DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 105 Venres, 04 de xuño de 2010 Páx. 10.099

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E INDUSTRIA

DECRETO 85/2010, do 27 de maio, polo que se modifica o Regulamento de réxime electoral das cámaras oficiais de comercio, industria e navegación de Galicia, aprobado polo Decreto 431/2009, do 19 de novembro.

O artigo 27.29º do Estatuto de autonomía de Galicia atribúe á Comunidade Autónoma galega a competencia sobre as cámaras oficiais de comercio, industria e navegación do seu territorio, sen prexuízo do disposto no artigo 149 da Constitución.

A Xunta de Galicia aprobou o Decreto 116/1997, do 14 de maio, polo que se regula o réxime electoral das cámaras oficiais de comercio, industria e navegación de Galicia. O obxectivo desta norma era adaptar o procedemento electoral, establecido no Real decreto 816/1990, do 22 de xuño, ao disposto na Lei 3/1993, do 22 de marzo, básica das cámaras de comercio, industria e navegación, e introducir as modificacións aconselladas pola experiencia obtida en anteriores procesos electorais, para garantir a obxectividade e transparencia das eleccións e lograr un maior nivel participativo e, por conseguinte, unha maior representatividade dos diversos sectores representados nas devanditas corporacións.

Posteriormente, o Parlamento galego aprobou a Lei 5/2004, do 8 de xullo, de cámaras oficiais de comercio, industria e navegación de Galicia, que no seu capítulo IV regula o réxime electoral das referidas corporacións de dereito público.

As novidades introducidas por esa lei e polos preceptos de carácter básico contidos no Regulamento xeral das cámaras oficiais de comercio, industria e navegación, así como a experiencia e mais a práctica adquirida nos últimos procesos electorais aconsellaron que esta realidade fose adaptada aos postulados da nova normativa e que se abordase o procedemento electoral desde unha perspectiva máis actual.

Por esa razón, a Xunta de Galicia aprobou, mediante o Decreto 431/2009, do 19 de novembro, o Regulamento de réxime electoral das cámaras oficiais de comercio, industria e navegación de Galicia, que no seu título III aborda as cuestións referentes á constitución e elección dos órganos de goberno do Consello Galego de Cámaras.

O artigo 63.4º do referido regulamento establece que a elección da presidencia do Consello Galego de Cámaras, da vicepresidencia, tesouraría e membros vogais do comité executivo, recaerá en calquera das persoas vogais natas. Deste xeito, o devandito precepto non prevé a posibilidade de que tales cargos os poidan desempeñar as persoas vogais consultoras do pleno.

Este decreto modifica o tan repetido precepto no sentido de recoller nel que a elección da presidencia, da vicepresidencia, da tesouraría e dos membros vogais do comité executivo pode recaer tanto nas persoas vogais natas como nas persoas vogais consultoras do pleno.

Así mesmo, mediante este decreto modifícase tamén o artigo 65 do Regulamento de réxime electoral das cámaras oficiais de comercio, industria e navegación de Galicia para recoller que o cesamento das persoas titulares dos devanditos cargos do comité executivo se efectuará mediante acordo adoptado pola maioría absoluta dos membros do pleno do consello con dereito a voto e que as vacantes se cubrirán por votación deles.

No procedemento de elaboración deste decreto foron consultadas as cámaras oficiais de comercio, industria e navegación de Galicia, o Consello Galego das Cámaras e as organizacións empresariais intersectoriales e territoriais máis representativas.

Na súa virtude, en exercicio das atribucións conferidas polo artigo 34.5º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, por proposta da persoa titular da Consellería de Economía e Industria, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e sete de maio de dous mil dez,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Modificación do artigo 63 do Regulamento de réxime electoral das cámaras oficiais de comercio, industria e navegación de Galicia, aprobado polo Decreto 431/2009, do 19 de novembro.

O título do artigo 63 do Regulamento de réxime electoral das cámaras oficiais de comercio, industria e navegación de Galicia e mais o número 4 deste precepto quedan redactados nos seguintes termos:

«Artigo 63º.-Sesión constitutiva do pleno do Consello Galego de Cámaras e elección de cargos.

(...)

4. Nunha segunda sesión do pleno posterior á constitutiva, convocada para o efecto pola Administración tutelante e presidida pola representación dela, procederase á elección da presidencia do consello, e despois á da vicepresidencia, se é o caso, tesouraría e membros vogais do comité executivo, sucesivamente e por esta orde, eleccións que recaerán en calquera dos membros do pleno do consello con dereito a voto que nunha primeira votación obteña a maioría absoluta dos votos. Para cada unha delas formulará candidaturas quen asista, e só poderá emitirse o voto a favor dalgunha das formalmente propostas. Se houbese unha única persoa candidata considerarase, sen máis trámite, electa.

Resultará elixida a persoa candidata ao cargo que obteña a maioría absoluta dos votos nunha primeira votación. De non lograrse esta maioría, realizarase unha segunda votación, entre o segundo e o cuarto día seguinte á data da primeira, na cal unicamente serán persoas candidatas as dúas máis votadas naquela, salvo renuncia dunha delas. Neste caso, pasará a ser candidata a terceira máis votada, aínda que non sexa nomeada ata ese momento. Nesta segunda volta bastará a maioría simple. En caso de empate nesta segunda votación, proclamarase electa a persoa candidata de maior idade. En caso dunha soa candidatura, considerarase electa».

Artigo 2º.-Modificación do artigo 65 do Regulamento de réxime electoral das cámaras oficiais de comercio, industria e navegación de Galicia.

O artigo 65 do Regulamento de réxime electoral das cámaras oficiais de comercio, industria e navegación de Galicia queda redactado nos seguintes termos:

«1. As persoas titulares da presidencia, vicepresidencia, se é o caso, tesouraría e demais membros do comité executivo cesarán:

a) Por perda da confianza mediante acordo adoptado pola maioría absoluta dos membros do pleno do consello con dereito a voto. A proposta de destitución deberá ser formulada polo mesmo comité executivo ou por, polo menos, catro presidencias de cámaras galegas

b) Por perda da condición de membro do pleno.

c) Por renuncia a estes cargos, sen prexuízo de manter a súa condición de membro do pleno.

2. As vacantes que se produzan nos órganos unipersoais ou no comité executivo cubriranse igualmente por votación dos membros do pleno do consello con dereito a voto entre calquera destes e para o tempo que faltase ata cumprir o mandato daqueles a quen sucedan.

3. Para as eleccións e acordos a que se refiren este artigo exixiranse os mesmos requisitos e formalidades establecidos con carácter xeral para estas eleccións no artigo 63.4º, pero sen a convocatoria da Administración tutelante, nin presidencia da representación dela; observaranse a este respecto as regras sobre funcionamento do pleno, sen prexuízo das adaptacións que prevexa o seu regulamento de réxime interior».

Disposición derradeira

Única.-Entrada en vigor.

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e sete de maio de dous mil dez.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Javier Guerra Fernández

Conselleiro de Economía e Industria