DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 97 Martes, 25 de maio de 2010 Páx. 9.242

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

DECRETO 79/2010, do 20 de maio, para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia.

As linguas constitúen un elemento básico de identidade cultural e representan un valor fundamental de cohesión dunha comunidade. O artigo 3 da Constitución española establece, no seu punto 1º, que o castelán é a lingua oficial do Estado, e, no punto 2º, que as demais linguas españolas serán tamén oficiais nas respectivas comunidades autónomas de acordo cos seus estatutos, e sinala que a lingua é un patrimonio cultural que será obxecto de especial respecto e protección.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 5, define o galego como lingua propia de Galicia e dispón que os idiomas galego e castelán son oficiais en Galicia e que todos teñen o dereito de coñecelos e usalos. Así mesmo, establece que os poderes públicos de Galicia potenciarán o emprego do galego en todos os planos da vida pública, cultural e informativa, e que disporán dos medios necesarios para facilitar o seu coñecemento.

A Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, de conformidade coas disposicións precedentes, garante a igualdade do galego e do castelán como linguas oficiais de Galicia e posibilita a incorporación da lingua galega á Administración, ao ensino e aos medios de comunicación públicos, favorecendo un cambio de tendencia na súa consideración social e na incorporación do idioma a novas esferas da vida social. O artigo 14 desta lei indica que ao remate do ensino obrigatorio se garantirá a igualdade de competencia lingüística nos dous idiomas oficiais. Nesta mesma liña, e desde unha perspectiva máis global, tamén se pronuncian a Carta europea de linguas rexionais e minoritarias de 1992, ratificada polo goberno do Estado español en 2001, e o Plan xeral de normalización da lingua galega, aprobado por unanimidade no Parlamento de Galicia en setembro do 2004.

Para conseguir estes fins, cómpre afondar no desenvolvemento dos preceptos da Lei de normalización lingüística no tocante ao ensino, sen dúbida un sector fundamental para a implantación de hábitos lingüísticos en galego, e establecer unha nova regulamentación do galego que facilite o seu emprego en todos os niveis e graos non universitarios. Neste sentido, é necesario reforzar a dimensión comunicativa do galego en relación con contextos vivos, facilitarlle ao alumnado unha oferta educativa que o axude a percibir a utilidade da lingua e que o capacite para o seu uso correcto e eficaz, erradicando especialmente o seu emprego sexista en todos os ámbitos e respectando, así mesmo, a situación sociolingüística en que se enmarca cada centro.

Ademais, a realidade social europea en que vivimos, nun contexto de globalización e de mobilidade laboral, sitúanos nun espazo internacional de plurilingüismo. Esta nova realidade exixe un marco educativo que atenda esta necesidade social, posibilitando a capacitación efectiva do alumnado nas dúas linguas oficiais e nunha ou varias linguas estranxeiras, seguindo para iso o marco delimitado pola Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, que establece como un dos seus fins a capacitación para a comunicación nas linguas oficiais e nunha ou varias linguas estranxeiras.

A mobilidade do estudantado e do profesorado que caracteriza a nosa sociedade non debe constituír un atranco para alcanzar os obxectivos descritos, senón que debe ser compatible co mantemento da singularidade cultural de Galicia e da lingua propia no ensino.

O Decreto 124/2007, do 28 de xuño, orientouse nomeadamente cara á obtención dunha competencia axeitada en lingua galega no ensino obrigatorio, sen o establecemento dun número ou porcentaxe mínima de materias impartidas en lingua castelá, o cal podería chegar a cambiar o modelo de conxunción de linguas desenvolvido en Galicia desde o inicio da autonomía e aceptado por todos os galegos e galegas.

En xuño de 2009, a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, realizou unha consulta ás familias do alumnado matriculado no sistema educativo non universitario, co obxectivo de coñecer directamente a súa opinión sobre distintos aspectos da utilización das linguas na educación de Galicia, opinión que foi tida en consideración para a elaboración deste novo marco normativo. A súa participación, moi especialmente na educación infantil e primaria, mostrou o interese e implicación das familias nas decisións que atinxen ao sistema educativo para os seus fillos e fillas. E os resultados, presentados en xullo de 2009 pola Administración educativa, puxeron de manifesto a necesidade de revisar o marco legal que regula as linguas como elementos vehiculares do ensino, advertiron da relevancia outorgada á aprendizaxe do inglés, ao lado das dúas linguas oficiais, e da aposta da sociedade galega por unha presenza equitativa das dúas linguas oficiais nun

sistema educativo plurilingüe.

Tendo en conta o anterior, é este o momento en que cómpre formular un novo marco normativo para o ensino non universitario que regule a distribución das linguas vehiculares das distintas materias de estudo e que teña como obxectivos o de garantir a competencia plena e en igualdade nas dúas linguas oficiais e o de acadar a adquisición dun coñecemento efectivo en lingua(s) estranxeira(s).

Na súa virtude e por proposta do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, en uso das atribucións conferidas polos artigos 28.1º e 31 do Estatuto de autonomía de Galicia, a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, tras o ditame do Consello Escolar de Galicia, oído o Consello Consultivo de Galicia e logo da deliberación do Consello da Xunta na súa reunión do día vinte de maio de dous mil dez,

DISPOÑO:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Marco normativo.

Este decreto baséase no marco lingüístico establecido pola Constitución española de 1978 e polo Estatuto de autonomía de Galicia de 1981. Ademais, desenvolve a Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, no relativo ao uso do galego no ensino nos niveis non universitarios, e a Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación.

O presente decreto é de aplicación en todos os centros docentes sostidos con fondos públicos, así como nos privados que imparten as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Capítulo II

Do uso do galego na administración educativa

Artigo 3º.-A lingua na Administración educativa.

1. Na Administración educativa de Galicia e nos centros de ensino sostidos con fondos públicos utilizarase, con carácter xeral, a lingua galega e fomentarase o seu uso oral e escrito, tanto nas relacións mutuas e internas como nas que manteñan coas administracións territoriais e locais galegas e coas demais entidades públicas e privadas de Galicia, sen que iso supoña unha restrición dos dereitos do persoal docente.

2. As programacións e outros documentos didácticos das materias de lingua redactaranse, con carácter xeral, na lingua respectiva.

3. Nas actuacións administrativas de réxime interno dos centros docentes indicados no punto 1 deste artigo, como actas, comunicados e anuncios, usarase, con carácter xeral, a lingua galega, agás no referido a comunicacións con outras comunidades autónomas e cos órganos da Administración do Estado radicados fóra da comunidade autónoma, en que se utilizará o castelán. Ademais dos procedementos iniciados de oficio, tamén se usará o galego nos procedementos tramitados por petición dos interesados, sen prexuízo do establecido no artigo 36.3º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Capítulo III

As linguas oficiais de galicia no ensino non universitario

Artigo 4º.-Principios.

Os principios a partir dos cales se elabora este decreto son os seguintes:

1. Garantía da adquisición dunha competencia en igualdade nas dúas linguas oficiais de Galicia.

2. Garantía do máximo equilibrio posible nas horas semanais e nas materias impartidas nas dúas linguas oficiais de Galicia, co obxectivo de asegurar a adquisición da competencia en igualdade nelas.

3. Adquisición dun coñecemento efectivo en lingua(s) estranxeira(s), nun marco xeral de promoción do plurilingüismo no sistema educativo de Galicia.

4. Participación e colaboración das familias nas decisións que atinxen ao sistema educativo co obxectivo de contribuír á consecución dos seus obxectivos.

5. Promoción da dinamización da lingua galega nos centros de ensino.

Artigo 5º.-Educación infantil.

1. Na etapa de educación infantil, o profesorado usará na aula a lingua materna predominante entre o alumnado, ben que deberá ter en conta a lingua do contorno e procurará que o alumnado adquira, de forma oral e escrita, o coñecemento da outra lingua oficial de Galicia dentro dos límites da etapa ou ciclo.

2. A lingua materna predominante do alumnado será determinada polo centro educativo de acordo co resultado dunha pregunta que se efectuará aos pais, nais, titores/as ou representantes legais do alumno/a antes do comezo do curso escolar acerca da lingua materna do seu fillo ou filla.

3. Atenderase de xeito individualizado o alumnado tendo en conta a súa lingua materna.

4. Cada centro educativo deberá facer constar no seu proxecto lingüístico as actividades e estratexias de aprendizaxe empregadas para que o alumnado adquira, de forma oral e escrita, o coñecemento das dúas linguas oficiais.

Artigo 6º.-Educación primaria.

1. Garantirase a adquisición da competencia lingüística propia da etapa e do nivel nas dúas linguas oficiais de Galicia.

2. As materias de lingua impartiranse no idioma de referencia.

3. Impartirase en galego a materia de Coñecemento do medio natural, social e cultural, e en castelán a materia de Matemáticas.

4. Cada centro educativo, segundo o procedemento establecido no regulamento de centros, decidirá a lingua en que se impartirá o resto de materias de cada curso, garantindo que as materias en galego e en castelán se distribúen na mesma porcentaxe de horas semanais, sen prexuízo do disposto no capítulo IV (sobre a impartición de materias en linguas estranxeiras). Este proceso realizarase cada catro cursos escolares.

Artigo 7º.-Educación secundaria obrigatoria.

1. Garantirase a adquisición da competencia lingüística propia da etapa e do nivel nas dúas linguas oficiais de Galicia.

2. As materias de lingua impartiranse na lingua de referencia.

3. Impartiranse en galego as materias de Ciencias sociais, xeografía e historia, Ciencias da natureza e Bioloxía e xeoloxía, e en castelán as materias de Matemáticas, Tecnoloxías e Física e química.

4. Cada centro educativo, segundo o procedemento establecido no regulamento de centros, decidirá a lingua en que se impartirá o resto de materias de cada curso, garantindo que as materias en galego e en castelán se distribúen na mesma porcentaxe de horas semanais, sen prexuízo do disposto no capítulo IV (sobre a impartición de materias en linguas estranxeiras). Este proceso realizarase cada catro cursos escolares.

Artigo 8º.-Bacharelato.

Cada centro educativo, segundo o procedemento establecido no regulamento de centros, establecerá unha oferta equilibrada na mesma porcentaxe de materias comúns, de modalidade e optativas para impartir en galego e en castelán. Este proceso realizarase cada catro cursos escolares.

Artigo 9º.-Formación profesional específica, ensinanzas artísticas e deportivas.

1. Na formación profesional específica, nas ensinanzas artísticas e nas deportivas, de grao medio ou superior, cada centro educativo, segundo o procedemento establecido no regulamento de centros, establecerá unha oferta equilibrada de materias e módulos en galego e en castelán que garanta que o alumnado acade a competencia lingüística propia do nivel nas dúas linguas oficiais.

2. En todos os módulos garantirase que o alumnado coñeza o vocabulario específico nas dúas linguas oficiais.

Artigo 10º.-Ensinanzas de persoas adultas.

1. Nos niveis de ensinanzas de persoas adultas, cada centro educativo garantirá que o desenvolvemento das ensinanzas asegure que o alumnado acade a competencia lingüística propia do nivel nas dúas linguas oficiais.

2. A consellería competente en materia de educación establecerá un plan específico destinado á nova poboación inmigrante que se está a asentar en Galicia, que prevexa formación lingüística, coñecementos históricos e socioculturais.

Artigo 11º.-Potenciación da lingua galega nos centros.

Coa finalidade de promover o uso do galego nos centros, a consellería competente en materia de educación establecerá un programa regular de actividades de fomento da lingua en cada centro educativo, no marco do seu proxecto lingüístico e coa participación de toda a comunidade educativa, con especial atención ás liñas de actuación que permitan un incremento no uso do galego nas actividades extraescolares e complementarias.

Artigo 12º.-Horarios e utilización das linguas.

1. Nas ensinanzas de réxime xeral e na educación de persoas adultas, recollidas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, asignaráselle globalmente o mesmo número de horas ao ensino das materias de lingua galega e de lingua castelá.

2. Nas clases de lingua e literatura galega e lingua e literatura castelá, usarase, respectivamente, o galego e o castelán, tanto por parte do profesorado como por parte do alumnado.

3. En todas as áreas, materias ou módulos, agás nas sinaladas no parágrafo anterior e nas materias de lingua(s) estranxeira(s), o alumnado poderá utilizar nas manifestacións oral e escrita a lingua oficial da súa preferencia. Non obstante o anterior, procurarase que o alumnado utilice a lingua en que se imparte a área, materia ou módulo.

Artigo 13º.-Elaboración e publicación de materiais curriculares.

1. Os materiais e libros de texto das materias impartidas en galego e en castelán estarán redactados na lingua en que se imparta a materia.

2. A consellería competente en materia de educación establecerá e promoverá a elaboración de materiais lingüísticos e terminolóxicos na outra lingua oficial de Galicia e en lingua(s) estranxeira(s).

3. Os materiais que se empreguen nas áreas, materias ou módulos sinalados no parágrafo anterior terán a calidade científica e pedagóxica adecuada e atenderán, sen prexuízo da súa proxección universal, ás peculiaridades de Galicia. Con este fin, a consellería competente en materia de educación fomentará a elaboración e publicación dos materiais curriculares correspondentes.

Artigo 14º.-Proxecto lingüístico de centro.

1. Cada centro, dentro do seu proxecto educativo, elaborará o seu proxecto lingüístico cada catro cursos escolares, no cal se fará constar:

a) A decisión do centro educativo respecto da lingua en que se impartirán as materias de educación primaria, educación secundaria obrigatoria e bacharelato.

b) En educación primaria, educación secundaria obrigatoria e bacharelato, as medidas adoptadas para que o alumnado que non teña o suficiente dominio das linguas poida seguir con aproveitamento as ensinanzas que se lle imparten.

c) Nos centros que imparten formación profesional específica, ensinanzas artísticas e deportivas, e ensinanza de persoas adultas, os procedementos que aseguren que o alumnado acade a competencia lingüística propia do nivel en ambas as dúas linguas oficiais.

d) Os obxectivos xerais e as liñas de actuación deseñadas polo centro para o fomento da lingua galega.

2. O proxecto lingüístico será redactado por unha comisión do profesorado do centro, nomeada polo equipo directivo e oída a comisión de coordinación pedagóxica. Formarán parte dela, como mínimo, os xefes/as dos departamentos de linguas e o coordinador(a) do equipo de dinamización da lingua galega. Será aprobado e avaliado polo consello escolar do centro educativo.

3. Este proxecto remitiráselles cada catro cursos escolares aos servizos da inspección educativa, que velarán para que o seu contido se axuste a este decreto e ao desenvolvemento da Lei orgánica de educación.

4. Anualmente, elaborarase unha addenda do proxecto lingüístico na cal conste:

1. Nos centros que imparten educación infantil, os resultados da pregunta aos pais, nais, titores/as ou representantes legais do alumnado para obter información respecto da lingua materna predominante entre o alumnado, e as actividades e estratexias de aprendizaxe para que o alumnado adquira, de forma oral e escrita, o coñecemento das linguas oficiais.

2. En todos os centros en que haxa unha modificación na impartición de materias en lingua(s) estranxeira(s), información sobre os cambios aprobados polo centro e autorizados pola consellería competente en materia de educación.

3. En todos os centros, información e valoración dos programas e actividades para o fomento e dinamización da lingua galega realizados polo centro educativo no curso anterior e información do que se vai desenvolver no curso seguinte.

5. Sen prexuízo do previsto na epígrafe 4 deste artigo, a Administración educativa avaliará os proxectos lingüísticos dos centros e fará o seguimento dos resultados que se desprendan da súa aplicación coa finalidade de adoptar, se é o caso, as medidas necesarias para garantir que o alumnado adquira de forma oral e escrita a competencia lingüística propia de cada nivel e etapa nas dúas linguas oficiais de Galicia, como establece o artigo 14.3º da Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística.

Artigo 15º.-Equipos de dinamización da lingua galega.

1. Para potenciar o uso da lingua galega nos centros sostidos con fondos públicos, constituirase un equipo de dinamización da lingua galega, nomeado e supervisado pola dirección do centro e formado polo seu coordinador(a), por profesorado, por representantes do alumnado (agás no ensino infantil e primario) e por persoal non docente.

2. A composición do equipo de dinamización da lingua galega para cada tipo de centro, as súas competencias, e o nomeamento, cesamento e competencias do seu coordinador serán establecidas nos regulamentos orgánicos dos centros educativos. Na constitución destes órganos tenderase a unha composición equilibrada de mulleres e homes.

3. Os equipos de dinamización da lingua galega terán un papel fundamental no deseño, posta en práctica e revisión dos programas de promoción da lingua galega nos centros educativos, contarán co apoio técnico necesario e os centros educativos terán a debida dotación de recursos didácticos, pedagóxicos e material en galego.

4. A consellería competente en materia de educación, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, coordinará o labor dos equipos de dinamización da lingua galega e divulgará as experiencias positivas desenvolvidas nos centros educativos.

5. Con esa finalidade coordinadora, constituiranse comisións en cada xefatura territorial de educación. A súa composición e funcións específicas serán determinadas pola consellería competente en materia de educación, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, de acordo coas directrices da política lingüística da Xunta de Galicia.

Artigo 16º.-Plan de formación.

A consellería competente en materia de educación desenvolverá un plan de formación, coa colaboración, se é o caso, doutras institucións, que garanta que todo o persoal dos centros educativos de Galicia e dos servizos de apoio cuxo persoal dependa da consellería teña unha competencia oral e escrita suficiente para comunicarse e para desenvolver a súa actividade profesional en galego e un coñecemento da situación sociolingüística de Galicia.

Artigo 17º.-Formación dos funcionarios e funcionarias en prácticas.

O persoal seleccionado nos procedementos selectivos de ingreso nos corpos docentes que imparten as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, realizará durante a fase de prácticas un curso de formación específico de terminoloxía, estilos, linguaxes propias da especialidade e aspectos sociolingüísticos, que lle permita desenvolver correctamente en galego as súas funcións e tarefas.

Artigo 18º.-Exención da cualificación das probas de lingua galega.

1. O alumnado que se incorpore ao sistema educativo de Galicia en 3º ciclo de educación primaria, en educación secundaria obrigatoria ou en bacharelato, procedente doutras comunidades autónomas ou dun país estranxeiro, poderá obter unha exención temporal da cualificación das probas de avaliación da materia de lingua galega durante un máximo de dous cursos escolares.

2. A exención suporá a consignación de exento nos documentos oficiais de avaliación do alumnado.

3. O alumnado terá que asistir ás aulas como medio de integración lingüística e coa finalidade de que co seu esforzo persoal, con materiais didácticos específicos e cunha axuda continua do seu profesorado poida ter, ao remate do prazo da exención, un dominio adecuado da lingua galega e seguir as ensinanzas propias do nivel en que estea ou vaia matricularse en igualdade de condicións ca os demais compañeiros/as de clase.

4. O incumprimento por parte do alumno do establecido no punto anterior determinará, logo dos informes pertinentes e oído o interesado e, se é o caso, pais, nais, titores/as ou representantes legais do alumno/a, a revogación da exención.

5. Tanto a revogación como a denegación da exención producirán como efecto a obriga para o alumnado de ser cualificado nas avaliacións parciais e finais ao final do curso en que se atopa.

6. Nos respectivos documentos oficiais de avaliación farase constar a exención concedida e, se é o caso, a posible revogación e a conseguinte cualificación.

Artigo 19º.-Solicitudes de exención.

1. A exención solicitarase para cada ano académico de permanencia na Comunidade Autónoma de Galicia e os seus efectos limitaranse ao citado ano, sen que se poidan conceder máis de dous cursos escolares consecutivos, conforme o previsto no artigo anterior deste decreto.

2. As solicitudes de exencións dirixiranse aos directores/as dos centros. Os centros docentes públicos dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria resolverán sobre a súa concesión ou denegación no prazo máximo de dez días hábiles, contados a partir da presentación da documentación completa. No caso dos centros privados e privados concertados, a resolución correspóndelle á dirección dos centros públicos a que estean adscritos.

3. A resolución da dirección do centro docente público poderá ser impugnada mediante recurso de alzada, no prazo dun mes, perante o xefe territorial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Artigo 20º.-Inspección educativa.

Os servizos de inspección educativa velarán para que en todos os centros educativos se cumpran as disposicións previstas neste decreto e proporanlles, se é o caso, ás xefaturas territoriais de educación a adopción das medidas correctoras que sexan necesarias no caso de incumprimento, sen prexuízo das responsabilidades que procedan.

Capítulo IV

A impartición de materias en lingua(s) estranxeira(s)

Artigo 21º.-Materias non lingüísticas impartidas en lingua(s) estranxeira(s).

1. A Administración educativa fomentará a impartición de materias en lingua(s) estranxeira(s), principalmente en inglés, co obxectivo de que, de maneira progresiva e voluntaria, os centros educativos poidan chegar a ofrecer ata un máximo dun terzo do seu horario lectivo semanal en lingua(s) estranxeira(s).

2. Cando nun determinado curso o centro educativo aprobe a impartición dunha ou de varias das materias a que se refiren os artigos 6, 7, 8 e 9 do presente decreto en lingua(s) estranxeira(s), adaptará o seu proxecto lingüístico para garantir o máximo equilibrio de horas semanais ofertadas en galego e en castelán nese curso, segundo o procedemento establecido no regulamento de centros.

3. No suposto sinalado no parágrafo anterior, e con carácter previo á súa aprobación, o centro deberá cursar a oportuna solicitude á Administración educativa, para os efectos do outorgamento, de ser o caso, da correspondente autorización.

Artigo 22º.-As linguas estranxeiras na formación profesional específica, ensinanzas artísticas e deportivas.

Nas ensinanzas de formación profesional específica, ensinanzas artísticas e deportivas, desenvolveranse as habilidades de comunicación oral e escrita en lingua(s) estranxeira(s), de maneira progresiva e gradual, para facilitar o desempeño laboral no espazo europeo.

Artigo 23º.-Plan de fomento das linguas estranxeiras.

A consellería competente en materia de educación aprobará un plan de fomento das linguas estranxeiras no que se determinarán as liñas de actuación, dirixidas ao profesorado, ao alumnado e aos centros, para cumprir o sinalado neste capítulo.

Disposicións adicionais

Primeira.-Materias impartidas en linguas estranxeiras.

A impartición de materias non lingüísticas en lingua(s) estranxeira(s) regularase mediante orde aprobada pola consellería competente en materia de educación.

Segunda.-Avaliación da capacitación nas linguas oficiais.

A consellería competente en materia de educación establecerá un procedemento de avaliación do nivel de competencia nas dúas linguas oficiais en educación primaria e en educación secundaria obrigatoria, como garantía da consecución progresiva da competencia en igualdade en ambas as linguas.

Terceira.-Alumnado con necesidades educativas especiais.

A Administración educativa elaborará e presentará un plan dirixido ao alumnado con necesidades educativas especiais que asegure a súa capacitación lingüística nas linguas oficiais.

Cuarta.-Dereitos da coordinación dos equipos de dinamización da lingua galega.

O coordinador ou coordinadora do equipo de dinamización da lingua galega terá os mesmos dereitos administrativos e económicos cás xefaturas dos departamentos didácticos.

Quinta.-Avaliación dos resultados.

Con periodicidade anual, despois de finalizar o curso escolar, a consellería competente en materia de educación avaliará os resultados derivados da aplicación deste decreto e desenvolverá cantas disposicións fosen precisas para o mellor cumprimento e adaptación dos seus obxectivos co fin de que poida achegarse gradualmente ao marco dun ensino plurilingüe e á plena aplicación da Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias.

Disposicións transitorias

Primeira.-Cambio de denominación.

Os «equipos de normalización e dinamización lingüística» dos centros educativos, creados ao abeiro do artigo 18 do Decreto 124/2007, pasan a denominarse «equipos de dinamización da lingua galega».

Segunda.-Alumnado anterior á incorporación da lingua galega ao sistema educativo.

O alumnado que cursase estudos en Galicia con anterioridade á incorporación da lingua galega ao sistema educativo e que queira proseguilos terá a obriga de cursar esta materia e será cualificado a partir do curso en que retome os seus estudos.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas as normas de igual ou inferior rango en canto contradigan ou se opoñan ao disposto neste decreto e, en especial, o Decreto 124/2007, do 28 de xuño, polo que se regula o uso e a promoción do galego no sistema educativo.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Habilitación.

Autorízase a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para ditar as disposicións que procedan para o desenvolvemento e a execución deste decreto.

Segunda.-Entrada en vigor.

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte de maio de dous mil dez.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Jesús Vázquez Abad

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria