DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 86 Venres, 07 de maio de 2010 Páx. 8.069

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE TRABALLO E BENESTAR

ORDE do 30 de abril de 2010 pola que se establecen as bases que rexen as axudas enmarcadas no programa Iniciativa Xove e se procede á súa convocatoria.

O Estatuto de autonomía de Galicia establece no seu artigo 27.22º que lle corresponde á Comunidade Autónoma galega a competencia exclusiva nas materias do deporte e a axeitada utilización do lecer, así como a promoción do desenvolvemento comunitario.

Mediante o Decreto 285/1989, do 16 de decembro, asúmense as funcións e servizos transferidos pola Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de promoción sociocultural, no ámbito da xuventude e desenvolvemento comunitario.

Na actualidade, o Decreto 79/2009, do 19 de abril, establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, integrándose nela a Consellería de Traballo e Benestar.

O Decreto 83/2009, do 21 de abril, fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia e a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado é un dos órganos superiores da Consellería de Traballo e Benestar segundo o disposto no artigo 35 do Decreto 335/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica desta; correspóndenlle, entre outras funcións, a xestión, en coordinación coa Secretaría Xeral de Familia e Benestar, das actuacións en materia de xuventude así como das políticas de carácter interdepartamental e de apoio ao desenvolvemento da actividade xuvenil, ademais do fomento da participación da xuventude na vida social.

Nos últimos anos, as actuacións que se veñen desenvolvendo no ámbito do fomento e impulso do recoñecemento de novos campos de experimentación no eido da educación non formal son escasas e moi circunscritas a ámbitos moi específicos, con claro predominio de axudas dirixidas a entidades públicas territoriais ou de base corporativa, pero sen intervención directa nos proxectos deseñados e nas actuacións acometidas polos destinatarios últimos das axudas, como son, precisamente, o colectivo de mozos/mozas para os que se articulan.

Neste contexto, a Xunta de Galicia non é allea aos problemas que afectan a mocidade no momento presente, sendo consciente de que debe reorientar a actuación administrativa de tal forma que, sen descoidar aqueles ámbitos que deben estar atendidos, se permita potenciar e intervir noutros máis demandados pola xuventude e que se enmarcan nas recomendacións contidas no Libro blanco sobre la juventud que atopan fundamento en catro directrices básicas, como son:

1. Impulsar o desenvolvemento dunha política activa dos mozos e mozas.

2. Ampliar e recoñecer novos campos de experimentación como a educación non formal e o voluntariado.

3. Promover a autonomía dos mozos e mozas a través de políticas de xuventude inspiradas na súa participación.

4. Defender os valores dos mozos/as a prol dunha maior solidariedade e tolerancia para reforzar a cohesión social, o entendemento mutuo, a mobilidade xuvenil e os intercambios socioculturais.

A Consellería de Traballo e Benestar considera que para que os mozos e mozas asuman responsabilidades é necesario que tomen nas súas mans, a través da execución de proxectos, a administración dos recursos necesarios para a súa posta en marcha e consolidación, para o que considera fundamental apoiar aqueles que, cunha formulación participativa, estean estreitamente ligados ás necesidades, aspiracións e intereses da mocidade.

Así mesmo, considera prioritario abrir as axudas a grupos informais de mozos/as, para favorecer que poidan levarse a cabo proxectos interesantes que, nun momento dado, poidan surxir na marxe das asociacións e entidades legalmente constituídas, pero que igualmente cumpren determinados requisitos que os fan merecedores do apoio da Administración. Deste xeito impulsaranse iniciativas voluntarias da mocidade que verdadeiramente respondan aos seus intereses e inquedanzas.

Así, é obxecto desta orde establecer as bases que rexerán a convocatoria de axudas dirixidas a grupos informais de mozos/as, ás asociacións xuvenís e ás entidades prestadoras de servizos á xuventude e ás súas respectivas federacións, tratando en todos os casos de apoiar proxectos en que os/as mozos/as participen de forma activa e directa en actividades concibidas por eles mesmos e das que eles sexan os seus principais axentes.

Esta convocatoria axústase ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e, en concreto, no relativo aos principios de obxectividade, concorrencia e publicidade na concesión das axudas e subvencións e no establecido no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, así como no establecido na Lei 9/2009, do 23 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2010 e ás disposicións aplicables da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, a Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega e o Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos de axudas, subvencións e convenios e de sancións.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e finalidade.

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras que deberán rexer os procedementos de concesión de axudas enmarcadas no programa Iniciativa Xove para a posta en marcha de iniciativas xuvenís, entendidas estas como proxectos dirixidos aos mozos da Comunidade Autónoma de Galicia que se desenvolvan durante o ano 2010, e nos cales os mozos e mozas participan activamente en actividades deseñadas por eles/elas mesmos/as, e convocar as ditas axudas.

Para os efectos desta orde considéranse áreas de atención prioritarias para desenvolver mediante as iniciativas xuvenís as seguintes:

a) Proxectos de tempo libre e lecer educativo.

b) Proxectos relacionados coa creación de espazos para a comunicación e coas novas tecnoloxías.

c) Proxectos de fomento de actitudes creativas, emprendedoras, innovadoras e participativas da mocidade na súa comunidade e contorno.

2. Así mesmo, é obxecto desta orde establecer as bases reguladoras que deberán rexer os procedementos de concesión de axudas a asociacións xuvenís e ás súas federacións para a adquisición de equipamento e material inventariable, e convocar as ditas axudas.

3. A finalidade das subvencións é fomentar e consolidar a participación libre e eficaz da xuventude no desenvolvemento político, social, económico e cultural, así como promover a adecuada utilización do lecer, a calidade de vida e o benestar dos mozos e mozas da nosa comunidade autónoma a través de proxectos integrais e específicos de actuación.

Artigo 2º.-Orzamento.

Para o financiamento destas axudas existe crédito suficiente e adecuado na Lei 9/2009, de orzamentos da comunidade autónoma para o ano 2010, consignado na aplicación orzamentaria 12.07.313A.481.0 cunha contía de 675.000 euros, que financiará as axudas para a realización dos proxectos de iniciativas xuvenís, así como a adquisición de equipamento e material inventariable cunha contía de 100.000 euros na 12.07.313A.781.0.

Estas contías distribuiranse segundo o órgano competente para a tramitación e resolución dos expedientes do seguinte xeito, que se materializará nas correspondentes ordes de desconcentración de crédito:

Ver referencia pdf "08600D011P065.PDF"

Artigo 3º.-Destinatarios.

1. Cando se trate de proxectos de iniciativas xuvenís poderán solicitar a axuda, ao abeiro destas bases reguladoras:

a) Os grupos informais de mozos/as que, non pertencendo a ningunha asociación, desexen realizar unha iniciativa xuvenil.

b) As asociacións xuvenís e as entidades prestadoras de servizos á xuventude que carezan de interese de lucro e as súas respectivas federacións, sempre que no caso destas últimas o proxecto que presentan non sexa o mesmo que o de cada unha das asociacións/entidades que as conforman.

2. Cando se trate de adquisición de equipamento e material inventariable poderán solicitar a axuda as asociacións xuvenís e as federacións de asociacións xuvenís constituídas conforme a lexislación vixente.

Artigo 4º.-Requisitos.

Para ser beneficiarios das axudas a que se refire esta orde, os solicitantes deberán reunir os seguintes requisitos:

1. As asociacións xuvenís e as entidades prestadoras de servizos á xuventude e as súas respectivas federacións deberán estar inscritas no censo oficial dependente organicamente da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, regulado no Decreto 50/2000, do 20 de xaneiro, polo que se refunde e actualiza a normativa vixente en materia de xuventude, o día de remate do prazo de presentación de solicitudes, e cumprir a legalidade vixente no referente ás idades nas asociacións xuvenís (Real decreto 397/1988).

2. Os grupos informais de mozos/as deberán estar formados por un mínimo de 5 mozos/as con idades comprendidas entre os 18 e os 29 anos no momento de presentar a solicitude, debidamente identificados; asumirá un deles o papel de representante único do grupo e con poderes suficientes para cumprir as obrigas que, como beneficiario, lle corresponden ao grupo. En ningún caso se admitirá que a mesma persoa forme parte de varios grupos. Así mesmo, será necesario que o grupo teña unha denominación que o identifique.

3. En ambos os casos, é requisito dos beneficiarios non estar incurso en ningunha das prohibicións establecidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Será requisito imprescindible para poder solicitar a axuda ter xustificadas debidamente as axudas recibidas no último ano, se é o caso.

Artigo 5º.-Proxectos e bens subvencionables.

Os proxectos e bens para os que se solicite axuda deberán responder aos seguintes criterios:

1. Para o caso das iniciativas xuvenís, os proxectos deberán estar enmarcados preferentemente dentro das áreas prioritarias que se recollen no artigo 1º desta orde, subvencionaranse actividades realizadas desde o 1 de xaneiro de 2010 e tendo en conta os límites establecidos no artigo 13º.

2. Para o caso de adquisición de equipamento e material inventariable para a sede social das asociacións xuvenís e federacións destas:

a) Poderase subvencionar a adquisición de equipamento e/ou material inventariable de uso necesario para o funcionamento interno da entidade e para o desenvolvemento de actividades habituais, sempre e cando se xustifique convenientemente a necesidade.

b) En ningún caso o custo de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

Para optar á adquisición de equipamento e/ou material inventariable é condición indispensable presentar declaración xurada de que a asociación/federación ten local propio, sexa por arrendamento, cesión, doazón, compra, etc.

3. Para o caso de proxectos de iniciativas xuvenís, só se poderá presentar un proxecto por solicitante. As asociacións xuvenís poderán solicitar, ademais dun proxecto de iniciativa xuvenil, unha solicitude de axudas para bens inventariables.

4. Quedan excluídos, para os efectos de axuda, os programas docentes e deportivos previstos nos plans regulados de ensino e deporte escolar e federativo.

Artigo 6º.-Solicitude e prazo de presentación.

1. A solicitude, segundo o modelo oficial que figura no anexo I-A (para entidades) e anexo I-B (para grupos informais de mozos/as) desta orde, poderá presentarse no rexistro da Consellería de Traballo e Benestar sito en San Lázaro, Santiago de Compostela, nos rexistros dos seus departamentos territoriais ou por calquera dos procedementos previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

2. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto no artigo 50 da Lei 9/2009, do 23 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2010.

3. Se o expediente se remite por correo, presentarase en sobre aberto para que a solicitude sexa datada e selada polo/a funcionario/a de correos antes de proceder á súa certificación.

4. A presentación da solicitude comportará a autorización á Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado e aos departamentos territoriais para solicitaren as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia.

Artigo 7º.-Documentación.

1. As solicitudes das asociacións xuvenís, das entidades prestadoras de servizos á xuventude e das súas respectivas federacións, deberán acompañarse con carácter xeral de:

a) Fotocopia do DNI da persoa que subscribe a solicitude, só no caso de non dar consentimento expreso para a comprobación telemática do DNI ante o Ministerio da Presidencia, segundo o Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos.

b) Acreditación da súa lexitimación como representante da entidade, mediante certificación do/da secretario/a da entidade ou fotocopia compulsada da acta en que se recolla a composición do órgano de dirección.

c) Certificado dunha conta bancaria aberta a nome da entidade.

d) Declaración de non estar incursa nas prohibicións do artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia (anexo II).

e) Os anexos III e/ou IV correspondentes á modalidade solicitada, debidamente cubertos.

f) Declaración do conxunto de todas as axudas solicitadas para o mesmo proxecto, tanto as aprobadas como as pendentes de resolución ou as outorgadas por outras administracións ou por outros entes públicos ou privados, estatais ou internacionais (anexo II).

g) Declaración xurada de que a asociación ou federación ten local propio, sexa por aluguer, cesión, doazón, compra, etc. (só para a solicitude de adquisición de equipamento e material inventariable).

2. As solicitudes dos grupos informais deberán acompañarse da seguinte documentación:

a) Poder de representación a favor dun dos participantes do grupo asinado por todos os seus compoñentes (anexo V).

b) Fotocopia do DNI do representante do grupo e dos demais membros que o compoñen, só no caso de non dar consentimento expreso para a comprobación telemática do DNI ante o Ministerio da Presidencia, segundo o Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos.

c) Certificado dunha conta bancaria aberta, a nome do representante do grupo, expresamente para esta finalidade.

d) O anexo IV correspondente á modalidade de iniciativas xuvenís.

e) Declaración do conxunto de todas as solicitudes de axuda efectuadas ou concedidas (por calquera dos seus membros), para un mesmo proxecto ou actividade, ante as administracións públicas competentes ou outros entes públicos ou privados, estatais ou internacionais. Anexo II (un anexo por cada membro do grupo).

f) Declaración de cada un dos integrantes do grupo informal de non estar incurso nas prohibicións do artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia. Anexo II (un anexo por cada membro do grupo).

Artigo 8º.-Emenda de defectos.

1. Se na solicitude se apreciasen defectos ou falta de documentación, a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado ou os departamentos territoriais da Consellería de Traballo e Benestar requirirán o solicitante para que nun prazo de dez días emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Se así non o fixese considerarase que desistiu da súa petición, de acordo co previsto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, logo de resolución que será ditada nos termos do artigo 42 da referida lei.

2. A Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado ou os departamentos territoriais da Consellería de Traballo e Benestar poderán demandar do solicitante a modificación ou mellora voluntaria dos termos contidos na solicitude. Deles levantarase acta sucinta, que se incorporará ao procedemento.

Artigo 9º.-Contía máxima da axuda.

1. O importe da axuda en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade que vai desenvolver o beneficiario ou, se é o caso, a porcentaxe máxima do gasto subvencionable que legalmente se estableza.

2. A contía máxima da axuda concedida, tanto no caso de iniciativas xuvenís como no de axudas para gastos de adquisición de equipamento e material inventariable, será de 7.000 € e non poderá superar o 80% do orzamento total para cada caso.

Artigo 10º.-Comisión de avaliación.

1. No caso de entidades de ámbito autonómico a comisión de avaliación estará formada polos seguintes membros:

a) Presidenta: a subdirectora xeral de Programas da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado ou persoa en quen delegue.

b) Secretario/a: un/ha funcionario/a da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado.

c) Vogais:

-A xefa do Servizo de Participación Xuvenil.

-Un/ha técnico/a da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado.

-Un/ha funcionario/a da Subdirección Xeral de Programas.

1.1. A comisión de avaliación poderá solicitar dos interesados a achega de cantos datos e documentos se consideren necesarios ou convenientes para a avaliación.

1.2. Unha vez avaliadas todas as solicitudes admitidas a trámite, a comisión de avaliación elaborará un informe-proposta de resolución, que elevará ao director xeral de Xuventude e Voluntariado. Con anterioridade a ditar a proposta de resolución, deberase acreditar que os beneficiarios que superen os 3.000 euros, para a adquisición de equipamento e material inventariable, están ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como que non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

1.3. Se por calquera causa, no momento en que a comisión de avaliación teña que examinar as solicitudes, algún dos compoñentes non puidese asistir, será substituído pola persoa que para o efecto se nomee.

2. No caso de entidades de ámbito provincial ou inferior, a dita comisión terá a seguinte composición:

a) O/a xefe/a do Servizo de Xuventude e Voluntariado do departamento territorial correspondente da Consellería de Traballo e Benestar, que actuará como presidente/a.

b) Un/ha funcionario/a do dito servizo.

c) Un/ha funcionario/a do Servizo de Xestión Económica correspondente.

d) Actuará como secretario/a un/ha funcionario/a do departamento territorial.

2.1. A comisión de avaliación poderá solicitar dos interesados a achega de cantos datos e documentos se consideren necesarios ou convenientes para a avaliación.

2.2. Unha vez avaliadas todas as solicitudes admitidas a trámite, a comisión de avaliación elaborará un informe-proposta de resolución, que elevará ao/á xefe/a territorial da Consellería de Traballo e Benestar. Con anterioridade a ditar a proposta de resolución, deberase acreditar que os beneficiarios que superen os 3.000 euros para a adquisición de equipamento e material inventariable están ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como que non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

2.3. Se por calquera causa, no momento en que a comisión de avaliación teña que examinar as solicitudes, algún dos compoñentes non puidese asistir, será substituído pola persoa que para o efecto se nomee.

Artigo 11º.-Criterios de avaliación.

A concesión da axuda tramitarase en réxime de concorrencia competitiva. Para acceder á axuda no caso de iniciativas xuvenís requirirase unha puntuación mínima de 50 puntos na avaliación dos proxectos. A comisión de avaliación aplicará os seguintes criterios e baremos para a valoración das solicitudes:

Para as iniciativas xuvenís: ata 100 puntos.

1. Adecuación ás áreas de atención prioritarias sinaladas no artigo 1º: ata 15 puntos.

2. Calidade do proxecto e metodoloxía proposta (máximo 60 puntos):

a) Calidade do deseño do proxecto: ata 10 puntos

b) Calidade do contido do proxecto e do programa de actividades: ata 15 puntos

c) Creatividade e innovación do proxecto: ata 10 puntos.

d) Metodoloxía: ata 15 puntos.

e) Indicadores obxectivables para a avaliación dos resultados do proxecto: ata 10 puntos.

3. Grao de implicación activa dos participantes no proxecto e efecto multiplicador: ata 10 puntos.

4. Existencia doutras achegas para o cofinanciamento do proxecto: ata 10 puntos.

5. Emprego da lingua galega na realización das actividades: ata 5 puntos.

Para a adquisición de equipamento e material inventariable: ata 25 puntos.

a) O maior número de socios da entidade, acreditado con certificación desta: ata 5 puntos.

b) A existencia de cofinanciamento para a adquisición do equipamento: ata 5 puntos.

c) As actividades realizadas pola entidade no ano natural anterior á súa solicitude: ata 5 puntos.

d) A accesibilidade doutras asociacións ou público en xeral a este material: ata 5 puntos.

e) Que o local social sexa de nova adquisición ou recente apertura: ata 5 puntos.

Artigo 12º.-Resolución.

1. Serán órganos competentes para resolver, por delegación da conselleira de Traballo e Benestar:

a) No caso de entidades de ámbito autonómico e grupos informais de mozos/as: o director xeral de Xuventude e Voluntariado.

b) No caso de entidades de ámbito provincial ou inferior: os/as xefes/as territoriais da Consellería de Traballo e Benestar.

2. A resolución da solicitude de axuda, que terá lugar no prazo de 15 días desde a elevación da proposta de resolución, seralles notificada a todos os solicitantes, no prazo máximo de seis meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen que se dite resolución expresa, deberá entenderse desestimada a petición correspondente. A dita resolución esgota a vía administrativa e contra ela poderá interpoñerse potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que a ditase no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se o acto fose expreso, ou no prazo de tres meses contado a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, ou ser impugnados directamente ante o Tribunal Superior de Xustiza, órgano contencioso-administrativo competente, no prazo de dous meses se o acto é expreso e de seis meses se é presunto, a partir do día seguinte ao da notificación

da resolución, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

3. Notificada a resolución polo órgano concedente, o/a beneficiario/a disporá dun prazo de 10 días para a súa aceptación, transcorrido o cal sen que se producise manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada tal como dispón o artigo 21.5º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. A Consellería de Traballo e Benestar reserva para si o dereito de orientar tecnicamente o proxecto de actividades e comprobar a súa execución, cando o considere conveniente, así como de divulgar e dar a coñecer publicamente as actividades subvencionadas.

5. As entidades solicitantes ás cales non lles fose concedida a axuda disporán dun mes de prazo, contado a partir da recepción da notificación, para retiraren a documentación presentada. Transcorrido este prazo, arquivarase o expediente.

Artigo 13º.-Xustificación.

Unha vez notificada a resolución de concesión da axuda, os beneficiarios procederán -antes do 31 de outubro de 2010- á xustificación da totalidade do proxecto avaliado pola comisión, na forma en que se indica a continuación, mediante a presentación da seguinte documentación:

a) Memoria das actividades realizadas no proxecto de iniciativas xuvenís (anexo VI).

b) Facturas orixinais (relacionadas no anexo VII), que no caso de grupos informais deberán ir a nome do representante do grupo. As asociacións que teñan concedida axuda para proxectos de iniciativas xuvenís e para equipamento e material inventariable deberán facer unha xustificación para cada unha delas. Os grupos informais presentarán, ademais das facturas, unha memoria económica que relacione os gastos executados correspondentes ao proxecto subvencionado, que deberá ser asinada por todos os membros do grupo.

As facturas deberán presentarse acompañadas do correspondente documento ou dilixencia xustificativa do pagamento.

c) Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas para o mesmo proxecto ou para adquisición de equipamento ou material inventariable, tanto as aprobadas como as pendentes de resolución ou as outorgadas por outras administracións ou por outros entes públicos ou privados, estatais ou internacionais. No caso dos grupos informais esta declaración reflectirá as solicitudes realizadas individualmente por calquera dos seus membros. Anexo VIII (un anexo por cada membro do grupo).

Artigo 14º.-Pagamento da axuda.

1. Unha vez recibida e comprobada a documentación poderase proceder ao pagamento da axuda concedida. No caso de que o gasto certificado, mediante facturas ou documento equivalente, sexa inferior ao orzamento do proxecto valorado, a contía da axuda será minorada na mesma porcentaxe.

Nos casos das axudas concedidas para os proxectos de iniciativas xuvenís, de acordo co artigo 63º do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, poderánselles facer anticipos de pagamento do 80% a aquelas entidades e grupos informais que o soliciten, e librarase o importe restante no momento da completa xustificación.

Artigo 15º.-Obrigas dos beneficiarios.

As/os beneficiarias/os das axudas quedarán obrigada/os a:

a) Realizar o proxecto que fundamenta a concesión da axuda.

b) Acreditar ante a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado ou os departamentos territoriais a realización da actividade ou actividades que conforman o proxecto de iniciativa xuvenil, así como o cumprimento dos requisitos ou das condicións que determinan a concesión ou o desfrute da axuda. O cumprimento desta obriga de xustificación realizarase nos termos previstos no artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, na normativa regulamentaria de desenvolvemento e no disposto nas bases reguladoras desta orde.

c) Someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado ou os departamentos territoriais da Consellería de Traballo e Benestar, así como calquera outra comprobación e control financeiro que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto nacionais coma comunitarios e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

d) Comunicarlle á Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado ou ao departamento territorial correspondente da Consellería de Traballo e Benestar a obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan axiña como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

e) Para o caso das asociacións xuvenís, federacións e entidades prestadoras, dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, coa finalidade de garantir o adecuado exercicio das facultades de comprobación e control.

f) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

g) Adoptar as medidas de difusión contidas no punto 3 do artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

h) Incluír en todo o material de divulgación das actividades obxecto desta axuda a referencia de que están subvencionadas pola Consellería de Traballo e Benestar a través da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, mediante a inclusión da imaxe corporativa da Xunta de Galicia e incorporando unha referencia ao programa Iniciativa Xove.

i) Comunicar á Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado ou aos respectivos servizos territoriais, con 15 días de antelación, o inicio da realización das actividades para as cales se pide axuda.

j) Figurar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias -estatais e autonómicas- e coa Seguridade Social, non ser debedor en virtude de resolución declarativa da procedencia de reintegro e non ter ningunha débeda pendente, por calquera concepto, coa Administración da comunidade autónoma. En caso contrario non se fará o pagamento da axuda.

k) Ademais, para os efectos do previsto no artigo 29.4º.a) da Lei 9/2007, o período durante o cal o beneficiario deberá destinar os bens subvencionados ao fin concreto para o que se lle concedeu esta subvención será de 5 anos, no caso de bens inscritibles nun rexistro público, e de 2 anos para o caso do resto dos bens.

Artigo 16º.-Control e reintegro da axuda.

1. Procederá o reintegro nos termos e supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e, en concreto, nos seguintes casos:

a) Incumprimento da obriga de xustificación ou xustificación insuficiente nos termos establecidos no artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no establecido nesta orde.

b) Obtención da axuda sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión con falsificación das condicións requiridas para isto ou ocultación daquelas que o impedisen.

c) Incumprimento das condicións impostas con motivo da concesión da subvención ou da axuda pública, así como dos compromisos por eles asumidos, sempre que afecten ou se refiran ao modo en que deben acadarse os obxectivos, se realiza a actividade, se executa o proxecto ou se adopta o comportamento que fundamenta a concesión da axuda ou daqueles distintos dos anteriores, cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

d) Incumprimento da obriga de adoptar as medidas de difusión contidas no artigo anterior.

e) Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro previstas nos artigos 11 e 12 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos, cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

2. Con independencia das causas de reintegro enumeradas neste artigo, a declaración xudicial ou administrativa de nulidade ou anulabilidade da resolución de concesión por concorreren as causas previstas nos artigos 62 e 63 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, cando concorra algunha das causas de reintegro antes referidas, comportará a obriga de devolver as cantidades percibidas.

Non procederá a revisión de oficio do acto de concesión cando concorra causa de reintegro.

3. As cantidades que se deban reintegrar terán a consideración de ingresos de dereito público, e resulta de aplicación para o seu cobramento o previsto nos artigos 19 ao 23 da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 17º.-Modificación da axuda.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da axuda de conformidade co disposto no artigo 17.4º da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Disposicións adicionais

Primeira.-No caso de que unha vez ditada a resolución de concesión de axudas amparadas nesta orde quedase crédito sen adxudicar, poderase publicar unha segunda orde de convocatoria de axudas. En todo caso, a concesión de axudas terá como límite a cantidade consignada na correspondente aplicación económica dos orzamentos xerais da comunidade autónoma para o ano 2010.

Segunda.-Apróbase a delegación de atribucións da conselleira de Traballo e Benestar no director xeral de Xuventude e Voluntariado e nos/nas xefes/as territoriais, en función do seu respectivo ámbito competencial, para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das axudas previstas nesta orde, así como para autorizar e dispoñer os gastos, o recoñecemento das obrigas e a proposta de pagamento, en relación co disposto no artigo 73.a) do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Terceira.-Os beneficiarios destas axudas quedan suxeitos ao réxime de infraccións e sancións previstas para esta materia no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Cuarta.-De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería de Traballo e Benestar publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude autoriza expresamente para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web. Así mesmo, coa presentación da solicitude o beneficiario autoriza a Consellería de Traballo e Benestar a incluír e facer públicos nos rexistros regulados no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de axudas, subvencións e sancións, os datos relevantes referidos ás axudas concedidas. De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, o solicitante poderá exercer os dereitos de acceso, rectificación, consulta, cancelación e oposición mediante escrito dirixido á Consellería de Traballo e Benestar.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Segunda.-Facúltase o director xeral de Xuventude e Voluntariado para ditar cantas disposicións sexan precisas para o desenvolvemento desta orde.

Santiago de Compostela, 30 de abril de 2010.

Beatriz Mato Otero

Conselleira de Traballo e Benestar

Ver referencia pdf "08600D011P065.PDF"

Ver referencia pdf "08600D012P081.PDF"