como poder bastante en dereito para actuar en nome e representación dela.

a.2) No caso de persoa xurídica, acta, escritura ou documento de constitución, estatutos e, se é o caso, modificación deles, debidamente legalizados, así como o código de identificación fiscal. A referida documentación deberá acreditar que o seu obxecto social abrangue a actividade para a que se solicita a subvención.

Así mesmo, achegarase a documentación acreditativa da identidade da persoa que asina a solicitude na súa representación, nos termos establecidos no punto anterior, e poder en dereito bastante para actuar como representante dela.

b) Documentación acreditativa do número total de traballadores da empresa (TC2) do mes anterior á presentación da solicitude ou, se é o caso, certificación da Seguridade Social da non existencia de traballadores.

c) Certificación expedida pola Axencia Estatal Tributaria en que se indiquen todas as epígrafes do imposto de actividades económicas nas cales figura dado de alta o solicitante.

d) No caso de apertura de establecemento, e de non ter no momento da solicitude o determinado no parágrafo anterior, presentarase copia do modelo 036 de comunicación previa de inicio de actividade da Axencia Tributaria, o cal ten que ter sido solicitado ante este organismo antes da data límite de presentación de solicitudes que se indica na convocatoria.

e) Copia da declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas ou do imposto de sociedades do último exercicio; neste último caso, se o solicitante está dado de alta en dúas ou máis epígrafes do IAE, deberá acreditar que a súa actividade principal é subvencionable segundo os datos de facturación ou, no seu defecto, de superficie de venda.

f) Declaración expresa sobre a concesión ou solicitude doutras axudas ou subvencións para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais así como declaración expresa de non estar incurso en ningunha das circunstancias previstas no artigo 10º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e declaración de axudas en réxime de minimis, segundo o anexo III desta orde.

g) Certificacións expedidas polos organismos competentes, acreditativas de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Axencia Estatal de Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda, no caso de que o solicitante denegue expresamente a autorización ao órgano xestor para que solicite de oficio estas certificacións.

Como caso xeral, estas certificacións non teñen que ser achegadas, xa que a solicitude da axuda leva consigo a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deben emitir os organismos citados no parágrafo anterior.

Se o certificado dispón de código electrónico de verificación coa Administración pública correspondente, poderá presentarse o dito documento sen compulsar.

No caso de que o solicitante deba presentar estes certificados na fase de emenda, logo de que a consulta polo órgano xestor non obtivese resultado favorable, a data de expedición dos certificados pola administración correspondente deberá ser posterior á data de consulta polo órgano xestor, o que se comunicará no requirimento de emenda da documentación.

h) Memoria dos investimentos para os que se solicita subvención, que incluirá, polo menos, a súa descrición e obxectivos. Así mesmo, no caso das actuacións comprendidas no artigo 1º.3.1 a) Custo das obras e/ou ampliación do local comercial deberá presentarse, igualmente, unha memoria valorada asinada por un técnico competente, con detalle a nivel de capítulo, das actuacións que se pretenden executar. Esta memoria poderá ser substituída por un proxecto técnico no caso de ser exixido polo concello.

i) Orzamento detallado de gastos previstos para a realización de cada un dos investimentos para os cales se solicita subvención e/ou factura pro forma deles. Non terán a consideración de orzamentos as estimacións de gastos realizadas polo solicitante e que carezan do soporte da oferta do provedor ou tarifa oficial do gasto. No caso das actuacións comprendidas nas alíneas a) e b) do artigo 1º.3, as facturas pro forma virán desagregadas por conceptos e importes e adaptadas á zona de exposición e venda. A relación nominativa de facturas presentarase segundo a folla 2 do anexo II.

Segundo o artigo 29.3º da Lei 9/2007, cando o importe do gasto subvencionable supere a contía de 30.000 euros no suposto de custo por execución de obra, ou de 12.000 euros no suposto de subministración de bens de equipamento, o beneficiario deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contracción do compromiso para a prestación do servizo ou a entrega do ben, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren.

A elección entre as ofertas presentadas, que deberán achegarse coa solicitude da subvención, realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía, e deberá xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa. Considerando o anterior, deberá achegarse a documentación disposta nos parágrafos seguintes:

i.a) Copia ordenada de todos e cada un dos orzamentos e ofertas detalladas dos investimentos sobre os que se solicita a axuda, obtidos dos provedores seleccionados polo solicitante, con independencia da contía dos investimentos.

i.b) Copia ordenada de todos e cada un dos orzamentos e ofertas que non foron seleccionadas polo solicitante para a realización do proxecto.

i.c) Memoria económica xustificativa da elección dos provedores, nos seguintes casos:

-Cando a elección do provedor non recaia na oferta económica máis vantaxosa, das tres que, como mínimo, obtivo o solicitante.

-Cando polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten.

Non existe a obriga de presentar esta memoria xustificativa cando a elección do provedor recaia na oferta económica máis vantaxosa das tres que, como mínimo, obtivo o solicitante.

As ofertas presentadas e os provedores elixidos supoñen unha documentación vinculante para o desenvolvemento do proxecto no caso de ser beneficiario da axuda. Non se considerarán subvencionables, parcial ou totalmente, aqueles investimentos dos que non se presente documentación económica completa conforme o aquí recollido.

j) Documentos gráficos das partes específicas que se van reformar e dos bens para os que se solicita subvención. As fotografías daquelas actuacións subvencionables consistentes en reformas de locais e/ou equipamentos comerciais cuxo importe, considerado tanto illada como conxuntamente, supere os 30.000 euros, irán acompañadas da correspondente acta notarial que dea fe do estado en que se atopaba o local e/ou os seus equipamentos con posterioridade á data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

k) Título de propiedade, cesión ou doazón, ou ben copia do contrato de aluguer ou traspaso a nome do solicitante. Se nos documentos presentados non se indica expresamente a posibilidade de que se poidan realizar reformas no local, deberá achegarse autorización expresa do propietario para realizar reformas nel.

l) Se é ocaso, certificado municipal da situación do local segundo o disposto no artigo 1º desta orde.

2.2. Os solicitantes que se relacionan no artigo 3º.2 deberán achegar, ademais de todo o sinalado nos puntos anteriores, documentos que amosen que o 75% dos produtos ofertados están amparados pola marca Artesanía de Galicia, de denominación de orixe galega e/ou amparados pola marca Galicia Calidade, e certificado do concello conforme o local comercial se asenta na ruta do Camiño de Santiago correspondente.

2.3. Os solicitantes que se relacionan no artigo no artigo 3º.3 deberán achegar a documentación sinalada nos puntos a), b), c), d), e), f), g), i), j), e, polo menos, un certificado municipal segundo o anexo VIII onde exercen a súa actividade.

Ademais disto, e para os efectos sinalados no artigo 9º destas bases, achegarase, se é o caso, a seguinte documentación:

Certificado expedido polo órgano competente de pertenza a unha asociación de comerciantes.

Certificado/s da/s entidade/s bancaria/s onde figure que o solicitante posúe medios de pagamento electrónicos.

Solicitude de oferta pública de sometemento ao sistema arbitral de consumo.

Artigo 5º.-Consentimentos e autorizacións.

1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras. De conformidade co disposto no artigo 20.3º da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, a presentación da solicitude de concesión da subvención polo interesado comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deben emitir a Axencia Estatal de Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia.

Non obstante, o solicitante poderá denegar o consentimento, facéndoo constar expresamente, debendo presentar entón as certificacións a que fai referencia este punto.

De acordo co disposto no artigo 35 f) da Lei 30/1992, non será necesario presentar a documentación xurídico-administrativa que xa se atope en poder desta consellería, sempre que se manteña vixente e se identifique nos formularios de solicitude o ano de presentación e o código de procedemento administrativo para o que foi presentada.

No suposto de imposibilidade material de obter a documentación conforme o punto anterior ou se se constatase a súa invalidez, o órgano competente poderá requirir o solicitante a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

Igualmente, de conformidade co mesmo artigo 20.3º da Lei 9/2007, se o solicitante indica que certa documentación que se deba usar neste procedemento xa consta no poder da consellería, a presentación da solicitude implica a autorización ao órgano instrutor para acceder a esa documentación.

2. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no devandito rexistro, feito que terá lugar agás nos supostos legalmente establecidos. Todo isto consonte o establecido na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, e na Lei orgánica 1/1982, do 5 de maio, pola que se regula a protección civil do dereito á honra, á intimidade persoal e familiar e á propia imaxe.

3. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas da Administración pública galega, esta consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a súa publicación na citada páxina web, coas excepcións previstas nas leis.

Artigo 6º.-Órganos competentes.

A Dirección Xeral de Comercio será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención, e correspóndelle ao conselleiro de Economía e Industria ditar a resolución de concesión.

Artigo 7º.-Instrución dos procedementos.

1. De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria, requirirase ao interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese, terase por desistido na súa petición, logo da correspondente resolución.

Este requirimento de emenda tamén se fará se das certificacións obtidas de conformidade co artigo 5º.1 resulta que o solicitante non se atopa ao día no pagamento das súas obrigas tributarias, coa Seguridade Social, ou con calquera outro organismo da Administración pública galega, ou no suposto de que sexa necesario achegar documentación, logo de aplicarse o disposto no artigo 35 f) da Lei 30/1992.

2. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderá requirirse o solicitante para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

3. Unha vez revisadas as solicitudes e as emendas feitas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria, serán remitidos á comisión encargada da súa avaliación, de acordo co establecido no artigo seguinte.

4. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na que se indicarán as causas desta.

Artigo 8º.-Comisión de avaliación.

1. A comisión de avaliación será o órgano colexiado encargado de valorar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados no artigo seguinte, así como de propoñer a concesión ou denegación das subvencións aos interesados.

2. A composición da comisión de avaliación será a seguinte:

a) Un xefe de servizo.

b) Un xefe de sección.

c) Un técnico da Dirección Xeral de Comercio.

3. Na proposta de concesión que formule a comisión figurarán de xeito individualizado os solicitantes propostos para obter a subvención, especificándose a avaliación que lles corresponde segundo os criterios recollidos no artigo seguinte. Así mesmo, indicarase a contía da subvención para cada un deles, ata esgotar o crédito dispoñible.

Artigo 9º.-Criterios de avaliación.

Os proxectos ou actuacións que se presenten deberán ser técnica, comercial e financeiramente viables, e os criterios de avaliación que servirán de base para a determinación da preferencia na concesión da subvención serán os seguintes:

a) Solicitude presentada correctamente, sen que sexa necesaria a súa rectificación nin petición de documentación complementaria, 1 punto.

b) Solicitantes que accedan por primeira vez á subvención, 1 punto.

c) Solicitantes que presenten un proxecto de nova implantación, 2 puntos.

d) Por pertenza a unha asociación de comerciantes, 1 punto.

e) Posta á disposición dos clientes de medios de pagamentos electrónicos, 1 punto.

f) Adhesión ao sistema arbitral de consumo, 1 punto.

g) Declaración-compromiso de uso e posterior utilización da lingua galega en campañas publicitarias, elementos promocionais e na sinalización interior e exterior do establecemento comercial, segundo o anexo IV, 1 punto.

Artigo 10º.-Audiencia.

1. Instruído o procedemento, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, porase de manifesto aos interesados para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que consideren pertinentes.

2. Porén, poderase prescindir do trámite a que se refire o punto anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.

Artigo 11º.-Resolución e notificación.

1. Unha vez concluído o trámite de audiencia, a comisión de valoración formulará a proposta de resolución, que se elevará, a través do órgano instrutor, ao conselleiro.

2. O conselleiro, á vista da proposta, ditará a correspondente resolución, que deberá estar debidamente motivada e expresará, cando menos, a actuación que se subvenciona, o seu custo, así como a subvención concedida, a súa contía, e o seu carácter de minimis ou, se é o caso, a causa de denegación.

En ningún caso o importe da subvención concedida poderá superar o custo do investimento que vaia desenvolver o beneficiario ou, se é o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable legalmente establecida.

3. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución ao interesado será de 6 meses contados a partir do seguinte ao da publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Se transcorrese o prazo máximo para resolver sen que recaese resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

4. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Non obstante, e de conformidade co establecido no artigo 59.6º b) da indicada lei, no caso das subvencións concedidas poderase substituír a notificación individual pola publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Consellería de Economía e Industria. Nesta publicación especificarase a data da convocatoria, o beneficiario, a cantidade concedida e a finalidade da subvención outorgada.

As solicitudes desestimadas notificaranse individualmente, con indicación das causas da desestimación.

Artigo 12º.-Réxime de recursos.

As resolucións ditadas ao abeiro da correspondente orde de convocatoria poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Economía e Industria, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de tres meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 13º.-Modificación da resolución.

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados nacionais ou internacionais, poderán dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. O órgano competente para a concesión da subvención poderá acordar a modificación da resolución por instancia do beneficiario, debendo cumprirse os seguintes requisitos:

a) Que a modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade das normas ou bases reguladoras.

b) Que se acredite a inexistencia de prexuízos a terceiros.

c) Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de ter concorrido na concesión inicial, non supoñan a denegación da axuda ou subvención.

O beneficiario deberá solicitar a modificación mediante instancia dirixida ao conselleiro de Economía e Industria acompañada da documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos sinalados no punto anterior, cun límite de 20 días hábiles antes da data de finalización do prazo de xustificación do investimento.

3. O acto polo que se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado polo conselleiro de Economía e Industria logo da instrución do correspondente expediente, no que se lle dará audiencia ao interesado nos termos previstos no artigo 10.

Artigo 14º.-Aceptación e renuncia.

1. Sen prexuízo dos recursos que procedan contra a resolución de concesión, transcorridos quince días naturais desde a notificación ou publicación desta sen que o interesado comunicase expresamente a súa renuncia á subvención entenderase que a acepta, e desde ese momento, adquirirá a condición de beneficiario.

A renuncia á subvención, debidamente motivada, poderase facer axustándose ao modelo que se inclúe como anexo V, así como por calquera outro medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 91 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

No caso de que se comunicase a renuncia en prazo, o conselleiro ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 42.1º da mesma lei.

Artigo 15º.-Obrigas dos beneficiarios.

Son obrigas do beneficiario:

a) Cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

b) Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o gozo da subvención.

c) Someterse ás actuacións de comprobación, que efectuará o órgano concedente, se é o caso, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos coma estatais ou comunitarios, para o que se achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

d) Comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención.

Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

e) Acreditar con anterioridade a que se dite a proposta de resolución de concesión que se encontra ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma galega, na forma que se determine regulamentariamente, e sen prexuízo do establecido na disposición adicional décimo oitava da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

f) Dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, así como cantos estados contables e rexistros específicos sexan exixidos polas bases reguladoras das subvencións, coa finalidade de garantir o axeitado exercicio das facultades de comprobación e control.

g) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

h) Adoptar as medidas de difusión contidas no número 3º do artigo 15 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

i) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 da dita lei.

j) Todos os investimentos deberán permanecer, cando menos, cinco anos desde a súa concesión no establecemento comercial declarado polo beneficiario na solicitude.

Artigo 16º.-Xustificación da subvención.

1. Para cobrar a subvención concedida, o beneficiario deberá presentar ata o 30 de outubro de 2010 a seguinte documentación orixinal ou, no seu defecto, copia compulsada:

a) Xustificantes dos investimentos: facturas dos provedores e demais documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil e con eficacia administrativa nos termos que se establezan regulamentariamente (importe sen IVE e importe total), en relación cos gastos subvencionables, emitidas dentro do período comprendido entre a data de inicio do proxecto e a data límite de xustificación do proxecto. Xuntarase relación nominativa de facturas agrupadas e ordenadas por actuacións subvencionables, facendo constar para cada documento o seu número de orde, data de expedición, expedidor, concepto, importe en euros e data de pagamento (especificándose, se é o caso, o tipo de cambio aplicado). A relación nominativa das facturas presentarase segundo o anexo VII.

A xustificación dos pagamentos acreditarase a través de transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto de pagamento comprendido entre a data de inicio do proxecto e a data límite da xustificación do proxecto. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento. Non se admitirán os pagamentos en efectivo.

Así mesmo, non se admitirán como xustificantes os obtidos a través da internet se non están validados pola entidade bancaria ou dispoñen de códigos para a súa verificación por terceiros na sede electrónica da dita entidade bancaria.

b) No caso de realización de obras e/ou ampliación do local comercial, cando o investimento supere o importe de 12.000 euros presentarase a memoria de fin de obra asinada por un técnico competente.

c) Fotografías das zonas reformadas que amosen as obras realizadas e/ou dos bens obxecto da subvención. As fotografías serán tomadas desde o mesmo ángulo desde o que se realizaron as remitidas coa solicitude.

d) Fotocopia da documentación do vehículo, permiso de circulación e tarxeta ITV.

e) Certificacións expedidas polos organismos competentes, acreditativas de estar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social, e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da comunidade autónoma, no caso de que o solicitante denegase expresamente a autorización ao órgano xestor para que solicite de oficio estas certificacións.

f) Xustificante de axudas obtidas ou declaración das solicitadas que se prevé obter para o mesmo investimento en calquera outra Administración, entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, indicando a súa contía, así como declaración expresa de non estar incurso en ningunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e declaración de axudas, en réxime de minimis, segundo o anexo III desta orde.

g) Certificación expedida pola entidade bancaria de titularidade da conta bancaria onde debe realizarse o pagamento, en que conste código do banco, código da sucursal, díxito de control e código da conta corrente.

h) No suposto sinalado no artigo 4.2º d) destas bases, presentarase certificación expedida pola Axencia Estatal Tributaria, na que se indiquen as epígrafes do imposto de actividades económicas nas cales figura dado de alta o solicitante.

2. Transcorrido o prazo indicado sen que o beneficiario presentase a documentación solicitada poderase entender que renuncia á subvención. Neste caso, o conselleiro ditará a oportuna resolución, nos termos do artigo 42.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 17º.-Pagamento.

1. Recibida a documentación xustificativa da subvención, os órganos competentes da consellería, antes de proceder ao seu pagamento, poderán realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da actividade subvencionada.

2. O libramento da subvención farase nun único pagamento, mediante transferencia bancaria.

3. As subvencións minoraranse proporcionalmente se o investimento xustificado é inferior ao orzamento que serviu de base para a resolución de concesión, sempre que estea garantida a consecución do obxecto e o investimento realizado non sexa inferior á contía mínima establecida no artigo 2º.2 destas bases. No caso de concorrencia con outras subvencións ou axudas observarase o establecido no artigo 2º.3 destas bases.

Artigo 18º.-Incumprimento, reintegros e sancións.

1. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como as establecidas na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II Do reintegro de subvencións da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da devandita Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 19º.-Control.

Estas subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei de subvencións de Galicia, así como ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas. Para estes efectos, as persoas beneficiarias das subvencións achegarán canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

Artigo 20º.-Publicidade.

No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución da concesión publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, beneficiario, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

Non obstante, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web da Consellería de Economía e Industria.

Artigo 21º.-Remisión normativa.

Para todo o non previsto nestas bases aplicarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Regulamento desta lei, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e no resto de normativa que resulte de aplicación.

Ver referencia pdf "04900D007P010.PDF"

Anexo VI

Relación de epígrafes do iae subvencionables

641.-Comercio polo miúdo de froitas, verduras, hortalizas e tubérculos.

642.-Comercio polo miúdo de carnes e miúdos; de produtos derivados cárnicos elaborados: de ovos, aves, coellos de granxa, caza; e de produtos derivados deles.

643.-Comercio polo miúdo de pescados e doutros produtos da pesca e da acuicultura e caracois.

644.-Comercio polo miúdo de pan, pastelaría, confeitaría e similares, e de leite e produtos lácteos.

645.-Comercio polo miúdo de viños e bebidas de todas as clases.

647.1.-Comercio polo miúdo de produtos alimenticios e de bebidas en establecementos con vendedor.

647.2.-Comercio polo miúdo de produtos alimenticios e de bebidas en réxime de autoservizo ou mixto en establecementos cuxa sala de vendas teña unha superficie inferior a 120 metros cadrados.

647.3.-Comercio polo miúdo de calquera clase de produtos alimenticios e de bebidas en réxime de autoservizo ou mixto en supermercados, denominados así cando a superficie da súa sala de vendas se atope comprendidas entre 120 y 399 metros cadrados.

651.-Comercio polo miúdo de produtos téxtiles, confección, calzado, peles e artigos de coiro.

652.2.-Comercio polo miúdo de produtos de drogaría, perfumaría e cosmética, limpeza, pinturas, vernices, disolventes, papeis e outros produtos para a decoración e de produtos químicos.

652.3.-Comercio polo miúdo de produtos de perfumaría e cosmética, e de artigos para hixiene e aseo persoal.

652.4.-Comercio polo miúdo de plantas e herbas en herboristarías.

653.-Comercio polo miúdo de artigos para o equipamento do fogar e a construción.

654.2.-Comercio polo miúdo de accesorios e pezas de recambio para vehículos terrestres.

654.5.-Comercio polo miúdo de toda clase de maquinaria.

657.-Comercio polo miúdo de instrumentos musicais en xeral, así como dos seus accesorios.

659.2.-Comercio polo miúdo de mobles de oficina e máquinas e equipamentos de oficina.

659.3.-Comercio polo miúdo de aparellos e instrumentos médicos, ortopédicos, ópticos e fotográficos.

659.4.-Comercio polo miúdo de libros, xornais, artigos de papelaría e escritorio e artigos de debuxo e belas artes.

659.5.-Comercio polo miúdo de artigos de xoiaría, reloxaría, prataría e bixutaría.

659.6.-Comercio polo miúdo de xoguetes, artigos de deporte, roupa deportiva, de vestir, calzado e lacado, armas, cartucharía e artigos de pirotecnia.

659.7.-Comercio polo miúdo de sementes, fertilizantes, flores e plantas e pequenos animais.

661.3.-Comercio polo miúdo en almacéns populares, entendendo por tales aqueles establecementos que ofrecen en seccións múltiples e venden en autoservizo ou en preselección unha selección relativamente ampla e pouco profunda de bens de consumo, cunha gama de prezos baixa e un servizo reducido.

662.2.-Comercio polo miúdo de toda clase de artigos, incluíndo alimentación e bebidas, en establecementos distintos dos especificados no grupo 661 e na epígrafe 662.1

663.1.-Comercio polo miúdo fóra dun establecemento comercial permanente de produtos alimenticios, incluso bebidas e xeados.

663.2.-Comercio polo miúdo fóra dun establecemento comercial permanente de produtos téxtiles e de confección.

663.3.-Comercio polo miúdo fóra dun establecemento comercial permanente de calzado, peles e artigos de coiro.

663.4.-Comercio polo miúdo fóra dun establecemento comercial permanente de artigos de droguería e cosméticos e de produtos químicos en xeral.

663.9.-Comercio polo miúdo fóra dun establecemento comercial permanente doutras clases de mercadorías n.c.o.p.

Ver referencia pdf "04900D007P010.PDF"

Ver referencia pdf "04900D009P029.PDF"