DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 131 Luns, 12 de xullo de 2010 Páx. 12.631

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

DECRETO 113/2010, do 1 de xullo, polo que se modifica o Decreto 181/2002, do 10 de maio, polo que se aproba o Regulamento do xogo do bingo, e o Decreto 116/1986, do 4 de xuño, polo que se aproba o Catálogo de xogos da Comunidade Autónoma de Galicia.

En virtude da competencia exclusiva en materia de casinos, xogos e apostas que o artigo 27.27º do Estatuto de autonomía de Galicia lle atribúe a esta comunidade autónoma, aprobouse a Lei 14/1985, do 23 de outubro, reguladora dos xogos e apostas en Galicia, que é a norma legal autonómica reguladora da materia.

En exercicio da potestade regulamentaria prevista no artigo 22 c) da citada lei, a Xunta, por Decreto 181/2002, do 10 de maio, aprobou o Regulamento do xogo do bingo, modificado parcialmente polo Decreto 9/2007, do 25 de xaneiro.

A experiencia na comercialización do xogo do bingo vén incorporando nos últimos tempos novidades e melloras tanto de natureza conceptual coma técnica, que mantendo a esencia do xogo permiten un desenvolvemento máis diversificado como produto.

Para dar cabida ás posibilidades que ofrecen estes novos soportes electrónicos, así como a novas combinacións gañadoras, modifícase a descrición do xogo de bingo recollida no artigo 3. Así mesmo, nun novo artigo 3 bis recóllense as características e elementos básicos de xogo de tres novas modalidades do xogo de bingo: o bingo interconexionado, o bingo simultáneo e o bingo electrónico, que xa foron recollidas nas normativas doutras comunidades autónomas, e remítese a unha orde o seu desenvolvemento posterior.

A regulación do bingo tradicional tamén resulta modificada. En concreto, introdúcese a posibilidade de que os cartóns sexan subministrados telematicamente ás salas e a posibilidade de autorizar a utilización de medios de pagamento e reintegro electrónicos. Por outra parte, procédese a unha reformulación do premio da prima, creándose dúas subcategorías (a prima, cuxo máximo de dotación económica se ve incrementado e a nova prima-plus) que permiten dar forma a un plan de premios de maior contía de referencia.

A cantidade que se vai distribuír en premios no bingo tradicional redúcese do 63% ao 61% para poñelo en consonancia coas porcentaxes repartidas na maior parte das comunidades autónomas. A nova previsión faise tamén extensible á nova modalidade de bingo simultáneo e establecese unha porcentaxe mínima do 70% para a modalidade de bingo electrónico.

Así mesmo, modifícanse os supostos excluídos da aplicación do Regulamento do xogo do bingo, en concordancia co disposto no número 2 do artigo 1 da Lei 14/1985, do 23 de outubro, reguladora dos xogos e apostas en Galicia, e introdúcese a previsión da comunicación telemática das variacións na listaxe de prohibidos, que vinculará as empresas titulares de salas de bingo na comunidade.

As novas modalidades e regras do xogo do bingo son incorporadas tamén ao Catálogo de xogos da nosa comunidade autónoma, aprobado polo Decreto 166/1986, do 4 de xuño.

Finalmente, e de acordo coa nova regulación dos medios de pagamento, derrógase expresamente o Decreto 523/1990, do 29 de novembro, polo que se prohibía a instalación de caixeiros automáticos nas salas de xogo e salas de bingo, e limítase a utilización de datáfonos, así como de aparellos automáticos auxiliares no xogo do bingo.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, oída a Comisión do Xogo de Galicia, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia, logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día un de xullo de dous mil dez,

DISPOÑO:

Artigo primeiro. Modificación do Regulamento do xogo do bingo aprobado polo Decreto 181/2002, do 10 de maio.

Un. O número 2 do artigo 2.-Réxime xurídico queda redactado do seguinte xeito:

«2. Quedan prohibidos todos os xogos que, co mesmo ou distinto nome, constitúan modalidades de bingo non previstas nas normas mencionadas no número anterior».

Dous. Engádese un novo número 3 ao artigo 2.-Réxime xurídico, que queda redactado do seguinte xeito:

«3. As obrigas que deriven do xogo do bingo terán carácter de módicas, para os efectos do disposto no número 2 do artigo 1 da Lei 14/1985, cando o conxunto das operacións semanais, entendidas estas como a suma de todas as cantidades achegadas polos xogadores, non superen os trescentos euros e o importe total das cantidades aceptadas a un xogador nunha xornada non supere os cincuenta euros.

Non obstante o anterior, cando a actividade de xogo se realice en poboacións con máis de 5.000 habitantes segundo o censo de poboación oficial, os organizadores estarán obrigados a comunicar, con anterioridade ao comezo efectivo das actividades, á dirección xeral competente en materia de xogo, toda a información relacionada co cumprimento dos requisitos previstos, a identificación do local onde se celebrará o xogo, así como a identidade das persoas responsables da organización».

Tres. O artigo 3.-Descrición do xogo queda redactado do seguinte xeito:

«O xogo do bingo é unha lotaría xogada con 90 números, do 1 ao 90, ambos os dous inclusive, tendo as persoas que xogan como unidade de xogo cartóns ou tarxetas, sexan en soporte físico ou electrónico, integrados por 15 números distintos entre si e distribuídos en tres liñas horizontais de cinco números cada unha e nove columnas verticais, en calquera das cales pode haber tres, dous ou un número, pero sen que nunca poida existir unha columna sen número, poden estes estar predeterminados nas unidades de xogo ou seleccionados polo xogador nelas en caso de cartóns electrónicos, e no cal mediante un proceso aleatorio de extracción de números se desenvolve o xogo, premiándose ás combinacións gañadoras previamente definidas, de acordo co disposto neste regulamento e normas que o desenvolvan.».

Catro. Engádese un novo artigo 3 bis, que queda redactado do seguinte xeito:

«Artigo 3 bis. Modalidades do xogo do bingo.

1. O xogo do bingo poderá practicarse conforme as seguintes modalidades:

a) modalidade de xogo do bingo tradicional.

b) modalidade de xogo do bingo interconexionado.

c) modalidade de xogo do bingo simultáneo.

d) modalidade de xogo do bingo electrónico.

2. O bingo tradicional é a modalidade do xogo do bingo desenvolvida nun só establecemento, con cartóns físicos, que poderán ser subministrados de xeito presencial ou por medios telemáticos pola consellería competente en materia de facenda, e que polo menos en parte se realice con soportes materiais ou persoais.

O xogo de bingo tradicional axustarase ao disposto nos artigos 4 ao 8 e no capítulo IV deste regulamento, que son aplicables igualmente ao bingo interconexionado e ao bingo simultáneo, no contexto das particularidades das modalidades e na medida en que non resulten contraditorias ou inaplicables en relación coas normas específicas de cada modalidade. No caso do bingo electrónico, dadas as súas especiais características técnicas e operativas, os elementos de xogo, as diferentes combinacions gañadoras, a distribución dos premios entre estas e os seus mecanismos de obtención axustaranse para cada xogo de bingo electrónico autorizado ao que para tal efecto dispoña a orde que desenvolva as características técnicas, funcionais e operativas aplicables á dita modalidade.

3. O bingo interconexionado é unha modalidade do xogo do bingo baseada no formato do bingo tradicional, sempre que concorran ao desenvolvemento dela dous ou máis establecementos de xeito coordinado, e que consiste na obtención dun premio adicional polo xogador/es que resulten premiados co bingo tradicional. Non obstante, para a obtención do citado premio deberá cantarse bingo coa bola de orde 36 ou inferior. Cando o importe detraído alcance a cantidade fixada como máxima, procederase a aumentar diariamente o número de orde da bola 36, a razón dunha bola diaria, ata que sexa obtido o dito premio, caso en que se retornará, ao final da sesión, á bola de orde inicial, isto é, a 36.

A cantidade que se distribuirá no premio adicional do bingo interconexionado é a resultante de detraer a cantidade calculada nun 1% do valor facial dos cartóns vendidos en cada partida de todas as salas de bingo con autorización para a realización desta modalidade de xogo, descontándose a dita porcentaxe do premio da prima.

O importe do premio será como máximo de 30.000 €, polo que alcanzado ese límite as detraccións se destinarán, na súa totalidade, ao premio do bingo tradicional.

4. O bingo simultáneo é unha modalidade do xogo do bingo, baseada na realización simultánea do xogo do bingo tradicional entre varios establecementos, en formato de unidade de xogo para todos eles.

O número de partidas e a hora de celebración destas será a que se concrete na norma de desenvolvemento e faríase coincidir nas horas que determine a xestora do sistema.

Esta modalidade desenvolverase conforme as normas xerais que rexen o bingo tradicional, coas seguintes especificidades:

a) Consiste na celebración dunha partida de bingo tradicional de forma simultánea por todos os xogadores presentes nas diferentes salas que estean adheridas ao sistema e en conexión entre si e unha unidade central do proceso de datos ou central operativa.

b) Ten como base os cartóns de bingo, mediante series especiais, o suficientemente amplas para asegurar que todos os xogadores poidan xogar, sen que existan cartóns repetidos. O valor facial dos cartóns correspondentes a esta modalidade poderá ser de 0,10, 0,20, 0,50, 1, 2, 3 e 6 euros.

c) O sorteo poderase celebrar tanto nunha central operativa como en calquera das salas adheridas ao sistema e en cada sala recibirase a información do xogo e das diferentes extraccións a través de imaxe de vídeo remitida pola central operativa. Deste xeito, o establecemento que queira participar deberá dispor dun sistema informático conectado á dita central operativa que permita enviar ás salas os datos relativos ao desenvolvemento da partida e recibir daquel información consolidada e de control. Ademais, os establecementos estarán dotados dun sistema de reprodución de imaxe de televisión que permita reproducir as extraccións realizadas polo sistema de produción do sorteo e que deberá estar conectado ao circuíto cerrado de televisión da sala.

5. O bingo electrónico é unha modalidade do xogo do bingo realizada e xestionada integramente en soporte electrónico, que se desenvolve con independencia da modalidade tradicional, nun establecemento ou en varios de xeito simultáneo, a través de terminais de autoservizo.

A práctica da modalidade do bingo electrónico deberá realizarse, salvo que a súa práctica se realice en momentos diferentes ao bingo tradicional, en dependencias diferenciadas do establecemento que reúnan especiais condicións de illamento acústico que permitan a súa compatibilidade.

A porcentaxe que debe ir destinada a premios será do 70% da suma das cantidades recadadas pola venda de cartóns electrónicos entre todos os terminais en xogo e do cal polo menos un 40% irá destinado a dotar os premios propios da sala.

Ten como base cartóns electrónicos, os cales deben ser adquiridos polos xogadores mediante a correspondente tarxeta prepagamento. Nestes cartóns irán plasmándose as diferentes extraccións de bolas que se van producindo no desenvolvemento da partida, os cales deberán identificarse en canto a serie, número, valor e código de seguridade.

Estes cartóns electrónicos mostraranse nos terminais informáticos de xogo debidamente homologados pola consellería competente en materia de xogo. Os cartóns electrónicos, así como os programas informáticos que os xeren, deberán cumprir as especificacións técnicas e requisitos, así como as exixencias de control e seguridade que ditamine a consellería competente en materia de facenda. A consellería competente en materia de xogo establecerá a forma de rexistro das operacións. O valor facial destes cartóns poderá ser de 0,10, 0,20, 0,50, 1, 2, 3 e 6 euros.

6. Os elementos do xogo específicos das modalidades de bingo interconexionado, simultáneo e electrónico, que deberán estar previamente homologados, son os seguintes: nas modalidades de bingo interconexionado e simultáneo existirá unha central operativa, que será o centro de xestión, control e coordinación de todo o sistema e ao cal deberán estar conectados todos os establecementos que queiran participar e, na modalidade de bingo electrónico, un sistema informatizado de bingo electrónico, terminais informáticos de xogo, en que se reflectirán os cartóns electrónicos necesarios para participar na partida e tarxetas electrónicas prepagamento para efectuar a compra dos cartóns e cobramento dos premios.

7. As especificidades que sobre as regras do bingo tradicional presenten as modalidades do bingo interconexionado, simultáneo e electrónico, serán obxecto de desenvolvemento mediante orde da consellería competente en materia de xogo. As ditas modalidades deberán xestionarse en soportes electrónicos previamente autorizados, que garantan a total transparencia no desenvolvemento do xogo, a seguridade dos datos, o rigoroso control tributario e deberán incorporar mecanismos de control e información, xa sexa en liña ou mediante formatos de exportación electrónica, accesibles para os organismos competentes para o seu control, accesibilidade que en ningún caso levará aparellado ningún custo para a Administración.

8. A porcentaxe destinada a premios no xogo do bingo nas súas modalidades de bingo tradicional e simultáneo será do 61% das cantidades xogadas, e na modalidade de bingo electrónico será do 70%».

Cinco. A letra a) do artigo 4.-Elementos do xogo queda redactado do seguinte xeito:

«a) Cartóns.

O xogo do bingo tradicional só poderá practicarse cos cartóns físicos autorizados e homologados pola consellería competente en materia de xogo e expedidos pola consellería competente en materia de facenda. Entenderase por cartón físico a unidade en soporte material ou virtual en que o xogador irá marcando as diferentes extraccións de bolas en cada partida. Cada cartón deberá ser identificado en canto ao seu número, serie a que pertence, número de orde dentro desta e número de cartóns de que consta a serie, valor e distribución porcentual de premios. Cada cartón será válido unicamente para unha partida. O valor facial destes cartóns será de 1,5, 2, 3 e 6 euros.

Os cartóns físicos en soporte material deberán estar fabricados nun material que permita que sexan marcados polas persoas que xogan, e indicarán no anverso o seu valor facial, o número de serie a que pertence, o número de orde dentro desta e o número de cartóns de que consta a serie, e figurá no reverso un extracto das principais regras do xogo e a distribución dos premios. Os citados cartóns serán subministrados de forma presencial pola consellería competente en materia de facenda ao representante da empresa titular solicitante da sala de bingo, xunto cunha guía de circulación que servirá de xustificante da súa posesión e destino.

Os cartóns físicos poderán ser subministrados pola consellería competente en materia de facenda por medios telemáticos, e poderán ser impresos na sala de destino ou mostrados en terminais informáticos debidamente homologados pola consellería competente en materia de xogo. Para estes efectos, deberanse cumprir as especificacións e requisitos, así como as exixencias de control e seguridade que ditamine a consellería competente en materia de facenda.

A consellería competente en materia de facenda poderá establecer, para as salas en que se desenvolva o xogo tradicional do bingo, a obrigatoriedade de que os cartóns sexan subministrados telematicamente».

Seis. O artigo 6.-Contía dos premios queda redactado do seguinte xeito:

«A cantidade que se distribuirá en premios en cada partida consistirá no 61% do valor facial da totalidade dos cartóns vendidos nela, e a súa contía determinarase na forma seguinte:

a) Liña. A contía do premio de liña será a que resulte de detraer o 5% do valor facial da totalidade dos cartóns vendidos en cada partida.

b) Bingo ordinario. A contía do premio de bingo ordinario será a que resulte de detraer o 50% do valor facial da totalidade dos cartóns vendidos en cada partida.

c) Prima. Dotarase coa cantidade que resulte de detraer o 6% do valor facial dos cartóns vendidos en cada partida; a detracción realizarase en todas as partidas e, unha vez conseguidas as cantidades correspondentes ás diferentes categorías de premio, destinarase á dotación do seguinte premio desta modalidade».

Sete. O artigo 8.-Premio da prima queda redactado do seguinte xeito:

«1. A dotación do premio da prima será dividida ao 50% en dúas categorías de premio denominados prima e prima-plus.

2. O premio de prima será outorgado ao xogador ou xogadores que completen e canten o bingo ordinario co número de extraccións menor ou igual ao fixado pola sala e que non poderá ser inferior a 40, a partir da partida inmediata posterior a aquela en que se alcanzase o importe ou contía mínima necesaria para obter o premio. Esta contía será determinada pola sala no mesmo momento de fixar o número de extraccións para o mencionado premio, que non poderá ser inferior a 30 € nin superior a 1.500 €.

No suposto de que o premio de prima non fose adxudicado por superarse o número de extraccións fixado inicialmente, este incrementarase nunha unidade de extracción en cada unha das partidas posteriores ata que se produza a adxudicación.

O número de extraccións necesarias para cada partida será anunciado ao comezo de cada unha das partidas sucesivas.

3. O premio de prima-plus será outorgado ao xogador ou xogadores que completen e canten o bingo co número de extraccións menor ou igual ao fixado pola sala, e a cantidade máxima que se outorgará polo dito premio será de 3.000 €.

O número mínimo de extraccións de bolas que atribuirán ao xogador ou xogadores que obtivesen o premio do bingo ordinario o dereito á obtención do premio adicional da prima-plus será, de acordo coa categoría das salas de bingo, o seguinte:

De terceira categoría: 46 extraccións.

De segunda categoría: 44 extraccións.

De primeira categoría: 42 extraccións.

De categoría especial: 40 extraccións.

No suposto de que o premio de prima-plus non fose adxudicado por terse superado o número de extraccións fixado e unha vez alcanzada a contía máxima, este incrementarase en catro unidades de extracción diaria en cada unha das sesións de xogo posteriores ata que se produza a adxudicación e as detraccións adicionais destinaranse na súa totalidade a constituír o importe do novo premio de prima-plus.

O número de extraccións necesarias para cada sesión anunciarase ao comezo de cada unha das partidas sucesivas.

4. En caso de que a persoa que xogue obteña o premio de bingo, en bola igual ou inferior ás determinadas para os premios de prima e prima-plus, e ambas as dúas se encontren en xogo, terá dereito á obtención dos dous premios».

Oito. A letra g) do artigo 11 queda suprimida.

Nove. A letra c) do artigo 12 queda suprimida.

Dez. O título do capítulo IV queda redactado do seguinte xeito:

«Regras e desenvolvemento das partidas da modalidade de bingo tradicional».

Once. O número 5 do artigo 34.-Venda de cartóns queda redactado do seguinte xeito:

«5. Os cartóns deben ser pagados en efectivo polas persoas que xoguen, e queda prohibida a súa entrega á conta ou o seu aboamento mediante cheques ou calquera outro medio de pagamento, salvo o disposto nos parágrafos seguintes, así como a práctica de operacións de concesión de préstamo ou crédito.

Conforme as normas que dite a consellería competente en materia de xogo poderá autorizarse calquera medio de pagamento electrónico, sempre que o resultado das operacións realizadas non supoña operación de préstamo ou crédito entre a empresa titular do establecemento e o usuario. Así mesmo, poderase autorizar por parte do organismo competente a expedición exclusiva para as salas de bingo de soportes ou tarxetas electrónicas de pre-pagamento e reintegro, que se deberán cambiar dentro das dependencias destes establecementos.

Nas salas de bingo poderase autorizar fóra da sala de xogos a instalación de caixeiros automáticos de entidades financeiras e bancarias, suxeitándose ás normas que dite a consellería competente en materia de xogo».

Doce. O número 3 do artigo 42.-Lista de prohibidos queda redactado como segue:

«3. As prohibicións terán carácter reservado e delas darase traslado ás empresas titulares das salas de bingo, por escrito ou mediante o oportuno soporte informático, cunha periodicidade non superior á quincenal.

No caso de remisión telemática, as empresas titulares de salas de bingo deberán contar cos dispositivos técnicos axeitados para a súa recepción. A actualización efectuarase con acceso restrinxido das persoas previamente habilitadas pola empresa titular da sala de bingo, mediante certificado electrónico recoñecido emitido por unha entidade prestadora de servizos de certificación recoñecida.

Así mesmo, as salas de bingo estarán obrigadas a actualizar diariamente os datos informáticos de prohibidos da dirección xeral competente en materia de xogo para a súa inclusión na base de datos do servizo de admisión das salas de bingo. En caso de desconexión informática entre as salas de bingo e o órgano competente de xogo, utilizaranse outros sistemas alternativos autorizados previamente».

Artigo 2. Modificación do Decreto 166/1986, do 4 de xuño, polo que se aproba o Catálogo de xogos da Comunidade Autónoma de Galicia.

Un. O artigo 3.-Descrición do xogo queda redactado do seguinte xeito:

«1. O xogo do bingo é unha lotaría xogada con 90 números, do 1 ao 90, ambos os dous inclusive, tendo os xogadores como unidade de xogo cartóns ou tarxetas, sexan estes en soporte físico ou electrónico, integradas por 15 números distintos entre si e distribuídos en tres liñas horizontais de cinco números cada unha e nove columnas verticais, en calquera das cales pode haber tres, dous ou un número, pero sen que nunca poida existir unha columna sen número, poden estes estar predeterminados nas unidades de xogo ou seleccionados polo xogador nelas en caso de cartóns electrónicos, e no que mediante un proceso aleatorio de extracción de números se desenvolve o xogo, premiándose ás combinacións gañadoras previamente definidas nas normas que regulen o desenvolvemento do xogo do bingo, nas súas diferentes modalidades.

2. O xogo do bingo poderá practicarse conforme as seguintes modalidades:

a) Modalidade de xogo do bingo tradicional.

b) Modalidade de xogo do bingo interconexionado.

c) Modalidade de xogo do bingo simultáneo.

d) Modalidade de xogo do bingo electrónico.

3. Modalidades do xogo do bingo e regras xerais:

a) O bingo tradicional é a modalidade do xogo do bingo desenvolvida nun só establecemento, con cartóns físicos que poderán ser subministrados de xeito presencial ou por medios telemáticos pola consellería competente en materia de facenda, e que polo menos en parte se realice con soportes materiais ou persoais.

b) O bingo interconexionado é unha modalidade do xogo do bingo baseada no formato do bingo tradicional, sempre que concorran ao desenvolvemento dela dous ou máis establecementos de xeito coordinado, e que consiste na obtención dun premio adicional polos xogadores que resulten premiados co bingo tradicional. Non obstante, para a obtención do citado premio deberá de cantarse bingo coa bola de orde 36 ou inferior. Cando o importe detraído alcance a cantidade fixada como máxima, procederase a aumentar diariamente o número de orde da bola, a razón dunha bola diaria, ata que sexa obtido o dito premio, caso en que se retornará, ao final da sesión, á bola de orde inicial, isto é, a 36.

O importe do premio será como máximo de 30.000 €, polo que alcanzado ese límite as detraccións se destinarán, na súa totalidade, ao premio do bingo tradicional.

c) O bingo simultáneo é unha modalidade do xogo do bingo baseada na realización simultánea do xogo do bingo tradicional entre varios establecementos, en formato de unidade de xogo para todos eles.

O número de partidas e a hora de celebración destas será a que se concrete na norma de desenvolvemento e faríase coincidir nas horas que determine a xestora do sistema.

Esta modalidade desenvolverase conforme as normas xerais que rexen o bingo tradicional, coas seguintes especificidades:

1º Consiste na celebración dunha partida de bingo tradicional de forma simultánea por todos os xogadores presentes nas diferentes salas que estean adheridas ao sistema e en conexión entre si e unha unidade central do proceso de datos ou central operativa.

2º Ten como base os cartóns de bingo, mediante series especiais, o suficientemente amplas para asegurar que todos os xogadores poidan xogar, sen que existan cartóns repetidos.

d) O bingo electrónico é unha modalidade do xogo do bingo realizada e xestionada integramente en soporte electrónico, que se desenvolve con independencia da modalidade tradicional, nun establecemento ou en varios de xeito simultáneo, a través de terminais de autoservizo.

A práctica da modalidade do bingo electrónico deberá realizarse, salvo que a súa práctica se realice en momentos diferentes ao bingo tradicional, en dependencias diferenciadas do establecemento que reúnan especialmente condicións de illamento acústico que permitan a súa compatibilidade.

Ten como base cartóns electrónicos, os cales deben ser adquiridos polos xogadores mediante a correspondente tarxeta prepagamento. Nestes cartóns irán plasmándose as diferentes extraccións de bolas que se van producindo no desenvolvemento da partida, os cales deberán identificarse en canto a serie, número, valor e código de seguridade.

Disposicións adicionais

Primeira.-Soportes técnicos para o xogo do bingo.

As características que deben reunir os soportes técnicos sobre os que se practique e xestione o xogo do bingo nas súas diferentes modalidades serán especificadas por normas que para tal efecto dite a consellería competente en materia de xogo, conxuntamente coa consellería competente en materia de tributos cando os ditos soportes afecten o control tributario das operacións, en que se regulará o réxime de homologacións e autorizacións previas á súa posta en funcionamento.

Segunda.-Recoñecemento das homologacións.

Serán recoñecidas as homologacións que sobre os ditos soportes fosen expedidas por outras comunidades autónomas, o Estado central, ou calquera dos estados membros da Unión Europea e aqueles que teñan acordos preferentes con este espazo, sempre que satisfagan os requirimentos de transparencia, seguridade e control adecuados.

Disposicións transitorias

Primeira.-Premios da prima do xogo do bingo.

Os premios da prima que se encontren en xogo en cada sala de bingo no momento da entrada en vigor desta norma, xunto coas cantidades detraídas para o dito premio ata a finalización da sesión correspondente ao día anterior á entrada en vigor desta norma, serán acumulados nun único premio extraordinario que será outorgado ao xogador ou xogadores que obteñan o primeiro premio de bingo ordinario na primeira sesión.

Segunda.-Peche temporal de salas de bingo.

As salas de bingo que no momento da entrada en vigor desta norma estean en situación de peche temporal e que retomen a súa actividade nos termos previstos no artigo 44 do Regulamento do xogo do bingo, formarán un único premio coas contías dos premios acumulados ao peche, o cal será outorgado ao xogador ou xogadores que obteñan o primeiro premio de bingo ordinario nun número máximo de extraccións de bolas non superior a 45, que terá lugar o mesmo día da reapertura.

Disposicións derrogatorias

Primeira.

Queda derrogado o Decreto 523/1990, do 29 de novembro, polo que se prohibía a instalación de caixeiros automáticos nas salas de xogo e salas de bingo, e limítase a utilización de datáfonos, así como de aparellos automáticos auxiliares no xogo do bingo.

Segunda.

Quedan derrogadas todas as disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ao disposto neste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Referencias.

1. Todas as referencias que no Decreto 181/2002, do 10 de maio, polo que se aproba o Regulamento do xogo do bingo se fagan á Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais entenderanse realizadas á consellería competente en materia de xogo.

2. As referencias que se fan á Dirección Xeral de Interior e Protección Civil entenderanse realizadas ao órgano con competencia en materia de xogo.

Segunda.-Normas de desenvolvemento.

Habilítase a consellería competente en materia de xogo para ditar todas aquelas normas de desenvolvemento necesarias para a aplicación deste decreto, e en concreto para determinar mediante orde o valor facial dos cartóns de xogo do bingo nas súas diferentes modalidades, así como as contías e porcentaxes dos seus premios.

Terceira.-Entrada en vigor.

Este decreto entrará en vigor aos 20 días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, un de xullo de dous mil dez.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela

Conselleiro de Presidencia, Administracións

Públicas e Xustiza