DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 131 Luns, 12 de xullo de 2010 Páx. 12.636

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

DECRETO 114/2010, do 1 de xullo, polo que se establece a ordenación xeral da formación profesional do sistema educativo de Galicia.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, determina que é competencia plena da Comunidade Autónoma de Galicia a regulación e a administración do ensino en toda a súa extensión, nos seus niveis e graos, nas súas modalidades e especialidades, sen prexuízo do disposto no artigo 27 da Constitución e nas leis orgánicas que, conforme o punto primeiro do seu artigo 81, a desenvolvan.

A Lei orgánica 5/2002, do 19 de xuño, das cualificacións e da formación profesional, ordena un sistema integral de formación profesional, cualificacións e acreditación que poida responder con eficacia e transparencia as demandas sociais e económicas a través das diversas modalidades formativas. Con este fin créase o Sistema Nacional das Cualificacións e da Formación Profesional, en cuxo marco se deben orientar as accións formativas programadas e desenvolvidas en coordinación coas políticas activas de emprego e de fomento da libre circulación dos traballadores e das traballadoras.

A citada lei define a formación profesional como un conxunto de accións formativas que capacitan para o desempeño cualificado das profesións, o acceso ao emprego e a participación activa na vida social, cultural e económica, e abrangue as ensinanzas propias da formación profesional inicial, as accións de inserción e reinserción laboral dos traballadores e das traballadoras, así como as accións orientadas á formación continua nas empresas, que permitan a adquisición e a actualización permanente das competencias profesionais. A lei establece como un dos fins do Sistema Nacional das Cualificacións e da Formación Profesional o de promover unha oferta formativa de calidade, actualizada e adecuada aos seus destinatarios, consonte as necesidades de cualificación do mercado laboral e as expectativas persoais de promoción profesional.

Así mesmo, establece que a Administración xeral do Estado, de conformidade co que se dispón no artigo 149.1.30ª e 7ª da Constitución española, e logo de consulta ao Consello Xeral de Formación Profesional, determinará os títulos de formación profesional e os certificados de profesionalidade que constitúan as ofertas de formación profesional referidas ao Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais, creado pola propia lei e regulado polo Real decreto 1128/2003, do 5 de setembro, modificado polo Real decreto 1416/2005, cuxos contidos poderán ampliar as administracións educativas, no ámbito das súas competencias. Os títulos de formación profesional e os certificados de profesionalidade terán carácter oficial e validez en todo o territorio do Estado, e serán expedidos polas administracións competentes, a educativa e a laboral, respectivamente.

O Decreto 266/2007, do 28 de decembro, polo que se regulan os centros integrados de formación profesional na Comunidade Autónoma de Galicia, establece que estes centros ofrecerán e impartirán formación profesional inicial ou regrada, e formación para o emprego referida ao Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais, e contribuirán a alcanzar os seus fins. No seu artigo 11, establece que lles corresponde ás administracións educativa e laboral, cada unha no ámbito das súas respectivas competencias, a inspección dos centros integrados de formación profesional, polo que cómpre adecuar a organización dos servizos de inspección educativa atendendo ás singularidades destes centros.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, dispón que o Goberno do Estado, logo de consulta ás comunidades autónomas, establecerá as titulacións correspondentes aos estudos de formación profesional, así como os aspectos básicos do currículo de cada unha delas. Así mesmo, establece no seu capítulo III que se entende por currículo o conxunto de obxectivos, competencias básicas, contidos, métodos pedagóxicos e criterios de avaliación de cada unha das ensinanzas reguladas pola citada lei.

No artigo 30.2º, da mesma lei, establécese que o obxectivo dos programas de cualificación profesional inicial é que todo o alumnado alcance competencias profesionais propias dunha cualificación de nivel 1 da estrutura actual do Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais creado pola citada Lei 5/2002, así como que teñan a posibilidade dunha inserción sociolaboral satisfactoria e amplíen as súas competencias básicas para proseguir estudos nas diferentes ensinanzas.

O Real decreto 1538/2006, do 15 de decembro, polo que se establece a ordenación xeral da formación profesional do sistema educativo, estableceu no seu capítulo II a estrutura dos títulos de formación profesional, tomando como base o Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais, as directrices fixadas pola Unión Europea e outros aspectos de interese social. Os títulos de formación profesional ordénanse en familias profesionais, e as ensinanzas conducentes á súa obtención organízanse en ciclos formativos, en módulos profesionais asociados a unidades de competencia do Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais, e en módulos profesionais non asociados ás citadas unidades.

No mesmo capítulo II, conforme o establecido na disposición adicional terceira da Lei orgánica 5/2002, determina que se establecerá en módulos específicos a formación relacionada coas áreas prioritarias de tecnoloxías da información e da comunicación, idiomas e prevención de riscos laborais, naqueles ciclos formativos cuxo perfil o exixa. Nos demais ciclos formativos, esta formación incorporarase de maneira transversal nos módulos profesionais que forman o título, sen prexuízo doutras solucións que as administracións educativas poidan habilitar respecto dos idiomas.

No seu capítulo IV, dedicado á definición do currículo polas administracións educativas, determina que estas, no ámbito das súas competencias, establecerán os currículos correspondentes ampliando e contextualizando os contidos dos títulos á realidade socioeconómica do territorio da súa competencia, e respectando o seu perfil profesional.

O acceso, a admisión e a matrícula regúlanse de xeito que as ensinanzas conducentes aos títulos de técnico e de técnico superior permitan a configuración de vías formativas adaptadas ás necesidades e aos intereses persoais, así como o tránsito da formación ao traballo, e viceversa.

A Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes, establece no artigo 9 que a Xunta de Galicia adoptará, dentro das súas competencias, as medidas conducentes a lles proporcionar, tanto ás mulleres coma aos homes, unha educación para a igualdade.

Cómpre, xa que logo, dispormos dun marco normativo que regule a formación profesional do sistema educativo no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, e que permita a definición dos currículos dos ciclos formativos de grao medio e de grao superior, de xeito que adapten as novas titulacións ao campo profesional e de traballo da realidade socioeconómica galega e ás necesidades de cualificación do sector produtivo correspondente canto a especialización e polivalencia, de xeito que se posibilite a inserción laboral cualificada e unha proxección profesional futura.

Así mesmo, ofréceselles ás persoas adultas a posibilidade de melloraren a súa cualificación profesional, combinando as variables de traballo, responsabilidades persoais e formación permanente ao longo da súa vida. Con este fin, regúlanse as probas para a obtención dos títulos de formación profesional de técnico e de técnico superior. Regúlanse tamén as ensinanzas de formación profesional a distancia, co obxecto de que se lles poidan ofrecer ás persoas novas e adultas como resposta aos seus intereses, e ás súas capacidades e necesidades.

Para estes efectos, determínase que a norma que aprobe cada currículo inclúa a identificación do título, o seu perfil profesional, o contorno profesional, a prospectiva do título no sector ou nos sectores, as ensinanzas do ciclo formativo, a correspondencia dos módulos profesionais coas unidades de competencia para a súa acreditación, validación ou exención, así como os parámetros do contexto formativo no relativo a espazos, equipamentos, titulacións e especialidades do profesorado, e as súas equivalencias para efectos de docencia.

Así mesmo, determinaranse os accesos a outros estudos, as modalidades e as materias de bacharelato que facilitan a conexión co ciclo formativo, as validacións, exencións e equivalencias, e a información sobre os requisitos necesarios segundo a lexislación vixente para o exercicio profesional, cando proceda.

Os currículos que se establezan ao abeiro do presente decreto desenvolveranse tendo en conta os perfís profesionais dos títulos a través dos obxectivos xerais que o alumnado debe alcanzar ao finalizar un ciclo formativo e os obxectivos propios de cada módulo profesional, expresados a través dunha serie de resultados de aprendizaxe, entendidos como as competencias que deben adquirir os alumnos e as alumnas nun contexto de aprendizaxe, que lles permitirán conseguir os logros profesionais necesarios para desenvolveren as súas funcións con éxito no mundo laboral.

Asociado a cada resultado de aprendizaxe establécense uns criterios de avaliación e unha serie de contidos de tipo conceptual, procedemental e actitudinal redactados de xeito integrado, que proporcionarán o soporte de información e destreza preciso para lograr as competencias profesionais, persoais e sociais propias do perfil do título.

Coa finalidade de facilitar a formación ao longo da vida, establécese a posibilidade da división de determinados módulos profesionais en unidades formativas de menor duración, respectando, en todo caso, a necesaria coherencia da formación asociada a cada unha delas.

A formación relativa á prevención de riscos laborais dentro do módulo de formación e orientación laboral aumenta a empregabilidade do alumnado que supere estas ensinanzas e facilita a súa incorporación ao mundo do traballo.

O módulo de proxecto que, de ser o caso, se inclúa nun ciclo formativo, permitirá integrar de xeito global os aspectos máis salientables das competencias profesionais, persoais e sociais características do título que se abordasen no resto dos módulos profesionais, con aspectos relativos ao exercicio profesional e á xestión empresarial.

A inclusión do módulo de formación en centros de traballo posibilita que o alumnado complete a formación adquirida no centro educativo mediante a realización dun conxunto de actividades de produción e/ou de servizos en situacións reais de traballo no ámbito produtivo do centro, de acordo coas exixencias derivadas do Sistema Nacional de Cualificacións e Formación Profesional.

Por outra banda, esta norma dedica un capítulo á información e á orientación profesional, que ten un papel clave na formación profesional do sistema educativo, determinando os fins e a organización dos servizos e dos recursos.

De conformidade co exposto, por proposta da persoa titular da consellería con competencias en materia de educación, no exercicio da facultade outorgada polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, modificada polas leis 11/1988, do 20 de outubro, 2/2007, do 28 de marzo, e 12/2007, do 27 de xullo, conforme os ditames do Consello Galego de Formación Profesional e do Consello Escolar de Galicia, oído o Consello Consultivo de Galicia e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día un de xullo de dous mil dez,

DISPOÑO:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto e ámbito de aplicación.

O presente decreto ten por obxecto establecer a estrutura, a organización e a regulamentación xeral da formación profesional do sistema educativo, e as directrices que deben cumprir os currículos dos diferentes ciclos formativos no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2º.-Finalidade da formación profesional.

1. A formación profesional comprende un conxunto de accións formativas que capacitan para o desempeño cualificado das profesións, o acceso ao emprego e a participación activa na vida social, cultural e económica.

2. No ámbito do sistema educativo ten por finalidade preparar o alumnado para a actividade nun campo profesional e facilitar a súa adaptación ás modificacións laborais que se poidan producir ao longo da vida, así como contribuír ao seu desenvolvemento persoal, ao exercicio dunha cidadanía democrática e á aprendizaxe permanente.

Ademais, na preparación das persoas cobrará singular importancia a transmisión de actitudes e normas para un desempeño profesional respectuoso co medio, cumpridor coa normativa de seguridade e prevención de riscos laborais, e fortalecedor da calidade e da mellora continua da súa actividade, e do espírito emprendedor.

Así mesmo, dirixirase a conseguir o desenvolvemento integral da persoa á marxe dos estereotipos e dos papeis en función do sexo, o rexeitamento de toda forma de discriminación e a garantía dunha orientación académica e profesional non condicionada polas diferenzas sexuais.

Artigo 3º.-Obxecto das ensinanzas de formación profesional.

1. As ensinanzas de formación profesional teñen por obxecto conseguir que os alumnos e as alumnas adquiran as capacidades que lles permitan:

a) Desenvolver a competencia xeral correspondente á cualificación ou cualificacións obxecto dos estudos realizados.

b) Comprender a organización e as características do sector produtivo correspondente, e os mecanismos de inserción profesional.

c) Coñecer a lexislación laboral, e os dereitos e as obrigas que derivan das relacións laborais.

d) Aprender por si mesmos e traballar en equipo, así como formarse na prevención de conflitos e na súa resolución pacífica en todos os ámbitos da vida persoal, familiar e social.

e) Traballar en condicións de seguridade e saúde, e previr os posibles riscos derivados do traballo.

f) Desenvolver unha identidade profesional motivadora de futuras aprendizaxes e adaptacións á evolución dos procesos produtivos e ao cambio social.

g) Afianzar o espírito emprendedor para o desempeño de actividades e iniciativas profesionais.

h) Lograr as competencias relacionadas coas áreas prioritarias referidas na Lei orgánica 5/2002, do 19 de xuño, das cualificacións e da formación profesional.

i) Facer realidade a formación ao longo da vida e utilizar as oportunidades de aprendizaxe a través de distintas vías formativas para manter a actualización nos ámbitos social, persoal, cultural e laboral, conforme as súas expectativas, as súas necesidades e os seus intereses.

2. Así mesmo, a formación profesional fomentará a igualdade efectiva de oportunidades entre homes e mulleres para accederen a unha formación que permita calquera tipo de opcións profesionais, así como o seu exercicio.

Capítulo II

A formación profesional no sistema educativo de Galicia

Artigo 4º.-Títulos de formación profesional.

1. Os títulos de formación profesional son un instrumento para acreditar as cualificacións e as competencias propias de cada un deles e asegurar un nivel de formación, incluíndo competencias profesionais, persoais e sociais para favorecer a competitividade, a empregabilidade e a cohesión social.

2. De conformidade co disposto no artigo 44 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, os títulos son o de técnico e o de técnico superior, que se agrupan en familias profesionais, segundo o que se establece no citado Real decreto 1128/2003, do 5 de setembro, polo que se regula o Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais.

Artigo 5º.-Ciclos formativos.

1. As ensinanzas conducentes á obtención dos títulos de técnico e de técnico superior ordénanse en ciclos formativos de formación profesional de grao medio e de grao superior, respectivamente.

2. As ensinanzas de formación profesional de grao medio forman parte da educación secundaria postobrigatoria. Estas ensinanzas capacitarán para o desempeño de actividades determinadas por traballos de execución e organización, que poderán ser autónomos, co límite do uso dos instrumentos e das técnicas que lle sexan propias.

3. As ensinanzas de formación profesional de grao superior forman parte da educación superior. Estas ensinanzas capacitan para o exercicio de actividades relacionadas con traballos técnicos, que poderán ser executados de forma autónoma e compartindo responsabilidades superiores.

Capítulo III

Currículo dos ciclos formativos.

Artigo 6º.-Definición.

1. Consonte o establecido na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, enténdese por currículo da formación profesional do sistema educativo o conxunto de obxectivos, competencias básicas, contidos, métodos pedagóxicos e criterios de avaliación.

2. Os obxectivos dos módulos profesionais virán expresados en termos de resultados de aprendizaxe.

3. Para os efectos do disposto neste decreto, establécense as directrices que regularán a práctica docente.

Artigo 7º.-Establecemento dos currículos.

A consellería con competencias en materia de educación establecerá o currículo de cada ciclo formativo consonte o tecido produtivo de Galicia e de acordo coas especificacións que se establecen no presente decreto.

Artigo 8º.-Estrutura dos currículos.

A norma pola que se estableza o currículo especificará:

1. Identificación do título, así como perfil profesional, contorno profesional e prospectiva do título no sector ou nos sectores correspondentes:

-Identificación.

-Perfil profesional do título, onde se especifique:

a) Competencia xeral.

b) Competencias profesionais, persoais e sociais.

c) Relación de cualificacións e unidades de competencia do Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais incluídas no título.

-Contorno profesional.

-Prospectiva do título no sector ou nos sectores.

2. Ensinanzas do ciclo formativo e parámetros básicos do contexto:

-Obxectivos xerais.

-Módulos profesionais.

-Espazos e equipamentos.

-Profesorado.

3. Acceso a outros estudos e vinculación con eles, así como a correspondencia de módulos profesionais coas unidades de competencia.

-Acceso a outros estudos.

-Validacións e exencións.

-Correspondencia dos módulos profesionais coas unidades de competencia para a súa acreditación, validación ou exención.

4. Organización da impartición, onde se especifique:

-Distribución horaria.

-Desenvolvemento do currículo.

-Titulacións equivalentes e vinculacións coas capacitacións profesionais.

-Regulación do exercicio da profesión, se é o caso.

-Accesibilidade ás ensinanzas do título.

-Autorizacións a centros privados.

-Calendario de implantación.

Capítulo IV

Organización das ensinanzas

Artigo 9º.-Módulos profesionais.

1. Os módulos profesionais estarán constituídos por áreas teórico-prácticas de coñecemento, en función das competencias profesionais, que incluirán as definidas nas unidades de competencia, as competencias sociais e as persoais que se pretenda alcanzar.

2. Estes módulos profesionais, segundo a súa natureza, estarán asociados ou non a unidades de competencia do Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais.

3. Os módulos profesionais asociados a unidades de competencia recollen a formación asociada ás realizacións profesionais descritas nas unidades de competencia, e seleccionadas no perfil profesional, e a súa función principal é determinar a formación necesaria para que o alumnado adquira a especialización e a polivalencia profesional requiridas no emprego. Ademais, poderán incluír formación relacionada coas áreas prioritarias.

Artigo 10º.-Organización dos módulos en unidades formativas.

1. Co fin de promover a formación ao longo da vida, a impartición dos módulos profesionais poderase organizar en unidades formativas de menor duración nas condicións que determine a consellería con competencias en materia de educación, que logo de superadas serán certificables e terán validez no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia. A superación de todas as unidades formativas do módulo profesional dará dereito á certificación deste.

2. A unidade formativa incluirá un ou varios resultados de aprendizaxe, en coherencia coas unidades de competencia ás que estea asociado o módulo, de ser o caso.

Artigo 11º.-Estrutura dos módulos profesionais.

1. Os módulos profesionais especificarán:

-Denominación e código.

-Equivalencia en créditos ECTS ou ECVET, de ser o caso.

-Duración en horas.

-Obxectivos, expresados en termos de resultados de aprendizaxe.

-Criterios de avaliación.

-Contidos básicos, que quedarán descritos de xeito integrado, en termos de procedementos, conceptos e actitudes.

-Orientacións pedagóxicas para o seu desenvolvemento.

2. No caso de que o módulo estea organizado en unidades formativas de menor duración, a estrutura destas será similar á dos módulos profesionais, e especificarán:

-Denominación e código.

-Duración en horas.

-Obxectivos, expresados en termos de resultados de aprendizaxe.

-Criterios de avaliación.

-Contidos básicos, que quedarán descritos de xeito integrado, en termos de procedementos, conceptos e actitudes.

Artigo 12º.-Módulo de formación e orientación laboral.

1. O módulo de formación e orientación laboral (FOL) incluirá formación relacionada coa seguridade e a saúde laboral, a avaliación e a prevención de riscos profesionais, a lexislación laboral básica, os dereitos e os deberes que derivan das relacións laborais, a organización do traballo e as relacións na empresa, así como a lexislación relativa á igualdade de oportunidades e non discriminación das persoas con discapacidade, e contribuirá de xeito específico a favorecer procesos de inserción laboral para o exercicio da profesión.

2. A superación do módulo de FOL acreditará a formación necesaria equivalente ao nivel básico de prevención de riscos laborais establecida no Real decreto 39/1997, do 17 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento dos servizos de prevención.

Artigo 13º.-Módulo de empresa e iniciativa emprendedora.

O módulo de empresa e iniciativa emprendedora incluirá formación no coñecemento do respectivo sector produtivo na Comunidade Autónoma de Galicia. Estará dirixido a fomentar a iniciativa emprendedora, a innovación e a creatividade na empresa. Incluirá, ademais, formación sobre a creación e a selección da forma xurídica e da xestión administrativa e financeira de empresas, o autoemprego, e a asunción de responsabilidades e funcións no emprego por conta propia, para facilitar o acceso ao emprego e a reinserción laboral.

Artigo 14º.-Módulo de proxecto.

1. O módulo de proxecto nos títulos de técnico superior ten por finalidade a integración efectiva dos aspectos máis salientables das competencias profesionais, persoais e sociais características do título que se abordasen no resto dos módulos profesionais, xunto con aspectos relativos ao exercicio profesional e á xestión empresarial.

2. Desenvolverase durante o derradeiro período do ciclo formativo e poderá coincidir coa realización dunha parte do módulo profesional de formación en centros de traballo. Avaliarase logo de cursado o módulo profesional de centros de traballo, co obxecto de posibilitar a incorporación das competencias adquiridas nel.

3. O módulo de proxecto organizarase sobre a base da titoría individual e colectiva. A súa atribución docente corresponderalle ao profesorado que imparta docencia en módulos asociados á unidade de competencia do ciclo formativo correspondente, preferentemente nos de segundo curso.

Artigo 15º.-Módulo de formación en centros de traballo.

1. O módulo profesional de formación centros de traballo (FCT) ten carácter obrigatorio en todos os ciclos formativos e desenvolverase procurando aplicar as competencias profesionais adquiridas no centro educativo, complementadas con aquelas previamente identificadas entre as actividades produtivas do centro de traballo. Poderán quedar exentas, nas condicións establecidas no artigo 53.3º deste decreto, as persoas que acrediten unha experiencia laboral relacionada cos estudos profesionais respectivos.

2. O módulo de FCT ten as seguintes finalidades:

a) Completar a adquisición de competencias profesionais propias de cada título alcanzadas no centro educativo.

b) Adquirir unha identidade e unha madureza profesional motivadoras para a aprendizaxe ao longo da vida e para as adaptacións aos cambios das necesidades de cualificación.

c) Completar coñecementos relacionados coa produción, a comercialización, a xestión económica e os sistemas de relacións sociolaborais das empresas, co fin de facilitar a inserción laboral.

d) Avaliar os aspectos máis salientables da profesionalidade alcanzada polo alumnado no centro educativo, e acreditar os aspectos requiridos no emprego que non se poidan verificar por exixir situacións reais de traballo.

3. Con carácter xeral, o módulo profesional de formación en centros de traballo deberase cursar logo de alcanzada a avaliación positiva en todos os módulos profesionais realizados no centro educativo, agás o módulo de proxecto. De ser o caso, os currículos dos ciclos formativos de formación profesional poderán determinar os módulos profesionais que, como mínimo, se deban ter superado para realizar o módulo de formación en centros de traballo. Non obstante, e en función do tipo de oferta, das características propias de cada ciclo formativo e da dispoñibilidade de postos formativos nas empresas, a consellería con competencias en materia de educación poderá determinar outro calendario para a súa realización, que poderá coincidir co desenvolvemento dos outros módulos.

4. As actividades deste módulo desenvolveranse fundamentalmente nos centros produtivos, en situacións reais de traballo, e non terán carácter laboral.

Artigo 16º.-Incorporación das linguas estranxeiras.

1. O currículo dos ciclos formativos incorporará un módulo profesional de lingua estranxeira naqueles ciclos formativos en que así se dispoña na norma pola que se establece o título.

2. Sen prexuízo do establecido no punto anterior, os currículos dos ciclos formativos que determine a consellería con competencias en materia de educación, e sempre que o perfil profesional do ciclo así o esixa, poderán incorporar un módulo profesional de lingua estranxeira.

3. A consellería con competencias en materia de educación poderá determinar que certos módulos profesionais dos ciclos formativos se poidan impartir nunha lingua estranxeira. Estes módulos serán impartidos polo profesorado con atribución docente neles e que, ademais, posúa a habilitación lingüística correspondente ao nivel B2 do Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas.

4. Así mesmo, a consellería con competencias en materia de educación promoverá accións dirixidas á mellora das competencias lingüísticas do alumnado de formación profesional para favorecer a súa inserción laboral e a competitividade dos sectores produtivos.

Artigo 17º.-Incorporación das tecnoloxías da información e da comunicación.

As tecnoloxías da información e da comunicación incorporaranse en todos os ciclos formativos de xeito transversal e a través das actividades de ensino e aprendizaxe, sen prexuízo da súa incorporación en módulos específicos cando así se dispoña na norma pola que se estableza o título correspondente.

Capítulo V

Ofertas de formación profesional no sistema educativo

Artigo 18º.-Vías para obtención dos títulos de formación profesional.

Os títulos de formación profesional poderán obterse a través das ofertas de ensinanzas que se recollen neste decreto ou ben mediante a superación das probas organizadas para a súa obtención directa. Así mesmo, para a obtención dos títulos terase en conta o establecido no artigo 8.3º da Lei orgánica 5/2002, do 19 de xuño, das cualificacións e da formación profesional, e no Real decreto 1224/2009, do 17 de xullo, de recoñecemento das competencias profesionais adquiridas por experiencia laboral.

Artigo 19º.-Flexibilidade das ofertas.

1. As ofertas de accións formativas de formación profesional irán dirixidas á adquisición e á mellora das competencias e das cualificacións profesionais, promovendo a formación permanente, organizándose en ciclos formativos, en cursos para unha maior especialización ou formación específica para determinados colectivos, co fin de que as persoas avancen no seu itinerario de formación profesional independentemente da súa situación en cada momento.

2. As ofertas destas ensinanzas poderanse flexibilizar de xeito que permitan, nomeadamente ás persoas adultas, a posibilidade de combinaren o estudo e a formación coa actividade laboral, coas cargas familiares ou con outras actividades, respondendo así ás necesidades e aos intereses persoais. Para isto, estas ensinanzas poderanse ofrecer de xeito completo ou parcial.

3. A consellería con competencias en materia de educación promoverá a formación profesional na modalidade a distancia para permitir a formación complementaria que requiran as persoas que superen un proceso de avaliación e acreditación de competencias profesionais adquiridas a través de la experiencia laboral, coa finalidade de que poidan obter un título de formación profesional ou a certificación correspondente.

Artigo 20º.-Réximes e modalidades das ofertas de formación profesional.

1. As ensinanzas de ciclos formativos poderán cursarse:

a) Polo réxime ordinario: por curso completo en modalidade presencial.

b) Polo réxime para as persoas adultas:

-Por curso completo en modalidade presencial.

-De xeito parcial por módulos, nas modalidades presencial, semipresencial ou a distancia, nas condicións e cos requisitos que se establezan.

-De xeito parcial por unidades formativas de menor duración, nas modalidades presencial, semipresencial ou a distancia, nas condicións e cos requisitos que se establezan.

2. As ofertas flexibles para atender as necesidades de cualificación de colectivos específicos poderán realizarse nos réximes e nas modalidades que a consellería con competencias en materia de educación determine, así como a través do proceso de avaliación, recoñecemento e acreditación de competencias.

Artigo 21º.-Oferta completa dos ciclos formativos.

Os centros educativos ofrecerán, con carácter xeral, os ciclos formativos de grao medio e superior que teñan autorizados, por curso completo.

Artigo 22º.-Oferta parcial dos ciclos formativos.

A consellería con competencias en materia de educación, sen prexuízo do establecido no artigo anterior, poderá autorizar a oferta de xeito parcial dos ciclos formativos, por módulos profesionais e por unidades formativas de menor duración. Esta oferta queda reservada ás persoas adultas e mesmo poderá concentrarse en determinados períodos do ano.

Artigo 23º.-Modalidades a distancia e semipresencial.

1. A consellería con competencias en materia de educación poderá autorizar os centros que impartan ensinanzas de formación profesional na modalidade presencial para as impartir en oferta parcial nas modalidades semipresencial e a distancia. As actividades presenciais de titoría e avaliación realizaranse dentro dos centros.

2. Os centros públicos das administracións educativas que impartan exclusivamente formación a distancia quedan exceptuados do disposto no punto anterior.

3. A consellería con competencias en materia de educación determinará a oferta, o acceso, a matrícula e a avaliación, e adoptará as medidas necesarias para poder levar a cabo esta modalidade.

Artigo 24º.-Probas para a obtención dos títulos de técnico e de técnico superior.

1. A consellería con competencias en materia de educación convocará anualmente probas para a obtención dos títulos de técnico e de técnico superior. Na convocatoria correspondente determinaranse os ciclos formativos e os centros docentes públicos designados para a realización das probas, así como o período de matriculación e as datas de realización. As probas realizaranse de xeito diferenciado por módulos profesionais e tomarán como referencia os resultados de aprendizaxe e os criterios de avaliación dos currículos dos ciclos formativos vixentes.

2. A consellería con competencias en materia de educación poderá organizar probas específicas destinadas a determinados colectivos.

Artigo 25º.-Cursos para unha maior especialización.

1. Co fin de facilitar a aprendizaxe ao longo da vida, a consellería con competencias en materia de educación poderá autorizar a impartición de cursos de maior especialización que complementen a competencia profesional alcanzada nos ciclos formativos que, de acordo co disposto na disposición adicional novena do citado Real decreto 1538/2006, do 15 de decembro, así o establezan, naqueles centros que teñan autorizadas as ensinanzas.

2. A certificación académica que se lles expida ás persoas tituladas que superen unha especialización mencionará o título ao que esta se refira, e acreditará as respectivas unidades de competencia do Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais.

Artigo 26º.-Formación específica para determinados colectivos.

A consellería con competencias en materia de educación poderá realizar ofertas formativas dirixidas a persoas discapacitadas, xente nova con fracaso escolar, persoas con risco de exclusión social e outros colectivos específicos. As devanditas ofertas, ademais de incluír módulos asociados ao Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais, poderán incorporar módulos apropiados para a adaptación ás necesidades específicas do colectivo beneficiario.

Capítulo VI

Centros que impartan formación profesional do sistema educativo

Artigo 27º.-Centros docentes.

As ensinanzas de formación profesional do sistema educativo poderanse impartir nos seguintes centros:

a) Centros públicos e privados autorizados pola consellería con competencias en materia de educación.

b) Centros integrados de formación profesional.

c) Centros de referencia nacional.

Artigo 28º.-Requisitos dos centros onde se impartan as ensinanzas de formación profesional.

1. Todos os centros públicos e autorizados que ofrezan ensinanzas conducentes á obtención dos títulos de técnico e de técnico superior axustaranse ao establecido na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, e nas normas que a desenvolvan. En todo caso, deberán cumprir os seguintes requisitos, alén dos establecidos na súa propia normativa:

a) Contar con acceso independente desde o exterior, en edificacións que non sexan de uso exclusivo escolar.

b) Reunir as condicións hixiénicas, acústicas, de habitabilidade e de seguridade que se sinalan na lexislación. Os espazos en que se desenvolva a práctica docente terán ventilación e iluminación natural.

c) Dispor das condicións de calquera tipo que posibiliten o acceso, a circulación e a comunicación das persoas con discapacidade, de acordo co disposto na lexislación aplicable en materia de promoción da accesibilidade e eliminación de barreiras, sen prexuízo dos axustes razoables que se deban realizar.

d) Cumprir os requisitos de espazos e equipamentos establecidos na norma pola que se establece o currículo correspondente.

e) Dispor, como mínimo, dos espazos seguintes, dos que se indican as súas superficies mínimas:

-Despachos de dirección, actividades de coordinación e orientación: 30 m2 en total, distribuídos en tres espazos, dos que os dedicados a actividades de coordinación e os de orientación terán como mínimo 10 m2 cada un.

-Secretaría: 12 m2.

-Biblioteca: 30 m2, para centros entre unha e cinco unidades; 50 m2, para centros entre seis e dez unidades; 60 m2, para centros de once unidades ou máis.

-Sala de profesorado: 20 m2, para centros entre unha e cinco unidades. Para centros con máis de cinco unidades a superficie anterior de 20 m2 incrementarase en 4 m2 por cada unidade máis.

Así mesmo, deberán contar con aseos e servizos hixiénico-sanitarios adecuados ao número de postos escolares, dos que deberán estar adaptados para persoas con discapacidade os que estableza a lexislación aplicable en materia de accesibilidade, no relativo á súa cantidade, á súa proporción e ás súas condicións de uso funcional.

2. As instalacións poderán ser comúns a outras ensinanzas que se impartan no mesmo centro educativo. Os espazos formativos definidos para cada ciclo formativo poderán utilizarse de forma non simultánea para outros ciclos formativos ou outras ensinanzas, sempre que as actividades formativas sexan afíns e se dispoña dos equipamentos requiridos.

3. A autorización concedida a un centro para impartir un determinado ciclo formativo poderá ser extensiva a outros ciclos formativos da mesma familia profesional e do mesmo grao do que xa teña autorizado, logo de comprobación pola consellería con competencias en materia de educación de que os espazos formativos sexan similares e cumpran os requisitos para o novo ciclo formativo.

4. Co obxecto de poder utilizar as instalacións propias de ámbitos profesionais, a consellería con competencias en materia de educación poderá autorizar, para impartir os ciclos formativos de formación profesional do sistema educativo, o uso doutros espazos e doutros ámbitos, sempre que sexan adecuados para o desenvolvemento das actividades docentes, que se identifiquen eses espazos e que a súa superficie garde proporción co número de estudantes e satisfaga as características que lles correspondan, acreditando documentalmente que teñen concedida autorización para uso exclusivo ou preferente das instalacións durante o tempo en que se desenvolvan as actividades formativas. En calquera caso, estes espazos e ámbitos, así como os itinerarios que conduzan a eles, incorporarán as condicións de accesibilidade precisas que permitan o seu uso por parte do alumnado con discapacidade.

5. Os centros docentes que impartan formación profesional terán en réxime presencial, como máximo, 30 alumnos por unidade escolar. O número de postos escolares nestes centros fixarase nas correspondentes disposicións que autoricen a súa apertura e o seu funcionamento, tendo en conta as instalacións e as condicións materiais correspondentes.

Artigo 29º.-Xestión administrativa e académica.

Os centros sostidos con fondos públicos que impartan ensinanzas de formación profesional conforme o que se establece neste decreto deberán utilizar na súa xestión administrativa e académica os procedementos informatizados que a consellería con competencias en materia de educación determine.

Artigo 30º.-Calidade nos centros educativos.

A consellería con competencias en materia de educación promoverá a calidade das actividades formativas e de xestión nos centros de formación profesional mediante o recoñecemento do esforzo que contribúa á súa excelencia.

Capítulo VII

Profesorado

Artigo 31º.-Equipo docente.

1. O equipo docente do ciclo formativo estará constituído polo conxunto de profesores e profesoras que impartan docencia nos módulos que o integran.

2. Cada módulo dun ciclo formativo constitúe unha unidade de oferta formativa e será impartido, con carácter xeral, por un só membro do equipo docente, sen prexuízo do establecido no artigo 14º deste decreto.

3. En todo caso, coa finalidade de favorecer a coordinación, a cohesión e a integración dos contidos e das actividades de ensino e aprendizaxe, o número de profesores e profesoras que constitúan o equipo docente será o menor posible.

4. Excepcionalmente, consonte o artigo 95.2º da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, para determinados módulos poderanse incorporar como profesorado especialista profesionais, non necesariamente titulados, que desenvolvan a súa actividade no ámbito laboral, atendendo á súa cualificación e ás necesidades do sistema educativo.

Artigo 32º.-Titoría.

1. Cada grupo de alumnos e alumnas dun ciclo formativo terá un profesor ou unha profesora que desempeñen a titoría, que pertencerán ao equipo que imparta docencia en cada curso académico.

2. O equipo docente do ciclo formativo desempeñará as funcións de titoría colectiva en relación ao establecido no artigo 14º deste decreto.

3. O profesorado que exerza a titoría terá as funcións que establezan os regulamentos orgánicos dos centros nos que se impartan as ensinanzas reguladas neste decreto e as que determine a consellería con competencias en materia de educación, se é o caso.

Capítulo VIII

Desenvolvemento do currículo

Artigo 33º.-Desenvolvemento curricular por parte do centro.

1. Os centros educativos desenvolverán o currículo das ensinanzas de formación profesional de acordo coas características e as expectativas do alumnado, con especial atención ás necesidades daquelas persoas que presenten unha discapacidade, e as posibilidades formativas do medio, especialmente no módulo profesional de formación en centros de traballo, e reflectirano na programación xeral anual tendo en conta as necesidades de desenvolvemento económico, social e de recursos humanos do seu ámbito socioprodutivo.

2. A programación xeral anual nos centros que impartan varios ciclos formativos deberá exporse con criterios homoxéneos, aínda que con respecto ás especificidades que sexa conveniente establecer para as ensinanzas propias de cada profesión.

Artigo 34º.-Programacións.

1. Os centros educativos desenvolverán o currículo das ensinanzas de formación profesional mediante a elaboración das correspondentes programacións para cada módulo profesional, e ateranse ao que establezan os regulamentos orgánicos dos centros nos que se impartan as ensinanzas reguladas neste decreto.

2. A programación, que se organizará en unidades didácticas, deberá concretar os seguintes aspectos:

a) Concreción do currículo en relación á súa adecuación ás características do ámbito produtivo.

b) Relación de unidades didácticas que a integran, que contribuirán ao desenvolvemento do módulo profesional, xunto coa secuencia e o tempo asignado para o desenvolvemento de cada unha. Por cada unidade didáctica precisarase:

-Resultados de aprendizaxe do currículo que se tratan.

-Obxectivos específicos.

-Contidos.

-Criterios de avaliación que se aplicarán para a verificación da consecución dos obxectivos por parte do alumnado.

-Actividades de ensino e aprendizaxe, e de avaliación, con xustificación de para que e de como se realizarán, así como os materiais e os recursos necesarios para a súa realización e, de ser o caso, os instrumentos de avaliación.

c) Mínimos exixibles para alcanzar a avaliación positiva e os criterios de cualificación.

d) Procedemento para a recuperación das partes non superadas.

e) Procedemento sobre o seguimento da programación e a avaliación da propia práctica docente.

3. O equipo docente adaptará e xustificará as programacións ás necesidades educativas do alumnado que forme o seu grupo de atención. Cando o progreso dun alumno ou dunha alumna non responda globalmente aos obxectivos programados, o profesorado adoptará as oportunas medidas de reforzo educativo.

4. O equipo docente realizará o seguimento das programacións de cada módulo, con indicación do grao de cumprimento con respecto á programación e, en caso de desviacións, cunha xustificación razoada.

5. Dado o carácter singular do módulo de formación en centros de traballo e do módulo de proxecto, a consellería con competencias en materia de educación determinará as pautas para a súa programación.

6. A consellería con competencias en materia de educación promoverá o uso das tecnoloxías da información e da comunicación na elaboración e no seguimento das programacións.

Artigo 35º.-Metodoloxía.

1. A metodoloxía para utilizar na formación profesional específica tratará de forma globalizada os contidos científicos, tecnolóxicos e organizativos asociados ás súas ensinanzas, e integrará a teoría e a práctica, de xeito que se promova no alumnado unha visión global e coordinada dos procesos produtivos nos que deberá intervir como profesional.

2. As ensinanzas de formación profesional para as persoas adultas organizaranse cunha metodoloxía flexible e aberta, baseada na autoaprendizaxe, e adaptada ás súas condicións, capacidades, necesidades, e aos seus intereses persoais, que lles permita a conciliación da aprendizaxe con outras actividades e responsabilidades.

3. Nestas ensinanzas prestaráselles unha atención adecuada ás persoas con discapacidade, no relativo ás condicións de accesibilidade e cos recursos de apoio necesarios en cada caso.

Capítulo IX

Acceso á formación profesional do sistema educativo

Artigo 36º.-Acceso aos ciclos formativos.

1. Consonte o establecido no artigo 41º da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, poderá cursar a formación profesional de grao medio quen dispoña do título de graduado en educación secundaria obrigatoria, e poderá cursar a formación profesional de grao superior quen dispoña do título de bacharelato.

2. Malia o disposto no punto anterior, quen non cumpra as condicións de titulación indicadas poderá tamén acceder aos ciclos formativos tras a superación dunha proba, que regulará, de acordo co establecido neste decreto, a consellería con competencias en materia de educación, ou con outros estudos declarados equivalentes para os efectos de acceso.

3. As persoas que acrediten ter superadas totalmente as probas de acceso á universidade para maiores de vinte e cinco anos quedarán exentas da realización da proba de acceso aos ciclos formativos que se indica no punto anterior.

4. Para aquelas ensinanzas de formación profesional conducentes a títulos que polo seu perfil profesional requiran determinadas condicións psicofísicas ligadas a situacións de seguridade ou saúde, a consellería con competencias en materia de educación poderá requirir a presentación da documentación xustificativa necesaria, ou a realización de determinadas probas, cando así se indique na norma que regule cada título. Cando se trate de persoas con discapacidade, estes requisitos adicionais deberán respectar a lexislación en materia de igualdade de oportunidades, non discriminación e accesibilidade universal.

Artigo 37º.-Convocatoria das probas de acceso.

1. A consellería con competencias en materia de educación convocará, cando menos unha vez ao ano, as probas de acceso a ciclos formativos de grao medio e superior ás que se refire o artigo 36º.2 deste decreto.

2. Sen prexuízo do anterior, a consellería con competencias en materia de educación poderá convocar as citadas probas de acceso a ciclos formativos de graos medio e/ou superior para atender a demanda de colectivos específicos.

3. As persoas con necesidades específicas derivadas de discapacidades físicas, psíquicas ou sensoriais poderán solicitar as medidas ou os recursos adicionais necesarios para desenvolver a proba de acceso.

4. A adaptación da proba que deban superar estas persoas deberá respectar o esencial dos referentes de avaliación establecidos para cada un dos ciclos formativos de graos medio ou superior.

Artigo 38º.-Acceso mediante proba á formación profesional de grao medio.

1. A proba de acceso aos ciclos formativos de grao medio deberá acreditar que o alumnado posúa os coñecementos e as habilidades suficientes para cursar con aproveitamento as ensinanzas respectivas, e adecuarase a aspectos básicos do currículo das materias da educación secundaria obrigatoria que se determinen.

2. Poderán participar na proba de acceso aos ciclos formativos de grao medio as persoas que non cumpran os requisitos académicos exixidos para acceder a eles e teñan cumpridos dezasete anos, ou os cumpran no ano natural de realización da proba.

3. Esta proba estruturarase en tres partes, cada unha delas asociada a unha serie de competencias básicas:

a) Parte sociolingüística: tomará como referencia as competencias básicas de comunicación lingüística e a competencia básica social e cidadá.

b) Parte matemática: tomará como referencia as competencias básicas de matemáticas.

c) Parte científico-técnica: tomará como referencia as competencias básicas do coñecemento e a interacción co mundo físico.

4. A consellería con competencias en materia de educación regulará, de acordo coa normativa vixente, a exención da parte da proba que proceda, para quen supere determinados módulos dun programa de cualificación profesional inicial ou formación equivalente, para quen dispoña dun certificado de profesionalidade, ou para quen acredite unha determinada cualificación ou experiencia laboral de, polo menos, o equivalente a un ano con xornada completa.

Artigo 39º.-Acceso mediante proba á formación profesional de grao superior.

1. A proba de acceso aos ciclos formativos de grao superior deberá acreditar que o alumno posúe a madureza en relación cos obxectivos de bacharelato e as súas capacidades referentes ao campo profesional de que se trate, e adecuarase a aspectos básicos do currículo das materias das modalidades de bacharelato que se determinen.

2. Poderán participar na proba de acceso aos ciclos formativos de grao superior as persoas que non cumpran os requisitos académicos exixidos para acceder ao ciclo formativo de grao superior e se atopen nalgunha das seguintes situacións:

a) Ter cumpridos dezanove anos ou cumprilos no ano natural de realización da proba.

b) Cumprir ou ter cumpridos dezaoito anos no ano natural de realización da proba, e dispor dun título de técnico relacionado con aquel ao que se desexe acceder.

3. Esta proba estruturarase en dúas partes:

a) Parte común: valorará a madureza e a idoneidade das persoas candidatas para seguiren con éxito os estudos de formación profesional de grao superior, así como a súa capacidade de razoamento e expresión escrita.

b) Parte específica: valorará as capacidades de base referentes ao campo profesional de que se trate, e versará sobre coñecementos básicos das materias de referencia establecidas para cada ciclo formativo ao que se pretenda acceder.

4. A consellería con competencias en materia de educación regulará, de acordo coa normativa vixente, a exención da parte da proba que proceda, para quen supere un ciclo formativo de grao medio, para quen dispoña dun certificado de profesionalidade, como mínimo de nivel 2, relacionado co ciclo formativo que se pretenda cursar, ou para quen acredite unha determinada cualificación ou experiencia laboral de, polo menos, o equivalente a un ano con xornada completa no campo profesional relacionado cos estudos que se queiran cursar.

Artigo 40º.-Cualificación das probas de acceso.

A cualificación de cada unha das partes da proba será numérica, entre cero e dez puntos. A nota final da proba calcularase sempre que se obteña polo menos unha puntuación de catro puntos en cada unha das partes, e será a media aritmética destas, expresada con dous decimais. Será positiva a cualificación de cinco puntos ou superior. En caso contrario, a nota final cualificarase como «non apto/a».

Artigo 41º.-Cursos de preparación da proba.

1. A consellería con competencias en materia de educación poderá ofrecer cursos destinados á preparación das probas para o acceso á formación profesional de grao medio por parte de quen superara determinados módulos dun programa de cualificación profesional inicial, así como para o acceso á formación profesional de grao superior por parte de quen dispoña do título de técnico nas ensinanzas reguladas neste decreto.

2. Para as persoas que realizaran o curso de preparación da proba de acceso ao que se fai referencia no punto anterior, e de acordo co establecido no artigo 27 do citado Real decreto 1538/2006, do 15 de decembro, no cálculo final da nota da proba engadiráselle á media aritmética a puntuación resultante de multiplicar a cualificación obtida no devandito curso polo coeficiente 0,15 ou aqueloutro que, de ser o caso, o substitúa.

Artigo 42º.-Validez das probas de acceso.

1. As probas de acceso a ciclos formativos de grao medio e de grao superior terán validez en todo o territorio nacional. Nos ciclos formativos de grao superior, o acceso a cada un deles mediante proba quedará determinado de acordo coa parte específica desta.

2. Quen realizase a proba na Comunidade Autónoma de Galicia e non a superase na súa totalidade poderá manter a cualificación obtida nas partes superadas cunha puntuación igual ou superior a cinco en futuras convocatorias de probas de acceso a ciclos formativos en Galicia durante un máximo de dous anos.

Artigo 43º.-Acceso ao réxime para as persoas adultas.

1. Poderá incorporarse á oferta polo réxime para as persoas adultas quen teña cumpridos dezaoito anos ou os cumpra no ano natural en que comece o curso escolar.

Excepcionalmente, poderán acceder as persoas maiores de dezaseis anos que o soliciten e teñan un contrato laboral que lles impida acudir aos centros educativos polo réxime ordinario, ou que sexan deportistas de alto rendemento.

2. Con carácter xeral, as condicións de acceso á oferta por este réxime serán as mesmas que as establecidas no artigo 36º deste decreto.

3. Malia o anterior, coa finalidade de facilitar a formación permanente, a integración social e a inclusión de persoas e de grupos desfavorecidos no mercado de traballo, poderán acceder á oferta parcial sen cumpriren as condicións de acceso as persoas adultas que desexen cursar ofertas de módulos profesionais incluídos en títulos e asociados a unidades de competencia do Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais.

Artigo 44º.-Requisitos de acceso para participar nas probas de obtención directa dos títulos.

1. Para se presentar ás probas de obtención directa dos títulos requirirase cumprir algunha das condicións de acceso ás que se refire o artigo 36º deste decreto, e ademais:

a) Ter dezaoito anos, para os títulos de técnico.

b) Ter vinte anos, para os títulos de técnico superior, ou dezanove anos no caso de posuír xa o título de técnico.

2. As persoas que cursen a oferta á que se refire o punto 3 do artigo 43º do presente decreto poderán presentarse a estas probas para a superación dos módulos profesionais que teñan pendentes. En todo caso, a solicitude do título requirirá cumprir as condicións de acceso ás que se refire o artigo 36º deste decreto.

Capítulo X

Admisión e matrícula nos ciclos formativos

Artigo 45º.-Admisión do alumnado.

1. Na admisión de alumnado aos ciclos formativos de grao medio e de grao superior, cando non existan prazas suficientes, atenderase exclusivamente ao expediente académico do alumnado, con independencia de que o alumnado proceda do mesmo centro ou doutro distinto.

2. A consellería con competencias en materia de educación establecerá unha reserva dun mínimo do dez por cento e un máximo do vinte por cento das prazas de cada ciclo que se imparta nos centros públicos e nos centros privados concertados para o alumnado con discapacidade, sempre que a súa discapacidade permita cursar o ciclo solicitado. No caso de non cubrirse as prazas reservadas ao alumnado con discapacidade acumularanse ao resto dos colectivos.

3. A consellería con competencias en materia de educación establecerá unha reserva dun mínimo do vinte por cento e un máximo do trinta por cento das prazas de cada ciclo que se imparta nos centros públicos e nos centros privados concertados para o acceso, a través de proba, daquelas persoas que non cumpran os requisitos académicos exixidos con carácter xeral.

4. Nos ciclos formativos de formación profesional de grao medio, cando non existan prazas suficientes, seleccionarase o alumnado pola maior nota media do expediente académico da titulación que dea acceso ou, de ser o caso, a nota final das probas de acceso. En caso de empate, e por mor de favorecer o fomento das vocacións nas áreas con infrarrepresentación de mulleres ou de homes, seleccionarase en virtude do sexo menos representativo na área profesional en que se demande a praza de formación. De persistir o empate efectuaríase un sorteo.

5. Nos ciclos formativos de grao superior de formación profesional, cando non existan prazas suficientes, terá prioridade o alumnado que:

a) Cursase a modalidade de bacharelato que se determine para cada ciclo coas materias vinculadas a el.

b) Cursase a modalidade de bacharelato sen algunha das materias vinculadas ao ciclo.

c) Cursase algunha das modalidades de bacharelato distintas das establecidas nos parágrafos anteriores.

d) Dispoña do título de técnico superior ou equivalente.

e) Dispoña dunha titulación universitaria ou equivalente.

Dentro de cada un dos colectivos, a orde de prioridade virá determinada por:

1) A maior nota media no expediente académico.

2) Maior nota ou maior nota media nas materias vinculadas.

En caso de empate en cada un destes casos, e por mor de favorecer o fomento das vocacións nas áreas con infrarrepresentación de mulleres ou de homes, seleccionarase en virtude do sexo menos representativo na área profesional en que se demande a praza de formación. De persistir o empate efectuaríase un sorteo.

6. No caso da oferta parcial a que se fai referencia no artigo 22º do presente decreto, a consellería con competencias en materia de educación poderá establecer criterios de admisión diferentes aos establecidos con carácter xeral.

Artigo 46º.-Matrícula.

1. No caso de oferta completa, a matrícula realizarase para cada un dos cursos académicos en que se organicen as ensinanzas que conformen o ciclo formativo. A consellería con competencias en materia de educación establecerá os criterios de promoción para poder formalizar a matrícula no segundo curso.

2. No caso de oferta parcial, a matrícula realizarase por módulos profesionais ou por unidades formativas de menor duración. En calquera caso, a matrícula na oferta parcial non poderá superar a carga lectiva anual que a consellería con competencias en materia de educación determine.

3. O alumnado poderá ser avaliado dun mesmo módulo profesional un máximo de catro convocatorias, con independencia do réxime ou da modalidade que se curse, agás no caso do módulo profesional de formación en centros de traballo, que o será de dúas.

4. O alumnado que esgote as catro convocatorias previstas no punto anterior por motivos de doenza, discapacidade, sufrir unha situación de violencia de xénero ou outros que condicionen ou impidan o desenvolvemento ordinario dos estudos poderá solicitar unha convocatoria extraordinaria polo procedemento que determine a consellería con competencias en materia de educación, para rematar os seus estudos.

5. A consellería con competencias en materia de educación establecerá os procedementos que se seguirán nos casos de traslado, renuncia e baixa de matrícula para a oferta completa e parcial.

Artigo 47º.-Matrícula en réximes diferentes.

1. A matrícula en ciclos formativos polo réxime ordinario non poderá ser compatible coa matrícula en ningunha ensinanza do mesmo réxime.

2. No caso de ensinanzas de réximes diferentes, e coa compatibilidade horaria que se determine, poderase autorizar a matrícula simultánea.

3. Durante o período de vixencia da matrícula, unha persoa non poderá estar matriculada simultaneamente nun mesmo módulo profesional nas modalidades a distancia, semipresencial ou presencial, así como nas probas para a obtención deste.

Capítulo XI

A avaliación

Artigo 48º.-Aspectos xerais do proceso de avaliación.

1. O profesorado avaliará, de xeito individual e en equipo, tanto as aprendizaxes dos alumnos e das alumnas como a súa propia práctica docente.

2. Na avaliación da propia práctica docente terase en conta o seguimento a que se refire o artigo 34º.4 do presente decreto, e valorarase, entre outras, a programación, a organización e a concreción do currículo en relación á súa adecuación ás características do ámbito produtivo e ás necesidades do alumnado.

3. A avaliación realizarase ao longo de todo o proceso formativo do alumnado, polo que ten un carácter continuo. Por este motivo, será necesaria a asistencia do alumnado ás actividades programadas para os distintos módulos profesionais do ciclo formativo. A consellería con competencias en materia de educación poderá establecer o número de faltas que implique a perda do dereito á avaliación continua.

4. No desenvolvemento do currículo mediante a elaboración das correspondentes programacións dos módulos profesionais, tal e como se establece no artigo 34º deste decreto, prestarase especial atención á toma de decisións propias do proceso de avaliación e, en particular:

a) Dos procedementos para avaliar o progreso da aprendizaxe do alumnado e á correspondencia entre os instrumentos xerais de avaliación e os criterios de avaliación.

b) Á planificación das actividades de recuperación de módulos profesionais pendentes, e expresamente aquelas que poidan ser realizables de xeito autónomo polo alumnado.

c) Aos criterios e ás pautas de avaliación que cumpra ter en conta na avaliación do alumnado con necesidades educativas especiais ou con algún tipo de discapacidade.

4. Co fin de garantir a función formativa que ten a avaliación e o dereito do alumnado a que o seu rendemento escolar se avalíe con plena obxectividade, conforme o establecido na normativa vixente, para cada módulo profesional deberase informar dos criterios de avaliación que se vaian aplicar para evidenciar a adquisición das competencias establecidas no currículo, así como do nivel mínimo que se considere suficiente para alcanzar a avaliación positiva.

5. En todo caso, cando se trate de formación dirixida a persoas adultas, o proceso avaliador adaptarase ás súas peculiaridades.

6. Para o caso de ofertas parciais de unidades formativas de menor duración, que constitúan unidades formativas establecidas no currículo do ciclo formativo correspondente, seguirase o procedemento establecido neste capítulo.

Artigo 49º.-Procedementos para a avaliación do alumnado.

1. Os procedementos de avaliación aplicados polo equipo docente terán en conta a competencia xeral e as capacidades profesionais, persoais e sociais características do título, que constitúen a referencia para definir os obxectivos xerais do ciclo formativo e os obxectivos, expresados en termos de resultados de aprendizaxe, dos módulos profesionais que o conforman. A valoración do grao de consecución destes resultados de aprendizaxe farase tomando como referencia inmediata os criterios de avaliación establecidos para cada módulo.

2. Na avaliación do módulo de formación en centros de traballo, terase en conta a valoración feita pola persoa ou as persoas responsables designadas polos correspondentes centros de traballo para o seguimento da formación do alumnado durante a estadía nestes.

3. Os procesos de avaliación adecuaranse ás necesidades metodolóxicas que presenta o alumnado con necesidades específicas, e garantirase a súa accesibilidade ás probas de avaliación.

Artigo 50º.-Cualificacións.

1. A cualificación dos módulos profesionais será numérica, entre 1 e 10, sen decimais, agás no de formación en centros de traballo (FCT) que se cualificará como «apto/apta», ou «non apto/non apta». Consideraranse positivas as puntuacións iguais ou superiores a cinco puntos.

2. A nota final do ciclo formativo será a media aritmética das cualificacións numéricas obtidas en cada un dos módulos, expresada con dous decimais. Os módulos validados ou exentos non se poderán computar para os efectos de cálculo de cualificación final do ciclo formativo.

Artigo 51º.-Documentación resultante do proceso de avaliación.

1. Os documentos do proceso de avaliación das ensinanzas de formación profesional son o expediente académico do alumnado, as actas de avaliación e os informes de avaliación individualizados. Os informes de avaliación e os certificados académicos son os documentos básicos que garanten a mobilidade do alumnado.

2. O informe de avaliación individualizado incluirá as cualificacións parciais ou valoracións de aprendizaxe outorgadas ata ese momento ao alumno ou á alumna, as medidas tomadas de reforzo educativo ou de flexibilización na duración das ensinanzas, as validacións ou exencións concedidas, as actividades propostas para a recuperación de módulos, e cantos outros aspectos de índole educativa se consideren salientables.

Capítulo XII

Validacións e exencións de módulos profesionais

Artigo 52º.-Validacións de módulos profesionais pola acreditación de unidades de competencia do Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais.

Quen teña acreditada unha unidade de competencia que forme parte do Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais terá validados os módulos profesionais correspondentes, segundo se determine na norma que estableza cada título e se recolla na norma pola que se estableza o currículo correspondente.

Artigo 53º.-Validacións e exencións.

1. Ademais dos módulos profesionais validados conforme o que se indica no artigo anterior, poderanse validar aqueles módulos profesionais que se determinen na norma que estableza cada título e na norma pola que se estableza o currículo correspondente, de ser o caso.

Malia o anterior, quen superase o módulo profesional de formación e orientación laboral, ou o módulo profesional de empresa e iniciativa emprendedora en calquera dos ciclos formativos correspondentes aos títulos establecidos ao abeiro da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, terá validados os devanditos módulos en calquera outro ciclo formativo establecido ao abeiro da mesma lei.

2. O módulo profesional de formación e orientación laboral de calquera título de formación profesional poderá ser obxecto de validación sempre que se cumpran os requisitos establecidos no artigo 45.3º do Real decreto 1538/2006, do 15 de decembro, que se acredite polo menos un ano de experiencia laboral e se posúa o certificado de técnico en prevención de riscos laborais, nivel básico, expedido consonte o disposto no Real decreto 39/1997, do 17 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento dos servizos de prevención.

3. Poderá determinarse a exención total ou parcial do módulo profesional de formación en centros de traballo pola súa correspondencia coa experiencia laboral, sempre que se acredite unha experiencia, correspondente ao traballo a tempo completo dun ano, relacionada cos estudos profesionais respectivos.

4. A experiencia laboral a que se refire o punto anterior acreditarase mediante a certificación da empresa onde se adquirira a experiencia laboral, na cal conste especificamente a duración do contrato, a actividade desenvolvida e o período de tempo en que se realizou a actividade. No caso de traballadores ou traballadoras por conta propia, exixirase a certificación da alta no censo de obrigados tributarios, cunha antigüidade mínima dun ano, así como unha declaración da persoa interesada das actividades máis representativas.

Artigo 54º.-Procedemento de validacións e exencións.

1. As solicitudes de validación de estudos cursados por acreditación de unidades de competencia, e de exención por correspondencia coa práctica laboral, con módulos profesionais dos ciclos formativos, requiren a matriculación previa do alumnado para continuar estudos nun centro docente autorizado para impartir estas ensinanzas.

2. As validacións que se establecen neste capítulo, así como a exención do módulo profesional de formación en centros de traballo, serán recoñecidas pola dirección do centro docente onde conste o expediente académico do alumno ou da alumna, de acordo co que estableza a consellería con competencias en materia de educación. A solicitude irá acompañada da certificación académica oficial dos estudos cursados ou, se for o caso, do certificado de profesionalidade ou da acreditación parcial de unidades de competencia.

3. As validacións non previstas nos artigos anteriores deberán ser solicitadas ao Ministerio de Educación, consonte o establecido no artigo 50.5º do Real decreto 1538/2006, do 15 de decembro, polo que se establece a ordenación xeral da formación profesional do sistema educativo, que resolverá o que corresponda en cada caso.

Artigo 55º.-Cualificación e rexistro dos módulos profesionais validados ou declarados exentos.

1. A validación ou a exención dos módulos profesionais que proceda quedará rexistrada no expediente académico do alumno ou da alumna, nas actas de avaliación e na certificación académica, respectivamente, como:

a) Validado, naqueles módulos profesionais que fosen obxecto de validación.

b) Exento, segundo corresponda, naqueles casos en que o módulo profesional de formación en centros de traballo fose obxecto de exención.

2. Os módulos profesionais validados ou exentos non poderán ser computados para os efectos do cálculo da cualificación final do ciclo formativo.

Artigo 56º.-Validacións das ensinanzas de ciclos formativos de grao superior e estudos universitarios.

A consellería con competencias en materia de educación e as universidades da Comunidade Autónoma de Galicia, no ámbito da súas competencias, fixarán o procedemento que deberá seguirse para o recoñecemento das validacións que proceda entre as ensinanzas dos ciclos formativos de grao superior e os estudos universitarios de grao, ou equivalente.

Capítulo XIII

Titulación e certificación

Artigo 57º.-Titulación.

1. Para a obtención do título de técnico ou de técnico superior cumprirá acreditar a superación de todos os módulos profesionais de que conste o correspondente ciclo formativo, así como cumprir os requisitos de acceso a el.

2. Os títulos de técnico e técnico superior teñen carácter oficial e validez académica e profesional en todo o territorio do Estado; acreditan as cualificacións profesionais, as unidades de competencia incluídas no título e a formación que conteñen.

3. A superación dun ciclo formativo de grao medio dará dereito á obtención do título de técnico que corresponda. A superación dun ciclo formativo de grao superior dará dereito á obtención do título de técnico superior correspondente.

Artigo 58º.-Certificación e rexistro.

1. Quen non superase na súa totalidade as ensinanzas de cada un dos ciclos formativos terá dereito a que se lle expida un certificado académico dos módulos profesionais superados, o cal terá, ademais dos efectos académicos, efectos de acreditación parcial acumulable das competencias profesionais adquiridas en relación ao Sistema Nacional de Cualificacións e Formación Profesional.

Neste caso, as administracións laborais competentes expediranlle a quen o solicite o certificado de profesionalidade correspondente sempre que, a través das ensinanzas profesionais cursadas no sistema educativo, obtivese a certificación académica que acredite a superación dos módulos profesionais asociados a unidades de competencia que conformen ese certificado de profesionalidade.

2. Os certificados académicos expediraos a dirección do centro público dependente da consellería con competencias en materia de educación, en impresos oficiais normalizados, logo de solicitude da persoa interesada. Estes certificados deberán expresar as cualificacións obtidas, tanto positivas como negativas, con indicación da convocatoria concreta, do centro educativo e do curso académico, ata a data de emisión da certificación.

3. A consellería con competencias en materia de educación establecerá o procedemento de certificación e rexistro das unidades formativas cursadas e superadas, conforme o que se establece no presente decreto.

Capítulo XIV

Información e orientación profesional

Artigo 59º.-Fins.

A información e a orientación profesional na formación profesional do sistema educativo terán os seguintes fins:

a) Difundir as ofertas destas ensinanzas e informar sobre elas, así como sobre os requisitos académicos establecidos e as posibilidades de acceso a elas, atendendo ás condicións, ás necesidades e aos intereses das persoas que demanden a información.

b) Orientar o alumnado cara aos ciclos formativos que mellor se adapten ás súas circunstancias persoais, de maneira que a opción elixida permita superar os obxectivos dos módulos profesionais e terminar a totalidade do ciclo formativo, e sen que supoña risco para a súa integridade física nin a dos demais.

c) Informar e orientar sobre as oportunidades de aprendizaxe e os posibles itinerarios formativos para facilitar a inserción e a reinserción laborais, a mellora no emprego, así como a mobilidade profesional no mercado de traballo.

d) Informar sobre as titulacións académicas e sobre as oportunidades de acceso ao emprego, e orientar sobre as posibilidades de adquisición, avaliación e acreditación de competencias e cualificacións profesionais requiridas no mundo laboral, e o progreso nelas ao longo de toda a vida.

Artigo 60º.-Organización.

1. A consellería con competencias en materia de educación, contando coa cooperación doutras institucións e coa dos axentes sociais, de ser o caso, promoverá o desenvolvemento dunha rede de servizos de información e orientación profesional nos centros educativos, nas condicións que se establezan.

2. A consellería con competencias en materia de educación, no ámbito das súas competencias, proporcionaralle información ao alumnado do sistema educativo, ás familias e á sociedade en xeral. Así mesmo, estableceranse as medidas e os instrumentos necesarios de apoio e reforzo para facilitar a información, a orientación e o asesoramento aos colectivos con risco de exclusión, persoas que abandonan cedo o sistema educativo, de escasa cualificación profesional, desempregadas, emigrantes, mulleres vítimas de violencia de xénero, así como ás persoas con necesidades específicas.

3. Os centros que impartan formación profesional poderán prestar atención singularizada ás empresas do seu ámbito territorial, especialmente ás pequenas e ás medianas, co fin de deseñar itinerarios formativos axustados ás súas necesidades.

Capítulo XV

Alumnado con necesidades educativas especiais

Artigo 61º.-Flexibilización modular de ciclos formativos.

O alumnado con necesidades educativas especiais poderá ser autorizado, cando as necesidades de apoio específico así o xustifiquen, para cursar os ciclos formativos en réxime ordinario de xeito fragmentado por módulos, cunha temporalización distinta á establecida con carácter xeral. A consellería con competencias en materia de educación establecerá o procedemento para a autorización das flexibilizacións modulares.

Artigo 62º.-Accesibilidade universal ás ensinanzas de formación profesional.

1. A consellería con competencias en materia de educación garantirá que o alumnado poida acceder e cursar as ensinanzas de formación profesional que se regulan neste decreto nas condicións establecidas na disposición derradeira décima da Lei 51/2003, do 2 de decembro, de igualdade de oportunidades, non discriminación e accesibilidade universal das persoas con discapacidade.

2. As programacións que desenvolvan o currículo das ensinanzas de formación profesional deberán ter en conta o principio de «deseño para todos». Para tal efecto, recollerán as medidas necesarias co fin de que o alumnado poida conseguir a competencia xeral do título, expresada a través das competencias profesionais, persoais e sociais, así como os resultados de aprendizaxe de cada un dos módulos profesionais.

3. En calquera caso, estas medidas non poderán afectar de forma significativa a consecución dos resultados de aprendizaxe previstos para cada un dos módulos profesionais.

Disposicións adicionais

Primeira.-Outras titulacións equivalentes para os efectos de acceso.

1. Sen prexuízo do establecido no artigo 36º deste decreto, poderase acceder de forma directa aos ciclos formativos de grao medio con estas titulacións ou con estes estudos superados:

a) Título de técnico dun ciclo formativo de grao medio de formación profesional específica.

b) Título de técnico auxiliar de formación profesional.

c) Segundo curso do bacharelato unificado e polivalente (BUP) ou ter un máximo de dúas materias pendentes no conxunto dos dous primeiros cursos.

d) Segundo curso do primeiro ciclo experimental da reforma das ensinanzas medias (REM).

e) Das ensinanzas de artes aplicadas e oficios artísticos, terceiro curso do plan de estudos de 1963 ou segundo curso de comúns experimental.

f) Outros estudos declarados equivalentes a algún dos anteriores, para os efectos académicos ou de acceso.

2. Sen prexuízo do establecido no artigo 36º deste decreto, poderase acceder aos ciclos formativos de grao superior con estas titulacións ou con estes estudos superados:

a) Título de bacharel establecido na Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo.

b) Segundo curso de calquera modalidade de bacharelato experimental regulado pola orde ministerial do 21 de outubro de 1986 (BOE do 6 de novembro).

c) Curso de orientación universitaria (COU) ou preuniversitario (PREU).

d) Título de técnico especialista, de técnico superior ou equivalente para efectos académicos.

e) Titulación universitaria ou equivalente para efectos académicos.

f) Outros estudos declarados equivalentes a algún dos anteriores, para os efectos académicos ou de acceso.

Segunda.-Relación coas empresas

1. A consellería con competencias en materia de educación promoverá a colaboración coas empresas e entidades empresarias e, en particular, coas máis implicadas en sectores clave da economía galega e as relacionadas cos sectores emerxentes.

2. Esta colaboración ten a seguinte finalidade:

a) Realización do módulo de formación en centros de traballo.

b) Impartición de módulos profesionais incluídos en títulos de formación profesional ou módulos formativos incluídos en certificados de profesionalidade nas instalacións das empresas, co fin de garantir que a formación se realice cos equipamentos máis actuais.

c) Uso polas empresas das instalacións e do equipamento dos centros, nas condicións que se determine, sempre que non interfiran no desenvolvemento das actividades docentes.

d) Actualización profesional dos traballadores e das traballadoras, así como do profesorado. Esta formación poderá incluír estadías temporais do profesorado nas empresas, tanto para a formación dos seus traballadores e das súas traballadoras como para a actualización do profesorado.

e) A validación das accións de formación desenvolvidas nas empresas, de acordo cos requisitos que se establezan, co fin de lles facilitar aos seus traballadores e ás súas traballadoras a obtención dun título de formación profesional.

f) Desenvolvemento conxunto de proxectos de innovación.

3. A colaboración formalizarase mediante convenio.

Terceira.-Programas de cualificación profesional inicial.

1. Os módulos específicos asociados a unidades de competencia de cualificacións profesionais de nivel 1 incluídos nos programas de cualificación profesional inicial desenvolven a competencia do perfil profesional, e formarán parte da formación profesional do sistema educativo. A consellería con competencias en materia de educación establecerá o currículo dos módulos específicos dos respectivos perfís profesionais consonte o tecido produtivo de Galicia.

2. De acordo co disposto no artigo 30 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, e sen prexuízo dos efectos académicos previstos no artigo 38º.4 deste decreto, as certificacións académicas expedidas pola consellería con competencias en materia de educación ás persoas que superen os módulos obrigatorios dos programas de cualificación profesional inicial darán dereito, a quen o solicite, á expedición dos certificados de profesionalidade correspondentes pola administración competente.

Cuarta.-Capacitacións e carnés profesionais.

Os currículos das ensinanzas de formación profesional incluirán a formación requirida para a obtención de carnés profesionais, certificados de capacitación profesional, ou calquera outro tipo de habilitación que sexa competencia da Xunta de Galicia e garde relación co nivel e o perfil profesional correspondentes. Ás persoas que teñan superada a referida formación poderáselle expedir a habilitación pertinente en cada caso.

Quinta.-Protección de datos de carácter persoal.

A obtención e o tratamento dos datos persoais do alumnado, e en especial os contidos nos documentos oficiais a que se refire este decreto, a súa cesión duns centros a outros e a adopción de medidas que garantan a seguridade e a confidencialidade dos devanditos datos someteranse ao disposto na lexislación vixente en materia de protección de datos de carácter persoal e na disposición adicional vixésimo terceira da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

Disposición transitoria

Única.-Vixencia das titulacións de formación profesional establecidas pola Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo.

De conformidade co establecido no artigo 18.3º do Real decreto 806/2006, polo que se establece o calendario de aplicación da Lei orgánica 2/2006, de educación, mentres que non se produza a implantación dos novos títulos de formación profesional seguirán vixentes as titulacións e os currículos derivados da Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo.

Disposición derrogatoria

Única.-Derrogación de normas.

Queda derrogado o Decreto 239/1995, do 28 de xullo, polo que se establece a ordenación xeral dos estudos de formación profesional específica en Galicia e as directrices sobre os seus títulos, así como todas as disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ao disposto neste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Modificación do Decreto 99/2004, do 21 de maio, polo que se regula a organización e o funcionamento da Inspección Educativa e o acceso ao corpo de inspectores de Educación na Comunidade Autónoma de Galicia.

Engádeselle un punto 3 ao artigo 8, coa seguinte redacción:

«3. Sen prexuízo do establecido nos puntos anteriores, para o caso dos centros integrados de formación profesional, das escolas oficiais de idiomas, dos conservatorios superiores e profesionais de música e danza, das escolas de arte e superiores de deseño, e daqueloutros centros docentes que, polas súas características singulares o requiran, a Administración educativa poderá organizar a inspección mediante subsectores específicos, que poderán exceder do ámbito do sector ou da provincia. Dadas as peculiaridades destes subsectores, a consellería con competencias en materia de educación poderá ditar normativa específica para a adscrición a eles».

Segunda.-Desenvolvemento normativo.

Autorízase a persoa titular da consellería con competencias en materia de educación para ditar as disposicións que sexan necesarias para a execución e o desenvolvemento do establecido neste decreto.

Terceira.-Entrada en vigor.

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, un de xullo de dous mil dez.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Jesús Vázquez Abad

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria