DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 72 Luns, 19 de abril de 2010 Páx. 6.096

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 25 de marzo de 2010 pola que se convocan probas libres de títulos dos establecidos ao abeiro da Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, que foron obxecto do proceso de acreditación de competencias.

O Real decreto 806/2006, do 30 de xuño, polo que se establece o calendario de aplicación da nova ordenación do sistema educativo, establecida pola Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, establece no seu artigo 18.2º que a implantación das titulacións correspondentes aos estudos de formación profesional e dos respectivos novos currículos comezará no ano académico 2007-2008 e deberá completarse dentro do prazo de aplicación da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, sen prexuízo da súa actualización permanente, de acordo coas exixencias do Sistema Nacional das Cualificacións e da Formación Profesional.

No número 3 do devandito artigo establécese que entanto que non se produza a implantación regulada no punto anterior seguirán vixentes as titulacións e os currículos derivados da Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo.

A Orde do 23 de abril de 2007 regula o desenvolvemento dos ciclos formativos de formación profesional, en réxime ordinario e para as persoas adultas, e as probas libres para a obtención dos títulos de técnico e de técnico superior.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria puxo en marcha de xeito experimental procesos de recoñecemento, avaliación, acreditación e rexistro da competencia profesional, ao abeiro do Real decreto 942/2003, do 18 de xullo, polo que se determinan as condicións básicas que deben cumprir as probas para a obtención dos títulos de técnico e de técnico superior de formación profesional específica, realizando convocatorias deste procedemento, e ao abeiro da Orde do 25 de febreiro de 2008 e da Orde do 1 de setembro de 2009 pola que se convocan unidades de competencia e prazas para o recoñecemento, a avaliación, a acreditación e a certificación da competencia profesional, e se determina o correspondente procedemento experimental.

Como consecuencia da entrada en vigor dos novos títulos de formación profesional establecidos ao abeiro da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, en substitución dos establecidos pola Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, e da necesidade de lles ofrecer ás persoas adultas que teñan acreditadas unidades de competencia recollidas nun título de formación profesional a posibilidade de obteren a titulación correspondente, procede convocar a realización de probas libres de módulos profesionais de ciclos obxecto de procesos experimentais de acreditación de competencia levados a cabo pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, co fin de lles permitir a estas persoas a finalización dos estudos e a obtención da titulación.

Por todo o anterior, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, facendo uso das competencias que lle confire o artigo 34.6º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPÓN:

Artigo 1º.-Obxecto.

1. Esta orde ten por obxecto establecer en centros públicos a realización dunha convocatoria de probas libres para a obtención de títulos de formación profesional dos establecidos ao abeiro da Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, que foron obxecto de procesos experimentais de acreditación de competencias convocados pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, co fin de lles permitir lograr a titulación ás persoas que teñan acreditadas unidades de competencia en virtude das convocatorias realizadas para tal fin na Comunidade Autónoma de Galicia.

A relación de ciclos formativos para os que se convocan probas libres de módulos profesionais no curso académico 2009-2010 e a dos centros públicos en que se realizarán as devanditas probas figuran no anexo I desta orde.

A convocatoria terá lugar no mes de xuño de 2010.

Poderán ser obxecto de avaliación nas devanditas convocatorias todos os módulos profesionais dos ciclos formativos que figuran no anexo I desta orde, agás o de formación en centros de traballo (FCT), que poderá ser obxecto de exención segundo se regula no artigo 8º desta orde.

2. As persoas que, logo de rematada esta convocatoria, teñan aínda módulos pendentes diferentes ao de FCT e que desexen finalizar os seus estudos poderán matricularse no título correspondente ou, de ser o caso, nas ensinanzas do título equivalente establecido ao abeiro da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, para o que se aplicará o réxime de validacións de módulos establecido no real decreto correspondente.

No caso do réxime ordinario, a matrícula formalizarase no curso que corresponda en función do cumprimento dos requisitos de promoción.

Artigo 2º.-Lugar e prazo de presentación de solicitudes.

1. As solicitudes de inscrición para participar nas probas libres obxecto desta orde presentaranse nas secretarías dos centros públicos designados para cada ciclo formativo, que se determinan no anexo I, no prazo comprendido entre o 10 e o 20 de maio de 2010.

2. Os modelos de solicitude axustaranse aos establecidos nos anexos II e III desta orde para ciclos de grao medio e superior, respectivamente. Xuntarase a documentación acreditativa que corresponda.

Os centros farán pública no taboleiro de anuncios a relación provisional de persoas admitidas no prazo máximo de dous días hábiles desde a finalización do prazo correspondente. Poderase presentar reclamación no prazo máximo de tres días hábiles.

A relación definitiva de persoas admitidas publicarase o día 4 de xuño de 2010 nos taboleiros de anuncios dos centros.

Artigo 3º.-Requisitos das persoas solicitantes.

Para poderen acceder á realización das probas libres obxecto desta orde, as persoas aspirantes deberán cumprir as seguintes condicións:

a) Cumprir os requisitos académicos de acceso directo ou mediante proba aos ciclos formativos correspondentes de grao medio ou superior, establecidos no artigo 41 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

b) Dispor dunha certificación acreditativa de módulos xa superados do título que se pretenda obter, ou ben certificación acreditativa de unidades de competencia relacionadas con el, obtidas mediante a participación en procesos de acreditación de competencia profesional realizados ao abeiro da Orde do 25 de febreiro de 2008 e da Orde do 1 de setembro de 2009 pola que se convocan unidades de competencia e prazas para o recoñecemento, a avaliación, a acreditación e a certificación da competencia profesional, e se determina o correspondente procedemento experimental, ou ben mediante a participaron en convocatorias de probas realizadas ao abeiro da Orde do 11 de febreiro de 2005, pola que se regulan as probas libres para a obtención dos títulos de técnico e de técnico superior de formación profesional específica da Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Non estar matriculado no curso académico 2009-2010 nos mesmos módulos profesionais que os establecidos ao abeiro da Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, nin, de ser o caso, nos módulos profesionais establecidos ao abeiro da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, que os substitúan.

Artigo 4º.-Elaboración, contido e estrutura das probas.

1. En cada centro dos que se recollen no anexo constituirase unha comisión de avaliación formada polo profesorado dos departamentos correspondentes, que deseñará as probas para cada un dos módulos profesionais do ciclo formativo, agás o de formación en centros de traballo.

A devandita comisión estará presidida polo xefe ou a xefa do departamento da familia profesional á que pertenza o ciclo formativo.

2. As probas axustaranse aos currículos dos ciclos formativos obxecto desta orde, e abranguerán contidos teóricos e prácticos que permitan evidenciar, a través dos criterios de avaliación correspondentes, se a persoa aspirante alcanzou os obxectivos específicos establecidos para cada módulo en relación cos obxectivos xerais do ciclo formativo.

3. A estrutura da proba, o procedemento e os criterios de avaliación deberanse publicar no taboleiro de anuncios do centro cunha antelación mínima de dous días con respecto ao comezo da realización das probas.

4. Cada módulo profesional será avaliado por un único membro do profesorado, que asinará as actas de avaliación correspondentes.

Artigo 5º.-Validación de módulos profesionais.

1. As persoas aspirantes admitidas para a realización das probas poderán ter dereito ás validacións de módulos profesionais de ciclos formativos aos que se fai referencia nas letras a), b) e c) do artigo 15 da Orde do 30 de xullo de 2007 pola que se regula a avaliación e a acreditación académica do alumnado que cursa as ensinanzas de formación profesional inicial.

2. As persoas que teñan acreditadas unidades de competencia de títulos establecidos ao abeiro da Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, obtidas segundo os procedementos establecidos nas citadas ordes, poderán solicitar a validación dos módulos profesionais asociados ante o director ou a directora do centro educativo en que realizaran o proceso.

3. Quen desexe solicitar a validación dalgún módulo profesional deberao facer constar expresamente no momento de presentar a solicitude de inscrición para as probas, para o que cumprirá xuntar a documentación que acredita o cumprimento dos requisitos exixidos para a obter. No caso de se tratar da validación de módulos profesionais por unidades de competencia presentaranse as certificacións obtidas segundo o modelo establecido para tal fin nas convocatorias específicas.

Artigo 6º.-Cualificación final das probas libres.

1. A expresión da cualificación final obtida por cada aspirante en cada un dos módulos profesionais realizarase nos termos previstos no artigo 12 da Orde do 30 de xullo de 2007 pola que se regula a avaliación e a acreditación académica do alumnado que cursa as ensinanzas de formación profesional inicial.

2. As persoas aspirantes poderán presentar reclamación contra as cualificacións finais alcanzadas en cada módulo no centro en que se realizaran as probas, consonte o procedemento establecido no artigo 20.2º da citada Orde do 30 de xullo de 2007. As reclamacións basearanse necesariamente nalgún dos aspectos recollidos no artigo 4º.3 desta orde.

Artigo 7º.-Certificación.

A superación das probas libres de módulos profesionais dará dereito a unha certificación individual por cada módulo superado, de acordo co establecido no artigo 18.2º da Orde do 30 de xullo de 2007 pola que se regula a avaliación e a acreditación académica do alumnado que cursa as ensinanzas de formación profesional inicial. O modelo de certificación será o establecido no anexo XIII da devandita orde.

Artigo 8º.-Exención do módulo de formación en centros de traballo.

1. Para ter dereito á exención do módulo de formación en centros de traballo, cumprirá ter superado o resto dos módulos profesionais do ciclo formativo. A documentación para presentar é a que se especifica no artigo noveno da Orde do 28 de febreiro de 2007 pola que se regula o módulo profesional de formación en centros de traballo da formación profesional inicial, para o alumnado matriculado en centros educativos da Comunidade Autónoma de Galicia. A exención da FCT resolverase logo de publicada a resolución das cualificacións definitivas do resto dos módulos profesionais.

Artigo 9º.-Titulación.

As persoas interesadas que superen todos os módulos profesionais dun determinado ciclo formativo poderán solicitar a expedición do título correspondente.

Nestes casos, os centros educativos realizarán a proposta de título polo réxime de proba libre.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Desenvolvemento normativo.

Autorízase a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa para desenvolver esta orde.

Segunda.-Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de marzo de 2010.

Jesús Vázquez Abad

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

Ver referencia pdf "07200D013P084.PDF"