DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 77 Luns, 26 de abril de 2010 Páx. 6.705

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 20 de abril de 2010, pola que se modifica a Orde do 24 de xuño de 2008, pola que se desenvolve a organización e o currículo das ensinanzas de bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia.

O Decreto 126/2008, do 19 de xuño, polo que se establece a ordenación e o currículo de bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia, na súa disposición derradeira primeira autoriza a persoa titular da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para ditar as disposicións que sexan necesarias para a execución e desenvolvemento do establecido nel.

A Orde do 24 de xuño de 2008 pola que se desenvolve a organización e o currículo das ensinanzas de bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia, no seu artigo 7, determina os aspectos relacionados coa avaliación.

Detectada a omisión do procedemento para a concesión da mención de matrícula de honra, procede establecelo.

En consecuencia, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

DISPÓN:

Artigo único.-Modificación da Orde do 24 de xuño de 2008.

Engádese un punto 14 ao artigo 7º, nos seguintes termos:

a) Os alumnos e as alumnas que obtiveran no segundo curso de bacharelato unha nota media igual ou superior a nove puntos poderán recibir a mención de matrícula de honra. A devandita mención concederáselle a un número de alumnos non superior ao 5% do total de alumnado deste curso.

b) A obtención da mención de matrícula de honra será consignada nos documentos de avaliación do alumno ou alumna.

c) A concreción curricular do bacharelato incluirá nas directrices xerais os criterios para a concesión das mencións de matrícula de honra ao alumnado.

Disposición derradeira

Entrada en vigor.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de abril de 2010.

Xesús Vázquez Abad

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria