DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 96 Luns, 24 de maio de 2010 Páx. 9.178

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA

RESOLUCIÓN do 11 de maio de 2010 pola que se lle dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica, que aproba as bases reguladoras das axudas do Igape para facilitar a análise empresarial das empresas galegas cara ao acceso ao Mercado Alternativo Bolsista (MAB) e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva.

O Consello de Dirección do Igape, na súa xuntanza do día 20 de abril de 2010, acordou por unanimidade dos membros asistentes aprobar as bases reguladoras das axudas do Igape para facilitar a análise empresarial das empresas galegas cara ao acceso ao Mercado Alternativo Bolsista (MAB), facultando o director xeral a súa convocatoria, aprobación dos créditos e publicación no Diario Oficial de Galicia.

Na súa virtude, e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro.

Publicar as bases reguladoras das axudas do Igape para facilitar a análise empresarial das empresas galegas cara ao acceso ao Mercado Alternativo Bolsista (MAB) e convocar para 2010 as ditas axudas en réxime de concorrencia competitiva.

Segundo.-Prazo de presentación de solicitudes.

O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e rematará aos 40 días naturais. No caso de coincidir en sábado ou día inhábil en Santiago de Compostela, o inicio ou o final do prazo, terase en conta o día hábil seguinte.

Terceiro.-Créditos.

Os créditos dispoñibles para concesións nesta convocatoria aboaranse con cargo ás seguintes aplicacións orzamentarias e polos seguintes importes:

Partida orzamentaria Orzamento 2010

02.02-E4/10/03-651700 200.000 €

O director xeral do Igape poderá ampliar os créditos e modificar as partidas orzamentarias, logo de declaración de dispoñibilidade dos créditos nos termos referidos no artigo 30.2º do Decreto 11/2009, mediante resolución publicada para o efecto.

Cuarto.

O prazo de execución dos proxectos non poderá superar o 30 de setembro de 2010.

Quinto.

Os requisitos das alíneas c), e), f), h), i), j), k), l), m) e n) do artigo 20.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, indícanse nas bases anexas a esta resolución.

Santiago de Compostela, 11 de maio de 2010.

Joaquín Varela de Limia de Cominges

Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica

Bases reguladoras das axudas para facilitar a análise empresarial das empresas galegas cara ao acceso ao Mercado Alternativo Bolsista (MAB)

O artigo 31.4º da Lei 24/1988, do 28 de xullo, do mercado de valores (LMV), modificada pola Lei 47/2007, do 19 de decembro, do mercado de valores, establece un sistema organizado de negociación denominado Mercado Alternativo Bolsista (MAB), supervisado pola Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV) e cun segmento dirixido a entidades empresariais de reducida capitalización.

Os requisitos tradicionais para cotizar na bolsa de valores veñen dificultando historicamente o acceso a este mercado por parte de empresas pequenas e medianas. Noutros países como Gran Bretaña, a través do AIM, ou Francia, a través do mercado Alternext, facilitouse hai anos o acceso das empresas á cotización en bolsa das súas accións.

Este segmento MAB é unha realidade desde abril de 2008, cando se aprobaron as circulares de mercado que regulan o seu funcionamento. O nacemento deste denominado Mercado Alternativo Bolsista (MAB) ofrece unha alternativa moi interesante de financiamento para aquelas empresas que, por diferentes motivos, estaban afastadas da bolsa de valores, facendo extensivas as virtudes de cotizar ás pequenas e medianas empresas e a aquelas das grandes que non poderían optar á bolsa principal.

O MAB é unha ferramenta de indubidable valor na atracción de capitais ás compañías galegas, especialmente nun contorno de restrición de acceso ao financiamento alleo tradicional, como no que nos atopamos na actualidade.

O Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), no cumprimento das súas funcións, está chamado a desempeñar un papel esencial no desenvolvemento de programas e iniciativas que contribúan de xeito salientable a acadar os obxectivos económicos estratéxicos da Comunidade galega. Neste contexto, incentivar as empresas galegas no traballo preparatorio para o acceso ao MAB, preséntase como unha oportunidade para o instituto cara a fortalecer as capacidades financeiras das empresas galegas que presenten un perfil axeitado para acceder ao Mercado Alternativo Bolsista, desenvolvendo un programa de axudas e incentivos para contribuír ao dito obxectivo.

As convocatorias desta liña de axudas serán obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia mediante resolución do director xeral do Igape. As ditas convocatorias incluirán o procedemento de tramitación, o prazo de presentación de solicitudes e os créditos asignados.

Con carácter xeral, as axudas reguladas nestas bases outorgaranse en réxime de concorrencia competitiva ao abeiro do disposto no artigo 19.1º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 1º.-Proxectos obxecto de apoio.

Co obxectivo de incentivar actuacións empresariais nas distintas fases de aproximación ao MAB, o Igape poderá conceder subvencións a fondo perdido aos seguintes tipos de iniciativa:

1.1. Sondaxe prevaloración: avaliación mediante contratación externa das condicións de partida da empresa que permitan decidir se está en condicións mínimas para abordar o inicio do proceso.

1.2. Estudo en profundidade e preparación de acceso definitiva: previo á colocación dos títulos no mercado, definición da operación de saída (características da emisión, importe, procedemento elixido, …), valoración e confección da documentación precisa entre CNMV e MAB, realizado por un asesor rexistrado por MAB ou por terceiros independentes coa aceptación por parte dun asesor rexistrado.

No caso de que nunha determinada convocatoria as solicitudes subvencionables excedan os orzamentos asignados, serán prioritarios os proxectos dirixidos á iniciativa 1.1. anterior.

Artigo 2º.-Procedemento e réxime de aplicación.

2.1. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva.

2.2. Non se poderán outorgar subvencións por contía superior á que se determine na convocatoria, agás que se realice unha nova convocatoria, ou se produza un incremento de créditos derivados dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito; ou da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo, ao abeiro do disposto no artigo 31.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2.3. As liñas de axuda establecidas nestas bases e dirixidas ás pequenas e medianas empresas outórganse ao abeiro do artigo 26 do Regulamento (CE) 800/2008 da Comisión do 6 de agosto(Regulamento xeral de exención por categorías) (DOUE L 214, do 9 de agosto de 2008). No caso de beneficiarios que excedan os límites de peme, segundo a definición establecida no antes citado regulamento, ou pertenzan a algunha das actividades nel excluídas, as axudas respectarán o establecido no Regulamento (CE) 1998/2006 da Comisión do 15 de decembro de 2006 relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas de minimis (DOUE L 379/5, do 28 de decembro). Todas as empresas do sector pesqueiro quedarán suxeitas ós límites do Regulamento (CE) 875/2007, do 24 de xullo, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do tratado ás axudas de minimis no sector pesqueiro (DOUE do 25 de xullo) e todas as empresas da produción primaria de produtos agrícolas quedarán suxeitas ao límites do Regulamento (CE)

1535/2007, do 20 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas de minimis no sector da produción de produtos agrícolas (DOUE do 21 de decembro).

Artigo 3º.-Concorrencia con outras axudas ou subvencións públicas.

3.1. A subvención ao abeiro destas bases para un determinado proxecto será incompatible con calquera outra subvención a fondo perdido do Igape para o mesmo proxecto. Será compatible, non obstante, con calquera outro tipo de subvención ou axuda concedida por outros organismos públicos ou privados, sempre e cando o seu cómputo non exceda para as pemes o límite do 50% dos custos subvencionables establecido no artigo 26 do Regulamento (CE) 800/2008 da Comisión (Regulamento xeral de exención por categorías), para as non pemes e aquelas pemes cuxa actividade estea excluída do Regulamento 800/2008, o límite de 200.000 euros nun período de tres exercicios fiscais establecido no Regulamento (CE) 1998/2006 da Comisión do 15 de decembro de 2006 relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do tratado ás axudas de minimis (DOUE L 379/5, do 28 de decembro de 2006), que se reducirá a 30.000 euros para as empresas dedicadas á pesca e acuicultura segundo o Regulamento (CE) 875/2007, do 24 de xullo,

relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do tratado ás axudas de minimis no sector pesqueiro) e a 7.500 euros para as empresas da produción primaria de produtos agrícolas segundo o Regulamento (CE) 1535/2007, do 20 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do tratado ás axudas de minimis no sector da produción de produtos agrícolas.

3.2. A obtención doutras axudas ou subvencións ao mesmo proxecto deberá comunicarse ao Instituto Galego de Promoción Económica tan axiña como se coñeza e, en todo caso, no momento en que se presente documentación xustificativa do proxecto realizado. En todo caso, antes de conceder a axuda, solicitarase da empresa unha declaración escrita ou en soporte electrónico, sobre calquera axuda recibida para este mesmo proxecto. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar a un procedemento de reintegro.

Artigo 4º.-Beneficiarios.

4.1. Poderán ser beneficiarios destas axudas as sociedades mercantís con personalidade xurídica propia, domiciliadas na Comunidade Autónoma de Galicia ou que acometan unha porcentaxe importante do seu negocio global nos seus centros de traballo establecidos en Galicia, e que cumpran os seguintes requisitos:

a) Empresas non participadas por outras que coticen en bolsa ou ben que esa participación sexa inferior ao 50%.

b) Fondos propios non inferiores a 4 millóns de euros no último depósito de contas no Rexistro Mercantil anterior á solicitude de axuda.

c) Os requisitos a) e b) anteriores, poderán ser substituídos por informe favorable de polo menos un asesor rexistrado por MAB, sempre que o valor de fondos propios establecidos na alínea b) sexa polo menos superior a 600.000 €.

4.2. Non poderán ser beneficiarias das axudas:

a) As empresas do sector carbón e do aceiro, segundo o Regulamento (CE) 1998/2006:

*CNAE 09: División 05 (todos os grupos e clases).

b) As pemes que pertenzan aos seguintes sectores, segundo o Regulamento (CE) 800/2008:

-O sector da industria siderúrxica conforme definición que recolle o anexo I das directrices comunitarias sobre as axudas de estado de finalidade rexional para o período 2007-2013 (2006/C 54/08):

*CNAE 09: grupos 24.1, 24.2 e 24.3 (todas as clases) e clases 24.51, 24.52.

-O sector de fibras sintéticas conforme a definición que recolle o anexo II das directrices comunitarias sobre as axudas de estado de finalidade rexional para o período 2007-2013 (2006/C 54/08).

-O sector da construción naval consonte o disposto na comunicación da Comisión DO C 160 do 28-10-2006:

*CNAE 09: Clase 30.11.

4.3. Non poderán ter a condición de beneficiarios as entidades que entren dentro da categoría de empresas en crise. Para estes efectos, convén ter en conta a definición de empresa en crise que para as grandes empresas figura no punto 2.1. das directrices sobre axudas estatais de salvamento e de reestruturación de empresas en crise (DOUE C 244/2, do 1 de outubro de 2004) e que para as pemes aparece no artigo 1.7. do Regulamento xeral de exención (Regulamento CE 800/2008). Tampouco poderán ser beneficiarias aquelas empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da comisión que teña declarada unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

4.4. Non poderán ter a condición de beneficiarios as entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2º e 3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG nº 121, do 25 de xuño).

Artigo 5º.-Condicións dos gastos subvencionables.

5.1. Serán subvencionables os custos de consultoría externa ou asistencia técnica.

5.2. Os gastos subvencionables serán os realizados dentro do prazo de execución do proxecto establecido na resolución de concesión. Este prazo iniciarase na data de presentación da solicitude de axuda e rematará na data que, á vista das características do proxecto, sexa establecida na resolución de concesión.

O proxecto subvencionado non poderá ter comezado antes da solicitude de axuda, de ser así, o proxecto no seu conxunto non sería subvencionable.

5.3. Cando o importe do gasto subvencionable supere a contía de 12.000 €, o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo. Non se exixirá xustificalo se polas especiais características dos gastos non existe no mercado suficiente número de entidades que o presten, ou no caso en que se subscribise o contrato con anterioridade á solicitude da subvención. Deberá xustificarse en criterios de eficiencia e economía a elección da oferta finalmente seleccionada cando non recaia na proposta economicamente máis vantaxosa.

5.4. Quedan expresamente excluídos do ámbito de aplicación destas bases os impostos.

5.5. Os gastos subvencionables deberán ser contratados e pagados directamente entre o beneficiario da axuda e o provedor final. Os provedores non poderán estar vinculados coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores. En ningún caso poderá concertarse polo beneficiario a execución total ou parcial das actividades.

5.6. En ningún caso o custo de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

Artigo 6º.-Obrigas e límites.

6.1. Un solicitante poderá presentar como máximo un proxecto a unha das liñas anteriores, por convocatoria. Para estes efectos, considerarase como un mesmo solicitante as empresas vinculadas entre si polo seu accionariado.

6.2. As empresas beneficiarias das axudas previstas no punto anterior deberán colaborar co Igape no seguimento do devir futuro da empresa en relación cos estudos realizados.

Artigo 7º.-Criterios de avaliación e selección de proxectos.

Para priorizar a concesión de subvención respecto os proxectos presentados, teranse en conta os seguintes criterios:

a) O sector de actividade da peme, sendo prioritarias as actividades relacionadas no anexo II destas bases reguladoras (0-20 puntos).

b) A localización do proxecto, segundo o anexo III destas bases reguladoras (0-15 puntos).

c) A dimensión da empresa, sendo prioritarios os proxectos propostos por medianas empresas (0-25 puntos).

d) As ratios económico-financeiras da empresa nas últimas contas depositadas no Rexistro Mercantil (0-35 puntos).

e) A utilización da lingua galega para cumprir o cuestionario (0-5 puntos).

Artigo 8º.-Contía e límites de axuda.

No caso de seren aprobados, os proxectos definidos contarán cunha subvención a fondo perdido do 50% dos gastos de consultoría ou asistencia técnica aprobados polo Igape, dentro dos orzamentos presentados polo beneficiario na súa solicitude, cos seguintes límites de subvención:

a) Sondaxe prevaloración: ata 10.000 €.

b) Preparación de acceso definitiva: ata 50.000 €.

Artigo 9º.-Consentimentos e autorizacións.

9.1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

9.2. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións, convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no devandito rexistro, feito que terá lugar agás nos supostos legalmente establecidos. Todo isto consonte o establecido na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, e na Lei orgánica 1/1982, do 5 de maio, pola que se regula a protección civil do dereito á honra, á intimidade persoal e familiar e á propia imaxe.

9.3. De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, o Igape publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a súa publicación na citada páxina web, coas excepcións previstas nas leis.

A devandita autorización esténdese á cesión dos seus datos persoais á entidade colaboradora do Igape, á entidade financeira en que se aboe o pagamento das axudas, ao Diario Oficial de Galicia e ás demais cesións previstas na lei.

O solicitante poderá exercer os seus dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición respecto do contido dos rexistros antes citados, ante a Dirección Xeral do Instituto Galego de Promoción Económica, sito no complexo administrativo de San Lázaro s/n, 15703 Santiago de Compostela, en aplicación do disposto no Decreto 132/2006.

9.4. A presentación da solicitude polo interesado comportaralle a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, segundo o disposto no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. No caso de que o solicitante denegue expresamente esta autorización deberá, obrigatoriamente, presentar as certificacións coa solicitude. Non obstante o anterior, están exentos de achegar os xustificantes de cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social os beneficiarios das subvencións establecidos no artigo 48 da Lei 9/2009, do 23 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2010.

9.5. No caso de que o solicitante deba presentar estes certificados na fase de emenda, logo de que a consulta polo órgano xestor non obtivese resultado favorable, a data de expedición dos certificados pola Administración correspondente deberá ser posterior á data de emisión do certificado telemático, o que se comunicará no requirimento de emenda da documentación.

9.6. A presentación da solicitude tamén autoriza o órgano xestor para acceder ao Sistema de Verificación de Datos de Identidade e Residencia, co fin de evitar a achega do DNI do solicitante ou do seu representante legal. No caso de que o solicitante denegue expresamente esta autorización deberá, obrigatoriamente, presentar o DNI coa solicitude.

Artigo 10º.-Solicitudes.

10.1. Dentro do prazo establecido na convocatoria, para presentar unha solicitude de axuda, os interesados deberán cubrir previamente un cuestionario descritivo das circunstancias do solicitante e do proxecto para o que solicita a subvención a través da aplicación de axuda establecida no enderezo da internet http://www.tramita.igape.es.

A instrución e resolución do procedemento basearase nas declaracións contidas no citado cuestionario e, no caso de que se conceda a axuda, serán obxecto de acreditación documental nas fases de tramitación en cada caso oportunas e, en calquera caso, previamente a calquera aboamento da axuda.

10.2. Co fin de prestar asistencia para cubrir o cuestionario, o Igape pon a disposición dos interesados o seu servizo de asistencia técnica, cun sistema de cita previa concertada a través do mencionado enderezo da internet ou dos números de teléfono 902 30 09 03 ou 981 54 11 47, ou os que en cada momento se establezan para esta finalidade. Deberán cubrirse necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico (IDE) que identificará univocamente o cuestionario. O IDE estará composto de 40 caracteres alfanuméricos e obterase mediante o algoritmo estándar de extractado SHA-1 160 bits a partir do documento electrónico xerado pola aplicación de axuda citada anteriormente.

10.3. Poderanse cubrir e obter os formularios a través da aplicación informática ata as 14.00 horas do día da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

10.4. As solicitudes de axuda presentaranse mediante a instancia normalizada que se xunta como anexo I, nas cales será obrigatorio a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDE obtido no paso anterior. As solicitudes que carezan do IDE ou nas cales este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación de axuda) serán devoltas sen tramitación.

10.5. O interesado presentará a instancia de solicitude co IDE e a documentación anexa no rexistro xeral dos servizos centrais do Igape, nas súas oficinas territoriais ou a través dalgunha das formas recollidas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

10.6. Así mesmo, os interesados poderán asinar electronicamente o formulario de solicitude co IDE e presentalo no Rexistro Telemático da Xunta de Galicia. Os solicitantes por esta vía telemática deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Será necesario que o asinante da solicitude teña a representación legal da empresa ou entidade solicitante. Esta representación deberá ser individual ou solidaria, de xeito que coa súa sinatura abonde para acreditar a vontade do solicitante.

b) O asinante deberá posuír un certificado dixital en vigor baixo a norma X.509 V3 válido tal e como especifica a Orde do 25 de novembro de 2004 da Consellería de Economía e Facenda pola que se establecen as normas específicas sobre o uso da sinatura electrónica nas relacións por medios electrónicos, informáticos e telemáticos coa Consellería de Facenda e os seus organismos e entidades adscritas (DOG nº 239, do 10 de decembro de 2004). Os certificados de clase 2 CA emitidos pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre - Real Casa da Moeda serán válidos para efectos de presentación de solicitudes. Se o certificado corresponde a unha persoa física, a súa representación acreditarase documentalmente ao longo da tramitación do expediente.

c) Unha vez asinado o formulario de solicitude co IDE, mediante certificación dixital do presentador, e transferidos estes ao Igape, procederase á anotación dunha entrada no Rexistro Telemático da Xunta de Galicia, creado polo Decreto 200/2003, do 20 de marzo.

d) No momento da presentación o rexistro expedirá, empregando as características da aplicación telemática, un recibo en que quedará constancia do feito da presentación, consonte o citado Decreto 200/2003.

e) Os interesados que cumpran os requisitos do punto b) anterior, tamén poderán empregar a vía telemática para a recepción de notificacións do Igape e para o envío de escritos ao órgano xestor da axuda. Para a recepción de notificacións será preceptivo que o solicitante indica que no formulario normalizado a súa preferencia polo emprego da notificación telemática neste procedemento de axudas. Neste caso o solicitante deberá acceder á web do Igape no enlace tramitación telemática, para recibir as notificacións. O sistema solicitará do interesado o seu certificado dixital en vigor, e a sinatura electrónica dun aviso de recepción das notificacións (xustificante de recepción telemático). Os efectos destas notificacións serán os establecidos na Lei 11/2007, do 22 de xuño (BOE nº 150, do 23 de xuño).

10.7. Os solicitantes poderán obter en todo momento un xustificante da recepción por parte do Igape dos termos da súa solicitude contidos no cuestionario. Para iso utilizarán a aplicación establecida no enderezo da internet citado anteriormente, introducindo os 40 caracteres do IDE e o enderezo de correo electrónico en que desexan recibir o xustificante. As modificacións da solicitude inicial, deberán ser presentadas utilizando a aplicación de axuda para xerar un cuestionario modificado, cuxo IDE será de obrigatoria inclusión no escrito de comunicación ao Igape das ditas aclaracións.

Artigo 11º.-Órganos competentes.

A área de Financiamento será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención, e corresponde ao titular da Dirección Xeral do Instituto Galego de Promoción Económica ditar a resolución que poña fin ao procedemento administrativo.

Artigo 12º.-Entidades colaboradoras.

De conformidade co establecido no artigo 9 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o Igape poderá designar entidades colaboradoras para a xestión da subvención, cumprindo os requisitos do artigo 10 da mencionada lei. As entidades colaboradoras designaranse de acordo coa súa experiencia na xestión de proxectos no eido das actividades emprendedoras. Non se prevé a constitución de garantía por parte das entidades colaboradoras salvo que a colaboración inclúa o aboamento directo das subvencións, neste caso prevese que as entidades previstas no artigo 13.4º da Lei de subvencións no procedemento de selección constituirán garantía polo 1% do orzamento previsto.

Artigo 13º.-Instrución dos procedementos.

13.1. As solicitudes de axuda serán avaliadas polos servizos do órgano instrutor ou das súas entidades colaboradoras, en función dos datos declarados na solicitude de axuda e no cuestionario e elaborará unha relación delas coa puntuación que lle corresponde a cada unha, en aplicación dos criterios de valoración establecidos nestas bases.

13.2. No caso de empate nas puntuacións, para desempatar terase en conta o número de expediente, que se outorgará segundo a data de entrada da solicitude no Igape.

13.3. A proposta de resolución provisional das solicitudes puntuadas que cuantificará, de ser o caso, as subvencións propostas e conterá unha lista de reserva, vixente ata a emisión da resolución definitiva, para cubrir posibles revogacións e desistencias, publicarase na páxina web do Igape no enderezo www.tramita.igape.es e no taboleiro de anuncios do Igape, no prazo máximo de tres meses desde a data de finalización do período de presentación das solicitudes. A proposta seralle notificada individualmente a todos os interesados. Os interesados propostos como beneficiarios ou como reservas serán requiridos para que no prazo de dez días presenten a seguinte documentación, con indicación de que se non o fixeren se lles terá por desistidos da súa solicitude, arquivándoa sen máis trámite e propoñendo a concesión ou o posto de reserva na lista de espera ao seguinte solicitante da relación:

a) Escritura de constitución e dos estatutos debidamente inscritos no rexistro competente e as súas modificacións posteriores.

b) Poder do representante que presenta a solicitude, inscrito, se é o caso, no rexistro competente.

Poderase excluír aquela documentación que conste xa actualizada no Igape e o solicitante deberá especificar o número de expediente no que anteriormente foi presentada.

13.4. Os interesados poderán formular alegacións no prazo de dez días contados desde o día seguinte ao da recepción da notificación da devandita proposta de resolución provisional.

13.5. Unha vez analizadas as ditas alegacións e a documentación recibida, o órgano instrutor confeccionará a relación definitiva de puntuacións outorgadas ás solicitudes e elevará a proposta de resolución ao director xeral do Igape, en que se reflectirá a contía da axuda concedida a cada solicitude.

13.6. A resolución definitiva será publicada na páxina web do Igape no enderezo www.tramita.igape.es e no taboleiro de anuncios do Igape. Os interesados poderán descargar a súa notificación individual da parte da resolución que os afecta no enderezo citado, introducindo o código indicado na notificación individual da proposta de resolución provisional.

Na resolución de concesión de axuda, farase constar o importe do concepto subvencionable que hai que xustificar, a contía e porcentaxe da axuda concedida, o prazo máximo para executar o proxecto e o prazo máximo para presentar a xustificación ao Igape. Así mesmo, constará a obriga por parte do beneficiario de indicar en todo labor de difusión, publicidade ou análogo da actividade subvencionada, a mención expresa de que a dita actuación foi financiada polo Igape e pola Consellería de Economía e Industria. Na resolución denegatoria de axuda farase constar o motivo da denegación.

13.7. O beneficiario terá un prazo de 10 días hábiles a partir do seguinte ao da publicación da resolución definitiva para a súa aceptación cubrindo a dilixencia de aceptación segundo o modelo normalizado establecido polo Igape. Unha vez transcorrido este prazo sen que se produza manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada, agás que no mesmo prazo se comunique de xeito formal e expreso a renuncia á subvención concedida. No caso de que o beneficiario renuncie ás axudas unha vez percibidas, procederase consonte o artigo 38 da Lei de subvencións de Galicia.

13.8. A aceptación por parte do interesado suporá a obriga de cumprir as condicións establecidas na resolución, nas bases reguladoras da axuda e nas demais disposicións legais e regulamentarias que sexan de aplicación.

13.9. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de seis meses contados desde a data de finalización do período de presentación das solicitudes. Se transcorre o prazo máximo para resolver sen que recaia resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

Artigo 14º.-Réxime de recursos.

As resolucións ditadas ao abeiro destas bases porán fin á vía administrativa e contra elas poderán interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso contencioso-administrativo, ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución definitiva, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto

b) Potestativamente, recurso previo de reposición ante a persoa titular da Dirección Xeral do Igape no prazo dun mes desde o día seguinte ao da publicación da resolución definitiva, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 15º.-Modificación da resolución.

Unha vez firme a resolución de concesión non se admitirán modificacións desta.

Artigo 16º.-Obrigas dos beneficiarios.

Son obrigas dos beneficiarios:

a) Executar o proxecto que fundamenta a concesión das subvencións no prazo establecido na resolución de concesión. Na súa virtude, a axuda concedida só será definitiva se a situación inicial tida en conta para a concesión non sofre unha modificación substancial que afecte a natureza do gasto, o cesamento da actividade ou outras condicións tidas en conta para a concesión. A axuda está condicionada ao respecto desas condicións e poderá ser obxecto dun procedemento de reintegro noutro caso.

b) Xustificar ante o Igape o cumprimento dos requisitos e condicións da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou desfrute da subvención.

c) Someterse ás actuacións de comprobación que efectúe o Igape, así como calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, fundamentalmente a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas, o Consello de Contas, os órganos de control da Comisión Europea, achegando canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

d) Comunicar ao Igape a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos. En ningún caso o importe da subvención poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados nacionais ou internacionais, supere o 100% do custo total do proxecto que vai desenvolver o beneficiario.

e) Dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, así como a documentación xustificativa da realización e aboamento dos subvencionables, durante polo menos un período de catro anos desde a data final para a execución do proxecto.

f) Darlle publicidade ao financiamento polo Igape dos gastos que sexan obxecto de subvención, consistente na inclusión da imaxe institucional do Igape e a Consellería de Economía e Industria, así como lendas relativas ao financiamento público nos postos, carteis, placas conmemorativas, materiais impresos que vaian ser obxecto de difusión mais alá do uso exclusivo do solicitante, medios electrónicos audiovisuais, convocatorias e difusión de eventos ou ben en mencións realizadas nos medios de comunicación, sen prexuízo das normas sobre publicidade establecidas na normativa comunitaria que, de ser o caso, sexan de aplicación. Os logotipos poderanse descargar no enderezo da internet http://www.igape.es/IL8.

g) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

h) Todo isto sen prexuízo das demais obrigas que resulten do artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 17º.-Xustificación da subvención.

17.1. Os beneficiarios deberán presentar a solicitude de cobramento da subvención no prazo dun mes desde o fin do prazo de execución establecido na resolución de concesión e nunca posteriormente ao 30 de outubro do exercicio correspondente á anualidade establecida na resolución de concesión.

17.2. Para presentar a solicitude de cobramento, o beneficiario deberá cubrir previamente o cuestionario de liquidación a través da aplicación de axuda establecida no enderezo da internet http://tramita.igape.es. Deberán cubrirse necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico de liquidación (IDEL) que identificará univocamente o cuestionario de liquidación. Este IDEL estará composto de 40 caracteres alfanuméricos e obterase mediante o algoritmo estándar de extractado SHA-1 160 bits a partir do documento electrónico xerado pola aplicación de axuda citada anteriormente. Este cuestionario conterá os requisitos establecidos no artigo 48 do Decreto 11/2009 para a presentación da conta xustificativa.

17.3. A solicitude de cobramento presentarase mediante a instancia normalizada que se xunta como anexo IV, no cal será obrigatoria a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDEL obtido no paso anterior. As solicitudes de cobramento que carezan do IDEL ou nas cales este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación de axuda) poderán dar lugar ao inicio do expediente de incumprimento no caso de non seren corrixidas.

17.4. O beneficiario presentará a solicitude de cobramento co IDEL no rexistro xeral dos servizos centrais do Igape, nas súas oficinas territoriais ou a través dalgunha das formas recollidas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Así mesmo, poderá asinar electronicamente o formulario de solicitude de cobramento co IDEL e presentalo no Rexistro Telemático da Xunta de Galicia, sempre que cumpra os requisitos previstos no anterior artigo 10.6º, e que a documentación que presente coa solicitude de cobramento sexa apta para a súa presentación telemática. Neste último caso, a aplicación de xeración de cuestionarios de liquidación permitirá xuntar estes documentos e remitilos electronicamente.

17.5. No caso de que a solicitude de cobramento non se presente en prazo ou a xustificación sexa incorrecta, requirirase o beneficiario para que corrixa os erros ou defectos observados no prazo de 10 días. A falta de presentación da xustificación no prazo improrrogable establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia, segundo o disposto no artigo 45.2º do seu regulamento. A presentación da xustificación neste prazo adicional non eximirá o beneficiario das sancións que, conforme a lei, correspondan. A xustificación cumprirá, en todo caso, os requisitos establecidos nos artigos 28 e 30 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

17.6. Xunto coa solicitude de cobramento, o beneficiario da axuda presentará:

a) Unha copia do traballo realizado asinada polos colaboradores externos e polo beneficiario da axuda,

b) As facturas ou documentos de valor probatorio equivalente, xustificativos do gasto da actividade.

c) A documentación acreditativa do pagamento:

i) Xustificante de transferencia bancaria ou dos documentos mercantís utilizados como medios de pagamento emitidos e con vencemento dentro do período de liquidación, así como, se é o caso, o seu cargo en conta. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento. Os extractos bancarios a través da internet deberán ter estampado o selo orixinal da entidade financeira.

ii) Certificación bancaria orixinal conforme o pagamento foi realizado efectivamente dentro do prazo de execución. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento. Só se admitirán os pagamentos en efectivo para importes inferiores aos 1.000 € por provedor.

No suposto de que o xustificante de pagamento inclúa varias facturas, deberase xuntar unha relación delas.

No suposto de facturas pagadas conxuntamente con outras non referidas ao proxecto subvencionado, a xustificación do pagamento débese realizar sempre mediante a achega do correspondente extracto bancario que irá acompañado dun dos seguintes documentos: relación emitida polo banco dos pagamentos realizados, orde de pagamentos da empresa selada polo banco ou recibín do provedor.

d) A certificación bancaria da existencia e número de conta do beneficiario en que vaia ser ingresada a subvención.

e) A copia en formato impreso ou en formato dixital -que permita a súa lectura-, de material onde se aprecie que se cumpriu a obrigatoriedade de publicidade do financiamento público citada no artigo 16 f) destas bases, que se deberá xuntar ao cuestionario de liquidación.

f) Os tres orzamentos que, en aplicación do artigo 29.3º da Lei de subvencións de Galicia, deba ter solicitado o beneficiario. Cando o importe do gasto subvencionable supere a contía de 12.000 euros no suposto de subministración de bens de equipamento ou prestación de servizos por empresas de consultoría ou asistencia, o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo ou entrega do ben. Non se esixirá xustificalo se polas especiais características dos gastos non existe no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten, ou no caso en que se celebrase o contrato con anterioridade á solicitude da subvención. Deberá xustificarse en criterios de eficiencia e economía a elección da oferta finalmente seleccionada cando non recaia na proposta economicamente máis vantaxosa.

g) Acreditación, se é o caso, da utilización da lingua galega na actividade subvencionada.

17.7. En todos os casos, os beneficiarios deberán estar ao día das súas obrigas coa Facenda Pública, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social, e cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e no seu regulamento, para ser beneficiario da axuda.

17.8. Advírtese que calquera discrepancia entre a documentación xustificativa e as declaracións da solicitude de axuda poderá ser motivo de inicio de expediente de incumprimento que, se é o caso, poderá supor a modificación ou revogación da concesión e o reintegro das cantidades previamente aboadas.

Artigo 18º.-Aboamento das axudas.

18.1. Con carácter xeral, o aboamento das axudas realizarase unha vez que o Igape considere xustificada a realización do proxecto e o cumprimento das condicións dentro do prazo establecido na resolución de concesión.

18.2. Os órganos competentes do Igape ou as súas entidades colaboradoras poderán solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación do proxecto que consideren convenientes. Transcorrido o prazo concedido para o efecto sen que o beneficiario os presente, poderase entender que renuncia á subvención. No caso de gastos de investimento, previamente á proposta de pagamento, os servizos técnicos do Igape poderán realizar unha inspección de comprobación material na cal certifiquen que se realizou o proxecto.

18.3. Sen necesidade de iniciar procedemento de reintegro, no caso de que o beneficiario xustifique gastos por importe inferior ao establecido na resolución de concesión, e sempre e cando o gasto xustificado iguale ou supere o 50% do gasto subvencionable establecido, non desvirtúe o proxecto aprobado e o beneficiario manifeste a súa conformidade, o pagamento realizarase pola parte proporcional da contía da subvención efectivamente xustificada calculado en función da porcentaxe subvencionada do custo final da actividade.

Artigo 19º.-Perda do dereito á subvención e reintegro das axudas.

19.1. Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención no suposto de falta de xustificación do cumprimento do proxecto, das condicións impostas na resolución de concesión, das obrigas contidas nestas bases reguladoras, das obrigas contidas no artigo 33 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, ou na demais normativa aplicable, o que dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

19.2. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobramento da subvención e para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior será o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

19.3. Poderase considerar plenamente xustificada a subvención no proceso de comprobación cando o Igape constate que os gastos efectivamente xustificados sexan inferiores á contía do importe subvencionado e esta diferenza dese lugar a unha minoración no importe da subvención ou no importe que hai que reintegrar inferior a 30 € ou á contía que para eses efectos fixe a consellería competente.

Artigo 20º.-Réxime sancionador.

Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 21º.-Fiscalización e control.

Os beneficiarios destas subvencións someteranse ás actuacións de control que realice o Instituto Galego de Promoción Económica para o seguimento dos proxectos aprobados e ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como, de ser o caso, ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.

Artigo 22º.-Comprobación de subvencións.

22.1. O órgano concedente e as súas entidades colaboradoras comprobarán a axeitada xustificación da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o desfrute da subvención. O prazo para a comprobación material de facturas e xustificantes de gasto será de catro anos desde a súa presentación.

22.2. Para todo o non previsto nos puntos anteriores será aplicable o disposto no artigo 30 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 23º.-Publicidade.

23.1. De conformidade co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, o Igape e a Consellería de Economía e Industria incluirán as axudas concedidas ao abeiro destas bases e as sancións que como consecuencia delas se poidan impoñer nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos persoais dos beneficiarios e a referida publicidade.

23.2. De acordo co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o Igape publicará as subvencións concedidas ao abeiro destas bases na páxina web do Igape, www.igape.es e no Diario Oficial de Galicia expresando a norma reguladora, beneficiario, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención. A publicación no Diario Oficial de Galicia realizarse no prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución das concesións, non obstante, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web do Instituto Galego de Promoción Económica.

Artigo 24º.-Remisión normativa.

Para todo o non previsto nestas bases aplicarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, no Decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento, no Regulamento (CE) 800/2008, da Comisión, do 6 de agosto de 2008 (DOUE L 214, do 9 de agosto de 2008), polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado común en aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado, no Regulamento (CE) 1998/2006 da Comisión, do 15 de decembro de 2006 relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas de minimis (DOUE L 379/5, do 28 de decembro de 2006), no Regulamento (CE) 875/2007, do 24 de xullo, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas de minimis no sector pesqueiro (DOUE 25 do xullo) e no Regulamento (CE) 1535/2007, do 20 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do

Tratado ás axudas de minimis no sector da produción de produtos agrícolas (DOUE 21 de decembro), e no resto da normativa que resulte de aplicación.

En canto ao cómputo de prazos, observarase o disposto no artigo 48 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Ver referencia pdf "09600D011P070.PDF"