DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 142 Martes, 27 de xullo de 2010 Páx. 13.588

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E INDUSTRIA

ORDE do 16 de xullo de 2010 pola que se establecen as bases para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións correspondentes a accións de comunicación e divulgación científica e tecnolóxica (Diverciencia) no marco do Programa de comunicación e sensibilización social (CSS) do Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica (PGIDIT) e se procede á súa convocatoria para o ano 2010.

A Lei 12/1993, do 6 de agosto, de fomento da investigación e desenvolvemento tecnolóxico de Galicia, no seu artigo 1 establece, como obxectivo xeral, o fomento da investigación científica e a innovación tecnolóxica para promover o desenvolvemento económico, social e produtivo de Galicia. Como unha ferramenta encamiñada ao logro deste obxectivo, a citada lei, no seu capítulo II, crea o Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica (PGIDIT), que foi aprobado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 21 de setembro de 2006 para o período 2006-2010.

O devandito plan recolle diferentes programas de actuación, entre eles o de Comunicación e Sensibilización Social, no cal se inclúe Diverciencia, que ten o propósito de fomentar unha cultura do coñecemento da ciencia e da tecnoloxía e posibilitar ao conxunto da sociedade unha mellor percepción das actividades de I+D+i e dos resultados que delas derivan. Así mesmo, debe promover a sensibilización social que favoreza un maior recoñecemento das actividades de I+D+i e dos seus resultados na sociedade. Neste contexto, as actividades de comunicación e divulgación da ciencia son elementos centrais deste programa, especialmente coa participación de colectivos aos que a ciencia non chega habitualmente, así como a concienciación da importancia do potencial das mulleres no eido da investigación e das medidas de igualdade que cómpre implantar.

Os obxectivos específicos de Diverciencia son os seguintes:

­Concienciar o conxunto da sociedade sobre a importancia da I+D+i e da cultura científica no desenvolvemento económico e no benestar social de Galicia mediante a súa participación en actividades de ciencia e tecnoloxía.

­Promover nas entidades galegas vinculadas coa ciencia e a tecnoloxía a realización de accións de divulgación e comunicación científica e tecnolóxica para o conxunto da sociedade. Para iso é fundamental que as accións de divulgación e comunicación científica e tecnolóxica estean relacionadas co ámbito de actuación das entidades que as desenvolven.

­Impulsar o espírito científico e emprendedor e as profesións de científicos e tecnólogos entre as mulleres e os mozos.

­Celebrar a Semana da Ciencia en Galicia, así como outras actividades en consoancia cos aspectos científicos relacionados coa conmemoración do Ano Internacional da Biodiversidade.

Para conseguir os obxectivos indicados, o Programa de comunicación e sensibilización social pretende dotar a Galicia dun conxunto de instrumentos e iniciativas, como é o caso de Diverciencia, que posibiliten unha acción continuada de sensibilización social acerca da importancia que a ciencia e a tecnoloxía teñen para as sociedades avanzadas.

Polo que antecede, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1º.-Convocatoria e bases reguladoras.

1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases polas que se rexerá a concesión das subvencións da Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación da Consellería de Economía e Industria para a execución de accións de comunicación e divulgación científica e tecnolóxica (Diverciencia-IN842A) no marco do Programa de comunicación e sensibilización social, que se inclúen como anexo I.

2. Así mesmo, por medio desta orde convócanse as devanditas subvencións para o ano 2010.

Artigo 2º.-Solicitudes.

1. Para poder ser beneficiario/a das subvencións deberá presentarse unha solicitude dirixida á Consellería de Economía e Industria, axustada ao modelo normalizado que figura no anexo II desta orde, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 4 das bases reguladoras.

2. A Consellería de Economía e Industria velará polos datos de carácter persoal que serán obxecto de tratamento, e para eses efectos procederase á súa incorporación a un ficheiro que cumprirá as exixencias da Lei 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, adoptándose tanto as medidas de seguridade técnicas como organizativas.

A finalidade da recollida e tratamento dos datos persoais será estritamente a xestión e tramitación do expediente correspondente e as que deriven da aplicación da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega. A revisión dos expedientes desta orde de convocatoria poderá ser realizada pola Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia, de acordo co establecido na encomenda de xestión para o ano 2010, do 31 de decembro de 2009, realizada pola Consellería de Economía e Industria á dita entidade, que asumirá, en tal caso, a condición de entidade colaboradora, coas obrigas que sinala o artigo 12 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Decláranse recoñecidos e poderanse exercer os dereitos de acceso, cancelación, rectificación e oposición por escrito e presentando identificación suficiente no seguinte enderezo: edificios administrativos San Caetano, San Caetano s/n, 15704 Santiago de Compostela, ou ben mediante o procedemento habilitado para o efecto e que poderá atopar na Guía do cidadán da páxina web da Xunta.

3. Os formularios de solicitude de axuda regulados nesta orde deberaos obter, cubrir, validar e imprimir necesariamente o/a solicitante a través da aplicación informática «Axudas Virtual» (procedemento IN842A-presentación electrónica), dispoñible no seguinte enderezo da internet:

https//axudasindustria.xunta.es/att

Tamén se pode acceder, na oficina virtual desta consellería, sita no enderezo da internet:

http://economiaeindustria.xunta.es e no enderezo http://www.xunta.es/presentacion-electronica-da-xunta-de-galicia da Xunta de Galicia, facendo uso do enlace dispoñible co procedemento IN842A.

Para cubrir correctamente os formularios de solicitude, no citado enderezo da internet disporase de instrucións de axuda, que deberán ser observadas en todo momento polos/as solicitantes.

Artigo 3º.-Lugar e prazo de presentación das solicitudes.

1. A presentación de solicitudes farase por vía escrita (en soporte papel) ou en formato electrónico logo da obtención e formalización dos formularios de acordo co previsto neste artigo.

En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información, poderán dirixirse á Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación, a través dos teléfonos 881 99 91 56 e 881 99 91 60, do número de fax 981 54 10 39 ou do enderezo de correo electrónico info@diverciencia.org, que adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación por escrito de solicitudes.

Os anexos desta convocatoria publícanse no Diario Oficial de Galicia exclusivamente para os efectos informativos, e é necesario empregar a aplicación informática indicada para a obtención dos formularios de solicitude.

2. As solicitudes en formato papel, xunto coa documentación, presentaranse preferentemente no rexistro da Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación da Xunta de Galicia, sita na rúa Feáns, nº 7 baixo C, 15706 Santiago de Compostela, ou nos restantes rexistros de calquera outro órgano, que pertenza á Administración xeral do Estado, das comunidades autónomas, ou das entidades que integran a Administración local, sempre que neste último caso se teña subscrito o oportuno convenio, ou polos restantes medios previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As solicitudes tamén poderán presentarse en formato electrónico, en vez de en papel, ante o rexistro telemático da Xunta de Galicia, mediante sinatura electrónica do/a representante legal, do/a solicitante ou persoa que o/a representa e cando non sexa preciso achegar ningunha documentación en papel, téndose que cumprir os seguintes requisitos:

O presentador deberá posuír un certificado dixital en vigor baixo a norma X.509 V3 recoñecido pola plataforma de validación e sinatura electrónica @firma. Os prestadores recoñecidos son: DNI electrónico, Camerfirma, izenpe, CATCert (Axencia Catalá de Certificación), ANF AC, SCR (Servizo de Certificación dos Rexistradores), ACA, ACCV (Autoridade de Certificación da Comunidade Valenciana), Ancert (Axencia Notarial de Certificación), FNMT (Fábrica Nacional de Moeda e Timbre), Firma profesional e Banesto, CA.

3. Xunto cos formularios de solicitude deberá anexarse en formato electrónico a documentación a que se fai referencia no artigo 4º do anexo I das bases reguladoras. Para isto, no proceso de formalización telemática permitirase anexar á solicitude os arquivos informáticos necesarios. No caso de presentación telemática, unha vez asinados co certificado dixital do presentador os formularios normalizados, procederase á transferencia telemática da dita documentación ao Rexistro Telemático da Xunta de Galicia, creado polo Decreto 164/2005, do 16 de xuño. Unha vez completado o proceso de transferencia telemática, efectuarase a anotación correspondente no Rexistro de Entrada, e nese momento expedirase, empregando as características da aplicación telemática, un recibo no cal quedará constancia do feito da presentación.

4. O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o derradeiro día do mes.

Artigo 4º.-Prazo de duración do procedemento de concesión.

Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas e valoradas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras, que non poderá ter unha duración superior a seis meses.

Artigo 5º.-Información aos interesados.

1. Sobre este procedemento administrativo, que ten o código IN842A-presentación electrónica, poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da consellería

(http://economiaeindustria.xunta.es) e da Dirección Xeral de I+D+i (http://economiaeindustria.xunta.es/dxidi), en ambos casos na epígrafe «Axudas».

b) Os teléfonos 881 99 91 56 e 881 99 91 60.

c) O enderezo electrónico: info@diverciencia.org

d) Presencialmente.

2. Así mesmo, para cuestións xerais sobre este ou outro procedemento, poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia 012 (desde Galicia) e 902 12 00 12 (desde o resto do Estado).

Disposicións derradeiras

Primeira.-Habilitación para o desenvolvemento.

Facúltase o director xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación para que dite as resolucións que sexan precisas para o desenvolvemento e a aplicación desta orde.

Segunda.-Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de xullo de 2010.

Javier Guerra Fernández

Conselleiro de Economía e Industria

ANEXO I

Bases reguladoras para a concesión, en réxime

de concorrencia competitiva, das subvencións a accións

de comunicación e divulgación científica e tecnolóxica

Artigo 1º.-Obxecto e réxime das subvencións.

1. As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto promover o desenvolvemento de actividades de comunicación e divulgación científica e tecnolóxica que contribúan a fomentar unha cultura do coñecemento da ciencia e da tecnoloxía que posibilite que o conxunto da sociedade teña unha mellor percepción das actividades de I+D+i e da repercusión dos seus resultados na sociedade. As actividades realizadas no marco desta convocatoria poderán optar a encadrarse na celebración da Semana da Ciencia 2010.

2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva.

3. En concreto, considéranse actuacións subvencionables as accións de comunicación e divulgación que traten temas de contido científico, sempre que estas sexan efectivamente realizadas e pagadas desde o 1 de xaneiro de 2010 ata a data límite de xustificación establecida no artigo 17.2º e cumpran cos seguintes requisitos:

a) Que se poidan inserir nalgúns dos obxectivos enunciados nesta convocatoria.

b) Estar dirixidas a un público non especializado e non habitual nas actividades relacionadas coa ciencia e tecnoloxía.

c) Ter carácter aberto e gratuíto.

d) Contar cun plan de difusión e comunicación. As entidades beneficiarias deberán difundir as actividades a través de accións de publicidade adecuadas ao público ao cal van dirixidas.

e) As actividades deberán ser innovadoras, ter carácter lúdico e fomentar a participación cidadá.

4. Quedan expresamente excluídas do ámbito de aplicación desta orde as seguintes actuacións: conferencias, xornadas de portas abertas e todas aquelas actuacións dirixidas a un público especializado.

Artigo 2º.-Financiamento e concorrencia.

1. As subvencións imputaranse ás aplicacións orzamentarias que se indican no seguinte cadro, en que existe crédito axeitado e suficiente no orzamento da comunidade autónoma para o ano 2010, sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria, o que poderá dar lugar á concesión de máis subvencións de acordo coa orde de prelación de solicitantes que resulte da aplicación dos criterios do artigo 9º.

Ver referencia pdf "14200D002P028.PDF"

2. As axudas previstas nesta orde serán incompatibles con calquera outra das que poida conceder esta consellería para o mesmo fin. Polo demais, estas axudas serán compatibles con calquera outra destinada ao mesmo fin, calquera que sexa a súa natureza e a entidade que a conceda, sempre que conxuntamente non superen o custo total da actividade.

3. No caso de que a comisión de selección propoña o financiamento de solicitudes correspondentes a centros de investigación dependentes da Xunta de Galicia, unha vez ordenadas por orde de prioridade decrecente, a Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación estudará o seu financiamento, de acordo coas súas dispoñibilidades orzamentarias. De ser o caso, procederá a realizar unha retención de crédito na aplicación orzamentaria correspondente da devandita Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación coa finalidade de que a consellería correspondente poida levar a cabo a oportuna ampliación de crédito do seu orzamento para realizar a execución das actividades de comunicación e divulgación.

4. As actividades obxecto de subvención serán financiadas no 100% do custo subvencionable, en función das dispoñibilidades orzamentarias.

Artigo 3º.-Beneficiarios/as.

Poderán ser beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nestas bases, as seguintes entidades con personalidade xurídica propia e sen ánimo de lucro da comunidade autónoma:

a) Universidades do sistema universitario de Galicia.

b) Centros tecnolóxicos recoñecidos pola Dirección Xeral de I+D+i.

c) Organismos dependentes da Comunidade Autónoma ou da Administración xeral do Estado, que desenvolvan actividades de investigación ou divulgación da ciencia e da tecnoloxía.

d) Organismos dependentes das entidades locais galegas que desenvolvan actividades de investigación ou divulgación da ciencia e da tecnoloxía.

e) Institucións sen ánimo de lucro:

a. Que dentro dos fins e obxectivos, recollidos nos seus estatutos ou documentos fundacionais, teñan competencias relacionadas coa investigación científica, o desenvolvemento tecnolóxico, a difusión e a divulgación da cultura científica.

b. Que teñan capacidade e experiencia demostrada para o desenvolvemento das anteriores actividades.

Artigo 4º.-Solicitudes.

1. As solicitudes para participar no procedemento de concesión da subvención presentaranse na forma e prazo que se indica nos artigos 2º e 3º da orde de convocatoria.

2. Xunto co formulario de solicitude deberá achegarse a seguinte documentación:

a) Declaracións (incluídas no anexo II):

i. Declaración responsable do/a solicitante de todas as axudas solicitadas e concedidas para o mesmo fin das distintas administracións públicas competentes ou dos seus organismos ou sociedades.

ii. Declaración responsable de non estar incurso/a en ningunha das prohibicións para a obtención da axuda recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Esta declaración deberá ser asinada polo representante do organismo ou entidade a través do cal se presente a solicitude.

iii. Declaración opcional do/a solicitante do compromiso de utilización da lingua galega na realización da actividade para a que solicita a axuda, de conformidade co establecido no artigo 20.2.l) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

iv. No caso de optar por incluír as actividades na Semana da Ciencia 2010: declaración responsable do/a solicitante en que se compromete a trasladar a información sobre a actividade requirida pola Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación nas datas fixadas pola devandita dirección xeral, así como a distribuír o material de comunicación (cartelaría, merchandising, etc.), colaborar na avaliación das actividades e empregar nas súas accións de promoción os logotipos institucionais e os representativos da Semana da Ciencia que lles serán facilitados pola dirección xeral. O obxectivo deste requirimento é facer posible a coordinación das actividades da Semana da Ciencia pola devandita dirección xeral.

b) Memoria da actividade e datos do equipo (incluída no anexo II).

c) Memoria económica de actividade (incluída no anexo II).

d) Copia do documento, acreditativo do poder polo cal o/a representante legal da entidade desempeña a devandita representación.

e) No caso de institucións sen ánimo de lucro, xuntarase copia da escritura pública de constitución, dos estatutos da asociación ou entidade que formula a solicitude e unha relación das actividades de divulgación científica realizadas nos últimos tres anos para a acreditación da capacidade e experiencia da entidade conforme o sinalado no punto e) letra b do artigo 3 das bases reguladoras.

f) Nas solicitudes de axudas que procedan de persoal pertencente a centros sanitarios que xestionen as actividades a que fai referencia esta convocatoria a través de fundacións de interese galego (Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego), o Sergas deberá dar o seu visto e prace á solicitude e autorizar a correspondente fundación sanitaria de interese galego para que xestione a subvención. Pola súa banda, o/a representante legal da fundación deberá asinar a aceptación da devandita xestión conforme o modelo presentado no anexo IV.

Artigo 5º.-Consentimentos e autorizacións.

1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras. De conformidade co artigo 20.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a presentación da solicitude de concesión da subvención comportará a autorización do/a solicitante para que o órgano xestor obteña de forma directa a acreditación do cumprimento das súas obrigas tributarias co Estado, coa comunidade autónoma e coa Seguridade Social, a través de certificados telemáticos, polo que queda liberado o/a solicitante de achegar a correspondente certificación. Non obstante, o/a solicitante poderá denegar expresamente o consentimento, debendo presentar entón a certificación correspondente.

Igualmente, de conformidade co mesmo artigo, se o/a solicitante indica que certa documentación que se deba usar neste procedemento xa figura no poder da Administración, a presentación da solicitude implica a autorización ao órgano instrutor para acceder a ela. Para estes efectos, identificarase o procedemento administrativo para o que foi presentada, e sempre e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que se refire.

2. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións concedidas, así como ás sancións impostas, no devandito rexistro, feito que terá lugar agás nos supostos legalmente establecidos.

3. De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, esta consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos/das beneficiarios/as e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos/das beneficiarios/as e a súa publicación na citada páxina web, coas excepcións previstas nas leis.

Artigo 6º.-Órganos competentes.

A Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención, correspondendo ao conselleiro de Economía e Industria ditar a resolución de concesión.

Artigo 7º.-Instrución dos procedementos.

1. De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria, requirirase o interesado, mediante anuncio publicado na páxina web da Consellería de Economía e Industria (http://economiaeindustria.xunta.es), para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese, se considerará que da súa petición, logo da correspondente resolución. Esta publicación tamén se poderá realizar no taboleiro electrónico de anuncios da Consellería de Economía e Industria. Se a instrución do procedemento o aconsellase, o órgano competente poderá substituír esta publicación no DOG e na web, pola notificación individualizada de conformidade co establecido no artigo 59 da Lei

30/1992.

Este requirimento de emenda tamén se fará se das certificacións obtidas de conformidade co artigo 5.1º resulta que o/a solicitante non se atopa ao día de pagamento das súas obrigas tributarias e sociais co Estado, coa comunidade autónoma e coa Seguridade Social.

2. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderase requirir o/a solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

3. Unha vez revisadas as solicitudes e as emendas feitas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidos á comisión encargada da súa valoración, de acordo co establecido no artigo seguinte.

4. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na cal se indicarán as causas desta.

Artigo 8º.-Comisión de valoración.

1. A comisión de valoración será o órgano colexiado encargado de avaliar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados no seguinte artigo, así como de propoñer a concesión ou denegación das subvencións aos interesados.

2. A composición da comisión de valoración será a seguinte:

a) Presidente: un/unha subdirector/a xeral da Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación ou persoa en quen delegue.

b) Secretario: un funcionario ou funcionaria da Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación, con voz pero sen voto.

c) Vogais: cinco vogais designados polo director xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación entre expertos no ámbito da divulgación da ciencia.

3. A comisión poderá contar co asesoramento de avaliadores ou expertos externos.

4. A comisión de valoración deberá emitir informe en que figurarán de xeito individualizado os/as solicitantes propostos para obter a subvención, a avaliación que lles corresponde segundo os criterios recollidos no artigo seguinte, o custo da actividade subvencionable, corrixido, de ser o caso, con respecto ao custo solicitado, a contía e porcentaxe da subvención concedida.

5. O resto das solicitudes subvencionables quedará en reserva para seren atendidas ben co crédito que quedase libre de producirse algunha renuncia ou modificación nos proxectos inicialmente subvencionados, ben co incremento dos créditos orzamentarios destinados a estas subvencións. Para estes efectos poderán realizarse sucesivas propostas de resolución conforme o sinalado neste artigo.

Artigo 9º.-Criterios de valoración.

A valoración das solicitudes farase en dúas fases:

Primeira.

1. Verificación dos criterios de capacidade e experiencia a que fai referencia o artigo 3 do anexo I. As solicitudes das entidades que non cumpran estes criterios non pasarán á seguinte fase de valoración.

2. Verificación dos requisitos establecidos no artigo 1.3º do anexo I. As solicitudes cuxas actividades non cumpran estes requisitos non pasarán á seguinte fase de valoración.

Segunda.-Valoración das propostas.

Realizarase sobre unha valoración total de 100 puntos, tendo en conta os seguintes criterios:

1. Proposta (máximo 55 puntos). Os elementos que determinan a súa avaliación son:

a) Interese, relevancia, oportunidade e orixinalidade da actividade (máximo 20 puntos).

b) Plan de traballo e plan de difusión da actividade (máximo 20 puntos).

c) Implicación do público e impacto previsible da actividade (máximo 10 puntos).

d) Aplicación do principio de igualdade de xénero (máximo 5 puntos).

2. Experiencia previa da entidade e das persoas que conforman o equipo de traballo (máximo 10 puntos).

3. Adecuación entre o equipo de traballo e a actividade proposta (máximo 10 puntos).

4. Orzamento (máximo 24 puntos). Os elementos que determinan a súa avaliación son:

a) Adecuación do orzamento á actividade presentada e xustificación deste de acordo coas necesidades da actividade (máximo 16 puntos).

b) Recursos que achega a propia entidade beneficiaria (máximo 8 puntos).

5. O compromiso de utilización da lingua galega na realización da actividade para a que se solicita a subvención. Este compromiso acreditarase mediante a presentación da correspondente declaración xurada incluída no anexo II (1 punto).

Artigo 10º.-Audiencia.

1. Instruído o procedemento, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, porase de manifesto aos interesados para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que estimen pertinentes.

2. Porén, poderase prescindir do trámite a que se refire o punto anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.

Artigo 11º.-Resolución e notificación.

1. Unha vez concluído o trámite de audiencia, o órgano instrutor elevaralle a proposta de resolución ao conselleiro.

2. O conselleiro, á vista da proposta, ditará a correspondente resolución, que deberá estar debidamente motivada e expresará, cando menos, a relación de solicitantes aos que se lles concede a subvención e a actuación que se subvenciona, así como o importe da subvención concedida, e fará constar, se é o caso, de maneira expresa, a desestimación do resto de solicitudes.

3. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución ao interesado será de seis meses contados a partir do seguinte ao da publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Se transcorrese o prazo máximo para resolver sen que recaese resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

4. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido no artigo 58 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Non obstante, e de conformidade co establecido no artigo 59.6.b da indicada lei, poderase substituír a notificación individual de concesión da axuda pola publicación no Diario Oficial de Galicia, con indicación neste caso da data da convocatoria, do/a beneficiario/a, da cantidade concedida e da finalidade da subvención outorgada.

Nas solicitudes concedidas, a modificación do orzamento, se é o caso, con respecto ao inicialmente presentado será comunicada a través do taboleiro persoal da orde.

Artigo 12º.-Réxime de recursos.

As resolucións ditadas ao abeiro da correspondente orde de convocatoria poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Economía e Industria, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de tres meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 13º.-Modificación da resolución.

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. Poderase acordar a modificación da resolución da concesión por instancia do interesado, sempre que este presente solicitude de modificación con anterioridade á data de finalización do prazo de xustificación e se cumpran os seguintes requisitos:

a) Que a actividade, conduta ou modificación da proposta estea comprendida dentro da finalidade das bases reguladoras.

b) Que se acredite a inexistencia de prexuízo a terceiros.

c) Que os novos elementos ou circunstancias que motiven a modificación, de ter concorrido na concesión inicial, non supuxesen a denegación da subvención.

3. O acto polo que se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado polo conselleiro de Economía e Industria logo da instrución do correspondente expediente en que se lle dará audiencia ao interesado.

Artigo 14º.-Aceptación e renuncia.

1. Sen prexuízo dos recursos que procedan contra a resolución, transcorridos dez días hábiles desde a notificación desta sen que o interesado comunicase expresamente a súa renuncia á subvención entenderase que a acepta, e desde ese momento adquirirá a condición de beneficiario/a.

A renuncia á subvención poderase facer axustándose ao modelo que figura como anexo III ou por calquera medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 91 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. No caso de que se comunicase a renuncia en prazo, o conselleiro ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 42.1º da mesma lei.

Artigo 15º.-Obrigas dos/das beneficiarios/as.

Os/as beneficiarios/as das subvencións concedidas ao abeiro da presente orde quedan obrigados/as a:

1) Facer referencia en todas as accións de publicidade (agás as realizadas antes da publicación da convocatoria) en calquera medio de difusión (impreso, audiovisual ou electrónico) á Xunta de Galicia como entidade financiadora e incluír referencia á web: www.divulgacion360.org, en que se informará sobre as distintas actividades e localizacións, en calquera dos soportes empregados.

2) Solicitar á Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación calquera modificación que afecte o desenvolvemento da actividade para a cal foi concedida a subvención. Estes cambios deben ser obxecto de aceptación expresa pola Dirección Xeral de I+D+i. Cando estas modificacións sexan significativas de forma que alteren as condicións técnicas e económicas tidas en conta para a obtención da subvención, seguirase o procedemento descrito no artigo 13.

3) Comunicar á Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación, no momento en que sexan beneficiarios/as de calquera axuda concedida para o mesmo fin, o importe e a súa duración. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da axuda.

4) Proceder ao reintegro, total ou parcial, da subvención percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión.

5) Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións.

Artigo 16º.-Gastos subvencionables.

Considerarase gasto realizado o que foi efectivamente pagado con anterioridade á data límite de xustificación.

En xeral, as subvencións solicitadas deberán referirse a algún dos conceptos seguintes:

a) Persoal propio, sempre e cando se xustifiquen adecuadamente as horas dedicadas á actividade obxecto da subvención. O límite será o 5% da suma dos parágrafos b), c), d), e), f), g) seguintes.

b) Persoal contratado, dedicado única e exclusivamente á acción obxecto da subvención.

c) Aluguer de equipamentos e aparellos (proxectores, ordenadores, etc.) na medida e no tempo que se destinen á realización da acción para a cal se solicita a subvención.

d) Adquisición de equipamentos e aparellos (material inventariable), sempre e cando se xustifique adecuadamente a súa necesidade para a realización da actividade e a comisión de valoración estime oportuna a súa inclusión tendo en conta, de ser o caso, que unicamente se subvencionará o importe proporcional á duración da actividade de conformidade coa obriga de destino mínima que establece o artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

e) Traballos ou servizos tecnolóxicos externos dedicados exclusivamente á acción obxecto da subvención.

f) Material funxible, exclusiva e permanentemente dedicado á acción obxecto da subvención.

g) Outros gastos derivados da execución da acción.

h) Gastos xerais e/ou indirectos exentos de xustificación. O límite será o 5% da suma dos gastos correspondentes aos paragrafos b), c), d) e), f), g) anteriores.

No caso de adquisición de material inventariable ou prestación de servizos tecnolóxicos por empresas de consultoría ou asistencia técnica por importe superior a 12.000 euros, de acordo co establecido no artigo 29.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, deberán achegarse tres ofertas de diferentes provedores, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude de subvención.

No caso de subcontratación será de aplicación o disposto nos artigos 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e 43 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

En ningún caso se considerarán gastos subvencionables os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación nin os impostos persoais sobre a renda. O imposto sobre o valor engadido (IVE) poderase considerar gasto subvencionable cando a asociación ou entidade beneficiaria acredite mediante a correspondente certificación que se encontra acollida ao réxime de exención do IVE.

Os gastos deberán realizarse entre o 1 de xaneiro de 2010 e o 30 de novembro de 2010.

Artigo 17º.-Xustificación da subvención.

1. Para a xustificación dos gastos deberá presentarse a seguinte documentación nos lugares sinalados no artigo 3 da convocatoria.

a) Memoria das actividades realizadas, incluíndo copia do material impreso e audiovisual, comunicacións, publicidade ou calquera outro material elaborado.

b) Memoria económica xustificativa do custo das actividades realizadas, que conterá:

1. Unha relación dos gastos realizados, coa identificación do acredor e do documento, o seu importe co IVE separado, data de emisión e data de pagamento.

2. Orixinal ou copia compulsada das facturas e demais documentos de valor probatorio equivalente que se correspondan coa relación a que fai referencia o parágrafo anterior (incluirase, se é o caso, copia cotexada dos contratos, visados polo Servizo Público de Emprego, do persoal contratado en que conste como obxecto a realización da actividade) e da documentación acreditativa dos pagamentos (considerarase gasto realizado o que foi efectivamente pagado con anterioridade a data límite de xustificación).

3. No caso de adquisición de material inventariable ou prestación de servizos tecnolóxicos por empresas de consultoría ou asistencia técnica por importe superior a 12.000 euros, deberán achegarse as tres ofertas de diferentes provedores. Será necesaria unha memoria xustificativa cando a elección non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

Non obstante, cando o/a solicitante pertenza a algunha universidade galega, centro tecnolóxico de carácter público ou centro de investigación público, deberá presentarse a documentación a que fai referencia o parágrafo a) e o parágrafo b)1 e b)3 e unha certificación emitida pola Intervención ou órgano que teña atribuídas as facultades de control da toma de razón en contabilidade.

c) Unha declaración responsable doutras axudas que financiarán a actividade subvencionada, indicando en todo caso o seu importe e procedencia.

d) As institucións sen ánimo de lucro presentarán, no caso de que non o fixesen no momento da presentación da solicitude, copia cotexada da escritura pública de constitución e dos estatutos da asociación ou entidade que formula a solicitude.

e) Certificación expedida pola entidade bancaria en que se sinale o número de conta do/a beneficiario/a onde se deba realizar o pagamento.

2. Data límite de xustificación.

A data límite de xustificación será o 30 de novembro de 2010.

Transcorrido o prazo indicado sen que o/a beneficiario/a presentase a documentación solicitada requiriráselle para que a presente no prazo improrrogable de dez días. A falta de presentación no prazo establecido neste parágrafo comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia. A presentación da xustificación neste prazo adicional non eximirá o/a beneficiario/a das sancións que, conforme a lei, correspondan.

Artigo 18º.-Pagamento.

Con carácter xeral, o aboamento da subvención farase efectivo da seguinte forma:

a) Inicialmente, en concepto de anticipo, aboarase un 50% do importe total da subvención concedida. De conformidade co artigo 65.4 parágrafos c), f) e g) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, quedan exonerados da constitución de garantía os posibles beneficiarios desta subvención recollidos no artigo 3 das bases reguladoras desta orde.

b) O importe restante, unha vez rematado o proxecto subvencionado e xustificados os gastos realmente efectuados de acordo co establecido nesta orde de convocatoria.

Sen prexuízo do anterior os órganos competentes da consellería, antes de proceder ao seu pagamento, poderán solicitar as aclaracións ou informes que estimen oportunos para verificar o cumprimento da actividade subvencionada.

Artigo 19º.-Incumprimento, reintegros e sancións.

1. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, de ser o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no artigo 38 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Aos/ás beneficiarios/as das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV, infraccións e sancións administrativas en materia de subvencións, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións da Galicia.

Artigo 20º.-Control.

1. A Consellería de Economía e Industria poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das actividades subvencionadas.

2. Alén do anterior, as subvencións estarán sometidas as funcións de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións da Galicia.

Artigo 21º.-Publicidade.

No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución da concesión publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, beneficiario/a, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

Non obstante o anterior, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web da Consellería de Economía e Industria.

Artigo 22º.-Remisión normativa.

Para todo o non previsto nestas bases observarase o previsto no Marco comunitario sobre axudas estatais de investigación e desenvolvemento e innovación (2006/C 323/01), na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións da Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento que a desenvolve, e no resto de normativa que resulte de aplicación.

Ver referencia pdf "14200D002P028.PDF"

Ver referencia pdf "14200D003P041.PDF"